Abrir o menú principal


Proposta de Estatuto para Galicia       Bloque Nacionalista Galego       2005
 


Título VI: Do financiamento públicoEditar

Capítulo I: A facenda pública de GalizaEditar

Artigo 85. PrincipiosEditar

1. No marco do establecido pola Constitución, as relacións de orde tributario e financeiro entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galiza regúlanse polo presente Estatuto.

2. O financiamento da Comunidade Autónoma de Galiza rexirase polos principios de autonomía financeira, responsabilidade fiscal, suficiencia, redistribución, cooperación e transparencia nas relacións fiscais e financeiras entre as administracións públicas, así como polos principios de equidade, progresividade e lealdade institucional entre as mencionadas administracións.

Artigo 86. Mecanismos e fondos de redistribuciónEditar

1. O sistema de financiamento de Galiza basearase na autonomía financeira e na plena responsabilidade fiscal, sen prexuízo do mantemento e potenciación dos necesarios mecanismos e fondos de redistribución tanto no ámbito estatal como no da Unión Europea.

2. O sistema de financiamento de Galiza integrará un mecanismo de redistribución interterritorial vencellado á renda relativa que serva para reducir os défices actuais en materia de emprego, infraestruturas, educación, sanidade e servizos sociais.

Artigo 87. Os recursos da facenda galegaEditar

1. A Comunidade Autómona de Galiza disporá dunha facenda e patrimonio propios e autónomos e dos recursos suficientes para facer fronte ao axeitado exercicio do seu autogoberno.

2. A Comunidade Autónoma de Galiza disporá de plena autonomía de gasto para poder aplicar libremente os recursos de acordo coas directrices políticas e sociais determinadas polas súas institucións de autogoberno.

3. Os recursos da facenda pública galega veñen constituídos por:
a) Os rendementos dos seus impostos, taxas, contribucións especiais e demáis tributos propios.
b) O rendemento de todos os tributos estatais devengados en Galiza, de acordo co disposto polo presente Estatuto.
c) Os recargos sobre os tributos estatais.
d) Os ingresos procedentes do Fondo de compensación interterritorial e doutras asignacións establecidas pola Constitución, se procede.
e) As participacións incondicionadas e asignacións de nivelación con cargo aos orzamentos xerais do Estado.
f) Os ingresos pola percepción dos seus prezos públicos.
g) Os rendementos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galiza.
h) Os ingresos de dereito privado.
i) O produto da emisión de débeda e as operacións de crédito.
j) Os ingresos procedentes de multas e sancións no ámbito das súas competencias.
k) Os recursos procedentes da Unión Europea e de programas comunitarios.
l) Calquera outro recurso que poida establecerse en virtude do disposto polo presente Estatuto e a Constitución.

Artigo 88. Competencias financeirasEditar

1. A Comunidade Autónoma de Galiza ten capacidade normativa e responsabilidade fiscal sobre todos e cada un dos impostos estatais devengados en Galiza, así como daquelas que pudieran resultar da participación de Galiza en organizacións de ámbito supraestatal. Todos os feitos imponíbeis que teñan a súa orixe en territorio galego tributarán en Galiza, sexa cal for o domicilio fiscal do contribuínte.

2. O exercicio da capacidade normativa, no marco das competencias do Estado e da Unión Europea, inclúe en todo caso a participación na fixación do tipo impositivo, as reducións e bonificacións sobre a base impoñibel e as deducións sobre a cota tributaria.

3. Corresponde á Comunidade Autómona de Galiza a xestión, liquidación, recadación e inspección de todos os tributos estatais devengados en Galiza, no marco do mantemento dun sistema estatal harmonizado e necesariamente progresivo.

4. A Comunidade Autónoma de Galiza ten competencia para establecer, mediante unha lei do Parlamento, os seus tributos propios, sobre os cales ten plena capacidade normativa.

5. O exercicio da capacidade normativa que a Comunidade Autómona de Galiza ten no ámbito tributario basearase nos principios de equidade, progresividade e eficiencia. Na súa actuación tributaria, a Comunidade Autónoma de Galiza promoverá a cohesión e o benestar social, o progreso económico e a sustentabilidade ambiental.

Artigo 89. A Administración tributaria de GalizaEditar

1. A xestión, liquidación, recadación e inspección de todos os tributos devengados en Galiza corresponden á Administración tributaria de Galiza, agás os de natureza local.

