Cantiga de vellas


CANTIGA DE VELLAS       Ramón del Valle-Inclán      
 



"Cantiga de vellas" en Céltiga.[1]

 Revelaron os galos ao día
 A rend'o piorno nun craro luar
 Espallou n'as augas unha letanía
 E fíos d'as tellas pasou de vagar
 O gato d'a vella doña Estefaldía

Rancia señoría
Que se espiolla ao lar
E aparenta ao día
No balcón a fiar.

 Rancia señoría que tapa os buratos
 D'o estrado c'os foros comestos d'os ratos.
 Rancia señoría de maravedí
 Dentes de can vello, halda d'organdí.

 ¿Que foi da velliña Marica Pepiña
 Que andaba n'a casa dende bigardona?
 ¿Que foi d'a galiña moñuda que tiña?
 ¡Levaba os pitiños como unha infanzona!

 Como son tan vellas ama e mangoleta
 Toman augas d'herbas crebadas no lar,
 Levan polainiños feitos de calceta,
 Como son tan vellas hanse de cuidar.

 O leite d'a vaca mercan os veciños;
 Un rapaz moi novo que se doe d'o peito;
 Y'ama d'o crego para os seus touciños
 E a moza para un vello que lle escofa o leito
 Para vender o leite d'a vaca mareña.
 Ellas toman solo augas de malvela.

 Toma as augas doña Estefaldía,
 Toda entre refaixos sentada n'a cama.
 Sopla a mangoleta n'a lareira fría
 E inflando as fazulas levanta unha flama.
 A galiña canta baixo d'o balcón,
 Doña Estefaldía salta n'o alfombrín.
 Sai a mangoleta batindo o portón
 E o galo moceiro canta paladín.

 ¿Que foi d'a poedora galiña moñuda,
 Das calzas lilailas e tan repoludas?
 ¿Que foi d'a velliña Marica Pepiña?
 ¿Que foi d'a fidalga tan magra e tan galga?
 Morreu a galiña aos dentes d'a marta.
 Morreu a fidalga d'augas quentes farta.

A mangoleteira
Ficou na lareira.

 O trasno as vexigas estoupou nas vellas,
 Fai a ronda o gato polo fío d'as tellas,
 E camiña o tempo facendo sua rúa,
 Por arcos de sol, por arcos de lúa.


Ramón de Valle-Inclán
A Coruña, El Noroeste, 5/4/1910


  1. "Cantiga de vellas" (PDF). Céltiga. Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades (Buenos Aires) (36). 25/6/1926.