Estatuto de Galicia de 1936

Esta páxina forma parte dos Documentos históricos contidos en Wikisource.


Véxase tamén: Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.



Estatuto de Galicia de 1936


Que a Asemblea Rexional de Concellos
celebrada en Santiago de Compostela
durante os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932,
acordou propoñer á votación dos electores,
conforme ó artigo 12 da Constitución.


Índice

Preliminar.


Poder rexional.


Atribucións da Rexión.


Facenda rexional.


Disposicións xerais.


Réxime transitorio.


TÍTULO I[1]

PRELIMINAR


    Artigo 1.º     Galicia organízase como rexión autónoma no Estado español, consonte a Constitución da República e o presente Estatuto.

    O seu territorio é o dos municipios comprendidos dentro dos actuais límites administrativos das catro provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.


    Art. 2.º     Poderá agregarse a Galicia calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establezan.


    Art. 3.º     Para os efectos deste Estatuto, consideraranse galegos: os que o sexan por natureza e non adquirisen veciñanza administrativa noutro territorio da República, e os demais españois que gañen veciñanza en Galicia.

    Os dereitos individuais serán en Galicia os definidos pola Constitución da República.

    Os españois non comprendidos no primeiro parágrafo deste artigo, terán en Galicia iguais dereitos que os que teñan os galegos no resto do territorio español.


    Art. 4.º     Serán idiomas oficiais en Galicia, o castelán e o galego; pero nas relacións oficiais da Rexión con autoridades doutras Rexións e coas do Estado, usarase sempre o castelán.

    Todo escrito que se presente a Tribunais e Autoridades redactado en galego, será reproducido en castelán cando o pida a parte interesada; e farase o mesmo en canto a resolucións e notificacións de todas clases.

    As copias de documentos redactados en lingua rexional, que os fedatarios expidan en castelán, ben por instancia de parte ou ben porque produzan efectos fóra de Galicia, deberán conter tamén o texto galego.

    Os funcionarios que se designen para actuar na Rexión deberán acreditar coñecemento da lingua galega.


TÍTULO II

PODER REXIONAL


    Art. 5.º     As atribucións recoñecidas a Galicia neste Estatuto, serán exercidas por unha Asemblea lexislativa, polo Presidente da Rexión, e por un órgano de goberno que se denominará Xunta de Galicia; ou polo Pobo directamente actuando en calquera das formas que establecen os artigos 6.º e 10 deste título. A función xudicial será exercida por Xurados, Xuíces e Tribunais, consonte o que as súas leis orgánicas determinen.


    Art. 6.º     A Asemblea compoñerase de Deputados elixidos por sufraxio universal, igual, directo e secreto, de acordo cun sistema de representación proporcional, e para un período de tres anos.

    Reunirase, sen que sexa precisa convocatoria especial, os días primeiro de abril e primeiro de outubro de cada ano, e, ademais, con carácter extraordinario, nos casos que sinale a súa lei orgánica, sen que poida ser suspendida nas súas funcións.

    Os deputados da Asemblea, gozarán de inmunidade polos votos e polas opinións que emitan no exercicio do seu cargo; e o seu mandato poderá ser revogado polos electores mediante os requisitos que estableza unha lei especial.


    Art. 7.º     O Presidente da Rexión asumirá a representación de Galicia para todos os efectos; e a do Estado nas funcións cuxa execución directa lle corresponda a este.

    Será elixido por votación popular, directa e secreta, para un período de catro anos, e poderá ser reelixido na mesma forma para outro período igual. Ao rematar este segundo mandato, non será elixible ata que transcorran catro anos máis.

    Nos casos en que quedar vacante a Presidencia, asumirá provisoriamente as súas funcións o Presidente da Asemblea, a quen substituirá o Vicepresidente desta, e, dentro do prazo de dous meses, deberá procederse á elección presidencial.


    Art. 8.º     A Xunta de Galicia compoñerase do número de membros que a Asemblea determine. O Presidente da Rexión nomeará e separará libremente o Presidente da Xunta e, por proposta deste, os seus membros. Deberá separalos no caso de que a Asemblea lexislativa lles negar, explicitamente, a súa confianza.


    Art. 9.º     O Presidente de Galicia, poderá disolver a Asemblea, por unha soa vez durante o seu mandato, mediante decreto motivado, e convocando, asemade, novas eleccións, que haberán realizarse dentro do prazo de sesenta días. De estimar a nova Asemblea, por maioría absoluta, improcedente o decreto de disolución, considerarase rematado o mandato presidencial.

