Abrir o menú principal

LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

Diario Oficial de Galicia DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18576


LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.


Exposición de motivos
I

Este texto pretende ser a base normativa fundamental na que se plasme o compromiso irrenunciable da Comunidade Autónoma de Galicia co seu patrimonio cultural en canto que eixo fundamental que lle dá sentido e significación. Este compromiso debe ser manifestación do exercicio da vontade política colectiva, consciente do valor material e inmaterial do recibido nesas mil formas que ao longo do tempo configuraron a identidade cultural galega e que hoxe lle outorgan a súa máis fonda proxección de futuro.

Esta multiplicidade adquire sentido na unidade histórica dun pobo recoñecido constitucional e estatutariamente como nacionalidade con dereito a exercer a súa autonomía con pleno respecto aos principios de unidade e solidariedade que cimentan o ordenamento xurídico propio dun estado social e democrático de dereito como o español.

II

O propio preámbulo da Constitución española proclama a vontade de protexer os pobos de España no exercicio da súas culturas, tradicións, linguas e institucións e de promover o progreso da cultura para asegurar unha digna calidade de vida.

No seu título oitavo, o artigo 148.1 recoñece o dereito das comunidades autónomas para asumiren competencias en materia de patrimonio monumental de interese da comunidade autónoma ou en materia de fomento da cultura, competencias que deben compatibilizarse co sinalado no seu artigo 149.1.28, que establece a competencia exclusiva do Estado en materia de defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación; e museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal, sen prexuízo da súa xestión por parte das comunidades autónomas.

En coherencia co anterior, estatutariamente a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal, a través das súas institucións democráticas, a defensa da identidade de Galicia, e os poderes públicos galegos están obrigados a remover os obstáculos que dificulten a participación dos individuos e dos grupos na vida cultural galega.

Neste marco, o Estatuto de autonomía de Galicia asumiu, no seu artigo 27.18, a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de música e servizos de belas artes de interese para a Comunidade Autónoma.

Así mesmo, é necesario lembrar que o artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia determina que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Estamos, pois, diante dun mandato inequívoco, singular e relevante que dota o texto legal dunha destacada significación no desenvolvemento dos principios estatutarios que lle dan sentido á autonomía de Galicia. En efecto, esta, lonxe de ser unha mera consecuencia da ordenación territorial do Estado, constitúese sobre a base duns poderes que emanan dun pobo que o é en virtude dos valores culturais que o configuran.

Ao abeiro deste marco constitucional e estatutario ditouse a Lei 16/1985, do 25 de xuño, de patrimonio histórico español, que supuxo un avance respecto da lexislación anterior na materia, a Lei do 13 de maio de 1933, e a adaptación da normativa á nova distribución competencial establecida pola Constitución española.

No nivel autonómico, froito desa competencia estatutaria asumida nos artigos 27.18 e 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, ditouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, norma de gran relevancia ao supoñer a base legal e normativa na que se fundou a especificidade propia do patrimonio cultural galego.

Esta lei, que comportou un importante paso para o recoñecemento das peculiaridades propias do patrimonio cultural de Galicia, sentou as bases para a súa protección e difusión, e estableceu os procedementos e instrumentos específicos para garantir a súa conservación, así como un réxime sancionador para corrixir as infraccións que afectasen o patrimonio cultural galego.

Posteriormente, a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, supuxo o recoñecemento da importancia dos Camiños de Santiago, de relevancia histórica e universal, parte integrante do patrimonio cultural de Galicia e recoñecido como patrimonio da humanidade pola Unesco.

A Lei 3/1996, do 10 de maio, signifícase como un importante avance ao establecer un réxime xurídico específico que se adaptase ás necesidades de protección e ás peculiaridades dos Camiños de Santiago. Parece preciso unificar agora o dito réxime xurídico na norma reguladora do patrimonio cultural de Galicia, mantendo as peculiaridades derivadas da natureza dos Camiños de Santiago e aproveitando a unificación dos aspectos comúns a todos os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, como son o réxime de obrigas xerais de conservación e mais o réxime sancionador. Cúmprense así as exixencias de simplificación lexislativa co fin de facilitar que a cidadanía coñeza os distintos dereitos e obrigas existentes en relación co patrimonio cultural de Galicia.

Froito das ditas leis, avanzouse significativamente na protección do patrimonio cultural de Galicia. Porén, o transcurso dos anos desde a súa aprobación fai preciso aprobar esta nova regulación do patrimonio cultural galego, a cal, partindo dos beneficios e vantaxes do réxime anterior, que se consolidan nesta lei, supón un novo avance e un novo impulso na protección das súas particularidades e na definición dos distintos tipos de patrimonio, adaptando ademais a regulación ás exixencias de simplificación da actividade administrativa.

Unha vez consolidado o réxime de protección do patrimonio cultural de Galicia establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, introdúcense nesta lei medidas tendentes á súa mellora, froito da experiencia acumulada ao longo dos anos transcorridos desde a súa aprobación, e que resultan necesarias para a súa adaptación aos cambios que se foron producindo nos últimos anos, tanto no nivel da regulación internacional de determinados patrimonios a través de cartas, convenios e instrumentos internacionais, coma no nivel da organización administrativa, na procura da simplificación do réxime.

Neste marco, que lle imprime finalidade e sentido ao texto legal, elabórase este en exercicio da competencia exclusiva recollida no artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese de Galicia, e do disposto no seu artigo 32, que determina que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

III

É xustamente a idea de valor a que determina a definición legal de ben cultural. O valor como contido de resonancia, non só emocional ou sentimental senón directamente vinculada ao devir histórico do pobo galego na súa caracterización pasada e na súa aposta de futuro, sobre a base material e inmaterial do que xa é e no horizonte do que quere ser no eido da civilización, entendida como concerto das culturas e tradicións.

O estudo, a protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural son pedra angular do exercicio da dignidade colectiva e, xa que logo, plásmanse como o primeiro mandato legal, que non debe ser visto como limitación restritiva senón como participación de toda a sociedade no coidado do que ela mesma creou e ao que ela mesma lle pertence. O patrimonio cultural concíbese, pois, como alicerce de cohesión social e desenvolvemento sustentable.

Neste sentido, a ponderación e integración da protección do patrimonio nas demais políticas sectoriais e a aposta pola colaboración interadministrativa e a participación cidadá están presentes ao longo de todo o articulado a través dos principios xerais, dos dereitos e obrigas da cidadanía, da información pública, do acceso aos bens máis sobranceiros e do recoñecemento da libre iniciativa.

Dentro deste espírito, inspira a lei o principio de subsidiariedade, que consagra técnicas descentralizadoras mediante a habilitación dos concellos nas tarefas de control preventivo en diversos ámbitos e esferas, que atopan o seu fundamento na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Isto permite achegar a Administración á cidadanía mediante o empoderamento dos entes máis próximos a esta. A tradicional centralización da xestión pública do patrimonio, co gallo da alta pericia técnica e a necesidade do ditame experto, non contribúe ao sentimento de proximidade e identificación da cidadanía co patrimonio cultural, que dalgunha maneira lle pertence como expresión da identidade colectiva na que se insire.

O protagonismo recoñecido aos concellos forma parte desa segunda onda descentralizadora á que as políticas públicas no eido do patrimonio cultural non deben ser alleas. Só unha visión paternalista, dirixista e intervencionista pode mirar con desconfianza o papel relevante dos concellos, que, lonxe de seren tutelados, deben exercer un grao de autonomía local recoñecida constitucionalmente tamén en materia de patrimonio cultural en defensa lexítima dos seus intereses. A Administración local galega ten demostrado un grao de madureza e de responsabilidade que o lexislador autonómico debe recoñecer mediante a configuración de procedementos administrativos de proximidade que a fagan interlocutora eficaz e eficiente ante as veciñas e os veciños das diversas localidades que caracterizan o noso país. Seguir protexendo e conservando o patrimonio cultural de costas aos concellos implica, ao cabo, facelo de costas á propia cidadanía.

Búscase tamén unha simplificación en tres niveis: lexislativo, administrativo e, moi particularmente, no que atinxe á clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia.

Así, esta lei supón a derrogación doutros tres textos do mesmo rango, integra de xeito coherente a protección dos Camiños de Santiago no conxunto da protección do patrimonio cultural e devólvelles o protagonismo aos concellos tamén neste ámbito tan significativo para o país.

No nivel administrativo redúcense prazos e trámites e gáñase en participación e descentralización.

No que atinxe á clasificación dos bens, a experiencia dos últimos anos aconsella reducir as tres categorías a dúas, o que clarifica os réximes de protección e as súas consecuencias xurídicas e fai converxer a protección no realmente notable e sobranceiro, sen que isto supoña desprotección do anteriormente inventariado, que se incorpora ope legis ao novo Catálogo. En conclusión, trátase de simplificar a prol da eficacia e da eficiencia.

Galicia, compendio de universalidade, quere participar con plena dignidade e protagonismo no concerto das culturas, polo que neste texto se asumen mandatos, criterios e principios recollidos nas diversas cartas, convenios e instrumentos internacionais sobre as máis diversas materias como o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico, subacuático ou inmaterial, entre outros, algúns dos cales pasaron xa a ser dereito interno mediante os procesos de ratificación dos respectivos tratados por parte do Estado español. Isto reflíctese no recoñecemento expreso de determinados patrimonios en función da súa natureza e no tratamento destes buscando a súa integración territorial, incluso con novas figuras como as áreas de amortecemento, ou en novas categorías como as paisaxes culturais.

O lexislador debe ser moi consciente de que en materia de patrimonio cultural se exercen funcións inspiradas en apreciacións técnicas e expertas que corren o risco de arrastrar unha correcta e acoutada discrecionalidade cara a unha indesexable percepción social de arbitrariedade e subxectivismo. É por iso polo que, no exercicio das potestades autorizatorias e no desempeño da facultade de informar, se fai especial fincapé nos principios de publicidade e seguridade xurídica e, xa que logo, na incorporación de elementos que faciliten o control da discrecionalidade da Administración nun ámbito onde a normativa ten por forza que remitirse ao xuízo técnico ou experto e onde é inevitable a formulación e o manexo de múltiples conceptos xurídicos indeterminados.

A protección do patrimonio debe entenderse como unha consecuencia principal da función social do dereito de propiedade, segundo o establecido no artigo 33 da Constitución española, pero non pode ser entendida como un límite que a baleire do seu contido esencial. Tampouco esta protección pode ser un atranco inmotivado á libre iniciativa económica, recoñecida como liberdade de empresa no marco da economía de mercado no artigo 38 da Constitución española. Ao contrario, debe entenderse tamén como un elemento de dinamización económica e social e creadora de riqueza, prosperidade e emprego no marco do principio reitor da política social e económica consistente na garantía por parte dos poderes públicos da conservación e a promoción do enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade.

No que atinxe ao principio de publicidade, consagrado no artigo 9 da Constitución española, o mandato de publicar regularmente un censo de bens con potenciais valores culturais outórgalles garantías previas aos operadores públicos e privados en relación cos múltiples e variados bens que poden ser referentes de informes medioambientais, futuros expedientes de catalogación ou de declaración de bens de interese cultural ou posibles criterios que a Administración cultural pode ter en conta á hora de emitir informe sobre os plans, programas e proxectos de natureza urbanística, territorial ou relativos á planificación económica sectorial ou xeral.

A motivación das resolucións sobre a base de definicións e criterios explicitados na letra da lei acadará graos de solidez que supoñerán unha mellor defensa das persoas interesadas, en cumprimento do principio constitucional da seguridade xurídica. A este principio fundamental contribúe tamén a concreción de contornos de protección subsidiarios no propio texto da lei, o que evitará a disipación e a disfunción propias do recurso a outros sectores do ordenamento, como o urbanístico, que responden a outras finalidades e a outras lóxicas.

A definición, para os efectos desta lei, de diferentes patrimonios específicos, así como de tipos e criterios de intervención ou niveis de protección, introduce parámetros legais que outorgarán elementos de valoración xenéricos, pero certos, que lles facilitarán aos xestores, promotores ou operadores públicos e privados referentes e parámetros propios deste sector sen que sexa necesario acudir sistematicamente a referencias contidas noutros sectores do ordenamento. Actúase así coa coherencia derivada da prevalencia da protección do patrimonio cultural, recoñecida de xeito constante pola xurisprudencia, fronte a outras normativas ou materias, das que, xa que logo, non se debe ser debedora en canto a técnicas, regulacións e conceptos.

Estamos, pois, ante unha lei que busca explicitar os valores e principios constitucionais no eido da regulación e a xestión do patrimonio cultural. É unha tarefa que se asume desde o respecto ás competencias do Estado, moi especialmente no que atinxe á regulación das condicións básicas que garanten a igualdade de todos os españois no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento dos seus deberes constitucionais e a defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación, segundo a interpretación consagrada polo Tribunal Constitucional en relación co artigo 149.1.28 da Constitución española.

Seguridade xurídica e publicidade, participación e cooperación, descentralización e subsidiariedade, simplificación e axilidade administrativas vertebran un texto fundamental para o desenvolvemento dos principios estatutarios que definen Galicia como comunidade autónoma consciente do legado do seu pasado e comprometida con el como aposta de futuro.

IV

Con base nestes principios, dentro do seu título preliminar recolle esta lei unha serie de disposicións xerais que definen o patrimonio cultural de Galicia desde unha perspectiva ligada ao seu uso e desfrute pola cidadanía e que o conciben como un instrumento de cohesión social e desenvolvemento sustentable que dá soporte, como elemento integrador, á identidade do pobo galego. Establece, ademais, o ámbito de competencias e o réxime de colaboración interadministrativa, fomentando a colaboración de todas as administracións implicadas na protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia.

Así mesmo, na liña de simplificación administrativa, procédese a unha racionalización dos órganos colexiados asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural, co fin de evitar duplicidades administrativas e de racionalizar a organización administrativa. Na lista de órganos colaboradores merece unha especial relevancia o Consello da Cultura Galega, cuxa condición estatutaria e experiencia como entidade asesora se veñen desenvolvendo desde a Lei 8/1983, do 8 de xullo, que lle atribúe as máis altas funcións en defensa dos valores culturais do pobo galego.

O título I establece a clasificación dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, reducindo a dúas as categorías de bens e creando un novo instrumento que facilite a protección dos bens inmobles no territorio. Así, pártese da consideración de que os bens inmobles non se poden considerar como elementos illados senón que se entenden integrados nun contexto que é o seu territorio. Como principal novidade neste aspecto, a lei establece en que tipo de bens será necesaria sempre a delimitación dun contorno de protección, e crea un novo instrumento, a zona de amortecemento, que poderá delimitarse para cada ben en función das súas características.

Outra importante novidade da lei é a creación do Censo do Patrimonio Cultural como instrumento de publicidade e transparencia que lle outorga seguridade xurídica á cidadanía e que será obxecto de continua actualización.

O título II regula o réxime xenérico de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, que se aborda desde distintas perspectivas, tanto desde o punto de vista dos deberes e obrigas das persoas titulares, posuidoras e arrendatarias e dos demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, coma desde o punto de vista do establecemento do réxime de intervencións autorizables en función da natureza e dos distintos niveis de protección dos bens.

No título III a lei introduce precisións respecto do réxime de protección específico para os bens declarados de interese cultural, os máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia. No título IV establece o réxime específico de protección dos bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

No seu título V a lei inclúe unha importante novidade: a regulación, nun título específico e separado, das peculiaridades propias do patrimonio inmaterial, tendo en conta a súa natureza e as medidas específicas de protección, incorporando á regulación autonómica os principios fundamentais da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Aínda que a lingua, como elemento identitario, ten a súa regulación especifica na Lei de normalización lingüística, aprovéitase nesta lei para situala como canle pola que vehiculizar o noso patrimonio inmaterial.

O título VI integra nesta lei a regulación específica do réxime de protección dos Camiños de Santiago. Cúmprese así co principio de simplificación lexislativa, ao agrupar ambas as dúas regulacións, inspiradas nos mesmos principios de valorización e protección dos valores culturais dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, e, así mesmo, co principio de simplificación administrativa, ao unificar as partes do réxime xurídico que resultaban comúns ao resto do patrimonio cultural galego e conservar a identidade propia dos Camiños de Santiago, mantendo un título específico coas súas peculiaridades.

O título VII regula os distintos patrimonios específicos integrantes do patrimonio cultural de Galicia. O recoñecemento expreso de patrimonios específicos non ignora a profunda unidade do patrimonio cultural no seu conxunto, pero busca, sen pretensión de fragmentacións artificiais, distintas perspectivas de aproximación que lle outorguen claridade, garantías e racionalidade ao sistema. Faise mediante a categorización que encerra a semántica de calquera concepto na linguaxe xurídica, a través da detección dos valores relevantes para os efectos propios dun texto normativo útil que non pretende ser científico nin académico, aínda que beba desas fontes de coñecemento.

O título VIII establece o réxime dos museos e crea a Rede e o Sistema de Museos de Galicia. O título regula os museos e as coleccións visitables, así como o réxime xenérico para a súa creación e regulamentación, recollendo a garantía da Administración do acceso da cidadanía aos museos de titularidade pública.

O título IX regula o fomento do patrimonio cultural de Galicia, establecendo as medidas esenciais para a súa difusión e para favorecer a súa conservación, e incorporando e actualizando a regulación contida na Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título X regula a actividade inspectora e o réxime sancionador. A clarificación na determinación dos tipos de infracción e as garantías que asisten os presuntos infractores ou infractoras inciden no perfeccionamento do principio de tipicidade, mediante o enunciado claro dos supostos de feito subsumibles en condutas antixurídicas e unha neutralización eficaz de elementos inaceptables de indefensión para os cidadáns e cidadás que non sexan necesariamente persoas expertas en materia de patrimonio cultural. O réxime sancionador vén ser así o peche do sistema, sen o cal toda actividade da Administración cultural se convertería en mera ficción ou desiderátum e carecería dunha auténtica xuridicidade, sen que, non obstante, isto menoscabe a aposta prioritaria polas políticas de fomento e estímulo, propias dunha sociedade que aprecia o seu patrimonio e actúa colectivamente en consecuencia, sen necesidade de acudir a medidas coactivas, sempre indesexables.

A parte final da lei inclúe unha serie de previsións destinadas a ordenar e a definir os compromisos de desenvolvemento regulamentario e de posta á disposición da cidadanía dos distintos instrumentos de publicidade dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como a establecer as normas de transitoriedade necesarias e a delimitar a entrada en vigor das distintas obrigas establecidas nesta lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei do patrimonio cultural de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e definición

1. Esta lei ten por obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

2. O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar no que fosen creados.

3. A Xunta de Galicia velará pola investigación, a difusión e, de ser o caso, o retorno a Galicia daqueles bens especialmente representativos do patrimonio cultural galego que se encontren fóra dela, e, cando non sexa posible, da súa reprodución, de ser o caso.

Artigo 2. Competencia e políticas sectoriais

1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia.

2. As distintas administracións públicas cooperarán para que as competencias respectivas se exerzan conforme o establecido nesta lei.

3. Os poderes públicos integrarán a protección do patrimonio cultural nas políticas sectoriais de educación, investigación, ordenación do territorio, urbanismo, paisaxe, conservación da natureza e desenvolvemento rural e turístico, así como naquelas que supoñan a xestión do dominio público.

Artigo 3. Colaboración interadministrativa

1. No exercicio das competencias que lle corresponden en materia de patrimonio cultural, a Comunidade Autónoma actuará de acordo cos seguintes criterios:

a) Colaboración coa Administración do Estado, coas das restantes comunidades autónomas e coas entidades que integran a Administración local na salvagarda do patrimonio cultural, na súa difusión nacional e internacional, na recuperación dos bens que fosen ilicitamente exportados, no intercambio de información cultural, técnica e científica con organismos nacionais e estranxeiros, e na súa conservación, fomento e desfrute, estimulando para iso a participación activa de toda a sociedade.

b) Fomento das accións precisas para garantir o acceso ao patrimonio cultural, a súa protección, a súa difusión e a súa investigación e, de ser o caso, a súa recuperación.

2. As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:

a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.

b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados.

c) Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.

d) Exercer, así mesmo, as demais funcións que teñan expresamente atribuídas en virtude desta lei.

Artigo 4. Patrimonio cultural de Galicia no exterior

A Xunta de Galicia promoverá a salvagarda do patrimonio cultural de Galicia que se atope no exterior, especialmente en Latinoamérica, e alí onde exista unha presenza significativa de comunidades galegas, así como a cooperación con Portugal para a valorización do patrimonio cultural de interese común nas zonas transfronteirizas.

Artigo 5. Dereitos e deberes da cidadanía

1. A cidadanía ten dereito ao acceso, coñecemento e desfrute, así como á transmisión e á divulgación social do patrimonio cultural de Galicia, nos termos establecidos nesta lei.

2. Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, está obrigada a cumprir os deberes establecidos nesta lei para a protección do patrimonio cultural de Galicia, así como a actuar coa dilixencia debida no seu uso.

3. Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, no cumprimento do previsto nesta lei, está lexitimada para actuar ante a Administración pública da Comunidade Autónoma en defensa do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 6. Colaboración da Igrexa católica

1. A Igrexa católica, propietaria dunha boa parte do patrimonio cultural de Galicia, velará pola súa protección, conservación, acrecentamento, visualización pola cidadanía e difusión, colaborando para este fin coa Administración.

2. Unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa católica establecerá o marco de colaboración e coordinación entre ambas as dúas institucións para elaborar e desenvolver plans de intervención conxunta.

Regulamentariamente desenvolveranse a súa composición e mais as súas funcións.

Artigo 7. Órganos asesores e consultivos

1. O Consello da Cultura Galega, en virtude do establecido no artigo 32 do Estatuto de autonomía e do artigo 6.a da Lei 8/1983, do 8 de xullo, é o máximo órgano de asesoramento e consulta dos poderes públicos da Comunidade Autónoma. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural someterá ao seu ditame aqueles asuntos de especial relevancia, sen prexuízo das competencias do Consello Consultivo de Galicia e doutros órganos de consulta.

2. Son órganos asesores en materia de patrimonio cultural:

a) O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

b) A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica.

c) Os Consellos Territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia.

d) O Consello Asesor dos Camiños de Santiago.

e) A Comisión Técnica de Arqueoloxía.

f) A Comisión Técnica de Etnografía.

g) Cantos outros se determinen regulamentariamente con carácter xeral ou con carácter específico.

A composición e o funcionamento dos órganos asesores estableceranse regulamentariamente.

