This is an unofficial translation of the GNU General Public License into galician. It was not published by the Free Software Foundation, and does not legally state the distribution terms for software that uses the GNU GPL—only the original English text of the GNU GPL does that. However, we hope that this translation will help galician speakers understand the GNU GPL better.

A presente é unha tradución non oficial da licenza pública xeral de GNU ao galego. Non foi publicada pola Fundación para o Software Libre nin estabelece legalmente os termos de difusión para o software que se rexa pola licenza pública xeral de GNU (GNU GPL, polas súas siglas en inglés); a única que o fai é a versión orixinal en inglés da GNU GPL. No entanto, esperamos que esta tradución axude as e os galegofalantes a comprender mellor a GNU GPL.

LICENZA PÚBLICA XERAL DE GNU

Versión 3, 29 de xuño de 2007

Copyright © 2007 Free Software Foundation, Inc <http://fsf.org/> .

Autorízase a reprodución e difusión das copias do presente documento de licenza, pero prohíbese a modificación de calquera das súas partes.

Preámbulo

A licenza pública xeral de GNU (GNU GPL, polas súas siglas en inglés) é unha licenza libre e gratuíta con dereito de copia para software (soporte lóxico) e outros tipos de obras.

As licenzas para a maioría do software e outras obras de índole práctica están deseñadas para privar ás persoas da liberdade para difundir e modificar as obras. Pola contra, a licenza pública xeral de GNU garante a libre distribución e modificación de todas as versións dun programa, co fin de asegurarlle a dita liberdade a todas as persoas usuarias. Na Fundación para o Software Libre utilizamos a Licenza Pública Xeneral de GNU para a maioría do noso software; tamén se lle aplica a calquera outra obra publicada desta maneira polos seus autores ou autoras. Vostede tamén pode aplicala aos seus programas.

Cando falamos de software libre, referímonos á liberdade, non ao prezo. As nosas licenzas públicas xerais están deseñadas para garantirlle a vostede a liberdade de distribuír copias de software libre (e cobrar por elas, se así o desexa), obter o código fonte, ou ter a posibilidade de obtelo, modificar o software ou utilizar partes del en novos programas libres, e saber que pode facer estas cousas.

Para protexer os seus dereitos, necesitamos evitar que outras persoas ou entidades lle neguen estes dereitos ou lle pidan que renuncie a eles. Por tanto, no caso de que vostede distribúa ou modifique este software, terá certas responsabilidades co fin de garantir a liberdade de uso.

Por exemplo, se vostede distribúe copias dun programa desta natureza, xa sexa de forma gratuíta ou a cambio de diñeiro, debe estender ás persoas destinatarias do software (soporte lóxico) as mesmas liberdades que lle foron outorgadas a vostede. Debe asegurarse de que tamén reciban ou teñan a posibilidade de obter o código fonte. E debe mostrarlles os presentes termos co fin de que coñezan os seus dereitos.

As persoas ou entidades desenvolvedoras que utilizan a GNU GPL seguen dous pasos para protexer os dereitos que vostede recibe: (1) declarar os dereitos de autoría do software, e (2) ofrecerlle esta licenza para que vostede poida copiar, distribuír e/ou modificar o software legalmente.

Para protexer o desenvolvemento e a autoría, a GPL explica claramente que non se ofrecen garantías por este software libre. Polo ben do público usuario e da protección da autoría, a GPL esixe que as versións modificadas se identifiquen como tales, de modo que os problemas que poidan conter estas versións non se lles atribúan erroneamente ás persoas desenvolvedoras de versións anteriores.

Existen algúns dispositivos deseñados para negarlles ás persoas usuarias o acceso para instalar ou executar versións modificadas do software que conteñen, mentres que a industria pode facelo. Isto é esencialmente incompatíbel co obxectivo de protexer a liberdade das persoas usuarias para modificar o software. O patrón sistemático de tal abuso dáse na área de produtos para o uso por parte de persoas a nivel individual, precisamente unha área na cal se volve máis inaceptábel. Por tanto, deseñamos esta versión da GPL co fin de prohibir a práctica en tales produtos. No caso de que eses problemas xurdisen noutras esferas, existe pola nosa parte unha vontade de atender a este tipo de casos en futuras versións da GPL, segundo se requira para protexer a liberdade das persoas usuarias.

Por último, todos os programas se ven ameazados constantemente por patentes de software. Os estados non deberían permitirlles ás patentes restrinxir o desenvolvemento e o uso de software en computadores para fins xerais, pero, no caso de que isto suceda, desexamos evitar o risco especial de que as patentes que se lle apliquen a un programa libre efectivamente outorguen tal exclusividade. Para logralo, a GPL garante a imposibilidade do uso das patentes para apropiarse dun programa e restrinxir devandita liberdade.

A continuación, inclúense os termos e condicións particulares para a reprodución, distribución e modificación do software.

TERMOS E E CONDICIÓNS

0. Definicións

Por "licenza" enténdese a versión 3 da licenza pública xeral de GNU.

