A festa da patrona de Tabeirón


A festa da patrona de Tabeirón       Enrique Labarta       1904
 



A festa da patrona de Tabeiron, 1904

1
    ¡Inda parés que foi onte!
    ¡Inda percebo a fragancia
    das rosas da miña infancia;
    oigo o marmullo da fonte
  5 que está preto do meu lar,
    i o calore astra min chega
    da casiña que fumega
    acochada antre o pinar!
    ¡Xa todo, todo pasou!
 10 ¡Legrías, doutras idades,
    ilusións das mocedades
    que a triste vellez marchou!
    ¡Non tornarés mentras viva!
    Frores que nas augas can
 15 e que río a baixo van,
    nunca volven río arriba!
    ¡Lugares onde nacín,
    niños de idas esperanzas,
    o tempo, cantas mudanzas
 20 puxo en vosoutros i en min!
    Berce, que ó son arrolache
    de alalás adormecentes,
    os meus sonos inocentes
    ¿onde o teu fin atopache?
 25 ¡Cicais, xa na senentude,
    as táboas que te formaron
    mans despiedadas serraron
    prá tapa dun ataúde!
    ¡Semellanza antre os dous hai,
 30 pois co curazón desfeito,
    tamén coma ti, o meu peito
    tapando outro morto vai!

2

    Das mamorias que removo
    da infancia, viva en min resta
 35 máis que todas, a da festa
    da Patrona do meu pobo.
    ¡Ai, n'é estraño que me lembre
    na miña vida azorosa,
    con amor santo da Nosa
 40 Señoriña de Setembre!
    Sin apartarse de min,
    súa imaxe comigo vai,
    ¡que no colo dunha nai
    a querela deprendín!
 45 ¡O conxuro agarimoso
    da musa dun desterrado,
    resurde o idilio enterrado
    doutro tempo venturoso!
    Na víspera da función
 50 iba cando era rapás,
    a ripicar as campás
    da eigrexia de Tabeirón.
    Do seu adro ó redondel
    lindas bandeiras poñían,
 55 e seis ducias alcendrían
    de faroles de papel.
    Xuntábase logo a xente
    e a rubir escomenzaban
    os foguetes, que cruzaban
 60 os aires, supetamente;
    i as súas luces marelas,
    tras dun estalido louco,
    caían pouquiño a pouco
    como una chuvia de estrelas;
 65 ou, en rápedos cambeantes
    feguraban culebrinas,
    enredosas serpentinas
    e coroas de brilantes.
    Dimpois, posto nun rodicio,
 70 escomenzaba a dar xogo
    un monifate de fogo
    beilando con arteficio;
    i a función daba romate
    cun grobo de rabo ardente,
 75 que rubía lentamente
    ó estoupar o monifate;
    ¡namentras que ó lonxe, harmónicos,
    polos escuros turreiros,
    resoaban os pandeiros
 80 i os alalás melancónicos!
 
