Constitución española de 1931/Título III


Constitución Española:Título III       Cortes Españolas      
 


Título III: Dereitos e deberes dos españois

editar

Capítulo primeiro: Garantías individuais e políticas

editar

Artigo 25

editar

Non poderán ser fundamentos de privilexio xurídico: a natureza, a filiación, o sexo, a clase social, a riqueza, as ideas políticas nin as crenzas relixiosas.

O Estado non recoñece distincións e títulos nobiliarios.

Artigo 26

editar

Todas as confesións relixiosas serán consideradas como Asociacións sometidas a unha lei especial.

O Estado, as rexións, as provincias e os Municipios, non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións e Institucións relixiosas.

Unha lei especial regulará a total extinción, nun prazo máximo de dous anos, do orzamento do Clero.

Quedan disoltas aquelas Ordes relixiosas que estatutariamente impoñan, ademais dos tres votos canónicos, outro especial de obediencia a autoridade distinta da lexítima do Estado. Os seus bens serán nacionalizados e afectados a fins benéficas e docentes.

As demais Ordes relixiosas someteranse a unha lei especial votada por estas Cortes Constituíntes e axustada ás seguintes bases:

1. Disolución das que, polas súas actividades, constitúan un perigo para a seguridade do Estado.

2. Inscripción das que deban subsistir, nun Rexistro especial dependente do Ministerio de xustiza.

3. Incapacidade de adquirir e conservar, por si ou por persoa interposta, máis bens que os que, previa xustificación, se destinen á súa vivenda o ao cumprimento directo dos seus fins privativos.

4. Prohibición de exercer a industria, o comercio ou o ensino.

5. Sumisión a tódalas leis tributarias do país.

6. Obrigación de rendir anualmente contas ao Estado do investimento dos seus bens en relación coas fins da Asociación.

Os bens das Ordes relixiosas poderán ser nacionalizados.

Artigo 27

editar

A liberdade de conciencia e o dereito de profesar e practicar libremente calquera relixión quedan garantidos no territorio español, salvo o respecto debido ás esixencias da moral pública.

Os cemiterios estarán sometidos exclusivamente á xurisdición civil. Non poderá haber neles separación de recintos por motivos relixiosos.

Todas as confesións poderán exercer os seus cultos privadamente. As manifestacións públicas do culto haberán de ser, en cada caso, autorizadas polo Goberno.

Ninguén poderá ser compelido a declarar oficialmente as súas crenzas relixiosas.

A condición relixiosa non constituirá circunstancia modificativa da personalidade civil nin política salvo o disposto nesta Constitución para o nomeamento de Presidente da República e para ser Presidente do Consello de Ministros.

Artigo 28

editar

Só se castigarán os feitos declarados punibles por lei anterior á súa perpetración. Ninguén será xulgado senón por xuíz competente e conforme aos trámites legais.

Artigo 29

editar

Ninguén poderá ser detido nin preso senón por causa de delito. Todo detido será posto en liberdade ou entregado á autoridade xudicial, dentro das vinte e catro horas seguintes ao acto da detención.

Toda detención deixarase sen efecto ou se elevará a prisión, dentro das setenta e dúas horas de ser entregado o detido ao xuíz competente.

A resolución que se ditase será por auto xudicial e notificarase ao interesado dentro do mesmo prazo.

Incurrirán en responsabilidade as autoridades cuxas ordes motiven infracción deste Artigo, e os axentes e funcionarios que as executen, con evidencia da súa ilegalidade.

A acción para perseguir estas infraccións será pública, sen necesidade de prestar fianza nin caución de ningún xénero.

Artigo 30

editar

O Estado non poderá subscribir ningún Convenio ou Tratado internacional que teña por obxecto a extradición de delincuentes político sociais.

Artigo 31

editar

Todo español poderá circular libremente polo territorio nacional e elixir nel a súa residencia e domicilio, sen que poida ser compelido a mudalos a non ser en virtude de sentenza executoria.

O dereito a emigrar ou inmigrar queda recoñecido e non está suxeito a máis limitacións que as que a lei estableza.

Unha lei especial determinará as garantías para a expulsión dos estranxeiros do territorio español.

O domicilio de todo español ou estranxeiro residente en España é inviolábel. Ninguén poderá entrar nel senón en virtude de mandamento de xuíz competente. O rexistro de papeis e efectos practicarase sempre a presenza do interesado ou dunha persoa da súa familia, e, na súa falta, de dous veciños do mesmo pobo.

Artigo 32

editar

Queda garantida a inviolabilidade da correspondencia en tódalas súas formas, a non ser que se dite auto xudicial en contrario.

Artigo 33

editar

Toda persoa é libre de elixir profesión. Recoñécese a liberdade de industria e comercio, salvo as limitacións que, por motivos económicos e sociais de interese xeral, impoñan as leis.