O termo "copyright" (dereitos de autoría) tamén se estende ás leis que protexen estes dereitos para outros tipos de obras, tales como deseños de circuítos integrados sobre placas semicondutoras.

Por "programa" enténdese calquera obra incluída nesta licenza sobre a que se poidan exercer dereitos de autoría. Para referirnos a cada persoa licenciataria, utilizamos o termo "vostede". As persoas licenciatarias ou destinatarias poden ser persoas ou organizacións.

Por modificar unha obra enténdese o proceso de copiar ou adaptar unha obra en forma parcial ou total dun modo que requira autorización de copyright e que non sexa a reprodución dunha copia exacta. A obra resultante é unha versión modificada da obra anterior ou unha obra baseada na a obra anterior.

Por obra cuberta enténdese o programa sen modificacións ou unha obra baseada no programa.

Por propagar unha obra enténdese calquera acción sobre ela que, no caso de non ter autorización, puidese implicar responsabilidade, xa sexa de forma directa ou indirecta, de infrinxir as leis de dereitos de autoría aplicábeis, salvo que tal acción se realice nun computador ou se modifique unha copia privada. A propagación inclúe a reprodución, distribución (con ou sen modificacións), divulgación e, nalgúns países, outras actividades tamén.

Por transmitir unha obra enténdese calquera tipo de propagación que lle permita a unha terceira persoa ou entidade facer ou recibir copias. A mera interacción cunha persoa usuaria a través dunha rede informática, cando non se transfire unha copia, non se considera unha transmisión.

Unha interface de persoa usuaria interactiva mostra avisos legais apropiados na medida en que, dun modo práctico e ben visíbel, (1) mostre un aviso de copyright apropiado e (2) informe a persoa usuaria de que non se ofrecen garantías pola obra (salvante que efectivamente se ofrezan garantías) e que as persoas licenciatarias poden transmitir a obra conforme as disposicións desta licenza, ademais de mostrar a forma en que se pode consultar unha copia desta licenza. Se a interface presenta unha lista de comandos da persoa usuaria ou opcións, tales como un menú, a lista debe incluír un ítem visíbel que cumpra con este criterio.


1. Código fonte

O código fonte dunha obra é o formato preferido da obra para realizar modificacións nela. Por código obxecto enténdese calquera formato dunha obra que non sexa código fonte.

Unha interface estándar é unha interface que pode ser unha norma oficial, segundo o defina un organismo de normas recoñecido, ou ben, no caso de interfaces específicas para unha linguaxe de programación particular, unha interface de uso xeneralizado entre as persoas desenvolvedoras que traballan con esa linguaxe.

As bibliotecas de sistema dunha obra executábel comprenden calquera cousa, non sendo a obra na súa totalidade, que (a) inclúa na forma normal de empaquetamento do compoñente principal, pero que non sexa por si mesma o compoñente principal, e (b) sirva unicamente para permitir o uso da obra con tal compoñente principal ou para implementar unha interface estándar para a cal exista a disposición do público unha implementación en forma de código fonte. Un compoñente principal, neste contexto, é un compoñente fundamental (núcleo, sistema de xanelas, etc.) do sistema operativo específico (se houber) no que funcione a obra executábel, ou un compilador utilizado para producir a obra, ou un intérprete de código obxecto utilizado para executalo.

A fonte correspondente para unha obra en código obxecto refírese a todo o código fonte necesario para xerar, instalar e (para unha obra executábel) executar o código obxecto e modificar a obra, incluídas as secuencias de comandos para controlar esas actividades. Con todo, non inclúe as bibliotecas de sistema da obra, así como tampouco ferramentas de aplicación xeral ou programas libres xeralmente dispoñíbeis que se utilicen sen modificacións para realizar esas actividades pero que non formen parte da obra. Por exemplo, a fonte correspondente inclúe os arquivos de definición de interface asociados aos arquivos fonte para a obra, así como o código fonte para as bibliotecas compartidas e os subprogramas vinculados de forma dinámica requiridos especificamente conforme ao seu deseño, por exemplo, mediante a comunicación de datos intrínseca ou o control de fluxo entre eses subprogramas e outras partes da obra.

A fonte correspondente non necesita incluír nada que as persoas usuarias poidan rexenerar automaticamente doutras partes da fonte correspondente.

A fonte correspondente para unha obra en código fonte é esa mesma obra.


2. Permisos básicos

Todos os dereitos que se outorgan conforme a esta licenza outórganse coa protección do copyright que ampara o programa e son irrevogábeis cando se cumpran as condicións estabelecidas. Esta licenza autoriza en forma expresa e ilimitada a executar o programa sen modificacións. O produto obtido a partir da execución dunha obra amparada está cuberto por esta licenza unicamente se o produto, dado o seu contido, constitúe unha obra amparada. Esta licenza recoñece os seus dereitos de uso razoábel e outros equivalentes, conforme as leis de copyright.

