A arte da guerra
A arte da guerra Sun Tzu data descoñecida, probablemente no século IV antes de Cristo
Estimacións
editarA guerra é un asunto de importancia vital para o Estado; un asunto de vida ou morte, o camiño cara a supervivencia ou a destrución. Polo tanto, é imperativo estudala a fondo.
Hai que valorala en termos de cinco factores fundamentais, e facer comparacións entre as diversas condicións dos bandos antagonistas de cara a determinar o resultado da contenda.
O primeiro dos factores é a política; o segundo, o clima; o terceiro, o terreo; o cuarto, o comandante; e o quinto, a doutrina.
Política significa aquilo que fai que o pobo estea en harmonía co seu gobernante, de modo que lle siga onde sexa, sen temer polas súas vidas nin a correr calquera perigo.
Clima significa a noite e o día, o frío e o calor, días despexados ou de choiva, e o cambio das estacións.
O terreo implica as distancias, e fai referencia a onde é fácil ou difícil desprazarse, e se é campo aberto ou lugares cerrados, e a súa influenza nas posibilidades de supervivencia.
O comandante ha de ter como calidades: sabedoría, sinceridade, benevolencia, coraxe e disciplina.
Por fin, a doutrina ha de ser comprendida como a organización do exército, as graduacións e rangos entre os oficiais, a regulación das rotas de subministros e a provisión de material militar ó exército.
Estes cinco factores fundamentais han de ser coñecidos por cada xeneral. Aquel que os domina, vence; aquel que non, sae derrotado. Polo tanto, ó trazar os planes, hanse comparar os seguinte sete factores, valorando cada un co maior coidado:
- Que dirixente é máis sabio e capaz?
- Que comandante posúe o maior talento?
- Que exército obtén vantaxes da natureza e o terreo?
- En que exército se observan mellor as regulacións e as instrucións?
- Que tropas son máis fortes?
- Que exército ten oficiais e tropas mellor adestradas?
- Que exército administra recompensas e castigos de forma máis xusta?
Mediante o estudo destes sete factores serei capaz de adiviñar cal dos dous bandos sairá vitorioso e cal será derrotado. O xeneral que siga o meu consello é seguro que vencerá. Ese xeneral ha de ser mantido ó mando. Aquel que ignore o meu consello, certamente será derrotado. Ese debe ser destituído.
Tras prestar atención ó meu consello e planes, o xeneral debe crear unha situación que contribúa ó seu cumprimento. Por situación quero dicir que debe tomar en consideración a situación do campo e actuar de acordo co que lle é vantaxoso. A arte da guerra baséase no engano. Polo tanto, cando é capaz de atacar, ha de aparentar incapacidade; cando as tropas se movan, aparentar inactividade. Se está preto do inimigo, ha de lle facer crer que está lonxe; se está lonxe, aparentar que se está preto. Poñer cebos para atraer ó inimigo. Golpear ó inimigo cando está desordenado. Se preparar contra el cando está seguro en todas partes. Evitalo durante un tempo cando é máis forte. Se o teu opoñente ten un temperamento colérico, tenta irritalo. Se é arrogante, trata de fomentar o seu egotismo. Se as tropas inimigas están ben preparadas tras unha reorganización, tenta desordenalas. Se están unidas, sementa a disensión no seu interior. Ataca ó inimigo cando non estea preparado, e aparece cando non te agarde. Estas son as claves da vitoria para o estratego.
Ora ben, se as estimacións realizadas antes da batalla indican vitoria, é porque os cálculos coidadosamente realizados amosan que as túas condicións son máis favorables que as condicións do inimigo; se indican derrota, é porque amosan que as condicións favorables para a batalla son menores. Cunha avaliación coidadosa, un pode vencer; sen ela, non pode. Moitas menos oportunidades de vitoria terá aquel que non realiza cálculos en absoluto.
Mediante todo isto, un pode adiviñar o resultado final a batalla.
Facer a guerra
editarEn operacións bélicas, cando se requiren mil carros rápidos de catro cabalos, mil carros pesados, e mil soldados; cando se han de transportar provisións para un milleiro; cando existen gastos na casa e na fronte e estipendios para enviados e conselleiros, o custo de materiais como goma e laca, carros e armaduras, ascende facilmente a mil pezas de ouro ó día. Un exército de cen mil homes pode ser posto en campaña só cando se dispón destes cartos.
