A leiteirina
A L E I T E I R I Ñ A Emiliano Balás Silva 1903
A L E I T E I R I Ñ A
___
Choraba á neniña,
choraba de pena,
e á fío caíanlle
as ardentes bágoas por ambas meixelas.
__
Choraba na rúa,
na rúa Travesa,
mirando escachada
a oliña é o leite correndo antre as pedras.
__
As xentes pasaban,
pasaban de presa,
sen lle creto daren
a tanta tristura, á pena tan fera.
__
- Ti, qué tés, neniña?
¿Qué tés, miña reina?
¿Seique te escorreches,
ou ti trompezaches, por ires lixeira?
__
-Ay, miña leitiña!
Nunca Dios me dera!
¡Nunca á vila eu hoxe,
oubera ordenado de vir á vendela!
__
¡Nunca aquel rillote
cara á min viñera!
¡Nunca eu o mirara,
que pol-a sua culpa tiven esta perda!
__
Viña o moy zolado,
andando ás carreiras,
de cote alentado
cara isa ventana que está xunt-a a eirexa.
__
Eu ¡malpocadiña!
erguin miña testa
pra veren ¡coitada!
o que lle facía mirar á maneira.
__
Destonces ó pícaro
fay que en min trompeza
e no seo púxome
ambas mans que, súpeto, mapalpan é apertan.
__
Eu din un gran berro;
el ri á boca chea;
querendo tornalo,
pégolle co á ola, que escacha é reventa.
__
¡Ay, disgraciadiña!
¡Qué sorte tan negra
foi a miña, hoxe!
¡Seica millor fose crebára unha perna!
__
-Rapariga, cala;
non chores, contesta;
¿Canto valería
a ola é o leite que levabas nela?
__
-¡Moito! ¡moitos cartos!
como tres pesetas,
mais ben mais que menos,
porque lle era o leite moi bóo ¡abofellas!
__
-Pois toma é non chores;
adios, feiticeira;
adios, é percura
non mirar pra o alto, cando á vila veñas.
__
-Gracias, señoriño!
que Diolo protexa!
¡A virxen llo pague!
¡Vaya polas ánemas! ¡viva canto queira!
................................................
¡Hoxe foi bon día!
¡Tiven boa colleita!
¡Quen me dera topar co rillote,
agora, que marcho servida e valeira! ...
Emiliano Balás |
Ferrol, 1903
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Marco, Aurora (outono de 1985). "Noticia biográfica de Emiliano Balás. Poemas desconhecidos" (PDF). Agália (3): 306–323. ISSN 1130-3557.