Abrir o menú principal

Lei de ordenación sanitaria de Galicia

Lei 7/2003, do 9 de decembro

Índice

Exposición de motivosEditar

A Constitución española recoñece, no seu artigo 43, o dereito dos cidadáns á protección da saúde, e responsabiliza os poderes públicos da organización e tutela da saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios, establecendo no mesmo precepto que a lei determinará os dereitos e deberes de todos ó respecto. En desenvolvemento das devanditas previsións, as Cortes Xerais dictaron a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, e a Lei 15/1997, do 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do sistema nacional de saúde, que xunto coa Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, constitúen o marco legal básico ó que debe axustarse o sistema sanitario no ámbito do Estado español.


Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, dentro do marco que prevé a Constitución nos artigos 148 e 149 no tocante á distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, confírelle a esta Comunidade plena capacidade para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.


No exercicio destas competencias, promúlgase esta lei, que ten por obxecto a ordenación do sistema sanitario de Galicia -configurado polo conxunto dos recursos, actividades, servicios e prestacións que teñen por finalidade a promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación, todo iso nun marco integral-, así como a regulación de cantas actuacións permitan facer efectivo o dereito dos cidadáns á protección da saúde no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.


Para estes efectos, a lei vertebra o sistema sanitario de Galicia -que se sitúa baixo a dirección da Consellería de Sanidade da Xunta- ó abeiro dos principios de orientación ós cidadáns e participación social, concepción integral da saúde, universalidade do dereito ás prestacións de cobertura pública, promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso ás prestacións e servicios sanitarios, calidade dos servicios -tanto na vertente clínica e organizativa coma na atención ós cidadáns-, cooperación entre tódolos axentes que integran o sistema e mais seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das súas actuacións, entre outros.


Nesa vertebración recoñécese a importancia da actividade sanitaria privada para a universalidade do exercicio dos dereitos á prestación dos servicios de saúde, a promoción e o exercicio da equidade e o seu necesario equilibrio territorial.


Configúrase así o sistema como mixto, de tal forma que a lei establece e regula a rede galega de atención sanitaria de utilización pública, configurada polos recursos, actividades, servicios e prestacións, de natureza pública ou privada, financiados publicamente, como instrumento ordenado para facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.


Igualmente, a lei determina as competencias sanitarias das diferentes administracións públicas de Galicia, así como as actuacións da Xunta en relación coa Comunidade Europea, as relacións de cooperación co Estado e con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior, todo iso en materia sanitaria.


Do mesmo xeito, esta lei establece a ordenación e regulación do Servicio Galego de Saúde, a planificación sanitaria e as actuacións en materia de saúde pública e saúde laboral, a ordenación das prestacións e servicios sanitarios que configuran o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de Galicia, a participación comunitaria nas actividades sanitarias, a fixación dos dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios sanitarios -que inclúe o establecemento e a regulación da figura do Vedor do Paciente- e as infraccións e sancións, así como a formación e investigación sanitarias.


Neste contexto, o título I da lei, relativo ás disposicións preliminares, define o seu obxecto e alcance, así como o papel institucional atribuído á Xunta de Galicia e, máis en concreto, á Consellería de Sanidade, dentro do marco das obrigas que corresponden ós poderes públicos en materia sanitaria, e na súa necesaria cooperación coas institucións responsables en materia de servicios sociais para dar adecuada cobertura ás crecentes necesidades sociosanitarias da poboación.


O título II define o sistema sanitario de Galicia, que engloba, consonte se dixo, toda a sanidade galega, pública e privada; enumera as funcións que neste ámbito xeral competen á Xunta de Galicia, e establece os principios que inspiran o sistema sanitario da Comunidade -ós que se fixo referencia xenérica con anterioridade- e a fixación do cal responde a unha clara vontade de situa-los cidadáns no epicentro do sistema, enfatizando na cooperación de tódolos axentes que o integran -fronte á idea de competencia entre estes, cada vez máis deostada e promovendo a garantía de calidade dos servicios, todo iso nun esforzo decidido de evitar que se produzan desigualdades en saúde e asegurar un sistema sanitario eficaz, equitativo e solidario. Neste contexto, un elemento esencial para a configuración do sistema sanitario de Galicia constitúeo, como non pode ser doutro modo, a súa ordenación territorial, que tamén se aborda neste título.


A ordenación territorial da sanidade, organizada en áreas sanitarias e, dentro do seu ámbito, en distritos hospitalarios e zonas de atención primaria, é coherente coa realidade sanitaria de Galicia, e permite desenvolvementos flexibles para a adecuada atención sanitaria da poboación en termos de equidade no acceso e equilibrio territorial consonte as necesidades dos cidadáns da Comunidade, tanto no ámbito da atención primaria coma no ámbito da atención especializada e das restantes modalidades da atención sanitaria. Ademais, neste título II introdúcese o concepto de rede galega de atención sanitaria de utilización pública como instrumento, no marco do sistema sanitario de Galicia, para garanti-los servicios e as prestacións que configuran o dereito constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria dos cidadáns, conforme as premisas de financiamento público e aseguramento único e público, con especial referencia ós hospitais integrados na rede para unha óptima ordenación da atención especializada de cobertura pública.


O título III establece as competencias sanitarias das distintas administracións públicas, tanto polo que se refire á Xunta de Galicia -e dentro desta, en concreto, ó Consello da Xunta e á Consellería de Sanidade- coma ás entidades locais, respectando para o efecto o ámbito funcional que lles confiren respectivamente o bloque da constitucionalidade e a lexislación básica a que se fixo referencia con anterioridade. Ademais, este título regula, segundo se dixo, as actuacións da Xunta en relación coa Unión Europea, as relacións de cooperación co Estado e con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia sanitaria, todo iso con estricta suxeición ó prevido na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia e na interpretación que dos preceptos constitucionais e estatutarios relativos ós ámbitos de referencia dictou o Tribunal Constitucional. Preténdese con iso articular un sistema sanitario no marco da Comunidade Autónoma de Galicia axustado ás directrices establecidas polos poderes públicos supracomunitarios ás que este sistema debe cinguirse por imperativo das leis e das convencións internacionais, e de cooperar estreitamente co Estado e coas outras comunidades autónomas na configuración dun sistema nacional de saúde autenticamente coherente, harmónico e solidario, todo iso sen abandonar nin un chisco o exercicio das responsabilidades institucionais que o ordenamento xurídico lle confire á nosa Comunidade. Cómpre sinalar, polo demais, que esta regulación non ten precedente na lexislación sanitaria autonómica dictada ata o de agora e constitúe, por iso, unha das principais novidades e achegas desta lei á construcción do novo escenario no que se inscribe o sistema nacional de saúde unha vez transferidos os servicios de asistencia sanitaria da Seguridade Social a tódalas comunidades autónomas.


Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á


Comunidade Autónoma de Galicia, establécese o Servicio Galego de Saúde, á regulación do cal se ordena o título IV desta lei. O Servicio Galego de Saúde -seguindo a positiva experiencia alcanzada en Galicia nos últimos anos baixo tal fórmula e de acordo co modelo organizativo máis xeneralizado entre as comunidades autónomas- configúrase como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, adscrito á Consellería de Sanidade -que exerce sobre aquel as funcións de dirección, vixilancia e tutela e integrado por tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios de titularidade da Administración autonómica galega, ó que corresponde a dobre función de compra e provisión de servicios sanitarios, que se exercerán de forma separada. Ademais, as previsións deste título complétanse coa regulación do réxime patrimonial, financeiro, orzamentario, contable e de recursos humanos aplicable ó servicio, coa regulación básica dos órganos de dirección técnicos e colexiados dos centros asistenciais e das distintas formas de xestión de servicios sanitarios con personalidade xurídica propia -fundacións públicas sanitarias e outras- que recollen a positiva experiencia que ó respecto se produciu en Galicia nos últimos anos, así como os avances que nesta materia introduciron tanto a Lei estatal 15/1997, do 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do sistema nacional de saúde, coma diversas leis autonómicas con resultados satisfactorios, todo iso co obxectivo de conseguir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e un maior grao de eficacia e calidade na prestación dos servicios sanitarios de titularidade pública.


