Manifesto da Resistência Galega

O Manifesto da Resistência Galega é un documento publicado orixinalmente na rede, no sitio web Brasil Indymedia, en 2005, ao que aluden diferentes persoas para reivindicar accións violentas de loita independentista galega de esquerdas.


Manifesto pola Resistência Galega       Anónimo       2005
 


Publicamos un manifesto da Resistência Galega ante o Día da Patria Galega a celebrar o 25 de xullo. Avante a loita popular galega pola Liberación nacional e social da Galiza.


Falarmos de nación galega significa fundamentalmente termos a vontade e a determinación colectiva para facermos valer o noso dereito a existir como pobo, sen inxerencias nin dependencias, preservando e gabándonos da nosa identidade.

Somos nación na medida que pelexamos, para sermos o que queremos ser, nin máis nin menos, e alimentamos con feitos e non só con palabras e bos desexos a existencia dunha subxectividade colectiva, formada por cidadáns e cidadáns libres nunha Galiza soberana que constrúe xeración tras xeración unha urdime e tradición de loita.

As cidadás e cidadáns galegos, o pobo galego, non somos un concepto abstracto, un ente metafísico constituído por inspiración divina. A identidade nacional fórxase sempre nun tempo histórico e nun espazo territorial en presenza de catalizadores socioeconómicos, políticos e ambientais.

Cando aceptamos con resignación que as nosas fillas e os nosos fillos se españolicen e imbecilicen nas escolas e liceos, cando acatamos resignadamente que se desmantele a nosa economía produtiva e agraria, facéndonos máis dependentes; cando aceptamos como unha praga bíblica que o noso País se queime tódolos anos, se converta nunha xigante granxa de eucaliptos e muíños de ferro e periodicamente a nosa riqueza produtiva e ambiental sexa arrasada por mareas negras, cando aceptamos pasivamente que se especule co chan e grande parte do territorio se converta nun deserto poboacional; cando aceptamos impasibelmente que se saqueen os nosos recursos enerxéticos; cando aceptamos que as traballadoras e traballadores galegos, artífices de toda a riqueza social que gozamos, continúen privados da propiedade dos medios de produción e das decisións político-económicas que se toman no País; cando aceptamos que boa parte da nosa mocidade traballadora fuxa á emigración; cando aceptamos submisos que as institucións de poder españolas nos impoñan vasalaxes, regras, pautas e valores, verdades e mentiras... Cando aceptamos resignadamente todas estas cousas estamos renunciando a sermos cidadáns libres, pobo galego; renunciamos a exercer como nación.

Non imos descobrir agora aquí a situación actual do noso País. É sabido por case todas e todos o paradoxo de que nunca como hoxe houbo tanta información e un acceso tan veloz á mesma e, pola contra, nunca tan ameazada estivo a nosa capacidade volitiva. A normalidade democrática española é un feito histórico que administra a nosa morte como nación, impedindo que as necesidades se convertan en realidades, frustrando historicamente o desexo e a necesidade de soberanía a través da retórica, o burocratismo, a legalidade imposta e o happening. Ou se redobran neste tempo de crise nacional prolongada as políticas de resistencia a esta indolencia, a esta agonía doce, a esta consumición case pracenteira que vive unha parte do noso Pobo ou, como dice o refrán, tarde piamos.

Non imos dogmatizar sobre que políticas de resistencia son as boas e cales as malas. Facelo sería incorrecto e empobrecería o tipo de respostas que esixe unha situación política e social complexa nun proceso aberto de liberación nacional e social como o noso. A resistencia cultural, a resistencia económica, a resistencia estritamente política e a resistencia ilegal, nun senso amplo, son todas pertinentes e necesarias. Aqueles e aquelas que se enchan a boca con condeas, con absolutismos, con dogmatizacións estériles en torno aos métodos de loita e as formas de resistencia, xa for para desprezar as intervencións culturais e socio-políticas ou para anatemizar as accións ilegais e/ou de violencia política, están fanando irresponsabelmente as posibilidades de loita e condenando ao noso País ao fatalismo e á frustración eterna.

Chegou a hora de que o nacionalismo galego, con todas as suas familias e subfamilias, grupos e subgrupos, comprenda que ningunha forma de resistencia é anuladora das outras. Só desde unha análise dogmática da complexidade social e patrimonializadora da actividade política se pode desexar ver ao noso pobo desarmado material e subxectivamente.

Na Galiza, desde 1974, unha parte do nacionalismo galego comprendeu a necesidade de implementar formas de resistencia nacional de carácter ilegal e de violencia política ante un marco xurídico-político pechado e dogmático que imposibilita a voz soberana para a nosa nación. O universalmente proclamado dereito de autodeterminación dos pobos é negado expresamente na constitución española. O Estado español negando a Galiza a decisión sobre o seu propio futuro nega un dos elementos primarios de calquera relación política democrática. E os dereitos políticos básicos, a democracia política, non se esmolan. Conquístanse.