3. Terán a consideración de órganos consultivos en materia de bens culturais:

a) A Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario.

b) O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

c) As universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia.

Todo isto, sen prexuízo das consultas que por razón da materia ou coñecemento experto se lles poidan realizar a especialistas na materia ou a outras institucións, entidades culturais ou organismos profesionais.

TÍTULO I Clasificación, declaración e catalogación dos bens do patrimonio cultural de Galicia

CAPÍTULO I Tipos de bens

Artigo 8. Clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia

1. Os bens do patrimonio cultural de Galicia, aos que fai referencia o artigo 1.2, poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados.

2. Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei.

Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

3. Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei.

Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais.

Artigo 9. Natureza dos bens

1. Teñen a consideración de bens inmobles, para os efectos previstos nesta lei, os enumerados no artigo 334 do Código civil. Ademais, gozarán da mesma protección aqueles que formasen parte consubstancial do inmoble noutro tempo, aínda que no caso de seren separados constitúan un todo perfecto de fácil aplicación a outras construcións ou usos distintos do orixinal.

2. Para os efectos previstos nesta lei, terán a consideración de bens mobles, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, aqueles susceptibles de ser transportados, non estritamente consubstanciais coa estrutura de inmobles, calquera que sexa o seu soporte material.

3. Considéranse bens do patrimonio cultural inmaterial para os efectos desta lei:

a) Os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e en particular:

1º. A lingua, como vehículo do patrimonio cultural inmaterial, regulada pola súa normativa específica.

2º. As tradicións e expresións orais.

3º. A toponimia.

4º. As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes.

5º. Os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

6º. Os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo.

7º. As técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

b) O legado das figuras históricas senlleiras na configuración da identidade cultural de Galicia, independentemente dos dereitos de propiedade intelectual. Os efectos da declaración estenderanse ás súas creacións cando a autoría quede debidamente acreditada.

4. De forma excepcional, poderá declararse de interese cultural ou incorporarse ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia a obra de autores e autoras vivos, sempre e cando tres das institucións consultivas especializadas previstas nesta lei ou na normativa específica, segundo as características e a natureza do ben, emitan informe favorable. No expediente deberá constar a autorización expresa do seu propietario ou propietaria e tamén a do seu autor ou autora, salvo que fosen adquiridas pola Administración.

Artigo 10. Categorías de bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados

1. Os bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados integraranse nalgunha das seguintes categorías:

a) Monumento: a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.

b) Xardín histórico: o espazo delimitado produto da ordenación planificada de elementos naturais e artificiais de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, antropolóxico ou científico e técnico.

c) Sitio histórico: o lugar vinculado a episodios relevantes do pasado, a tradicións populares ou a creacións culturais singulares de interese histórico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, etnolóxico, antropolóxico ou científico e técnico.

d) Xacemento ou zona arqueolóxica: o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.

e) Vías culturais: a vía ou camiño de características orixinais recoñecibles que forma parte ou que o formou no pasado da estrutura tradicional do territorio, cun relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.

f) Lugar de valor etnolóxico: o ámbito no que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.

g) Conxunto histórico: a agrupación de bens que conforman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, cunha estrutura física representativa da evolución dunha comunidade que resulta un testemuño cultural significativo por interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico, aínda que individualmente os elementos que a conforman non teñan unha especial relevancia.

h) Paisaxe cultural: o lugar identificable por un conxunto de cualidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade.

i) Territorio histórico: o ámbito no que a ocupación e as actividades das comunidades ao longo da súa evolución histórica caracterizan un ámbito xeográfico relevante polo seu interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial ou científico e técnico.

2. A pertenza a unha destas categorías non será incompatible coa declaración individualizada adicional de ben de interese cultural ou a catalogación individualizada dalgún dos seus elementos ou coa súa adscrición a outras figuras de protección derivadas doutras lexislacións sectoriais.

3. A declaración de ben de interese cultural dun inmoble ou a súa catalogación afectará tanto o solo coma o subsolo.

Artigo 11. Especialidades dos bens mobles

Os bens mobles declarados de interese cultural e catalogados poderán selo de forma individual ou como colección, entendida esta como o conxunto de bens agrupados nun proceso intencional de provisión ou acumulación de forma miscelánea ou monográfica.

Artigo 12. Contorno de protección

1. Os monumentos, as zonas arqueolóxicas e as vías culturais declarados de interese cultural ou catalogados contarán cun contorno de protección. Así mesmo, cando sexa necesario segundo as súas características, poderá establecerse un contorno de protección para as demais categorías de bens.

2. O contorno de protección dos bens inmobles de interese cultural e catalogados poderá estar constituído polos espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais dos bens no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo. Na declaración de ben de interese cultural ou na catalogación do ben estableceranse as limitacións de uso e os condicionantes necesarios para a salvagarda do dito contorno de protección, sen que isto supoña a súa cualificación como ben declarado ou catalogado.

3. Regulamentariamente poderanse fixar os criterios para a delimitación dos contornos de protección mínimos.

Artigo 13. Zona de amortecemento

1. Poderá delimitarse unha área ao redor dos bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados e, de ser o caso, dos seus correspondentes contornos de protección, denominada zona de amortecemento, co obxecto de reforzar a súa protección e as súas condicións de implantación no territorio. A declaración de interese cultural ou a catalogación do ben determinará o réxime de limitacións ou condicionantes na dita zona de amortecemento, sen que isto supoña a súa cualificación como ben declarado ou catalogado.

2. Para delimitar a zona de amortecemento teranse en conta as condicións de visibilidade e perspectiva do ben, así como outros aspectos ou atributos que sexan funcionalmente significativos para a protección dos valores culturais dos bens en relación co territorio.

3. No caso de que se delimite unha zona de amortecemento deberá determinarse de forma explícita para cada ben, concretando as actividades, dotacións, instalacións ou infraestruturas que, pola súa potencial afección aos seus valores culturais, requiran a autorización previa para a súa execución da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. Regulamentariamente poderanse fixar os criterios para a delimitación das zonas de amortecemento.

Artigo 14. Censo do Patrimonio Cultural

1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non fosen declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do Patrimonio Cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do Patrimonio Cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

CAPÍTULO II Procedemento de declaración de bens de interese cultural

Artigo 15. Procedemento de declaración

Serán obxecto dunha especial protección os bens de interese cultural declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, despois da tramitación dun procedemento instruído con ese fin, incoado por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, ou os que teñan a dita consideración en aplicación desta lei.

Artigo 16. Incoación do procedemento de declaración

1. O procedemento de declaración de interese cultural incoarase de oficio por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por propia iniciativa ou por petición de calquera persoa física ou xurídica.

A solicitude de iniciación por parte dunha persoa, física ou xurídica, pública ou privada, deberá estar razoada e documentada. Cando se considere que a solicitude carece de fundamento, declararase motivadamente a súa inadmisión e notificaráselle á persoa solicitante.

A solicitude de iniciación entenderase desestimada cando transcorresen seis meses desde a súa presentación sen que se emitise resolución expresa.

2. Os bens non poderán ser declarados de interese cultural ata que pasen trinta anos desde a súa construción ou creación, salvo en casos de excepcional interese público, suficientemente acreditado e despois da autorización expresa da persoa propietaria.

3. A resolución de incoación conterá as especificacións establecidas no artigo 22.

Artigo 17. Notificación, publicación e efectos da incoación do procedemento de declaración

1. A resolución de incoación publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado e notificaráselles ás persoas interesadas e, no suposto de bens inmobles, ao concello no territorio do cal se atope o ben.

A notificación ás persoas interesadas poderá substituírse pola publicación no Diario Oficial de Galicia no caso de que a destinataria sexa unha pluralidade indeterminada de persoas.

2. A publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia supoñerá a apertura dun período de información pública por un prazo mínimo dun mes no caso de bens inmobles.

3. A incoación anotarase con carácter preventivo no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e notificaráselle tamén ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural dependente da Administración do Estado.

4. A incoación do procedemento determinará a aplicación provisional ao ben do mesmo réxime de protección previsto para os bens de interese cultural.

5. A incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento.

Respecto disto, os concellos deberanlle remitir á consellaría competente en materia de patrimonio cultural as solicitudes de licenzas de obras que non sexan exclusivamente de mantemento e conservación cuxa tramitación quedase suspendida e notificaranlles a suspensión aos promotores ou promotoras, aos construtores ou construtoras e aos técnicos directores ou técnicas directoras das obras.

As restantes obras que, por causa de interese xeral, teñan que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, logo de que o Consello da Xunta de Galicia determine a súa prevalencia.

Artigo 18. Informes necesarios no expediente de declaración

1. O expediente de declaración de ben de interese cultural conterá os informes técnicos necesarios, elaborados desde as disciplinas científicas aplicables á natureza do ben, que xustifiquen a súa relevancia e valor cultural destacado, acompañados dunha documentación gráfica e unha descrición detallada sobre o seu estado de conservación. No caso de bens inmobles para os que resulte ou se considere necesario, incluirase na xustificación a proposta de delimitación do contorno de protección e da súa zona de amortecemento.

2. Para declarar un ben de interese cultural será necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7, segundo as características e a natureza do ben, tendo en conta as consultas que por razón da materia ou coñecemento experto poidan realizarse a outras institucións, entidades culturais ou organismos profesionais.

Artigo 19. Delimitación provisional de contornos de protección e zonas de amortecemento

1. Tras incoarse un procedemento de declaración de interese cultural poderase establecer, con carácter provisional, un contorno de protección, coa superficie que en cada caso se estableza, no que as actuacións, nos termos do artigo 45, quedarán suxeitas á autorización por parte da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. Poderase establecer, así mesmo, unha zona de amortecemento, na que se someterán a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, nos termos do artigo 47, as actuacións que expresamente se recollan na resolución de incoación.

Artigo 20. Declaración e conclusión

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, acordar, mediante decreto, a declaración de interese cultural.

2. O procedemento de declaración de interese cultural deberá resolverse e notificarse no prazo máximo de vinte e catro meses, que comezará a contar a partir da data da resolución de incoación. Tras transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a declaración de interese cultural.

3. No caso de se producir a denegación expresa da declaración non se poderá volver iniciar un novo procedemento de declaración do mesmo ben nos tres anos seguintes, salvo que o solicite a persoa propietaria do ben ou dúas das institucións consultivas recoñecidas por esta lei ou pola normativa específica segundo as características e natureza do ben.

Artigo 21. Notificación e efectos da declaración

1. A declaración de interese cultural de calquera natureza publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado e notificaráselles ás persoas interesadas e, no suposto de bens inmobles, aos concellos no territorio dos cales se atope o ben.

A notificación ás persoas interesadas poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia no caso de que a destinataria sexa unha pluralidade indeterminada de persoas.

2. Despois da declaración de interese cultural de monumentos, xardíns históricos ou sitios históricos, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural instará de oficio a inscrición gratuíta da declaración no Rexistro da Propiedade.

No caso da declaración de interese cultural de bens que pertenzan a calquera das categorías recollidas no artigo 10 procederá a súa inscrición individualizada de forma separada.

3. Tras declararse de interese cultural un ben inmoble, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da súa declaración precisará a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 22. Contido da declaración

1. A declaración de interese cultural dun ben determinará os valores que xustifican a súa declaración e incluirá unha descrición detallada e precisa que permita a súa correcta identificación.

2. A declaración de interese cultural de bens inmobles incluirá as seguintes especificacións:

a) A categoría coa que son declarados, de entre as definidas no artigo 10.

b) A identificación e a descrición das partes integrantes e bens mobles que, pola súa vinculación co inmoble, se incorporen á declaración. Así mesmo, identificarase a posible existencia de bens inmateriais.

c) A delimitación motivada do ben declarado e, para os casos en que resulte necesario, o contorno de protección e a zona de amortecemento, que non terán a consideración de ben de interese cultural.

d) Os inmobles comprendidos na delimitación do ben declarado que, de ser o caso, se declaren singularmente, así como o seu propio contorno de protección e zona de amortecemento, de considerarse necesarios, que serán obxecto de inscrición independente no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

e) As determinacións, cando proceda, respecto á demolición total ou parcial ou á retirada forzosa de elementos, partes ou construcións incluídas na delimitación do ben declarado ou no contorno de protección que resulten incompatibles coa súa posta en valor.

f) A descrición do seu estado de conservación e as eventuais directrices para posteriores intervencións se se considera conveniente.

3. No caso de conxuntos ou coleccións de bens mobles, a declaración enumerará e describirá individualmente cada un dos elementos, ou grupos de elementos, que os integran.

4. No caso de bens inmateriais, ademais da descrición dos seus aspectos intanxibles, identificarase o seu ámbito espacial e temporal cando sexa necesario para a súa protección.

5. No caso de que os usos dun ben poidan resultar incompatibles ou prexudiciais para a súa protección, a declaración establecerá a súa eliminación ou os condicionantes para o seu mantemento.

6. Regulamentariamente estableceranse a información e as características que debe reunir o contido da declaración de forma específica en relación coa súa natureza e categoría, así como as correspondentes solicitudes e resolucións de incoación recollidas no artigo 16.

Artigo 23. Rexistro de Bens de Interese Cultural

1. Os bens declarados de interese cultural inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. O Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia reflectirá os actos que se realicen sobre os bens inscritos nel cando poidan afectar o contido da declaración e dará fe dos datos consignados nel.

3. Os datos do Rexistro de Bens de Interese Cultural serán públicos, salvo as informacións que deban protexerse por razón da seguridade dos bens ou das súas persoas titulares, a intimidade das persoas e os segredos comerciais e científicos protexidos pola lexislación, así como os datos afectados pola normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

A consellaría competente en materia de patrimonio cultural dispoñerá que os datos públicos se divulguen mediante as tecnoloxías da información e a comunicación.

Regulamentariamente estableceranse os datos que deben figurar no Rexistro e as condicións de acceso á información contida nel.

4. As inscricións e anotacións no Rexistro de Bens de Interese Cultural comunicaránselle ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Artigo 24. Procedemento para deixar sen efecto ou modificar unha declaración

1. A declaración de interese cultural dun ben unicamente poderá deixarse sen efecto, en todo ou en parte, seguindo os mesmos requisitos e trámites necesarios para a súa declaración. Os efectos produciranse unha vez que se dite a resolución final, que será obxecto de publicación e notificación nos mesmos termos previstos para a súa declaración.

2. O incumprimento das obrigas establecidas por esta lei que supoña a alteración das condicións que motivaron a declaración de interese cultural non supoñerá, por si mesma, a perda da súa clasificación.

3. Para a delimitación ou modificación do ben declarado de interese cultural, do seu contorno de protección ou da zona de amortecemento seguirase o mesmo procedemento previsto para a declaración do ben.

CAPÍTULO III Procedemento de inclusión de bens no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

Artigo 25. Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

1. Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. Os datos do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia serán públicos. Non serán públicas as informacións que deban protexerse por razón da seguridade dos bens ou das súas persoas titulares, a intimidade das persoas e os segredos comerciais e científicos protexidos pola lexislación así como os datos afectados pola normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

A consellaría competente en materia de patrimonio cultural dispoñerá que os datos públicos se divulguen mediante as tecnoloxías da información e a comunicación.

Regulamentariamente estableceranse os datos que deben figurar no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e as condicións de acceso á información contida nel.

3. Os bens mobles poderán ser incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia individualmente ou en conxunto ou coleccións. Neste último caso deberá especificarse a enumeración e descrición individual de cada un dos elementos que o integran.

4. A inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia recollerá, no caso en que se teña fixado, o contorno de protección e a zona de amortecemento, sen que esta referencia supoña a extensión da cualificación de catalogado ao dito contorno ou zona de amortecemento.

Artigo 26. Incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

1. O procedemento de inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia incoarase de oficio por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por propia iniciativa ou por petición de calquera persoa física ou xurídica.

A solicitude de iniciación por parte dunha persoa, física ou xurídica, pública ou privada, deberá estar razoada e documentada. Cando se considere que a solicitude carece de fundamento, declararase motivadamente a súa inadmisión e notificaráselle á persoa solicitante.

A solicitude de iniciación entenderase desestimada cando transcorresen seis meses desde a súa presentación sen que se emitise resolución expresa.

Artigo 27. Notificación, publicación e efectos da incoación do procedemento de catalogación

1. A resolución de incoación do procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia. Ademais, notificaráselles ás persoas interesadas e, no caso de bens inmobles, ao concello no territorio do cal se atope o ben.

A notificación ás persoas interesadas poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia no caso de que a destinataria sexa unha pluralidade indeterminada de persoas.

2. A publicación da resolución de incoación do procedemento no Diario Oficial de Galicia supoñerá a apertura dun período de información pública por un prazo mínimo dun mes no caso de bens inmobles.

3. A resolución de incoación do procedemento de catalogación acordará a anotación preventiva do ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e implicará a aplicación provisional do mesmo réxime de protección previsto para os bens catalogados.

Artigo 28. Resolución do procedemento de catalogación

1. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, por proposta da dirección xeral competente na dita materia, acordar a inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

2. O procedemento de catalogación deberá resolverse e notificarse no prazo máximo de dezaoito meses, que comezará a contar a partir da data da resolución de incoación. Tras transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

3. A resolución que poña fin ao procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles ás persoas interesadas e, no caso de bens inmobles, ao concello no territorio do cal se atope o ben.

A notificación ás persoas interesadas poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia no caso de que a destinataria sexa unha pluralidade indeterminada de persoas.

4. A inclusión de bens mobles no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia comunicaráselle ao Inventario Xeral de Bens Mobles da Administración do Estado.

Artigo 29. Contido da resolución de inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

1. A resolución pola que se acorde a inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia recollerá, polo menos:

a) A descrición do ben que facilite a súa correcta identificación e, de ser o caso, a das súas partes integrantes, e no caso de bens inmobles a súa localización. Identificaranse aqueles elementos e aspectos propios do ben que caracterizan o seu notable valor cultural.

b) O nivel de protección do ben.

2. No caso de que os usos dun ben poidan resultar incompatibles ou prexudiciais para a súa protección, a resolución de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia establecerá a súa eliminación ou as condicións para o seu mantemento.

3. No caso de bens inmobles para os que resulte ou se considere necesario incluirase a delimitación do seu contorno de protección e da súa zona de amortecemento e os condicionantes necesarios para a súa salvagarda.

Artigo 30. Catálogos urbanísticos de protección de bens integrantes do patrimonio cultural

1. Os bens inmobles que, polo seu interese cultural, se recollan individualmente singularizados nos instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio, intégranse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, incluído, de ser o caso, o seu contorno de protección, salvo que teñan a consideración de bens de interese cultural.

2. Regulamentariamente determinaranse as condicións técnicas que deben reunir os catálogos en relación coa protección dos seus valores culturais.

Artigo 31. Procedemento de modificación ou de exclusión de bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

1. A catalogación dun ben unicamente poderá deixarse sen efecto seguindo os mesmos trámites necesarios para a súa inclusión, mediante resolución expresa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou a través do procedemento de modificación do instrumento urbanístico polo que foi incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Os efectos produciranse unha vez que se dite a resolución final.

2. A exclusión dun ben do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, mediante resolución individualizada da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, requirirá informe favorable do órgano asesor que resulte competente segundo a natureza do ben.

3. O incumprimento das obrigas establecidas por esta lei que supoña a alteración das condicións que motivaron a inclusión dun ben no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia non supoñerá, por si mesma, a exclusión deste.

4. A suspensión ou a anulación do planeamento urbanístico non determinará por si mesma a exclusión do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia daqueles bens incluídos nel conforme o artigo 30, agás cando a anulación derive dunha causa de nulidade relacionada coas determinacións do planeamento en materia de patrimonio cultural ou do propio catálogo urbanístico. Nestes casos, requirirase tamén a tramitación do correspondente procedemento de exclusión descrito neste artigo.

TÍTULO II Réxime de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia

CAPÍTULO I Normas xenéricas de protección

Artigo 32. Deber de conservación

As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Artigo 33. Medidas de protección

1. A Xunta de Galicia fomentará medidas e actuacións dirixidas a garantir a protección do patrimonio cultural de Galicia.

2. En especial, a Xunta de Galicia poderá acordar medidas de colaboración coa Administración do Estado, con outras comunidades autónomas, con organismos internacionais e coas entidades que integran a Administración local que fortalezan e melloren a vixilancia e seguridade dos bens que integran o patrimonio cultural de Galicia, especialmente cando se vexan ameazados por actos de espolio ou destrución.

Artigo 34. Plans, programas e proxectos con incidencia sobre o territorio

1. Todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural ou as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio, deberán ser sometidos ao informe da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, que establecerá as medidas protectoras, correctoras e compensatorias que considere necesarias para a salvagarda do patrimonio cultural afectado, sen prexuízo das súas competencias para a posterior autorización das intervencións que puideren derivar dos documentos en trámite.

No caso de plans, programas ou proxectos sometidos a un procedemento de avaliación ambiental, o organismo competente para a súa tramitación solicitará o informe preceptivo da consellaría competente en materia de patrimonio cultural segundo o establecido na normativa reguladora dos ditos procedementos de avaliación ambiental.

As condicións e conclusións deste informe incluiranse nos resultados do informe ambiental que corresponda.

2. Os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico serán sometidos ao informe preceptivo e vinculante da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Os documentos que se elaboren deberán ter en conta as medidas necesarias para a salvagarda dos bens culturais existentes e a incorporación integrada ás súas previsións e, tras aprobarse inicialmente, serán remitidos para o seu informe, que será emitido no prazo de tres meses. Tras transcorrer o devandito prazo desde a data de entrada da solicitude de informe no órgano competente para a súa emisión, entenderase que este é favorable.

3. Non será preceptivo o informe da consellaría competente en materia de patrimonio cultural no caso dos instrumentos de planeamento urbanístico de desenvolvemento parcial de ámbitos limitados nos que a Administración local respectiva certifique a constancia da inexistencia de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, baseada en informes previos, cunha antigüidade inferior a cinco anos, da consellaría competente en materia de patrimonio cultural relativos a outros plans, programas e proxectos que afecten a totalidade do ámbito que se pretende ordenar e inclúan un estudo completo do patrimonio cultural.

A administración local respectiva comunicará a certificación emitida á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. Os procedementos descritos neste artigo serán de aplicación tamén no caso de revisións ou modificacións dos plans, programas ou proxectos.