A convicción de que non pode haber xestión adecuada dos recursos sanitarios públicos sen que previamente se identificasen as principais necesidades sanitarias da poboación levou a dedicarlle un capítulo completo dentro do título V ó Plan de saúde de Galicia, que se configura como o instrumento superior de planificación e dirección do sistema sanitario de Galicia no que se integran as actuacións intersectoriais que teñen relación cos factores determinantes da saúde da poboación. Por primeira vez fíxanse os contidos mínimos que debe te-lo Plan de saúde, que culmina coa determinación de obxectivos de saúde programados no tempo. Este instrumento, cunha vixencia ordinaria de catro anos, será aprobado polo Consello da Xunta, e establécense ademais os mecanismos adecuados para a súa avaliación e seguimento. Neste mesmo título abórdanse as actuacións en materia de saúde que efectúan as administracións sanitarias de Galicia, ordenándose a coordinación dos programas intersectoriais en materia de saúde pública que poidan desenvolverse e fixándose unha serie de actividades no campo da saúde pública que van desde a identificación dos principais problemas de saúde ata o establecemento de programas e actuacións específicos para minimizalos ou eliminalos. Polo que se refire á saúde laboral, recóllese o marco legal que é de aplicación


e as funcións que especificamente lle corresponden á Xunta de Galicia nesta materia. Finalmente, regúlanse as medidas de intervención administrativa en materia de protección da saúde e prevención da enfermidade, que adquiren nesta lei unha relevancia moi especial, así como o exercicio das funcións de autoridade sanitaria e inspección.


Os obxectivos de garantía e seguridade xurídica que inspiran esta lei esixen que se determinen as prestacións sanitarias financiadas pola Xunta de Galicia nas súas modalidades asistenciais, ámbito ó que se dedica o título VI desta lei. Dentro deste ámbito inclúense a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas e complementarias, así como os servicios de información e documentación sanitaria, respecto dos que se salienta especialmente a necesidade de preserva-la confidencialidade dos datos de saúde dos cidadáns. A atención pediátrica, a fisioterapia e a atención á saúde bucodental aparecen especificamente recollidas como modalidades prestacionais da atención primaria. Noutra orde de cousas, regúlanse tamén neste título a atención sociosanitaria, a atención en materia de drogodependencias e a atención continuada e de emerxencias.


Non se pode abeira-la esixencia constitucional que entraña a participación do cidadán no sistema sanitario, polo que se fai necesario dar camiños para esa participación a través dos distintos mecanismos que se establecen no título VII, que prevé a existencia do Consello Galego de Saúde e as comisións de participación cidadá no ámbito das áreas sanitarias, cunhas normas de organización e de funcionamento que se establecerán regulamentariamente, sen prexuízo de que tamén se poidan establecer órganos de participación comunitaria a outros niveis territoriais ou funcionais do sistema sanitario de Galicia. Verbo da participación dos profesionais, créase o Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia, que se verá complementado, se é o caso, mediante a designación de asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa asistencia e organización sanitarias, a saúde pública, a docencia e investigación e as ciencias da saúde e, en xeral, en calquera outra materia de interese sanitario, a criterio do conselleiro de Sanidade.


O título VIII está dedicado en toda a súa extensión ó establecemento e regulación dos dereitos e deberes dos cidadáns no ámbito do sistema sanitario de Galicia. Trátase dunha exhaustiva relación de dereitos que afectan tanto ó ámbito da promoción da saúde e a protección da enfermidade coma ó ámbito das prestacións asistenciais. Algúns deles, enunciados na lexislación básica á que nos referimos con anterioridade, son agora obxecto de desenvolvemento, mentres que outros son recoñecidos ex novo por esta disposición legal, como é o caso dos dereitos á educación sanitaria e á información adecuada que propicien a adopción de hábitos e estilos de vida saudables, ou o dereito á protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais e específicos, ou a medidas de prevención da enfermidade de probada eficacia e seguridade, así como o dereito a unha segunda opinión médica -nos termos que se establezan regulamentariamente- e o dereito a que determinadas prestacións sanitarias lles sexan dispensadas ós cidadáns nuns prazos previamente definidos e coñecidos, tamén establecidos regulamentariamente, dereitos todos eles dun indubidable interese, cun recoñecemento que supón un fito importante na liña da profundación e mellora da calidade da atención sanitaria. Ademais, esta relación de dereitos predicables de tódolos cidadáns en xeral complétase con algúns dereitos especificamente recoñecidos a determinados colectivos dignos de especial protección como son os enfermos mentais ou os pacientes drogodependentes, entre outros. Como contrapunto ós dereitos que se establecen nesta lei, que sitúan o sistema sanitario de Galicia entre os sistemas sanitarios máis garantistas do noso contorno socioeconómico, fíxanse tamén as obrigas dos cidadáns en relación coas institucións e cos servicios sanitarios. Finalmente, créase a figura do Vedor do Paciente, encargada de velar polo cumprimento dos dereitos recoñecidos ós cidadáns nesta lei e mediar activamente nos conflictos que en relación co exercicio efectivo destes se poidan presentar.


Ademais, o título IX regula de forma exhaustiva as infraccións e sancións, a súa tipificación, cualificación e gradación, a competencia para a imposición destas e as medidas cautelares para asegura-lo cumprimento das sancións, así como a súa prescrición e caducidade.


Finalmente, o título X, dedicado á docencia, formación e investigación sanitarias, precisa o papel dos distintos axentes que interveñen nestes ámbitos e regula a colaboración entre os centros sanitarios e as universidades como eixe central e premisa indispensable para o desenvolvemento destas actividades, que son inseparables das estrictamente asistenciais para o adecuado funcionamento do sistema sanitario. Dentro deste título regúlase a Escola Galega de Administración Sanitaria, fundación pública adscrita á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, á que lle competen labores tan importantes como a docencia e a investigación en administración e xestión sanitaria, sociosanitaria e de saúde pública.


En definitiva, a implantación do modelo que esta lei configura -que recolle en boa medida as liñas directrices da política sanitaria da Xunta de Galicia desde o seu establecemento- axudaranos a avanzar na adecuada distribución dos recursos sanitarios, na optimización dos medios económicos que se destinan ó seu sostemento, na coordinación de tódolos dispositivos sanitarios, calquera que sexa a súa titularidade, no achegamento e a participación dos cidadáns -que se constitúen no eixe central do sistema sanitario- e na mellora da calidade dos servicios, co obxectivo último de protexer e mellora-la saúde de todos no ámbito da nosa Comunidade.


Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de ordenación sanitaria de Galicia.


Título IEditar

Disposicións preliminares

Artigo 1. Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a ordenación sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a través da delimitación xeral das actuacións que permitan facer efectivo no seu ámbito territorial o dereito dos cidadáns á protección da saúde previsto no artigo 43 e concordantes da Constitución española, no marco das competencias que lle atribúe o Estatuto de autonomía.


Artigo 2. Alcance da lei.

Esta lei comprende os ámbitos seguintes:

1. O establecemento e a ordenación do sistema sanitario de Galicia, no que se integra e articula funcionalmente o conxunto de recursos, actividades, servicios e prestacións que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación, todo iso nun marco integral.

2. O establecemento e a regulación da rede galega de atención sanitaria de utilización pública, configurada por cantos recursos, actividades, servicios e prestacións, de natureza pública ou privada, financiados publicamente, contribúen a facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A regulación xeral das competencias sanitarias das diferentes administracións públicas de Galicia, das actuacións da Xunta de Galicia en relación coa Unión Europea e das relacións de cooperación co Estado, con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia sanitaria.

4. A ordenación e a regulación do Servicio Galego de Saúde.

5. A planificación sanitaria, as actuacións en materia de saúde pública e saúde laboral e a intervención pública en materia de saúde.

6. A ordenación das prestacións e servicios sanitarios que configuran o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de Galicia.

7. A participación comunitaria nas actividades sanitarias.

8. A fixación dos dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios sanitarios en Galicia.

9. As infraccións e sancións.

10. A formación e a investigación sanitarias.


Artigo 3. Marco institucional.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia vixia-la evolución dos factores determinantes da saúde e da enfermidade e fixa-las medidas que aseguren, no conxunto das actuacións sectoriais da Administración autonómica, a adecuada atención que demandan a protección e o fomento da saúde dos cidadáns.

2. A Consellería de Sanidade promoverá a cooperación necesaria coas institucións responsables en materia de servicios sociais para que a atención ós problemas e necesidades sociais e as accións de prevención e asistencia sanitaria se complementen de forma adecuada. Igualmente, fomentará actuacións integrais sociais e sanitarias ante aqueles problemas de dependencia, cronicidade ou outros nos que a cooperación de ámbolos sistemas comporte vantaxes sociais e asistenciais.


Título IIEditar

Sistema sanitario de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 4. Definición.

O sistema sanitario de Galicia é o conxunto de tódolos recursos, funcións, actividades, actuacións, servicios e prestacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, no territorio de Galicia, que teñen por finalidade o coidado da saúde e a realización plena deste ben individual e colectivo mediante actuacións de promoción e protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e rehabilitación, todo iso nun marco integral.


Artigo 5. Dirección.

