A Virxe do Cristal/Parte VI


Si a tradición que sigo nalgo non mente,
das escenas pasadas ó día siguente
pola mañá,
dun salgueiriño á sombra sentada, fiando,
no val de Vilanova gardando o gando
Rosiña está.

Inorante de canto lle acontecía
ó probe de Martiño, por quen sofría
soedades mil,
Rosa, na cinturiña cravada a roca,
mazaroca fiando tras mazaroca,
pensaba nil.

E mentres que en suspiros lanzaba ós ventos
os ais que lle arrancaban seus pensamentos
tristes, crués,
polo campo os cabirtos corretexaban
i as vacas i as ovellas depinicaban
toxo e cardés.

Coitada pastoriña sin paz nin calma,
icántas feles no fondo da túa alma
deixa o amor!
¡Cántas sombras no ceo dos teus encantos!
¡Cántas bágoas nos ollos -ivállante os santos!-,
cánto delor!

Orfa desque naciche, triste, esfameada,
anque probe hastra agora, túa vida honrada
por ti falou.
¿Qué che importou das touzas dormir á sombra?
¿Qué che importou de espinos pisar alfombra?
¿Qué che importou?

Todo o pasache rindo... Todo se pasa
mentres que quede a honra dentro da casa;
pero ¡a¡ de ti!,
despreciaches un home por pretendente,
e destonces túa fama, de xente en xente,
vai por ahí...

¿Qué fixeches, Rosiña desventurada,
qué fixeches?... ¿Estabas empecatada
pra tál faguer?
Despreciar por Martiño, Xan de Ventraces...
Non sabes do que os homes che son capaces,
¡probe muller!

"Traballar toda a vida desosegada
pra conservá-la honra de abós herdada,
santa virtú,
e cando unha co noivo ten parrafeo,
escoitar que nos dice: -Xa en ti non creo,
¡rabearas tu!"

"Ir comprando prá boda tod’os trebexos,
todo o día toparse do noivo lexos
morta de afán,
e cando a noite chega prós namorados,
escoitar que nos dicen labios amados:
¡Vaite con Xan!"

"Non hai pena como ésta tan horrorosa,
non hai pena como ésta!" -marmura Rosa
no salgueiral.
E de pronto a coitada, pró chau mirando
recolleu de entre as herbas, toda sembrando,
aquel cristal.
........................................................................................
¡Asús, qué galanura! -repuxo- ¿Estarei cega?
¿Vestida de gallega a Reina da hermosura,
na miña mau, afé?
¡Non pode ser! i Toleo!... Rirase o que llo conte;
pero eu soñei nantronte que viña dende o ceo
da miña cama ó pé".

"¿Será verdade, Rosa? ¿metida nun oviño
tan piquirriquichiño, tan linda, tan hermosa
como a mirei entón?
¡A mesma muradana que lle caía tanto!
¡O mesmo dengue!... ¡o manto de terciopelo ou pana!
Non estou tola.... non".

"Si en torno non pacera, mirándome, meu gando,
que estou inda soñando dixérase calquera...
i Asús! i Vaia que ser!
¡Qué olliños, qué mirada, qué beizos, qué cabelo,
qué orellas, qué mantelo, qué frente anacarada,
qué diaño de muller"!

"E mira... e rebuldexa... e rise a Santa Imaxe...
¡Cómo me amostra o traxe! ¡Cómo me parpadexa!
¡Algo me va¡ pasar!
¿,Qué dis?... ¡Falarme quere! ¿Escoitareina?... ¡Cala!
¡Pois é verdá que fala!... ¿Señora?... O que quixere...
Xa estouvos a escoitar".

¿Que acoda á cita? ¿E logo? ¿Que ven por Dios mandada,
pra que me vexa honrada o que en celoso fogo
xusgoume criminal?...
¡Señora! Unha pastora, baldón de toda a xente,
non era merecente de ter tal defensora...
Pero... falai, si tal".

¿Que quer que lle levanten no val unha capilla?
¿Que quer que de arrudilla lle recen e lle canten?
Pois ben, querida, ben.
¡Pero... calouse... axiña! ¡Xa non, xa non a escoito!
¡Quizáis non fale moito, como é tan piquiniña!...
Pero, ¡qué gracia ten!"

"Pois ela algo me dixo de que eu non me recordo...
Non teño ouído xordo, mais eu non sei de fixo
qué palabriñas son...
¡Mamá!... 'Prós que non amen serei sempre invisible
-decía- i é imposible que falte ós que me chamen
de todo corazón...' "

"¿Qué farei eu, coíño, que agora máis che agrade?
¿Levarte onda o Abade? ¿Levarte onda Martiño?
¿Qué diaños eu farei?...
Teique, ovelliñas, teique... Tó aquí, chiviña trenca...
¡Cardosa! ¡Aquí, xuvenca!... ¿Quéreste bulrar, seique?...
¡Ei pró cortello, ei..."