Vostede pode crear, executar e propagar obras amparadas que non transmita, sen condicións na medida en que a súa licenza siga vixente dalgunha outra maneira. Vostede pode transmitir obras amparadas a terceiras persoas co único fin de que estes realicen modificacións exclusivamente para vostede, ou que lle proporcionen os medios para executar esas obras, con tal de que vostede cumpra cos termos desta licenza no que respecta á transmisión de calquera material que exceda o seu control do copyright. Quen desta maneira creen ou executen as obras amparadas para vostede deben facelo exclusivamente no seu nome, baixo a súa dirección e control e sobre a base de termos que lles prohiban facer copias do seu material protexido por dereitos de autoría fóra da relación que manteñen con vostede.

A transmisión baixo calquera outra circunstancia permítese unicamente conforme ás condicións que se describen a continuación. Prohíbese sublicenciar; a sección 10 fai que sexa innecesario.

3. Protección dos dereitos legais das persoas usuarias fronte á Lei antievasión

Ningunha obra amparada se considerará parte dunha medida tecnolóxica efectiva conforme a calquera lei aplicábel que cumpra as obrigas do artigo 11 do tratado de copyright OMPI (Organización Mundial da Propiedade Intelectual, WIPO polas súas siglas en inglés) adoptado o 20 de decembro de 1996 ou a leis similares que prohiban ou restrinxan a evasión de devanditas medidas.

Cando vostede transmite unha obra amparada, renuncia a calquera facultade legal de prohibir a evasión de medidas tecnolóxicas na medida en que a evasión se realice ao facer uso dos dereitos que se outorgan conforme a esta licenza con respecto á obra amparada, e nega calquera intención de restrinxir o uso ou a modificación da obra como unha forma de facer valer, en contra das persoas usuarias da obra, os seus dereitos legais ou os dereitos legais de terceiras partes para prohibir a evasión de medidas tecnolóxicas.


4. Transmisión de copias literais

Vostede pode transmitir copias literais do código fonte do programa tal cal o reciba, por calquera medio, coa condición de que publique dun modo visíbel e adecuado un aviso de copyright apropiado en cada copia; manteña intactos todos os avisos que estabelecen que esta licenza e calquera termo non-permisivo que se agregue conforme á sección 7 se lle aplican ao código; manteña intactos todos os avisos mediante os cales se nega calquera tipo de garantía; e lles proporcione a todas as persoas destinatarias unha copia desta licenza xunto co programa.

Vostede pode cobrar o prezo que vostede desexe ou non cobrar nada por cada copia que transmita, e pode ofrecer mantemento ou protección de garantía a cambio dunha tarifa.


5. Transmisión de versións modificadas do código fonte

Vostede pode transmitir unha obra baseada no programa, ou as modificacións para producilo a partir do programa, en forma de código fonte conforme os termos da sección 4, coa condición de que tamén cumpra con todas as condicións que se inclúen a continuación:

   * a) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que a modificou e que inclúa a data
correspondente.
   * b) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que se realiza conforme a esta licenza e a
todas as condicións que se agreguen baixo a sección 7. Este requirimento modifica o requirimento da sección
4 que estabelece que se deben manter intactos todos os avisos.
   * c) Debe outorgar unha licenza pola obra completa, en forma íntegra, conforme a esta licenza, a
calquera terceira persoa que adquira unha copia. Por tanto, esta licenza, xunto con calquera termo adicional
aplicábel da sección 7, aplícaselle á obra na súa totalidade e a todas as súas partes, independentemente do 
modo en que se empaqueten. Esta licenza non autoriza para outorgar licenzas para a obra de ningún outro modo, 
pero non invalida esa autorización se vostede a recibiu por separado.
   * d) Se a obra tivese interfaces de usuario ou usuaria interactivas, cada unha delas deberá mostrar os
avisos legais apropiados. No entanto, se o programa tivese interfaces interactivas que non mostraren avisos
legais apropiados, non necesita incluílos.

Denomínase conxunto á compilación dunha obra cuberta con outras obras diferentes e independentes que pola súa natureza non sexan extensións da obra cuberta nin se combinen con ela para formar un programa máis grande nun volume dun medio de distribución ou almacenamento, se a compilación e o copyright consecuente non se utilizan para restrinxir o acceso ou os dereitos legais das persoas usuarias da compilación alén do que permitan as obras individuais. A inclusión dunha obra incluída nun conxunto non implica que esta licenza se lle aplique ás outras partes do conxunto.


