Ensaios e poesías/A nosa língua


 





A NOSA LÍNGUA



I

     Galegos, amade a vosa língua, porque ela é un rico tesouro oculto! Amádea, faládea, cultivádea; desenterrade o tesouro que garda o gigante alarbio da tiranía.


II

     Fonte de fraternidade universal, únenos cos pobos de raza afin, co'os que teñen os mesmos verbes e a mesma historia, co'os que se espallaron pol-os mares en linda coroa. Fonte de fraternidade, a nosa língua será base para unha grande Iberia. Fonte de fraternidade, fará que as ideias e sentimentos humáns fluyan e batan nos nosos espritos dende a remota e legendaria India â Africa exhuberante e areosa e as selvas e planicies de América. Noso esprito, como un deus antigo, terá duas caras e ollará dous mundos.


III

     Alma nosa eres tí, língua que fuches creada na nosa historia, modo divino de expresión saído das entranas do pobo galego. Ou! ven a nós, lirismo arrecedente, agarimo das cántigas! Ou! ven a nós, lirismo exquisito dos cancioneiros! Vós donas, falade de aquel geito no que, como ningunhas, fúchedes loubadas! ¿Onde en Iberia puxeron os poetas n'os vosos beizos mais belos cantos de amores? ¿Onde se cantou mais íntimamente a Nai das nais, a Nai María? ¡Donas galegas, falade galego!


IV

     ¡Amade a nosa língua, os entusiastas da nosa grandeza nacional! O rey cercou a Sevilla; as naos soben o río e ja chegan enfeitadas de froles. Briosas van as naves de Chariño, o almirante poeta das saudosas barcarolas; rompen as cadeias que pechan o Gaudalquivir as primeiras a vanguardia. E os galegos saúdan a Sevilla como sua e a fala do noroeste resoa a primeira nas veigas sempre fecundas dos laranjals e das prateadas oliveiras!


V

    Língua, canto eterno de traballo, dos homildes, dos amigos da terra fecunda, prados verdecentes, douradas espigas e fragas rumorosas, do taller en que mil cousas giran e bruan, da mareira labore fatigosa dos que en levianas barcas camiñan sobre as ondas escumantes. Língua real, non falsaria es tí, a dos que amamos o heroísmo calado de todol'os días.


VI

     Galegos, amade, cultivade o rico tesouro da nosa língua. So falando-a seredes libres, ja que o home sen raza é unha abstracción. ¡Orgullo de raza eu vos pido! Ser libres e sel-o como homes, como raza e como individuo. E lembrádevos que dí Goethe: "So aquel que soubo conquerir cada día a sua libertade e dino de ser libre".


VII

     Palabra, tí que tes as aas cor de iris no ceu, vai d'alma en alma, petando a porta e dicindo: "espertade galegos, os tempos son chegados".






     Publicado en "A Nosa Terra" o 20 de Abril de 1918.