    Cando a Asemblea, polo voto das súas tres quintas partes, declarase a súa incompatibilidade co Presidente, este cesará nas súas funcións, e someterase o devandito acordo á decisión do corpo electoral dentro do prazo de trinta días. Se o resultado for contrario ao acordo, o Presidente recobrará inmediatamente as súas funcións e a Asemblea quedará disolta; noutro caso, deberá procederse a nova elección presidencial no termo de dous meses.


    Art. 10     Toda lei votada pola Asemblea será sometida a <<referendum>> popular, cando o soliciten, dentro dos trinta días seguintes á súa votación, un número de electores non inferior ao quince por cento dos comprendidos no censo.

    A Asemblea queda obrigada a deliberar sobre calquera proposición de lei que formule perante esta igual número de electores.


    Art. 11     O Presidente da Rexión e mais o Presidente e os demais membros da Xunta de Galicia, serán responsables, civil e criminalmente, perante o Tribunal de Garantías da República, polas infraccións da Constitución, deste Estatuto e das leis.


    Art. 12     Para os efectos deste título, unha lei especial da Rexión determinará a división electoral do seu territorio sen contradicir a lexislación do Estado, e regulará a forma en que os galegos residentes no estranxeiro, que non perdesen a condición de españois, poderán estar representados na Asemblea.


    Art. 13     A Administración de Xustiza poderá ser organizada pola Rexión, agás nas ordes militar e da Armada, de conformidade cos preceptos da Constitución e as leis procesuais e orgánicas da República; e así mesmo será da súa competencia a determinación das demarcacións xudiciais de toda orde dentro do territorio galego.

    A Rexión nomeará os Xuíces e Maxistrados en toda a xurisdición de Galicia, mediante concursos entre os funcionarios da escala xeral do Estado.

    Correspóndelle, tamén, o nomeamento de Xuíces municipais mediante o réxime que por unha lei se estableza, e o de secretarios e auxiliares da Administración de Xustiza, consonte as leis da República.

    A Audiencia territorial de Galicia, por medio dunha Sala especial, coñecerá dos recursos de casación nos asuntos referentes ao dereito foral; e outra Sala desta, composta por Maxistrados procedentes da carreira xudicial e altos funcionarios da Administración galega, resolverá, en última instancia, os recursos contencioso-administrativos que se promoveren por aplicación do dereito rexional. Os conflitos de xurisdición entre autoridades xudiciais, administrativas e contencioso-administrativas dependentes do Poder rexional, serán resoltos polo Presidente da Rexión, logo de informe dos organismos superiores destas xurisdicións entre as que se formule a contenda xurisdicional.


TÍTULO III

ATRIBUCIÓNS DA REXIÓN


    Art. 14     Correspóndelle á Rexión galega:

    a) A organización e o réxime local de Galicia, sobre as bases de recoñecemento de personalidade xurídica á parroquia rural e plena autonomía do Municipio; e a división do territorio para os devanditos efectos.

    b) A lexislación civil galega, que poderá comprender todas as materias non reservadas ao Estado no artigo 15 da Constitución.

    c) A adaptación do Rexistro da Propiedade e da función notarial en Galicia, sen contradicir os principios que informan a lexislación xeral.

    O nomeamento de Notarios será feito pola Rexión mediante oposición ou concurso convocados por esta e axeitados ás leis da República. A eles serán admitidos todos os funcionarios do Corpo con iguais dereitos, pero dándolles preferencia aos que acrediten máis perfecto coñecemento da lingua e do dereito rexionais.

    Os Rexistradores da Propiedade que nomee o Estado para servir en Galicia, deberán acreditar coñecemento das leis da Rexión, ademais do que preceptúa o derradeiro parágrafo do artigo 4.º deste Estatuto.

    d) O réxime agrario; a creación de institucións autónomas para a execución da súa reforma; e a ordenación e o fomento de Montes, Agricultura e Gandaría, sen prexuízo das bases mínimas de defensa da riqueza e coordinación da Economía xeral, reservadas ao Estado.

    e) A adaptación da lexislación do Estado, e a execución, no que este non reserve para si, respecto da Minaría, a Caza, a Pesca e o réxime de Augas e os seus aproveitamentos.

    f ) O turismo; a conservación de Monumentos, e a defensa do Patrimonio artístico e cultural de Galicia, o cal non poderá ser alleado, nin levado fóra da Rexión.