6. Transmisión de códigos que non son códigos fonte

Vostede pode transmitir unha obra cuberta en código obxecto conforme os termos das seccións 4 e 5, a condición de que tamén transmita a fonte correspondente lexíbel por máquina conforme os termos desta licenza, dalgunha das seguintes maneiras:

   * a) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución)
ou incorporado a este, acompañado da fonte correspondente nun medio físico duradeiro habitual para o
intercambio de software.
   * b) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución)
ou incorporado a este, acompañado dunha oferta escrita, que sexa válida por un prazo mínimo de tres anos e
polo tempo que vostede ofreza repostos ou servizo técnico para ese modelo do produto, para proporcionarlle
a calquera persoa que posúa o código obxecto (1) unha copia da fonte correspondente para todo o software do
produto que estea cuberto por esta licenza, nun medio físico duradeiro habitual para o intercambio de
software, a cambio dun prezo que non exceda o custo razoábel da acción física de transmitir esta fonte, ou
(2) acceso á copia da fonte correspondente desde un servidor de rede sen custo ningún.
   * c) Transmisión de copias individuais do código obxecto xunto cunha copia da oferta escrita para
proporcionar a fonte correspondente. Esta opción permítese unicamente en ocasións e para fins non comerciais,
e só na medida en que vostede reciba o código obxecto cunha oferta desta natureza, conforme á subsección 6b.
   * d) Transmisión do código obxecto ofrecendo acceso desde un lugar determinado (en forma gratuíta ou
onerosa) e ofrecendo un acceso equivalente á fonte correspondente do mesmo xeito e desde o mesmo lugar sen
custo adicional. Non é necesario que lles esixa ás persoas destinatarias que copien a fonte correspondente
xunto co código obxecto. Se o lugar ofrecido para copiar o código obxecto fose un servidor de rede, a fonte 

correspondente poderá estar nun servidor diferente (operado por vostede ou por unha terceira persoa) que ofreza posibilidades de reprodución equivalentes, coa condición de que se inclúan, xunto co código obxecto, instrucións claras para atopar a fonte correspondente. Independentemente de qué servidor aloxa a fonte correspondente, vostede mantén a obriga de se asegurar de que estea dispoñíbel polo tempo que sexa necesario para satisfacer estes requirimentos.

   * e) Transmisión do código obxecto mediante transferencia entre persoas usuarias (peer to peer), coa
condición de que se lles informe da situación do código obxecto e a fonte correspondente da obra para o
público en xeral sen custo ningún conforme á subsección 6d.

Non se precisa incluír unha parte separábel do código obxecto, de código fonte excluído da fonte correspondente como unha biblioteca de sistemas, para transmitir o código obxecto da obra.

Por produto de persoa usuaria enténdese (1) un produto de consumo, que é calquera ben persoal tanxíbel que se utilice habitualmente para fins persoais, familiares ou domésticos, ou (2) calquera cousa que se deseñe ou comercialice para a súa incorporación nunha vivenda. Ao determinar se un produto é un produto de consumo, os casos dubidosos deberán resolverse a prol da cobertura. Para un produto específico que recibe unha persoa usuaria particular, un uso habitual é o uso común ou típico que se lle adoita dar a ese tipo de produto, independentemente da condición da persoa usuaria particular ou da forma en que a persoa usuaria particular utilice o produto ou das expectativas propias ou doutras persoas respecto do uso do produto. Un produto considérase un produto de consumo independentemente de que que se lle poida dar usos substanciais de índole comercial, industrial ou alleos ao consumo, non sendo que eses usos representen o único modo significativo de utilizar o produto.

Por información de instalación dun produto de usuario ou usuaria enténdese calquera método, procedemento, clave de autorización ou outro tipo de información requirida para instalar e executar versións modificadas dunha obra cuberta en tal produto de usuario ou usuaria a partir dunha versión modificada da súa fonte correspondente. A información debe ser suficiente para garantir que o funcionamento continuo do código obxecto modificado non se vexa afectado ou imposibilitado só polo feito de se ter realizado a modificación.

No caso de que vostede transmita o código obxecto dunha obra conforme a esta sección nun produto de usuario ou usuaria, xunto co produto da persoa usuaria ou especificamente para o seu uso nun produto de usuario ou usuaria, e a transmisión se produza como parte dunha transacción mediante a cal os dereitos de posesión e uso deste produto de persoa usuaria se lle transfiran á persoa destinataria por un prazo limitado ou ilimitado independentemente das particularidades da transacción), a fonte correspondente transmitida conforme a esta sección deberá ir acompañada da información de instalación. Con todo, este requirimento non se lle aplicará no caso de que nin vostede nin unha terceira persoa conserven a capacidade para instalar o código obxecto modificado no produto de usuario ou usuaria (por exemplo, que a obra se instalase en memoria ROM).

O requirimento de proporcionar información de instalación non implica a necesidade de seguir provendo servizo técnico, garantías ou actualizacións para unha obra que sexa modificada ou instalada pola persoa destinataria ou para o produto de persoa usuaria no cal a modificou ou instalou. Poderá negarse o acceso a unha rede cando a modificación en si mesma poida afectar dun modo adverso e substancial o funcionamento da rede ou infrinxa as normas e os protocolos de comunicación a través da rede.

A fonte correspondente que se transmita e a información de instalación que se proporcione conforme a esta sección deberán presentarse nun formato sobre o cal exista documentación pública (e cunha implementación dispoñíbel para o público en código fonte) e non deberán requirir ningunha clave ou contrasinal especial para o seu desempaquetado, lectura ou reprodución.