A dirección do sistema sanitario de Galicia é competencia da Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade, e ten como principais funcións de carácter estratéxico as seguintes:

1. As intervencións que supoñan exercicio de autoridade necesarias para garanti-la tutela xeral da saúde pública.

2. A ordenación das relacións coas persoas que gozan do dereito ás prestacións sanitarias de cobertura pública.

3. A fixación de obxectivos de mellora da saúde.

4. A delimitación do dispositivo de medios de titularidade pública ou adscritos ó sistema, segundo as necesidades de saúde da poboación.


Artigo 6. Principios.

Informan o sistema sanitario de Galicia os principios seguintes:

1. Orientación cara ós cidadáns e a participación social.

2. A súa concepción integral, que inclúe a promoción da saúde, a protección fronte a situacións e circunstancias que supoñen risco para a saúde e en particular a protección fronte a riscos ambientais, a prevención da enfermidade e a asistencia sanitaria, así como a rehabilitación.

3. Universalidade do dereito ós servicios e prestacións de cobertura pública, na forma e condicións previstas na lexislación vixente.

4. Promoción, con carácter xeral, da saúde dos traballadores.

5. Promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso ós servicios e prestacións sanitarios.

6. Calidade dos servicios, cunha énfase especial na calidade da atención clínica e da organización dos servicios e nunha atención personalizada e humanizada.

7. Cooperación intersectorial como elemento de cohesión das políticas de tódolos sectores con responsabilidades sobre a saúde.

8. Seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das actuacións, que deberán basearse na evidencia científica dispoñible e nos valores éticos, sociais e culturais.

9. Promoción do interese e corresponsabilidade individual, familiar e social pola saúde mediante unha axeitada educación e unha correcta información, sobre as formas de vida saudables, os recursos e os servicios existentes.

10. Promoción da investigación básica e clínica no ámbito das ciencias da saúde.

11. Respecto á intimidade dos cidadáns en relación con todo o seu proceso asistencial, así como á confidencialidade dos seus datos persoais de saúde.

12. Promoción da superación das desigualdades sociais en saúde.

13. Defensa da cultura da excelencia, da ética profesional, da ética do servicio público e do compromiso social.


Capítulo II

Ordenación territorial da sanidade

Artigo 7. Ordenación territorial.

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a sanidade estructúrase territorialmente en áreas sanitarias.

2. As áreas sanitarias constitúen a demarcación territorial equivalente ás áreas de saúde previstas no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

3. O ámbito xeográfico de cada unha das áreas sanitarias determinarase por decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade, en función das necesidades sanitarias da Comunidade Autónoma e tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

4. Correspóndelles ás áreas sanitarias a xestión unitaria dos recursos sanitarios públicos do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que estas desenvolvan.

5. Para os efectos previstos no apartado anterior, a totalidade dos dispositivos e recursos sanitarios de utilización pública de cada ámbito xeográfico estarán adscritos á área sanitaria correspondente.

6. En función das súas características xeográficas e socioeconómicas, así como das necesidades sanitarias e dos recursos sanitarios públicos existentes en cada ámbito xeográfico, as áreas sanitarias poderán organizarse á súa vez en dispositivos sanitarios ós que, dependendo destas, se lles encomende a xestión unitaria de hospitais ou complexos hospitalarios e/ou a xestión integral dos recursos asistenciais de atención primaria do ámbito correspondente.

7. A estructura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias e dos dispositivos sanitarios dependentes destas, se é o caso, determinaranse regulamentariamente.

8. As áreas sanitarias contarán cos órganos de participación comunitaria a que se refire o capítulo III do título VII desta lei.


Artigo 8. Distritos hospitalarios.

Os distritos hospitalarios son divisións funcionais das áreas sanitarias e constitúen o marco territorial para a prestación da atención especializada.

A delimitación dos distritos hospitalarios terá carácter funcional e realizaraa o Servicio Galego de Saúde, atendendo criterios de demarcación territorial que permitan o adecuado desenvolvemento das súas funcións.


Artigo 9. Zonas de atención primaria.

As zonas de atención primaria son divisións funcionais das áreas sanitarias e constitúen as unidades elementais onde se presta a atención primaria de saúde de acceso directo ós usuarios. Unha ou varias zonas de atención primaria poderán estar agrupadas ou interrelacionadas para a prestación de servicios de apoio, incluíndo a atención continuada.

A delimitación das zonas de atención primaria terá carácter funcional e efectuaraa o Servicio Galego de Saúde, conforme criterios funcionais de índole xeográfica, demográfica, epidemiolóxica e de accesibilidade, tendo en conta, en todo caso, as necesidades sanitarias da poboación.


Capítulo III

Actividade sanitaria privada

Artigo 10. Principios.

1. Dentro do sistema sanitario de Galicia e para a súa concepción integrada recoñécese a importancia da actividade sanitaria privada para o exercicio da universalidade dos dereitos á prestación dos servicios de saúde, a promoción e exercicio da equidade e o seu necesario equilibrio territorial na Comunidade Autónoma.

2. Para a cooperación da actividade sanitaria privada coa rede galega de atención sanitaria de utilidade pública, e sen prexuízo do disposto expresamente nesta lei, o Plan de saúde de Galicia ademais determinará as accións que durante a súa vixencia sexan susceptibles dunha acción conxunta.

3. Regulamentariamente, determinaranse os centros, servicios e establecementos sanitarios de titularidade privada que haberán de ser acreditados.


Capítulo IV

A rede galega de atención sanitaria de

utilización pública

Sección 1.ª

Concepto e caracterización

Artigo 11. Concepto.

A rede galega de atención sanitaria de utilización pública está configurada polo conxunto de recursos, actividades, servicios e prestacións, de natureza pública ou privada, financiados publicamente, que contribúen a facer efectivo o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con suxeición ós principios do sistema sanitario de Galicia.


Artigo 12. Funcións.

A rede galega de atención sanitaria de utilización pública desenvolve as funcións seguintes:

1. Promoción e protección da saúde, prevención da enfermidade e educación sanitaria, nos termos que fixe a autoridade sanitaria no seu ámbito de actuación.

2. Asistencia sanitaria, con criterios de efectividade, eficiencia, seguridade e calidade.

3. Participación nos sistemas de información sanitaria e de vixilancia epidemiolóxica.

4. Docencia, formación continuada e investigación no campo das ciencias da saúde.

5. Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas.


Artigo 13. Dirección.

A dirección da rede galega de atención sanitaria de utilización pública correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, á que lle compete promove-la equidade no acceso ás prestacións e servicios sanitarios e asegurar uns niveis de calidade homoxéneos en tódolos dispositivos da rede, todo iso sen prexuízo da responsabilidade das persoas físicas ou xurídicas que desempeñan a titularidade e a xestión dos recursos, actividades, servicios e prestacións que integran a rede.


Artigo 14. Centros e servicios.

1. A rede galega de atención sanitaria de utilización pública está composta por:

a) Os centros, servicios e establecementos sanitarios públicos do Servicio Galego de Saúde ou adscritos a este.

b) Os centros, servicios e establecementos sanitarios con personalidade xurídica propia adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade.

c) Os centros, servicios e establecementos sanitarios doutras administracións públicas galegas, nos termos previstos nos respectivos convenios ou acordos subscritos para o efecto.

d) Aqueloutros centros, servicios e establecementos sanitarios ós que o Servicio Galego de Saúde lles contrate a prestación de servicios de asistencia sanitaria de cobertura pública.

2. Tódolos centros, servicios e establecementos integrados na rede galega de atención sanitaria de utilización pública terán que ser acreditados, atendendo a súa tipoloxía, consonte as normas que se establezan para tal efecto por decreto do Consello da Xunta, co fin de asegurar uns niveis de calidade homoxéneos.

3. A inclusión na rede galega de atención sanitaria de utilización pública implica o sometemento dos centros, servicios e establecementos correspondentes ós plans, programas, directrices e criterios de actuación, así como á supervisión, inspección e control que estableza a Consellería de Sanidade, sen prexuízo da súa titularidade e xestión pública ou privada polas entidades e organismos que a desempeñen e da titularidade das relacións laborais do persoal que neles preste os seus servicios.


Sección 2.ª

Aseguramento

Artigo 15. Aseguramento.

O aseguramento único e público constitúe unha característica da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.


Sección 3.ª

Hospitais de utilización pública

Artigo 16. Concepto.

Os hospitais de utilización pública son o instrumento funcional da rede galega de atención sanitaria de utilización pública para conseguir unha ordenación óptima da atención especializada que permita o acceso e desfrute polos cidadáns dos servicios máis adecuados para o diagnóstico e tratamento dos procesos patolóxicos.


Artigo 17. Hospitais privados integrados na rede.

1. Integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública os centros e establecementos hospitalarios de entidades privadas, debidamente acreditados, que subscriban un contrato de servicios sanitarios a que se refire o artigo 40 desta lei co Servicio Galego de Saúde para a provisión de servicios de atención especializada de cobertura pública.

2. En cada contrato de servicios sanitarios que se subscriba quedará establecido que a atención sanitaria prestada polos hospitais privados ós titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente se imparte en condicións de gratuidade.

3. Son causas de denuncia do contrato de servicios sanitarios as seguintes:

a) Presta-la atención sanitaria que constitúe o seu obxecto transgredindo o principio de gratuidade.

b) Infrinxir con carácter grave a lexislación laboral, da Seguridade Social ou fiscal.

c) Lesiona-los dereitos establecidos nos artigos 16, 18, 20 e 22 da Constitución cando así se determine por sentencia.

d) Deixar de adopta-las medidas legais, de carácter técnico ou organizativo, en materia de protección e confidencialidade dos datos persoais de saúde dos pacientes, permitindo con iso a vulneración da súa intimidade.

e) Calquera outra que derive das obrigas establecidas nesta lei.

4. Os hospitais privados que se integren na rede galega de atención sanitaria de utilización pública estarán sometidos ás mesmas inspeccións e controis sanitarios, administrativos e económicos cós hospitais públicos, aplicándose criterios homoxéneos e previamente regulados.


Artigo 18. Incompatibilidades.

Non poderán ser incluídos na rede galega de atención sanitaria de utilización pública, nin ser obxecto de contrato de servicios sanitarios ou autorización de uso, os hospitais e establecementos do sector privado cando nalgún dos seus propietarios ou dos seus traballadores concorran as causas de incompatibilidade que establece a lexislación sobre incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.


Artigo 19. Utilización de centros e servicios que non pertencen á rede.

Con carácter excepcional, e por tempo limitado, o Servicio Galego de Saúde poderá autoriza-lo uso dos centros e servicios que non pertencen á rede galega de atención sanitaria de utilización pública co obxecto de atender necesidades asistenciais que non poidan ser satisfeitas cos recursos propios desta. A estes centros e servicios seralles de aplicación o establecido no artigo 14.3 desta lei, durante o tempo de vixencia da súa autorización de uso.


Título IIIEditar

Das competencias sanitarias das administracións

públicas de Galicia, das actuacións da Xunta

en relación coa Unión Europea e das relacións

de cooperación co Estado, con outras comunidades

autónomas e coas comunidades galegas no exterior

Capítulo I

Competencias da Administración autonómica


Artigo 20. Competencias do Consello da Xunta de Galicia.

Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia o exercicio das competencias seguintes:

1. O establecemento das directrices da política sanitaria e sociosanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O establecemento e a delimitación das áreas sanitarias a que se refire o artigo 7 desta lei.

3. A aprobación do Plan de saúde de Galicia.

4. A aprobación da estructura orgánica da Consellería de Sanidade.

5. A aprobación da estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

6. A aprobación do proxecto de orzamento do Servicio Galego de Saúde.

7. O nomeamento e cesamento dos altos cargos da Administración pública sanitaria da Xunta de Galicia.

8. Os acordos de creación de hospitais públicos en Galicia.

9. A autorización para a constitución ou participación da Xunta de Galicia ou do Servicio Galego de Saúde en entidades de nova creación ou xa existentes que actúen no ámbito sanitario ou sociosanitario.

10. A aprobación das normas de acreditación que deben cumpri-los centros, servicios e establecementos para os efectos da súa inclusión na rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

11. As restantes competencias que lle atribúe a normativa vixente.


Artigo 21. Competencias da Consellería de Sanidade.

Correspóndelle á Consellería de Sanidade o exercicio das competencias seguintes:

1. O desenvolvemento e a coordinación da política sanitaria e sociosanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A determinación dos criterios xerais da planificación sanitaria e sociosanitaria.

3. A elaboración do proxecto de Plan de saúde de Galicia e a súa remisión ó Consello da Xunta de Galicia.

4. A elaboración, o desenvolvemento e a avaliación dos programas de saúde pública.

5. O nomeamento e cesamento dos vocais do Consello Galego de Saúde.

6. A aprobación do regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Saúde.

7. O nomeamento e cesamento do persoal directivo da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde.

8. Formula-lo anteproxecto de orzamento do Servicio Galego de Saúde e das outras entidades con personalidade xurídica propia a el adscritas.

9. Aproba-los módulos económicos para a prestación de servicios propios, conveniados ou contratados do Servicio Galego de Saúde, así como a súa modificación.

10. Aproba-la Memoria anual do Servicio Galego de Saúde.

11. A aprobación da estructura da información sanitaria básica de Galicia.

12. A autorización para a creación, modificación, traslado e supresión ou peche de centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios.

13. O rexistro e catalogación dos centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios.

14. A confección dos estándares de calidade e a determinación dos criterios e dos mecanismos de acreditación dos centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios, e a súa remisión ó Consello da Xunta para a súa aprobación.

15. A determinación dos plans, programas, directrices e criterios de actuación a que deben someterse os centros, servicios e establecementos incluídos na rede galega de atención sanitaria de utilización pública, así como o exercicio da supervisión, inspección e control respecto destes.

16. Os rexistros e as autorizacións sanitarias obrigatorias de calquera tipo de instalacións, establecementos, servicios, actividades e productos directa ou indirectamente relacionados co uso ou consumo humanos.

17. A inspección sanitaria no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.

18. O exercicio da potestade disciplinaria en relación co persoal con destino na Consellería de Sanidade e no Servicio Galego de Saúde, con excepción da sanción de separación do servicio, e sen prexuízo das competencias que nesta materia ten atribuídas o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

De acordo coas prescricións do artigo 42.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, estes procedementos disciplinarios deberán resolverse no prazo máximo de seis meses, entendéndose caducados polo transcurso deste prazo sen que se dictase resolución expresa.

19. O exercicio da potestade sancionadora sobre os centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios, agás a imposición de sancións pecuniarias atribuídas ó Consello da Xunta consonte o establecido no artigo 148 desta lei.

20. A vixilancia e control da publicidade susceptible de repercutir positiva ou negativamente sobre a saúde das persoas.


21. A promoción, ordenación, coordinación e avaliación das actividades de formación e investigación en materia sanitaria.

22. As restantes competencias que lle atribúe a normativa vixente.


Artigo 22. Instrumentos de actuación.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Sanidade poderá:

a) Desenvolvelas directamente, ou a través de organismos autónomos, entes públicos de carácter institucional, consorcios públicos e outros organismos ou entidades de titularidade ou natureza pública dotados de personalidade xurídica propia, existentes ou que poidan crearse para tal efecto. No exercicio das devanditas funcións, os organismos ou entidades referenciados, que se adscribirán á Consellería de Sanidade, gozarán da reserva de nomes e dos beneficios, exencións e franquías de calquera natureza que a lexislación lles atribúa á Xunta de Galicia e ós entes encargados da xestión do sistema de Seguridade Social.

b) Delegar funcións no Servicio Galego de Saúde ou noutros organismos ou entidades adscritos á Consellería de Sanidade ou a este organismo.

c) Establecer encomendas de xestión, acordos, convenios ou contratos -calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade- con entidades públicas ou privadas.

d) Participar en calquera outra entidade pública ou privada, cando así conveña á xestión e execución das competencias asignadas.

2. Correspóndelle ó Consello da Xunta autoriza-la constitución ou participación da Comunidade Autónoma nos organismos e entidades de nova creación ou xa existentes a que se refire o apartado anterior.


Capítulo II

Competencias da Administración local

Artigo 23. Marco legal.

As entidades locais participarán no sistema sanitario de Galicia nos termos previstos nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan, na Lei xeral de sanidade e na demais lexislación específica.


Artigo 24. Competencias.

1. As entidades locais exercerán as competencias que en materia sanitaria lles atribúe a lexislación de réxime local e as restantes que lles confire o ordenamento xurídico. Consonte iso, as corporacións locais participarán nos órganos de dirección das áreas sanitarias nos termos establecidos nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. Os concellos, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas, terán en relación co obrigado cumprimento das normas e plans sanitarios as seguintes obrigacións derivadas das súas competencias:

a) Presta-los servicios mínimos obrigatorios determinados na lexislación de réxime local no referente ós servicios de saúde e ós regulados nesta lei.

b) Control sanitario do medio natural e, en especial, a contaminación atmosférica, ruídos e vibracións, abastecemento e saneamento de augas, residuos urbanos e industriais.

c) Control sanitario de industrias, actividades, servicios e transportes.

d) Control sanitario de edificios e lugares de vivenda e convivencia humana, especialmente dos centros de alimentación, perruquerías, saunas e centros de hixiene persoal, hoteis e centros residenciais, escolas, campamentos turísticos e áreas de actividade física, deportiva e de recreo.

e) Control sanitario da distribución e subministración de alimentos, bebidas e demais productos relacionados co uso ou consumo humano, así como dos medios para o seu transporte.

f) Control sanitario dos cemiterios e policía sanitaria mortuoria.

g) Desenvolvemento de programas de promoción da saúde, educación sanitaria e protección de grupos sociais con riscos específicos que se prevexan nos plans de saúde.