3

    Cheo de afán i emoción,
    case con noite, me erguía
    tódolos anos, o día
    da festa de Tabeirón.
 85 Logo, aló na carballeira,
    sintíase unha alborada
    doce, alegre, froleada,
    beiladora e churrusqueira.
    Era o gaiteiro Xan Trigo
 90 que a nosa cas ledo viña,
    onde por costume tiña
    tomar a parva, de antigo.
    N'había en todo o concello
    ni en des légoas arredor,
 95 outro gaiteiro millor
    que aquel gaiteiriño vello.
    ¡Diolo teña en santa pas!
    Inda o vexo, cal daquela,
    póndome a man na meixela
100 e dicindo "¡Ola rapás!"
    Dimpois, falando por sete,
    rubía, sin a rimposta,
    ó estrado onde a mesa posta
    tiña, con viño e molete.
105 "Moi bos días nos dea Dios"
    berraba o vello; e axiña
    contestaba na cocia,
    miña nai: "Santos e bos".
    Co bombo e tamborileiro
110 postos cada un do seu lado,
    sentábase no sobrado
    a beber viño, o gaiteiro;
    e trago a trago, contaba
    cando ca gaita, na guerra
115 de África, ós mozos da Terra
    a morriña lles tornaba;
    i antre risas e queixidos
    ¡iba resurdindo hestorias,
    de tódolas mortas grorias
120 e de tódolos tempos idos!
    Ó fin, farto de beber,
    limpaba os beizos co pano,
    dicindo: "De hoxe nun ano
    con salú, si Diolo quer".
125 E logo, botaba a andar
    diante do tambor i o bombo,
    sonrente, ca gaita ó lombo,
    regocixando o lugar.
    Dimpois, os nosos festeiros
130 pouco a pouco iban chegando:
    Outeda e Don Venerando
    eran decote os pirmeiros.
    Atrás viña o meu padriño,
    o ceruxano de Bora,
135 o Ferreiro e maila nora,
    a comadre do Muíño
    i o crego D. Xepe Guerra,
    que era o que tiña o sermón.
    ¡Xa todos, sin esceución,
140 están debaixo da terra!
    En rebuldeira manada,
    ás once prousimamente,
    saía da cas a xente
    pra oír a misa cantada,
145 que, con bullangueiro son,
    ripinicando a compás,
    anunciaban as campás
    da eigrexa de Tabeirón.
    ¡Con que fervorosa idea
150 no tempro de Dios entraba,
    i á Virxe me encomendaba
    naquela misa de aldea!
    ¡Nosa Señora querida!
    ¡Inda parés que a estou vendo:
155 O altare resprandecendo,
    a cera toda alcendrida,
    o chan cuberto de frores,
    o incenso no aire flotando,
    o sol as naves pintando
160 por antre os vidros de cores;
    os cregos cantando a misa,
    a multitú de xinollos;
    i a virxe, con doces ollos
    e agarimosa sonrisa,
165 vertendo nos curazós
    bálsamos de pas e calma,
    e infundindo en cada ialma
    a fe i a esperansa en Dios!
    Logo ó púlpeto rubía
170 Don Xepe Guerra; un velliño
    que da Virxe con cariño
    toda a hestoria nos dicía;
    ¡e cando da nai contaba
    a congoxa e pesadumbre
175 do Calvario na aspra cumbre,
    tembrándolle a vos, choraba!
    ¡A súa vos i o seu pranto
    surden na miña mamoria!
    ¡Que Diolo teña na groria;
180 aquel creguiño, era un Santo!
    Xa dita a misa maor,
    fóra a procesión saía,
    i o adro todo recorría
    dando unha volta arredor.
185 Iban diante, San Cristovo
    co pino verde na man,
    e San Roque, co seu can
    todo pintado de novo;
    logo, o mártir San Lourenzo;
190 o noso Apóstol bendito,
    o grorioso San Benito
    i o fundador San Vicenzo;
    e cerrando a porcesión,
    antre incenso e resprandores,
195 toda cuberta de frores,
    a imaxe da Conceución,
    siguindo o gaiteiro atrás
    i os cregos cos seus roquetes,
    antre o estoupo dos foguetes
200 e o ripique das campás.
    Xa a porcesión recollida,
    viñan prá cas os festeiros
    cos estómagos baldeiros,
    i escomenzaba a comida.
205 O pirmeiro prato, decote
    era o caldo de repolo
    que se tomaba cun bolo
    cocido drento do pote.
    Dimpois, viñan os cachelos,
210 o crabito, a carne asada,
    os polos en empanada,
    o raxo, o lacón con grelos,
    a morcilla de piñós,
    os moñoelos en aceite,
215 as chulas con viño ou leite
    i as ricas papas de arrós:
    Todo moi ben remollado
    con bo viño do Ribeiro,
    sin faltar ó derradeiro
220 nosa copa do Tostado.
    Cun vulto en cada mofrete,
    de prato a prato, a modiño
    erguíase o meu padriño
    para estalar un foguete;
225 i ó dar romate o xantar,
    botaba unha drinamita.
    ¡Santa Bárbora bendita
    que maneira de estoupar!
    Logo de xantar sin présa,
230 a conto vén, conto vai,
    os festeiros i o meu pai,
    botaban a sobremesa;
    e cando baixaba o sol,
    todos xuntos en manada,
235 íbamos á foliada,
    pisando o céspede mol
    do turreiro de Buxarde,
    onde os mozos tabeiranos
    beilaban tódolos anos
240 a muiñeira pola tarde.
    ¡Nunca o coadro esquencerei
    cargado de lus e cores,
    que da vida nos albores
    tantas veces contemprei!
245 As rapazas cos mantelos,
    os ricos dengues bordados,
    longos pendentes dourados
    i á curra os panos marelos;
    os mozos, curto o calzón,
250 negras polainas de lan
    i as casta etas na man,
    beilando da gaita ó son;
    de lado a parda monteira,
    riba dun banco, o gaiteiro
255 co bombo e tamborileiro,
    ripinicando a muiñeira;
    i ó fondo, verdes pinales,
    veigas, grupos de casiñas,
    terras cubertas de viñas,
260 sembizosos carballales,
    frescos prados, craras fontes,
    mil paxariños cantando,
    ¡i o sol que esmaia, bicando
    as crestas dos altos montes!
265 Ó cerrar a noite, atrás
    uns doutros, todos marchaban,
    e nos aires resoaban
    os atruxos e alalás.
    ¡Xa todo, todo pasou!
270 ¡Adiós, vida, lus, frescura,
    daquel coadro de ventura,
    que a man do tempo borrou!

