Cantares gallegos/Hora, meu miniño, hora
18.
— Hora meu meniño, hora,
Quen vos ha de dar á teta.
Si tua nay vay no muhiño,
E teu pai ná leña seca?
Eu chá dera, miña xoya,
Con mil amores chá dera,
Hastra rebotar meu santo,
Hastra que mais non quixeras,
Hastra verte dormidiño
Con esa boca tan feita,
Sorrindo todo fartiño,
Cal ubre de vaca cheya.
Mas ay! que noite che agarda;
Mais ay! que noite ch' espera,
Qu' anque duas fontes teño,
Estas fontiñas non deitan.
Hora, meu meniño, hora,
Canto chorarás por ela,
Sin ter con que t' acalente,
Sin ter con que t' adormeça,
Que soyo, soyo quedaches
Com' un-ha ovelliña enferma,
Tremando malpocadiño,
Com' as ovelliñas treman.
Sin cobirtor que te cruba
Nun-has palliñas te deitan
E neve e chuvia en ti caen
Por antr' as fendidas tellas.
E silva ó vento que pasa
Pó las mal xuntadas pedras,
E cal coitelo afilado
No teu corpiño se ceiba.
¡Ay! cando veña tua nay!
Ay! cando ch' á tua nay veña!
Cal te topará meniño
Frio com' á neve mesma;
Para chorar sin alento,
Rosiña qu' os ventos creban...
Ay! mas valera meniño
Que quen te dou non te dera,
Qu' os flllos dos probes nacen,
Nacen para tales penas
Asi se espricaba Rosa,
Nó medio da noite negra,
O pé d' un-ha negra porta,
Toda de lañas cuberta.
Mentras tanto murmuxaban
Por antr' á robreda espesa
Do rio as revoltas agoas
E os berridos da tormenta.
Tod' era sombras no ceo,
Tod' era loito na terra
E parece qu' á compaña
Bailab' antras as arboredas
C' as chuchonas enemigas,
E c' as estricadas meigas.
En tanto un choro soave,
Sentir no espaço se deixa,
Tal como gaita, tocada
Nun-h' alborada serena,
Tal como lexana frauta,
Cand' ó sol no mar se deita
Cuyo son nos tray ó vento
C' os cheiriños da ribeira.
No meyo da chouza oscura
Que triste rosa, contempra
Un-ha luz branca, se mira
Com' aurora que comença.
Olido de frescas rosas
Os aires da noite incensan
Cal si todas se xuntaran
As froles da primadera.
Soan cantares estraños,
Soan músicas que alegran.
Músicas son e cantares
Nunca sentidos na terra.
Por eso, pasmada Rosa,
Pouquiño á pouco s' achega
E por un-ha regandixa
Postrada no chan axexa.
Nunca humanos ollos viron
O que veu estonces ela,
Que si non morreu estonces
Foy por que Dios nó quixera.
De resplandecente groria,
Rayos d' amor se refrexan
Do abandonado meniño,
Sobr' á dourada cabeça.
E por qu' esté mais contento
E por que mais s' entreteña,
Cabe ó seus peciños crecen,
Frescos, ramos de azucenas.
Xa non dórm' en probe cuna
Qu' outro berce lle fixeron
C' as alas os anxeliños
E có seu lume as estrellas.
Nubes de color de rosa
Fanlle branda cabeceira
Sirvelle de cubertura
Un rayo de luna cheya,
Y á Virxen santa, vestida
Con vestido de inocencia,
Por que de fame non morra,
E fartiño s' adormeça,
Dalle maná do seu peito
Con qu' os seus lábios refresca.
Mentras ó mundo existise
Rosa mirando estibera,
Con tanta groria encantada
Con tanta dicha suspensa.
Mais un-ha voz lonxe s' oye
Por antr' os olmos da veiga
Que cantando amorosiña
S' esprica de esta maneira:
—Hora, meu meniño, hora,
Logo che darey á teta,
Hora, meu meniño, hora,
Xá non chorarás por ela.
Esto cantaron, —en tanto
Có á Virxe desapareceran
Os anxeliños, deixando
En derredor noite espesa.
Xá se sinten as pasadas
Por xunto da corredoira,
Xá saltaron ó portelo,
Xá cerraron á cancela,
A probe nay corre, corre,
Qu' ó seu filliño ll' espera,
Mais cando chega, dormido
O seu filliño contempra.
Dill' estonces mentras tanto
Qu' en bicalo se recrea:
—Miña xoya, miña xoya,
Miña prenda, miña prenda.
Que fora de ti, meu santo,
Si naiciña non tiberas,
Quen meu fillo te limpara,
Quen á mantença che dera?
—O que mantên as formigas
E os paxariños sustenta.
Dixo Rosa, y escondeuse
Por antr' á nebrina espesa.
<<<< | >>>> |