3. Ademais, os concellos poderán realizar actividades complementarias das que sexan propias doutras administracións públicas nas materias obxecto desta lei, nos termos establecidos na lexislación reguladora do réxime local.

4. Igualmente, os concellos poderán presta-los servicios relacionados coas materias obxecto desta lei que deriven das competencias que neles delegue a Xunta de Galicia ó abeiro da lexislación de réxime local e por aplicación do Plan de acción local de Galicia.

5. Para o desenvolvemento das funcións relacionadas nos apartados anteriores, os concellos solicitarán o apoio técnico do persoal e medios das áreas sanitarias en que se encontren comprendidos. O persoal sanitario da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde que presta apoio ós municipios terá, para estes efectos, a consideración de persoal ó servicio destes, coas súas obrigadas consecuencias en canto ó réxime de recursos e responsabilidades persoais e patrimoniais.

6. A elaboración e desenvolvemento da normativa municipal nas materias obxecto desta lei incluirá o seu coñecemento previo por parte da Consellería de Sanidade, a prol da efectiva coordinación e da eficacia administrativa.

7. Os plans sanitarios xerais de Galicia poñeranse en coñecemento das entidades locais de Galicia, a través das súas organizacións representativas. Os


plans especiais remitiránselles ós municipios ós que afecten os devanditos plans.


Artigo 25. Participación.

1. Os concellos participarán nos órganos do sistema sanitario de Galicia nos termos establecidos nesta lei.

2. En materia de participación e xestión sanitaria, os concellos:

a) Estarán representados nos órganos de dirección das áreas sanitarias na forma que regulamentariamente se determine.

b) Poderán colaborar, nos termos en que se acorde en cada caso, na construcción, remodelación e equipamento de centros e servicios sanitarios ou sociosanitarios, así como na súa conservación e mantemento. En ningún caso a falta de colaboración dos municipios poderá implicar desequilibrios territoriais ou desigualdade na dotación e acceso ós servicios sanitarios e sociosanitarios.

c) Poderán establecer coa Administración sanitaria autonómica convenios para o mellor cumprimento dos fins desta lei.


Artigo 26. Delegación de competencias nas entidades locais.

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, as entidades locais poderán asumir competencias delegadas pola Consellería de Sanidade, sempre que acrediten poder executar plenamente as funcións que en materia de saúde lles asigne como competencia propia a lexislación vixente e obteñan a pertinente acreditación para a delegación de tales competencias na forma que regulamentariamente se determine.


Artigo 27. Condicións para a delegación de competencias.

As competencias ás que se refire o artigo anterior só poderán ser delegadas, de acordo cos principios de autonomía municipal e responsabilidade financeira, cando as entidades locais asuman os resultados económicos da súa xestión.


Capítulo III

Da Unión Europea

Artigo 28. Das actuacións da Xunta en relación coa Unión Europea.

1. Nas materias obxecto desta lei, correspóndelle á Xunta de Galicia a transposición, o desenvolvemento e a execución da normativa comunitaria naqueles ámbitos que sexan propios da súa competencia ó abeiro do previsto na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia.

2. A Xunta de Galicia participará de modo efectivo no proceso de formación da vontade do Estado español no tocante á adopción de decisións e á emisión de actos normativos polos órganos da Comunidade Europea que afecten as materias obxecto desta lei, nos termos previstos nas leis e nos convenios que se establezan coa Administración do Estado.


Capítulo IV

Das relacións de cooperación coa Administración

do Estado, con outras comunidades autónomas e

coas comunidades galegas no exterior en materia

sanitaria


Artigo 29. Das relacións de cooperación coa Administración do Estado.

1. Nas materias obxecto desta lei, a Xunta de Galicia participará de modo efectivo no exercicio das competencias que de acordo co bloque da constitucionalidade corresponden ó Estado, nos termos que establecen as leis e os convenios que se subscriban con este, e, en particular, polo que se refire ó establecemento das bases, a coordinación xeral da sanidade e a alta inspección, todo iso sen prexuízo do previsto no apartado 4 deste artigo.

2. En defecto de leis estatais que garantan a efectiva participación a que se refire o apartado anterior, ou co obxecto de completa-las previsións que ó respecto se conteñen nelas, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia promoverá coa indicada finalidade a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e disposicións concordantes.

3. Igualmente, en defecto de leis estatais que así o establezan, a Xunta de Galicia promoverá a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado, así como a adopción de cantas medidas sexan precisas para facer efectiva a participación daquela nos órganos de goberno dos organismos e entidades dependentes da Administración xeral do Estado, calquera que sexa a súa natureza xurídica, que desenvolvan a súa actividade nas materias obxecto desta lei.

4. Por razóns de eficacia, a Xunta de Galicia promoverá a formalización dos oportunos convenios coa Administración xeral do Estado co fin de encomendarlles ós órganos da Comunidade, ou ós organismos ou entidades dela dependentes, no ámbito territorial de Galicia, a prestación dos servicios e o desempeño das competencias executivas e de inspección e control que en materia sanitaria lle corresponden ó Estado de acordo co bloque da constitucionalidade, todo iso sen prexuízo da súa eventual transferencia ou delegación a esta Comunidade, se é o caso.

5. A Xunta de Galicia poderá acorda-la realización de plans e programas conxuntos de actuación coa Administración xeral do Estado para o logro de obxectivos comúns nas materias obxecto desta lei, consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e disposicións concordantes.


Artigo 30. Das relacións de cooperación con outras comunidades autónomas.

1. A Xunta de Galicia poderá establecer relacións de cooperación con outras comunidades autónomas para a consecución de obxectivos comúns nas materias obxecto desta lei mediante calquera das fórmulas admitidas en dereito e, se é o caso, mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración e acordos de cooperación, que se tramitarán consonte o establecido nos artigos 145.2 da Constitución, 35 do Estatuto de autonomía de Galicia e 4.8 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

2. Ademais, poderá acorda-la realización de plans e programas conxuntos de actuación con outras comunidades autónomas para o logro de obxectivos de interese común, en especial de carácter territorial en relación coa protección da saúde e a provisión dos servicios sanitarios e sociosanitarios en áreas limítrofes e de carácter sectorial en relación coa atención de determinadas patoloxías ou ámbitos da asistencia en concreto e/ou colectivos necesitados de especial protección.


Artigo 31. Das relacións coas comunidades galegas no exterior.

1. A Xunta de Galicia poderá asinar acordos de colaboración e cooperación coas comunidades galegas asentadas no exterior no marco previsto no artigo 7 do Estatuto de autonomía.

2. Os convenios e acordos de colaboración e cooperación poderán consistir na adopción de fórmulas de xestión directa ou indirecta dos centros asistenciais pertencentes ás comunidades galegas e no recoñecemento, de acordo co principio de reciprocidade, á prestación de asistencia sanitaria ós seus membros en desprazamentos temporais á Comunidade Autónoma.


Título IVEditar

Servicio Galego de Saúde

Capítulo I

Principios xerais

Artigo 32. Natureza.

1. Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, configúrase o Servicio Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Servicio Galego de Saúde está adscrito á Consellería de Sanidade, que exercerá sobre el as facultades de dirección, vixilancia e tutela, e en particular o exercicio das potestades regulamentarias e de organización que lle atribúen esta lei e as restantes disposicións que sexan de aplicación.

3. O Servicio Galego de Saúde rexerase polo establecido nesta lei e nas normas dictadas no seu desenvolvemento e polas restantes disposicións que lle sexan de aplicación. En materia de contratación, o servicio réxese polo recollido na lexislación sobre contratos das administracións públicas. A contratación de servicios sanitarios rexerase polas súas normas específicas.

4. O Servicio Galego de Saúde, e a totalidade de entidades adscritas a el, gozan da reserva de nomes e dos beneficios, exencións e franquías de calquera clase e natureza que as leis lles atribúen á Xunta de Galicia e ás entidades públicas encargadas da xestión da Seguridade Social.


Artigo 33. Centros e servicios.

Integran o Servicio Galego de Saúde os centros, servicios e establecementos sanitarios creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban.


Artigo 34. Fins.