Artigo 35. Protección do patrimonio cultural no planeamento urbanístico

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico incluirán necesariamente no seu catálogo todos os bens inmobles do patrimonio cultural, tanto os inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia como no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia situados no ámbito territorial que desenvolvan, no momento da aprobación inicial da figura de planeamento, como aqueles que indique motivadamente a consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou a entidade local correspondente, estean ou non incorporados no censo.

2. A normativa e a proposta de ordenación prevista nos instrumentos de planeamento urbanístico garantirán a salvagarda dos valores culturais dos bens do patrimonio cultural, a súa integración coas previsións establecidas nas súas delimitacións, contornos de protección e zonas de amortecemento, de ser o caso, así como a súa función no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable, e o respecto á toponimia oficialmente aprobada.

3. O planeamento urbanístico establecerá un réxime específico que garanta a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo, cunha información detallada e unhas ordenanzas específicas que regulen as actividades e as intervencións compatibles cos devanditos valores culturais. Sen prexuízo do anterior, o planeamento xeral poderá, por razóns de oportunidade, establecer un ámbito para a remisión a un plan especial de protección ou instrumento similar, o que será preceptivo para o caso dos conxuntos históricos declarados de interese cultural.

4. Co fin de facilitar a elaboración dos instrumentos de planeamento urbanístico, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá elaborar recomendacións e directrices específicas que inclúan os criterios para o desenvolvemento dunha protección efectiva do patrimonio cultural de Galicia a través do planeamento urbanístico, no ámbito das competencias en materia de patrimonio cultural da Comunidade Autónoma.

5. A declaración de interese cultural ou a catalogación de calquera ben inmoble obrigará os concellos no territorio dos cales se localiza a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

CAPÍTULO II Réxime común de protección de bens de interese cultural e catalogados

Artigo 36. Acceso aos bens de interese cultural e catalogados

1. As persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens:

a) Ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X.

b) Ao persoal investigador acreditado pola Administración competente despois de que formulen unha solicitude motivada de investigación. O cumprimento deste deber poderá ser dispensado ou condicionado no seu exercicio pola Administración cando existan causas que o xustifiquen de acordo coa protección do ben, as características deste ou os dereitos das súa persoas titulares.

c) Ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios na tramitación dos procedementos de declaración de interese cultural ou de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que poderá solicitar o exame destes para comprobar o grao de cumprimento das obrigas derivadas desta lei.

En todo caso, deberá garantirse o respecto ao dereito á intimidade persoal e familiar.

2. No caso de bens mobles, o acceso a estes por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellaría competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

Os gastos xerados por este depósito non poderán repercutir nas persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias ou titulares de dereitos reais sobre os bens depositados.

3. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderalles requirir o cumprimento destas obrigas ás persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre os bens.

Artigo 37. Deber de comunicación

1. As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens declarados de interese cultural ou catalogados están obrigadas a comunicarlle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

2. O deber de comunicación establecido neste artigo corresponderalles tamén aos concellos no territorio dos cales se encontren os bens no momento en que teñan constancia de tal estado.

Artigo 38. Contornos de protección subsidiarios

1. A declaración de interese cultural ou a orde de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia dun ben establecerá, de ser o caso, o seu contorno de protección e a súa zona de amortecemento de forma expresa e específica, en relación coa implantación concreta do ben no territorio e as súas relacións ambientais.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior o caso dos bens que se incorporen ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia como consecuencia da súa inclusión nos catálogos dos planeamentos urbanísticos, que, excepcionalmente, poderán establecer o contorno de protección do ben por remisión ás franxas xenéricas que se establecen no punto seguinte con carácter subsidiario.

2. Para os monumentos, zonas arqueolóxicas e vías culturais declarados de interese cultural ou catalogados nos que non se establecese o seu contorno de protección de modo específico, os contornos de protección subsidiarios nos solos rústicos, nos de núcleo rural histórico-tradicional ou nos urbanizables estarán constituídos, de forma subsidiaria, por unha franxa cunha anchura, medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe, de:

a) 20 metros para os elementos singulares do patrimonio etnolóxico como hórreos, cruceiros e petos de ánimas, pombais, alvarizas, pesqueiras, muíños, foxos de lobo ou chozos.

b) 30 metros no caso de vías culturais.

c) 50 metros cando se trate de bens integrantes da arquitectura tradicional.

d) 100 metros cando se trate de bens integrantes do patrimonio arquitectónico, xa sexa relixioso, civil ou militar, e do patrimonio industrial.

e) 200 metros en bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

3. Os contornos de protección subsidiarios establecidos no punto anterior reduciranse nos solos urbanos ou de núcleo rural común ata:

a) A propia parcela ou o espazo público no que se encontre o ben ata unha distancia de 20 metros para bens integrantes do patrimonio etnolóxico e da arquitectura tradicional.

b) As parcelas e edificacións que constitúen os límites do trazado das vías culturais.

c) As parcelas, edificios e espazos públicos situados a unha distancia inferior a 50 metros no caso de bens inmobles declarados de interese cultural e a 20 metros no caso de bens catalogados.

d) Os soares e as parcelas contiguas á propia do ben cultural e os espazos libres públicos ou privados ata unha distancia de 50 metros cando se trate de bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

4. Os contornos de protección subsidiarios afectarán as edificacións e parcelas completas incluídas na delimitación das franxas recollidas neste artigo, así como as fachadas que delimitan os espazos públicos indicados.

5. Cando varios elementos singulares se articulen nun conxunto, o contorno de protección trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto e abranguerá a súa totalidade.

CAPÍTULO III Réxime xurídico das intervencións nos bens de interese cultural e catalogados

Artigo 39. Autorizacións

1. As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei.

A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. Estas autorizacións teñen carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á execución das intervencións.

3. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada nun ben de interese cultural ou catalogado para o cumprimento dos fins previstos nesta lei.

4. Entenderase denegada a autorización da intervención en bens de interese cultural ou catalogados ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zonas de amortecemento se a consellaría competente en materia de patrimonio cultural non resolve de forma expresa no prazo de tres meses.

Artigo 40. Modelos de intervencións

Para os efectos desta lei, as intervencións nos bens materiais protexidos polo seu valor cultural ou, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento poden clasificarse nalgúns dos seguintes tipos:

a) Investigación: accións que teñan como obxectivo ampliar o coñecemento sobre o ben ou o seu estado de conservación e que afecten directamente o seu soporte material. Inclúe as accións e procedementos necesarios para elaborar un diagnóstico e caracterizar os materiais e os riscos que afectan o ben.

b) Valorización: medidas e accións sobre os bens culturais ou o seu ámbito próximo que teñan por obxecto permitir a súa apreciación, facilitar a súa interpretación e acrecentar a súa difusión, especialmente no ámbito educativo, e a súa función social.

c) Mantemento: actividades cotiás, continuas ou periódicas de escasa complexidade técnica sobre o soporte material dos bens ou o seu ámbito próximo para que manteñan as súas características, funcionalidade e lonxevidade, sen que se produza ningunha substitución ou introdución de novos elementos. Procedementos e actuacións de monitorización que teñan por obxecto realizar o seguimento e medición das lesións, dos axentes de deterioración ou dos posibles factores de risco, e os dirixidos a implantar e desenvolver accións de conservación preventiva.

d) Conservación: medidas e accións dirixidas a que os bens conserven as súas características e os seus elementos en adecuadas condicións, que non afecten a súa funcionalidade, as súas características formais ou o seu soporte estrutural, polo que non supoñerán a substitución ou a alteración dos seus principais elementos estruturais ou de deseño, pero si actuacións no seu ámbito co obxecto de evitar as causas principais da súa deterioración.

e) Consolidación: accións e medidas dirixidas ao afianzamento, o reforzo ou a substitución de elementos danados ou perdidos para asegurar a estabilidade do ben, preferentemente co uso de materiais e elementos da mesma tipoloxía que os existentes, ou con alteracións menores e parciais dos seus elementos estruturais, respectando as características xerais do ben.

f) Restauración: accións para restituír o ben ou as súas partes ao seu debido estado, sempre que se dispoña da documentación suficiente para coñecelo ou interpretalo, con respecto aos seus valores culturais. A restauración pode implicar a eliminación de elementos estraños ou engadidos sen valor cultural ou a recuperación de elementos característicos do ben, conservando a súa funcionalidade e estética.

g) Rehabilitación: accións e medidas que teñan por obxecto permitir a recuperación dun uso orixinal perdido ou novo compatible cos valores orixinais dun ben ou dunha parte del, que poden supoñer intervencións puntuais sobre os seus elementos característicos e, excepcionalmente e de maneira xustificada, a modificación ou a introdución de novos elementos imprescindibles para garantir unha adecuada adaptación aos requirimentos funcionais para a súa posta en uso. Inclúense as accións destinadas á adaptación dos bens por razón de accesibilidade.

h) Reestruturación: accións de renovación ou transformación en inmobles nos que non se poida garantir o seu mantemento ou o seu uso polas súas malas condicións de conservación ou por deficiencias estruturais e funcionais graves e que poden supoñer unha modificación da súa configuración espacial e a substitución de elementos da súa estrutura, acabado ou outros determinantes da súa tipoloxía, cun alcance puntual, parcial ou xeral.

i) Ampliación: accións destinadas a complementar en altura ou en planta bens inmobles existentes con criterios de integración compositiva e coherencia formal compatibles e respectuosos cos seus valores culturais preexistentes.

j) Reconstrución: acción destinada a completar un estado previo dos bens arruinados utilizando partes orixinais destes cuxa autenticidade poida acreditarse. Por razóns xustificadas de recomposición, interpretación e correcta lectura do valor cultural ou da imaxe do ben admitiranse reconstrucións parciais de carácter didáctico ou estrutural, que afecten elementos singulares perfectamente documentados.

Artigo 41. Niveis de protección

1. Nos bens integrantes do patrimonio arquitectónico ou industrial, o diferente alcance da protección, derivada da relevancia do seu valor cultural e do seu estado de conservación, pode clasificarse nos seguintes niveis:

a) Protección integral: conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.

b) Protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

c) Protección ambiental: conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que, malia non presentaren un interese individual destacable, conforman o ambiente dun lugar de forma homoxénea e harmoniosa.

2. Nos bens inmobles poderán definirse na súa delimitación diferentes niveis de protección nas súas partes integrantes, derivados do alcance do seu coñecemento ou de evidencias da presenza de restos ou estruturas.

3. Aos bens declarados de interese cultural corresponderalles sempre unha protección integral, sen prexuízo dos diferentes niveis de protección que correspondan a algún dos elementos singulares que compoñen en conxunto un ben de carácter territorial.

4. Os bens inmobles catalogados incluiranse nalgún dos niveis de protección descritos neste artigo, en función dos seus valores concretos, dato que figurará expresamente na orde de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia ou no catálogo de planeamento urbanístico.

Artigo 42. Actuacións autorizables segundo os niveis de protección

1. Actuacións autorizables en bens con protección integral:

a) As de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.

b) As de rehabilitación poderán autorizarse sempre que o proxecto de intervención garanta a conservación dos valores culturais protexidos e que se trate de adaptacións necesarias para adecuar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, confortabilidade ou salubridade ou para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais que garanta a súa conservación e o acceso público a el.

c) As ampliacións dun ben inmoble, exclusivamente en planta, no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e se resolvan como volumes diferenciados.

d) As de reconstrución, de xeito excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais dos que se poida probar a súa autenticidade e posición orixinal.

2. Actuacións autorizables en bens con protección estrutural:

a) As de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación.

b) As de reestruturación puntual ou parcial poderán autorizarse se a través do proxecto de intervención se xustifica a súa necesidade de forma específica e documentada e se se reducen a un alcance limitado sobre os elementos irrecuperables, que deberán ser substituídos por elementos análogos ou coherentes cos orixinais.

c) As ampliacións, en planta e en altura, dun ben inmoble no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e que no seu deseño se conserven a súa concepción e o seu significado espacial.

d) As de reconstrución, de forma excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais cuxa autenticidade e posición orixinal se poidan probar.

3. Actuacións autorizables en bens con protección ambiental:

a) As de investigación, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación parcial ou total.

b) As de ampliación, sempre que non supoñan unha deterioración ou destrución dos valores culturais que aconsellaron a súa protección.

4. En cada nivel de protección poderá ser autorizado excepcionalmente pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural outro tipo de intervencións distinto ao establecido de forma xeral, nos casos en que se analicen de forma pormenorizada as características e condicións de conservación do ben e o seu contorno de protección, os valores culturais protexidos e as melloras funcionais, sempre que o proxecto de intervención xustifique a súa conveniencia en prol dun maior beneficio para o conxunto do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 43. Proxecto de intervención e memoria final de execución

1. As actuacións que excedan as de mantemento sobre os bens declarados ou catalogados exixirán a elaboración do correspondente proxecto de intervención, que conterá os seus datos de identificación, o estudo do ben e da súa documentación histórico-artística, a análise previa física, química ou biolóxica, segundo o caso, fichas de diagnose do seu estado de conservación, a proposta e metodoloxía de actuación, a análise crítica do valor cultural e da avaliación da proposta, as técnicas, produtos e materiais que se van empregar, a documentación gráfica da actuación e o programa de mantemento e conservación preventiva.

Regulamentariamente determinaranse, segundo o alcance das obras, as características que debe reunir cada proxecto.

2. Tras finalizar a intervención, elaborarase unha memoria final que documente adecuadamente todo o proceso levado a cabo en cada unha das súas fases e para todas as disciplinas aplicadas. Conterá, polo menos, unha descrición pormenorizada da intervención realizada, con especificación dos tratamentos e produtos empregados, así como a documentación gráfica de todo o proceso e o estudo comparativo do estado inicial e final.

3. O proxecto de intervención e a memoria final serán redactados por un ou unha profesional, ou por un equipo interdisciplinar, que conten con formación e cualificación suficiente en materia de investigación, conservación, restauración ou rehabilitación dos bens integrantes do patrimonio cultural en función das intervencións que se proxecten. Un exemplar da memoria final, incluído o seu soporte dixital, será entregado á dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural no prazo de seis meses desde a finalización da intervención.

En todo caso, con independencia da garantía do recoñecemento da autoría dos documentos aos que se refire este artigo, respectaranse o alcance, reservas e límites á propiedade intelectual que derivan do dereito ao acceso aberto á información e investigación financiada con fondos públicos.

4. A responsabilidade polos danos e perdas para o patrimonio cultural que puideren resultar da incorrecta ou deficiente execución das intervencións definidas nos proxectos recaerán sobre o persoal técnico identificado nas autorizacións e, de ser o caso, nas entidades ou empresas promotoras dos traballos e nas empresas construtoras encargadas da súa execución.

A responsabilidade subsidiaria da entrega da memoria final de execución recaerá unicamente sobre o persoal técnico identificado nas autorizacións e, de ser o caso, nas entidades ou empresas promotoras dos traballos.

5. Quedan exceptuadas do requisito de elaboración do proxecto de intervención as actuacións de emerxencia acreditadas mediante unha proposta de intervención debidamente xustificada, que se limitarán aos labores estritamente necesarios para evitar as causas urxentes da súa deterioración de forma provisional.

Unha vez finalizada a actuación de emerxencia, a persoa propietaria do ben deberá facer entrega dunha memoria asinada por un técnico ou unha técnica competente, na que se recolla todo o proceso do traballo seguido.

Artigo 44. Criterios de intervención nos bens

1. As actuacións que se leven a cabo sobre os bens declarados de interese cultural e catalogados seguirán os criterios seguintes:

a) Salvagarda dos seus valores culturais e conservación, mellora e, de ser o caso, utilización adecuada e sustentable.

b) Respecto polas súas características esenciais e polos aspectos construtivos, formais, volumétricos, espaciais e funcionais que os definen. Procurarase sempre a aplicación do criterio de mínima intervención nos bens artísticos.

c) Conservación das contribucións de todas as épocas existentes no ben. Excepcionalmente poderá ser autorizada a eliminación dalgunha contribución de épocas pasadas no caso de que supoña unha degradación comprobada do ben e de que a dita eliminación sexa necesaria para permitir a súa adecuada conservación e a súa mellor interpretación histórica e cultural. As partes eliminadas quedarán debidamente documentadas.

d) Preferencia pola utilización de técnicas e materiais tradicionais.

e) Compatibilidade dos materiais, produtos e técnicas empregados na intervención cos propios do ben e os seus valores culturais e pátinas históricas.

f) Discernimento da adición de materiais e técnicas empregados, evitando as adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica.

g) Reversibilidade das accións de forma que poida recuperarse o estado previo á intervención. Este criterio será prioritario ao deseñar actuacións de conservación e restauración.

h) Compatibilidade do seu uso coa conservación dos valores que motivaron a súa protección.

i) Non se utilizarán ou aplicarán técnicas e materiais agresivos coas pátinas de valor cultural e cos materiais orixinais ou incompatibles coa debida conservación dos bens.

2. A reconstrución dun ben destruído por conflitos, catástrofes naturais ou causas intencionadas ou fortuítas poderá autorizarse excepcionalmente por razóns de interese social, cultural ou educativo.

CAPÍTULO IV Normas técnicas das intervencións no contorno de protección e na zona de amortecemento

Artigo 45. Réxime de intervencións no contorno de protección

1. As intervencións que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados deberán contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando teñan por obxecto:

a) Novas construcións e instalacións de carácter definitivo ou provisional.

b) As intervencións de calquera tipo que se manifesten cara ao espazo exterior público ou privado das edificacións existentes.

c) As actuacións que afecten a estrutura parcelaria, os elementos configuradores característicos da estrutura territorial tradicional, os espazos libres e a topografía característica do ámbito, incluídos os proxectos de urbanización.

d) A implantación ou os cambios de uso que poidan ter incidencia sobre a apreciación dos bens no territorio, incluídas as cortas e as repoboacións forestais.

e) As remocións de terras de calquera tipo no contorno de protección dos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

2. As restantes intervencións no contorno de protección non necesitarán autorización previa ao outorgamento de licenza, ben que deberán ser coherentes cos valores xerais do contorno.

Artigo 46. Criterios específicos de intervención no contorno de protección

1. O contorno de protección debe manterse cos seus valores ambientais, polo que as intervencións que se realicen deben resultar harmoniosas coas condicións características do ámbito. Deberán procurar a súa integración en materiais, sistemas construtivos, volume, tipoloxía e cromatismo, así como garantir a contemplación adecuada do ben.

2. En concreto, teranse en conta os seguintes criterios específicos, sen prexuízo da aplicación de criterios de viabilidade para a implantación e desenvolvemento de intervencións e actividades:

a) Procurarase evitar os movementos de terras que supoñan unha variación significativa da topografía orixinal do contorno.

b) Procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, como son a rede de camiños, os muros de peche, as sebes, as tapias, os noiros e outros semellantes.

c) Empregaranse materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións.

d) Manteranse preferentemente a estrutura e a organización espacial do contorno, coa conservación xeral das aliñacións e rasantes.

e) Procurarase e valorarase a integración e compatibilidade dos usos e costumes tradicionais e característicos configuradores do ambiente cos de nova implantación.

f) Facilitarase a implantación de actividades complementarias compatibles cos valores culturais dos bens que garantan a continuidade do seu mantemento co establecemento de novos usos.

Artigo 47. Réxime específico das intervencións na zona de amortecemento

1. Na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente sen necesidade da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, excepto que na declaración ou inclusión singularizada se determine o contrario.

2. Non obstante, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos seus valores culturais derivados da súa implantación territorial, requirirase a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural nas seguintes intervencións:

a) Grandes explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura que deban ser sometidas a trámite ambiental.

b) Explotacións extractivas que supoñan unha actividade a ceo aberto do material, as súas instalacións ou entullos.

c) Instalacións da industria enerxética como refinarías, centrais térmicas, de combustibles fósiles, hidráulicas, eólicas, solares, nucleares ou de calquera outro tipo de produción, transporte ou depósito.

d) Instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil ou papeleira.

e) Infraestruturas de transporte e comunicación como estradas, ferrocarril, portos, aeroportos, canles, centros loxísticos ou similares.

f) Grandes infraestruturas hidráulicas e de aproveitamento da auga.

g) Instalacións de xestión e tratamento de residuos.

h) Grandes transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos.

i) Explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

TÍTULO III Réxime específico de protección e acceso dos bens de interese cultural

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 48. Visita pública

1. As persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

2. O cumprimento desta obriga poderá ser dispensado total ou parcialmente pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando exista unha causa xustificada. O deber de permitir o acceso non se estenderá aos espazos que constitúan domicilio particular ou nos que poida resultar afectado o dereito á intimidade persoal e familiar. En todo caso, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá establecer, despois de lles dar audiencia ás persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais afectados, un espazo mínimo susceptible de visita pública.

3. No caso de bens mobles poderase acordar como obriga substitutoria o depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

4. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderalles requirir ás persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais o cumprimento da obriga de acceso.

Artigo 49. Dereitos de tanteo e retracto

1. Calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellaría competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

2. Os que realicen poxas que afecten calquera ben de interese cultural deberanllo notificar igualmente e coa suficiente antelación, nos termos establecidos no número 1.

3. A Xunta de Galicia dispoñerá dun prazo de tres meses para exercer o dereito de tanteo para si ou para outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro, tendo preferencia a Xunta de Galicia en caso concorrencia de intereses. Obrigarase a pagar o prezo convido ou o de remate da poxa.

No caso dos bens de interese cultural de carácter territorial das categorías do artigo 10, o exercicio do dito dereito limitarase aos inmobles individualmente inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

4. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer, nos mesmos termos previstos no punto anterior, o dereito de retracto, no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condición e do prezo do alleamento.

Artigo 50. Escrituras públicas

1. Para a formalización de escrituras públicas de adquisición ou transmisión de dereitos reais sobre bens declarados de interese cultural acreditarase previamente o cumprimento do establecido nesta lei en relación cos dereitos de tanteo e retracto.

2. A acreditación do cumprimento dos ditos requisitos tamén é necesaria para a inscrición dos títulos correspondentes no Rexistro da Propiedade.

Artigo 51. Interese social para os efectos da expropiación forzosa

1. É causa de interese social para os efectos de expropiación o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural.

2. Poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados no contorno de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación.

3. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social.

4. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.

CAPÍTULO II Bens inmobles

Artigo 52. Desprazamento

1. Os bens inmobles declarados de interese cultural son inseparables do seu contorno. Non poderá procederse ao seu desprazamento salvo que resulte imprescindible por causa de caso fortuíto, forza maior, utilidade pública ou interese social, despois do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, nos termos previstos na lexislación reguladora do patrimonio histórico español e nesta lei.

