Lei de Seguridade Industrial de Galicia

Lei 9/2004, do 10 de agosto


Exposición de motivos

editar

O artigo 38º da Constitución española recoñece a liberdade de empresa no marco da economía de mercado e obriga aos poderes públicos a garantiren e protexeren o exercicio da devandita liberdade e a defensa da produtividade, de acordo coas exixencias da economía xeral e, se é o caso, da planificación.

Por outra parte, a normativa xeral comunitaria no ámbito da seguridade industrial relativa ás instalacións, máquinas e produtos, e aqueloutra específica referida ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñen substancias perigosas establecen os requisitos mínimos exixibles de seguridade, que constitúen o punto de partida da correspondente transposición normativa estatal e do desenvolvemento lexislativo autonómico.

Ademais, a crecente complexidade das instalacións industriais como consecuencia dos avances tecnolóxicos e da fabricación de novos produtos e materiais, xunto coa posibilidade de xurdimento de novos riscos, implican un incremento da complexidade da inspección e control, que debe ser realizada por persoal especializado dotado de equipos e medios materiais específicos. Por outra parte, a competencia entre as empresas e a nova organización do traballo poden incrementar aínda máis as dificultades para un efectivo control dos riscos. Con base nestas consideracións, é necesario que a Administración dispoña dos medios de inspección e control necesarios para garantir de xeito efectivo a seguridade das instalacións industriais e a diminución do risco de accidentes. a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, estableceu as normas básicas reguladoras da ordenación das actividades e instalacións industriais, e incorporou no ámbito da seguridade e calidade industriais os principios de liberalización industrial existentes na normativa comunitaria, especialmente no referente aos procedementos de acreditación do cumprimento dos requisitos regulamentarios de seguridade, ao réxime de responsabilidades-tanto dos titulares das industrias e instalacións coma de todos os axentes que incorran nelas-e mais ao control administrativo.

Esta norma marco complementouse cunha pluralidade de regulamentos de seguridade industrial e as súas instrucións técnicas complementarias, dos que a complexidade fai necesaria unha adaptación das funcións dos distintos órganos competentes en materia de industria nas comunidades autónomas, conxugando os recursos humanos e técnicos dos que dispoñen as distintas administracións cos das entidades e organismos que conforman a infraestrutura para a calidade e seguridade industriais, e, de xeito especial, coas entidades legalmente habilitadas, de forma que o cumprimento dos regulamentos de seguridade industrial poida realizarse da maneira máis eficaz, garantindo en todo caso un rigoroso control das condicións de seguridade, posta en servizo e inspección de instalacións suxeitas á seguridade industrial.

Deste xeito, razóns de eficacia e coherencia aconsellan evitar unha excesiva dispersión normativa e fan necesario deseñar, sobre a base dos principios de liberdade de establecemento e de simplificación dos procedementos administrativos, un marco xurídico axeitado para a elaboración dunha regulación homoxénea e actualizada dos sistemas de control da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia, coa adopción de criterios de eficacia na xestión e de colaboración e coordinación entre as administracións públicas implicadas. Así, para acadar este obxectivo e como expresión xurídica positiva da política industrial autonómica, nace a Lei de seguridade industrial de Galicia.

En definitiva, esta lei - dentro do marco da lexislación básica estatal e coa base que achegan as experiencias de dereito comparado, tanto autonómico coma doutros estados membros da Unión Europeaten por obxecto compatibilizar os instrumentos da política industrial cos da libre competencia e circulación de mercadorías, co fin de eliminar barreiras técnicas a través do axeitado artellamento dos instrumentos de control e vixilancia que garantan a correcta aplicación da regulamentación de seguridade industrial. a necesidade dun cambio cualitativo e cuantitativo do traballo relativo ao control administrativo obriga a formular a utilización de novas ferramentas que coadxuven a cumprir eficazmente o servizo de vixilancia e inspección referente á seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais; entre estas atópanse os plans de inspección, como fórmula idónea para garantir o cumprimento dos regulamentos de seguridade industrial e a normativa que lles resulte aplicable. para tal efecto, esta lei ordena a seguridade industrial en Galicia harmonizando os sistemas de control e vixilancia e definindo os instrumentos deste sistema; todo isto para o obxecto de comprobar que todos os axentes que interveñen no deseño, construción, posta en servizo e mantemento dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais cumpren coas disposicións e condicións técnicas de seguridade industrial, evitando así as incidencias que poidan provocar a aparición de riscos que produzan lesións ou danos ás persoas, bens e medio ambiente. para o cumprimento dos obxectivos sinalados, esta lei estrutúrase nunha exposición de motivos, na que se xustifica a oportunidade e conveniencia da súa aprobación, en catro títulos-divididos, nalgúns casos, en capítulos e estes, pola súa vez, en secciónsque comprenden un total de 44 artigos, así como en catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, catro disposicións derradeiras e mais dous anexos.

O título preliminar establece as disposicións xerais que permiten a correcta interpretación da lei, regulando o seu obxecto, o ámbito de aplicación e mais as finalidades dela. De igual modo, e seguindo a técnica lexislativa habitual das disposicións comunitarias, incorpóranse definicións que aclaran o sentido dos preceptos incluídos nela.

O título I aborda a regulación dos instrumentos necesarios para a ordenación da seguridade industrial en Galicia, entre os que se atopan os plans de inspección, que se configuran como unha ferramenta básica do sistema de control da seguridade industrial. Así mesmo desenvolve o réxime xurídico, en particular a intervención administrativa e as obrigas dos titulares de instalacións e establecementos industriais.

O título II aborda a coordinación e cooperación entre as administracións públicas competentes na materia de acordo coas regras xerais das relacións interadministrativas. A este respecto créase o Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial como órgano encargado de impulsar e posibilitar a coordinación e cooperación.

O título III, relativo ao réxime sancionador, establece un catálogo de infraccións e sancións, fixa ademais a obriga de repoñer os bens ao seu estado anterior e de pagar a correspondente indemnización polos danos e perdas ocasionados e tamén concreta a responsabilidade dos axentes económicos. Igualmente, delimítanse neste título as responsabilidades polas infraccións cometidas, as medidas cautelares e osórganos competentes para a imposición de sancións.

Así pois e ao abeiro do artigo 30º. 2 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle recoñece a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de industria sen prexuízo do que determinen as normas do Estado en materia de seguridade industrial, cómpre ditar nesta comunidade unha norma que ordene e harmonice os sistemas de control da seguridade industrial en Galicia.

En particular, é competencia exclusiva da Xunta de Galicia a inspección das instalacións industriais, así como o establecemento dos requisitos e das condicións adicionais que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas no ámbito da inspección; entidades nas que as funcións que integran tal competencia poderán ser delegadas para lles dar así validez oficial aos informes elaborados por estas para os efectos de autorizar a posta en funcionamento das instalacións industriais ou a revisión periódica delas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º. 2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de seguridade industrial.


TÍTULO PRELIMINAR

editar

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta lei ten por obxecto ordenar a seguridade industrial mediante o establecemento dun sistema de control que, atendendo a criterios de eficacia e eficiencia, garanta a seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais dentro do ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das que lles correspondan a outras administracións.

2. O ámbito de aplicación desta lei esténdese a:

a) As actividades dirixidas á obtención, a reparación, o mantemento, a transformación, a reutilización ou o almacenamento de produtos industriais.

b) As actividades dirixidas a xerar, transportar, transformar, almacenar e utilizar a enerxía en todas as súas formas.

c) O envasado e a embalaxe, así como o aproveitamento, a recuperación e mais a eliminación de refugallos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados.

d) As instalacións, os equipos, as actividades, os procesos e os produtos industriais que utilicen ou incorporen elementos, mecanismos ou técnicas susceptibles de produciren danos, estean ou non asociados a unha actividade industrial.

e) Os establecementos industriais especialmente perigosos por telo así establecido unha norma específica ou por producir, manipular ou almacenar substancias e produtos perigosos.

Artigo 2º.-Definicións. Para os efectos desta lei, enténdese por:

a) Seguridade industrial: actividades de prevención e limitación de riscos, así como de protección contra accidentes e sinistros capaces de lles produciren danos ou perdas ás persoas, bens e medio ambiente, derivados da actividade industrial ou da utilización, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou refugallo dos produtos industriais.

b) Instalación industrial: conxunto de aparellos, equipos, elementos e compoñentes asociados ás actividades dirixidas á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de produtos industriais, o envasado e a embalaxe, así como o aproveitamento, a recuperación e mais a eliminación de refugallos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados.

Tamén terán a consideración de instalacións industriais o conxunto de elementos e equipos que teñan por obxecto xerar, transportar, almacenar, distribuír e utilizar a enerxía en todas as súas formas.

Así mesmo, para os efectos desta lei, terán a consideración de instalacións industriais aquelas que, incorporando elementos, mecanismos ou técnicas susceptibles de produciren os danos sinalados no apartado anterior, non estean asociadas a actividades industriais.

c) Instalación existente: calquera instalación en funcionamento que-suxeita á seguridade industrialfose autorizada, comunicada ou executada de acordo coa súa normativa correspondente.

d) Establecemento: a totalidade da zona baixo o control do seu titular, incluídas as infraestruturas ou actividades comúns ou conexas.

e) Produto industrial: calquera manufactura ou produto transformado ou semitransformado de carácter moble-aínda estando incorporado a outro ben moble ou a un inmoble-e toda a parte que o constitúa, como materias primas, substancias, compoñentes e produtos semiacabados.

f) Substancia ou produto perigoso: a substancia ou produto con capacidade intrínseca ou potencialidade de ocasionar danos ás persoas, aos bens e ao medio ambiente.

g) Cambio substancial: calquera modificación da actividade suxeita a control que poida ter repercusións prexudiciais ou importantes na seguridade, a saúde das persoas ou o medio ambiente.

h) Titular da instalación ou do establecemento: a persoa física ou xurídica que explote ou posúa o establecemento ou a instalación ou calquera outra na que se tivese delegado un poder económico determinante en relación co funcionamento técnico daqueles.

i) Entidades legalmente habilitadas: entidades públicas ou privadas, con personalidade xurídica, que se constitúen coa finalidade de verificar-mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría-o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais establecidas nos regulamentos de seguridade industrial.

j) Regulamento técnico: a especificación técnica, establecida con carácter obrigatorio a través dunha disposición, relativa a produtos, procesos ou instalacións industriais no tocante á súa fabricación, comercialización ou utilización.

k) Plans de inspección: instrumentos a través dos cales a consellaría competente en materia de industria, cos seus propios medios ou coa colaboración de entidades legalmente habilitadas, realizará a supervisión, a inspección e o control das distintas actividades, dos produtos e das instalacións industriais.

Artigo 3º.-Obxectivos. Os obxectivos desta lei son:

a) Adecuar e ordenar o sistema de control da seguridade industrial en Galicia, integrando e definindo os mecanismos que forman parte del.

b) Previr e limitar os riscos e asegurar a protección contra accidentes e incidentes capaces de lles producir danos ou perdas ás persoas, bens e medio ambiente derivados da actividade industrial ou da utilización, funcionamento e mantemento dos establecementos e das instalacións industriais e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou refugallo dos produtos industriais.

c) Simplificar e racionalizar a actuación administrativa en materia de instalación, ampliación e traslado de industrias, reducindo os trámites e axilizando os procedementos de autorización e control das actividades, garantindo en todo momento a colaboración e coordinación das administracións que deban intervir neles.

d) Delimitar as obrigas que deben asumir os titulares de establecementos ou instalacións industriais.

e) Establecer os contidos mínimos da inspección industrial en Galicia.

f) Promover a seguridade industrial a través da actuación preventiva e mediante a formulación e execución de plans e programas de inspección.

g) Garantir a seguridade industrial dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais, utilizando os instrumentos necesarios para previr, minimizar, corrixir e controlar os riscos asociados ás actividades industriais sometidas a esta lei.

h) Protexer o exercicio da liberdade de empresa mediante o deseño de mecanismos máis áxiles de intervención administrativa no desenvolvemento das actividades industriais.

i) Delimitar as responsabilidades dos axentes intervenientes.

j) Promover a participación dos axentes económicos e sociais en materia de seguridade industrial a través dos seus representantes.

Artigo 4º.-Principios da ordenación da seguridade industrial. para a aplicación desta lei, de cara ao logro dos obxectivos definidos no artigo 3º, as administracións públicas axustarán as súas actuacións aos seguintes principios:

a) Principio de liberalización industrial.

b) Principio de intervención mínima da administración.

c) Principio de simplificación administrativa.

d) Principio de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativas.


TÍTULO I

editar

Do sistema de control da seguridade industrial

Artigo 5º.-Sistema de control da seguridade industrial en Galicia.

1. Constitúe o sistema de control da seguridade industrial en Galicia o conxunto de instrumentos legais que contribúan a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial.

2. Os instrumentos integrantes do sistema de control da seguridade industrial en Galicia son os seguintes:

a) Intervención administrativa na instalación, a ampliación e o traslado de establecementos e instalacións industriais nos termos descritos no capítulo I deste título.

b) Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

c) Rexistros industriais especiais.

d) Inspección industrial: plans e programas de inspección.

e) Entidades legalmente habilitadas. Capítulo I Da instalación, a ampliación e o traslado de establecementos e instalacións industriais

Artigo 6º.-Clasificación dos establecementos e das instalacións industriais. para os efectos previstos nesta lei, os establecementos e as instalacións industriais clasifícanse en tres grupos:

a) Grupo I: establecementos e instalacións sometidos a autorización administrativa previa.

Este grupo inclúe aqueles establecementos e instalacións industriais que, de acordo coa súa normativa específica, requiren-con carácter previo á súa posta en funcionamento-a obtención de autorización administrativa dos órganos competentes en cada caso.

b) Grupo II: establecementos e instalacións sometidos a comunicación aoórgano competente en materia de industria que se relacionan no anexo I desta lei.

Este grupo inclúe os establecementos e as instalacións industriais que teñan recoñecida liberdade para a súa instalación, ampliación ou traslado e que requiran dunha comunicación previa á súa posta en funcionamento ao órgano competente en materia de industria, que dispón dun prazo para fiscalizar a actividade pretendida polo particular e opoñerse, se é o caso, ao seu exercicio.

c) Grupo III: establecementos e instalacións sometidos a comunicación aoórgano competente en materia de industria que se relacionan no anexo II desta lei.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que teñan recoñecida plena liberdade para a súa instalación, ampliación ou tras lado e que requiran para a súa posta en funcionamento dunha simple comunicación aoórgano competente en materia de industria.

Artigo 7º.-Intervención da administración nos establecementos e nas instalacións industriais.

1. Para a instalación, a ampliación, o traslado e a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais do grupo I, seguirase o procedemento previsto na normativa específica que resulte aplicable para cada tipo de actividade industrial e as prescricións que resulten do desenvolvemento regulamentario desta lei.

2. Para a instalación, a ampliación, o traslado e a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais incluídos no grupo II desta lei, determinarase regulamentariamente un procedemento xeral no cal a consellaría competente en materia de industria realizará, no prazo que se estableza, unha comprobación formal da documentación presentada polo interesado, acreditativa da plena adecuación das actividades industriais relacionadas no anexo I desta lei á normativa que lle resulte aplicable. se ao realizar a comprobación da documentación achegada, esta é considerada completa conforme o regulamentariamente exixido para o devandito establecemento ou instalación, estenderase un documento acreditativo da antedita circunstancia, e neste caso non existirá ningunha obxección por parte da consellaría competente en materia de industria para a súa posta en funcionamento.

Se, logo de transcorrer o prazo que se estableza regulamentariamente, a consellaría competente en materia de industria non lle notifica o resultado da comprobación formal ao interesado, entenderase que non existe ningunha obxección para a posta en funcionamento da instalación, sen prexuízo das responsabilidades dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas.

3. Para a instalación, a ampliación, o traslado e a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais incluídos no grupo III desta lei, a consellaría competente en materia de industria entregaralle ao interesado un xustificante da presentación da documentación achegada, que lle servirá como acreditación do cumprimento das obrigas administrativas, sen prexuízo das responsabilidades dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas.

4. Regulamentariamente establecerase a forma e o contido do xustificante da presentación da documentación á que se refiren os apartados 2 e 3deste artigo.

5. En ningún dos supostos previstos nos apartados 2 e 3 deste artigo, a presentación da documentación supoñerá a aprobación técnica da execución da instalación por parte da administración.

Artigo 8º.- Obrigas xerais dos titulares dos establecementos e das instalacións.

1. Os titulares dos establecementos e das instalacións regulados nesta lei deberán:

a) Tomar cantas medidas sexan necesarias para previr accidentes e limitar as súas consecuencias para as persoas e o medio ambiente.

b) Ter á disposición da inspección ou do persoal que se acredite debidamente o documento no que se defina a súa política de prevención de accidentes graves e asegurarse da súa correcta aplicación.

c) Cumprir calquera outra obriga establecida nesta lei, na normativa que resulte aplicable para cada tipo de instalación industrial e nas súas disposicións de desenvolvemento.

d) Permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realiza.

2. Así mesmo, os titulares dos establecementos e das instalacións quedarán obrigados a lle comunicaren á consellaría competente en materia de industria as seguintes circunstancias:

a) Calquera modificación substancial que se propoñan realizar na explotación da instalación.

b) Calquera modificación que se produza no proceso produtivo que poida entrañar un risco non previsto na autorización inicial da actividade.

c) As denuncias sobre riscos nas instalacións ou na produción que os representantes dos traballadores lle fagan chegar á empresa.

d) Calquera accidente ou incidente que afecte de forma significativa as persoas, os bens ou o medio ambiente.

e) Calquera outra modificación que altere significativamente o estado inicial da instalación.

Artigo 9º.-Condicións dos establecementos e instalacións.

1. As instalacións industriais deberán ser proxectadas, executadas, utilizadas e mantidas de xeito que se garanta a seguridade das persoas, os bens e o medio ambiente. Entre os riscos que hai que controlar, consideraranse os derivados de procesos térmicos, da enerxía cinética, da enerxía potencial, de explosión, de incendio, de reactividade química, de toxicidade química, eléctricos, radiolóxicos, ópticos, acústicos ou calquera outro non contemplado por regulamentacións específicas.

2. O proxecto, execución, utilización e mantemento das instalacións industriais deberán realizarse conforme á normativa vixente que lles sexa de aplicación.

3. As instalacións industriais deberán ser utilizadas para os fins para os que foron executadas ou aqueles que lles sexan propios.

4. Para a posta en marcha das instalacións industriais será exixible ter obtidas as autorizacións administrativas pertinentes que se lles impuxesen ou exixa a normativa vixente.

5. No caso de non existir unha regulamentación específica que lles sexa aplicable, adoptaranse as normas de seguridade xeralmente recoñecidas e xustificarase no proxecto técnico que a seguridade da instalación queda garantida.

Artigo 10º.- Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

Os titulares das actividades industriais previstas nesta lei deberanlle comunicar ao Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia-nos casos nos que resulte obrigatorio e antes do inicio da actividade-os datos básicos e complementarios que se establecen na normativa reguladora do devandito rexistro.

Artigo 11º.- Rexistros industriais especiais. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, os titulares de instalacións que por razón da normativa aplicable deban estar inscritos en rexistros industriais especiais deberanlles comunicar a estes, con carácter previo á posta en funcionamento da súa actividade, os datos básicos e complementarios para os efectos da súa inscrición.

Capítulo II Da inspección de industria

Sección primeira Réxime da inspección industrial

Artigo 12º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A inspección de industria é a actividade pola que a consellaría competente en materia de industria, cos medios de seu ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, realizará a supervisión, o control e a vixilancia dos distintos establecementos, instalacións e produtos industriais, co obxecto de comprobar a adecuación da súa posta en funcionamento, condicións de servizo e fabricación aos requisitos legais e técnicos previstos na normativa aplicable e exixir, se é o caso, as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

2. O ámbito de actuación da actividade inspectora de industria regulada nesta lei abranguerá a todos os establecementos e instalacións industriais situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da localización do domicilio social do seu titular.

Artigo 13º.-Alcance da inspección. O alcance da inspección estenderase a todas as determinacións fixadas nas regulamentacións técnicas e nas súas instrucións complementarias correspondentes, así como ás prescricións da normativa comunitaria que resulten de aplicación directa e mais ao resto das disposicións que resulten aplicables en materia de seguridade industrial.

Artigo 14º.-Principios da actuación inspectora. As actividades de control e inspección industrial realizaranse con observancia dos principios de legalidade, obxectividade, proporcionalidade, coordinación e eficacia.

Artigo 15º.-Persoal inspector. O desenvolvemento das funcións de inspección realizarano:

a) Funcionarios facultativos competentes en materia de seguridade industrial que ocupen postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control e a inspección na citada materia.

b) Persoal das entidades legalmente habilitadas e debidamente acreditadas polo órgano competente en materia de industria para a realización de actividades de ensaio, certificación, inspección ou auditoría.

Artigo 16º.-Facultades do persoal inspector. O persoal que realice as actividades de inspección de industria estará facultado para:

1. Acceder aos establecementos e ás instalacións suxeitas á regulamentación de seguridade industrial, despois de se identificar e co obxecto de realizar as comprobacións e actuacións que coide pertinentes.

2. Requirir a comparecencia do titular do establecemento ou instalación ou da persoa que o represente os días que resulten precisos para o desenvolvemento das súas actuacións, no lugar e na hora que coide necesarios.

3. Proceder a practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que sexan necesarios para a comprobación do cumprimento dos requisitos legais e técnicos aplicables.

4. Facerse acompañar nas visitas de inspección polos peritos e técnicos do titular do establecemento ou da instalación, así como das persoas que participan na instalación, mantemento, utilización ou inspección de equipos ou aparellos, de o estimar necesario para o mellor desenvolvemento da función inspectora.

5. Requirirlles información ao titular ou aos responsables do establecemento ou da instalación sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa que resulte aplicable. Así mesmo, poderá entrevistar a calquera membro do persoal da instalación en presenza de representantes dela e solicitar, unicamente, a información e os datos que sexan necesarios para a realización da inspección.

6. Inspeccionar os documentos, expedientes e rexistros que considere pertinentes para os efectos do disposto nesta lei e nos termos e condicións previstos nela e na demais lexislación que resulte aplicable.

7. Realizar as avaliacións, os ensaios, as mostraxes e as fotografías que resulten necesarios.

8. Solicitar dos responsables do establecemento ou da instalación, no caso de que sexa estritamente necesario para o cumprimento da inspección, a realización de determinadas operacións de funcionamento daquel.

9. O persoal técnico da consellaría competente en materia de industria poderá estar presente en calquera actuación dunha entidade legalmente habilitada.

Artigo 17º.-Clases de inspección. As actuacións inspectoras poderán clasificarse en dous grupos atendendo á posibilidade da súa planificación:

1. Inspeccións ordinarias.

a) Inspeccións de oficio. Realizadas para a comprobación de calquera actividade-en funcionamento ou abandonada-ou por ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que puidesen ser constitutivos de delito ou infracción administrativa.

b) Inspeccións con carácter previo á posta en funcionamento da actividade. Realizadas para o obxecto de comprobar a realidade dos extremos facilitados nos estudos ou proxectos e a súa adecuación aos requisitos legais aplicables.

c) Inspeccións con posterioridade á posta en funcionamento da actividade. Realizadas para o obxecto de comprobar que se cumpren decontino as condicións fixadas nas regulamentacións legais e técnicas.

d) Inspeccións regulamentarias periódicas. Realizadas cando exista unha norma que prevexa con carácter obrigatorio a referida intervención.

2. Inspeccións extraordinarias.

a) Inspeccións en virtude de denuncia. Levaranse a cabo sempre que exista unha denuncia relacionada coa execución ou co funcionamento dunha instalación suxeita á regulamentación industrial, que apareza inicialmente como fundada e que para o seu esclarecemento sexa necesaria a realización dunha inspección.

b) Inspeccións en caso de accidentes. Levaranse a cabo no caso de accidente derivado directa ou indirectamente do proceso de execución ou do funcionamento dunha instalación suxeita á regulamentación industrial. Esta efectuarase sempre que sexa necesaria para o esclarecemento dos feitos ou para a determinación de responsabilidades, así como para lles dar cumprimento ás peticións de colaboración.

3. En todas as inspeccións, tanto nas ordinarias coma nas extraordinarias, os inspectores poderán requirir a presenza das persoas e os informes que consideren oportunos.

Artigo 18º.-Periodicidade das inspeccións industriais.

1. Os titulares de actividades ou instalacións industriais suxeitas a inspeccións periódicas son os responsables de que estas se realicen dentro dos prazos establecidos regulamentariamente, e para iso deberán solicitar a intervención doórgano competente en materia de industria ou, se é o caso, dunha entidade legalmente habilitada.

2. Non recaerá responsabilidade sobre os titulares se unha vez solicitada e aceptada en prazo a intervención doórgano competente en materia de industria ou, se é o caso, dunha entidade legalmente habilitada se comproba que a inspección non se realizou por causas imputables a estes.

3. Con independencia do anterior, a administración establecerá un sistema de información para os titulares dos establecementos ou das instalacións sobre os prazos establecidos para realizar as inspeccións periódicas, indicándolles ao tempo a relación das entidades legalmente habilitadas autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia para as realizar.

Artigo 19º.-Actuacións inspectoras.

1. O persoal ao servizo da consellaría competente en materia de seguridade industrial que desempeñe actuacións de inspección na citada materia terá a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións.

2. Sen prexuízo da normativa específica que regule as actuacións de inspección de seguridade industrial realizadas polas entidades legalmente habilitadas, as actuacións inspectoras documentaranse por medio das correspondentes actas de inspección, nas que se recollerán os resultados das actuacións de investigación e comprobación.

As actas de inspección que se redacten gozarán de valor probatorio e presunción de veracidade, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan achegar os propios interesados.

3. O procedemento, o contido e os efectos da actuación inspectora estableceranse regulamentariamente.

Artigo 20º.-Consecuencias derivadas da actividade inspectora industrial.

1. Como consecuencia da actividade inspectora, o persoal inspector poderá:

a) Paralizar temporalmente, ben sexa de forma total ou parcial, a actividade do establecemento ou da instalación nos supostos de perigo inminente e certo, o que lle comunicará con carácter inmediato ao órgano competente en materia de seguridade industrial, que deberá confirmar, modificar ou levantar a paralización na maior brevidade posible.

b) Propoñer a prohibición ou limitación da comercialización dun produto industrial nos casos de peri go certo para as persoas ou de prexuízos graves de difícil reparación.

c) Realizar propostas de incoación de expedientes sancionadores como consecuencia do resultado final da inspección, cando esta se desenvolva por persoal funcionario.

2. O persoal inspector comunicaralle o resultado da inspección á autoridade competente en materia de seguridade e saúde laborais nos casos de especial relevancia ou de perigo inminente.

3. O persoal inspector deberá propoñer o traslado da denuncia á autoridade xudicial cando se aprecie a posible comisión dun delito contra as persoas, os bens ou o medio ambiente e solicitar a intervención da fiscalía.

Sección segunda Plans e programas de inspección industrial

Artigo 21º.-Plans e programas de inspección.

1. A consellaría competente en materia de industria elaborará e aprobará plans de inspección das actividades reguladas nesta lei, que serán levados a cabo directamente polos funcionarios da citada consellaría ou, baixo a supervisión desta, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas.

2. As inspeccións obxecto de programación mediante plans e programas de inspección atinxirán as inspeccións ordinarias previstas no apartado 1 do artigo 17º.

3. Os plans e os programas de inspección industrial serán os instrumentos directores para conseguir un coñecemento exhaustivo dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais en canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como no referente á fabricación, a comercialización e o cumprimento dos requisitos regulamentarios e de seguridade industrial.

Artigo 22º.-Contido dos plans de inspección.

1. Os plans de inspección da seguridade industrial estruturaranse en programas específicos, definidos por sectores industriais, por instancia do centro directivo competente en materia de seguridade industrial e en función das necesidades que se formulen. A través deles comprobarase a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos e das instalacións, así como da fabricación e comercialización dos produtos industriais aos requisitos regulamentarios de seguridade e normativa que lles sexan aplicables.

2. Os plans de inspección da seguridade industrial recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:

a) O obxecto do plan de inspección e os obxectivos que se pretenden con cada programa.

b) Establecementos, instalacións ou equipos que se deben incluír en cada programa de inspección.

c) Dotación de medios persoais e materiais que se destinarán ao desenvolvemento de cada programa de inspección.

d) Indicadores de resultados.

e) Vixencia.

3. Os programas específicos de inspección recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Tipoloxía das instalacións suxeitas á inspección.

b) Establecementos que deberán ser inspeccionados.

c) Equipos que serán obxecto de inspección.

d) Duración temporal e ámbito xeográfico.

e) Actuacións de inspección que poderán realizar as entidades legalmente habilitadas.

Artigo 23º.-Metodoloxía.

1. O artellamento da xestión, do desenvolvemento e da execución dos programas de inspección de seguridade industrial realizarase consonte os principios que establece esta lei.

2. En calquera caso, as inspeccións ou as medidas de control non dependerán da recepción do informe de seguridade nin de ningún outro informe presentado, e deberán posibilitar un exame planificado e sistemático dos sistemas técnicos, de organización e de xestión aplicados no establecemento para previr os accidentes.

3. Sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellaría competente en materia de industria, a execución material dos programas poderán levala a cabo entidades legalmente habilitadas, para o que se utilizará, como instrumento de xestión, a subscrición de convenios de colaboración cos sectores afectados por el, se así se determina no correspondente plan de inspección.

Artigo 24º.-Execución e desenvolvemento.

1. A consellaría competente en materia de industria efectuará a selección dos establecementos, das instalacións e dos produtos obxecto dos plans e programas de inspección.

2. Como consecuencia do anterior, os órganos competentes da citada consellaría ordenarán as actuacións de supervisión e control das inspeccións realizadas e incoarán os expedientes sancionadores que procedan nos supostos de incumprimento de requisitos regulamentarios exixidos aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais inspeccionados. Artigo 25º.-Periodicidade.

1. A consellaría competente en materia de industria determinará a periodicidade dos plans e programas de inspección en función das necesidades que se formulen.

2. En calquera caso, a consellaría competente en materia de industria deberá, como mínimo cada dous anos, aprobar novos plans de inspección ou prorrogar a vixencia dos xa aprobados tras un procedemento previo de revisión e actualización dos seus contidos.

Artigo 26º.-Informes finais.

1. Logo de finalizar cada programa de inspección, a consellaría competente en materia de industria elaborará un informe final onde se recollerán os datos, os resultados e as incidencias máis significativas para cada programa.

2. A consellaría competente en materia de industria dará conta bianualmente no Parlamento de Galicia, por medio da Comisión de Industria, dos resultados dos plans de inspección e das conclusións derivadas da súa execución.

Capítulo III Sobre a colaboración das entidades legalmente

habilitadas Artigo 27º.-Actuación das entidades legalmente habilitadas.

As entidades legalmente habilitadas que se constitúan coa finalidade de verificar o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría, axustarán a súa actuación á normativa específica que lles resulte aplicable. En canto aos procedementos de autorización, duración do procedemento, competencia, funcionamento, suspensión da actividade e calquera outra que poida suscitarse, haberá que aterse ao disposto na citada normativa.

As actuacións administrativas de autorización e control das entidades legalmente habilitadas que actúen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia correspóndenlle á consellaría competente en materia de industria. para facilitar a devandita supervisión, as entidades legalmente habilitadas levarán un rexistro xeral de actuacións no que quedarán reflectidas todas as que realicen nos distintos campos.

Artigo 28º.-Intercambios de información entre entidades legalmente habilitadas e a administración. a consellaría competente en materia de industria arbitrará os mecanismos necesarios para que os intercambios de información entre aquela e as entidades legalmente habilitadas, e, en particular, os relativos aos resultados das actuacións inspectoras, teñan o carácter máis inmediato posible e garantan a súa transmisión con seguridade e rapidez.

As entidades legalmente habilitadas presentarán na consellaría competente en materia de industria unha memoria anual relativa ás actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia nos distintos campos de actuación.


TÍTULO II

editar

Sobre a coordinación e cooperación administrativas

Artigo 29º.-Coordinación administrativa. Correspóndelle á consellaría competente en materia de industria velar polo cumprimento do que establece esta lei.

Co fin de garantir a seguridade e a saúde das persoas, os bens e o medio ambiente que poidan verse afectados polo desenvolvemento das actividades industriais previstas nesta lei, as consellarías competentes en materia laboral, medioambiental, de ordenación do territorio, sanitaria e de industria axustarán a súa actuación ao principio de coordinación, de acordo coas regras xerais das relacións interadministrativas.

Artigo 30º.-Cooperación administrativa. Para a efectiva aplicación desta lei, as administracións implicadas axustarán as súas actuacións aos principios de información mutua, cooperación e colaboración. En particular, deberase prestar a debida asistencia para aseguraren a eficacia e coherencia das súas actuacións.

Artigo 31º.-Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial.

1. Créase o Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial para o obxecto de impulsar e posibilitar a coordinación e cooperación en relación cos criterios e coas actuacións en materia de seguridade industrial dos órganos da Administración autonómica competentes en materia de industria, traballo, sanidade, medio ambiente, protección civil e ordenación do territorio.

2. O Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial, adscrito á consellaría competente en materia de industria, estará presidido polo seu titular ou pola persoa en quen delegue.

3. A composición do Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial establecerase por regulamento, o cal debe garantir que estean representados nel os departamentos da Administración autonómica que teñan atribuídas as competencias nas materias sinaladas no apartado 1 deste artigo.

4. O Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial elaborará as normas de organización e réxime interno polas que deberá rexerse e remitirallas á consellaría competente en materia de seguridade industrial, que llas elevará ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.


TÍTULO III

editar

Réxime sancionador

Artigo 32º.-Infraccións.

1. Constitúen infraccións administrativas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as accións e omisións que contraveñan as obrigas establecidas nesta lei.

2. Sen prexuízo do anterior, as accións ou omisións que poidan constituír infracción á normativa de prevención de riscos laborais sancionaranse segundo esta.

Artigo 33º.-Clasificación das infraccións.

1. Sen prexuízo das infraccións que, se é o caso, estableza a normativa estatal, estas clasifícanse en moi graves, graves e leves de conformidade coa tipificación establecida nos apartados seguintes.

2. Son infraccións moi graves as tipificadas no apartado seguinte como graves cando delas resulten danos moi graves ou derive un perigo moi grave e inminente para as persoas, os bens ou o medio ambiente.

3. Son infraccións graves as seguintes:

a) A fabricación, a importación, a venda, o transporte, a instalación ou a utilización de produtos, aparellos ou elementos suxeitos á seguridade industrial sen cumprir coas normas regulamentarias, cando comporte perigo ou dano grave para as persoas, os bens ou o medio ambiente.

b) A posta en funcionamento de instalacións que carecen da correspondente autorización cando esta sexa preceptiva, de acordo coa correspondente disposición legal ou regulamentaria.

c) A ocultación ou a alteración dolosa dos datos exixibles pola normativa aplicable, así como a resistencia ou a reiterada demora en proporcionalos sempre que estas non se xustifiquen debidamente.

d) A negativa a admitir verificacións ou inspeccións regulamentarias acordadas en cada caso pola administración ou a obstrución á súa práctica.

e) A resistencia dos titulares de actividades e instalacións industriais a permitiren o acceso ou facilitaren a información requirida polas administracións públicas, cando houbese obriga legal ou regulamentaria de atender tal petición de acceso ou información.

f) Os incumprimentos reiterados nas obrigas de remisión de información e documentación.

g) A expedición de certificados ou informes dos que o seu contido non se axuste á realidade dos feitos.

h) As inspeccións, os ensaios ou as probas efectuadas polas entidades legalmente habilitadas de forma incompleta ou con resultados inexactos por unha insuficiente constatación dos feitos ou pola deficiente aplicación de normas técnicas.

i) O incumprimento das prescricións ditadas pola autoridade competente en cuestións de seguridade relacionadas con esta lei e coas normas que a desenvolvan.

j) A inadecuada conservación e mantemento de instalacións se de isto pode resultar un perigo para as persoas, os bens ou o medio ambiente.

4. Son infraccións leves as seguintes:

a) Non lle comunicar á consellaría competente en materia de industria os cambios que puidesen afectar a seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais.

b) A posta en funcionamento de instalacións sen llo ter comunicado con carácter previo ao órgano competente en materia de industria cando a citada comunicación sexa preceptiva.

c) Incorrer en demora non xustificada na achega de documentos solicitados polo órgano competente.

d) A inadecuada conservación e mantemento das instalacións.

e) A falta de colaboración coas administracións públicas no exercicio por estas das funcións regulamentarias derivadas desta lei.

f) Cando algunha das infraccións cualificadas como graves nesta lei xerase un dano de escasa entidade.

g) O incumprimento de calquera outra prescrición regulamentaria non incluída nos apartados anteriores.

Artigo 34º.-Sancións.

1. As infraccións previstas nesta lei serán sancionadas de acordo coa normativa estatal.

2. Nos casos de infraccións graves, as multas poderán comportar o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade por un prazo non superior a un ano e a retirada dos carnés de instalador e/ou mantedor.

3. Nos casos de infraccións moi graves, as multas poderán comportar:

a) O pechamento ou a suspensión da actividade do establecemento por un prazo non superior a cinco anos.

b) A clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade.

4. Nos supostos de infraccións graves ou moi graves, poderase impoñer ademais, se é o caso, a sanción consistente na devolución das subvencións ou axudas outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como a imposibilidade da obtención de préstamos, subvencións ou axudas públicas na materia durante os seguintes prazos:

a) Infraccións moi graves: cinco anos.

b) Infraccións graves: dous anos. Artigo 35º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento para a imposición de sancións axustarase aos principios regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao disposto no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, sen prexuízo de que regulamentariamente se establezan especialidades de procedemento.

2. O prazo para resolver o procedemento sancionador será dun ano, que se contará desde a data da súa iniciación. Ao transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución, producirase a caducidade do procedemento. No caso de que a infracción non prescribise, deberase iniciar un novo procedemento sancionador.

Artigo 36º.-Reparación de danos. Sen prexuízo da sanción administrativa que se impoña, o infractor estará obrigado a reparar os danos e perdas causados co obxecto de restaurar e repoñer os bens alterados ao seu estado anterior.

Artigo 37º.-Multas coercitivas.

1. Cando o infractor non cumpra coa obriga imposta no artigo anterior ou o faga de xeito incompleto, poderán serlle impostas multas coercitivas. A contía de cada unha das devanditas multas non superará o 20% da sanción fixada para a infracción correspondente, sen prexuízo da posible execución subsidiaria pola propia administración a cargo daquel.

2. As multas coercitivas serán independentes e compatibles coas que se impuxesen ou puidesen impoñerse como sanción pola infracción cometida.

Artigo 38º.-Prescrición.

1. As infraccións ás que se refire esta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a) Cinco anos, no caso de infraccións moi graves.

b) Tres anos, no caso de infraccións graves.

c) Un ano, no caso de infraccións leves.

2. O cómputo do prazo de prescrición das infraccións iniciarase na data na que se cometese a infracción ou, de se tratar dunha actividade continuada, na data do seu cesamento.

3. As sancións ás que se refire esta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a) Cinco anos, no caso de sancións por infraccións moi graves.

b) Tres anos, no caso de sancións por infraccións graves.

c) Un ano, no caso de sancións por infraccións leves.

Artigo 39º.-Concorrencia de sancións.

1. Cando as infraccións puidesen ser constitutivas de delito ou falta, o órgano administrativo daralle traslado ao Ministerio Fiscal e absterase de proseguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial, se é o caso, non se pronunciase. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa. De non se estimar a existencia de delito ou falta, a administración poderá continuar o expediente sancionador con fundamento, de ser o caso, nos feitos que o órgano xudicial competente considerase probados.

2. Nos mesmos termos, a instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza suspenderá a tramitación do expediente administrativo sancionador que se tivese incoado polos mesmos feitos e, se é o caso, a execución dos actos administrativos de imposición de sanción. As medidas administrativas que se adoptasen para salvagardar a saúde e seguridade das persoas manteranse ata que a autoridade xudicial se pronuncie sobre elas no procedemento correspondente.

Artigo 40º.-Medidas cautelares.

1. Nos supostos nos que exista un risco grave ou inminente para as persoas, os bens ou o medio ambiente, o órgano competente para a incoación do expediente poderá ordenar motivadamente, ao tempo que acorda a apertura do expediente, a adopción de cantas medidas cautelares resulten necesarias. En particular, poderán acordarse as seguintes:

a) Medidas de corrección, seguridade ou control que impidan a continuidade na produción do dano.

b) Precintado de aparellos, equipos ou vehículos.

c) Clausura temporal, parcial ou total, da instalación.

d) De ser o caso, suspensión temporal da autorización para o exercicio da actividade.

e) Limitación e prohibición da comercialización de produtos.

2. A adopción das devanditas medidas cautelares levarase a cabo, logo de audiencia do interesado, nun prazo de cinco días, agás nos casos que exixan unha actuación inmediata.

3. As medidas sinaladas no apartado 1 deste artigo poderán ser acordadas antes da iniciación do procedemento administrativo sancionador, nas condicións establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 41º.-Responsables. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas e, en particular:

a) O titular do establecemento ou da instalación ou, se é o caso, o director ou xerente da industria será o responsable de que o seu funcionamento se realice en todo momento de acordo co disposto na regulamentación que lle sexa aplicable, e, especialmente, coas normas de seguridade, sanidade e protección do medio ambiente, sen prexuízo das responsabilidades que contraian tanto os autores dos proxectos, da documentación técnica e dos certificados expedidos coma as empresas e persoas que interviñesen ou interveñan na instalación, funcionamento, reparación, mantemento, inspección e control.

b) O autor do proxecto é responsable de que este cumpra coa normativa vixente. O técnico competente que emitise o certificado é responsable da adaptación da obra ao proxecto e de que na execución dela se adoptasen as medidas e se cumprisen as condicións técnicas regulamentarias que sexan aplicables, sen prexuízo das sancións penais que, se é o caso, correspondan. Todo isto con independencia da responsabilidade dos técnicos, das empresas ou das entidades legalmente habilitadas sobre a veracidade das certificacións acreditativas do cumprimento regulamentario que emitan.

c) O director de obra, se é o caso, e as persoas que participan na instalación, reparación, mantemento, utilización ou inspección das industrias, dos equipos e dos aparellos, cando a infracción sexa consecuencia directa da súa intervención.

d) Os fabricantes, vendedores ou importadores dos produtos, aparellos, equipos ou elementos que non se axusten ás esixencias regulamentarias.

Artigo 42º.-Competencia sancionadora.

1. A potestade sancionadora en relación coas infraccións tipificadas nesta lei correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas previstas nesta lei correspóndelles aos delegados provinciais da consellaría competente en materia de industria.

Non obstante, esta competencia corresponderalles aos directores xerais competentes por razón da materia no caso de infraccións administrativas que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, poderá tramitarse un único expediente como consecuencia de infraccións cometidas por unha persoa física ou xurídica en dúas ou máis provincias.

3. Pola súa banda, a competencia para a resolución dos expedientes sancionadores aos que fai referencia o apartado anterior corresponderalles:

a) Nas infraccións moi graves: ao Consello da Xunta de Galicia.

b) Nas infraccións graves: ao conselleiro competente en materia de industria.

c) Nas infraccións leves: aos delegados provinciais da consellaría competente en materia de industria cando afecten unicamente o seu respectivo ámbito territorial e aos directores xerais competentes por razón da materia nos casos previstos no último parágrafo do apartado anterior.

4. No exercicio da potestade sancionadora derivada desta lei, o órgano competente para a resolución do expediente poderá solicitar informes daqueloutros órganos dos que as súas competencias resulten afectadas pola actividade de que se trate.

Artigo 43º.-Publicidade. O órgano que exerza a potestade sancionadora poderá facer constar na resolución correspondente a necesidade de proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia e a través dos medios de comunicación social que considere oportunos as infraccións cometidas así como as sancións impostas, coa inclusión dos nomes e apelidos ou da razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, sempre que adquirisen xa o carácter de firmes. O criterio de proceder á publicación deberá estar baseado en feitos obxectivos, igualitarios e homoxéneos.

Artigo 44º.-Información. Cada dous anos, remitiráselle ao Parlamento de Galicia unha memoria que conteña as actuacións realizadas polo persoal inspector e polas entidades legalmente habilitadas.


Disposicións adicionais

editar

Primeira.-Coordinación de actuacións. O Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial coordinará as súas actuacións coa Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial para o desenvolvemento das funcións que regulamentariamente lle sexan encomendadas.

Segunda.-Medios persoais do servizo de inspección. Para o desenvolvemento das funcións de inspección previstas nesta lei, a consellaría competente en materia de seguridade industrial indicará, na súa relación de postos de traballo, a necesaria dotación de medios persoais que afecte a prestación do servizo de inspección, vixilancia e control dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais.

Terceira.-Regulamento de inspección de industria. Nun prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, o Goberno publicará o Regulamento de inspección de industria.

Cuarta.-Prevención de accidentes graves. A Xunta de Galicia velará por que se teñan en conta os obxectivos de prevención de accidentes graves e delimitación das súas consecuencias nas súas políticas de asignación ou utilización do solo, así como nas de ordenación territorial.

Farao mediante o control de:

-A implantación de novos establecementos.

-A modificación dos establecementos existentes.

-As novas obras realizadas nas proximidades de establecementos existentes, tales como vías de comunicación, lugares frecuentados por público ou zonas de vivendas, cando a localización ou as obras poidan aumentar o risco ou as consecuencias de accidente grave.

Disposicións transitorias

editar

Primeira.- Vixencia das normas. En tanto non se diten as normas de desenvolvemento desta lei, continuarán aplicándose as corres pondentes disposicións en vigor en materia de seguridade industrial.

Segunda.- Persoal inspector. O persoal da consellaría competente en materia de seguridade industrial que con anterioridade á entrada en vigor desta lei estivese prestando servizos atribuídos ao persoal inspector sen ter a condición de funcionario facultativo continuará realizando funcións de inspección nos mesmos termos nos que estaba a exercelas. En tal suposto, os postos de traballo desempeñados polo devandito persoal terán a consideración de a extinguir.


Disposición derrogatoria

editar

Única.-Derrogación normativa. Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

editar

Primeira.-Adaptación, revisión e ampliación da normativa afectada. a consellaría competente en materia de seguridade industrial procederá áadaptación, revisión e ampliación da normativa que poida verse afectada polas prescricións desta lei.

Segunda.-Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial.

No prazo de seis meses desde a publicación desta lei, determinaranse regulamentariamente a organización, a composición, as funcións e o réxime xurídico interno do Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial.

Terceira.-Facultade de desenvolvemento. Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario das prescricións desta lei, así como para adaptar, ampliar ou modificar a lista de actividades incluídas nos seus anexos, en función das determinacións que resulten da normativa básica estatal ou da Unión Europea, e mais os requirimentos de carácter técnico que se aproben no futuro.

Cuarta.-Entrada en vigor. Esta lei entrará en vigor no prazo de tres meses desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


ANEXO I

editar

Establecementos e instalacións industriais liberalizadas sometidas a comunicación

1. Instalacións eléctricas de baixa tensión.

1.1. Instalacións eléctricas de baixa tensión en edificios destinados principalmente a vivendas.

1.2. Instalacións eléctricas de baixa tensión en locais de reunión de potencia instalada ´100 kW e capacidade ´300 persoas, adaptadas ao Regulamento de baixa tensión.

1.3. Instalacións eléctricas de baixa tensión en establecementos industriais de potencia ´500 kW, adaptadas ao Regulamento de baixa tensión.

2. Instalacións eléctricas de alta tensión. Centros de transformación non pertencentes a empresas de produción, transporte ou distribución de enerxía eléctrica.

3. Instalacións de gas.

3.1. Instalacións individuais, para calquera clase de usos, con potencia nominal de utilización simultánea superior a 70 kW (60,2 te/h) .

3.2. Instalacións comúns para calquera clase de usos, sempre que a potencia nominal de utilización simultánea das instalacións individuais ás que se alimenta sexa superior a 700 kW (602 te/h) .

3.3. Acometidas interiores para calquera clase de usos, sempre que a potencia nominal de utilización simultánea das instalacións ás que se alimenta sexa superior a 700 kW.

3.4. Almacenamento e instalacións receptoras alimentadas a partir de botellas ou envases de GLP, con capacidade unitaria superior a 15 kg de gas e con capacidade total superior a 350 kg de gas, incluídas tanto as botellas en servizo coma as de reserva.

3.5. Almacenamento e instalacións receptoras con botellas de capacidade unitaria inferior a 15 kg de gas e con capacidade total dos envases conectados (en servizo e en reserva) superior a 200 kg de gas.

4. Aparellos elevadores (instalacións) .

4.1. Ascensores e montacargas.

4.2. Guindastres torre.

5. Máquinas (instalacións) . Todas as incluídas no vixente Regulamento de seguridade de máquinas.

6. Aparellos a presión. Todos os de P× V´50 e que non estean incluídos nas ITCMIE-AP 6, 8, 12 e 16.

7. Instalacións interiores de auga. Todas, con independencia da súa capacidade.

8. Instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

Todas, con independencia da súa capacidade.

9. Instalacións de almacenamento de produtos derivados do petróleo.

Todos os non sometidos ao procedemento de autorización administrativa.

ANEXO II

editar

Establecementos e instalacións industriais totalmente liberalizadas

1. Instalacións en ascensores.

2. Instalacións interiores de auga (carpetas, boletíns) .

3. Instalacións eléctricas de baixa tensión tipo A.

4. Instalacións eléctricas de baixa tensión tipos B e C (carpetas, boletíns) .

5. Calquera outra actividade non prevista no anexo I desta lei.

Santiago de Compostela, dez de agosto de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne Presidente


  Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."