A estrela desconecida
A estrela desconecida (De catro a catro) Manuel Antonio 1928
Eu vin-te decote acobadada
n-aquela fenestra
- tan a trasmán!
que penduraches d'unha constelación
O horizonte arrincaba cada día
pra ti
a folla d'almanaque d'unha vela
Pero nunca s'enmallou
n-a falsa rede d'os mapas celestes
a túa loira virxinidade
Cómplice a noite
engayolaba o sestante d'os mariños
inxénuas perversións catalogadas
Viuva reiterada de todol-os vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan
Endexamais souberon os cadavres sin rumbo
que ti os amortallabas c'o teu ollar
Emproáramos a meia noite
A sotavento d'a nosa singladura
vai decote unha nube desarbolada
C'a súa esponxa de sombra
borrou pra sempre o teu mudo perfil
A alba nova sorprendeu-me
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu.