Iniciativa Internacionalista, unha porta aberta


Iniciativa Internacionalista, unha porta aberta       Ángeles Maestro (Para Kaos en la Red)       4 de maio de 2009
 


Como era previsíbel, a presentación o pasado 17 de abril da candidatura de Iniciativa Internacionalista, encabezada por Alfonso Sastre e Doris Benegas, non suscitou nin unha liña nos medios de comunicación públicos e comerciais. Si foi nova destacada en webs alternativas[1], marcando unha vez máis o abismo entre ambos os dous medios.

A candidatura de Iniciativa Internacionalista arrexunta, por vez primeira na historia dos pobos do Estado español, suxeitos políticos e sociais das esquerdas independentistas, da esquerda anticapitalista de ámbito estatal, do sindicalismo de clase e combativo, do movemento feminista, dos movementos sociais e de sobranceiros intelectuais.

O movemento obreiro de clase e combativo está representado por homes e mulleres destacados en loitas contra os EREs – Antonio Rodriguez representa a loita e a vitoria dos traballadores de UPS- , contra os despidos e as privatizacións. O símbolo de todo isto é Josep Garganté, número tres da Candidatura, destacado dirixente da folga máis emblemática dos últimos tempos, – modelo de sindicalismo asembleario, de unidade e de implicación do movemento cidadán – a dos traballadores de autobuses de Barcelona.

Participan tamén na candidatura destacados homes e mulleres da cultura. Ademais de Alfonso Sastre – o exemplo máis brillante do compromiso intelectual até as súas últimas consecuencias - ocupan postos destacados Gloria Berrocal, Alicia Hermida, Jaime Losada e Antonio Maira, membro da UMD e co-creador de InSurGente, todos eles membros da Alianza de Intelectuais Antiimperialistas.

A candidatura organízase en torno a un Manifesto[2] no que, xunto coa reivindicación dos dereitos dos pobos, contra a discriminación por razóns de sexo-xénero, da loita contra a Europa do capital e a guerra, da soberanía alimentar, etc, saliéntase a imperiosa necesidade de construír unha resposta de clase á crise capitalista e de esixir democracia e dereitos políticos primarios negados no Estado español.

Esta Candidatura, máis aló das eleccións europeas, manifesta a súa vontade de abrir un espazo de construción política, aberto a outras organizacións que nun futuro se poidan sumar, arredor de dous eixos estruturais do proxecto emancipatorio dos pobos do Estado Español: a loita de clases e a necesidade de rachar co imperialismo español.

Ambos os dous temas marcaron as loitas populares, con decursos diferentes en cada pobo, enfrontadas e hexemonizadas polas clases dominantes en cada período histórico. Só no estourido de revolución popular que significou, de modo contraditorio a II República, se achegaron politicamente reivindicacións nacionais e proxecto socialista. Dende o punto de vista da loita social o outro precedente histórico foi a enorme mobilización obreira e popular arredor do Proceso de Burgos en 1970, suscitada en todo o Estado e internacionalmente. A loita conxunta da esquerda abertzale e doutras organizacións independentistas, xunto a organizacións políticas do resto do Estado, incluído de forma destacada o PCE, logrou masa crítica de abondo para anular as sentencias de morte que Franco decretara.

Esa perigosa conxunción de vontades capaz de gañarlle o pulso á Ditadura foi en anos posteriores coidadosamente desarticulada. Nas sentencias de morte de 1975 contra loitadores antifascistas, xa non participou o PCE, quen deu a orde aos seus avogados de non participaren na súa defensa e á militancia de non considerar os acusados como compañeiros de loita. A cuña da división introducírase. A Transición comezara.

A evolución das esquerdas institucionais dende a Transición até este momento expresa o seu aliñamento, no caso do PSOE, co programa xeral das clases dominantes de opresión dos traballadores e dos pobos. No caso de IU, a confusión e a impotencia dunha organización herdeira do PCE[3] que acepta e apoia o discurso “antiterrorista” do poder – a votación da Lei Antiterrorista polo seu Grupo Parlamentar en 1980 é emblemática - desemboca no mesmo obxectivo: o abandono de calquera proxecto de transformación social.

A contribución de CCOO e UGT foi decisiva, tanto para debilitar até a extenuación o movemento obreiro, como para introducir entre os traballadores e traballadoras unha ideoloxía de tinturas fascistas de apoio ao papel do Estado por enriba dos intereses de clase e de negación dos dereitos dos pobos.

Nestes momentos o escenario está marcado pola maior crise da historia do capitalismo, sen horizonte para millóns de traballadores que non sexa o paro, a ausencia de protección social para a masa de traballadores precarios e o risco de que se esgote para o resto, a perda da vivenda polo non pagamento de hipotecas e a ameaza de liquidar os poucos dereitos laborais que aínda existen.

A destrución do pouco tecido produtivo que ficaba logo dunha incorporación á Unión Europea que xa liquidou industrias, agricultura e gandaría, deixou ao capitalismo parasitario do Estado español pastar no suculento espazo, de moi alta rendabilidade a curto prazo, das privatizacións de monopolios públicos, a especulación inmobiliaria e o turismo.

Se o capitalismo é sempre indisociábel da corrupción, as clases dominantes españolas – historicamente dependentes até o esperpento da compra de vontades políticas e de tódolos aparatos do Estado – amosan descarnadamente en momentos de crise, como o actual, até que punto tódolos estamentos do poder están ao seu servizo.

As consecuencias da violencia estrutural do sistema son advertidas día a día nas agresións contra as mulleres, na caza ao inmigrante sen papeis, nos accidentes laborais, nos EREs, en deslocalizacións e peche de empresas, na privatización de servizos públicos, nos desafiuzamentos, e en definitiva, de forma xorda e cotiá, na infernal maquinaria que depreda seres humanos, intelixencia, creatividade, convivencia e solidariedade.

Esta brutal engrenaxe do capitalismo que esnaquiza cada día a vida de millóns de persoas prodúcese sen que dende o Goberno se adopte outra medida que dar cartos públicos á banca, co apoio da esquerda institucional e dos chamados “sindicatos maioritarios de clase”.

A violencia social da minoría de privilexiados contra a maioría de desposuídos só se pode exercer mediante a represión política. A maquinaria estatal político-xurídico-policial, supostamente impotente fronte á corrupción, descarga toda a súa dureza contra loitas obreiras, estudantís ou dos pobos que reivindican os seus dereitos. Partidos ilegalizados, centenares de persoas na cadea condenadas por “terrorismo” sen que se teña demostrado a súa participación en actuación violenta ningunha, mozos antifascistas ou de colectivos okupas criminalizados, traballadores perseguidos pola defensa dos seus dereitos, de estudantes e traballadores en loita contra a privatización, ou a censura xorda dende os medios de comunicación públicos e privados a calquera convocatoria de mobilización non controlada, configuran un escenario cotián abafante para todo colectivo que se atreva a cuestionar a orde estabelecida.

Estes son os ingredientes dun profundo malestar social que non atopa expresión política, que inevitabelmente se enfronta cun engrenaxe institucional emanado da Transición sobre a clave de bóveda da Monarquía e construído á medida das clases dominantes da Ditadura, á que se veñen incorporando os novos ricos resultado das políticas dos gobernos do PSOE e do PP.

A convocatoria de Folga Xeral o 21 de maio pola maioría sindical vasca - agás CCOO e UGT – esixindo medidas contra a crise capitalista, namentres estas últimas organizacións aparecen como garantes da paz social fronte ao clamor dos traballadores e traballadoras no resto do Estado que asisten impotentes a despidos e EREs, é un exemplo de loita e do que se podería facer dende un sindicalismo de clase e combativo.

O apoio á Folga Xeral do 21 de maio debe ser unha mostra de solidariedade e un paso máis na construción da unidade do sindicalismo non cooptado pola patronal ou o Estado.

Para Corriente Roja, fronte á camisa de forza sindical e política, que non ofrece saída algunha, en defensa dos dereitos lexítimos dos traballadores e os pobos, para tentar pór fin á dispersión de organizacións políticas e sindicais da esquerda e na busca de imprescindibles formas de actuación conxunta fronte ao inimigo común, o propósito de unir a organizacións revolucionarias de ámbito estatal e a organizacións independentistas e soberanistas, é un obxectivo estratéxico. Por isto decidimos participar decididamente na constitución – como un primeiro paso, como unha porta aberta cara a un camiño de encontro máis amplo necesario e insoslaiábel – da Candidatura de Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Pobos.

Estamos convencidos de que o proceso que se abre é a única vía posíbel.

Esta candidatura sáese de tódolos marcos ao uso. É unha proposta de loita e de compromiso, que retoma intentos abortados noutros momentos da historia de unir suxeitos políticos imprescindíbeis para enfrontar os grandes retos históricos pendentes e dar resposta ás necesidades urxentes actuais.

A historia dos nosos pobos e a loita de clases esixe a construción de suxeitos históricos emancipatorios na busca de formas de unidade entre as reivindicacións nacionais e a loita polo socialismo.

É arestora cando é evidente que non hai outra saída, é preciso retomar o vieiro que deixaron aberto e inconcluso quen nos precederon deixando a súa mocidade e a súa vida pola liberdade dos pobos e a xustiza social.

  1. Véxase vídeo de presentación da candidatura de Iniciativa Internacionalista en Kaos en la Red
  2. Manifesto de presentación de Iniciativa Internacionalista.
  3. Un importante texto sobre a evolución histórica do PCE escrito por Iñaki Gil de San Vicente pode lerse en: la Haine
 
 
Tódolos artigos escritos orixinalmente por Iniciativa Internacionalista, unha porta aberta para a páxina web Kaos en la Red están baixo a licenza Creative Commons Attribution 3.0 Unported e poden ser incluídos no Galifontes.