Abrir o menú principal

Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.3. Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica

Na busca dos grafemas para transliterar os caracteres árabes buscouse tamén que a lectura agardada fose semellante ao que percibiría un galegofalante. Xa que logo, a transcrición e adaptación ao galego da transliteración presenta pouca complexidade por que era precisamente algo que tamén se tivo en conta. En realidade, a maior dificultade dunha adaptación dos arabismos á ortografía galega procede tamén das irregularidades desta. É obvio que o criterio de fidelidade producirá secuencias que non se dan no galego normal: por exemplo, reducir as posibilidades de remate das sílabas a cinco consoantes (l, n, r, s ou z) é unha restrición tan grande (Álvarez 1993:40) que poucas linguas a cumpren. Por outra banda, o uso de varios grafemas para un mesmo fonema (por exemplo <k>/<qu>/<c>, <z>/<c>, <b>/<v> ou <r>/<rr>) de varios fonemas para un mesmo grafema (o <x> con valor palatal ou difonemático, ou o mencionado <c> para a fricativa interdental ou para a oclusiva velar) provoca que sexan factores de variación que compre considerar.

Cremos que a maior contribución da nosa proposta consiste en consignar unha serie de regras ortográficas que se lle deben aplicar á transcrición fonolóxica para convertela nunha palabra integrable na lingua, idea que xa se enxerga en Frías Conde (2006:123) cando menciona que "non se pode aceptar que haxa dous is xuntos cando un deles é semiconsoante". Trátase polo tanto de explicitar e aplicar á transcrición fonolóxica as restricións contextuais que teñen as propias palabras galegas, na súa ortografía en xeral e nalgún caso na súa fonoloxía. Para o proceso de adaptación é necesario crear regras claras e precisas creadas segundo a propia estrutura do galego. Velaquí as que guiaron as nosas propostas, que mencionaremos baseándonos no número do grafema árabe ao que afecta:

4. A transcrición <z> seguida de vogal adaptámola como <c> ou <z> segundo a vogal que lle siga. Evitamos así as escritas <ze> ou <zi> que non fan máis que crear excepcións ao apartado 1.2 das NOMIG. Mantémola en posición final de sílaba.

5. O <x> tamén ten un dobre valor en galego (monofonemático ou difonemático), mesmo en contextos iguais (o intervocálico: exame, pexa), pero maioritariamente palatal (o seu valor como ); cómpre advertir que se utilizará sempre con valor palatal. Xa que logo, mantemos a transcrición <x> en tódalas posicións, incluída final relativa. Pensamos, disentindo neste aspecto de Álvarez & al (1993:31), que este contexto fonolóxico para a palatal non é totalmente alleo ao galego patrimonial, como o demostran a pronuncia de ux e algunhas de hoxe ou fuxe. Consideramos que a lingua galega está suficientemente madura na actualidade como para pedirlle a un lector medio que a súa pronuncia sexa sempre palatal (e non /ks/) e apelamos á súa responsabilidade lingüística para que se esforce neste aspecto. Coincidimos ademais coa solución dada na tradución ao galego da Biblia (2001:XXV.7)

6-7-26. A transcrición <h> elimámola en posición final de palabra, pero mantémola no resto das posicións por razóns etimolóxicas (cf. Biblia (2001:XXV.11), onde as transforma en <s>). A súa eliminación inclúe específicamente á ta marbuta (taa marbut.aº) e a conservación ás intervocálicas.

10-19. A transcrición <r> mantémola sempre como simple, tamén en posición intervocálica. Neste caso é o propio contexto o que marca a súa adaptación ao sistema. Cremos que a utilización do grafema que para o galego representa dúas vibrantes distintas (ás veces neutralizadas) non impide a representación da distribución complementaria dos alomorfos dun único fonema árabe

21. A transcrición <q> conservámola sempre como <q> e sen o engadido de ningún <u>. Os efectos ortográficos e fonolóxicos dos grafemas <k> e <q> en posición implosiva son igual de alleos ao galego, pero o mantemento da transliteración orixinal conservará a etimoloxía: polo tanto, en ningún caso adaptámola como <k>.

22. A transcrición <k> conservámola tamén en tódolos casos. Tanto neste caso como no de <q>, consideramos que a súa adaptación como <c> ou <qu> ante vogal segundo a ortografía estipulada polas NOMIG será signo da súa integración na lingua. Neste sentido, difereimos da Biblia (2001:XXV.12). Somos conscientes de que esta é unha regra de adaptación controvertida e discutible en moitas ocasións, pero pensamos tamén que as palabras que conteñen un <k> ou <q> en final de silaba son imposibles de ser incorporadas plenamente á lingua mantendo estes grafemas. Como comprobación, abonda facer unha pescuda nas palabras do VOLG que rematen por estes grafemas ou por <c>.

