"Adiante"       Antón Losada Diéguez       25/7/1922
 


Artigo publicado en A Nosa Terra nº 167 (texto íntegro).[1]


   Fai xa algún tempo que a actividade nacionalista galega deixou d'estalar en berros e en vibraciós lostregantes, e que o movimento galeguista das rúas e dos mitins do agro e das cidades trocuse n-unha aición literaria e centífica. Cada cousa chega n-o mundo ao seu tempo e moi ben pode sere que ese maino traballar do derradeiro fose perciso para recoller as forzas e para facer un eisame de concencia preparando o porvir cô insiño do pasado e coas necesidades do presente.

   O nacionalismo galego conseguiu en pouco tempo remexer hasta o máis fondo da alma galega. Por todal-as partes da nosa Terra e aínda chegando aos políticos máis vellos e máis caciques, espallouse a fervenza do ideal e aínda sin querelo, aínda sin sentilo, vense movidos pol-o vento libertadore que lenvantóu o latexar da concencia galega, que é para eles decote como un meigallo que lles fai seguir ao lonxe a nova luz.

   E indiscutible que o alento directore da Galicia de hoxe é o pensamento nacionalista. Pódese seguir coa máis grande craridade todol-os pasos de calquer feito social, ou político, ou literario que se dea hoxe en Galicia ou entre os galegos de Madrid n-as Cortes ou fora d-elas e veráse como decote ten as suas raíces n-unha afirmación nacionalista, que levou a dianteira e espertou a inquietude.

   Por todo elo o movimento nacionalista coido que non pode deixar por máis tempo de voltar á vida púbrica das prazas, das rúas e dos mitins do agro. Non abonda para a vitalidade galega que somentes alumeen os refrexos do noso pensamento e unhas arelas esmatadas. Galicia non pode ter o seu contentamento con unhas cantas argalladas que somellan toda a aición galega e non son máis que acodea das aspiracións e dos desexos.

   No progreso e no perfeicionamento humán ten a door a máis grande parte, porque a door, no seu máis elevado siñificado espiritual, leva en sí un degaro infinido de perfeición, é o máis fondo salio encol da afirmación da eisistencia e do desenrolo da actividade que topa un valo no seu camiñar.

   E o nacionalismo galego como un degaro de eisistencia e de perfeicionamento das actividás da nosa terra ten que berrar a todal-as horas a door de Galicia e afirmare a sua potencialidade e a sua enerxía encolleita y acochada nas artificialidades e na pobreza das organizaciós políticas e sociais que os asoballan.

   A mocedade quere loita e quere acollerse a unha bandeira que siñifique un despertar e un amañecer. A nosa bandeira ben ergueita e libre ao vento ten que levar aos curazóns mozos un ideal que faga latexar a alma con ledicia coa formanza d-unha obra que se comenza e que leva a posibilidade de ser rematada axiña tendo as portas abertas a todol-os ventos da Xusticia e da Beleza.

   A todol-os vellos nacionalistas é perciso decirlles que temos a obriga de rexuvenecere a nosa actividade e que da nosa capacidade para unha mocedade costante e para un renacemento de todol-os días depende o trunfo do noso ideal. Temos que ser o sol decotío no seu nacemento e si o miramos morrer que esto sexa para voltar os ollos ao Nacente.