Artigo 34

editar

Toda persoa ten dereito a emitir libremente as súas ideas e opinións, valéndose de calquera medio de difusión, sen suxeitarse á previa censura.

En ningún caso poderá recollerse a edición de libros e periódicos senón en virtude de mandamento de xuíz competente.

Non poderá decretarse a suspensión de ningún xornal senón por sentenza firme.

Artigo 35

editar

Todo español poderá dirixir peticións, individual e colectivamente, aos Poderes públicos e ás autoridades. Este dereito non poderá exercerse por ningunha clase de forza armada.

Artigo 36

editar

Os cidadáns dun e outro sexo, maiores de vinte e tres anos, terán os mesmos dereitos electorais conforme determinen as leis.

Artigo 37

editar

O Estado poderá esixir de todo cidadán a súa prestación persoal para servizos civís ou militares, de acordo coas leis.

As Cortes, a proposta do Goberno, fixarán tódolos anos o continxente militar.

Artigo 38

editar

Queda recoñecido o dereito de reunirse pacificamente e sen armas. Unha lei especial regulará o dereito de reunión ao ar libre e o de manifestación.

Artigo 39

editar

Os españois poderán asociarse ou sindicarse libremente para os distintos fins da vida humana, conforme ás leis do Estado.

Os Sindicatos e Asociacións estarán obrigados a inscribirse no Rexistro público correspondente, de acordo coa lei.

Artigo 40

editar

Todos os españois, sen distinción de sexo, son admisíbeis aos empregos e cargos públicos segundo o seu mérito e capacidade, agás as incompatibilidades que as leis sinalen.

Artigo 41

editar

Os nomeamentos, excedencias e xubilacións dos funcionarios públicos faranse conforme ás leis. A súa inamobilidade garántese pola Constitución. A separación do servizo, as suspensións e os traslados só terán lugar por causas xustificadas previstas na lei.

Non se poderá molestar nin perseguir a ningún funcionario público polas súas opinións políticas, sociais ou relixiosas.

Se o funcionario público, no exercicio do seu cargo, infrinxe os seus deberes con prexuízo de terceiro, o Estado ou a Corporación a quen sirva serán subsidiariamente responsables dos danos e prexuízos conseguintes, conforme determine a lei.

Os funcionarios civís poderán constituír Asociacións profesionais que non impliquen inxerencia no servizo público que lles estiver encomendado.

As Asociacións profesionais de funcionarios regularanse por unha lei. Estas Asociacións poderán recorrer ante os Tribunais contra os acordos da superioridade que vulneren os dereitos dos funcionarios.

Artigo 42

editar

Os dereitos e garantías consignados nos artigos 29, 31, 34, 38 e 39 poderán ser suspendidos total ou parcialmente, en todo o territorio nacional ou en parte del, por decreto do Goberno, cando así o esixa a seguridade do Estado, en casos de notoria ou inminente gravidade.

Se as Cortes estivesen reunidas, resolverán sobre a suspensión acordada polo Goberno.

Se estivesen pechadas, o Goberno deberá convocalas para o mesmo fin no prazo máximo de oito días. A falta de convocatoria reuniranse automaticamente ao noveno día. As Cortes non poderán ser disoltas antes de resolver mentres subsista a suspensión de garantías.

Se estivesen disoltas, o Goberno dará inmediata conta á Deputación Permanente establecida no artigo 62, que resolverá con iguais atribucións que as Cortes.

O prazo de suspensión de garantías constitucionais non poderá exceder de trinta días. Calquera prórroga necesitará acordo previo das Cortes ou da Deputación Permanente no seu caso.

Durante a suspensión rexerá, para o territorio a que se aplique, a lei de Orde pública.

En ningún caso poderá o Goberno estrañar ou deportar aos españois, nin desterralos a distancia superior a 250 quilómetros do seu domicilio.

Capítulo segundo: Familia, economía e cultura

editar

Artigo 43

editar

A familia está baixo a salvagarda especial do Estado. O matrimonio fúndase na igualdade de dereitos para ambos sexos, e poderá disolverse por mutuo disenso ou a petición de calquera dos cónxuxes, con alegación neste caso de xusta causa.

Os pais están obrigados a alimentar, asistir, educar e instruír aos seus fillos. O Estado velará polo cumprimento destes deberes e obrígase subsidiariamente á súa execución.

Os pais teñen para cos fillos habidos fose do matrimonio os mesmos deberes que respecto dos nados nel.

As leis civís regularán a investigación da paternidade.

Non poderá consignarse declaración algunha sobre a lexitimidade ou ilexitimidade dos nacementos nin sobre o estado civil dos pais, nas actas de inscrición, nin en filiación algunha.