24-25. O grupo de grafemas <n> e <m> conservámolo en posición explosiva, pero en final de sílaba absoluto ou relativo, tal e como o pide a neutralización da súa oposición (Álvarez 1993:33), adaptámolo como <m> ante <b> e <p> e como <n> no resto das posicións, seguindo o apartado 1.6 das NOMIG e coincidindo coa preferencia da tradución da Biblia (2001:XXV.8) ao galego.

27-28. No caso das semiconsoantes <w> e <y> transformámolas respectivamente a <u> e <i> en posición non intervocálica (fatwa > fatua). En posición intervocálica, simplifícanse se están en contacto respectivamente con outra <u> e <i> respectivamente (muwaxaha > muaxaha) ou en posición posnuclear (tayfa > taifa). Este último criterio responde á alta estabilidade dos ditongos decrecentes en galego, fronte á tendencia a pronunciar os crecentes como hiatos (Álvarez 1993:39 41). Neste caso diferimos da proposta da Biblia (2001:XXV.8) para outras linguas semíticas.

0.1. Esta proposta non a aplicamos a palabras que xa estaban asentadas na lingua, especialmente aquelas nas que xa se detecte un rendemento ortográfico dalgunha grafía que desaconselle unha nova creación, pero si cando o proceso de integración ortográfica se fixo mediante procesos non propiamente galegos (grafías española, francesa e inglesa).

0.2. As vogais longas e as consoantes xeminadas simplificámolas, como tamén se propón na Biblia en galego (2001:XXV.9 e 10).

0.3. A conservación do guión quedaría a discreción do transcritor, aínda que nos eliminámolos e recomendamos non crear nin léxico común nin termos do léxico científico co artigo aglutinado.

0.4. En ningún caso creamos vogais de apoio silábico para facilitar a lectura de ningunha consoante illada ou posnuclear.

0.5. Debido ás dificultades que implica marcar unhas regras específicas para determinar a tónica (Busquets 1970:14), decidimos simplificar de acordo coa acentuación esperable en galego e non baseándonos no orixinal árabe. Cremos que é imposible especificar un criterio sinxelo e exacto á vez. Como hipótese de partida, a nosa intuición dinos que as palabras rematadas en vogal ou <s> deberían ser paroxítonas, e oxítonas tódalas demais.

Quixemos contrastar esta hipótese sobre a acentuación definitiva en galego nun corpus de palabras árabes, que tomamos de Frías (2002:73-79). A verificación da hipótese no grupo de 76 palabras de suposta etimoloxía árabe deu como resultados dez excepcións non predicidos pola hipótese: sete esdrúxulas, unha paroxítona (Viavélez) e dúas oxítonas (acensalí e marabedí, curiosamente as únicas rematadas nesta vogal palatal). Aproveitando tamén a lista de 35 palabras dadas en Frías (2002:72), observamos que só oxalá e a portuguesa javali se saen da previsión da hipótese. Confirmación da hipótese ou simple coincidencia, reformulamos baixo esta perspectiva o criterio para determinar a tónica das adaptacións, que modificamos incluíndo as palabras rematadas en vogal palatal pechada entre as de acentuación oxítona.

Deste xeito, as rematadas en <s>, <a> e <u> serán paroxítonas e oxítonas tódalas demais. En principio foi o criterio que aplicamos pero, conscientes de usar un criterio demasiado simplificador, deixamos a hipótese coma simple proposta para que sexa desenvolvida e avaliada mellor en futuras investigacións.

0.6. Como resultado destas regras, non existirán polo tanto nunha palabra adaptada de orixe árabe as transcricións <g, j, ñ, p, rr, e, o> nin as secuencias <Vwu>, <uwV>, <Vyi>, <iyV>, <k>+V ou <q>+V (onde V representa unha vogal).



Páxina inicial
Artigo completo para descargar como PDF
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 1. Introdución
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 2. Marco teórico
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 3. A lingua de partida
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4. Antecedentes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.1. Transcrición fonética
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.2. Transliteracións internacionais
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 4.3. Transcricións fonolóxicas ao galego
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5. Metodoloxía
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1. Proposta de transliteración
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.1. Vogais e semiconsoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.2. Consoantes
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.1.3. Notas sobre ortografía árabe
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.2. Transcrición á fonoloxía galega
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 5.3. Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6. Aplicación
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.1. Nomes das letras
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.2. Lingua e literatura
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.3. Vestimenta
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 6.4. Xeografía física
Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. 7. Referencias bibliográficas