Unha vitoria rápida é o principal obxectivo da guerra. Se a vitoria tarda en chegar, as armas mélanse e a moral decae. Se as tropas atacan cidades, a súa forza desgástase. Cando un exército se implica nunha campaña prolongada, os recursos do estado diminúen rapidamente.
Cando as túas armas están meladas e o ardor decae, a túa forza exhausta e o tesouro gastado, os xefes dos estados veciños tomarán vantaxe da crise para actuar. Nese caso, ningún home, por sabio que sexa, será capaz de evitar as desastrosas consecuencias que disto resulten. Por todo isto, mentres que vimos moita achega de dilapidacións estúpidos en tempo de guerra, non vimos aínda unha operación intelixente que fose prolongada. Nunca existiu unha guerra longa que beneficie ó país.
De todo isto se deduce que aqueles incapaces de comprender os perigos inherentes ó emprego de tropas son igualmente incapaces de comprender como as emprega vantaxosamente.
Aqueles expertos en facer a guerra non precisan unha segunda leva de recrutas, ou máis de dous aprovisionamentos. O equipo militar transpórtase dende casa, pero confíase no inimigo en canto ás provisións. Así, o exército estará plenamente provisto de comida.
Cando un país se empobrece a causa de operacións militares é debido ó transporte distante; levar subministros a longas distancias deixa ó pobo desamparado. Mentres as tropas están reunidas, os prezos soben. Cando os prezos soben, a riqueza do pobo baixa. Cando a riqueza baixa, o pobo sofre duras esixencias. Con esta perda de riqueza e forzas, os que teñen recursos vense extremadamente empobrecidos, e sete décimas partes dos seus recursos se disipan. E entre os gastos do goberno, aqueles debidos a repoñer carros rotos, cabalos esgotados, armaduras e cascos, arcos e frechas, escudos, manteletes, e carros de subministros, consumen ata un 60 por cento do total.
Por iso, un xeneral intelixente fai que as súas tropas se aprovisionen do inimigo, pois unha medida de provisións inimigas é equivalente a vinte das propias, e unha medida da comida do inimigo equivale a vinte das propias.
De cara a incrementar o coraxe dos soldados ó atacar ó inimigo, ha de encolerizalos. De cara a capturar máis botín do inimigo, ha de recompensalos.
Por exemplo, nunha loita de carros de combate na que dez carros inimigos foron capturados, recompensade ó que tomou o primeiro. Substituíde as bandeiras inimigas coas propias, mesturade os carros capturados cos vosos, e montádeos. Tratade ben ós prisioneiros de guerra, e coidade deles. A isto chámaselle vencer unha batalla e saír reforzado.
Por todo isto, e dado que o único valioso na guerra é a vitoria, non prolonguedes as operacións. E o xeneral que comprende como empregar as tropas, é o árbitro do destino da nación.
Estratexia ofensiva
editarXeralmente, a mellor política na Guerra é tomar un estado intacto; arruinalo é inferior. Capturar o exército inimigo enteiro é mellor que destruílo. Tomar intacto un rexemento, unha compañía ou un escuadrón, é mellor que destruílo. Conseguir cen vitorias en cen batallas non é a medida da habilidade: someter o inimigo sen loitar é a suprema excelencia.
Deste modo, o que é de máxima importancia na guerra é atacar a estratexia do inimigo. O segundo mellor é rachar as súas alianzas mediante a diplomacia. En terceiro lugar vén atacar ó seu exército. E a peor de tódalas estratexias é atacar cidades.
Atacar cidades é algo que só se ha de facer cando non hai ningunha outra alternativa, xa que a preparación de escudos e o seu transporte e ter preparadas as armas e o equipo necesario require cando menos tres meses e montar as máquinas de asedio e as escadas para asaltar as murallas require outros tres meses adicionais. O xeneral incapaz de controla-la súa impaciencia ordenará ás tropas cargar contra as murallas, co resultado de que un terzo delas perecerá sen tomar a cidade. Así de calamitoso é atacar cidades.