7. Termos adicionais

Os permisos adicionais son termos que complementan os termos desta licenza ao permitir excepcións a unha ou máis condicións. Os permisos adicionais que se lle aplican ao programa na súa totalidade deberán tratarse coma se formasen parte desta licenza, na medida en que sexan válidos conforme as leis aplicábeis. No caso de que os permisos adicionais se apliquen unicamente a unha parte do programa, esta parte poderá utilizarse por separado conforme a eses permisos, pero o programa na súa totalidade seguirá rexéndose de acordo con esta licenza independentemente dos permisos adicionais.

Cando vostede transmita unha copia dunha obra cuberta, poderá optar por eliminar calquera permiso adicional da copia ou de calquera parte dela (en certos casos, cando vostede modifique a obra, poderán estabelecerse permisos adicionais para requirir a súa eliminación). Ten autorización para incluír permisos adicionais nun material que vostede agregue a unha obra cuberta e sobre o cal vostede posúa ou poida outorgar permisos de copyright apropiados.

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, respecto do material que vostede agregue a unha obra cuberta, vostede poderá (na medida en que o autoricen as persoas titulares dos dereitos de copyright do dito material) complementar os termos desta licenza cos seguintes termos:

   * a) Ausencia de garantías ou limitación da responsabilidade alén dos termos das seccións 15 e 16 desta
licenza; ou
   * b) Obriga de conservación de atribucións de autoría ou avisos legais razoábeis específicos no dito
material ou nos avisos legais apropiados que se mostren nas obras que o conteñan; ou
   * c) Prohibición de terxiversación da orixe do material, ou requirimento de que nas versións modificadas
deste material se indique dun modo razoábel que son diferentes da versión orixinal; ou
   * d) Limitación do uso dos nomes das persoas licenciadoras ou autoras do material para fins publicitarios;
ou
   * e) Negativa respecto do outorgamento de dereitos conforme as leis de marcas para o uso de certos nomes
comerciais, marcas de produtos ou marcas de servizos; ou
   * f) Requirimento de indemnización das persoas licenciadoras ou autoras do material por parte de calquera
persoa que transmita o material (ou versións del modificadas) baixo presuncións contractuais de
responsabilidade das e dos destinatarios por calquera responsabilidade que esas presuncións contractuais
impoñan directamente sobre as e os licenciadores e sobre os autores ou autoras do material.

Calquera outro termo adicional non permisivo considerarase unha restrición adicional no contexto da sección 10. No caso de que o programa, tal cal vostede o recibiu, ou calquera parte del conteña un aviso que indique que se rexe segundo esta licenza xunto cun termo que constitúa unha restrición adicional, poderá eliminar o termo. No caso de que un documento de licenza conteña unha restrición adicional pero permita a extensión da licenza ou a transmisión do programa conforme a esta licenza, vostede poderalle agregar á obra cuberta calquera material conforme os termos dese documento de licenza, coa condición de que a restrición adicional non se manteña tras a extensión da licenza ou a transmisión do programa.

No caso de que vostede agregue termos a unha obra cuberta conforme a esta sección, deberá incluír nos arquivos fonte correspondentes unha declaración dos termos adicionais que se lle aplican aos arquivos ou un aviso que indique a localización dos termos aplicábeis.

Poderanse estabelecer termos adicionais, sexan estes permisivos ou non permisivos, nunha licenza escrita independente, ou a modo de excepcións; sexa como for, aplicaranse os requirimentos mencionados anteriormente.


8. Anulación

Vostede non está autorizado para propagar ou modificar unha obra cuberta de ningún outro modo que non se estipule nesta licenza. Calquera intento non autorizado por propagala ou modificala considerarase nulo e levará a anulación automática dos dereitos que lle outorgou esta licenza (incluída calquera licenza de patente outorgada conforme o parágrafo terceiro da sección 11).

No entanto, no caso de que deixe de violar as cláusulas desta licenza, unha persoa titular de dereitos de copyright particular poderá restituírlle a licenza (a) de forma provisoria, até tanto tal titular dea por finalizada a súa licenza de forma expresa e definitiva, e (b) de forma permanente, se esa persoa titular non notifica a infracción por algún medio razoábel antes dos 60 días posteriores á anulación.

Así tamén, a licenza que lle outorgue unha persoa titular de dereitos de copyright particular restituiráselle de forma permanente se a persoa titular lle notificar a infracción por algún medio razoábel, esta for a primeira vez que vostede recibise unha notificación de violación desta licenza (por calquera obra) emitida por esa persoa titular, e vostede emendase a infracción nun prazo de 30 días a partir da recepción da notificación.

A extinción dos seus dereitos conforme a esta sección non anula as licenzas daquelas terceiras persoas ás que vostede lles outorgou copias ou dereitos conforme esta licenza. No caso de que os seus dereitos se anulen e non se lle restitúan de forma permanente, vostede non estará capacitado para recibir novas licenzas para o mesmo material conforme á sección 10.


