Abrir o menú principal

Cantares gallegos/Dios bendiga todo, nena


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 



                    3.


      —Dios bendiga todo, nena;
 Rapaza, Dios te bendiga,
 Xa que te dou tan grasiosa,
 Xa que te dou tan feitiña,
 Qu' anque andiven moitas terras,
 Qu' anque andiven moitas vilas,
 Coma ti non vin ningunha
 Tan redonda e tan bonita.
 ¡Ben haya quen te pariu!
 iBen haya, amen, quen te cria!

      —Dios vos garde, miña vella,
 Gárdevos Santa Mariña,
 Qu' a bofé sós falangueira,
 Falangueira e ben cumprida.

      —Meniña, por ben falada
 Ningunha se perderia,
 Cóllens' antr' os paxariños
 Aqueles que mellor trian,
 Morre afogado antr' as pallas
 O pitiño que non chia.

      —Pois si vos foras pitiño,
 Dígovos miña velliña,
 Que dese mal non morreras,
 Que chiar ben chiarías.

      —Ay! que si non de min fora
 Miña filla, miña filIa!
 Sin agarimo no mundo
 Desde que nasin orfiña,
 De port' en porta pedindo
 Tiben que pasar á vida.
 E cand' á vida se pasa
 Cal vida de pelegrina,
 Que busca pelegrinando
 O pan de tódolos dias,
 De cot' en lares alleos,
 De cot' en estrañas vilas,
 Hay que deprender estonces
 Por no morrer coitadiña,
 A ó pé d' un valo tumbada,
 E de todos esquencida,
 O chio dos paxariños,
 O recramo das pombiñas,
 O ben falar que comprase
 A humildá mansa qu' obriga.

      —Moito sabés, miña vella,
 Moito de sabiduria!
 ¡Quen pudera correr mundo
 Por ser como vos sabida!
 Qu' anque traballos se pasen
 Aló pó las lonxes vilas,
 Tamén ¡que cousas se saben!
 Tamén ¡que cousas se miran!

      —Mais val que nás mires nunca,
 Qu' estonces te perderías:
 O qu' ó sol mirar precura
 Logo quedará sin vista!

      —Dirés verdá, miña vella,
 Mais craras as vosas niñas,
 Emprestouvos hastr' agora
 Groriosa Santa Lucia.

      —Moita devoçon lle teño
 Miña santiña bendita!
 Mais non sempr' as niñas craras
 Son proba de craras vistas.
 Moitas eu vin com' á augua
 Que corr' antr' as penas frias
 Gorgorexando de paso,
 Sereniña, sereniña,
 Qu' antre tiniebras pousaban,
 Qu' antre tiniebras vivian,
 Nas tiniebras d' os pecados
 Que son as mais escondidas.

      —Si de pecados falades,
 E pan qu' onde queir' espiga,
 En tódalas partes crese,
 En todas partes se cria,
 Mais uns son cor de veneno,
 Outros de sangre runxida,
 Outros com' á noite negros
 Medran c' as lurpias dañinas,
 Qu' os paren entr' ouro e seda
 Arrolados pó l' envidia,
 Mantidos pó la luxuria,
 Mimados pó la cobiza.

      —«Quen ven está, ven estea.»
Déixat' estar, míña filla,
 Nin precures correr mundo
 Nin tampouco lonxes vilas,
 Qu' ó mundo dá malos pagos
 A quen lle dá prendas finas,
 E nas vilas mal fixeras
 Qu' á aqui facer non farias,
 Qu' anque ese pan valorento
 En todas partes espiga,
 Nunhas apoucado crese,
 Noutras medra qu' adimira.

      —Falás com' un abogado,
 E calquera pensaria
 Que deprendestes nos libros
 Tan váreas palabrerias.
 Todiñas tan ven faladas,
 Todiñas tan entendidas:
 E tal medo me puñeches
 Que xa d' aqui non sahira
 Sin levar santos escritos
 E medalliñas benditas
 Nun lado do meu xustillo
 Xunto d' una negra figa,
 Que me librasen das meigas
 E mais dás lurpias dañinas.

      —Que te libren de ti mesma,
 Pidelle á Dios, rapariga,
 Que somos nós para nós
 As lurpias mais enemigas.
 Mais xá ven á noite vindo
 Co seu manto d' estreliñas,
 Xa recolleron ó gando
 Que pastaba na curtiña,
 Xa lonx' as campanas tocan,
 Tocan as Ave-Marias,
 Cada conexo á ó seu tobo
 Lixeiro, lixeiro tira,
 Qu' é mal compañeiro á noite
 Si á compañeiro s' obriga.
 Mas ay! qu' eu non teño tobo
 Nin burata conocida,
 Nin tellado que me cruba
 Dos ventos da noite fria.
 iQue vid' á dos probes, nena!
 Que vida, qu' amarga vida!
 Mais noso Señor foi probe,
 ¡Qu' esto d' alivio nos sirva!

      —Amen, miña vella, amen;
 Mais pó las almas benditas
 Oxe dormirés n' un leito
 Feito de palliña triga,
 Xunta do lar que vos quente
 Cá borralliña encendida,
 E comerés un caldiño
 Con patacas e nabizas.

      —Bendito sea Dios, bendito,
 Bendit' á Virxe Maria
 Que con tanto ben m' acode
 Por unha man compasiva!
 O Señor che dé fortuna
 Con moitos anos de vida,
 Volvansech' as tellas d' ouro,
 As pedras de prata fina,
 E cada gran seu diamante
 Che se volva cada dia!
 Y agora, miña rapaza,
 Por qu' un pouco t' adivirtas
 Bailando c' as compañeiras
 Que garulan ná cociña,
 Eiche de contar historias,
 Eiche de cantar copriñas,
 Eíche de tocar as cunchas,
 Miña carrapucheiriña.



<<<< >>>>