Así pois, os verdadeiramente hábiles na guerra someten ó exército inimigo sen batallar. Capturan as cidades inimigas sen asaltalas, e apodéranse do estado inimigo sen campañas prolongadas. A súa meta é tomar intacto todo canto hai baixo o ceo, mediante consideracións estratéxicas. Como resultado, as súas tropas non se desgastarán, e as ganancias serán completas. Esta é a arte da estratexia ofensiva.
En consecuencia, a arte de usar tropas é esta: Se se é dez veces superior ó inimigo, rodeádeo. Se se é cinco veces máis forte, atacádeo. Se se ten o dobre de forzas, dividídeo. Se se está á par, superádeo mediante un bo plano. Se se está en inferioridade numérica, sede capaces de manter aberta unha vía de retirada. E se se está en desvantaxe en tódolos aspectos, sede capaces de eludilo, pois unha forza pequena non é nada agás botín para unha máis poderosa se se enfronta a ela de xeito temerario.
O xeneral é o asistente do soberano do estado. Se esta asistencia é estreita, o estado será forte sen dúbida; se é feble, o estado será certamente feble.
Hai tres formas nas que un soberano pode levar a derrota ó seu exército:
Se, ignorante de que o exército non debería avanzar, ordena un avance; ou se, ignorante de que non debería se retirar, ordena unha retirada. Isto coñécese como desequilibrar o exército.
Se, ignorante dos asuntos militares, interfire na súa administración. Isto causa perplexidade entre os oficiais.
Se, ignorante dos problemas do mando, interfire na dirección da loita. Isto xera dúbidas na mente dos oficiais.
Se o exército está confuso e suspicaz, os gobernantes veciños tomarán vantaxe de elo, e causarán problemas. Isto é o que significa a frase: Un exército confuso leva á vitoria do contrario. Por outra parte, hai cinco casos nos que pode predicirse a vitoria:
O que sabe cando pode loitar e cando non, sairá vitorioso.
O que comprende como loitar, de acordo coas forzas do adversario, sairá vitorioso.
Aquel cuxas filas estean unidas nun propósito, sairá vitorioso.
O que está ben preparado e descansa a agarda dun inimigo que non estea ben preparado, sairá vitorioso.
Aquel cuxos xenerais son capaces e non sofren interferencias por parte do seu soberano, sairá vitorioso.
É nestes cinco puntos nos que se coñece o camiño á vitoria.
Por tanto dígovos: Coñece ó teu inimigo e coñécete a ti mesmo; en cen batallas, nunca sairás derrotado. Se es ignorante do teu inimigo pero coñécete a ti mesmo, as túas oportunidades de gañar ou perder son as mesmas. Se es ignorante do teu inimigo e de ti mesmo, podes estar seguro de ser derrotado en cada batalla.
Disposicións
editarOs guerreiros expertos dos tempos antigos, en primeiro lugar facíanse a si mesmos invencíbeis, e entón agardaban un momento de vulnerabilidade por parte do inimigo. A invencibilidade depende dun mesmo, pero a vulnerabilidade do inimigo depende del. Disto dedúcese que quen é experto na guerra pode facerse a si mesmo invencible, pero non é seguro que sexa capaz de facer que o inimigo sexa vulnerable. Dito doutra forma: un pode saber como vencer, pero isto non significa necesariamente que vaia vencer.
Deféndete cando non poidas derrotar ó inimigo e ataca ó inimigo cando poidas vencelo. Un deféndese cando a súa forza é inadecuada; ataca cando é abundante. Aqueles que son hábiles en defenderse ocúltanse a si mesmos como baixo nove capas de terra; aqueles que o son caen en ataque como un lóstrego dende o ceo. Por tanto, aqueles hábiles en atacar e en defenderse son capaces tanto de protexerse a si mesmos como de lograr unha vitoria esmagadora. Prever unha vitoria que un home ordinario pode prever non é o espírito da excelencia. Non importa se triunfas na batalla e es aclamado universalmente como "experto", pois levantar unha folla caída non require gran forza, distinguir entre o día e a noite non é proba de gran visión, oír un trono non é mostra de oído agudo.
Nos tempos antigos, aqueles que eran chamados "hábiles na guerra" conquistaban a inimigos facilmente conquistables. E as vitorias conseguidas por un deses "mestres da guerra" non significaban nin reputación de sabedoría nin coraxe meritorio, pois saían vitoriosos sen riscos. Sen riscos, certamente conséguese a vitoria: pódese conquistar a un inimigo xa derrotado, sen necesidade de planear o combate.
Polo tanto, o comandante hábil toma unha posición na que non pode ser derrotado e non perde a oportunidade de vencer ó seu inimigo. Un exército vitorioso sempre busca batalla despois de que os seus planes lle indiquen que a vitoria é posible, mentres que un exército destinado á derrota loita coa esperanza de vencer, pero sen ningún plano. Os que son expertos na guerra cultivan as súas políticas e adhírense estritamente ás regras trazadas. Deste modo, teñen no seu poder o control dos acontecementos.
Os elementos do arte da guerra son: primeiro, a medida do espazo; segundo, a estimación das cantidades; terceiro, os cálculos; cuarto, as comparacións; e quinto, as posibilidades de vitoria. A medida do espazo deriva do terreo. As comparacións fanse a partir das cantidades e os cálculos, e determínase a vitoria segundo estas comparacións. Así pois, un exército vitorioso equivale a un saco en equilibrio contra un gran de arroz, e un exército derrotado é como un gran de arroz en equilibrio contra un saco.
É consecuencia das disposicións tomadas que un xeral é capaz de facer que os seus soldados loiten co efecto das augas que, subitamente liberadas dunha presa, caen sobre un abismo sen fondo.
Actitude do exército
editarXeralmente, mandar un gran exército é o mesmo que mandar uns poucos homes. É unha cuestión de organización. E dirixir un gran exército é o mesmo que dirixir uns poucos homes. É unha cuestión de formación e sinais.
Que un exército sexa capaz de soportar o ataque inimigo sen sufrir a derrota débese ás operacións conxuntas de forzas normais e forzas extraordinarias. As tropas cargando contra o inimigo como unha pedra de muíño contra un montón de ovos é un exemplo dunha sólida actuación contra un baleiro.
En xeral, na batalla úsase a forza normal para resistir, e as forzas extraordinarias para vencer. Os recursos daqueles que son expertos no uso de forzas extraordinarias son tan infindos como o ceo, tan inesgotables como o fluír dos grandes ríos, posto que rematan e recomezan -de xeito cíclico, como os movementos do sol e a lúa-. Poden morrer e renacen -recorrentes, como é o paso das estacións-. como notas musicais son as estacións. Son só cinco en número, pero as súas combinacións son tan infindas que ninguén pode visualizalas todas. Os sabores son só cinco en número, pero as súas mesturas son tan variables que ninguén pode degustalas todas. Na batalla, só existen as forzas normais e as extraordinarias, pero as súas combinacións tampouco teñen limite, ninguén pode comprendelas todas. Pois estas dúas forzas reprodúcense mutuamente. É como o movemento sen fin nun círculo. Quen pode esgotar as posibilidades das súas combinacións?
Cando as augas torrenciais arrastran as pedras é a causa do seu impulso; cando o voo dun falcón racha o corpo da súa presa é a causa da súa precisión. Así pois, o impulso daquel experimentado na guerra é esmagador e o seu ataque extremadamente preciso. O seu potencial é o dun feixe de frechas; a súa precisión, o soltar a corda do arco.
En medio do tumulto, a batalla asemella caótica, pero non debe existir desorde nas propias tropas. O campo de batalla pode asemellar confusión e caos, pero o bando propio debe permanecer ordenado. Así será a proba de derrotas. A confusión aparente é o resultado dunha boa ordenación; a covardía aparente, da coraxe; a debilidade aparente, da forza. Orde e desorde dependen da organización e a dirección; coraxe e covardía, das circunstancias; forza e debilidade, das disposicións tácticas.
Así pois, o que é capaz de facer moverse ó inimigo, faino creando unha situación de acordo coa cal o inimigo actuará. Tenta ó inimigo con algo que desexe alcanzar. Manteno en movemento sostendo ese algo fóra do seu alcance e entón atácao con tropas escollidas.
Un comandante experto obtén a vitoria da situación, e non a esixe dos seus subordinados. Selecciona os homes adecuados e explota a situación. O que é capaz de usar a situación usa ós seus homes na loita como rolos ou como bloques de pedra: a natureza dun rolo é tal que no chan permanece estático; en pendente, móvese. Un bloque cadrado de pedra detén calquera cousa; se é redondo, arrola.