1. Son fins do Servicio Galego de Saúde:

a) A adecuada asignación dos recursos económicos afectos ó financiamento das prestacións e servicios de asistencia sanitaria e rehabilitación no ámbito da Comunidade Autónoma, tendo en conta as características socioeconómicas, sanitarias e poboacionais de Galicia.

b) A coordinación da rede galega de atención sanitaria de utilización pública para a optimización de tódolos dispositivos asistenciais integrados nela, baixo as directrices da Consellería de Sanidade.

c) A provisión dos servicios e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A promoción da humanización en tódolos centros, servicios e establecementos asistenciais da rede galega de atención sanitaria de utilización pública, mantendo o máximo respecto á dignidade da persoa e á liberdade individual e asegurando a preservación da intimidade dos cidadáns en todo o seu proceso asistencial, así como a protección da confidencialidade dos seus datos de saúde persoais.

e) A introducción de novas técnicas e procedementos diagnósticos e terapéuticos, logo da súa avaliación en termos de eficacia, seguridade, custo e impacto desde o punto de vista bioético, así como a promoción da calidade e a modernización dos servicios asistenciais de cobertura pública.


f) O estímulo da docencia e a investigación en ciencias da saúde no ámbito dos centros, servicios e establecementos sanitarios asistenciais da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.


Artigo 35. Funcións.

1. Para a consecución dos seus fins, o Servicio Galego de Saúde desenvolve, baixo a supervisión e control da Consellería de Sanidade, as funcións seguintes:

a) A distribución dos recursos económicos afectos ó financiamento dos servicios e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública, mediante a compra da actividade asistencial ós centros, servicios e establecementos da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

b) A prestación directa de asistencia sanitaria nos seus propios centros, servicios e establecementos ou adscritos ó servicio, e indirecta a través doutros centros, servicios e establecementos da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

c) O goberno, a dirección e a xestión dos centros, servicios e establecementos sanitarios propios ou adscritos ó Servicio Galego de Saúde, ós que se aplicarán idénticos requisitos para os efectos da compra de servicios de asistencia sanitaria que ós restantes dispositivos da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

d) A coordinación e a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados ó servicio para o cumprimento dos seus fins.

e) O establecemento, a xestión e a actualización dos acordos, convenios e contratos -calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade- con terceiras entidades titulares de centros, servicios e establecementos sanitarios.

f) A execución e o desenvolvemento de programas de docencia e investigación.

g) Aqueloutras que lle delegue ou encomende a Consellería de Sanidade.

2. Para o exercicio das funcións a que se refire o apartado anterior, o Servicio Galego de Saúde poderá:

a) Desenvolve-las referidas funcións directamente ou a través de organismos autónomos, entes públicos de carácter institucional, consorcios públicos e outros organismos ou entidades de titularidade ou natureza pública dotados de personalidade xurídica propia, existentes ou que poidan crearse para tal efecto, que se adscribirán ó Servicio Galego de Saúde.

b) Establecer encomendas de xestión, acordos, convenios, contratos -calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade- ou fórmulas de xestión integrada ou compartida con entidades públicas ou privadas.

c) Participar en calquera outra entidade pública ou privada, cando así conveña á xestión e execución das funcións asignadas.

3. Correspóndelle ó Consello da Xunta autoriza-la constitución ou participación do Servicio Galego de Saúde nos organismos e entidades de nova creación ou xa existentes a que se refire o apartado anterior.


Artigo 36. Actuacións.

Para o desempeño das súas funcións, o Servicio Galego de Saúde desenvolve as actuacións seguintes:

1. A aplicación das políticas e directrices contidas no Plan de saúde e que definen as necesidades asistenciais.

2. O desenvolvemento de plans estratéxicos e operativos nas materias competencia do servicio, baixo a supervisión da Consellería de Sanidade.

3. A aprobación da carteira de servicios que presta cada un dos centros, servicios e establecementos sanitarios asistenciais da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

4. A xestión da carteira de servicios a que se refire o epígrafe anterior.

5. O desenvolvemento dunha política de persoal e de recursos económicos para a execución adecuada das funcións asignadas e o cumprimento dos seus fins.

6. O desenvolvemento e a xestión de sistemas de información.

7. A avaliación de novas tecnoloxías.

8. O desenvolvemento de programas de calidade e mellora da práctica clínica.

9. O desenvolvemento de programas de formación e investigación.

10. Calquera outra actuación que conduza ó exercicio das súas funcións e ó cumprimento dos seus fins.


Capítulo II

Organización

Artigo 37. Estructura orgánica.

1. Os órganos centrais de dirección do Servicio Galego de Saúde son os seguintes:

A) Órganos colexiados:

O Consello de Dirección.

B) Órganos unipersoais:

a) O presidente.

b) O secretario xeral.

c) Os directores de división.

C) A presidencia exerceraa o conselleiro de Sanidade.

2. Son órganos periféricos de dirección do Servicio Galego de Saúde:

a) Os directores das áreas sanitarias.

b) Os xerentes dos dispositivos ós que se refire o artigo 7.6 desta lei.

3. A estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, tanto no seu nivel central coma periférico, determinarase regulamentariamente, consonte as necesidades asistenciais dos cidadáns en cada territorio. En todo caso, deberá terse en conta a ordenación territorial do sistema sanitario galego vixente en cada momento.


Capítulo III

As funcións de compra e provisión de

servicios sanitarios

Artigo 38. A separación de funcións.

O Servicio Galego de Saúde, para o mellor exercicio das súas funcións directivas, desenvolve dúas actividades diferenciadas: a compra de servicios sanitarios e a provisión de servicios sanitarios. A estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde ha de garanti-la devandita separación de funcións de modo efectivo.


Sección 1.ª

Da compra de servicios sanitarios

Artigo 39. A compra de servicios sanitarios.

1. Enténdese por función de compra a determinación cuantitativa e cualitativa dos servicios sanitarios requiridos para satisface-las necesidades de atención sanitaria de toda a poboación, de conformidade coas directrices e prioridades do Plan de saúde de Galicia, e a súa ulterior contratación para asegura-lo efectivo exercicio do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiados publicamente.

2. O Servicio Galego de Saúde é o organismo responsable de desenvolve-la función de compra de servicios sanitarios, co fin de logra-lo compromiso dos provedores de servicios e dos profesionais sanitarios nos obxectivos de protexer, manter e mellora-lo nivel de saúde dos cidadáns. A dita función terá en conta, con carácter previo, a utilización óptima dos recursos sanitarios propios.

3. O desenvolvemento da función de compra realizarase de forma planificada incorporando nunha primeira fase información relevante sobre as necesidades de atención sanitaria da poboación protexida e a demanda previa de servicios. Establecidas as prioridades e analizada a oferta dos provedores públicos e privados pertencentes a rede galega de atención sanitaria de utilización pública, determinaranse para cada dispositivo asistencial o contido, o alcance, a modalidade e o nivel óptimo de calidade con que han de prestarse os servicios sanitarios, así como a súa forma de compensación económica.

4. A planificación da compra de servicios sanitarios promoverá a coordinación e a integración de tódolos recursos asistenciais e establecerá os criterios que determinen o grao de especialización dos centros, servicios e establecementos para os efectos de garantir unha capacidade instalada en relación coas necesidades de saúde e un nivel de atención adecuado á complexidade das patoloxías existentes. Por outra parte, determinará os criterios de seguimento e a avaliación dos obxectivos de xestión, así como a evolución dos resultados en saúde.

5. A compra de servicios sanitarios desenvolverase baixo o principio de equidade e asegurará que os cidadáns reciben unha atención sanitaria continuada, eficiente, segura, cun nivel óptimo de calidade e co grao de información adecuada para poderen expresa-las súas preferencias.

6. A compra de servicios sanitarios polo Servicio Galego de Saúde establecerase tendo en conta a información actualizada por un sistema de base poboacional.

7. A función de compra instrumentalízase a través dun contrato de servicios sanitarios entre o comprador e o provedor de servicios financiados publicamente.


Artigo 40. O contrato de servicios sanitarios.

1. Para os efectos desta lei, o contrato de servicios sanitarios é o instrumento mediante o cal se ordenan as relacións entre o Servicio Galego de Saúde e os centros, servicios e establecementos da rede de atención sanitaria de utilización pública para a consecución dos obxectivos sanitarios públicos.

2. O contrato de servicios sanitarios revestirá se é o caso a forma de protocolos internos de actividade-financiamento, contratos, calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade, convenios, acordos ou outros instrumentos de colaboración entre o Servicio Galego de Saúde e os provedores públicos ou privados, xa sexan hospitais, establecementos de atención primaria e calquera outro da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

3. O Servicio Galego de Saúde garante a calidade dos servicios sanitarios prestados polos provedores a través da acreditación estructural dos centros. Para estes efectos, constitúen requirimentos esenciais que o provedor incorpore a evidencia científica á toma de decisións sobre os coidados prestados, que estableza estándares de boa práctica clínica, que elabore protocolos segundo as guías de práctica clínica aprobadas e que monitorice a atención que lles presta ós cidadáns.