Non é posíbel falar de democracia para Galiza no entanto non se satisfagan as mínimas condicións de liberdades e dereitos básicos: as que pasan polo recoñecemento explícito da autodeterminación e pola plena potestade para erguermos un outro modelo social alicerzado nos intereses e necesidades das maiorías traballadoras.

O independentismo galego entendeu sempre esta necesidade de implementar formas de intervención política ilegal como parte dun universo político e social moito máis amplo. Este independentismo entende que o exercicio da violencia política en si mesma non outorga credenciais de nada, nin converte a quen a practica en máis puro ou máis nacionalista. Agora ben, tampouco podemos deixar de recoñecer que os militantes nacionalistas que se implican nesta forma de resistencia son tamén unha referencia política importante. Poderíamos dar mil razóns para soster esta aseveración, mais abonda con recoñecer a enorme importancia que ten facerlle fronte aos demoños paralizantes nun pobo acostumado desde moi cedo baixo as armas da represión e a alienación na obediencia e o escapismo.

A historia da violencia política nacionalista na Galiza pasou por dúas grandes etapas. De 1974 a 1993 e de 1995 até hoxe. Estes últimos dez anos, de maneira paralela á edificación dun novo proceso político, fomos partícipes e testemuñas de novas formas de intervención, de reformulacións tácticas e estratéxicas e da incorporación e concatenación por primeira vez na nosa Terra de até tres xeracións de combatentes no mesmo proceso. É un orgullo poder dicir que a chama independentista, en todas as súas frontes, continúa viva, e que sabe rirse desde a acción das directrices de sometemento españolas e do triste nacionalismo de museo de tantos estrategos da mediocridade e a renuncia.

Desde 1995 asistimos a unha nova resistencia galega que utiliza a violencia política como un arma máis de combate no proceso de liberación nacional e social. Neste tempo institucións bancarias, transnacionais, empresas espoliadoras de recursos enerxéticos, forzas de ocupación, proxectos e empresas vencelladas á turistificación, obras públicas agresivas coa Terra, medios de comunicación ao servizo do Estado, partidos políticos españolistas, empresas escravistas, inmobiliarias... foron obxecto dalgún tipo de castigo popular independentista e puxeron en cuestión o mito da docilidade galega.

Unha resistencia sen nomes, nin siglas, nin postas en escena organolépticas. Unha resistencia anónima, como o sufrimento de millares de galegos expropiados, emigrados, explorados e españolizados. Unha resistencia que se espreme a través das súas accións e que se dispón a impedir que os verdugos desta Terra durman tranquilos. A resistencia galega actual non se amolda a formas ríxidas impostas por calquera dogma ideolóxico ou militancia convencional, esforzándose por descubrir na práctica do combate os camiños que vinculen as necesidades máis sentidas do noso Pobo.

Na nova resistencia galega ilegal hai lugar para todos, para todas as modalidades de intervención e todas as variábeis organizativas, sempre e cando foran respectados os intereses e a saúde do pobo traballador galego. De día ou de noite, individual ou colectivamente, con medios tecnolóxicos ou elementos primarios, con explicacións públicas ou sen elas, encadrados en estruturas estábeis ou desde a rabia, o conflito ou os ataques ocasionais, os inimigos da Galiza deben ser fustigados en todo lugar e circunstancia. Ninguén debe agardar a que o chamen á porta, nin delegar responsabilidades. Se algo demostrou a nova resistencia galega ao longo destes últimos dez anos é que os medios nunca son un impedimento irresolúbel se hai vontade de loitar e reservas de imaxinación e creatividade.

A nova resistencia galega está aprendendo a esquecer os protagonismos, tanto persoais como organizativos; non cre en vacas sagradas e santuarios, nin en mitos mortos ou vivos. O relevante non é quen bate senón en quen se bate. O relevante non é quen organiza nin o grao de organización, senón o certeiro das accións e o fortalecemento da loita. A resistencia galega é xa un incipiente fenómeno social, medrando con cada acción levada a cabo no País, para converterse nun río fecundo. Sinala ante o Pobo aos inimigos irreconciliábeis da Galiza e a natureza radical e ilexítima da opresión.

Desde aquí facemos un chamamento a todos os nacionalistas galegos a sumarse á resistencia galega coa súa forza, imaxinación e determinación.

VIVA A RESISTENCIA GALEGA
VIVA GALIZA CEIBE E SOCIALISTA
ANTES MORTOS QUE ESCRAVOS

Ligazóns externas

editar
  • Manifesto da Resistência Galega - Páxina onde apareceu por vez primeira o manifesto. O manifesto orixinal está escrito en galego con normativa reintegracionista.