2. A Administración tributaria de Galiza crearase por lei do Parlamento e disporá de plena capacidade e atribucións para a organización e o exercicio das funcións ás que se refire o apartado 1.

3. A Administración tributaria de Galiza pode exercer por delegación dos municipios as funcións de xestión tibutaria con relación aos tributos locais.

Artigo 90. Órganos económico-administrativosEditar

A Comunidade Autónoma de Galiza asumirá, por medio dos seus propios órganos económico-administrativos, a revisión en vía administrativa das reclamacións que os contribuíntes poidan interpoñer contra os actos de xestión tributaria ditados pola Administración Tributaria de Galiza.

Artigo 91. O tratamento fiscalEditar

A Comunidade Autónoma de Galiza gozará do tratamento fiscal que as leis establecen para o Estado nos impostos estatais.

Artigo 92. Lealdade institucionalEditar

O Estado, de acordo co principio de lealdade institucional, deberá garantir a suficiencia de recursos da facenda pública galega nos supostos en que as disposicións xerais aprobadas polo Estado impliquen un incremento das necesidades de gasto ou unha diminución da capacidade fiscal da Comunidade Autónoma de Galiza.

Capítulo II: Os orzamentos da Comunidade Autónoma de GalizaEditar

Artigo 93. Competencias da Comunidade Autónoma de GalizaEditar

1. A Comunidade Autónoma de Galiza ten competencia para ordear e regulamentar a súa facenda.

2. Sen prexuízo da cooperación que se estableza co Estado en materia de planificación xeral da economía, corresponderalle en exclusiva ao Parlamento de Galiza a aprobación inicial, control de execución e liquidación final dos orzamentos anuais, así como a aprobación de escenarios plurianuais e a determinación de obxectivos de capacidade ou necesidade de financiamento, se así o require unha lei da Comunidade autónoma.

Artigo 94. Os orzamentos da Comunidade Autónoma de GalizaEditar

Os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galiza teñen carácter anual, son únicos e inclúen todos os gastos e todos os ingresos do sector público galego, incluidos os dos organismos, institucións e empresas que dependan da mesma. Corresponde ao Goberno galego elaborar e executar os orzamentos, e ao Parlamento de Galiza, examinalos, enmendalos, aprobalos e controlalos. A Lei de orzamentos non pode establecer tributos, pero pode modificalos se unha lei tributaria substantiva así o prevé.

Artigo 95. Recurso ao endebedamentoEditar

1. A Comunidade Autónoma galega pode recurrir ao endebedamento e emitir débeda pública para financiar gastos de investimento dentro dos límites que a propia Comunidade Autónoma determinar.

2. Os títulos emitidos terán a todos os efectos a consideración de fondos públicos e gozarán dos mesmos beneficios e condicións que os que emita o Estado.

Artigo 96. O patrimonio da Comunidade Autónoma de GalizaEditar

1. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galiza estará integrado polos bens e dereitos dos que sexa titular e polos que adquira por calquer título xurídico.

2. Unha lei do Parlamento regulamentará a administración, defensa e conservación do patrimonio da Comunidade autónoma galega.

Artigo 97. Empresas públicasEditar

1. A Comunidade Autónoma galega poderá constituír empresas públicas para cumprir as funcións que sexan da súa competencia, de acordo co establecido polas leises do Parlamento de Galiza.

2. A Facenda pública de Galiza incentivará os investimentos orientados ao desenvolvimento de proxectos de alta tecnoloxía e do subsector de servizos avanzados, incidindo dun xeito especial naquelas accións que traballen a prol da modernización, competitividade e reorientación dos sectores tradicionais da economía galega.

Capítulo III: As facendas dos gobernos locais galegosEditar

Artigo 98. Principios reitoresEditar

As facendas locais réxense polos principios de suficiencia de recursos, equidade, autonomía e responsabilidade fiscal. A Comunidade autónoma de Galiza vela polo cumprimento destes principios.

Artigo 99. Autonomía e competencias financeirasEditar

1. Os gobernos locais teñen autonomía orzamentaria e de gasto na aplicación dos seus recursos, incluidas as participacións que perciban a cargo dos orzamentos doutras administracións públicas, dos cales poden dispoñer libremente no exercicio das súas competencias.