9. Aceptación innecesaria para a posesión de copias

Vostede non ten a obriga de aceptar esta licenza para poder recibir ou executar unha copia do programa. De modo similar, a propagación secundaria dunha obra amparada que se produza unicamente como consecuencia dunha transferencia entre persoas usuarias (peer to peer) co fin de recibir unha copia tampouco require aceptación. No entanto, esta licenza é o único que o autoriza a propagar ou modificar calquera obra cuberta. No caso de que vostede non acepte esta licenza, os actos anteriores representarán unha violación das leis de copyright. Por tanto, ao modificar ou propagar unha obra cuberta, vostede expresa a súa aceptación desta licenza para facelo.


10. Traspaso automático de licenza a destinatarios ou destinatarias subseguintes

Cada vez que vostede transmite unha obra cuberta, o destinatario ou destinataria recibe automaticamente das persoas licenciadoras orixinais unha licenza para executar, modificar e propagar a obra conforme esta licenza. Vostede non é responsábel de asegurar o cumprimento desta licenza por parte de terceiras persoas.

Unha transacción entre entidades é unha transacción mediante a cal se lle transfire o control dunha organización ou de todo o patrimonio dunha organización, se subdivide unha organización ou se fusionan dúas ou máis organizacións. No caso de que a propagación dunha obra cuberta se deba a unha transacción entre entidades, cada parte da transacción que reciba unha copia da obra tamén recibirá todas as licenzas para a obra que o predecesor ou predecesora da parte tiver ou puider outorgar conforme o parágrafo anterior, máis o dereito de recibir do seu predecesor ou predecesora a fonte correspondente da obra, se o predecesor ou predecesora a ten no seu poder ou pode obtela con esforzos razoábeis.

Vostede non pode impor restricións adicionais para o exercicio dos dereitos que se outorgan ou consolidan conforme esta licenza. Por exemplo, vostede non pode impor tarifas, dereitos de autoría ou outros cargos a cambio do exercicio dos dereitos que se outorgan conforme esta licenza, así como tampouco pode iniciar accións legais (incluídas demandas e contestacións a demandas nun proceso legal) sobre a base dunha infracción de patentes por crear, usar, comercializar, ofrecer para a venda ou importar o programa ou calquera parte del.

11. Patentes

Un colaborador ou colaboradora é unha persoa ou entidade titular de dereitos de copyright que autoriza o uso conforme esta licenza do programa ou dunha obra sobre a cal se basee o programa. A obra con licenza outorgada desta maneira denomínase versión en colaboración do colaborador ou colaboradora.

Os dereitos de patente fundamentais dun colaborador ou colaboradora son todos os dereitos de patente baixo a titularidade ou o control da persoa colaboradora, xa sexa porque os adquiriu tras o outorgamento desta licenza ou a partir dela, que poidan infrinxirse dalgún modo permitido por esta licenza para crear, usar ou vender a súa versión en colaboración, pero non inclúen dereitos que se poderían infrinxir unicamente como consecuencia de modificacións posteriores á versión en colaboración. Para os efectos desta definición, o control inclúe o dereito de outorgar sublicenzas de patente dun modo consonte cos requirimentos desta licenza.

Cada colaborador ou colaboradora outórgalle a vostede unha licenza de patente internacional non exclusiva libre de dereitos de autoría conforme os dereitos de patente fundamentais da ou do colaborador para crear, usar, comercializar, ofrecer á venda, importar e executar, modificar e propagar dalgún outro modo o contido da súa versión en colaboración.

Nos tres parágrafos que se inclúen a continuación, unha licenza de patente é calquera contrato ou acordo expreso, independentemente da súa denominación, mediante o cal se conveña non exercer dereitos de patente (como, por exemplo, unha autorización expresa para facer uso dunha patente ou unha cláusula que estabeleza que non se iniciarán accións legais por infrinxir os dereitos de patente). Por outorgar unha licenza de patente desta natureza a outra parte enténdese o acto de celebrar un contrato ou acordo mediante o cal se convén non exercer dereitos de patente en contra da dita parte.

No caso de que vostede transmita unha obra amparada, sabendo que está suxeita a unha licenza de patente, e a fonte correspondente da obra non estiver dispoñíbel para a súa reprodución, en forma gratuíta e conforme os termos desta licenza, a través dun servidor de rede de acceso público ou outro medio igualmente accesíbel, vostede deberá (1) poñer a fonte correspondente a disposición do destinatario ou destinataria subseguinte, (2) renunciar ao beneficio da licenza de patente para esta obra en particular, ou ben (3) tomar as medidas necesarias para estender a licenza de patente aos destinatarios e destinatarias subseguintes dun modo acorde cos requirimentos desta licenza. A frase sabendo que está suxeita a unha licenza de patente significa que vostede efectivamente sabe que, de non ser pola licenza de patente, a transmisión da obra cuberta nun país ou o uso que puider darlle as persoas destinatarias á obra amparada nun país infrinxirían unha ou máis patentes identificábeis no dito país que vostede considera válidas por diversas razóns.