    g) A adaptación e a execución do réxime de augas mineiro-medicinais, e a súa inspección.

    h) As obras públicas e as concesións de todas clases de interese rexional; e a execución, logo de convenio especial co Estado, das comprendidas no parágrafo 6.º do artigo 15 da Constitución que aquel non reserve para si.

    i) O réxime do transporte por estradas, camiños veciñais e vías fluviais e mais a condución de enerxía eléctrica, dentro da Rexión.

    j) A execución dos servizos de aviación civil e de radiodifusión, agás o dereito do Estado a coordinar os medios de comunicación en todo o país e a inspeccionar os que Galicia estableza.

    k) O réxime, de Cooperativas, Mutualidades, Sindicatos, Pósitos, Previsión Social, Aforro e Crédito, agás o disposto no artigo 15 da Constitución.

    l) O dereito de expropiación e o de socialización de riquezas naturais e empresas económicas, con suxeición ás alíneas 11 e 12 do artigo 15 da Constitución.

    ll) O desenvolvemento das bases mínimas da lexislación sanitaria do Estado.

    m) O réxime de Fundacións e o de servizos de Asistencia social, en todas as súas formas.

    n) Os servizos de Estatística en consonancia coas normas xerais establecidas polo Estado.

    ñ) O réxime xurídico da vivenda.

    o) A execución da lexislación xeral sobre Prensa, Asociacións, reunións e espectáculos públicos.

    p) O establecemento e a ordenación dos servizos de contratación de mercadorías e similares, conforme as normas xerais do Código de Comercio.


    Art. 15     Consonte os artigos 48, 49 e 50 da Constitución, a Rexión poderá crear e rexer establecementos de ensino de todas clases e graos, cuxos certificados de estudos terán validez para obter os títulos académicos e profesionais que expida o Estado, mediante as probas finais e os requisitos que este estableza con carácter xeral.

    Correspóndelle, así mesmo, á Rexión a adaptación, ás necesidades e conveniencia rexionais, da lexislación xeral relativa ao primeiro e segundo ensino e mais ás Escolas normais. Nas Escolas primarias da Rexión e nas do Estado, será obrigatorio o ensino das linguas galega e castelá, e nos Institutos e nas Escolas Normais crearanse as materias de Lingua, Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

    Nos establecementos de ensinanzas especiais do Estado e na Universidade compostelá, a Rexión poderá soster ou subvencionar cátedras e institucións de cultura galega.

    Por proposta da Rexión, o Goberno da República poderá outorgarlle á Universidade de Santiago un réxime de autonomía.

    Corresponderanlle, ademais, á Rexión, os servizos de Arquivos, Bibliotecas e Museos radicados no seu territorio.


    Art. 16     A Xunta de Galicia, e no seu nome un dos seus membros, representará o Goberno central para usar, preventiva e represivamente, dos Corpos de Policía e Seguridade do Estado, e corrixir as deficiencias nos servizos que lles encomende. Nos casos graves e constrinxentes de desorde pública, a Xunta de Galicia poderá suspender as garantías dos dereitos individuais, só no territorio e polo tempo que se consideren precisos para restablecer a normalidade, do que se lle dará conta inmediata ao Goberno da República.

    A representación á que se refire o parágrafo anterior, cesará, temporalmente, ben por pedimento da Xunta ou ben cando o Goberno da República o considere conveniente.

    Correspóndelle, integramente, á Rexión a coordinación e o perfeccionamento dos servizos de Policía urbana e rural.


    Art. 17     Queda a cargo da Rexión galega a organización de todos os servizos que a lexislación social do Estado teña establecidos, ou estableza, para executar os seus preceptos, sen prexuízo da inspección do Goberno. Para tal fin, o Estado pode, ademais, designar en calquera momento, os delegados que coide necesarios.


TÍTULO IV

FACENDA REXIONAL


    Art. 18     Constitúen a Facenda de Galicia:

    a) Os bens de uso público, non municipais, e os privativos do Estado destinados a algún servizo público ou ao fomento da riqueza xeral que, por estaren en territorio galego, quedan transferidos á Rexión a partir da aprobación deste Estatuto, excepto os que sigan afectos a servizos que reserve para si o Estado.

    b) Os dereitos do Estado en territorio galego relativos a minas, augas, caza e pesca, que así mesmo se lle transfiren.

    c) Os bens e os impostos, os dereitos e as taxas das Deputacións galegas; e os que, consonte este Estatuto, poida adquirir e crear a Rexión.

    d) O produto dos impostos que o Estado lle cede, e as participacións e compensacións que lle recoñeza para cubrir o custo dos servizos que por este Estatuto se lle transfiren; e mais

    e) Os bens procedentes de herdanzas intestadas ás que se refire o artigo 956 do Código civil, cando o causante tivese a condición de galego consonte este Estatuto. Estes bens aplicaranse a fins de cultura, beneficencia e fomento na Rexión, ou á extinción de débeda contraída para tales obxectos.