4. A obtención da acreditación correspondente é un requisito inescusable para a subscrición dun contrato de servicios hospitalarios e para a inclusión do centro ou establecemento correspondente na rede galega de atención sanitaria de utilización pública.


Artigo 41. Mínimos do contrato de servicios sanitarios.

Nos contratos de servicios sanitarios ós que se refire o artigo anterior concretaranse os seguintes mínimos:

1. Cobertura poboacional do contrato, no caso de centros sectorizados.

2. Carteira básica de servicios e especialidades médicas e cirúrxicas, establecemento de obxectivos asistenciais, cálculo do volume de actividade, condicións de espera para o acceso ós servicios sanitarios e previsión das continxencias sanitarias obxecto de cobertura.

3. Determinación dos requisitos de calidade que deberán cumpri-los servicios sanitarios.

4. Cálculo sobre a cobertura orzamentaria da actividade consignada con cargo ós créditos orzamentarios e forma de compensación económica.

5. Procedementos de control e avaliación do cumprimento de obxectivos asistenciais.


Sección 2.ª

Da provisión de servicios sanitarios

Artigo 42. A provisión de asistencia sanitaria.

Por función de provisión enténdese o goberno, dirección e xestión dos centros, servicios e establecementos propios e adscritos ó Servicio Galego de Saúde.


Sección 3.ª

Organización e xestión

Artigo 43. Instrumentos de organización e xestión.

1. A modernización do sistema require da introducción de modelos de xestión que dinamicen o servicio público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, co fin de obte-la maior rendibilidade social.

2. Introduciranse fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais e adoptaranse as medidas que fomenten a coordinación, a colaboración e a cooperación de tódolos provedores públicos e privados que configuran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública.


Artigo 44. As áreas de servicio compartido.

1. Potenciarase a capacidade das unidades de alta especialización dependentes de entidades dotadas de personalidade xurídica propia nos hospitais públicos, a prol de logra-lo maior beneficio posible para os pacientes subsidiarios da súa atención, mediante modelos organizativos que configuren áreas de servicio compartido, que actuarán integradas funcionalmente no centro hospitalario público e suxeitas ós criterios de planificación que a Consellería de Sanidade determine.

2. O Servicio Galego de Saúde aproveitará a vantaxe competitiva derivada do traballo simultáneo de varias organizacións, reforzando o cumprimento de obxectivos do Plan de saúde e potenciando aspectos que inflúen decisivamente na calidade da atención médica, como son a investigación e a formación especializada posgraduada.

3. No ámbito asistencial, a implantación deste novo modelo estructurado, flexible e adaptado ó marco particular de cada centro habilitará a toma de decisións executivas para responder ás necesidades do paciente, dentro dun marco de garantía e transparencia, que procure a integración de tódolos recursos asistenciais, co fin de prestar unha atención global, continuada e eficiente.


Artigo 45. A xestión clínica.

1. Os centros asistenciais do Servicio Galego de Saúde poderán constituír áreas de xestión clínica, integradas por unidades ou servicios, coa finalidade de abordaxe diagnóstica, terapéutica ou rehabilitadora de patoloxías afíns, ou que afecten a un sistema orgánico ou a áreas clínicas semellantes. Esta organización non terá personalidade xurídica propia.

2. O obxectivo fundamental destas áreas clínicas é establecer fórmulas organizativas dinámicas e flexibles que, tendo como centro de atención ó paciente, se orienten a lograr melloras organizativas e clínicas que se plasmen en melloras de calidade da atención, así como da eficiencia no funcionamento dos centros e da efectividade das prestacións.

3. Esta organización poderá non estar vinculada a un centro necesariamente, senón agrupar unidades ou servicios de diferentes centros ou establecementos.

4. Esta organización tenderá a supera-la compartimentación existente, especialmente nos hospitais, froito da progresiva especialización e da fragmentación do traballo, facendo compatible este cunha atención horizontal das necesidades asistenciais dos pacientes e facilitando unha maior autonomía de xestión dos centros e establecementos sanitarios.

5. O Servicio Galego de Saúde establecerá os criterios metodolóxicos para a súa posta en marcha así como os requisitos para a súa constitución.


Capítulo IV

Medios materiais e réxime patrimonial

Artigo 46. Medios materiais.

O Servicio Galego de Saúde contará cos medios materiais precisos para o cumprimento dos fins que esta lei lle atribúe.


Artigo 47. Patrimonio.

1. Constitúen o patrimonio propio do Servicio Galego de Saúde tódolos bens e dereitos que lle pertenzan á entrada en vigor desta lei ou que adquira ou reciba no futuro por calquera título.

2. Constitúen o patrimonio adscrito ó Servicio Galego de Saúde:

a) Os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma afectos a servicios de asistencia sanitaria que teña adscritos ou que se lle adscriban.

b) Os bens e dereitos de toda índole afectos ós servicios de asistencia sanitaria do sistema de Seguridade Social transferidos á Xunta de Galicia, con pleno respecto ó previsto na disposición adicional sétima da Lei xeral de sanidade.

c) Os bens e dereitos das entidades locais que se lle adscriban.


Artigo 48. Réxime xurídico do patrimonio.

O réxime xurídico do patrimonio do Servicio Galego de Saúde rexerase polo establecido nesta lei e, no seu defecto, polo disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e deberá axustarse ós seguintes principios:

1. O Servicio Galego de Saúde ten plena capacidade para adquirir e posuír bens e dereitos polos medios establecidos no ordenamento xurídico, así como para exerce-las accións e os recursos que procedan para a defensa e tutela do seu patrimonio.

2. Son bens de dominio público do Servicio Galego de Saúde os afectos á prestación directa de servicios públicos propios do organismo e os inmobles da súa propiedade en que se aloxen as súas unidades e entidades dependentes da súa administración, e como tal gozan dos beneficios tributarios que lles sexan aplicables.

3. Aplicarase o réxime xurídico demanial ós dereitos reais do Servicio Galego de Saúde no que concorran as circunstancias descritas no epígrafe anterior.

4. A declaración de utilidade pública enténdese implícita en toda expropiación relativa a obras e servicios que sexan competencia do Servicio Galego de Saúde para o cumprimento das funcións e a consecución dos fins fixados pola lei.


Artigo 49. Tráfico xurídico do patrimonio.

1. O Servicio Galego de Saúde poderá adquirir por si mesmo bens inmobles e dereitos a título gratuíto logo da autorización do Consello da Xunta. As adquisicións gratuítas de bens mobles poderá facelas directamente sen necesidade de autorización previa, deixando constancia no expediente da conveniencia da adquisición.

2. O Servicio Galego de Saúde poderá arrendar directamente os inmobles que sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións debendo publica-lo anuncio e a adxudicación no Diario Oficial de Galicia. Nembargantes, exceptuarase a publicación do anuncio naqueles casos nos que se acredite que baseándose nas peculiaridades do ben deba arrendarse un inmoble determinado.

3. O Servicio Galego de Saúde poderá dispoñer dos bens e dereitos que lle pertenzan en propiedade e que non sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

4. Poderán cederse os bens mobles propiedade do organismo a terceiros no marco de relacións de colaboración e para fins de interese sanitario. Tamén poderán cederse con fins benéficos bens mobles dos que non se prevexa a súa utilización.


Artigo 50. Inventario.

O Servicio Galego de Saúde levará un inventario dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio para os efectos de coñecer en todo momento a súa natureza e cualificación, así como a súa situación, uso e destino.


Capítulo V

Réxime financeiro, orzamentario e contable

Artigo 51. Réxime financiero.

O Servicio Galego de Saúde financiarase cos recursos que lle sexan asignados con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, entre os que poderán figura-los seguintes:

a) Os destinados pola Comunidade Autónoma ó financiamento dos servicios sanitarios da Seguridade Social pola aplicación do establecido na Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

b) A parte que, por razón das funcións conferidas, lle poida corresponder pola participación da Xunta de Galicia nos recursos destinados a financia-la xestión dos servicios sanitarios.

c) As achegas que deban realiza-las entidades locais con cargo ós seus orzamentos, se é o caso.

d) Os productos e rendas de toda índole procedentes dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio, propio ou adscrito.

e) Os ingresos ordinarios e extraordinarios que legalmente ou convencionalmente estea autorizado a percibir e, en particular, os ingresos procedentes da prestación de servicios sanitarios cando existan terceiros obrigados ó pagamento e os procedentes de acordos con entidades aseguradoras de asistencia sanitaria ou con outras comunidades autónomas.

f) As subvencións, doazóns e calquera outra achega voluntaria de entidades e particulares.

g) Calquera outro recurso que poida serlle atribuído ou asignado.