No caso de que, en relación cunha transacción ou contrato individual, vostede transmitise unha obra amparada ou a difundise conseguindo a súa transmisión e outorgase a algunhas das partes que reciban a obra amparada unha licenza de patente que as autorizase a usar, difundir, modificar ou transmitir unha copia específica da obra cuberta, a licenza de patente que vostede outorgue estenderase automaticamente a todos os destinatarios e destinatarias da obra cuberta e ás obras que se baseen nela.

Unha licenza de patente considérase discriminatoria cando non inclúe dentro do seu ámbito de amparo un ou máis dos dereitos que se outorgan especificamente conforme a esta licenza, prohibe o uso de devanditos dereitos ou se outorga como condición de que non se usen os ditos dereitos. Vostede non debe transmitir unha obra cuberta se fose unha das partes dun acordo con outra entidade ou persoa que se dedicase á distribución de software, conforme ao cal vostede debese pagarlle á outra entidade ou persoa pola actividade que vostede realice con respecto á transmisión da obra e esa entidade ou persoa outorgase a calquera das partes que reciban de vostede a obra cuberta unha licenza de patente discriminatoria (a) en relación coas copias da obra cuberta transmitidas por vostede (ou as copias que se fagan desas copias), ou (b) principalmente para compilacións ou produtos específicos que conteñan a obra cuberta e en relación con estes, a menos que vostede celebrase o contrato ou que a patente se outorgase antes do 28 de marzo de 2007.

Ningunha disposición desta licenza deberá interpretarse como excluente ou limitativa de ningunha licenza implícita ou outras defensas legais contra infraccións ás que, doutro xeito, vostede puidese ter dereito conforme á lei de propiedade intelectual vixente.


12. Protección da liberdade de terceiras partes

No caso de que lle fosen impostas condicións (xa sexa por unha orde xudicial, un contrato ou dalgún outro modo) que contradixesen as condicións desta licenza, vostede non quedará eximido de cumprir as condicións desta licenza. No caso de que non poida transmitir unha obra cuberta dun modo que lle permita cumprir simultaneamente coas obrigas estabelecidas por esta licenza e calquera outra obriga pertinente, non poderá transmitila de ningún modo. Por exemplo, no caso de que vostede acepte termos que o obriguen a cobrar dereitos de autoría por redistribución a daqueles aos que vostede transmita o programa, a única forma de satisfacer tanto estes requirimentos como esta licenza será absterse de transmitir o programa.


13. Uso conxunto coa licenza pública xeral Affero de GNU

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, vostede ten permiso para vincular ou combinar calquera obra cuberta cunha obra con licenza outorgada conforme á versión 3 da licenza pública xeral Affero de GNU nunha única obra combinada e transmitir a obra resultante. Os termos desta licenza seguirán aplicándoselle á parte que corresponda á obra cuberta, pero os requirimentos especiais da sección 13 da licenza pública xeral Affero de GNU sobre a interacción a través dunha rede aplicaránselle á combinación como tal.


14. Revisións desta licenza

A Fundación para o Software Libre poderá publicar revisións e/ou versións novas da licenza pública xeral de GNU de cando en vez. Tales versións serán de natureza semellante á versión actual, pero poderán diferir canto aos detalles para afrontar novos problemas ou coidados.

Cada versión recibirá un número de versión que a distinga. No caso de que o programa especifique que se rexe por unha versión determinada da licenza pública xeral de GNU ou calquera versión posterior, vostede poderá optar por adoptar os termos e condicións desta versión específica ou de calquera versión posterior que publique a Fundación para o Software Libre. No caso de que o Programa non especifique un número de versión da licenza pública xeral de GNU, vostede poderá rexerse por calquera versión que publique a Fundación para o Software Libre.

Se o programa especifica que un apoderado ou apoderada pode decidir que versións da licenza pública xeral de GNU poden aplicarse no futuro, a declaración pública do apoderado ou apoderada sobre a aceptación dunha versión determinada autorizarao a vostede, de forma permanente, a optar por tal versión para o programa.

Poida que as versións posteriores da licenza se lle outorguen permisos adicionais ou diferentes. No entanto, non se lles imporán obrigas adicionais a ningunha persoa autora ou titular de dereitos de copyright como resultado da adopción da versión posterior que vostede elixa.

15. Carencia de garantías

O PROGRAMA OFRÉCESE SEN NINGÚN TIPO DE GARANTÍAS, NA MEDIDA EN QUE O PERMITAN AS LEIS APLICÁBEIS. SALVANTE DISPOSICIÓN CONTRARIA POR ESCRITO, OS OU AS TITULARES DE DEREITOS DE AUTORÍA E/OU OUTRAS PARTES PROVÉN O PROGRAMA "TAL CAL" SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO, XA SEXAN EXPRESAS OU IMPLÍCITAS, INCLUÍDAS, AÍNDA QUE NON DE FORMA TAXATIVA, AS GARANTÍAS IMPLÍCITAS DE VALOR COMERCIAL E APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO. VOSTEDE ASUME TODOS OS RISCOS CON RESPECTO Á CALIDADE E O DESEMPEÑO DO PROGRAMA. NO CASO DE QUE O PROGRAMA TIVESE DEFECTOS, VOSTEDE ASUME O CUSTO DE TODAS AS ACTIVIDADES DE MANTEMENTO, REPARACIÓN OU CORRECCIÓN.

