Follas novas/¡Calade!

(Redirección desde «¡Calade!»)


¡Hai nas ribeiras verdes, hai nas risoñas praias
E nos penedos ásperos do noso inmenso mar,
Fadas de estraño nome, de encantos non sabidos,
Que só con nós comparten seu prácido folgar.

Hai antre a sombra amante das nosas carballeiras,
E das curtiñas frescas no vívido esprendor,
E no romor das fontes, espritos cariñosos
Que só ós que aquí naceron lles dan falas de amor.

I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,
En canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
Cores de brilo soave, de transparencia húmida,
De vaguedade incerta, que a nós só da pracer.

Vós, pois, os que naceches na orela doutros mares,
Que vos quentás á llama de vivos lumiares,
E só vivir vos compre baixo un ardente sol;
Calá se n'entendes os encantos destos lares,
Cal n'entendendo os vosos, tamén calamos nós.

Miña casiña, meu lar,
¡Cantas onciñas
De ouro me vals

Vin de Santiago a Padrón
Cun chover que arroiar
Descalciña de pé e perna
Sin comer nin almorzar
Polo camiño que atopaba
Ricas cousas que mercar,
I anque ganas tiñas delas,
Non tiña para as pagar,
Nos mesóns arrecendía
A cousas de bon gustar,
Mais o que non ten diñeiro
Sin elas tén que pasar.
Fun chegando á miña casa
Toda rendida de andar,
Non tiña nela frangulla
Con que poidera cear,
A vista se me barría,
Que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
Que tiña todo o fartar,
Pedinlle unha pouca broa
E non ma quixo prestar.
As bagullas me caían,
Que me fora a avergonzar
Volvinme á miña casiña
Alumada do luar;
Rexistrei cada burato
Para ver de algo atopar;
Atopei fariña inmunda
Un puniño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios a alabar,
Quixen alcende-lo lume,
Non tiña pau que queimar;
Funlle a pedir a unha vella;
Tampouco mo quixo dar,
Sinón era un toxo verde
Para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite
A chorar que te chorar;
Collín un feixe de palla,
Do meu leito o fun pillar;
Rexistrei polo cortello
Mentres me puña a rezar
E vin uns garabulliños
E fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
Xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
Con augua para quentar.
Mentras escarellaba
Na cinza, vin relumbrar
Un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
Máis contenta que unhas pascoas
Volvín a porta a pechar,
E na miña horta pequena
Unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
Que o en soupen aforrar
E ca fariña munda,
Xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
Que me soupo, que la mar;
Fixen un bolo do pote
Que era cousa de envidiar;
Despois que o tiven comido,
Volvín de novo a rezar;
E despois que houben rezado
Puxen a roupa a secar,
Que non tiña fío enxoito
De haber tanto me mollar,
Nantramentras me secaba,
Púxenme logo a cantar
Para que me oiran
En todo o lugar
Meu lar, meu fogar,
¡Cantas onciñas
De ouro me vals!