2. A Comunidade Autónoma de Galiza ten competencia en materia de financiamento local, no marco establecido pola Constitución. Esta competencia inclúe, en todo caso, a capacidade lexislativa para establecer e regulamentar os tributos propios dos gobernos locais e os criterios de distribución das participacións con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

3. Os gobernos locais teñen capacidade para regulamentar as súas propias facendas no marco establecido pola leises. Esta capacidade inclúe a potestade de fixar a cota ou o tipo dos tributos locais, así como as bonificacións e exencións, dentro dos límites establecidos polas leises.

4. Corresponde aos gobernos locais, no marco establecido pola normativa reguladora do sistema tributario local, a competencia para xestionar, recadar e inspeccionar os seus tributos, sen prexuizo de que poidan delegala na Comunidade Autónoma e de que poidan participar na Administración tributaria de Galiza.

5. Corresponde á Comunidade Autónoma de Galiza o exercicio exclusivo da tutela financeira sobre os gobernos locais, respectando a súa autonomía.

Artigo 100. Fondo de financiamento localEditar

1. A Comunidade Autónoma de Galiza establecerá un fondo de financiamento local destinado aos gobernos locais. O fondo, de carácter incondicionado, dotaráse a partir de todos os ingresos tributarios da Comunidade autónoma e incorporará a transferencia da participación nos tributos estatais, regulándose por medio dunha lei do Parlamento. Adicionalmente, a Comunidade autónoma poderá establecer programas de colaboración financeira específica para materias concretas.

2. Os ingresos dos gobernos locais consistentes en participacións en tributos e subvencións incondicionadas estatais percibiránse a través da Comunidade autónoma, integrándose plenamente nos seus orzamentos por medio do fondo de financiamento local, que os distribuirá de acordo co disposto pola Lei de facendas locais de Galiza e cos principios, obxectivos ou estándares mínimos que fixe o Estado nas normas con rango legal e de carácter básico, que, en todo caso, deberán de respectar os márxenes axeitados para que o Parlamento de Galiza poida incidir efectivamente na distribucións destes recursos.

3. Na determinación do montante total das participacións en tributos da Comunidade Autónoma e do Estado, incorporaranse, ademáis da poboación, do esforzo fiscal e da capacidade tributaria, criterios que recollan o maior custo dos servizos derivado da dispersión demográfica e do avellentamento poboacional.

Artigo 101. Garantías de suficiencia financeira dos Gobernos LocaisEditar

1. As modificacións do marco normativo que diminúan os ingresos tributarios locais deberán prever a compensación desta diminución.

2. Garantanse aos gobernos locais os recursos suficintes para facer fronte á prestación dos servizos cuxa titularidade ou xestión se lles traspase. Toda nova atribución de competencias acompañarase da asignación dos recursos suplementarios necesarios para financialas correctamente, de xeito que se teña en conta o financiamento do custo total e efectivo dos servizos traspasados. O cumprimento deste principio será unha condición necesaria para que entre en vigor a transferencia ou delegación da competencia. A tal efecto, poderán establecerse diversas formas de financiamento, incluída a participación nos recursos da facenda autonómica galega ou, se procede da do Estado.

3. Deberán de establecerse os mecanismos financeiros axeitados para compensar aos gobernos locais polo financiamento de gastos que as leis non lles atribúan de xeito específico e que respondan a necesidades sociais consolidadas e non atendidas por outras administracións.

4. A distribución de recursos procedentes de subvencións incondicionadas ou de participacións xenéricas en impostos levaráse a cabo tendo en conta a capacidade fiscal e as necesidades de gasto dos gobernos locais, garantindo en todo caso a súa suficiencia.

5. A distribución dos recursos entre os gobernos locais non pode comportar en ningún caso unha minoración dos recursos obtidos por cada un destes, segundo os criterios empregados no exercicio anterior á entrada en vigor dos preceptos do presente Estatuto.

Artigo 102. Lei de facendas locaisEditar

1. O Parlamento aprobará a súa propia lei de facendas locais para desenvolver os principios e disposicións establecidos polo presente capítulo.

2. As facultades en materia de facendas locais que o presente capítulo atribúe á Comunidade Autónoma de Galiza, exercerase con respecto á autonomía local.

Artigo 103. O cadastroEditar

Corresponde á Comunidade autónoma de Galiza, no seu ámbito territorial, a competencia de ordeación e xestión do catastro, sen prexuizo da función coordinadora do Estado nos termos establecidos pola Constitución. Para a súa xestión, a Comunidade autónoma galega pode suscribir convenios cos gobernos locais.

Anterior:
Título V
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 Seguinte:
Título VII