Ensaios e poesías/Divagaciós engebristas



DIVAGACIÓS ENGEBRISTAS


I
DÚAS VERBAS

Modelo:Incompleto

I I
A OBRA DE CASTELAO

    Despois d'este curto prólogo vamos ás obras de Castelao, partida das miñas divagaciós d'oje. Todos istes dibujos que tendes diante son pequenos poemas ou poemetos, rejos, valentes, cada un d'eles admirabel como obra d'arte. Todos eles expoñen a vida de Galicia tan admirablemente que podían levar un nome sô e este seu título sería: "Nai Galicia". Eis por qué Castelao é noso, tan noso, porque a sua obra identifíca-se con Galicia mesma, de maneira que falar d'éll e falar de Galicia. E así veredes nestas miñas divagaciós cantas cousas estes poemetos dín-me.

I I I
LIRISMO

Modelo:Incompleto

I V
REVOLTA

Modelo:Incompleto

V
NACIONALISMO

    O nacionalismo de Castelao é agre! Probabelmente de todos os elementos do seu arte o máis difícil d'enxerguer na sua realidade é o nacionalismo. ¿Cómo temos que entender aquí o nacionalismo? Nacionalismo é afirmación de toda cousa nada nun pobo: dos seus costumes, das suas artes, da sua fala, e inda máis aló d'esta afirmación, é progredir para esta afirmación cada vez máis alta, máis grande. Algúns sinten que isto é unha regresión, unha volta atrás ou unha rachadura perigosa! ¿Cómo pode s'entender na sua verdadeira esencia o nacionalismo e, pol-o tanto, o de Castelao? En poucas palabras quero eu falar-vos agora desto:

    Có comenzó do século XIX, xurdíu no pensamento human o que se acostuma a chamar senso histórico. ¿Qué é o senso histórico? O coñecimento de que toda producción humá, ou mellor, de que toda existencialidade humá, pol-o tanto a nación, ten o seu proceso histórico, desenvolve-se históricamente. O senso histórico val, pois, para a vida de Galicia como para a d'outro pobo. É dicir, con toda a sua cultura, somente s'explica considerándo-a nun desenvolvimento progredente, nunha superación no tempo. O senso histórico fai comprensiva toda forma huma e déixanos abranguer unha conceición universal da humanidade. Goethe dicía nunha poesía, que leva por epígrafe, por certo, o título de "Moderno", o que sigue:

    "¿Cómo pódese comparar Hans van Eyck con Fidias? Eu vos insino que debe s'esquecer un pol-o outro. Se considerásedes sempre un deles ¿poderíase aínda estímalo? Asín é o arte, asín o mundo: cada cousa agrada en virtude das outras cousas."

    Asín é o mundo e asín é o arte: evolución, proceso, recoñece Hegel, que tenciona o expôr loxicamente.

    A humanidade, unha en ideia, desfai-se na sua realización en momentos concretos e individuaes. Individualidades que ven a coincidir en pontos centraes, naciós, que son os pontaes verdadeiros da cultura. Pois en derradeira instancia ¿onde se basa, comercio, cencia e outras actividades humáns, senón nas naciós?

    A humanidade, para cumprir todas as promesas que leva en potencia (pois antes de ser ¿onde xaz?) desfai-se en naciós. Xa a vida precisa, para ser, do principio de individuación, ou sexa, de ser como individuo ou concreciós de individuos. O mesmo principio é o da evolución humá, que tamén é cósmica, é dicir, unha parte do proceso universal.

    Como vedes, o meu nacionalismo ten unha base cósmica e metafísica. A humanidade desfaise en naciós, porque precisa órgaos. As naciós son, pois, órgaos da humanidade. Elas fan todo o que é facedoiro en cada tempo. Non nun momento de tempo, senón no se sucederen dos tempos. E aquí tamén, cada unha ten sua misión; e cando a sua misión fina, morre! Mais a misión de Galicia chega e por isto rexurde. S'é lei o se desfacer a humanidade en naciós, e preciso por isto s'oporen entre sí as naciós; d'aquí os conflictos por veces, chegando até o sanguiñento, até as duras verbas e os exclusivismos.

    Mais a humanidade non pode ficar aquí na sua marcha; ten que ir alén, porque no seu seo radica a saudade d'armonía. A contraposición na multiplicidade das naciós ten-se que resolver nunha nova unidade. ¿E qué pode ser esta unidade? Fixádevos ben e sera-vos evidente: esta unificación non ha de ser máis que a volta de todas as naciós ao seo da humanidade mesma. Mais estas naciós non poden deixar o seu ser, pois réxen-se pol-a lei suprema da individualidade (todo o que é, é como individuo). ¿Cómo voltar, pois, ao seo human? Creando unha nova individualidade superior: a humanidade mesma, a armonía das diversas naciós.

    Un exemplo o tendes no individuo humán. Un home que se desen-volve tamén históricamente non pode ser máis que como indivíduo, como tal home concreto, no seu individualismo, pol-o dicir asín. Ele ten que ser tal ou cal indivíduo, non pode ser nen seu pai nen seu irmao, nen seu amigo; nen aínda o amante, se non pode facer un só ser coa sua ben amada! (Os amantes quixeran ser somente un, con duas almas. E con duas almas, porque con unha, ou tristura, non poden vivir.) Ser indivíduo é ser, é lei de ser; ¿máis cómo sae o indivíduo de sí mesmo, deste seu isolamente que xa ás veces lle doi? ¿É deixando de ser o seu propio ser? Non; é sendo ele craramente. Nas máis grandes crises, nas máis grandes oposiciós, sinte o seu ataxe ideal côs outros. E erguéndose sobre sí, entrando en relaciós cós outros, forma unha realidade superior; fundamentalmente na nación nacería primeiramente, despois na humanidade. E asín como o individuo a nación, que tamén é, procede. E non podo entreterme más nisto.

