Abxuración de Galileo Galilei


Abxuración de Galileo Galilei       Galileo Galilei       22 de xuño de 1633
 


Eu, Galileo, fillo do finado Vicenzo Galileo de Florencia, de idade 70 anos, constituído en persoa no xuízo, e de xeonllos diante de vos, Eminentísimos e Reverendísimos Cardeais, Inquisidores xerais en toda a República Cristiá contra a herética perversidade; tendo diante dos meus ollos os sacrosantos Evanxeos, ós que toco coas propias mans, xuro que sempre crin, creo agora, e coa axuda de Deus crerei no futuro, todo aquelo que mantén, predica e ensina a a Santa Igrexa Católica e Apostólica. Mais por mor deste Santo Oficio, por ter eu, despois de serme establecido como precepto ordenado de xeito xurídico e taxativo polo mesmo que en calquera circunstancia debía deixar a falsa opinión de que o sol está no centro do mundo e que non se move, e que a terra non está no centro do mundo e se move, e que non podía ter, difundir nin ensinar de ningún xeito, nin de palabra nin por escrito, a dita falsa doutrina, e despois de serme notificado que dita doutrina é contraria á Sagrada Escritura, escrito e dado á imprenta un libro no que trato a mesma doutrina xa condenada e aporto razóns con moita eficacia a favor dela, sen aportar ningunha solución, fun xulgado vehementemente sospeitoso de herexía, isto é, de ter mantido e crido que o sol está no centro do mundo e inmóbil e que a terra non sexa centro e se mova;

Polo tanto, querendo eu levar da mente das Súas Eminencias e de cada fiel Cristián esta sospeita vehemente, de xeito xusto concibida de min, con sincero corazón e fe non finxida abxuro, maldigo e detesto os antes ditos erros e herexías, e en xeral todos e calquera outros erros, herexías e seitas contrarias á Santa Igrexa; e xuro que para o futuro non direi máis nin aseverarei, de viva voz ou por escrito, cousas tales polas que se poda ter sospeitas semellantes; e aínda se chego a coñecer algún herético ou sospeitoso de herexía, denunciareino a este Santo Oficio, ou ó Inquisidor ou Ordinario do lugar onde me atope.

Tamén xuro e prometo cumprir e observar por enteiro todas as penitencias que se me puxeron ou me serán impostas por este Santo Oficio; e contravindo algunha das miñas promesas e xuramentos debidos, que Deus non o permita, sométome a todas as penas e castigos que son, polos sacros cánons e outras constitucións xerais e particulares impostas e promulgadas contra delincuentes semellantes. Así me axude Deus e estes seus santos Evanxeos, que toco coas miñas mans.

Eu Galileo Galilei abxurei xurei e prometín e obrigueime ó antes dito; e dando fe da verdade, da miña propia man escribín a presente cédula da miña abxuración e reciteina de palabra en palabra, en Roma, no convento da Minerva, neste día 22 de xuño de 1633.

Eu Galileo Galilei abxurei como di enriba, de man propia.