Ensaios e poesías/Da renascencia lingüística



DA RENASCENCIA LINGÜÍSTICA



I

     ¡Para os tempos novos fala nova! O galego é algo que se fai, que se crea, non algo feito. Mais pra facel-o hay que coñecer as suas posibilidades actuaes (a sua gramática) e as suas posibilidades futuras en germe n'as actuaes (o seu dinamismo).

II

     Gramática Galega temo-l-a. A de Saco de Arce, aínda que vella, é aproveitable. Ademais temos as gramáticas portuguesas, que moito nos poden ensinar. E o mismo digo d'os diccionarios.-E que os novos fagan novas gramáticas e diccionarios novos!

III

     Canto ao léxico, as verbas e a súa pureza, quero facer que se enserga que non debemos de atermos â realidade lingüistica d'hoge, sobre todo a impura d'as vilas. Leamos os testos antigos e clásicos. Vede, por exemplo: uns escreben conocer, outros conecer, na gramática de Saco de Arce e en Sarmiento atopamos a verdadeira forma: coñecer. E así sempre; ou nos testos ou nas referencias a iles acharedes as formas puras. Senon ide buscal-as ao portugués.

IV

     Eu escrebo os pluraes galegos, n'os casos correspondentes, en aes e non en as. Porque: 1) É a forma mais prosima ó portugués e ajuda a mais ser comprendida a nosa língua. 2) É a forma que existiu ate o século XV no que alterna con os pluraes as (así p. ex., sinais e sinás usaronse ao mesmo tempo). 3) Oradores de fonética, de pronuncia pura (por ex., o meu amigo Peña Novo) tende a pronunciar os pruraes á portuguesa; así dín sinais, escrito sinaes. Esto penso eu que é a pronuncia futura. Cada un pronuncie como queira! (*)

V

     Mui ben dí meu amigo Correa Calderón: temos que crear o galego do noso século! Eu engado: o galego integralmente, no seu léxico, na sua gramática, na sua pronuncia. Esta pronuncia ou dicción nosa ten de ser o selo d'os galegos escolleitos. Debemos, non so pronunciar millor, senon darmos unha maior riqueza fonética no galego. ¡E isto pode ser! Do século XV ao XVI cambio totalmente a fonética do castelán, aínda que os gramáticos académicos favorecían a conservación d'antiga pronuncia. ¡Liberemonos da fonética casteláa e depuremos a nosa!

VI

     ¿Qué quer decir vellos ou novos? Non os que teñen poucos e moitos anos, senon os jóvenes d'alma e os vellos d'esprito. Hai homes de vinte anos que son vellísimos, e vellos de oitenta que son aínda valentes rapaces!

VII

     ¿Que non temos clásicos galegos? Fagamos nosos os clásicos portugueses. Sobre todo Camoens pode ser o noso mestre!

VIII

     A ortografía etimológica debe se-la nosa. Nos é preciso estudala ¿Cómo? Aprendendo a escribir en portugués. Nós, galegos futuristas, temos de expresarnos indiferentemente en hespañol, galego, portugués e inglés. Estas catro línguas han-se d'ensinar na escola primaria. ¿Estravagancia? ¡Non! Fáise en Bélgica, en Suiza e outros países!


    Publicado en "A Nosa Terra" o 6 de Xaneiro de 1919.