    Resumindo: o descompoñimento en naciós é un momento capital no proceso da humanidade, porque a nación é órgao da humanidade neste proceso. A nación é, pois, esencial.

    Por esto pode calqueira xuntar en sí mesmo o universalismo e o nacionalismo, e sendo nacionalista, facer sua, con todas as suas consecuencias, a sentencia antiga de Demócrito que di que "a patria d´unha alma nobre é o mundo enteiro". Por iso pódese ser universalista (porque en calqueira momento da evolución espritoal se descobre a humanidade) e nacionalista ao mesmo tempo, nun senso infindo ou ontolóxico, en canto recoñece ser preciso para a humanidade se facer en naciós, en proceso infindo, para cumprir a sua obra. Deste xeito é-se nacionalista primeiramente en Galicia, mais despois tamén en Irlanda, Polonia, Exipto, en Finlandia ou Letonia, pois a alma, recorrendo o mundo, entende necesariamente cada nación. Tamén eiquí ten a sua esplicación o feito que ao mesmo tempo que coa guerra actual xurdían tantas novas naciós no mundo, se acentuase o movimento internacionalista. Nación e humanidade son termos correlativos.

    Este é o nacionalismo cósmico e metafísico que vexo eu na obra de Castelao: Galicia ten que ser, debe ser, porque é un momento esencial no progredir da humanidade.

    Mais non abonda c'unha posición negativa. Máis non abonda c'unha afirmación escrusiva. Temos que dar un paso máis adiante. Este paso é de síntese, d'armonía: este paso é un paso para a outra vez ó seo da humanidade. Porque, supoño que xa vos teredes decatado, o nacionalismo non é, políticamente, separatista; según os seus principios mesmos filosóficos o nacionalismo, frente a todo separatismo, é unionista. Toda nación háchase comprendida no seo da humanidade. Mais antes de chegar a esta sua comprensión suprema, a esta sua organización suprema (organización que eu presinto non só como política, senón como ideal), pode entrar noutros enlaces unha nación, por novos ataxes, podíamos dicir históricos, que a obrigan. Xurde entón o nexo federativo, e como as naciós se complementan na humanidade, comenza a sua complementación históricamente necesaria, nas federados. De maneira que a estridencia nacionalista resólve-se, como un acorde disonante, nunha consonancia federalista. No caso concreto de que tratamos, no caso de Galicia, nunha federación ibérica, máis grande, máis fecunda, que esta unidade de forza (xa ben vella) que se chama o reino unido de Castela e Aragón, feita no século XV pol-os Reis Católicos, que máis vale esquecer nesta terra que eles asoballaran!

VI
NACIONALISMO E ARTE

    Por outra parte, o nacionalismo, sendo evolución, é-o pol-o tanto de produción: é fonte da productividade estética. Supondo un home músico, d'alma música (é dicir, no senso anterior da nosa alma) facéde-lle traballar no arte contra da sua propia lei e individualidade, facéde-lle proceder épicamente (no noso senso). ¿Qué xurdirá? Nada de valimento. Considerade agora un pobo na sua totalidade; facéde-lle proceder, por falla de cultura, ou por outro motivo semellante, imitativamente, fora da sua persoalidade. ¿Qué xurdirá? Obras de segundo orde. (¡Por desgracia temos tantas na nosa terra!) É por isto que a historia fala sempre en favor do artista que comprendeu o seu propio ser ou o artista de raza. Exemplos hai tantos que non teño tempo para os citar. Constituen eles a historia do arte nos seus momentos capitaes. Exporei-vos somente algúns contemporáneos e que todos coñecedes: Mistral hachou a alma de Provenza e escrebeu en Provenzal de maneira que foi, según din xa en Francia, o mellor do mellor. Ibsen, tan lído e relido xa oxe, ¿d'onde trai a sua fama máis que do descobrimento da alma noruega? Póde-se dicir o mesmo do suego Strindberg, por desgracia tan pouco coñecido e traducido entre nós. E como derradeiro caso: Rabindranath Tagore, o poeta máis universal dos nosos días, o admirado no mundo enteiro, o grande entre os grandes, ¿quén é? Un bengalí e que escrebe en bengalí, unha nobre lingua da India que cuase ninguén entende en Europa; un bengalí con toda a sua alma, que até non mira con moi bons ollos as cousas d'Europa. E este poeta chega xa, na sua fama, a ter un posto nas historias da filosofía (sobre d'ele acaba de s'escreber un libro agora que expon o seu pensamento filosófico). ¿Qué fixo Rabindranath? Descobríu a alma india, descobríu o seu propio ser e, coa fortaleza artística necesaria, cantoun-a nos seus versos.

    E o mesmo caso o tendes no nunca dabondo admirado Castelao. Ele tamén, o primeiro entre os pintores nosos, chegou ó fondo na nosa alma e soubo darlle o contorno que lle facía falla. Craro que non abonda mirar, ollar e indagar; fai falla ter talento, ter alma especial, ser poeta ou pintor. Mais tampouco isto abonda sen o outro. Castelao volveu sobre a sua raza e con un raro talento hachou un camiño. Mestre xa para os que veñan, quedará na nosa historia galaica como un criador e como un modelo. Modelo para todos os outros: de esforzo, traballo, procedimento e enerxía para descenderen ao máis fondo da nosa alma galega.

VII
SAUDO AOS ARTISTAS

Modelo:Incompleto


   Esta conferencia tivo lugar na exposición de obras de Castelao, na Coruña, e publicouse despois en " A Nosa Terra" o 1.º de abril de 1920.