Así pois, a enerxía das tropas habilmente dirixidas á batalla pode compararse ó impulso dunha roda de muíño que se deixa rodar dende o alto dunha pendente de mil metros de altura.
Baleiro e actualidade
editarXeralmente, o que ocupa primeiro o campo de batalla e agarda ó inimigo pode descansar, e aquel que chega máis tarde a escena e precipítase á loita, comeza cansado. Deste modo, o que é experto na guerra atrae ó inimigo ó campo de batalla, e non se deixa levar alí polo inimigo.
O que é capaz de facer que o inimigo chegue ó campo propio conségueo ofrecéndolle a este algún tipo de vantaxe. E o que é capaz de retardar a chegada do inimigo conségueo facendo que este se deteña por precaución. Así pois, cando o inimigo está descansado, é capaz de esgotalo; cando está ben alimentado, é capaz de facelo pasar fame; cando está descansando, fai que se mova.
Toma os lugares que sexa incapaz de rescatar; desprázate suavemente na dirección por onde sexas menos agardado.
Cando es capaz de desprazarte mil li sen te cansar, é debido a que viaxas por lugares onde non hai inimigos. A forma de te asegurares de tomar aquilo que atacas é atacando o lugar que o inimigo non defende ou non pode protexer. A forma de te asegurares de manter a posición que defendes é defender unha posición que o inimigo teme ou non é capaz de atacar. Polo tanto, contra aqueles hábiles no ataque, o inimigo non saberá como se defender e contra aqueles expertos na defensa, o inimigo non saberá como atacar.
Sutil e insubstancial, o experto non deixa pegada. Tan divinamente misterioso que é inaudible. Así é o dono do destino do inimigo. A súa ofensiva será irresistible se a lanza contra as posicións febles do contrario. Non pode ser superado cando se retira se se move rapidamente. Cando eu decido presentar batalla, o meu inimigo, incluso protexido por altos muros e fondos foxos, non pode evitar enfrontarse ó meu, pois ataco unha posición que debe defender. Cando eu desexo evitar a batalla, podo me defender simplemente trazando unha liña no chan: o inimigo será incapaz de me atacar, pois fixen que se desprazase a un lugar distinto do que el desexaba.
Se son capaz de determinar as disposicións do inimigo mentres que, ó mesmo tempo, oculto as miñas, entón podo concentrar as miñas forzas, e as súas han de se dividir. E se eu me concentro mentres el se divide, podo usar toda a miña forza para atacar unha fracción da súa. Por tanto, serei superior numericamente. Se son capaz de usar a moitos para golpear a uns poucos nun punto seleccionado, aqueles caerán sen remisión.
O inimigo non debe coñecer onde tentarei presentar batalla. Pois se el non sabe onde tento batallar, debe facer preparativos en moitos lugares diferentes. E cando el se prepara en moitos lugares, aqueles cos que terei que loitar serán menos. Se se prepara no fronte, a súa retagarda será feble, e se prepara a súa retagarda, o seu fronte será fráxil. Se reforza a súa esquerda, a súa dereita será vulnerable, e se reforza a súa dereita, quedaranlle poucas tropas para a esquerda. E se envía tropas a todas partes, será feble en todas partes. A inferioridade numérica deriva de ter que se resgardar contra os ataques posibles; a superioridade numérica deriva de forzar ó inimigo a facer este tipo de preparativos contra nós.
Se un sabe onde e cando se librará a batalla, as súas tropas poden marchar mil li e chegar ó lugar. Pero se un ignora cal será o campo de batalla ou o día en que se librará, a esquerda será incapaz de axudar á dereita e a dereita será incapaz de axudar á esquerda, e a vangarda será incapaz de apoiar á retagarda, e viceversa. Moito máis aínda se se atopan separadas por decenas de li ou, aínda, por só uns poucos. A pesar de estimar as tropas do contrario como numerosas, de que lle beneficia esta superioridade respecto ó resultado final da guerra?. Así pois, a vitoria pode aínda acadarse, pois mesmo se o inimigo é numericamente superior, pódese evitar o encontro dereito coa súa totalidade. Analiza os planes do inimigo de forma que poidas descubrir os seus puntos febles e os seus puntos fortes. Procura primeiro identificar as pautas dos seus movementos. ponlle reclamos para que lle revele as súas disposicións, e determina a súa posición. Lanza un ataque de proba para aprender onde é forte e onde é deficiente. O principal obxectivo na disposición das tropas propias é situalas sen que presenten unha forma identificable. Deste xeito, nin o máis penetrante dos espías pode entremeterse, nin o mais sabio pode trazar planes contra ti.
