Ensaios e poesías/O galego na escola
Falei ja na "Nosa Terra" da necesidade de introducir o galego na escola. ¿Cómo pode facerse isto? Craro é que non temos que pensar en suplantar o castelao nin moito menos. O único a intentare debe ser que a nosa língua non fique totalmente relegada. O porvir dirá si isto abonda. O primeiro paso para que o galego apareza na escola ha de consistir en que o mestre non prohiba ôs rapaces ou rapazas a espresión do pensamento espontáneo; é decir, na propia enxebre fala. ¡Cánto non se adiantaría pedagógicamente si tal se fixera en Galicia! Suprimir a formulación do pensar n'unha língua extraña é suprimir un dos impedimentos mais grandes para o pensar, ja que pensar e verbe van sempre íntimamente unidos. O mestre debe dar ainda outro paso. Cando seja totalmente preciso, como sucede no insino dos nenos que comenzan a frecuentar a escola, non deben evitar falar en galego anque o fale sômente como línguage auxiliar.
Mais o antes dito non basta. A educación estética da infancia e a sua educación lingüística requiren que levemos â escola a poesía, en gêral a literatura popular ou case popular, e a cántiga popular. Sería un traballo interesante facer unha antología literaria e musical literaria galega para a nosa escola que permitira realizar o proyeito que expoño. Estéticamente nada pode producir un efeuto mais grande que o arte nado da y-alma do pobo; lingüisticamente un galego puro e belo, depuraría a fala actual. Ademais deberíase facer escreber ôs rapaces as poesías lidas ou cantadas e afacelos asin a empregar como língua escrita a sua propia.
Condición indispensable para o denantes exposto é que o mestre en Galicia seipa o galego e isto non abrangueráse verdadeiramente sinon exigindollo nas oposición como unha materia do cuestionario e creando cadeiras de língua e literatura galega nas escolas Normaes. Non se trata de ningunha grande asignatura; o que cobizo e sômente que a mestra ou mestre escreban ou falen correctamente a língua do povo e coñezan o mais importante da sua literatura.
Repito o que outras veces dixen: non se trata aquí d'unha aspiración puramente sentimental. Trátase d'unha exigencia pedagógica que é preciso falar en galego para chegar â y-alma do neno galego, e aumento de potencialidade do discípulo, porque un galego bilingüe ten abertos ante si os países de língua española e portuguesa e pol-o memsmo é moito mais útil e eficaz para España.
Non podo pretender que meu plan lévese a práctica inmediata e totalmente. Precisamos ir facendo ensaios escollendo as localidades e a ocasión. Hay oje mestres que saben o galego e hay escolas normaes en que a introducción do seu ensino non se hacharía difícil. Lembrémonos ademais que existen en Galicia moitas escolas privadas, que non son do Estado, (un dos fenómenos máis interesantes da nosa vida educacional) e que n'estas encontraríamos un bon terreo para o galeguismo. Fai falla eiquí, como en todo traballo renovador, tacto, constancia e entusiasmo.
Publicado en "A Nosa Terra" o 30 de decembro de 1917.