2. A súa execución definirase a través dun proxecto de intervención que requirirá da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Neste proxecto deberán definirse as cautelas que cumprirá adoptar no que atinxe ao subsolo do ben.

3. Un ben desprazado poderá contar co seu correspondente contorno de protección, se así se establece expresamente. Para o establecemento do dito contorno de protección seguirase o procedemento previsto para a declaración do ben de interese cultural.

Artigo 53. Criterios específicos de intervención en bens inmobles declarados bens de interese cultural

1. Os bens inmobles declarados de interese cultural poderán ser sinalizados mediante paneis de deseño e tamaño apropiados á súa natureza nos que se describan as características máis relevantes do ben protexido e nos termos que se determinen regulamentariamente. A tipoloxía empregada e a localización dos sinais deberán ser especialmente coidadosas coa súa integración no contorno.

2. Nos monumentos, sitios históricos, zonas arqueolóxicas e xardíns históricos declarados de interese cultural:

a) Queda prohibida a instalación de publicidade comercial e do que impida ou deturpe a apreciación do ben dentro do seu contorno.

b) Non poderán instalarse cables e antenas que prexudiquen a apreciación dos bens, agás que non existan solucións técnicas que resulten máis compatibles coas súas características.

c) A colocación de rótulos, sinais ou símbolos vinculados exclusivamente a actividades de mecenado poderá ser autorizada pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, sempre que se salvagarden a súa integridade, estética e valores culturais.

Artigo 54. Especificidades da declaración de ruína

1. Tras incoar un expediente de declaración de ruína, nos termos previstos na normativa urbanística, dalgún ben inmoble declarado de interese cultural, a consellaría competente en materia de patrimonio intervirá como interesada no dito expediente, e deberán serlle notificadas a apertura e as resolucións que se adopten no expediente.

2. En ningún caso se poderá demoler o inmoble sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, sen que a declaración de ruína vincule a consellaría para autorizar a demolición.

3. No suposto de que a situación de ruína supoña un perigo inminente de danos para as persoas, a entidade que incoase o expediente de ruína deberá adoptar as medidas oportunas para evitar os danos. Tomaranse as medidas necesarias que garantan o mantemento das características e dos elementos singulares do edificio, que non poderán incluír máis demolicións que as estritamente necesarias, e observaranse os termos previstos na resolución da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. O incumprimento das medidas sinaladas no número anterior, que provoque un agravamento na situación do ben, comportará a obriga para a persoa titular da propiedade de repoñer o ben ao seu debido estado.

CAPÍTULO III Plans especiais de protección

Artigo 55. Necesidade de aprobación de plans especiais de protección

1. A declaración de interese cultural dun conxunto histórico, zona arqueolóxica, lugar de valor etnolóxico ou sitio histórico determinará a obriga para o concello no territorio do cal se encontre de redactar un plan especial de protección do ben, que se poderá estender ao seu contorno de protección e zona de amortecemento, de ser o caso.

A preexistencia doutro planeamento contraditorio coa protección ou a inexistencia previa de planeamento xeral non escusará a obrigatoriedade da dita normativa.

2. Nos supostos de zonas arqueolóxicas, lugares de valor etnolóxico e sitios históricos, os concellos poderán substituír a obriga prevista no número anterior pola previsión e desenvolvemento no seu planeamento xeral de determinacións de protección suficientes para os efectos desta lei.

3. Tamén poderán realizarse plans especiais de protección para a definición dos criterios de intervención nos ámbitos de protección ou zonas de amortecemento de bens inmobles do resto de categorías, excepto para as paisaxes culturais e os territorios históricos, que se regularán conforme o establecido no capítulo seguinte, así como para a definición das actuacións compatibles en función da súa natureza e características.

4. Regulamentariamente poderán establecerse as peculiaridades propias da súa elaboración, tramitación e aprobación.

Artigo 56. Contido do plan especial de protección

O plan especial de protección ao que se refire o artigo anterior terá, ademais do previsto na súa propia normativa, o contido seguinte:

a) A definición da estrutura territorial do ben en función da súa natureza, a análise da súa significación cultural e as características xerais do contorno e os criterios para mantela, coa documentación histórica e a información gráfica e planimétrica necesaria para unha completa descrición de todos os elementos que constitúen o ben. As modificacións de aliñacións e rasantes existentes, as alteracións da edificabilidade, os incrementos de volume e as parcelacións e agregacións de inmobles serán obxecto de estudo pormenorizado no plan, que deberá xustificar o seu mantemento, modificación ou supresión.

b) Un catálogo exhaustivo de todos os bens que o conforman, incluídos aqueles de carácter ambiental, sinalados con precisión nun plano topográfico, e con fichas individualizadas coa súa descrición e a referencia ás intervencións e medidas concretas previstas para a conservación dos seus valores culturais.

c) Normas específicas para a protección do patrimonio artístico, arquitectónico, etnolóxico e arqueolóxico, clasificado segundo os niveis de protección previstos nesta lei.

d) Condicións para a autorización das intervencións, de conformidade co disposto nesta lei.

e) Os criterios relativos á conservación de fachadas, cubertas e instalacións sobre estas, así como dos elementos máis significativos existentes no interior dos inmobles.

f) As posibles áreas de rehabilitación que permitan a recuperación dos usos tradicionais, en especial o residencial, e as actividades económicas adecuadas.

g) A orde prioritaria dos usos públicos nos edificios e espazos que sexan aptos para iso.

h) A zonificación das áreas de fertilidade arqueolóxica, solucións técnicas e medidas financeiras.

i) Excepcionalmente, as remodelacións urbanas propostas que impliquen unha mellora das súas relacións no ámbito territorial ou eviten usos degradantes para o ben ou melloren as súas condicións de apreciación.

Artigo 57. Réxime transitorio en tanto non se aprobe definitivamente a normativa urbanística de protección

1. En tanto non sexa aprobado definitivamente o plan especial de protección dos bens declarados de interese cultural a que se refire o artigo 55, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da declaración precisará a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. Nos conxuntos históricos, en tanto non se aprobe o dito plan especial, non se admitirán modificacións nas aliñacións e rasantes existentes, incrementos ou alteracións do volume, parcelacións nin agregacións que supoñan modificación das fachadas e, en xeral, cambios que afecten a harmonía do conxunto.

Artigo 58. Competencias específicas de autorización en áreas ordenadas mediante plans especiais de protección de bens inmobles de interese cultural

1. Tras a aprobación definitiva do plan especial de protección dos bens declarados de interese cultural ao que se refire o artigo 55, os concellos serán competentes para autorizar as intervencións que o desenvolven, incluídas as dos contornos de protección dos bens declarados de interese cultural individualmente dentro do seu ámbito se o plan contén as previsións necesarias para a súa especial protección.

2. O concello comunicaralle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e licenzas ditadas conforme esta habilitación.

3. Exceptúanse do disposto no número 1 deste artigo as intervencións sobre os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico, así como sobre os que sexan de titularidade da Igrexa católica e para as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente en materia de patrimonio cultural, que se someterán ao réxime xurídico ordinario recollido no artigo 39.

4. O incumprimento polo concello da habilitación conferida neste artigo, ou o outorgamento de licenzas contrarias ás determinacións do plan especial de protección, rexerase polo réxime sancionador previsto no título X.

CAPÍTULO IV Instrumentos específicos de protección das paisaxes culturais e dos territorios históricos

Artigo 59. Necesidade de aprobación de instrumentos específicos de protección

1. En relación coas paisaxes culturais e cos territorios históricos declarados de interese cultural, coa excepción do réxime específico dos Camiños de Santiago, que atenderá ao disposto no título sexto desta lei, deberá aprobarse un instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística que conteña as determinacións precisas para asegurar a súa protección e salvagardar os seus valores culturais.

2. As intervencións que se pretendan realizar no seu ámbito seguirán o réxime de autorizacións previsto nesta lei.

Artigo 60. Contido dos instrumentos específicos de ordenación territorial ou urbanística das paisaxes culturais e dos territorios históricos

O instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística previsto no artigo anterior, ademais do previsto na súa propia normativa, terá o contido seguinte:

a) A caracterización da estrutura territorial do ben en función da súa natureza, a análise da súa significación cultural e as características xerais do contorno, da súa conca visual, e os criterios para mantela, coa documentación histórica e a información gráfica e planimétrica necesaria para unha completa descrición de todos os elementos que constitúen o ben.

b) Un catálogo exhaustivo de todos os bens que o conforman, incluídos aqueles de carácter ambiental, sinalados con precisión nun plano topográfico, e con fichas individualizadas coa súa descrición e a referencia ás intervencións e medidas concretas previstas para a conservación dos seus valores culturais.

c) As directrices xerais para a protección do patrimonio arquitectónico, etnolóxico e arqueolóxico, clasificado segundo os niveis de protección previstos nesta lei.

Artigo 61. Réxime transitorio durante a tramitación do instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística das paisaxes culturais e dos territorios históricos

En tanto non sexa aprobado definitivamente o instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística das paisaxes culturais ou dos territorios históricos declarados de interese cultural a que se refire o artigo 59, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da declaración precisará a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 62. Competencias específicas de autorización en paisaxes culturais e territorios históricos ordenados mediante un instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística

1. Tras a aprobación definitiva do instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística das paisaxes culturais ou dos territorios históricos declarados de interese cultural ao que se refire o artigo 59, os concellos serán competentes para autorizar as intervencións que o desenvolven, incluídas as dos contornos de protección dos bens declarados de interese cultural individualmente dentro do seu ámbito se o plan contén as previsións necesarias para a súa especial protección.

2. O concello comunicaralle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e licenzas ditadas conforme esta habilitación.

3. Exceptúanse do disposto no número 1 deste artigo as intervencións sobre os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico, sobre calquera ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago, así como sobre os que sexan de titularidade da Igrexa católica e para as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente en materia de patrimonio cultural, que se someterán ao réxime xurídico ordinario recollido no artigo 39.

4. O incumprimento reiterado polo concello da habilitación conferida neste artigo ou o outorgamento de licenzas contrarias ás determinacións do instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística da paisaxe cultural ou do territorio histórico, habilita a consellaría competente en materia de patrimonio cultural para asumir o exercicio da competencia de autorización, despois da apertura dun expediente contraditorio con audiencia do concello, con independencia das sancións que puideren derivar dos ditos incumprimentos.

CAPÍTULO V Bens mobles

Artigo 63. Comercio de bens mobles

1. En ningún caso se poderán allear os bens cuxo comercio queda prohibido en aplicación desta lei ou da lexislación estatal na materia.

2. As coleccións de bens mobles de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia que como tales teñan a condición de bens de interese cultural non poden ser disgregadas polas persoas titulares ou posuidoras sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 64. Réxime de traslado de bens mobles

1. O traslado de bens mobles declarados de interese cultural deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural. Indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá incorporar na resolución pola que se autorice o traslado as instrucións precisas para garantir a salvagarda do ben e adoptar as medidas necesarias para paralizar o seu desprazamento cando se aprecie a existencia de riscos para a súa conservación e protección.

3. Na declaración de interese cultural dun ben inmoble sinalaranse os bens mobles afectados pola declaración que se consideren inseparables do dito inmoble, os cales quedarán sometidos ao seu mesmo destino, polo que a súa separación, sempre con carácter excepcional, exixirá a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. A declaración de interese cultural dun ben inmoble non impedirá a inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia de bens mobles situados neste, que quedan sometidos ao réxime de traslado propio dos bens catalogados, salvo que se consideren inseparables do ben inmoble na propia declaración.

TÍTULO IV Réxime específico de protección dos bens catalogados

Artigo 65. Réxime de autorización nos bens inmobles catalogados

1. Calquera intervención nun ben inmoble incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia ou que afecte o seu contorno de protección ou a súa zona de amortecemento, nos termos previstos nos artigos 45 e 47, necesitará a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. No caso de que os concellos conten con instrumentos de planeamento urbanístico xeral ou de desenvolvemento adaptados ás previsións desta lei en materia de protección do patrimonio cultural, estarán habilitados para autorizar as intervencións que se refiran a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico e os seus contornos de protección e zonas de amortecemento.

O concello comunicaralle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e licenzas ditadas conforme esta habilitación.

3. A dita habilitación concretarase, en cada caso, nun convenio de colaboración específico entre o concello e a consellaría competente en materia de patrimonio cultural que recolla, como mínimo, os compromisos de asesoramento autonómico e os recursos técnicos de supervisión e seguimento de carácter municipal, para determinar o alcance da habilitación.

4. Exceptúanse do disposto na habilitación anterior as intervencións sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico, sobre calquera ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago, así como os que sexan titularidade da Igrexa católica e para as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente en materia de patrimonio cultural, que se someterán ao réxime xurídico ordinario recollido no primeiro punto deste artigo.

5. O incumprimento reiterado polo concello da habilitación conferida ao abeiro deste artigo, a vulneración das cláusulas do convenio ou o outorgamento de licenzas contrarias ás determinacións de planeamento en materia de protección do patrimonio cultural ou ás condicións establecidas no artigo 42 en relación coas obras autorizables en función do nivel de protección, facultan a consellaría competente en materia de patrimonio cultural para asumir o exercicio da competencia de autorización, despois da apertura dun expediente contraditorio con audiencia do concello e da resolución do convenio, con independencia das sancións que puideren derivar dos ditos incumprimentos.

Artigo 66. Réxime de traslado de bens mobles catalogados

1. Quen promova o traslado de bens mobles catalogados deberá realizar unha comunicación previa á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

A comunicación conterá a información relativa á orixe e ao destino dos bens mobles catalogados e ao motivo e tempo de desprazamento, así como ás condicións de conservación, seguridade, transporte e aseguramento.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá ditar en calquera momento as instrucións precisas para garantir a salvagarda do ben no seu traslado e localización e adoptará as medidas necesarias para paralizar o seu desprazamento cando se aprecie a existencia de riscos para a súa conservación e protección.

TÍTULO V O patrimonio cultural inmaterial

Artigo 67. Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial

A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial garantirase a través das medidas dirixidas a garantir a súa viabilidade, que comprenden a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

Artigo 68. Identificación, documentación e investigación do patrimonio cultural inmaterial

1. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural identificará e rexistrará, de acordo co previsto no título primeiro desta lei, as distintas manifestacións do patrimonio cultural inmaterial presentes no seu territorio, fomentando na elaboración desta relación a participación das comunidades, os grupos e as organizacións entre cuxos obxectivos figure o fomento e o desenvolvemento da cultura, así como das institucións representativas, académicas e científicas pertinentes.

2. A Xunta de Galicia velará, xunto con outras institucións da Comunidade Autónoma, pola preservación da toponimia tradicional, que se considera un valor identitario da Comunidade Autónoma así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens.

Artigo 69. Medidas específicas de salvagarda

1. As administracións públicas adoptarán unha política xeral encamiñada a salientar a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade como elemento de carácter identitario, así como a integrar a súa salvagarda nos seus programas de planificación, especialmente mediante os programas educativos e de sensibilización adecuados para o recoñecemento, o respecto, a difusión e a valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, nos que a infancia e a xuventude ocuparán un lugar relevante.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural fomentará estudos científicos, técnicos e artísticos para o rexistro e difusión do patrimonio cultural inmaterial, así como o desenvolvemento de metodoloxías para a súa investigación, en especial do que se encontre en perigo.

3. Así mesmo, nas condicións que regulamentariamente se establezan, procurará adoptar as medidas de orde xurídica, educativa, técnica, administrativa e financeira adecuadas para:

a) Favorecer a creación e o fortalecemento de institucións de formación en xestión do patrimonio cultural inmaterial, así como a transmisión deste patrimonio nos foros e espazos destinados á súa manifestación e expresión.

b) Garantir o acceso ao patrimonio cultural inmaterial, respectando ao mesmo tempo os usos consuetudinarios polos que se rexe o acceso a determinados aspectos do dito patrimonio.

c) Facilitar o acceso á documentación e organizacións sobre o patrimonio cultural inmaterial.

d) Manter o público informado das ameazas que pesan sobre este patrimonio e das actuacións de salvagarda recomendadas.

4. A Xunta de Galicia fomentará medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia que se manifeste fóra do seu territorio, en especial en Latinoamérica, e tamén onde exista unha presenza de comunidades galegas ou de expresións culturais comúns e compartidas, en particular na área da lusofonía.

5. Así mesmo, desenvolveranse medidas para recoñecer a contribución das artistas e dos artistas, das persoas que participan nos procesos creativos, das comunidades culturais e das organizacións que apoian o seu traballo, así como o papel fundamental que desempeñan.

6. Na protección da toponimia, a Xunta de Galicia e as demais administracións implicadas inspirarán as súas actuacións nas indicacións e recomendacións dos organismos internacionais.

Artigo 70. Protección do patrimonio cultural inmaterial

1. Os bens do patrimonio cultural inmaterial que resulten singulares e relevantes poderán ser declarados bens de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, co obxecto de xerarquizar e priorizar as medidas de salvagarda que poidan ser necesarias.

2. No ámbito dos bens do patrimonio cultural inmaterial que sexan declarados bens de interese cultural ou catalogados poderán identificarse e recoñecerse:

a) Mestres e mestras: persoas que se signifiquen pola súa especial contribución para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e a transmisión dos seus valores á súa comunidade e á sociedade en xeral.

b) Comunidades: grupos de persoas que manteñen vivas as expresións do patrimonio cultural inmaterial, estean ou non constituídas oficialmente como asociacións ou colectivos, e que son as lexítimas posuidoras dos bens e coñecementos tradicionais.

c) Organizacións: entidades culturais sen ánimo de lucro que teñen entre os seus obxectivos o mantemento, a transmisión e outras medidas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

3. Así mesmo, nos bens do patrimonio cultural inmaterial que o requiran, poderán identificarse manifestacións singulares que se encadren na categoría xeral de ben declarado de interese cultural ou catalogado.

4. A declaración de interese cultural ou a catalogación dun ben do patrimonio cultural inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.

5. A declaración de interese cultural ou a catalogación dun ben do patrimonio cultural inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico, os cambios aos que necesariamente debe adaptarse e o paso duns individuos a outros en diferentes contornos sociais, económicos, tecnolóxicos e culturais.

6. A declaración de interese cultural ou a catalogación dun ben do patrimonio cultural inmaterial recollerá, de ser o caso, o marco temporal e espacial no que o ben do patrimonio cultural inmaterial se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.

7. A protección do patrimonio cultural inmaterial levará implícitos a promoción e o fomento do seu estudo e recompilación.

Artigo 71. Órgano de xestión do ben do patrimonio cultural inmaterial protexido

1. Para cada ben do patrimonio cultural inmaterial que sexa declarado de interese cultural poderá establecerse o recoñecemento ou a creación dun órgano de xestión específico que, por resultar representativo das comunidades e organizacións recoñecidas, estea lexitimado para propoñer e establecer as medidas de salvagarda que resulten máis adecuadas para a conservación e transmisión dos seus valores culturais.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá colaborar co órgano de xestión proporcionando apoio e asesoramento técnico e, no caso de que se considere conveniente, incorporándose a este, para facilitar a definición ou a execución de determinadas medidas de salvagarda.

3. Os órganos de xestión terán entre as súas funcións:

a) A transmisión entre as comunidades e as organizacións das súas actividades e manifestacións.

b) A monitorización do estado de conservación do ben e dos seus valores culturais, así como a comunicación das situación de risco ou das ameazas a que poida verse sometido.

c) A realización de propostas de medidas de salvagarda adecuadas.

d) A proposta de recoñecemento de mestres e mestras, comunidades ou organizacións no ámbito do ben do patrimonio cultural inmaterial protexido.

4. A execución das medidas de salvagarda que desenvolvan as administracións públicas procurará o diálogo previo cos órganos de xestión, os individuos, as comunidades e as organizacións, respectando a súa probada e arraigada competencia na dita misión de salvagarda, así como as xerarquías internas coas que se rexen.

Artigo 72. Protección dos bens materiais vinculados ao patrimonio cultural inmaterial

1. Na identificación dos bens do patrimonio cultural inmaterial relacionaranse os bens mobles e inmobles que pola súa especial vinculación ao ben inmaterial resulten relevantes para a conservación do seu carácter e valores e que, en consecuencia, deben ser obxecto de protección.

2. A protección dos bens materiais vinculados co patrimonio inmaterial rexerase polo disposto no réxime xeral de protección dos bens mobles e inmobles desta lei e polo que especificamente corresponda en relación coa súa natureza, con especial consideración da posición e significado que ocupen en relación cos valores culturais do ben inmaterial.

3. Procederá tamén, se se considera necesario, a protección dos espazos e lugares importantes para a memoria colectiva como soportes indispensables nos que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse.

TÍTULO VI Os Camiños de Santiago

Artigo 73. Concepto dos Camiños de Santiago

1. Os Camiños de Santiago están formados polo conxunto de rutas recoñecidas documentalmente das que pode testemuñarse o seu uso como rutas de peregrinación de longo percorrido e que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan.

2. As rutas principais dos Camiños de Santiago son: o Camiño Francés; o Camiño do Norte, ruta da costa e ruta do interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo; o Camiño Inglés; o Camiño de Fisterra e Muxía; o Camiño Portugués, interior e da costa; a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe; e o Camiño de Inverno.

3. Poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren.

Artigo 74. Natureza dos Camiños de Santiago

1. O conxunto de rutas dos Camiños de Santiago está constituído por vías de dominio e uso público, os seus elementos funcionais e o territorio que o define.

2. Son elementos funcionais dos Camiños de Santiago os que forman parte da súa fisionomía como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares, así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso.

3. Nos casos en que sexa necesaria a recuperación da súa traza en terreos de propiedade privada, o seu largo virá constituído por unha franxa de polo menos tres metros. En tanto non se recupere, constituirase unha servidume pública para o paso dos Camiños de Santiago sobre propiedade privada do mesmo largo de tres metros.

Artigo 75. Protección dos Camiños de Santiago

1. As rutas dos Camiños de Santiago que sexan incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco terán a consideración de bens de interese cultural.

O resto das rutas dos Camiños de Santiago a que se refire o artigo 73.2 terán a consideración de bens catalogados, coa categoría de territorios históricos, sen prexuízo de que, por acordo unánime dos concellos polos que discorre, se solicite á consellaría competente en materia de patrimonio cultural a incoación da súa declaración como ben de interese cultural, ou da posible incoación de oficio pola propia consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. A aprobación definitiva da delimitación da traza e do territorio histórico de calquera ruta dos Camiños de Santiago obrigará os concellos en cuxo territorio se localiza a incorporala aos seus instrumentos de planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de conservación.

3. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural adoptará medidas e elaborará documentos ou instrucións xerais nas que se describan procedementos e metodoloxías para as intervencións habituais de mantemento e conservación no ámbito delimitado dos territorios históricos dos Camiños de Santiago.

Artigo 76. Delimitación dos Camiños de Santiago

1. A delimitación das rutas dos Camiños de Santiago será aprobada mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. O procedemento de delimitación incoarase de oficio mediante resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. A incoación notificaráselles aos concellos por cuxo termo municipal discorre o Camiño e publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. A publicación no Diario Oficial de Galicia supoñerá a apertura dun período de información pública dun mes.

3. A incoación do procedemento supoñerá a aplicación provisional do réxime previsto nesta lei para as rutas xa delimitadas.

4. O procedemento, no que deberá intervir preceptivamente o Consello Asesor dos Camiños de Santiago, deberá resolverse nun prazo de vinte e catro meses. De rematar este prazo sen resolución expresa producirase a caducidade.

5. No decreto de delimitación definiranse os seguintes elementos:

a) Os trazados da ruta:

1º. Trazados principais: tramos históricos que permanecen en uso con características tradicionais.

2º. Trazados de vestixios históricos: tramos históricos documentados que se perderon física ou funcionalmente.

3º. Trazados funcionais: tramos alternativos de carácter cultural, ambiental ou de seguridade para as persoas usuarias.

b) O ámbito xeográfico da implantación do territorio histórico, que incluirá os núcleos rurais tradicionais así como os bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados e, se é o caso, os contornos de protección que atravese e que excluirá aquelas zonas urbanas de crecemento e transformación recente sen valores culturais.

c) A súa zona de amortecemento, cando se considere necesaria segundo o establecido no artigo 13.

d) A relación de bens inmobles de valor cultural asociados no ámbito do territorio histórico.

Artigo 77. Uso dos Camiños de Santiago

1. Procurarase o uso da traza dos Camiños como sendeiro peonil, destino que será compatible coa súa utilización como vía ecuestre ou como vía para vehículos sen motor.

2. As obras e actividades no ámbito delimitado dos Camiños de Santiago serán compatibles coa conservación e protección dos seus valores propios, e como criterio xeral deberán manter as características principais do territorio que conforman, o que supoñerá preferentemente o mantemento dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais.

3. En ningún caso a utilización dos Camiños de Santiago nin a dos seus elementos funcionais poderá supoñer un perigo de destrución ou deterioración ou realizarse de forma incompatible cos seus valores culturais.

Artigo 78. Usos e actividades prohibidas nos Camiños de Santiago

1. Os tramos non urbanos da traza dos Camiños de Santiago non poderán ser utilizados para o tráfico rodado de vehículos de motor, calquera que sexa a súa natureza, agás nos casos en que resulte o único modo de acceso a parcelas e vivendas ou que se trate de vehículos necesarios para o seu mantemento e conservación e dos de extinción de incendios.

2. No ámbito de tres metros a ambos os dous lados da traza a partir da súa liña exterior prohíbense os seguintes usos e actividades:

a) A corta xeneralizada de arboredo frondoso autóctono. Poderá autorizarse a corta illada de frondosas autóctonas coa obriga, de ser o caso, de compensar a corta coa replantación inmediata de exemplares similares.

b) O establecemento de campamentos e, en xeral, calquera tipo de acampada colectiva ou individual.

c) Nos tramos non urbanos, calquera tipo de actividade construtiva, con excepción das que resulten necesarias para o acondicionamento, a conservación ou a protección dos Camiños de Santiago ou das que respondan ás características tradicionais do ámbito polo que discorren os Camiños. Excepcionalmente, mediante resolución expresa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, poderán autorizarse edificacións compatibles formal, ambiental e funcionalmente co valor cultural dos Camiños.

d) A plantación de especies forestais alóctonas.

3. No ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago prohíbense os seguintes usos e actividades:

a) As explotacións mineiras e as canteiras, incluídas as extraccións de grava e area.

b) As instalacións para a xestión de residuos e vertedoiros, provisionais ou definitivos.

c) A publicidade ou os carteis en tramos non urbanos que excedan da finalidade meramente indicativa para a localización de servizos ou establecementos, o que terá que ser expresamente autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural. En tramos urbanos, a súa regulación correspóndelle ao respectivo concello.

Artigo 79. Ocupación dos Camiños de Santiago

1. Nos casos en que, por razón debidamente xustificada, sexa indispensable ocupar de forma provisional algún tramo dos Camiños de Santiago, deberá considerarse un trazado alternativo que reunirá as condicións ambientais e de seguridade adecuadas e que será debidamente sinalizado, logo da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. A necesidade de ocupación dalgún tramo dos Camiños de forma permanente por causas de forza maior ou interese social obrigará, previamente, a incoar o correspondente procedemento administrativo de delimitación, no que deberá acreditarse a existencia da dita necesidade e a inviabilidade doutras alternativas. O trazado alternativo adquirirá natureza demanial como Camiño de Santiago.

Artigo 80. Expropiación forzosa de tramos ou terreos dos Camiños de Santiago

1. A aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade da traza coma dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

2. Poderán, así mesmo, arbitrarse procedementos de reordenación da propiedade ou de expropiación forzosa co obxectivo de establecer paulatinamente accesos a parcelas e vivendas que eviten a utilización de tramos dos Camiños polo tráfico rodado.

3. O incumprimento das obrigas e prohibicións previstas nesta lei implicará a declaración de interese social para aplicarlle, se é o caso, a expropiación forzosa dos bens.

Artigo 81. Sinalización dos Camiños de Santiago

1. A Xunta de Galicia establecerá unha sinalización uniforme das rutas dos Camiños de Santiago en Galicia, e procurarase o mesmo no resto de rutas, en colaboración co resto de comunidades autónomas e co Consello Xacobeo e segundo as recomendacións do Consello de Europa.

2. A rotulación dentro do territorio de Galicia empregará a lingua galega. No caso de que se empreguen varios idiomas, o galego terá lugar preferente na orde de colocación e maior relevancia na dimensión tipográfica.

3. Fóra do territorio da Comunidade Autónoma promoveranse os acordos oportunos para que na rotulación se empregue o galego e para que os topónimos se expresen de forma correcta.

4. A sinalización dos Camiños de Santiago en Galicia terá un carácter oficial e responderá ás delimitacións das rutas aprobadas. Incorporará os topónimos, como parte dos seus valores culturais e manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, e, de ser o caso, información adicional de recursos culturais e servizos para o peregrino. Non poderá usarse a simboloxía e sinalización propia dos Camiños de Santiago sen a autorización do departamento responsable na materia.

Artigo 82. Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago

1. A efectiva protección dos Camiños de Santiago requirirá a aprobación dun plan territorial integrado dos Camiños de Santiago que estableza as liñas xerais para o mantemento e a conservación dos seus valores culturais e para garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles.

2. Para o seu desenvolvemento empregarase o tipo de documento de planificación urbanística ou de ordenación do territorio que resulte máis axustado para establecer os criterios, as condicións e o réxime necesario para a protección dos Camiños de Santiago.

3. O ámbito para o desenvolvemento do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados.

4. O obxectivo principal do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago será a conservación xeral do carácter dos territorios históricos, mantendo as súas características tradicionais, polo que as modificacións da súa estrutura serán excepcionais e deberán ser xustificadas para mellorar as condicións de relación do ben co seu contorno, evitar usos incompatibles ou degradantes e optimizar as infraestruturas agrícolas e gandeiras. En relación cos tramos dos Camiños e os núcleos de poboación relacionados, procurarase manter e integrar o carácter, a tipoloxía, os volumes, o cromatismo, os materiais e as aliñacións existentes de carácter tradicional a ambos os dous lados da traza.

5. O Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago será redactado, conforme a lexislación vixente na materia de ordenación do territorio, pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e aprobado polo Consello da Xunta mediante decreto. Será necesaria a súa valoración previa, polo menos, polo Consello Asesor dos Camiños de Santiago.

6. Despois de aprobarse o Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago, os concellos polos que discorre o territorio histórico deberán adaptar o seu planeamento xeral ás previsións e ás directrices contidas no Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago.

7. Tras adaptarse o planeamento municipal ás previsións do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago, os concellos polos que discorren os Camiños de Santiago estarán habilitados para autorizar as intervencións que se realicen no seu ámbito, agás as que afecten as propias trazas dos camiños e os seus elementos funcionais, así como as que afecten os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, os bens integrantes do patrimonio artístico ou arqueolóxico, os que sexan titularidade da Igrexa católica e as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Todas estas intervencións, que non poden autorizar os concellos, corresponderanlle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

8. Os concellos comunicaranlle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e as licenzas que se concedan conforme esta habilitación.

TÍTULO VII Bens culturais específicos

CAPÍTULO I Bens que integran o patrimonio artístico

Artigo 83. Concepto

1. Para os efectos desta lei, integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia.

2. Sen prexuízo da súa posible declaración como bens de interese cultural de forma individualizada, incluiranse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia as manifestacións escultóricas realizadas en madeira e as manifestacións pictóricas cuxa antigüidade sexa anterior a 1600.

3. Os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural.

4. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural elaborará instrucións que inclúan as características xenéricas dos bens mobles que reúnan valores culturais que os fagan pertencentes ao patrimonio artístico e mesmo a súa clasificación como bens de interese cultural ou catalogados.

Artigo 84. Intervencións en bens integrantes do patrimonio artístico

As intervencións que se realicen sobre bens integrantes do patrimonio artístico declarados de interese cultural ou catalogados, autorizadas pola consellaría competente, deberán ser dirixidas e, de ser o caso, executadas por persoas coa oportuna capacitación ou habilitación técnica ou profesional, segundo os proxectos de intervención que se axusten ao que determina o artigo 43 e demais determinacións derivadas desta lei.

Artigo 85. Réxime de protección do patrimonio artístico

1. As autorizacións da consellaría competente en materia de patrimonio cultural para realizar intervencións sobre bens integrantes do patrimonio artístico declarados de interese cultural ou catalogados deberán resolverse nun prazo máximo de tres meses. En caso de silencio administrativo, entenderanse desestimadas.

2. Queda prohibida a destrución dos bens integrantes do patrimonio artístico. Por razóns de forza maior, interese social ou carencia de interese cultural, logo da autorización do órgano competente, poderase proceder ao seu traslado ou mantemento a través da documentación previa deste.

Artigo 86. Patrimonio artístico da Xunta de Galicia

Integran o patrimonio artístico da Xunta de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de titularidade da Administración da Comunidade Autónoma, calquera que sexa o título da súa adquisición.

CAPÍTULO II Bens que integran o patrimonio arquitectónico

Artigo 87. Concepto

1. Para os efectos desta lei, integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela.

2. O patrimonio arquitectónico caracterízase polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas, e as cores e as texturas dos materiais.

3. O patrimonio arquitectónico aparece integrado de forma harmónica no territorio, formando parte das cidades, dos núcleos urbanos e rurais tradicionais e dos seus contornos naturais ou construídos, así como nos ámbitos territoriais que contribuíu a transformar e caracterizar.

Artigo 88. Contido do patrimonio arquitectónico

1. Para os efectos do establecido no artigo anterior, presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico, para a súa inclusión neste capítulo, nos seguintes bens:

a) Os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, as polvoreiras e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Todas estas tipoloxías de inmobles construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural.

b) Os edificios relacionados co culto relixioso católico e doutras confesións, aínda que perdesen o seu uso, como catedrais, mosteiros, conventos, colexiatas, igrexas, ermidas, capelas, seminarios ou casas reitorais, construídos con anterioridade a 1836.

c) Os edificios e construcións propios da arquitectura civil que servisen para uso público comunitario, como casas consistoriais, pazos provinciais, teatros, hoteis, hospitais, sanatorios, alfándegas, mercados, fundacións en Galicia de agrupacións de emigrantes ou centros de ensino, construídos con anterioridade a 1926.

d) Os edificios destinados ao uso privado ou os conxuntos dos ditos edificios, de carácter rural ou urbano, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais.

e) Os edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos. Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa.

f) Os inmobles e construcións propios das obras públicas e a enxeñaría histórica que aparecen integrados de forma harmónica no territorio formando parte das cidades, núcleos urbanos ou rurais tradicionais e das franxas territoriais que transformaron, axudaron a construír e caracterizan culturalmente. Forman parte da enxeñaría histórica as pontes, os túneles, as estacións e os edificios ferroviarios, as presas, as canles e os abastecementos, os faros e os peiraos, as infraestruturas e os edificios portuarios, e outras construcións que posúan unha significativa dimensión paisaxística, urbana, territorial, técnica e arquitectónica e que fosen construídos antes de 1901.

2. As presuncións establecidas no punto anterior poden ser obxecto de revisión en función da situación e características do ben. Do mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor arquitectónico aos bens construídos con posterioridade ás datas sinaladas no punto anterior sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

Artigo 89. Metodoloxía e criterios que se deben seguir nas actuacións sobre o patrimonio arquitectónico

1. Calquera intervención sobre un ben integrante do patrimonio arquitectónico declarado de interese cultural ou catalogado basearase nunha rigorosa análise crítica dos seus valores culturais, que incluirá unha avaliación do ben e dos seus elementos característicos e que se dirixirá a asegurar o mantemento das características e valores que configuran a súa significación, realizando para iso unha investigación apropiada e recompilando a documentación necesaria. A análise terá como obxectivo básico a salvagarda da autenticidade e integridade do ben e avaliará desde as distintas perspectivas de estudo a actuación que se propón.

2. A dita análise será realizada por un equipo interdisciplinar composto por persoal técnico e profesional competente en cada unha das materias obxecto de estudo, no caso dos bens máis relevantes.

3. En bens integrantes do patrimonio arquitectónico nos que se proxecten actuacións susceptibles de afectar o patrimonio arqueolóxico, realizarase un estudo previo para avaliar a compatibilidade das actuacións coa salvagarda dos restos arqueolóxicos que poidan aparecer. Nos casos en que a afección ao subsolo sexa pequena, a intervención arqueolóxica poderá executarse en paralelo á obra.

4. A conservación do patrimonio arquitectónico debe considerar os criterios de sustentabilidade medioambiental, procurando que as intervencións se realicen con métodos compatibles co seu valor cultural e deseñando un mantemento, uso e xestión futura sustentables. É recomendable a utilización de materiais, técnicas construtivas e solucións arquitectónicas tradicionais que, pola súa probada experiencia, efectividade e adaptación sensible ao medio, adoiten contribuír á sustentabilidade. Porén, o significado cultural dos bens integrantes do patrimonio arquitectónico non debe verse danado polas medidas de mellora da eficiencia enerxética.

5. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecerá, mediante instrucións, o contido, o formato e o soporte dos proxectos de conservación e dos informes interdisciplinares ou especializados necesarios, as disciplinas e o persoal profesional que debe participar na avaliación, deseño e execución das actuacións e os criterios que se seguirán no deseño e a prescrición das técnicas e procedementos de conservación que se aplicarán sobre o patrimonio arquitectónico.

Artigo 90. Plans de conservación do patrimonio arquitectónico

1. A declaración de interese cultural de bens integrantes do patrimonio arquitectónico poderá establecer a obriga de redactar un plan de conservación que teña por finalidade guiar as intervencións de mantemento, conservación, consolidación, restauración e rehabilitación, co obxecto de manter a integridade do ben patrimonial a través do entendemento e a interpretación crítica da súa significación cultural e de procurar a súa utilización de forma sustentable.

2. Segundo a importancia do ben e a súa complexidade establécense tres tipos de plans de conservación:

a) O plan director de conservación, que se lles aplicará aos bens monumentos de maior tamaño ou de maior complexidade e singularidade cultural e a aqueles nos que se prevexa a posibilidade de incorporar novos usos, polo que incluirá tamén as previsións de intervencións de reestruturación e ampliación, así como as de investigación ou valorización.

b) Os proxectos ou plans integrais de conservación, de aplicación nos bens monumentos de menor tamaño e complexidade cultural nos que permaneza o uso invariable ou se proxecten actuacións integrais.

c) Os plans de conservación preventiva ou plans de mantemento, de aplicación nos bens que non precisen de actuacións de conservación curativa, restauración ou rehabilitación inmediatas.

3. O contido dos plans de conservación aos que fai referencia o punto anterior, así como o seu alcance, formato e soporte, determinaranse regulamentariamente.

4. Cando se determine na declaración de interese cultural dun ben integrante do patrimonio arquitectónico a necesidade de contar cun plan director de conservación ou cun plan integral de conservación, mentres este non se desenvolva só será posible realizar actuacións de investigación, de mantemento ou parciais de conservación, de consolidación, de restauración ou de reestruturación puntual co obxecto de adecuación funcional para potenciar os usos existentes e mellorar as condicións de seguridade funcional, accesibilidade e salubridade que non precisen da rehabilitación integral do monumento.

5. Os plans de conservación aos que fai referencia este artigo precisarán da aprobación da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Non se autorizarán obras de ampliación ou rehabilitación de carácter integral se non consta a autorización nos supostos en que se determinase a necesidade da súa redacción.

CAPÍTULO III Bens que integran o patrimonio etnolóxico

Artigo 91. Concepto

1. Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

2. A declaración ou catalogación dun ben etnolóxico de carácter inmaterial poderá incluír a protección dun ámbito territorial vinculado a el, así como a dos bens mobles ou inmobles que se lle asocien.

3. Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade:

a) Os hórreos, os cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas.

b) As construcións tradicionais de cuberta vexetal como as pallozas e os chozos característicos das serras galegas.

c) Os batáns e os muíños de río, de mareas ou de vento tradicionais, incluída a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento.

d) As fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional.

e) As ferrarías, as telleiras, os talleres artesanais e os fornos de cal, cerámicos ou de pan de uso comunal, de carácter tradicional.

f) Os camiños reais, as pontellas tradicionais e as eiras de mallar de carácter comunal, sempre que conserven de forma suficiente a súa traza, aspecto, carácter, formalización e pavimento tradicionais.

g) As alvarizas, as neveiras, as pesqueiras ou gamoas e os foxos de lobo.

h) Os recintos de feira, os santuarios tradicionais, os quioscos de música e as carballeiras de uso público ou consuetudinario relacionado co tempo de lecer e a celebración festiva de carácter tradicional.

i) As fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.

4. As presuncións establecidas no punto anterior poden ser obxecto de revisión en función da situación e características do ben. Do mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor etnolóxico a bens non incluídos no punto anterior sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

Artigo 92. Hórreos, cruceiros e petos de ánimas

1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

Non se poderá autorizar a construción de peches perimétricos, totais ou parciais, a partir dos seus soportes, nin a construción de edificacións ou instalacións acaroadas a eles que afecten os seus valores culturais.

2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico.

3. As actuacións de conservación ou restauración de hórreos declarados de interese cultural ou catalogados realizaranse preferentemente utilizando os materiais e técnicas construtivas tradicionais que correspondan a cada tipoloxía. Nestas intervencións o tratamento e a utilización de material non tradicional deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. No caso de bens etnolóxicos desta natureza, e tendo en conta a súa tipoloxía e sistema construtivo, o movemento dentro do seu contorno de protección non se considerará un traslado para os efectos desta lei nin implicará unha necesaria modificación da súa delimitación, sempre que se garantan no proceso e no lugar definitivo a significación e a interpretación dos seus valores culturais e que se conte coa autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

CAPÍTULO IV Bens que integran o patrimonio arqueolóxico

Sección 1ª. Normas xerais

Artigo 93. Concepto

Para os efectos desta lei, integran o patrimonio arqueolóxico de Galicia os bens do patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, mobles e inmobles, susceptibles de ser estudados con método arqueolóxico, fosen extraídos ou non e tanto se se encontran na superficie coma no subsolo, nas augas interiores ou no mar territorial. Así mesmo, forman parte deste patrimonio os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados coa historia humana, as súas orixes, os seus antecedentes e o seu desenvolvemento sobre o medio.

Artigo 94. Natureza e protección dos bens arqueolóxicos

1. Pertencen ao dominio público todos os obxectos, restos materiais e evidencias arqueolóxicas que posúan os valores que son propios do patrimonio cultural de Galicia e que fosen descubertos como consecuencia de escavacións ou de calquera outro traballo arqueolóxico sistemático, de remocións de terra ou obras de calquera índole ou de forma casual.

2. Son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre.

3. Para os efectos desta lei, presúmese a existencia de valor arqueolóxico nos restos paleolíticos, neolíticos e megalíticos, como as mámoas, os menhires e os dolmens, calcolíticos e da idade de bronce, así como nos representativos da cultura castrexa e galaico-romana.

4. A presunción establecida no punto anterior pode ser obxecto de revisión en función da situación e das características do ben. Do mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor arqueolóxico a bens non incluídos no punto anterior sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

Artigo 95. Clases de actividades arqueolóxicas

Para os efectos desta lei, enténdese por actividade arqueolóxica:

a) A prospección, entendida como a exploración superficial e sistemática sen remoción de terras, tanto terrestre coma subacuática, dirixida ao estudo e investigación para a detección de restos históricos, así como dos compoñentes ambientais relacionados con estes. A prospección abrangue a observación e o recoñecemento sistemático de superficie e tamén a aplicación das técnicas que a arqueoloxía recoñece como válidas.

b) A sondaxe arqueolóxica, entendida como aquela remoción de terras complementaria da prospección encamiñada a comprobar a existencia de restos arqueolóxicos ou a recoñecer a súa estratigrafía. Considérase sondaxe arqueolóxica calquera toma de mostras en xacementos arqueolóxicos.

c) A escavación arqueolóxica, entendida como a remoción de terras, no subsolo ou no medio subacuático, que se realice co fin de descubrir e investigar toda clase de restos históricos ou paleontolóxicos relacionados con estes.

d) O estudo da arte rupestre, entendido como o conxunto de tarefas de campo orientadas á investigación, á documentación gráfica e a calquera manipulación que supoña contacto co soporte dos motivos representados.

e) O control arqueolóxico, entendido como a supervisión nun proceso de obras que afectan ou poden afectar un espazo de posible interese arqueolóxico, establecendo as medidas oportunas que permitan a conservación ou documentación, se é o caso, das evidencias ou elementos de interese arqueolóxico que aparezan no transcurso daquelas.

f) Os labores de protección, acondicionamento, conservación, consolidación e restauración arqueolóxica, entendidos como as intervencións en xacementos arqueolóxicos encamiñadas a favorecer a súa conservación e preservación e que, en consecuencia, permitan o seu desfrute e acceso público e faciliten a súa comprensión e uso social.

g) A manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos.

