Cantares gallegos/A gaita gallega, resposta


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




          A GAITA GALLEGA.

                 RESPOSTA.

A ó eminente poeta D. Ventura Ruiz de Aguilera.


                      l.

      Cand' este cantar, poeta,
 Ná lira xemendo entonas,
 Non sei ó que por min pasa
 Qu' as lagrimiñas m' afogan;
 Qu' ante de min cruzar vexo
 A virgen-martir qu' invocas,
 Cós pes cravados d' espiñas
 Cás mans cubertas de rosas.
 En vano á gaita tocando
 Un-h' alborada de groria
 Sóns pó-los aires espalla
 Que cân nas tembrantes ondas.
 En vano baila contenta
 Nas eiras á turba louca,
 Qu' aqueles sons tal m'afrixen,
 Cousas tan tristes me contan,
 Qu' eu podo decirche
 Non canta que chora.


                      II.

      Vexo contigo estos céos,
 Vexo estas brancas auroras,
 Vexo estes campos froridos
 Donde s' arrullan as pombas,
 Y estas montañas xigantes
 Qu' aló c'as nubes se tocan
 Cubertas de verdes pinos
 E de froliñas cheirosas.
 Vexo esta terra bendita
 Dond' ó ben de Dios rebota
 E dondo anxiños hermosos
 Tecen brillantes coroas.
 Mas ay! como tamen vexo
 Pasar macilentas sombras
 Grilos de ferro arrastrando
 Antre sorrisas de mofa,
 Anque mimosa gaitiña
 Toqu' alborada de groria,
 Eu podo decirche
 Non canta que chora.


                      III.

      Falas, y ó meu pensamento
 Mira pasar temerosas
 As sombras d' eses cen portos
 Qu' ô pé d'as ondiñas moran.
 E pouco á pouco marchando
 Fráxiles, tristes e soyas,
 Vagar as naves soberbas
 Aló nun-ha mar traidora.
 Y ay! como nélas navegan
 Os fillos d'as nosas costas
 Con rumbo á América infanda
 Qu' á morte c'o pan Iles dona,
 Desnudos pedindo en vano
 A patria misericordia,
 Anque contenta á gaitiña
 O probe gaiteiro toca,
 Eu podo decirche
 Non canta que chora.


                      IV.

 Probe Galicia, non debes
 Chamarte nunca española.
 Qu' España de ti s' olvida
 Cando eres ay! tan hermosa.
 Cal si na infamia naceras
 Torpe, de ti s' avergonza,
 Y á nay qu' un fillo despreça
 Nay sin coraçon se noma.
 Naide por que te levantes
 Ch' aIarga á man bondadosa.
 Naide os teus prantos enxuga,
 Y homilde choras e choras.
 Galicia, ti non tés patria,
 Ti vives no mundo soya,
 Y á prole fecunda tua
 S' espalla en errantes hordas,
 Mentras trist' e solitaria
 Tendida na verde alfombra
 O mar esperanzas pides
 De Dios á esperanza imploras.
 Por eso anqu' en son de festa
 Alegre á gaitiña s' oya
 Eu podo decirche
 Non canta que chora.


                      V.

      «Espera, Galicia, espera;»
 Canto este grito consola!
 Páguecho Dios, bon poeta,
 Mais é un-ha esperanza louca.
 Qu' antes de qu' os tempos cheguen
 De dicha tan venturosa
 Antes que Galicia suba
 C'ó á cruz qu' ó seu lombo agobia
 Aquel difícil camiño
 Qu' ô pé d' os abismos toca,
 Quisais cansada e sedenta,
 Quisais que d' angustias morra.
 Págueche Dios, bon poeta,
 Esa esperanza de groria,
 Que de teu peito surxindo
 A Virgen-martir coroa,
 Y esta á recompensa sea
 D' amargas penas tan fondas.
 Paguech' este cantar triste
 Qu' as nosas tristezas conta,
 Que soyo tí... ¡ti entre tantos!
 D' as nosas magoas s' acorda;
 Dina voluntad d' un xenio,
 Alma pura e xenerosa!
 E cando á gaita gallega
 Aló nas Castillas oyas,
 O teu corazon pergunta,
 Veras que che di en resposta
 Qu' a gaita gallega
 Non canta que chora.



<<<< >>>>