Ensaios e poesías/Sonetos




S O N E T O S



I


Para un país longincuo e misterioso
en vagos soños emigra cada día
miña alma, cal linda cotovía
buscando o ceu en tempo deleitoso.

Ligeira, vai voando ao cobizoso
curruncho, todo ben e louzanía,
en brétemas envolto de poesía,
abalado d'un cántico armonioso.

¿Sabes tí onde queda, miña amada,
este país d'unha eternal ventura
que nunca o foi, nin o será, igualada?

Nos brancos brazos teus todos tenrura,
no amoroso fulgor de tua mirada,
dos teus beizos na cálida dozura.


I I

Anuncia o merlo no souto alegremente
o sol da ben chegada primaveira
e trina a laberquiña de âs ligeira
cara'o espacio azul e trasparente.

A tí vai meu esprito diligente,
cal a píllara busca na ribeira
o achego do seu niño, cantareira;
en tí quere ficar eternamente.

E mentres a cobiza d'esta vida
infunde n'os seus fillos natureza,
a miña esperanza está cumprida

d'os teus ollos profundos na beleza,
onde brilla existencia nunca ouvida
de sabencia, bondade e fortaleza.