Follas novas/¡Adios!
¡Adiós!, montes e prados, igrexas e campanas
¡Adiós!, Sar e Sarela, cubertos de enramada,
¡Adiós!, Vidán alegre, moíños e hondanadas,
Conxo, o do craustro triste i as soedades prácidas,
San Lourenzo, o escondido, cal un niño antre as ramas,
Balvis, para min sempre o das fondas lembranzas,
Santo Domingo, en donde canto eu quixen descansa,
Vidas da miña vida, anacos das entraña.
E vós tamén, sombrisas paredes solitarias
Que me vicheis chorare soia e desventurada,
¡Adiós!, sombras queridas, ¡adiós!, sombras odiadas,
Outra vez os vaivéns da fertuna
Pra lonxe me arrastran.
Cando volver, se volvo, todo estará onde estaba;
Os mesmos montes negros i as mesmas alboradas,
Do Sar e do Sarela, mirándose nas auguas;
Os mesmos verdes campos, as mesmas torres pardas
Da catredal severa, ollando as lontananzas.
Mais os que agora deixo, tal como a fonte mansa
Ou no verdor da vida, sin tempestás nin bagoas,
¡Canto, cando eu tornare, vítimas da mudanza,
Terán de présa andado, na senda da desgracia!
I eu...mais eu ¡nada temo no mundo,
Que a morte me tarda!