Constitución española de 1978: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Fryant (conversa | contribucións)
Fryant (conversa | contribucións)
Liña 810:
 
 
 
 
==Disposicións transitorias==
'''Primeira'''
 
Nos territorios dotados dun réxime provisional de autonomía, os seus órganos colexiados superiores, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros, poderán substituí-la iniciativa que o apartado 2 do artigo 143 lles atribúe ás deputacións provinciais ou ós órganos interinsulares correspondentes.
'''Segunda'''
Os territorios que no pasado plebiscitaron afirmativamente proxectos de estatuto de autonomía e conten, no intre de se promulgar esta Constitución, con réximes provisionais de autonomía poderán proceder inmediatamente na forma que se prevé no apartado 2 do artigo 148, cando así o acorden, por maioría absoluta, os seus órganos preautonómicos colexiados superiores, comunicándollo ó Goberno. O proxecto de estatuto será elaborado de acordo co establecido no artigo 151, número 2, por convocatoria do órgano colexiado preautonómico.
'''Terceira'''
A iniciativa do proceso autonómico por parte das corporacións locais ou dos seus membros, prevista no apartado 2 do artigo 143, enténdese diferida, con tódolos seus efectos, ata a celebración das primeiras eleccións locais unha vez vixente a Constitución.
'''Cuarta'''
 
1. No caso de Navarra, e para efectos da súa incorporación ó Consello Xeral Vasco ou ó réxime autonómico vasco que o substitúa, en lugar do que establece o artigo 143 da Constitución, a iniciativa correspóndelle ó órgano foral competente, que adoptará a súa decisión por maioría dos membros que o compoñen. Para a validez da citada iniciativa será preciso, ademais, que a decisión do órgano foral competente sexa ratificada por referendo expresamente convocado para o efecto, e aprobado por maioría dos votos válidos emitidos.
2. Se a iniciativa non prosperase, esta só se poderá reproducir en distinto período de mandato do órgano foral competente e, en todo caso, cando xa transcorrera o prazo mínimo que establece o artigo 143.
'''Quinta'''
As cidades de Ceuta e Melilla poderanse constituír en comunidades autónomas se o deciden así os seus respectivos concellos, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros e se o autorizan tamén así as Cortes Xerais, mediante unha lei orgánica, nos termos previstos no artigo 144.
'''Sexta'''
En caso de se remitiren á Comisión Constitucional do Congreso varios proxectos de estatuto, dictaminaranse pola súa orde de entrada nela, e o prazo de dous meses a que fai referencia o artigo 151 empezará a contar desque a Comisión remate o estudio do proxecto ou proxectos dos que sucesivamente fose tendo coñecemento.
'''Sétima'''
Os organismos provisionais autonómicos consideraranse disoltos nos casos seguintes:
a) Cando estean constituídos os órganos que establezan os estatutos de autonomía aprobados conforme esta Constitución.
b) No caso de que a iniciativa do proceso autonómico non chegara a callar por non cumprir tódolos requisitos previstos no artigo 143.
c) Se o organismo non exerceu o dereito que lle recoñece a disposición transitoria primeira no prazo de tres anos.
'''Oitava'''
1. As cámaras que aprobaron a presente Constitución asumirán, trala súa entrada en vigor, as funcións e competencias que se sinalen nela tanto para o Congreso coma para o Senado, sen que en caso ningún o seu mandato se estenda máis aló do 15 de xuño de 1981.
2. Conforme o establecido no artigo 99, a promulgación da Constitución considerarase como suposto constitucional no que procede a súa aplicación. Para isto, e a partir da devandita promulgación, abrirase un período de trinta días para a aplicación do disposto no citado artigo. Neste período, o actual presidente do Goberno, que asumirá as funcións e competencias que para ese cargo establece a Constitución, poderase decidir pola utilización da facultade que lle recoñece o artigo 115 ou dar paso, por medio da dimisión, á aplicación do establecido no artigo 99, quedando no derradeiro caso na situación prevista no apartado 2 do artigo 101.
3. No caso de se disolver, conforme o previsto no artigo 115, e de non desenvolverse legalmente o previsto nos artigos 68 e 69, serán aplicables nas eleccións as normas vixentes con anterioridade, pero coa excepción de que, no que se refire a inelixibilidades e incompatibilidades, se aplicará directamente o previsto no inciso segundo da letra b) do apartado 1 do artigo 70 da Constitución, e igualmente o disposto nela con respecto á idade para o voto e o establecido no artigo 69.3.
'''Novena'''
Ós tres anos de elixidos por primeira vez os membros do Tribunal Constitucional procederase a sortes á designación dun grupo de catro membros da mesma procedencia electiva entre os que teñan que cesar e renovarse. Só no que a isto se refire, consideraranse agrupados como membros da mesma procedencia os dous designados por proposta do Goberno e os dous que proceden da formulada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Procederase de igual xeito unha vez transcorridos outros tres anos entre os dous grupos non afectados polo sorteo anterior. A partir de entón seguirase o establecido no número 3 do artigo 159.