4

    Da miña terra partín
    na ida felís da inocencia,
275 e dimpois de longa ausencia,
    xa feito un vello, volvín.
    Deso o meu cabelo debe
    ser elocoente testigo:
    ¡Marchou, roxo como o trigo;
280 volveu, branco como a neve!
    Ó contemprar o meu pobo,
    sintinme desconsolado;
    ¡xa todo estaba cambeado!
    ¡Aquel, era un mundo novo!
285 ¡Envoltos antre o misterio
    i en polvo xa convertidos,
    tódolos seres queridos
    pobraban o cimeterio,
    que cicais nos seus rincós
    290 tamén enterradas tiña,
    as costumes da terriña
    e as antigas tradiciós!
    Á cas, o día cheguei
    da patrona pola tarde,
295 i ó turreiro de Buxarde
    meus pasos encamiñei.
    ¡Que distinto todo o vin!
    ¡Aquel pobo, n'era o meu!
    ¡Nin naide me coñeceu,
300 ni eu a naide coñecín!
    ¡Xa non estaba o gaiteiro!
    Unha murga estropeada,
    con vos irta e destemprada,
    case afundía o turreiro;
305 i os mozos de Tabeirón,
    vistidos coma se estila
    antros ga apás da vila,
    esquencendo a tradición;
    da múseca ó descompás
310 beilaban o agarradiño,
    facendo moi amodiño,
    redícolos además.
    ¡Cando aquel baile mirei
    i aquela múseca oín,
315 frío no corpo sintín,
    e, non sei por que... chorei!
    ¡Chorei, e cicais sería
    ó ver con profunda pena,
    que a miña patria pequena,
320 esfumábase e morría!
    Triste de alí me alexei,
    e cheo de suidades,
    pensando noutras idades,
    no camiño me sentei.
325 Da aldraxosa murga, viña
    astra min o acento rouco,
    e as tenebras pouco a pouco
    iban cobrindo a campiña.
    De súpeto, aló, distante,
330 surdindo na escuridá
    sintiuse un forte alalá
    sano, rebusto, vibrante.
    Descobrínme con fervor,
    e radiante e xubiloso,
335 saudei o canto grandioso
    do incónito trovador;
    que a vos daquel peito rexo,
    fina, cal clarín da guerra,
    era a vos da patria terra
340 que dicía "¡Inda palpexo!"
    Erguinme sin máis tardar,
    un forte atruxo botei,
    "¡Viva Galicia!" berrei,
    e logo, botando a andar,
345 traspasado o curazón
    cas novedás que alí vin,
    pra sempre me dispedín
    da festa do Tabeirón.