Artigo 96. Autorización para a realización de actividades arqueolóxicas

1. Será necesaria a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural para a realización das actividades arqueolóxicas a que se refire o artigo anterior.

A realización de obras de edificación ou calquera outra actuación que comporte a remoción de terras nunha zona arqueolóxica ou no seu contorno requirirá a previa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. As autorizacións ás que se refire o parágrafo anterior requirirán a concorrencia dos requisitos seguintes:

a) A presentación dun proxecto que conteña un programa detallado e coherente, que acredite a conveniencia e interese científico da intervención e que avale a idoneidade técnica de quen asuma a dirección.

b) A autorización da persoa propietaria do terreo ou do ben, salvo que a consellaría competente en materia de patrimonio cultural considere a actividade arqueolóxica de especial relevancia para o patrimonio cultural de Galicia, circunstancia que deberá ser obxecto de declaración expresa. A actividade de prospección non necesitará autorización da persoa propietaria.

3. Na resolución pola que se conceda a autorización, que en todo caso se outorgará sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas que foren necesarias, indicaranse:

a) As condicións que deben seguir os traballos arqueolóxicos.

b) O museo, colección visitable ou institución ou centro de carácter museístico autorizado nos que deberán depositarse os materiais. Para a súa determinación terase en conta a relación dos ditos obxectos coa temática do centro ou da colección, a súa proximidade co lugar do achado e as circunstancias que fagan posible a súa correcta conservación e seguridade e o cumprimento máis adecuado da súa función cultural e científica.

c) O prazo para proceder ao depósito e á documentación escrita ou gráfica complementaria correspondente.

4. Entenderase denegada a autorización se a consellaría competente en materia de patrimonio cultural non resolve de xeito expreso no prazo de tres meses.

5. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural, mediante os procedementos de inspección e control idóneos, comprobará que os traballos se desenvolven nos termos e condicións establecidos na autorización e empregando un correcto método científico.

6. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá revogar a autorización concedida por incumprimento das condicións establecidas na autorización ou das demais obrigas establecidas na lei e nas súas normas de desenvolvemento.

A revogación non exonera a persoa ou entidade autorizada do deber de conservar o xacemento ou os vestixios atopados e da obriga de entregar os achados e a documentación de toda índole xerada pola actividade arqueolóxica.

7. Cando, como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacemento declarado de interese cultural ou catalogado, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou a figura de planeamento vixente determinen a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, a persoa ou entidade promotora deberá presentar un proxecto de actividade arqueolóxica conforme o contido do parágrafo 2.a) deste mesmo artigo.

Se a persoa ou entidade promotora é un particular, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá colaborar, mediante subvencións anuais en función das dispoñibilidades orzamentarias, no financiamento do custo da execución do proxecto da actividade arqueolóxica autorizada, sen que en ningún caso esta colaboración poida exceder a metade do seu importe. Se quen promove a obra é unha administración pública ou quen sexa titular dunha concesión dunha administración pública, o custo das intervencións arqueolóxicas será asumido integramente pola entidade promotora.

A consellaría competente en materia de patrimonio cultural non colaborará no financiamento do custo da actividade arqueolóxica cando esta derive da tramitación ou resolución dun procedemento sancionador.

8. As actuacións serán consideradas de urxencia cando exista risco de destrución inmediata do xacemento e se esgotasen todas as posibilidades para evitar a súa desaparición ou afectación.

A consellaría competente en materia de patrimonio cultural, mediante procedemento simplificado, poderá ordenar ou autorizar a realización das intervencións necesarias sempre que concorran as circunstancias previstas no parágrafo anterior.

Artigo 97. Responsabilidade na dirección das actividades arqueolóxicas e destino dos achados arqueolóxicos

1. A autorización para realizar actuacións arqueolóxicas obriga as persoas beneficiarias e a quen asuma a dirección da actuación a:

a) Executar os traballos de acordo co proxecto aprobado e a autorización concedida.

b) Asumir persoalmente a dirección da actuación arqueolóxica.

c) Entregar os obxectos e evidencias obtidos, debidamente inventariados, no museo, colección visitable ou institución ou centro de carácter museístico autorizados, designados na autorización da actividade arqueolóxica. Ata que os obxectos sexan entregados, seranlle de aplicación á persoa titular da autorización as normas de depósito legal. En ningún caso se aplicará o dereito a premio polo achado de restos materiais.

d) Entregar unha memoria de carácter técnico, científica ou interpretativa, con descrición do contexto, estratigrafía, estruturas e materiais e o seu estado de conservación. A dita memoria, de ser o caso, incluirá fichas de diagnose sobre o estado de conservación das estruturas e achados.

2. Regulamentariamente estableceranse os prazos para realizar as entregas e mais o contido, o formato, o soporte e o número de exemplares dos documentos que se deben presentar, así como o resto de condicións e procedementos que regulen o desenvolvemento das actividades arqueolóxicas.

3. No caso de que a actuación sexa consecuencia dun proceso construtivo, tras concluír a actuación arqueolóxica e dentro do prazo outorgado na autorización, a persoa ou entidade promotora ao seu cargo deberá presentar unha memoria técnica científica dos traballos desenvolvidos, subscrita por quen asuma a dirección, acompañada dun inventario detallado dos materiais e evidencias encontrados e a acta de entrega dos citados materiais ao museo, entidade, institución ou centro designado pola administración competente.

En todo caso, con independencia da garantía do recoñecemento da autoría dos documentos aos que se refire este artigo, respectaranse o alcance, as reservas e os límites á propiedade intelectual que derivan do dereito ao acceso aberto á información e investigación financiada con fondos públicos.

4. En ningún caso se entenderá concluída a actividade arqueolóxica autorizada ata a aceptación da devandita memoria técnica pola consellaría competente.

5. A responsabilidade polos danos e perdas que puideren resultar da execución da actividade arqueolóxica, así como a responsabilidade subsidiaria da entrega da memoria final e o depósito dos materiais atopados, recaerán sobre a persoa ou entidade titular da autorización para a realización da actuación arqueolóxica e, se é o caso, sobre as entidades ou empresas promotoras das que dependa.

Artigo 98. Conservación das estruturas arqueolóxicas

1. Ao outorgar as autorizacións que afecten o patrimonio arqueolóxico, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural velará pola conservación in situ, sempre que sexa posible, das estruturas arqueolóxicas.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural velará por que as obras e actuacións necesarias para a apertura dun xacemento á visita pública non atenten contra o carácter arqueolóxico, contra o seu valor cultural e científico, contra a súa relación co contorno e co seu contexto territorial e contra a valoración cultural da paisaxe.

Sección 2ª. Achados

Artigo 99. Achados arqueolóxicos casuais

1. Considéranse achados os descubrimentos de obxectos e restos materiais que, ademais de posuíren os valores que son propios do patrimonio arqueolóxico de Galicia, se producisen por azar, como consecuencia de remocións de terras, demolicións ou obras de calquera tipo.

2. Quen descubra un ben que teña a consideración de achado arqueolóxico casual deberalle comunicar inmediatamente o seu descubrimento á consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

No caso de bens mobles, tras comunicarse o descubrimento e ata que os obxectos sexan entregados á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, aplicaránselle a quen os descubriu as normas de depósito legal, salvo que os entregue nun museo público, institución que deberá poñelo, así mesmo, en coñecemento daquela, que decidirá a súa situación definitiva.

3. Quen os descubriu e a persoa propietaria do terreo terán dereito por partes iguais, en concepto de premio en metálico, á metade do valor que en taxación se lle atribúa ao obxecto atopado, coas excepcións previstas nesta lei. De seren dúas ou máis as persoas descubridoras ou propietarias manterase a mesma proporción. A taxación será realizada polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais.

4. As estruturas e restos encontrados ou localizados que teñan a consideración de bens inmobles conforme o determinado nesta lei, ou integrantes do patrimonio cultural subacuático, así como aqueles encontrados no ámbito de zonas arqueolóxicas, non xerarán dereito a premio.

Artigo 100. Suspensión da actividade por motivos arqueolóxicos

1. Cando no curso dunha obra, actividade ou remoción de terras, tanto se é en terreo público coma privado, se constate ou se presuma a existencia dun xacemento arqueolóxico, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a intervención arqueolóxica de urxencia que resulte procedente e mesmo paralizar, de ser o caso, as obras ou remocións durante un prazo de dous meses, que poderá prorrogarse, de considerarse necesario, por outros dous meses. A paralización non comportará dereito a indemnización.

2. Se a suspensión da obra, actividade ou remoción excede o prazo de dous meses, a Xunta de Galicia quedará obrigada a compensar o dano efectivo que se causase con tal paralización. Os achados realizados durante o prazo de suspensión non darán dereito a premio e os obxectos depositaranse no museo, colección visitable ou centro ou institución de carácter museístico autorizados que designe a consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 101. Detectores de metais e outras técnicas análogas

1. O uso de detectores de metais ou doutras ferramentas ou técnicas que permitan localizar restos arqueolóxicos, en ámbitos protexidos polo seu valor cultural ou coa finalidade de encontrar bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia ou que potencialmente poidan ter valor cultural, deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Poderán eximirse desta autorización os usos que se establezan regulamentariamente.

2. A persoa interesada deberá presentar unha solicitude na que indicará o ámbito territorial e a data ou prazo para o uso de detectores de metais ou doutras ferramentas, así como os demais requisitos que se establezan regulamentariamente.

3. A autorización deberá ser concedida e notificada no prazo de tres meses. Tras transcorrer este prazo, a persoa interesada poderá entender desestimada a solicitude.

4. A autorización outorgarase con carácter persoal e intransferible e indicará o ámbito territorial e a data ou prazo para o seu exercicio.

5. En todo caso, cando con ocasión da execución do uso ou actividade autorizados se detecte a presenza de restos arqueolóxicos de calquera índole, a persoa autorizada suspenderá de inmediato o uso ou actividade autorizados, así como calquera outra actividade que supoña a instalación de elementos sobre o fondo, a súa remoción ou afectación, absterase de realizar remocións do terreo ou intervencións de calquera outra natureza e estará obrigada a darlle coñecemento, antes do prazo de vinte e catro horas, á consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou, no seu defecto, á dependencia máis próxima das forzas e corpos de seguridade do Estado.

6. Nos achados a que se refire o número anterior non haberá dereito a indemnización nin a premio.

Sección 3ª. Protección do patrimonio arqueolóxico subacuático

Artigo 102. Definición

1. Para os efectos desta lei, pertencen ao patrimonio arqueolóxico subacuático todos os rastros de existencia humana que sexan bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, tal como os define o artigo 1, que se afundisen no seu mar territorial e augas interiores, parcial ou totalmente, susceptibles de ser estudados e coñecidos a través de métodos arqueolóxicos, fosen extraídos ou non do medio no que se encontran.

2. Incluiranse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia os pecios, os buques, as aeronaves, outros medios de transporte ou calquera parte deles, os seus cargamentos, as estruturas e construcións, os obxectos e os restos da actividade ou presenza humana e os obxectos prehistóricos, de interese para Galicia, que se afundisen con anterioridade a 1901, así como os espazos e lugares, incluíndo as estruturas asolagadas, nos que se encontran xunto co seu contexto arqueolóxico e natural. Excepcionalmente poderán declararse de interese cultural ou incluírse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia os pecios con antigüidade inferior sempre que revistan unha especial relevancia cultural e se protexan a través dun procedemento específico de declaración ou inclusión no Catálogo de forma individualizada.

3. A actuación sobre o patrimonio cultural subacuático basearase nos principios seguintes:

a) A conservación in situ do patrimonio cultural subacuático deberá considerarse a opción prioritaria antes de autorizar ou emprender actividades sobre ese patrimonio.

b) O patrimonio cultural subacuático recuperado depositarase, gardarase e xestionarase de tal forma que se asegure a súa preservación a longo prazo.

c) Calquera actuación velará por que se respecten debidamente os restos humanos situados nas augas marítimas.

d) Propiciarase o acceso responsable e non prexudicial do público ao patrimonio cultural subacuático in situ, con fins de observación ou documentación, para favorecer a sensibilización do público cara a ese patrimonio, así como o seu recoñecemento e protección.

4. A Xunta de Galicia, nas condicións que se determinen regulamentariamente, redactará unha Carta arqueolóxica subacuática de Galicia, na que consten os xacementos subacuáticos aos que se refire esta sección.

5. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecerá as medidas necesarias para protexer os xacementos arqueolóxicos subacuáticos que se encontran nas augas adscritas aos portos da súa titularidade ou cuxa xestión lle corresponda á Xunta de Galicia, así como para protexelos daquelas actividades que os poñan en perigo.

6. Non se poderán realizar operacións de dragaxe nas áreas incluídas na carta prevista no número 4 deste artigo sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

7. Queda prohibido o comercio de bens que pertenzan ao patrimonio cultural subacuático galego sexa cal sexa o lugar do que procedan e que fosen extraídos con posterioridade á entrada en vigor da Convención da Unesco sobre a protección do patrimonio cultural subacuático, así como os restantes que pertenzan ao dominio público. A prohibición alcanza os bens extraídos de buques de Estado sexa cal sexa a súa bandeira.

Os obxectos que se localicen e sexan extraídos con posterioridade a aquela data ou pertenzan a buques de Estado serán comisados, acordarase a estabilización a cargo da persoa posuidora e comunicaráselle este feito ao ministerio competente en materia de patrimonio cultural.

8. As actividades turísticas, deportivas, científicas ou culturais consistentes na visita aos pecios afundidos aos que se refire esta sección deberán contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

9. O persoal responsable das inmersións organizadas por empresas e asociacións de mergullo que pretendan realizar actividades de visita aos pecios aos que se refire esta sección deberá contar cunha habilitación específica, obtida segundo unha mínima formación adecuada, e axustar a súa actividade ao calendario, programa e condicións que estableza na súa autorización a consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

10. Regulamentariamente estableceranse as condicións e procedementos oportunos para obter as autorizacións, habilitacións e formación a que se refiren os parágrafos anteriores.

CAPÍTULO V Bens que integran o patrimonio industrial

Artigo 103. Concepto

1. Para os efectos desta lei, integran o patrimonio industrial os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico.

2. O patrimonio industrial forma parte do patrimonio cultural de Galicia e os bens que o integran son expoñentes característicos da historia social, técnica e económica de Galicia.

Artigo 104. Contido do patrimonio industrial

1. Para os efectos do artigo anterior, presúmese que concorre un significativo valor industrial, para a súa inclusión neste capítulo, nos seguintes bens, sempre que sexan anteriores a 1936:

a) As instalacións, lugares e paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais.

b) As fábricas e instalacións destinadas á transformación de produtos agrícolas, forestais ou da pesca, como as conserveiras.

c) As instalacións e fábricas da industria navieira.

d) Os lugares, instalacións, fábricas, edificios e obras de enxeñaría que constitúan testemuño e expresión dos avances técnicos da construción de instalacións e infraestruturas destinadas ás redes de transporte e comunicación ferroviaria, terrestre, marítima e por cable, as redes de abastecemento de auga en ámbitos urbanos ou industriais e as destinadas á produción e transporte da enerxía.

e) As mostras singulares da arquitectura de ferro, incluídos os mercados, pontes e viadutos.

f) Os conxuntos de vivendas e equipamentos sociais asociados ás actividades produtivas.

2. Así mesmo, presumirase que presentan valor industrial, para a súa consideración como patrimonio industrial, os bens mobles como a maquinaria, ferramentas, instrumentos e calquera outra peza ou mobiliario utilizado ou vinculado ás actividades tecnolóxicas, de produción e transformación, fabrís ou da enxeñaría, relacionados coas obras e instalacións do punto anterior.

3. As presuncións establecidas nos puntos anteriores poden ser obxecto de revisión en función da situación e características do ben. Do mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor cultural industrial aos bens construídos con posterioridade á data sinalada no número 1, sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

Artigo 105. Criterios para a intervención no patrimonio industrial

1. A protección de bens do patrimonio industrial non será incompatible coas concesións de carácter administrativo que permitan a súa explotación nos termos xerais das actividades correspondentes, aínda que determinará a necesidade dunha conservación dos elementos nos que se identifican os valores culturais que aconsellan a dita protección.

2. As actividades industriais coherentes coas instalacións e infraestruturas históricas do patrimonio industrial, e que foron a orixe da súa construción así como a razón para o seu mantemento ata os nosos días, serán preferentemente conservadas de forma compatible coa protección de edificacións, espazos, instalacións e infraestruturas que manteñan valores culturais. Para iso, nos procedementos de declaración de bens de interese cultural ou catalogación de bens do patrimonio industrial identificaranse de forma clara os seus usos característicos así como as partes que deben conservarse e as condicións para a súa protección, así como a compatibilidade cos medios e procedementos industriais contemporáneos.

3. No caso de actividades industriais abandonadas e irrecuperables, promoverase a implantación de usos doutra natureza, tanto públicos coma privados, que resulten compatibles coa conservación dos bens do patrimonio industrial e a protección dos elementos que permitan a apreciación da súa significación e valores culturais en xeral, así como a súa valorización e rehabilitación.

4. Promoverase a conservación das instalacións e elementos da produción industrial máis singulares, unha vez abandonada a actividade, como testemuños desta, sen que necesariamente deban ocupar os espazos concretos para a función que cumprían no proceso industrial orixinal.

5. Así mesmo, procurarase a conservación e o mantemento dos bens documentais asociados ao patrimonio industrial de tal forma que se garanta a súa investigación, coñecemento e difusión en relación cos valores inmateriais ligados á súa apreciación e función social, que se rexerán polo establecido nesta lei para os patrimonios documental e bibliográfico.

CAPÍTULO VI Bens que integran o patrimonio científico e técnico

Artigo 106. Concepto

1. Para os efectos desta lei, integran o patrimonio científico e técnico de Galicia os bens e coleccións, de valor relevante, que as ciencias empregaron para xerar e transmitir o saber, incluídos os instrumentos e aparellos científicos, as coleccións de animais e vexetais, minerais, figuras plásticas para o estudo anatómico humano ou animal, modelos planetarios, cristalográficos e outros, que se rexerán polo disposto nesta lei para os bens mobles.

2. Os arquivos, bibliotecas, documentos, gravados, planos, mapas e imaxes gráficas e publicacións de contido científico rexeranse polo establecido nesta lei para os patrimonios documental e bibliográfico.

Artigo 107. Valorización cultural dos bens científicos e técnicos

Promoverase a investigación, o coñecemento e a difusión dos valores científicos e técnicos do patrimonio cultural de especial relevancia na identidade da poboación de Galicia, así como daqueles aspectos relacionados con saberes, descubrimentos e procesos tecnolóxicos desenvolvidos ou empregados na Comunidade Autónoma, coa finalidade de reforzar a súa función social e a valorización de recursos culturais relacionados con eles, tanto no ámbito educativo coma no turístico.

Artigo 108. Determinación da falta de interese cultural de determinados elementos e coleccións do patrimonio científico

1. A destrución, por falta de interese social na conservación ou por carencia de interese cultural suficientemente xustificada, dos bens integrantes do patrimonio científico e técnico deberá contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. Os documentos rexeranse polas súas normas específicas.

2. Presúmese a existencia de falta de interese social na conservación pola ausencia de antigüidade, pola carencia de singularidade e representatividade e de valor testemuñal, ou por tratarse de bens repetidos moi numerosos xa suficientemente representados. En todo caso, esta falta de interese deberase xustificar con carácter previo a calquera acción que poida poñer en perigo a integridade física destes bens.

3. As solicitudes de autorización deberán resolverse nun prazo máximo de tres meses. Tras transcorrer este prazo, a autorización entenderase concedida.

CAPÍTULO VII Bens que integran o patrimonio documental e bibliográfico

Artigo 109. Patrimonio documental de Galicia

1. Para os efectos desta lei, o patrimonio documental galego está constituído polo conxunto de documentos de titularidade pública. Así mesmo, está constituído polos de titularidade privada, custodiados ou non en arquivos de Galicia e de fóra dela, que, pola súa orixe, antigüidade ou valor, sexan de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos neste capítulo e na normativa sectorial aplicable.

2. Forman parte do patrimonio documental, sempre que reúnan os requisitos sinalados no número anterior, independentemente do soporte no que se encontren:

a) Os documentos de calquera época xerados, conservados ou reunidos, no exercicio da súa función, pola Administración xeral e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.

b) Os documentos anteriores a 1965, xerados, conservados ou reunidos, no exercicio das súas actividades, polas entidades e asociacións de carácter político, sindical ou relixioso e polas entidades, fundacións e asociacións culturais e educativas de carácter privado, que teñan interese para a historia de Galicia.

c) Os documentos anteriores a 1901, xerados, conservados ou reunidos por outras entidades particulares ou persoas físicas, que teñan interese para a historia de Galicia.

3. Así mesmo, poderán integrarse no patrimonio documental de Galicia aqueles documentos que, sen alcanzaren a antigüidade sinalada nos puntos anteriores, merezan a dita consideración en atención ao seu valor cultural para a Comunidade Autónoma.

4. Quedarán sometidos ao réxime de protección que esta lei establece para os bens declarados de interese cultural os inmobles dedicados a arquivos de titularidade autonómica. Os bens situados neles terán o réxime de protección establecido nas normas sectoriais que lles sexan de aplicación, sen prexuízo da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación.

Artigo 110. Patrimonio bibliográfico de Galicia

1. Para os efectos desta lei, o patrimonio bibliográfico galego está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural.

2. Así mesmo, inclúense no patrimonio bibliográfico galego as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado, que reúnan os requisitos do punto anterior, en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución, nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que respecto destas obras conste a inexistencia de, cando menos, tres exemplares idénticos en bibliotecas ou servizos públicos.

b) Que sexan anteriores a 1901.

c) Que teñan características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións, etc.)

3. Quedarán sometidos ao réxime de protección que esta lei establece para os bens declarados de interese cultural os inmobles dedicados a bibliotecas de titularidade autonómica. Os bens situados neles terán o réxime de protección establecido nas normas sectoriais que lles sexan de aplicación, sen prexuízo da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación.

4. Este capítulo será de aplicación aos orixinais fonográficos, gráficos ou cinematográficos, así como aos exemplares hemerográficos, independentemente do soporte en que se encontren.

