Bando de carga e descarga de mercadorías e servizos no centro histórico de Pontevedra

D. Miguel Anxo Fernández Lores

Alcalde- Presidente do Concello de Pontevedra

FAI SABER:

Que no Centro Histórico de Pontevedra téñense adoptado unha serie de medidas que culminaron na súa declaración como zona de absoluta preferencia peonil levada a cabo mediante Bando de 7/08/99, de xeito que se priorizou o tránsito das persoas en detrimento da saturación automobilística, todo isto coa finalidade acadada de recuperar este espazo para o disfrute da cidadanía, fomentar a convivencia e socialización a escala humana e a promoción turística, coas conseguintes repercusións traducidas en melloras socioeconómicas.

Naquel intre, dispúxose unha regulación das operacións de carga e descarga moi ampla e irrestrita, como unha das excepcións á referida peonalización, mais a experiencia acumulada nestes últimos anos aconsella que se proceda a unha nova regulación mais acaída das operacións de carga e descarga no Centro Histórico de Pontevedra, mediante o establecemento dunhas limitacións horarias, semellantes ás establecidas con carácter xeral no Bando de carga e descarga de 8/04/98, se ben coas debidas adaptacións ás peculiaridades da zona, coa finalidade de evitar certos problemas e disfuncións provocados por casos illados de abuso reiterado nas referidas operacións, que están a incidir negativamente nos obxectivos da peonalización.

Deste xeito, a teor do art. 25.2.b da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de bases do réxime local, que establece a competencia do municipio en materia de ordenación do tráfico nas vías urbanas, do art. 7.b del Real Decreto Legislativo 339/90, de 2 de marzo, que aproba o Texto Articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial que atribúe ao municipio a regulamentación mediante Ordenanza dos usos das vías urbanas, -facendo compatible a equitativa distribución dos aparcamentos entre todos os usuarios coa necesaria fluidez do tráfico rodado e co uso peonil das rúas-, e dos arts. 64 de 67 da Ordenanza Municipal Reguladora da Circulación nas vías urbanas do municipio, 4 de outubro de 1989 (BOP nº 302, de 20/12/1989) que dispoñen a posibilidade de que a Autoridade Municipal, mediante a publicación do correspondente bando, poida establecer e sinalizar zonas para a realización das operacións de carga e descarga, as horas nas que se poderá efectuar, así como limitar estas operacións de carga e descarga e, tendo en conta que a competencia para dictar bandos venlle atribuida a esta Alcaldía consonte os artigos 124.4.g da lei 7/1985, na redacción conferida pola Lei 57/2003 de medidas para a modernización do Goberno Local e 13.2.g do Regulamento orgánico do goberno e administración do Concello de Pontevedra (B.O.P. nº 248 de 28/12/2005), no exercizo das atribucións que ten conferidas e consonte á proposta formulada polo Tte. Alcalde Delegado da área de protección cidadá,

DISPÓN:

Primeiro.- Que as operacións de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico deste Concello, declarado conxunto histórico artístico, levaranse a cabo de conformidade co disposto no artigo 16 do Regulamento Xeral de Circulación, aprobado por Real Decreto 1428/03, de 21 de novembro, e coa estricta observancia das normas establecidas no artigo 63 da Ordenanza Municipal reguladora da circulación nas vías urbanas do municipio, con medios suficientes para acada-la máxima celeridade e procurando evitar ruidos e molestias innecesarias, quedando prohibido deposita-la mecadoría no viario desta zona peonil, incluindo expresamente a efectos deste bando as seguintes vías perimetrais do conxunto histórico: praza da Peregrina, Michelena, Praza de España, Arcebispo Malvar, Valentín García Escudero, Serra, Padre Amoedo e treito de Benito Corbal.

Segundo.- Que as devanditas operacións deberán efectuarse os días laborabeis entre as 8 e as 12 horas e as 16 a 18 horas, poidendo autorizarse por esta administración municipal, excepcionalmente, e mediante solicitude motivada por escrito, a realización destas actuacións fóra das horas sinaladas, sempre que non resultara posible efectualas dentro da marxe horaria establecida.

Terceiro.- Que cada vehículo disporá dun máximo de 30 minutos por estacionamento para a execución das operacións de carga e descarga.

Cuarto.- As dimensións, tamaño da carga e peso dos vehículos que poden utilizarse para os traballos de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico, deberán observar o disposto ao respecto nas disposicións de carácter xeral e na Ordenanza municipal reguladora da circulación nas vías urbanas, lembrando que non poderán emplearse vehículos cuxo peso máximo autorizado (p.m.a) exceda 3,5 toneladas nin sobrepasar a velocidade de 20 km/h.

Quinto.- Os servizos de transporte de mercadorías por parte de comerciantes e profesionais do centro histórico en calquera clase de vehículos propios debidamente acreditados polo Concello quedan equiparados ás operacións de carga e descarga en canto ós días, horario, tempo máximo de duración e as restantes limitacións establecidas nos puntos anteriores.

Sexto.- Excepcionalmente, en función do tipo de establecemento e mercadorías que comercialice poderanse habilitar autorizacións especiais a vehículos debidamente equipados para a realización de servizos a domicilio dende establecementos comerciais situados no eido do centro histórico que non terán as limitacións establecidas para a carga e descarga.

Sétimo.- Quedan fora das limitacións anteriores tanto os servizos públicos como as emerxencias. Tampouco terán limitación horaria os servizos particulares de residentes tales como o transporte de vultos non susceptibles de ser levados manualmente, transporte de persoas con dificultades de mobilidade etc. ó igual que os servizos de mensaxería, transporte de comida rápida, subministros a farmacias e acceso a hoteis que en todo caso terán unha duración máxima de dez minutos.

Oitavo.- O presente bando entrará en vigor ás 8,00 horas do día 1 de decembro do 2006, debendo procederse á publicación do seu texto íntegro nos medios de comunicación social e no Taboleiro de Anuncios do Concello, así como á instalación da sinalización axeitada por parte da Brigada Municipal competente.

Así o dispuxo o Excmo. Sr. Alcalde en Pontevedra o 15 de novembro de 2006, ante o Secretario da Administración Municipal que dá fé do presente acto.
O Alcalde Miguel Anxo Fernández Lores
O Secretario da Admón. Municipal José Carlos Castiñeiras Piñeiro


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."