Calma de 6 a 8
Calma de 6 a 8 (De catro a catro) Manuel Antonio 1928
N-a xerfa esbara o Sol
tras d'os ausentes oleaxes
As velas frouxas
póstumo rompeolas d'os chubascos
cosen os farrapos con fíos de sol morno
Unha gatova ventrílocua
peteirando n-o ouro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboyando
O sol-por fechará-se
dentro d'o mais intauto disco
As nosas pipas atentas
acobadadas ao lecer
Un intre o vapor intruso
coseu de presa a relinga d'o horizonte
Alén d'o mundo
está o castelo de proa
Hai un mariñeiro vello
que ven de volta de todol-os naufraxos
E trai o fio d'as aventuras
- non se sabe o remate-
que as dársenas estantías
viron evadir-se a bardo d'as bric-barcas
- O capitán Pardeiro
non afogou
"Perdeu-se" canda o bergantín-
Axustou-se a xordina
largacía coma unha nosa ollada
a buguina d'o Mar
Tremela n'a mareta levián
un remorso ou pesadelo
O navío
as mans trincadas
vai borrando c'os pés o ronsel
Xa non virá o vento
por que a noite fechou todal-as portas
- Esa luz desvelada
n-a fenestra d'a Lua-
Ao bater a hora imprevista d'o relevo
coseu as adoas soltas
d'o toque d'as Trindades
O ceo foise abuado e friorento
Todo finou?
Oh miragre!
As mesmas estrelas
aínda están
aínda están alí.