Cantares gallegos/Roxiña cal sol dourado


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




16.


     A ó Sr. D. Camilo Alvarez
 e Castro, Chantre dá catedral
 de Salamanca.


                     l.

      Roxiña cál sol dourado,
 Garrida cál fresca rosa,
 Iba pó lo monte hermosa
 Có branco pé descalzado;
 Copo de neve pousado,
 Deslumbrando á luz do dia,
 Tan branco pé parecia.

      As longas trenzas caidas,
 Con quen os ventos xogaban,
 Ondiñas d' ouro formaban
 Ná branca espalda tendidas;
 Apertadas e bruñidas
 Qu' espigas eran coidara
 O que de lonxe ás mirara.

      Tiñan os cores do mare
 Os seus olliños dormentes,
 Mais doces, mais trasparentes,
 Naide os poidera encontrare;
 Naide velos sin amare
 O coraçon sin falsia
 Que por antr' eles se via.

      Levaba na frente á yalma,
 Nos doces labios á risa,
 Auguiña que ó vento enrisa,
 Pousaba no fondo en calma.
 Tal como gallarda palma
 Cimbrase con folgura
 A delgadiña cintura.

      Ó par da brisa temprada
 Qu' antr' os salgueiros corria,
 Ela correndo seguia
 Un-ha veiriña encantada.
 Qu' ali mansa e sosegada
 Manaba un-ha fresca fonte
 Cabo da falda do monte.


                     II.

      Franca, pura, sin enganos,
 Canta, canta garruleira,
 Ó pé da verde silveira,
 Laband' os seus brancos panos,
 O son dos romores vanos
 Que nacen cá mañanciña,
 Laba, laba na fontiña.

      Xunto d' ela os paxariños
 Gorgorexan qu' é un contento,
 Faille festiñas ó vento
 C' os seus hirmans os airiños.
 Os pastores, coitadiños
 Cantanlle ó doce a...la...lala...
 Que lengua de amores fala.

      Ela honesta está escoitando.
 Mais con sospiros responde,
 Qu' aIó garda non sei donde
 Saudades de non sei cando.
 Os paniños vay labando
 E á téndelos s' apresura
 Nun campiño de verdura.

      Dempois no rego que pasa,
 Verte un-ha vagoa serena,
 Filla dá escondida pena
 Có seu peitiño traspasa.
 Pois que d' amores s' abrasa
 Aquela qu' é fresca rosa
 Tan amante como hermosa.

      Compañeiras van chegando
 Cal mais á mais ven portada,
 Xarros de louza vidrada,
 Antr' os seixos van pousando,
 Cay á auguíña mormuxando,
 Brancas vinchas se levantan,
 As meniñas, cantan... cantan.

      As estrelas van fuxindo
 A espesa niebra enrarece,
 O arboriño que frorece
 Por antr' ela vay sahindo.
 O craro sol vay subindo
 Por riba do firmamento,
 Limpo, gárrulo, e contento.

      Arredor tod' arrescende
 A olido de primadera,
 Y á ló n' azulada esfera
 Fogáx de groria s' encende.
 Mais á meniña n' atende
 Si non á ó dor ¡mal pecado!
 Que ten no peito encravado.

     Danll' estrañeza os cantares,
 Danlle de chorar deseyos
 Y os ollos de vagoas cheyos,
 Pensa nos nativos lares;
 Que n' hay mais tristes pesares,
 Mais negra malencolia
 Qu' á qu' entr' estraños se cria.

      Paxariños, verde prado,
 Branca lua e sol ardente,
 Todo consolo é impotente
 En mal tan desconsolado.
 Todo contento é trubado
 Pó la peniña sin fondo
 Qu' hay no coraçon abondo.

       Por eso á meniña hermosa,
 Foxe d' alegre fontiña,
 Tal como triste ovelliña
 Que trema de dor queixosa.
 Vay sentida, vay chorosa,
 Mentras lle cantan con saña
—¡Da montaña! da montaña!

      Y ela que de tal s' estraña
 Ferida no que mais sinte,
 Qu' á maltraten non consinte,
 Y así lles contesta uraña:
 An que ché son da montaña,
 An que ché son montañesa,
 An que ché son, non me pesa.



<<<< >>>>