Cal olido de rosas que sai de antre o ramaxen

nunha mañán de maio, hai amores soaves

que n'inda vir se sinte, nin se ve cando entraren

pola mimosa porta que o corazón lles abre

de seu, cal se abre no agosto

a frol ó orballo da tarde.

E sin romor nin queixa, nin choros, nin cantares,

brandos así e saudosos, cal alentar dos ánxeles,

en nós encarnan puros, corren coa nosa sangre

i os ermos reverdecen do esprito onde moraren.

Busca estes amores..., búscaos,

si tes que chos poida dare;

que éstes son sóio os que duran

nesta vida de pasaxen.