A feira de Verdillo


A Feira de Verdillo       Enrique Labarta       1896
 



    Certo día, cavilando
    con mil tristes pensamentos,
    sentín na ialma un vacío,
    ou, dito máis ó dereito
  5 no corpo; i escontra min
    con esmorecido acento,
    escramei: "¡Eu nacesito
    un porco pró meu goberno!"
    E como as cousas en min
 10 son cuestión de dito e feito,
    cara a feira de Verdillo,
    que está a un paso do meu eido,
    funme pola mañanciña
    como quen vai de paseo;
 15 i ó cabo dunha hora escasa
    vin erguerse alá de lexos
    a feira, que parescía
    máis que feira, un campamento
    coas súas casas de lona,
 20 seus infinitos cubertos
    de pedra, i o seu xentío,
    que, en contino movemento,
    visto aló dendes da altura
    somellábase un exército.
 
 25 Cheguei á hora en que a feira
    está no seu apoxeo.
    ¡Que confusión! ¡Que barullo!
    ¡Que ir e vir... e que mareo!
    ¡Alí, moitas ringuileiras
 30 de tendas e de comercios!
    ¡A outro lado, vacas, bois
    e terneiras e becerros!
    ¡Máis alá, formando ringla,
    cabalos bos e xamelgos,
 35 eguas, potros e pollinos
    castaños, brancos e negros!
    ¡Chalás que revenden maulas
    con tanta maña i acerto...
    que astra vendéndoas de balde,
 40 ganan o cento por cento!
    Rodas, con mil picalladas
    a carto ou a can pequeno
    a volta... ¡Que dá mil voltas
    sempre do dono en porveito!
 45 ¡Maníficos panoramas,
    por cuio burato estreito
    vense cantas maravillas
    esisten no mundo enteiro,
    a saber: París e Londres,
 50 Xibraltar e Cacabelos,
    a guerra franco-prusiana,
    Sansón, Xudas... i Espartero!
    I en fin, tristes e pacífecos
    do campo aquel nun estremo,
 55 meus soñados ideales,
    meus degorantes deseos;
    ou, falando en prata e craro,
    con máis prosa e menos verso,
    os que, perdonando as caras
 60 das persoas de rispeto,
    levan o nome de porcos...
    ¡Outro millor merecendo!
 
    Acerqueime a mercar un,
    mais chegou o amigo Pedro,
 65 e levándome a remolque,
    do dios Baco a un santo tempro,
    alí, queiras que non queiras,
    doume un almorzo soberbo,
    a saber: Unha tortela
    e dous vasos do Ribeiro.
 
    Volvín a saír de novo,
    mais o diaño, nunca quedo,
    deparoume un padre cura
    que me dixo: -D. Ruperto,
 75 vamos a botar un trago.
    - Non podo, non teño tempo.
    - ¡Abonda xa de desculpas!
    ¡Non ten vosté máis rimedio!-
    Compracino, e con pacencia
 80 dixen para os meus adrentos:
    "¡Pois señor, por ves segunda
    queda o meu porco en proieuto!"
 
    Por fin, libreime do cura
    e funme para a compra... pero
 85 tralo cura veu un xastre,
    tralo xastre veu un médeco,
    tralo médeco un perito,
    tralo perito un maestro,
    un boticario, un albéitar,
 90 un escribano i un... ¡Demo!
    (¡Que astra non sei se viría
    tamén o sepultureiro!)
    Decíndome: "Pra comprar
    ten vostede tempo e tempo".
 95 E todos, por compracerme,
    (maldigo os seus cumprimentos)
    a trago vai, trago vén,
    pasouse a tarde nun credo
    falándome de mil cousas
100 que a min me importaban... ¡Menos
    do que podría importarlle
    a Bismark, meu casamento!
 
    Seu manto estendeu a noite,
    e cal bando de morcegos,
105 pouco a pouco os meus amigos
    foron marchando en silencio.
    Botei as contas, e vin
    que lle dera ó meu diñeiro
    un gran ataque... ¡E total
110 sin parecer e sin proveito!
    Sentín ardor na cabeza,
    sono, nogalla, esvaimentos,
    arreneguei da amistade,
    mandei a todos ó inferno,
115 e, desfeita a feira, ó cabo,
    dempois de tantos mareos
    funme... ¡Sin comprar o porco!
    ¡Dándome a tódolos demos!
 
    Agora solo me falta
120 tras tamaños contratempos,
    para compretar a feira,
    quedarme tamén... ¡Sin premeo!
    porque entón direi: ¡Corrido,
    apaleado e contento!