Conto vello...       Alfredo Nan de Allariz       1916
 


Eco de Galicia n.º 15, A Habana, 14/10/1917.

   Contáronme o caso, xa fai unha chea de anos, en Carril.

   Eu non sei si iste feito é un conto ou si iste conto foi un feito verdadeiro. O velliño que mo contou, aseguroume que o caso fora visto polos seus propios ollos. Pro, si non é certo, ben podía selo.

   Atopábase a sazón na ría de Arousa unha escuadra ingresa en viaxe polas Rías Baixas, i entre algús cruceiros e acorazados había unha corbeta de vela, escola de «guardias marinas».

   Unha mañán estaban os ingreses facendo exercicios, cando acertou a pasar por alí rentes unha barca con algús pescadores, os que se quedaron embobados ollando as maniobras.

   O capitán do barco ingrés, que coma toda persona ilustrada falaba tamén o gallego, satisfeito de vérense ademirados, díxolle ó patrón da barca gallega:

   —Estas cousas solo as saben face-los nosos mariñeiros.

   Pro o noso peisano, picado por aquela baladronada, respondeulle:

   —Todo o que poida facer un mariñeiro ingrés, pódeo facer, e inda máis tamén, calquera dos meus mariñeiros.

   —Tiña que velo.

   —Pois cando queira.

   —Agora mesmo.

   —Pois xa, xa, que logo é tarde. ¿E van apostados seis netos de viño?

   —Pois van.

   O capitán ingrés deu algunhas ordes, e deseguida un dos seus mariñeiros trepou coma un gato polo pau de proa enriba astra chegar á última gabia, pola que correu de pé dun lado a outro, e dempois de facer algunhas outras monicacadas baixou tranquilamente, dicindo con orgullo:

   —¡Que faga eso o gallego!

   —¡A ver, rapaces! —dixo o patrón da barca. Subitamente, un daqueles pescadores trepou ó barco de guerra, e coa mesma listeza con que o fixera o mariñeiro ingrés, subío polo pau, correu de pé pola gabia, e fixo algunhas outras monerías, pro, cando xa iba baixar, falloulle un pé e caíndo dende o alto, veu a dar sobre o toldo da cuberta de onde rolou ó chan.

   Os ingreses, ó velo caír, deron un ¡hurra! de trunfo; e cando coidaban que o gallego se esmiolara, o noso peisano erguéndose dun pulo e camiñando fachendoso, coma si tal cousa, cara á súa barca, respondeu moi serio e satisfeito:

   —¡Que faga eso o ingrés!


Publicado en
El Eco de Galicia (Buenos Aires) n.º 900, 30/10/2016 [1]
Republicado co título "Contiño vello" en


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.