TÍTULO VIII Museos

Artigo 111. Definición e funcións dos museos

1. Os museos son institucións de carácter permanente, abertas ao público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e ao desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu ámbito natural, con fins de estudo, educación, desfrute e promoción científica e cultural. Quedarán sometidos ao réxime de protección que esta lei establece para os bens declarados de interese cultural os inmobles dedicados a museos de titularidade autonómica.

2. Son funcións dos museos:

a) A conservación, catalogación, restauración e exhibición ordenada das coleccións.

b) A investigación no ámbito das súas coleccións, da súa especialidade ou do seu respectivo ámbito cultural.

c) A organización periódica de exposicións científicas e divulgativas de carácter temporal.

d) A elaboración e publicación de catálogos e monografías dos seus fondos.

e) O desenvolvemento dunha actividade didáctica respecto aos seus contidos.

f) Outras funcións que nas súas normas estatutarias ou por disposición legal ou regulamentaria se lles encomenden.

g) Facilitar a consulta áxil e continuada a persoal investigador e á cidadanía en xeral dos seus fondos, agás que supoña un perigo para a súa integridade.

3. Mentres non se redacte normativa específica os museos rexeranse polas disposicións previstas neste título.

Artigo 112. Colección visitable

Aquela colección que non reúna todas as características e condicións que constitúen os requisitos necesarios para o seu recoñecemento como museo cualificarase como colección visitable sempre que as súas persoas titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular, a visita pública e o acceso do persoal investigador. Os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación.

Artigo 113. Creación e regulamentación

1. A creación, autorización e cualificación dun museo ou dunha colección visitable realizarase por acordo do Consello da Xunta, no cal se delimitará o seu ámbito territorial e o seu contido temático.

2. Os organismos públicos e as persoas físicas ou xurídicas interesadas na creación de museos ou coleccións visitables promoverán ante a consellaría competente en materia de patrimonio cultural a iniciación do oportuno procedemento, no cal se incluirán a documentación e o inventario sobre os fondos e patrimonio con que conta o promotor ou promotora, así como o programa museolóxico e o proxecto museográfico, que conterá un estudo das instalacións, medios e persoal, na forma que regulamentariamente se determine.

3. Créase na consellaría competente en materia de patrimonio cultural un rexistro xeral administrativo no que se inscribirán os museos e coleccións autorizadas en virtude do disposto nesta lei e no que se farán constar a cualificación e a delimitación establecidas para cada centro.

4. Correspóndelle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, a través dos seus órganos específicos, a regulamentación, inspección e control de todos os museos e coleccións visitables de Galicia.

Artigo 114. Rede e Sistema Galego de Museos

1. Para os efectos desta lei, enténdese por rede de museos a trama diversa de titularidades, ámbitos territoriais ou contidos temáticos que afectan os diferentes museos e coleccións de Galicia, e que será establecida regulamentariamente pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. Constitúe o Sistema Galego de Museos a estrutura organizativa e funcional que regula a integración dos centros e redes museísticas de Galicia nun programa de vínculos institucionais que articulen de forma operativa a xestión cultural e científica dos museos da Comunidade Autónoma. Os seus órganos reitores e o seu funcionamento serán establecidos regulamentariamente pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

3. Forman parte do Sistema Galego de Museos todos os museos e coleccións visitables que se encontren no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 115. Instrumentos e medios dos museos

1. Todos os museos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia contarán cun rexistro para o tratamento administrativo dos fondos, que se reflectirá nun libro de inscrición. Igualmente, contarán cun inventario e un catálogo para o tratamento científico-técnico e a identificación, control, estudo e difusión do patrimonio moble contido neles.

Os catálogos dos museos contarán cunha versión dixital, de acceso aberto, con fins sociais, educativos e de interpretación.

2. Todos os museos integrados no Sistema Galego contarán cos medios humanos e técnicos suficientes para poder desenvolver as súas funcións de acordo coa estruturación en áreas e dotacións que regulamentariamente se establezan.

Artigo 116. Acceso aos museos

1. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural promoverá e garantirá o acceso da cidadanía aos museos públicos, con especial atención á promoción das visitas escolares, sen prexuízo das restricións que, por causa da conservación dos bens custodiados neles, poidan establecerse.

2. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecerá as condicións que rexerán o acceso e a visita pública aos museos do Sistema Galego e, de acordo coas persoas titulares das diferentes redes, a outros museos e coleccións visitables, e regulará os horarios de apertura ao público dos de titularidade autonómica, para facilitar o coñecemento e desfrute dos bens culturais expostos neles ou para a súa investigación, conforme os obxectivos e funcións determinados nesta lei.

Artigo 117. Reproducións

1. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecerá as condicións para autorizar a reprodución, por calquera procedemento, dos obxectos custodiados nos museos de titularidade autonómica ou naqueles xestionados pola Comunidade Autónoma.

2. Calquera reprodución total ou parcial con fins de explotación comercial ou de publicidade de fondos pertencentes a coleccións de museos de titularidade estatal xestionados pola Comunidade Autónoma ou de titularidade autonómica deberá ser formalizada mediante convenio entre as administracións implicadas.

TÍTULO IX Fomento

Artigo 118. Subvencións

1. A concesión de subvencións para a investigación, documentación, conservación, restauración e difusión de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia realizarase dentro das previsións orzamentarias e conforme os criterios que establezan as bases reguladoras da subvención, de acordo co disposto na normativa reguladora de subvencións e axudas públicas.

2. Entre eses criterios deberán incluírse a maior necesidade de protección do ben, a súa maior difusión cultural e o aseguramento dos fondos públicos empregados.

3. No outorgamento das medidas de fomento a que se refire este título, fixaranse as garantías necesarias para evitar a especulación cos bens que se adquiran, conserven, restauren ou melloren con axudas públicas, así como para garantir a intervención de persoas coa formación e cualificación técnica necesaria para o exercicio das disciplinas científicas e profesionais implicadas.

4. No suposto de que antes de que transcorresen quince anos desde o outorgamento das subvencións previstas neste título a Xunta de Galicia adquirise os bens aos que se lles aplicasen as ditas subvencións, detraerase do prezo de adquisición, unha vez actualizado, unha cantidade equivalente a aquelas, que se considerará como un anticipo á conta.

5. A Xunta de Galicia poderá propiciar a participación de entidades privadas e de particulares no financiamento das actuacións de fomento a que se refire este título. De se tratar dun particular, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá colaborar no financiamento do custo da execución do proxecto. Regulamentariamente estableceranse a porcentaxe e as fórmulas de colaboración convenientes.

Artigo 119. Traballos de dotación artística nas obras públicas

1. No orzamento dos proxectos técnicos das obras públicas realizadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas aquelas que se executen na modalidade de concesión administrativa sobre bens cuxa xestión ou titularidade lle corresponda á Comunidade Autónoma, que fosen financiados total ou parcialmente con fondos propios da Comunidade Autónoma, incluirase a porcentaxe do financiamento autonómico que, en cada exercicio, estableza a lei de orzamentos para investimentos en conservación ou restauración de bens culturais.

2. Ao comezo de cada exercicio orzamentario, o órgano competente en materia de orzamentos realizará de oficio a retención do 80 por cento da porcentaxe anual nos créditos afectados á realización de traballos de dotación artística e procederá á conseguinte ampliación de crédito na consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

A ampliación de crédito indicada terá carácter de «á conta» sobre a relativa á liquidación definitiva da porcentaxe que, de acordo co número 1 deste artigo, corresponde aos traballos de dotación artística. A estas ampliacións non lles serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na alínea sete do artigo 8 desta lei.

3. As obras que se executen cos fondos previstos neste artigo gozarán da cualificación de interese social, para os efectos da aplicación da lexislación de expropiación forzosa e do beneficio de urxente ocupación dos bens afectados.

Artigo 120. Beneficios fiscais

1. Os bens de interese cultural gozarán dos beneficios fiscais que, no ámbito das respectivas competencias, determinen as lexislacións do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia e, eventualmente, as ordenanzas locais.

2. Os devanditos beneficios estenderanse ás intervencións de mantemento, conservación, restauración ou valorización de bens inmobles cun nivel de protección integral no ámbito delimitado de inmobles de calquera categoría coa declaración de ben de interese cultural do patrimonio cultural de Galicia.

3. Os investimentos destinados a mellorar as condicións de apreciación dun ben de interese cultural, con actuacións sobre el ou sobre o seu contorno de protección, terán a consideración de investimentos en bens de interese cultural, para os efectos previstos no punto anterior.

Artigo 121. Patrocinio

1. Consideraranse patrocinio dos bens culturais todas as formas de participación realizadas por unha entidade privada no deseño ou establecemento das iniciativas da Xunta de Galicia e doutras administracións e entidades públicas relacionadas coa protección e mellora do patrimonio cultural.

2. Cando o patrocinio comporte a promoción do nome, marca ou imaxe do patrocinador, esta deberá ser compatible co carácter artístico ou histórico, o aspecto e o decoro do ben cultural. A publicidade nas obras vinculada ao seu patrocinio poderá alcanzar o tempo de execución da obra e un ano máis desde a súa finalización.

3. A Xunta de Galicia poderá outorgar o título de protector do patrimonio cultural de Galicia a todas aquelas persoas, empresas, entidades privadas e corporacións que se distingan especialmente en actividades de conservación e enriquecemento do patrimonio cultural galego. As persoas beneficiarias poderán facer uso deste título en todas as manifestacións propias da súa actividade.

Artigo 122. Difusión, formación e educación

1. A Xunta de Galicia promoverá o coñecemento do patrimonio cultural e das actividades e medidas para a súa salvagarda mediante as adecuadas campañas públicas de divulgación e sensibilización coa asistencia e participación dos profesionais do seu estudo, conservación e divulgación.

2. Promoverase no sistema educativo o coñecemento do patrimonio cultural de Galicia así como o aprecio á súa protección e valorización como ferramenta para a convivencia e a cohesión social.

3. A Xunta de Galicia promoverá a formación, o ensino especializado e a investigación nas materias relativas ao estudo, á conservación e ao enriquecemento do patrimonio cultural e establecerá os medios de colaboración adecuados para este fin coas universidades e os centros de formación e investigación especializados.

4. A Xunta de Galicia e as entidades habilitadas para a autorización de intervencións no patrimonio cultural garantirán a asistencia e participación de técnicos coa competencia e coñecementos necesarios, especialmente no ámbito da historia, a arte, a conservación e restauración de bens culturais, a arquitectura, a arqueoloxía ou en calquera outra disciplina científica aplicable á natureza do ben, así como a súa adecuada formación especializada.

TÍTULO X Actividade inspectora e réxime sancionador

CAPÍTULO I Actividade inspectora

Artigo 123. Inspección de patrimonio cultural

1. A consellaría competente en materia de patrimonio cultural exercerá, a través dos órganos de dirección e das unidades administrativas que se determinen regulamentariamente, a potestade de inspección nas materias que se regulan nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento para a protección do patrimonio cultural de Galicia.

2. O exercicio da actividade de inspección prevista nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento correspóndelle ao persoal funcionario que ocupe postos de traballo clasificados como tales na relación de postos de traballo da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 124. Funcións da inspección

Son funcións da inspección do patrimonio cultural:

a) Vixiar e controlar o cumprimento da normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural.

b) Levantar as pertinentes actas por posibles infraccións en materia de protección do patrimonio cultural e desenvolver as actividades de investigación necesarias solicitando as probas que se consideren oportunas.

c) Emitir informes sobre o estado dos bens integrantes do patrimonio cultural e sobre as intervencións que sobre eles se realicen.

d) Asesorar e informar sobre o cumprimento das normas de protección do patrimonio cultural e, en particular, informar as persoas titulares ou responsables de bens integrantes do patrimonio cultural sobre as súas obrigas.

e) Propoñer aos órganos competentes a adopción de medidas cautelares ou calquera outra actuación que se considere necesaria para o mellor cumprimento dos fins de protección do patrimonio cultural.

f) Calquera outra que se lle atribúa legal ou regulamentariamente.

Artigo 125. Exercicio da actividade inspectora

1. No exercicio da actividade inspectora, o persoal terá a condición de axente da autoridade pública, coas facultades e protección que lle confire a normativa vixente.

2. O persoal inspector estará provisto da correspondente acreditación, coa que se identificará no desempeño das súas funcións, e poderá demandar o auxilio e colaboración das forzas e corpos de seguridade conforme a lexislación vixente.

Artigo 126. Actas de inspección

1. Os feitos constatados polo persoal inspector no exercicio da función de vixilancia e control recolleranse na acta de inspección e gozarán de valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as propias persoas administradas.

2. As actas de inspección formalizaranse por duplicado ante a persoa titular ou responsable dos bens ou actividades, a persoa que a represente legalmente ou, na súa falta, calquera outra persoa que no momento da actuación inspectora teña conferida a responsabilidade ou posesión sobre un ben integrante do patrimonio cultural ou estea á fronte de calquera actividade que puider afectar este.

3. A acta será asinada polo persoal encargado da inspección e pola persoa comparecente, á que se lle debe entregar unha copia. De esta última se negar a asinar ou a recibir copia da acta, farase constar nesta e notificaráselle á persoa interesada posteriormente. A sinatura da acta pola persoa comparecente acreditará unicamente o coñecemento do seu contido e en ningún caso supoñerá a súa conformidade con este, excepto que así o recoñeza expresamente a persoa interesada.

Artigo 127. Obriga de colaboración coa inspección

1. As persoas propietarias ou posuidoras e os demais titulares de dereitos reais sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia ou daqueles onde se desenvolvan actuacións que lles poidan afectar facilitaranlle o acceso, polo tempo imprescindible e con fins de inspección, ao persoal inspector.

2. Cando para o exercicio desas funcións inspectoras for precisa a entrada nun domicilio e non exista o consentimento expreso da súa persoa titular, a persoa titular da unidade administrativa da que dependa o persoal inspector solicitará a oportuna autorización xudicial.

CAPÍTULO II Réxime sancionador

Sección 1ª. Infraccións

Artigo 128. Concepto e clasificación de infraccións

1. Son infraccións administrativas en materia de protección do patrimonio cultural as accións e omisións que supoñan o incumprimento das obrigas establecidas nesta lei, de acordo co establecido nos artigos seguintes.

2. As infraccións en materia de protección do patrimonio cultural de Galicia clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 129. Infraccións leves

Terán a consideración de infraccións leves:

a) O incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32 cando del non deriven danos graves e irreparables para os bens protexidos nesta lei.

b) O incumprimento do deber de acceso recollido no artigo 36, nos seus puntos 1.b) e c) e 2.

c) O incumprimento do deber de comunicación sinalado no artigo 37 sobre o dano ou prexuízo que sufrisen os bens e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

d) O incumprimento da entrega da memoria final das intervencións recollida nos artigos 43.3 e 97.3.

e) O incumprimento da obriga de facilitar a visita pública, recollida no artigo 48, ás zonas que se determinen de forma específica nos bens de interese cultural.

f) O incumprimento do deber de lle notificar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural, recollido no artigo 49.

g) O incumprimento das condicións de sinalización de bens inmobles de interese cultural, referidas no artigo 53.1, que se determinen regulamentariamente.

h) O incumprimento das obrigas referidas á instalación de antenas, cableado, publicidade comercial e outras recollidas no artigo 53.2 respecto dos bens declarados de interese cultural.

i) O incumprimento por parte dos concellos da obriga de lle dar conta con periodicidade trimestral á consellaría competente en materia de patrimonio cultural das autorizacións e licenzas ditadas no marco das habilitacións referidas nos artigos 58, 62, 65 e 82.

j) A disgregación dunha colección declarada de interese cultural sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, segundo o recollido no artigo 63.2.

k) O traslado, sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de bens mobles declarados de interese cultural ou dos bens mobles aos que se refire o artigo 64.3, ou incumprindo as condicións establecidas nela, cando non deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

l) O traslado de bens mobles catalogados sen a comunicación previa á consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando diso non deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

m) A corta de arboredo ou outras transformacións da estrutura e usos tradicionais no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou contravindo os termos da autorización concedida.

n) A circulación con vehículo de motor nos tramos non urbanos da traza dos Camiños de Santiago agás cando se trate da única vía de acceso á vivenda ou parcela, ou dos vehículos necesarios para o seu mantemento e conservación e dos de extinción de incendios.

o) O establecemento de campamentos ou de calquera tipo de acampada colectiva ou individual no ámbito de tres metros a ambos os dous lados da traza dos Camiños de Santiago, a partir da súa liña exterior.

p) A colocación de publicidade ou carteis en tramos non urbanos do ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo os termos da autorización concedida.

q) A ocupación provisional dos Camiños de Santiago sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo as súas condicións, cando diso non deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

r) A manipulación ou deterioración dos elementos de sinalización existentes dos Camiños de Santiago e dos restantes bens culturais protexidos, ou o seu uso non autorizado.

s) A realización de tratamentos sobre bens mobles integrantes do patrimonio artístico catalogados sen obter a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo as condiciones desta e do establecido no artigo 84 no referido aos proxectos de intervención e cualificación técnica para a súa execución, cando non deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

t) O reinicio da actividade urbanística, obra ou edificación sen cumprir o previsto no artigo 97.3, sempre que non se cause un dano grave.

u) A omisión ou o incumprimento das condicións das intervencións arqueolóxicas ordenadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultual cando se constate ou presuma a existencia dun xacemento arqueolóxico, cando do dito incumprimento non deriven danos graves ou irreparables.

v) O uso non autorizado, ou realizado sen cumprir os requisitos da autorización concedida, de detectores de metais ou doutras ferramentas ou técnicas que permitan localizar restos arqueolóxicos, en zonas protexidas polo seu valor arqueolóxico ou nas que se presuma ou se constate a existencia dun xacemento ou de restos arqueolóxicos, cando do dito uso non deriven danos graves ou irreparables.

w) A organización de actividades turísticas, deportivas, científicas ou culturais consistentes na visita aos pecios afundidos aos que se refire o artigo 102 sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo os termos desta, cando das ditas actividades non deriven danos para o patrimonio cultural subacuático.

x) O incumprimento de calquera outra obriga de carácter formal contida nesta lei cando da súa acción ou omisión non deriven danos graves ou irreparables.

Artigo 130. Infraccións graves

Terán a consideración de infraccións graves:

a) A destrución ou danos graves e irreparables para bens declarados de interese cultural ou catalogados, polo incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32.

b) O incumprimento do deber de facilitarlle o acceso ao persoal habilitado para a realización de labores de inspección recollido no artigo 36.1.a).

c) O incumprimento das paralizacións ordenadas no marco do que establece o artigo 39.3, cando diso non derive a destrución ou dano xeneralizado grave e irreparable sobre os bens.

d) A realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cando esta sexa preceptiva, ou contravindo os termos da autorización concedida, e cando ocasione un dano a este ben.

e) O outorgamento de permisos, licenzas ou autorizacións municipais sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural para calquera intervención en bens de interese cultural ou catalogados ou nos seus contornos de protección ou na súa zona de amortecemento, cando esta sexa preceptiva.

f) O desprazamento de bens declarados de interese cultural que contraveña o disposto no artigo 52.

g) O outorgamento de permisos, licenzas ou autorizacións municipais outorgadas no marco da habilitación referida nos artigos 58 e 62 que contraveñan os termos do plan especial de protección ou dos instrumentos específicos de protección dos territorios históricos e paisaxes culturais aos que se refiren os artigos 55 e 59.

h) O traslado sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural de bens mobles declarados de interese cultural ou dos bens mobles aos que se refire o artigo 64.3, cando diso deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

i) O outorgamento de permisos, licenzas ou autorizacións municipais respecto de intervencións en bens inmobles catalogados ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento incumprindo os termos da habilitación concedida ao concello de acordo co previsto no artigo 65.

j) O traslado de bens mobles catalogados sen a comunicación previa á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cando diso deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

k) A realización de calquera intervención no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou contravindo os termos da autorización concedida.

l) A corta de arboredo frondoso autóctono no ámbito de tres metros a ambos os dous lados da traza dos Camiños de Santiago, a partir da súa liña exterior, sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

m) O incumprimento das prohibicións contidas no artigo 78.3.a) e b) sobre o establecemento de explotacións mineiras e canteiras, incluídas as extraccións de grava e area, ou instalacións para a xestión de residuos e vertedoiros.

n) O outorgamento de permisos, licenzas ou autorizacións municipais respecto de intervencións no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago incumprindo os termos da habilitación prevista no artigo 82.

o) A realización de tratamentos sobre bens mobles integrantes do patrimonio artístico sen obter a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo as condicións desta e do establecido no artigo 84 no referido aos proxectos de intervención e cualificación técnica para a súa execución, cando deriven danos graves ou irreparables para o ben protexido.

p) A realización de movementos ou recuamentos de bens inmobles do patrimonio etnolóxico contravindo o disposto no artigo 92.4.

q) A realización de actividades arqueolóxicas sen a preceptiva autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou a realización destas contravindo os termos da autorización concedida, sempre que se cause un dano grave ou se poña en risco de destrución o patrimonio cultural.

r) A realización de obras de edificación ou calquera intervención que comporte remoción de terras nunha zona arqueolóxica sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

s) O incumprimento da obriga de comunicación inmediata á consellaría competente en materia de patrimonio cultural do descubrimento de restos arqueolóxicos e da entrega dos bens atopados, cando do dito incumprimento deriven danos para o patrimonio arqueolóxico.

t) O incumprimento da orde de suspensión dunha obra, actividade ou remoción de terras en curso acordada pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando se constate ou presuma a existencia dun xacemento arqueolóxico, cando do dito incumprimento deriven danos graves ou irreparables.

u) A omisión ou o incumprimento das condicións das intervencións arqueolóxicas ordenadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando se constate ou presuma a existencia dun xacemento arqueolóxico cando do dito incumprimento deriven danos graves ou irreparables.

v) O uso non autorizado, ou realizado sen cumprir os requisitos da autorización concedida, de detectores de metais ou doutras ferramentas ou técnicas que permitan localizar restos arqueolóxicos, en zonas protexidas polo seu valor arqueolóxico ou nas que se presuma ou se constate a existencia dun xacemento ou de restos arqueolóxicos, cando do dito uso deriven danos graves ou irreparables.

w) A organización de actividades turísticas, deportivas, científicas ou culturais consistentes na visita aos pecios afundidos aos que se refire o artigo 102 sen a autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou incumprindo os termos desta, cando das ditas actividades deriven danos para o patrimonio cultural subacuático.

x) O incumprimento da prohibición recollida no artigo 102.7 respecto do comercio de bens pertencentes ao patrimonio cultural subacuático.

y) A destrución de bens do patrimonio científico e técnico, declarados BIC ou catalogados, sen solicitar a preceptiva autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, como se recolle no artigo 108.

z) O incumprimento das suspensións ordenadas no marco do disposto nesta lei cando diso derive a destrución ou demolición dos bens aos que se refiran as suspensións.