    Art. 19     Non se poderá verificar alleamento de bens da Rexión, emitir empréstitos, crear tributos, nin realizar concesións nin socializacións, senón en virtude de lei rexional; e para allear ou destinar a servizos de carácter privado os bens e os dereitos transferidos á Rexión polo Estado, conforme as alíneas a) e b) do artigo precedente, necesitarase, ademais, autorización do Goberno da República. Os empréstitos públicos para atender necesidades rexionais, non poderán emitirse fóra de España sen autorización das Cortes.

    Unha lei especial determinará, así mesmo, as normas ás que deberá axustarse a administración de toda a Facenda rexional.


    Art. 20     O Estado respectará os actuais ingresos das Facendas locais de Galicia, sen gravar con novas imposicións as bases de tributación daquelas.

    A Rexión poderá crear novas contribucións que non se apliquen sobre os mesmos conceptos que xa tributan en Galicia ao Estado, sempre que se destinen ao perfeccionamento dos servizos actuais ou á creación doutros novos, e poderá darlles unha nova regulación aos seus ingresos sobre as bases de maior xustiza e flexibilidade e dunha máis sinxela administración deles.

    As contribucións ás que se refire o parágrafo anterior, non serán obstáculo para as novas imposicións que, con carácter xeral, cree o Estado, nin para a implantación e o desenvolvemento, de ser o caso, do imposto sobre a renda, o cal lle corresponde a aquel. No caso de incompatibilidade, as devanditas contribucións serán absorbidas polas do Estado, mediante as compensacións que correspondan.


    Art. 21     A determinación do custo dos servizos cedidos á Rexión, efectuarase, cada cinco anos, como segue:

    a) Avaliando o dos que se transfiran, no momento da transmisión, sen excluír os que, por estar centralizado o seu financiamento ou por outra causa, non produzan pagamento en Galicia, ou que o produzan en cantidade inferior ao que a Galicia lle corresponda, e

    b) Agregando ou diminuíndo á cifra que resulte de aplicar a alínea anterior, a que represente o coeficiente medio de aumento ou diminución que experimentasen no quinquenio anterior, os pagamentos efectuados pola República no resto do seu territorio para os mesmos servizos.


    Art. 22     Para compensar a cifra que resulte da avaliación á que se refire o artigo anterior, o Estado cederalle a Galicia, en recadación, administración e regulación:

    1.º A contribución territorial rústica e urbana, coas recargas establecidas sobre ela, e coa obriga de lles aboar aos Concellos as participacións que lles correspondan.

    2.º O imposto sobre dereitos reais, persoas xurídicas e transmisións de bens, coas súas recargas e cos mesmos tipos que fixe o Estado para o resto de España.

    3.º O 20 por 100 de Propios, o 10 por 100 de Pesos e medidas, o 10 por 100 de Aproveitamentos forestais e o canon de Minas (superficie e explotación); e mais

    4.º As participacións e as demais compensacións que, de ser o caso, foren necesarias para cubrir a diferenza entre a contía das contribucións ás que se refiren as tres alíneas precedentes e o custo total dos servizos transferidos.


    Art. 23     Se o Estado emite Débeda, cuxo produto haxa investirse no resto do territorio para crear ou mellorar servizos da clase dos transferidos a Galicia, esta será compensada cunha parte da Débeda emitida proporcional á relación que exista entre a súa poboación e a total de España. En igual forma será compensada a Rexión para atender novos servizos ou funcións que no sucesivo se doten nos orzamentos do Estado para o territorio de réxime común.

    En ambos os casos, a Rexión fixará os servizos que se propón realizar ou mellorar.


    Art. 24     Cada cinco anos, unha Comisión de técnicos nomeados, a iguais partes, polo ministro de Facenda da República e polo Goberno da Rexión, procederá á revisión dos cálculos aos que se refiren os artigos anteriores, e a proposta que formule será sometida á aprobación do Consello de Ministros.

