Wikisource:Texto destacado/Contos da miña terra: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Nova páxina: "<center>'''''Contos da miña terra''. — Autor:Rosalía de Castro'''. 1864.</center> {{Prose}} Un día de inverno ó caer d'a tarde, dous amigos qu'eran amigos des..."
 
(Sen diferenzas.)

Revisión actual feita o 10 de marzo de 2020 ás 21:00

Contos da miña terra. — Rosalía de Castro. 1864.


Un día de inverno ó caer d'a tarde, dous amigos qu'eran amigos desd'a escola, e que contaban d'anos o maldito número de tres veces dez, camiñaban a bon paso un sobre unha mula branca, gorda e de redondas ancas, y-outro encima dos seus pés, que non parecían asañarse das pasadas lixeiras que lle facía dar seu dono.

O da pé corría tanto com o de acabalo que vendo o sudor que lle corría ó seu compañeiro po-la frente y-as puntas dos cabelos díxolle:

—¿E tí, Lourenzo, por qué non mercas un come-toxos que te leve e te traya por estes camiños de Dios? que esto de andar leguas a pé por montes e areales é bó pro'os câs.

—¡Come-toxos! Anda e que os monten aqueles pra quen se fixeron que n'é Lourenzo. Cabalo grande, ande ou non ande, e xa que grande n'o pode ter, sin él me quedo e sírvome dos meus pés que nin comen, nin beben, nin lle fan menester arreos.

—Verdade é que o teu modo de camiñar é mais barato que ningún ¡negro de min! que hora teño que pagar o portasgo solo porque vou en besta, e non coma ti, nestes pés que Dios me dou. Pro... así como así, gusto de andar as xornadas en pernas alleas pra c'as de un non cansen, e xo dixen: debías mercar un farroupeiro pra o teu descanso. Mais tí fas coma o outro, oxe o gano, oxe o como, que mañán Dios dirá. Nin tes arrello, nin cousa que o valla; gústanche os virvirichos y-as virviricheiras, o viño do Riveiro e fas ostras do Carril ¡Lourenzo!, debías casarte que ó fin o tempo vay andando, os anos corren, e un probe de un home faise vello e cróbese de pelos brancos antes de que poida ter manta na cama, e aforrar pra un-ha ocasión; e esto, Lourenzo, non se fay sin muller que teña man da casa e garde o diñeiro que un gana.

—Boy solto, ben se lambe.

—¡O vento! esas sonche faladurías. ¿O derradeiro, pra que os homes naceron si non é pra axuntarse cas mulleres, fillo da tua nay? (Lourenzo tuse). Seica te costipaches co resío da serán, malo de tí. (Lourenzo volve a tusir). Lévemo Dios si n'e certo, e tanto non tusiras si ora viñeras a carrancha perna enriva de un farroupeiro.