16. Limitación da responsabilidade

EN NINGÚN CASO, SALVO QUE ASÍ O DISPOÑAN AS LEIS APLICABLES OU UN CONTRATO POR ESCRITO, UNHA PERSOA TITULAR DE DEREITOS DE AUTORÍA OU UNHA TERCEIRA PARTE QUE MODIFIQUE E/OU TRANSMITA O PROGRAMA SEGUNDO SE AUTORIZA ANTERIORMENTE SERÁ RESPONSÁBEL PERANTE VOSTEDE DE CALQUERA DANO, INCLUÍDOS OS DANOS XERAIS, ESPECIAIS, FORTUÍTOS OU DERIVADOS, QUE POIDAN XURDIR DO USO OU A INCAPACIDADE DE USO DO PROGRAMA (INCLUÍDOS, AÍNDA QUE NON EXCLUSIVAMENTE, A PERDA DE INFORMACIÓN, A SUBMINISTRACIÓN DE INFORMACIÓN IMPRECISA OU AS PERDAS QUE POIDAN SUFRIR VOSTEDE OU TERCEIRAS PARTES OU A INCAPACIDADE DO PROGRAMA PARA INTERACTUAR CON OUTROS PROGRAMAS), AÍNDA CANDO ESTE OU ESTA TITULAR OU TERCEIRA PARTE FOSE ADVERTIDA DA POSIBILIDADE DE TALES DANOS.


17. Interpretación das seccións 15 e 16

No caso de que as cláusulas de ausencia de garantías e limitación da responsabilidade anteriores carecesen de validez legal a nivel local conforme os seus termos, os xulgados deberán aplicar as leis locais que máis se asimilen a unha exención absoluta de calquera responsabilidade civil en relación co programa, salvo que unha copia do programa estea acompañada dunha garantía ou presunción de responsabilidade a cambio dunha tarifa.

FIN DE TERMOS E CONDICIÓNS

Como aplicar estes termos aos seus programas novos

Se vostede desenvolve un programa novo e desexa que o público lle atope a maior utilidade posíbel, a mellor maneira de logralo é facer deste un software libre para que todos o poidan redistribuír e modificar conforme a estes termos.

Para facelo, achegue os seguintes avisos ao programa. O máis seguro é engadilos ao comezo de cada arquivo fonte co fin de que se estabeleza dun modo efectivo a exclusión de garantías. Así mesmo, cada arquivo debería incluír a liña do copyright e unha ligazón á localización do aviso completo.


Copyright ©

Este programa é software libre: vostede pode redistribuílo e/ou modificalo conforme os termos da licenza pública xeral de GNU publicada pola Fundación para o Software Libre, xa sexa a versión 3 desta licenza ou (á súa elección) calquera versión posterior.

Este programa distribúese co desexo de que lle resulte útil, pero SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; nin sequera coas garantías implícitas de VALOR COMERCIAL OU APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO. Para máis información, consulte a licenza pública xeral de GNU.

Xunto con este programa, debérase incluír unha copia da licenza pública xeral de GNU.

De non ser así, vexa en <http://www.gnu.org/licenses/>.

Inclúa tamén información de contacto que lles permita ás persoas destinatarias comunicarse con vostede, xa sexa por correo electrónico ou convencional.

Se o programa admite a interacción entre terminais, asegúrese de que mostre un breve aviso como o que se inclúe a continuación cando se inicie en modo interactivo:

Copyright ©

Este programa proporciónase SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; para máis información escriba 'show w'.

Este programa é software libre e vostede pode redistribuílo consonte certas condicións; para máis información, escriba 'show c'.


Os comandos hipotéticos 'show w' e 'show c' deberían mostrar as partes correspondentes da licenza pública xeral. De máis está dicir que os comandos do seu programa poden ser diferentes; para unha interface gráfica de persoa usuaria, debería utilizar un cadro de diálogo do tipo Acerca de.

No caso de que traballe como programador ou programadora para unha entidade empregadora ou estabelecemento educativo, asegúrese tamén de que asinen unha renuncia de copyright para o programa, se fose necesario. Para máis información verbo deste respecto e sobre como aplicar e cumprir a GNU GPL, vexa en <http://www.gnu.org/licenses/>.

A licenza pública xeral de GNU non autoriza a inclusión do seu programa en programas de propiedade privada. Se o seu programa fose unha biblioteca de subrutinas, poida que considere máis útil permitir a vinculación de aplicacións de propiedade privada coa biblioteca. Se vostede desexar facer isto, utilice a licenza pública xeral reducida de GNU en lugar desta licenza. Pero primeiro, por favor, lea a información que se inclúe en <http://www.gnu.org/philosophy/why-not-lgpl.html>.