    Tanto os impostos cedidos coma os servizos traspasados á Rexión serán calculados cun aumento ou unha rebaixa igual á que experimentasen uns e outros na Facenda da República.

    Toda outra variación no réxime de cesión de impostos e participacións á Rexión, deberá facela o ministro de Facenda de acordo coa Rexión, e, de isto non ser posible, deberá someterse a reforma á aprobación das Cortes, cuxas decisións requirirán o voto favorable da maioría absoluta.


    Art. 25     A Rexión recadará, por delegación revogable da Facenda da República e co premio que esta teña consignado no orzamento, as contribucións, os impostos e os arbitrios que o Estado deba percibir en Galicia, exceptuando os monopolios e o imposto de Alfándegas e os seus anexos.

    O Tribunal de Contas da República fiscalizará anualmente a xestión rexional, tanto no que se refire aos servizos recadatorios coma á execución dos demais que lle foren encomendados e teñan consignación nos orzamentos xerais do Estado.


    Art. 26     A Rexión poderá fundar, acomodándose aos principios esenciais da lexislación do Estado, un Banco, a través do cal poida organizar todos os seus servizos recadatorios, de Tesouraría, crédito, previsión, etc., ben por medio das súas Axencias, ou ben en relación coas actuais Caixas de Aforro ou institucións análogas, sempre que non sexan de carácter privado.


    Art. 27     Por proposta da Rexión, e como compensación aos prexuízos que para a súa economía representa o actual arancel protector, o Goberno da República desgravará os millos e as forraxes que entren por porto galego para o seu consumo en Galicia como alimento, e mais as materias primas necesarias ás industrias básicas galegas.

    Vixiarase o destino dos artigos desgravados, para que os que sexan destinados a outros empregos, xeren os correspondentes dereitos de percepción.


    Art. 28     O Estado concédelle á Rexión a facultade de intervir, por medio dos seus representantes ou delegados, con carácter permanente, e sen prexuízo das representacións profesionais que correspondan ás entidades galegas, na Xunta de Aranceis e Valoracións, no Consello de Economía nacional, e en cantos organismos se creen para a regulación do comercio de exportación e importación.

    Tamén se admitirá a súa intervención oficial nas organizacións que se establezan para determinar prezos, decretar taxas ou axustar condicións para a distribución e a venda dos produtos agrícolas ou industriais.


TÍTULO V

DISPOSICIÓNS XERAIS


    Art. 29     As cuestións de competencia que se susciten entre as autoridades da República e as da Rexión galega ou entre xurisdicións dos seus respectivos organismos, serán resoltas polo Tribunal de Garantías constitucionais.


    Art. 30     Así mesmo corresponderalle ao Tribunal de Garantías constitucionais resolver as cuestións que se produzan por desacordo entre o Goberno da República e a Xunta de Galicia con motivo da interpretación e a aplicación da lexislación social.

    O Tribunal de Garantías constitucionais, de o estimar preciso, poderá suspender a execución dos actos ou acordos aos que se refira a discrepancia, en tanto non se resolva definitivamente.


    Art. 31     Nos conflitos de competencia e de xurisdición que se suscitaren entre os Tribunais de Xustiza da Rexión galega e os demais Tribunais de España, resolverá o Tribunal Supremo da República.

    Nos recursos non reservados por este Estatuto aos Xuíces e aos Tribunais galegos, entenderá tamén, en casación, o Tribunal Supremo da República.


    Art. 32     Nas materias de competencia rexional, aplicarase, como dereito supletorio, o réxime xurídico do Estado, en canto non se opoña ao sentido da lexislación galega.


    Art. 33     A reforma deste Estatuto, en materias que non afecten a Constitución nin as relacións co Estado, poderá ser feita pola Asemblea galega, mediante unha lei, que será sometida a <<referendum>>.

    Cando a reforma teña maior transcendencia, se a iniciativa parte da Rexión, serán necesarios os seguintes requisitos: a) votación pola Asemblea; b) referendum popular, e c) aprobación polas Cortes da República. E se a iniciativa fose do Estado, requirirase proposta do Parlamento, feita por máis da cuarta parte dos seus compoñentes, e acordo adoptado por maioría absoluta.

    A Asemblea rexional poderá manifestar a súa discrepancia, e en tal caso someterá esta ao referendum do País galego. De resultar o referendum contrario á reforma, será preciso, para que a innovación prospere, que a ratifiquen as primeiras Cortes ordinarias que se elixan despois das que a acordaron.

