Á entrada do Señor Arsibispo cando viña do seu desterro de Mahón


Á entrada do Señor Arsibispo cando viña do seu desterro de Mahón. Cantábase na porta de San Roque en Santiago       Xoán Manuel Pintos       1844
 



Intr.-Ende ben. Ás boas horas.
Xa baixou de Santa Crara.
Tereixa, tom’as ferreñas,
Rosiña, o pandeiro e canta.
5 Canc.-Nenas do Sar e Sarela
¿tendes vergonza na cara?
¿Deixades a vosa lingua,
nosa, tenra e compasada?
Non nasín n’Andalusía
para cantar sevillanas;
nas ribeiriñas do Tambre
aprendín o talalala.
Víndevos, meu Arsibispo,
víndevos, miñas entrañas.
¡Malpocado! ¡que fraquiño!
¿Donde vai a vosa barba?
¿Donde vai aquel corpiño
direito como unha cana?
¿Calmeades, meu amor?
¿Achumbades, miña alma?
Meu garridiño, ¿quen foi
o que vos rapou a cara?
¿Quen vos quitou a madeixa
daqueles fíos de prata?
Olliños de carabel,
cara de rosa gaiada,
¿vindes asado do sol,
frixíronvos na sartaña?
N’ é moito que así veñás
si alá na terra queimada
estuvestes ben pretiño
das areas da mouraima.
¡Ah xudíos, demos negros,
casta vil e condenada!
¿Non tiñás dor en prendelo?
¿Quen o prendeu non tembraba?
¡Ai, qué día para min
cand’oín o que pasara,
que mo contou unha pesca
do Son, que viña da prasa
de Santiago, a donde fora
cunhas folliñas curadas
e sentouse xunt’a min
que estaba ca cara baixa,
lavando unhas caramuxas
que pola mañán comprara!
Contoumo todo chorando,
sin faltarlle nada, nada,
qu’ íbades nunha litera
coa porta ben fechada,
os soldados a redor,
todos ca boca tapada.
A rúa limpa de todo,
sin que bulise unha palla,
só un chas ben a miúdo
dos cabalos coas patas.
A tal oír ¡miña Virxe!
eu pensei que me voaba
o sentido e por un pouco
asta me quedei sin fala.
Maldisín, chorei, caín;
batín a testa nas laxas,
arrinquei os meus cabelos,
rabuñei a miña cara.
Adiós, queridiño, adiós,
non che vexo máis...berraba.
Adiós...pero ¿que relembro
cravándovos as entrañas?
Hoxe é día d’ alegría;
basta de tristina, basta.
Non choredes...e ¿chorades?
Non choredes que vos mata.
Mirá para nós tenriño,
mirá par’ as nosas bailas.
Mirá os gaiteiros...¿non vedes?
vaia, alegravos, ¿non basta?
Vinde par’ a vosa Igresia
qu’inda bagulla enloitada;
¡tanto chorou a probiña
e ninguén a consolaba!
Así que vos vexa o Santo
na súa silla dourada
veredes con qué risiña
vos mira, bendís e fala.
Moitas cousas vos dirá;
moitas máis vos ten gardadas.
Habelo de ver tronar;
é fillo do trono, e basta.
Tende pasiensia. Esperá.
Aínda a hora n’ é chegada;
o mundo pensa qu’ é solo
e noso Señor traballa.
Asta aquí cantei de máis:
ó a vós pido unha paga:
perdoná tanta conversa,
qu’o ben querer nunca cala.
Si en cantar non teño sal
en querer non dou a palma
pero acordavos que en Noia
a sardiña n’é salgada.
Para outra ves que me cadre
unha mareixiña mansa
irei á creba, si roubo
á Sirena unha melada.


Notas editar

1. Refírese ao arcebispo Rafael de Vélez (1777-1850).


Bibliografía editar