O Estado prestará asistencia aos enfermos e anciáns, protección á maternidade e á infancia, facendo súa a "Declaración de Xenebra" ou táboa dos dereitos do neno.

Artigo 44

editar

Toda a riqueza do país, sexa quen for o seu dono, está subordinada aos intereses da economía nacional e afecta ao sostemento das cargas públicas, con arranxo á Constitución e ás leis.

A propiedade de toda clase de bens poderá ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade social mediante adecuada indemnización, a menos que dispoña outra cousa unha lei aprobada polos votos da maioría absoluta das Cortes.

Cos mesmos requisitos a propiedade poderá ser socializada.

Os servizos públicos e as explotacións que afecten ao interese común poden ser nacionalizados nos casos en que a necesidade social así o esixa.

O Estado poderá intervir por lei a explotación e coordinación de industrias e empresas cando así o esixisen a racionalización da produción e os intereses da economía nacional.

En ningún caso impoñerase a pena de confiscación de bens.

Artigo 45

editar

Toda a riqueza artística e histórica do país, sexa quen for o seu dono, constitúe tesouro cultural da Nación e estará baixo a salvagarda do Estado, que poderá prohibir a súa exportación e enaxenación e decretar as expropiacións legais que estimar oportunas para o seu defensa. O Estado organizará un rexistro da riqueza artística e histórica, asegurará a súa celosa custodia e atenderá á súa perfecta conservación.

O Estado protexerá tamén os lugares notables pola súa beleza natural ou polo seu recoñecido valor artístico ou histórico.

Artigo 46

editar

O traballo, nas súas diversas formas, é unha obrigación social, e gozará da protección das leis.

A República asegurará a todo traballador as condicións necesarias dunha existencia digna. A súa lexislación social regulará os casos de seguro de enfermidade, accidentes, paro forzoso, vellez, invalidez e morte; o traballo das mulleres e dos mozos e especialmente a protección á maternidade; a xornada de traballo e o salario mínimo e familiar; as vacacións anuais remuneradas; as condicións do obreiro español no estranxeiro; as institucións de cooperación, a relación económico-xurídica dos factores que integran a produción; a participación dos obreiros na dirección, a administración e os beneficios das empresas, e todo canto afecte á defensa dos traballadores.

Artigo 47

editar

A República protexerá ao campesiño e a este fin lexislará, entre outras materias, sobre o patrimonio familiar inembargábel e exento de toda clase de impostos, crédito agrícola, indemnización por perda das colleitas, cooperativas de produción e consumo, caixas de previsión, escolas prácticas de agricultura e granxas de experimentación agropecuarias, obras para rego e vías rurais de comunicación. A República protexerá en términos equivalentes aos pescadores.

Artigo 48

editar

O servizo da cultura é atribución esencial do Estado, e prestarao mediante institucións educativas enlazadas polo sistema da escola unificada.

O ensino primario será gratuito e obrigatorio.

Os mestres, profesores e catedráticos do ensino oficial son funcionarios públicos. A liberdade de cátedra queda recoñecida e garantida.

A República lexislará no sentido de facilitar aos españois económicamente necesitados o acceso a todos os grados de ensino, a fin de que non se ache condicionado máis que pola aptitude e a vocación.

O ensino será laico, fará do traballo o eixe da súa actividade metodolóxica e inspirarase en ideais de solidariedade humana.

Recoñécese ás Igrexas o dereito, suxeito a inspección do Estado, de ensinar as súas respectivas doutrinas nos seus propios establecementos.

Artigo 49

editar

A expedición de títulos académicos e profesionais corresponde exclusivamente ao Estado, que estabelecerá as probas e requisitos necesarios para obtelos aínda nos casos en que os certificados de estudos procedan de centros de ensino das rexións autónomas. Unha lei de Instrución pública determinará la idade escolar para cada grado, a duración dos períodos de escolaridade, o contido dos plans pedagóxicos e as condicións en que se poderá autorizar o ensino nos estabelecementos privados.

Artigo 50

editar

As rexións autónomas poderán organizar o ensino nas súas linguas respectivas, de acordo coas facultades que se concedan nos seus Estatutos. É obrigatorio o estudo da lingua castelá, e esta se empregará tamén como instrumento de ensino en todos os centros de instrución primaria e secundaria das rexións autónomas. O Estado poderá manter ou crear nelas institucións docentes de todos os grados no idioma oficial da República.

O Estado exercerá a suprema inspección en todo o territorio nacional para asegurar o cumprimento das disposicións contidas neste Artigo e nos dous anteriores.

O Estado atenderá á expansión cultural de España estabelecendo delegacións e centros de estudo e ensino no estranxeiro e preferentemente nos países hispanoamericanos.

Anterior:
Título II
Constitución española de 1931 Seguinte:
Título IV