    Cando haxa desconformidade entre o Estado e a Rexión sobre de se a reforma transcende ou non a Constitución ou as relacións da Rexión co Estado, decidirá o Tribunal de Garantías constitucionais.


TÍTULO VI

RÉXIME TRANSITORIO


    Art. 34     Dentro dos quince días seguintes á promulgación deste Estatuto, o Presidente das Cortes da República convocará os Deputados por Galicia nestas, os cales, reunidos baixo a súa presidencia, elixirán unha Xunta provisoria da Rexión, na que estarán representadas, por igual, as distintas agrupacións políticas ás que actualmente se achan adscritos os Deputados. Cada unha delas terá un representante, e para este efecto considerarase que todos os Deputados independentes constitúen unha soa agrupación.

    A función única desta Xunta será convocar, no prazo dun mes a partir da súa constitución, eleccións xerais para os Deputados que haberán constituír a primeira Asemblea lexislativa galega, que terá carácter constituínte.


    Art. 35     Para a elección desta primeira Asemblea, rexerá a lei electoral que teña adoptada o Estado cando aquela se efectúe, correspondéndolle a cada circunscrición un representante por corenta mil habitantes ou fracción superior a vinte mil.


    Art. 36     Esta Asemblea, reunida en sesión previa no lugar que sinale a Xunta provisoria da Rexión, establecerá a súa residencia definitiva na localidade que ela mesma designe, e terá, como misión principal, a de desenvolver as normas con suxeición ás cales ha ser elixido o primeiro Presidente de Galicia, de acordo co que, con carácter xeral, prevén o parágrafo segundo do artigo 7.º deste Estatuto; nomear unha Xunta que asuma o Goberno provisorio da Rexión ata que se elixa o primeiro Presidente; e mais elaborar, no máis breve prazo posible, as leis orgánicas necesarias para a implantación do réxime de autonomía que o mesmo Estatuto regula.


    Art. 37     Para a adaptación dos servizos que o Estado lle cede á Rexión por virtude deste Estatuto, constituirase unha Comisión mixta, composta dun número de membros que designarán, por metade, o Goberno da República e a Xunta de Galicia.

    Esta Comisión nomeará libremente o seu Presidente, e os seus acordos terán validez cando reúnan máis das dúas terceiras partes de votos. Noutro caso, as discrepancias que xurdan serán sometidas á decisión do Tribunal de Garantías da República.


    Art. 38     O persoal afecto aos servizos de todas as clases que neste Estatuto se lle asignan á Rexión, será respectado en cantos dereitos teña adquiridos na data de promulgación daquel, sen que lle sexa aplicable o que prevén o derradeiro parágrafo do seu artigo 4.º; pero as autoridades rexionais poderán facer a súa distribución acomodándoo á nova organización que se lle dea a Galicia.


    Art. 39     Entrementres a Asemblea galega non lexisle sobre as materias que se lle atribúen, continuarán en vigor as leis xerais do Estado; pero a súa aplicación corresponderalles ás Autoridades e aos organismos rexionais, que terán as mesmas facultades que as leis sinalen para os do Estado.

    Do propio modo, continuarán en vigor as disposicións regulamentarias do Estado, en tanto que a Xunta de Galicia non dite as que, consonte este Estatuto, lle corresponden.


    Art. 40     O traspaso dos servizos administrativos do Estado á Rexión verificarase a medida que o vaia acordando a Asemblea rexional, logo dos debidos trámites verbo do Goberno da República; e, mentres non queden reorganizados os servizos, todas as Oficinas, Tribunais e Organismos afectados polo presente Estatuto continuarán exercendo iguais funcións ou xurisdición que ata agora, sen que, por ningún concepto, poidan serlles minguadas a súa autoridade ou as súas atribucións en tanto a Asemblea rexional non lexisle sobre o particular.


Santiago de Compostela, 19 de Decembro de 1932.


Por acordo da Asemblea rexional de Concellos,


O Presidente,
Bibiano F. Ossorio Tafall.
O Secretario,
Manuel Rey Gacio.


 
Texto íntegro en galego normativo (pdf).

Notas ao pé

  1. NdoT: A versión galega deste texto do Estatuto de Galicia aprobado polos Concellos na Asemblea do 19 de decembro de 1932 realizouse de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego do ano 2003, respectando no posible as características morfolóxicas, sintácticas, léxicas e de puntuación do texto orixinario, así como os trazos da linguaxe xurídico-administrativa e lexislativa da época.

Véxase tamén

Bibliografía


  Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."