Conto sinxelo
CONTO SINXELO Antón Losada Diéguez 30/12/1920
Conocín o máis forte boxeador do mundo, Samuel Kupper. Tiña vinte e dous anos, mais forte que fora Jeffries nos seus bos tempos e con máis xeito que Johnson. Ganara xa o campeonato mundial de pesos medeos e d´un día a outro iba a loitar c´o vello campeón de pesos grandes. Era fixa a súa victoria. O vello campeón xa recibira o consello de llo dar sin loita.
Samuel Kupper descansaba n-unha granxa do Far West. Era seu amigo un crego que lía a Biblia ós labregos. Samuel Kupper oiu ler unha serán soave e feiticeira do vrau: «Oíchedes que se dixo ollo por ollo e dente por dente. Mais eu, vos digo que non fagades resistencia a que vos magoe; e si algún te ferira na meixela dereita, ponlle tamén a outra… Oíchedes que foi dito: Amarás ó teu próximo e teraslle xenreira ó teu nemigo. Mais eu dígovos: Querede ós vósos nemigos, facede bén ós que vos queren mal e rezade pol-os que vos corren e calumnian…» Mainiño, o vento movía as herbas y-as froles d´a pradeira.
Aquela noite, un vello y-unha mociña petaron á porta de Samuel Kupper. Tiñan fame e iban cansos e magoados de camiñar… Os ollos do vello eran de infinida tristura; n-os da mociña loitaba a desesperación c´unha rayola d´espranza… Samuel Kupper xa era rico, os seus fortes cotelos enfeixaran moitos billetes… O vello y-a mociña comeron, e descansaron, e tiveron diñeiro.
Pol-a mañán Samuel Kupper recibiu un aviso de desafío. Un novo boxeador ruso, Alexis Karbin, quería loitar e xa estaba en San Francisco. Telegráficamente fixéronse y-aceutáronse condiciós.
O día d´a loita, n-o ring, Samuel Kupper veu diante de sí a un ardente rapaz de óllar duro e grande estatura. Kupper non tremeu. Era máis forte y-ó pouco de loitar reconoceu confiado a sua superioridade.
Alexis Karbin loitaba con todo o seu fogo, brincanco e batendo sin parar. Canso xa, chegou o instante en que os puños de aceiro de Samuel Kupper iban a mallar a eito n-as meixelas e n-o peito do rapás ruso. Encollido, esperaba o golpe… y-estonces Samuel Kupper veu n-aqueles óllos o óllar de tristura do vello que petara na sua porta y-a loita de desesperación e d´espranto d´a mociña, e lembrouse da sua granxa, as pradeiras, o crego seu amigo, o libro santo, o vento mainiño… E baixou os brazos…
Como un lostrego ergueuse Alexis Karbin e bateu un soilo e seguro golpe n-o peito de samuel Kupper. Caiu no chan… Contáronse os segundos… estaba Knock-out… A xente levouse n-o aire ó ruso trunfadore…
Samuel Kupper soilo, magoado n-a y-alma, foise pr´á inmesidade d´os campos do seu Far-West…
Topou ó vello y-á mociña. Ampara a ún, e dalle amor á outra.
Inda hoxe non se decata de si foi forte ou debel, de si é un derrotado ou un vencedore.
Antón LOSADA DIÉGUEZ
Notas
editar- ↑ "Conto sinxelo" (n.º 3 da revista Nós) en Galiciana, Biblioteca de Galicia.