É de acordo coa situación como os planes levan á vitoria, pero a maioría non entende isto. Aínda que calquera pode ver os aspectos externos, ninguén comprende como se acadou realmente a vitoria. Cando se gaña unha batalla, as tácticas non deben se repetir. Un debe sempre responder ás circunstancias nunha infinda variedade de modos.
Ora ben, un exército pode ser semellante á auga, pois ó igual que a auga que flúe evita as alturas e diríxese ó chan, un exército debe evitar a forza e atacar sobre a debilidade. E ó igual que a auga flúe e toma forma de acordo co terreo, así un exército diríxese á vitoria de acordo coa situación do inimigo. Igual que a auga non ten unha forma constante, non hai condicións constantes na guerra. Ó que é capaz de conseguir a vitoria modificando as súas tácticas de acordo coa situación do inimigo, ben pode chamárselle divino.
Dos cinco elementos (auga, lume, metal, madeira e terra), ningún predomina sempre; das catro estacións, ningunha dura para sempre; dos días, algúns son longos e outros curtos, e a lúa crece e mingua. Esta é tamén a regra que rexe no emprego de tropas.
Manobras
editarNormalmente, en tempo de guerra, o xeneral recibe as súas ordes do soberano do estado. Durante o proceso de organización das tropas e mobilización dos seus homes, para converter o seu exército nunha entidade harmoniosa e colocala en posición, nada é máis difícil que a arte de manobrar ata posicións vantaxosas. O complexo do tema é converter a rota máis intricada na ruta máis dereita, e distraer ó inimigo con reclamos. Para logralo, debes poñerte en marcha despois de que o faga o contrario, e chegar ó campo de batalla antes que el. Quen é capaz de facer isto amosa o seu coñecemento do artificio da distracción.
A vantaxe e o perigo son materias inherentes ambas ó feito de manobrar para acadar unha posición vantaxosa. Aquel que pon en movemento ó exército enteiro, xunto co seu impedimento, perseguindo unha posición vantaxosa, non a obterá. Se abandona o campamento e todo o impedimento na loita por obter vantaxe, perderá todo o seu equipo. Se ordena ós seus homes realizar marchas forzadas sen armadura, sen se deter día e noite, para cubrir o dobre da distancia usual nun desprazamento, e cubrindo cen li na loita pola vantaxe, é posible que vexa como os seus comandantes son capturados.
Os homes máis fortes e resistentes chegarán primeiro, e os máis febles estarán aínda atrás; así pois, se se emprega este método, tan só a centésima parte do exército chegará ó seu destino. Nunha marcha forzada de cincuenta li, o comandante da vangarda caerá probablemente, pero a metade dos seus homes chegarán. Nunha marcha forzada de trinta li, só chegarán dous terzos. Isto significa que un exército no que se deixe atrás o equipo pesado, subministro, comida e equipaxes estará perdido.
Aquel que non estea de acordo cos designios dos seus veciños, non debe entrar en alianzas con eles. Aqueles que non coñezan as condicións de montañas e bosques, desfiladeiros perigosos, marismas e pantanos, non poden dirixir a marcha dun exército. Aqueles que non empreguen guías locais son incapaces de obter vantaxes do terreo.
A guerra baséase no engano. Móvete cando sexa vantaxoso e crea cambios na situación dispersando e concentrando as túas forzas. Cando entras en campaña, se rápido como o vento; facendo marchas normais, maxestoso como o bosque; nas incursións e saqueos, feroz como o lume; cando te detés, firme como as montañas. Se te agochas, se tan insondable como as cousas máis aló das nubes; en movemento, cae como o raio. Para saquear unha rexión, dispersa as túas forzas. Cando conquistas un territorio, defende os puntos estratéxicos.
Sopesa a situación antes de efectuar movemento algún. Aquel que domina o artificio da diversión sairá vitorioso. Así é a arte de manobrar.