Artigo 131. Infraccións moi graves

Terán a consideración de infraccións moi graves:

a) A destrución ou dano xeneralizado grave e irreparable dun ben declarado de interese cultural ou catalogado.

b) A demolición, total ou parcial, dun ben declarado de interese cultural sen a preceptiva autorización recollida no artigo 54.2, independentemente da tramitación da declaración de ruína a que estiver sometido.

c) O incumprimento das paralizacións ordenadas no marco do que establece o artigo 39.3, cando diso derive a destrución ou dano xeneralizado grave e irreparable sobre os bens.

d) A destrución de bens do patrimonio arqueolóxico cando medie o incumprimento da orde de suspensión de obras ou se produza con incumprimento das cautelas sinaladas pola Administración.

Artigo 132. Responsables

1. Poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa as persoas físicas e xurídicas que resulten responsables deles.

2. Considérase responsable das infraccións quen incorra, por acción ou omisión, nas condutas recollidas nos artigos 123 a 125.

En todo caso, son responsables:

a) Os autores ou autoras materiais das actuacións infractoras ou, de ser o caso, as entidades ou empresas das que dependan.

b) Os promotores en caso de intervencións ou obras que se realicen sen autorización ou incumprindo os termos desta.

c) Os técnicos directores de obras no que respecta ao incumprimento da orde de suspendelas ou ao incumprimento das condicións técnicas establecidas para a súa execución.

d) As corporacións locais que outorguen licenzas ou autorizacións contravindo esta lei ou que incorran en calquera outra infracción tipificada nela.

Sección 2ª. Sancións

Artigo 133. Clases

1. As infraccións administrativas recollidas neste título, nos casos en que o dano causado ao patrimonio cultural poida ser valorado economicamente ou poida determinarse o beneficio económico derivado da infracción cometida, sancionaranse cunha multa do tanto ao cuádruplo do valor do dano producido ou do beneficio obtido.

2. Nos demais casos, as infraccións serán sancionadas coas seguintes multas:

a) Infraccións leves: multa de 300 a 6.000 euros.

b) Infraccións graves: multa de 6.001 a 150.000 euros.

c) Infraccións moi graves: multa de 150.001 a 1 millón de euros.

3. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a contía da sanción non poderá ser, en ningún caso, inferior ao dobre do beneficio obtido como resultado da actuación infractora.

4. As sancións que se lles impoñan a distintos suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán carácter independente entre si.

5. Os importes das multas impostas en concepto de sancións destinaranse á investigación do patrimonio cultural de Galicia e á conservación, restauración e valorización dos bens dos que sexa titular ou que xestione a Comunidade Autónoma.

Artigo 134. Gradación das sancións

1. A gradación das sancións realizarase de acordo co principio de proporcionalidade segundo a gravidade da infracción cometida, a relevancia dos bens afectados, o grao de intencionalidade e as circunstancias persoais da persoa sancionada, o dano que se lle puidese ter causado ao patrimonio cultural de Galicia e as demais circunstancias atenuantes ou agravantes que concorran.

2. Cando duns mesmos feitos derive a comisión de dúas ou máis infraccións, impoñerase unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

3. Son circunstancias que agravan a responsabilidade das persoas ou entidades infractoras:

a) A continuidade ou persistencia na conduta infractora.

b) A reincidencia na comisión das infraccións en materia de patrimonio cultural. Enténdese que hai reincidencia cando a persoa responsable xa fose previamente sancionada por unha das infraccións tipificadas neste título nos cinco anos anteriores, sempre que a dita sanción sexa firme en vía administrativa.

c) O incumprimento de requirimentos ou medidas impostas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou pola administración competente para a suspensión de obras ou intervencións ilegais, cando non constitúa elemento do tipo infractor.

d) O maior coñecemento dos pormenores da actuación realizada, de acordo coa actividade profesional da persoa responsable ou o público recoñecemento do ben.

4. Son circunstancias que atenúan a responsabilidade das persoas ou entidades infractoras:

a) A paralización das obras ou actividade infractora, de modo voluntario, tras a pertinente advertencia do persoal inspector de patrimonio cultural.

b) A reposición da legalidade e reparación total ou parcial do dano causado con anterioridade á conclusión do procedemento sancionador.

c) As excepcionais características do estado de conservación do ben ou do infractor que dificulten ou impidan o seu adecuado recoñecemento.

Artigo 135. Reparación de danos

1. A resolución que impoña a sanción por infraccións tipificadas nesta lei das que deriven danos para o patrimonio cultural de Galicia comportará a obriga de restitución do ben ao seu debido estado, ou da emenda da alteración producida no seu contorno de protección, sempre que iso sexa posible. Esta obriga é imprescritible.

2. O incumprimento desta obriga de reparación de danos ou restitución das cousas ao seu debido estado facultará a consellaría competente en materia de patrimonio cultural para actuar de forma subsidiaria realizando as obras por si ou a través das persoas físicas ou xurídicas que se determinen e á custa do obrigado ou obrigada, utilizando, se é o caso, a vía de constrinximento para reintegrarse do seu custo.

O importe dos gastos poderá liquidarse de forma provisional e realizarse antes da execución, a reserva da liquidación definitiva.

Sección 3ª. Procedemento sancionador

Artigo 136. Procedemento sancionador

1. A iniciación do procedemento sancionador realizarase sempre de oficio por acordo da dirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural, por iniciativa propia, por orde superior, por petición razoada doutros órganos ou por denuncia.

Con anterioridade ao acordo de iniciación poderanse realizar actuacións previas co fin de determinar se concorren as circunstancias que xustifican a iniciación dun procedemento sancionador.

Será competente para a instrución do procedemento o funcionario ou funcionaria que se designase no acordo de iniciación.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento sancionador será dun ano desde a data do acordo de iniciación. Tras transcorrer este prazo, tendo en conta as posibles interrupcións do seu cómputo por causas imputables ás persoas interesadas ou pola suspensión do procedemento, declararase a caducidade do procedemento.

3. A caducidade non producirá por si soa a prescrición das accións do particular ou da Administración, pero os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Nos casos en que sexa posible a iniciación dun novo procedemento por non se producir a prescrición, poderán incorporarse a este os actos e trámites cuxo contido se tería mantido igual de non se producir a caducidade.

4. O órgano competente para iniciar o procedemento sancionador poderá optar pola tramitación simplificada só cando considere que existen elementos de xuízo suficientes para cualificar a infracción como leve.

5. A tramitación do procedemento sancionador, no que en todo caso se lle dará audiencia á persoa interesada, no non previsto neste título, rexerase polo disposto na normativa básica en materia de procedemento administrativo común.

Artigo 137. Medidas provisionais

1. O órgano competente para iniciar o procedemento sancionador poderá acordar motivadamente, para evitar a continuación da infracción ou o agravamento do dano causado, como medida provisional, o comiso ou precintado dos materiais e útiles empregados na actividade infractora, así como o depósito cautelar dos bens integrantes do patrimonio cultural que se atopen en posesión de persoas que se dediquen a comerciar con eles cando non poidan acreditar a súa lícita posesión, así como a suspensión das actuacións constitutivas da presunta infracción.

Cando o comiso, precintado ou suspensión da actividade se acorde con carácter previo á iniciación do procedemento sancionador, deberá ser confirmado, modificado ou levantado no acordo de iniciación do procedemento, que deberá adoptarse nun prazo máximo de quince días.

2. Cando as actividades presuntamente constitutivas de infracción estean suxeitas a licenza municipal ou comunicación previa ao concello, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural daralle traslado delas ao concello afectado co fin de que, se procede, ordene a paralización das actuacións. Desta paralización daralle conta á consellaría nun prazo máximo de dez días.

Artigo 138. Denuncia

1. Calquera persoa, física ou xurídica, ou entidade poderá denunciar os feitos que poidan constituír unha infracción en materia de protección do patrimonio cultural.

2. As denuncias deberán expresar a identidade da persoa ou persoas que as presentan, o relato dos feitos que poderían constituír infracción e, cando sexa posible, a data da súa comisión e a identificación dos presuntos ou presuntas responsables.

3. A denuncia non lle outorga a condición de persoa interesada a quen a formula, sen prexuízo de que, no caso de que a denuncia vaia acompañada da solicitude de iniciación dun procedemento sancionador, se lle comunique a iniciación ou non deste.

Artigo 139. Condutas constitutivas de ilícito penal

1. En calquera momento do procedemento sancionador no que os órganos competentes xulguen que os feitos tamén poden ser constitutivos de ilícito penal, comunicaranllo ao Ministerio Fiscal, solicitarán testemuño sobre as actuacións practicadas respecto á comunicación e acordarán a suspensión do procedemento sancionador ata que recaia resolución xudicial firme, o que se lle notificará á persoa interesada.

Nestes supostos, así como cando se teña coñecemento de que se está a desenvolver un proceso penal sobre o mesmo feito, suxeito e fundamento, suspenderase o procedemento sancionador e solicitarase do órgano xudicial comunicación sobre as actuacións adoptadas.

2. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa cando se produza identidade de suxeito, feito e fundamento xurídico pero non exclúe a adopción de medidas de restablecemento da legalidade e reparación dos danos causados.

3. En todo caso, os feitos declarados probados por resolución penal firme vinculan os órganos administrativos respecto aos procedementos sancionadores que se tramiten.

Artigo 140. Órganos competentes para a imposición de sancións

1. A resolución que poña fin ao procedemento sancionador será motivada e resolverá todas as cuestións pertinentes suscitadas no expediente.

2. A competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei correspóndelle:

a) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural: as sancións de ata 60.000 euros.

b) Á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio cultural: as sancións comprendidas entre 60.001 e 150.000 euros.

c) Ao Consello da Xunta: as sancións de contía superior a 150.000 euros.

Artigo 141. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións administrativas tipificadas nesta lei prescribirán:

a) As leves, aos cinco anos.

b) As graves, aos cinco anos.

c) As moi graves, aos dez anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións computarase desde o día en que se cometesen ou desde que se teña coñecemento efectivo delas. Nas infraccións que constitúan o incumprimento continuado dalgunha das obrigas impostas por esta lei, o prazo computarase desde o día en que cesase a conduta infractora.

3. As sancións administrativas previstas nesta lei prescribirán:

a) As leves, ao ano.

b) As graves, aos dous anos.

c) As moi graves, aos tres anos.

4. O prazo de prescrición das sancións computarase desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza en vía administrativa a resolución pola que se impón a sanción, coa excepción da obriga de restitución do ben ao seu debido estado, ou da emenda da alteración producida no seu contorno de protección, sempre que iso for posible, que será en todo caso imprescritible.

5. O cómputo do prazo de prescrición das infraccións interrómpese pola iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e o das sancións, pola iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do inicio das actuacións para o cumprimento da sanción por calquera das vías previstas na lexislación vixente.

Disposición adicional primeira. Bens declarados de interese cultural

Todos aqueles bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei.

Disposición adicional segunda. Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

1. Desaparece o Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Todos os bens que figuren no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia no momento da entrada en vigor desta lei, agás os que teñan a consideración de bens de interese cultural, incorporaranse ao Catálogo e pasarán a ter a consideración de bens catalogados, quedando sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.

2. No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia elaborará un regulamento no que se fixe o formato do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

3. Os concellos informarán no prazo de cinco anos, que comezará a contar desde a aprobación do decreto a que se refire o número anterior, da relación dos bens incluídos nos catálogos municipais e que deben integrar o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia establecido nesta lei, indicando os elementos precisos para a súa identificación, o contorno de protección establecido e as fichas que consten no planeamento. Esta remisión de información farase en formato electrónico.

4. O Catálogo estará permanentemente aberto a novas incorporacións de bens.

Disposición adicional terceira. Catálogos do planeamento urbanístico

Os catálogos do planeamento xeral municipal ou do plan de desenvolvemento terán a consideración de normativos no referido ás actuacións e condicións de protección, e definirán os tipos de intervención posible e o nivel de protección de cada ben incluído neles, así como as determinacións específicas que se consideren necesarias.

Disposición adicional cuarta. Condicións para a habilitación aos concellos no trámite de autorizacións das intervencións por medio de convenios específicos

A habilitación aos concellos para a autorización das intervencións á que se refire o artigo 65, independentemente das consideracións específicas que se determinen no convenio de colaboración, deberá garantir polo menos:

a) Un planeamento urbanístico adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou norma que a substitúa, que conte na súa tramitación co informe favorable expreso da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

b) A certificación municipal da dispoñibilidade dunha comisión técnica formada, polo menos, con persoal técnico competente para o exercicio da arquitectura, a arqueoloxía e a historia da arte.

c) Unha metodoloxía e sistematización da información compatibles co regulamento do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que permitan o adecuado traslado da información e comunicación das autorizacións concedidas e o seu contido.

Disposición adicional quinta. Bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei

No prazo de cinco anos desde a entrada en vigor desta lei, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural identificará e concretará a través do correspondente expediente os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei.

Disposición adicional sexta. Condicións para a visita pública aos bens declarados de interese cultural

1. No prazo de tres anos desde a entrada en vigor desta lei, as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados comunicaranlle á consellaría competente en materia de patrimonio cultural as condicións e o calendario para a realización da visita pública gratuíta establecida no artigo 48, coa indicación dos espazos que constitúan domicilio particular ou nos que poida resultar afectado o dereito á intimidade persoal e familiar, debidamente xustificados.

2. Caso de incumprimento desta obriga poderán impoñerse as mesmas sancións que as previstas para o incumprimento do réxime de visitas nos bens de interese cultural, sen prexuízo de que a consellaría competente en materia de patrimonio cultural estableza o espazo mínimo susceptible para iso.

Disposición adicional sétima. Publicidade dos bens de interese cultural e catalogados

No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia divulgará, mediante o emprego das tecnoloxías da información e a comunicación, a relación dos bens declarados de interese cultural así como dos catalogados.

Disposición adicional oitava. Publicación do Censo do Patrimonio Cultural

No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia publicará o Censo do Patrimonio Cultural previsto no artigo 14.

Disposición adicional novena. Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago

No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei aprobarase o Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago previsto no artigo 82.

Disposición adicional décima. Convenios de colaboración con entidades relixiosas titulares de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia

1. A Xunta de Galicia e as entidades que integran a Administración local galega poderán concertar coa Igrexa católica e demais entidades relixiosas titulares de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia os mecanismos, as medidas e as accións de colaboración e cooperación co fin de incrementar a conservación e seguridade dos ditos bens.

2. No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei aprobarase o regulamento que regule as relacións entre a Xunta de Galicia e a Igrexa católica.

Disposición adicional décimo primeira. Suspensión de obras ou de calquera actuación que supoña a demolición ou destrución total ou parcial de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia non catalogados ou declarados de interese cultural

1. A dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a suspensión da demolición ou destrución total ou parcial de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia non catalogados ou declarados de interese cultural, que lles será comunicada aos concellos no territorio dos cales se atopen aqueles.

2. A suspensión non poderá durar máis de dous meses, dentro dos cales a mencionada consellaría deberá proceder á incoación da declaración de ben de interese cultural ou da súa catalogación, agás que antes se emita resolución favorable á continuación das obras.

Disposición adicional décimo segunda. Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla

Igualmente, establécese o recoñecemento como Camiño de Santiago da denominada Ruta da Translatio, pola Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, tendo en conta que xa ten iniciados a súa delimitación e o seu deslindamento por acordos do 19 de febreiro de 1988, publicados no Diario Oficial de Galicia número 44, do 5 de marzo de 1988, ao amparo da Lei 3/1996, de protección dos Camiños de Santiago.

En calquera caso, con independencia da súa delimitación, deberán terse en conta as súas peculiaridades e as prescricións da autoridade marítima competente en orde ao establecemento das canles de navegación.

Disposición transitoria primeira. Expedientes de declaración de interese cultural e de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia iniciados

A tramitación e os efectos dos procedementos de declaración de bens de interese cultural ou de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia incoados con anterioridade á entrada en vigor desta lei quedarán sometidos ao disposto por esta.

Así mesmo, continuarán sendo de aplicación a todos os procedementos de declaración de interese cultural as normas regulamentarias vixentes á súa entrada en vigor que regulan o dito procedemento, en tanto non se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio dos órganos asesores en materia de patrimonio cultural

Ata que se aproben as normas regulamentarias que desenvolvan o réxime de funcionamento dos órganos asesores previstos no artigo 7 desta lei, continuarán en funcionamento a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia, a Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, as Comisións Territoriais do Patrimonio Histórico Galego e o Comité Asesor dos Camiños de Santiago, conforme os seus regulamentos, en tanto non se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición transitoria terceira. Clasificación provisional dos bens de interese cultural declarados paraxes pintorescas

1. Os bens declarados baixo a figura de paraxe pintoresca recoñecida de forma provisional como ben de interese cultural na disposición transitoria oitava da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, e que posteriormente non seguiron o desenvolvemento previsto no marco da lexislación en materia ambiental e de conservación da natureza, terán a consideración provisional de bens de interese cultural coa categoría de paisaxe cultural e a súa delimitación e réxime corresponderán cos dunha zona de amortecemento para os efectos do control das actividades que poidan supoñer unha modificación substancial do territorio.

2. No prazo de dous anos desde a aprobación desta lei incoarase o procedemento de revisión adecuado dos bens declarados de interese cultural como paraxes pintorescas para a súa categorización no marco desta lei e a efectiva protección dos seus valores culturais.

Disposición transitoria cuarta. Planeamento municipal

1. O planeamento urbanístico vixente na actualidade deberá adaptarse ao disposto na presente lei cando se proceda a unha revisión do planeamento.

Así mesmo, procederá a adaptación cando concorran circunstancias obxectivas no concello afectado que o aconsellen, tales como a declaración de interese cultural no termo municipal cando resulte contraditoria co planeamento, a aprobación dun instrumento de ordenación territorial de ámbito territorial superior con incidencia no patrimonio ou a aprobación dunha declaración de carácter supranacional, e así o determine a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

2. O planeamento aprobado inicialmente e que se estea a tramitar poderá, durante o prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva conforme o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro.

A simple adaptación do contido do plan en tramitación ás disposicións establecidas nesta lei non implicará, por si soa, a necesidade de sometelo a nova información pública, salvo cando se pretendan introducir outras modificacións que alteren substancialmente a ordenación proxectada e non sexan consecuencia da adaptación.

3. Sen prexuízo do sinalado nos puntos anteriores, os planeamentos urbanísticos adaptados á Lei 9/2002, do 30 de decembro, considéranse adaptados a esta lei, pero as intervencións autorizadas en función do nivel de protección dos bens serán as do artigo 42.

Para os efectos da habilitación conferida aos concellos no artigo 65 desta lei, no suposto da existencia de discrepancias entre estes planeamentos urbanísticos e as previsións dos artigos 41 e 42 desta lei, no propio convenio de colaboración que se asine para facer efectiva e concretar a habilitación, establecerase a táboa de equivalencias respecto aos niveis de protección dos bens.

Disposición transitoria quinta. Plans especiais de protección aprobados

Os concellos que no momento da entrada en vigor desta lei conten cun plan especial de protección anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, relativo a un conxunto histórico, e ao abeiro del exerzan as competencias de autorización previstas na lexislación anterior, seguirán exercéndoas durante un prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, durante o cal deberán proceder á súa adaptación a esta lei, para poder exercer as competencias previstas no artigo 58.

Disposición transitoria sexta. Protección das rutas dos Camiños de Santiago que non conten cunha delimitación definitiva

1. As rutas dos Camiños de Santiago que non conten cunha delimitación definitivamente aprobada do seu territorio histórico virán definidas polo trazado determinado nos expedientes previos incoados e polas parcelas e edificacións que constitúen os seus límites. O dito trazado estenderase á totalidade dos solos de núcleo rural tradicional delimitados que atravese e a trinta metros no caso de solos rústicos de calquera natureza, excluíndo deste os solos urbanos e as infraestruturas.

2. Os procesos de incoación a que se fai referencia no artigo anterior son os acordos de información pública sobre os procedementos de delimitación e deslinde do Camiño de Fisterra, publicado no Diario Oficial de Galicia número 242, do 16 de decembro de 1997, do Camiño Portugués, publicado no Diario Oficial de Galicia número 3, do 7 de xaneiro de 1998, e da Vía da Prata, publicado no Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 1998.

3. No prazo de tres anos desde a aprobación desta lei incoarase o procedemento de delimitación das devanditas rutas no marco do establecido no artigo 76.

Disposición transitoria sétima. Posesión de bens do patrimonio arqueolóxico

1. No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, as persoas físicas e as xurídicas de calquera natureza que posúan obxectos e restos materiais integrantes do patrimonio arqueolóxico de Galicia comunicarán a súa existencia á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, xunto coa documentación do título que acredite a súa adquisición.

2. Presumirase o carácter demanial dos obxectos e restos materiais do patrimonio arqueolóxico dos que non se comunique ou acredite a titularidade no devandito prazo, salvo que dispoñan de calquera título válido en dereito anterior á data de entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño.

Disposición transitoria oitava. Procedementos sancionadores

Os procedementos sancionadores que se tramiten por infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei, con independencia da súa data de iniciación, tramitaranse conforme a normativa aplicable no momento da comisión da infracción, sen prexuízo de que se lles poida aplicar esta lei en canto sexa máis favorable para o presunto infractor ou infractora.

Disposición transitoria novena. Habilitación para a función inspectora

Ata que se aprobe a relación de postos de traballo na que figuren os postos de traballo con funcións inspectoras, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural poderá habilitar para o exercicio da función inspectora o persoal funcionario que preste os seus servizos na devandita dirección xeral ou nas xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas de forma expresa:

a) A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

b) A Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.

c) A Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango, incluídas as determinacións do planeamento urbanístico, que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación do punto 2 da letra g) do artigo 27 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, de recoñecemento da galeguidade

Modifícase o punto 2 da letra g) do artigo 27 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que queda redactado como segue:

«2) Posta en valor do legado da emigración coa declaración de patrimonio cultural de Galicia a aqueles centros e entidades centenarias».

Disposición derradeira segunda. Actualización de sancións

A contía das sancións previstas nesta lei poderá actualizarse por decreto da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as normas necesarias para a execución e desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente


PD-icon.svg Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."