Artigo 52. Orzamento.

O orzamento do Servicio Galego de Saúde debe orientarse de acordo coas previsións contidas no Plan de saúde de Galicia, e debe incluírse nos orzamentos da Xunta de forma diferenciada.


Artigo 53. Contabilidade.

1. O Servicio Galego de Saúde estará sometido ó réxime de contabilidade pública nos termos que se establecen no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e disposicións concordantes.

2. Na elaboración do Plan de contabilidade pública do Servicio Galego de Saúde prestarase especial atención á contabilidade analítica de modo que, sen prexuízo da información da contabilidade xeral, poida contribuírse ó establecemento de indicadores que faciliten a implantación da dirección por obxectivos e o control de resultados no ámbito do organismo e dos seus centros, servicios e establecementos.


Artigo 54. Réxime de control.

1. A Intervención Xeral da Xunta de Galicia exercerá as súas funcións no ámbito do Servicio Galego de Saúde, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e demais disposicións que resulten de aplicación.

2. O Consello da Xunta, por petición do conselleiro competente en materia de economía e facenda e por iniciativa da Intervención Xeral da Xunta de Galicia, poderá acordar de forma motivada que a función interventora no ámbito do Servicio Galego de Saúde e das súas institucións, centros e servicios sexa substituída polo control financeiro de carácter permanente.


Capítulo VI

Recursos humanos

Artigo 55. Principios xerais en materia de persoal.

1. A actividade de tódolos profesionais e do persoal do Servicio Galego de Saúde, con independencia da súa relación de emprego e categoría, estará orientada ó aseguramento e mellora da calidade na atención sanitaria a tódolos cidadáns.

2. O modelo de relacións profesionais do contorno sanitario público galego orientarase á modernización na prestación dos servicios, ó compromiso dos profesionais cos obxectivos do Servicio Galego de Saúde, á motivación e desenvolvemento profesional e ó incremento de oportunidades do persoal.

3. A ordenación dos recursos humanos do sector público sanitario de Galicia realizarase de forma planificada, ponderando tanto a estructura de profesionais que se coide necesaria para cumpri-los obxectivos encomendados ós dispositivos sanitarios públicos en todo o territorio galego coma as medidas necesarias para consegui-la devandita estructura, en especial en materia de mobilidade xeográfica e funcional, adecuación de cadros, formación continuada e reclasificación de persoal.

4. A Administración sanitaria da Xunta de Galicia promoverá as medidas necesarias para a integración progresiva de todo o persoal que presta servicios no Servicio Galego de Saúde nun réxime xurídico común.

5. Promoverase a participación dos traballadores na determinación das súas condicións de traballo, a través dos órganos lexitimados de representación e negociación colectiva.


Artigo 56. Ámbito e réxime xurídico.

1. O Servicio Galego de Saúde está integrado polo persoal funcionario, estatutario e laboral da Administración da Xunta de Galicia que presta os seus servicios neste organismo.

2. A clasificación e réxime xurídico do persoal do Servicio Galego de Saúde rexerase polas disposicións que respectivamente lle sexan de aplicación, atendendo a súa procedencia e as características da súa relación de emprego.

3. O réxime xurídico estatutario será, con carácter xeral, o aplicable ó persoal que preste os seus servicios nos centros e servicios asistenciais do Servicio Galego de Saúde. A Administración sanitaria da Xunta de Galicia poderá establece-los procedementos que habiliten a progresiva homologación e integración do persoal funcionario e laboral no réxime estatutario.


Artigo 57. Provisión de persoal no Servicio Galego de Saúde.

1. A provisión de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde rexerase polos seguintes principios básicos:

a) Igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

b) Planificación das necesidades dos recursos.

c) Programación periódica das convocatorias.

d) Integración no réxime organizativo e funcional das institucións, centros e servicios.

e) Libre circulación de persoal nas institucións, centros e servicios do Servicio Galego de Saúde, así como no ámbito do sistema nacional de saúde.

2. A provisión de persoal no Servicio Galego de Saúde realizarase polos sistemas de selección, de promoción interna, de mobilidade e demais previstos na normativa estatutaria de aplicación e disposicións de desenvolvemento daquela que se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os procedementos de selección do persoal estatutario fixo serán o concurso-oposición, o concurso e a oposición, de conformidade co disposto nas normas de xeral aplicación na selección de persoal estatutario do sistema nacional de saúde e demais de aplicación ó persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde. A Administración sanitaria da Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que as convocatorias de selección se efectúen de forma periódica, preferentemente con frecuencia bianual, a través de convocatoria pública e mediante procedementos que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso.

4. Os procesos de selección temporal efectuaranse polos procedementos que permitan a máxima axilidade na selección baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso, que serán establecidos logo da negociación no seo da Mesa Sectorial de Sanidade.

5. A provisión de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde poderá realizarse mediante promoción interna, ben a través dos sistemas de selección establecidos na normativa de aplicación ou ben a través de convocatorias específicas, se así o aconsellan razóns de planificación ou de eficacia na xestión. En todo caso, os procedementos de provisión de persoal estatutario por promoción interna realizaranse a través de convocatoria pública e con respecto ós principios de igualdade, mérito e capacidade.

6. A provisión de postos de traballo nos distintos ámbitos do Servicio Galego de Saúde realizarase de forma periódica mediante procedementos de mobilidade voluntaria do persoal, a través de convocatorias públicas que garantan os principios de igualdade, mérito e capacidade e de conformidade co previsto na normativa estatutaria de aplicación e disposicións de desenvolvemento daquela que se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Determinaranse regulamentariamente os supostos e as condicións de provisión mediante o reingreso provisional desde a situación de excedencia.

8. Determinarase regulamentariamente a tipoloxía de postos de xefatura ou coordinación, tanto sanitaria coma non-sanitaria, que poderán ser provistos mediante libre designación logo da convocatoria pública, así como os que se proverán mediante concurso de méritos.


Artigo 58. Ámbito da prestación de servicios.

1. Os procesos de selección, mobilidade e promoción interna que se convoquen abarcarán como mínimo, con carácter xeral, o ámbito de cobertura territorial dunha área sanitaria. Os profesionais así seleccionados serán nomeados co citado ámbito de área sanitaria, sen prexuízo da incorporación nun centro, institución ou localidade en concreto.

2. Excepcionalmente, na forma que regulamentariamente se determine, o persoal dos centros, servicios e establecementos sanitarios do Servicio Galego de Saúde poderá ser cambiado de posto, localidade ou centro, dentro da mesma área sanitaria, sempre que iso veña motivado por necesidades imperativas da organización sanitaria, respectando as súas condicións laborais e económicas, logo do informe dos órganos de representación do persoal.


Artigo 59. Carreira profesional.

1. Estableceranse sistemas de carreira e promoción profesional que permitan o recoñecemento e desenvolvemento profesional do persoal en atención ós seus coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación das súas competencias e calidades persoais ós obxectivos do Servicio Galego de Saúde, ponderando tanto as necesidades asistenciais concorrentes coma as características organizativas do organismo.

2. Enténdese por carreira profesional o dereito a progresar, de forma individualizada, a niveis superiores, previamente definidos dentro de cada clase ou categoría funcional, como recoñecemento ó desenvolvemento profesional en coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación da actitude, capacidade e calidades persoais ós obxectivos do Servicio Galego de Saúde.


Artigo 60. Cadro de persoal.

1. O instrumento técnico de ordenación do persoal do Servicio Galego de Saúde é o cadro de persoal, recollido no anexo de persoal das correspondentes leis de orzamentos da Comunidade Autónoma. A totalidade dos postos de traballo de carácter estructural do Servicio Galego de Saúde, con independencia do seu réxime xurídico ou retributivo, estarán consignadas nel, desagregadas no eido da categoría profesional.

2. O cadro de persoal do Servicio Galego de Saúde constitúe a expresión cifrada, contable e sistemática dos efectivos que, como máximo, poden prestar servicios con carácter estructural tanto na súa organización central e periférica coma nas institucións, centros e servicios sanitarios dependentes deste organismo, con suxeición ás dotacións económicas consignadas nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e sen prexuízo das contratacións ou nomeamentos de carácter temporal para o mantemento da continuidade dos servicios ou para atender necesidades de carácter non-permanente que poida realiza-lo organismo con cargo ós créditos existentes para esta finalidade.

3. Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a xestión e a modificación dos cadros de persoal coas limitacións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.


Artigo 61. Sistema retributivo.

1. O persoal do Servicio Galego de Saúde percibirá as súas retribucións de acordo co réxime xurídico que rexa a súa relación de emprego e dentro dos límites que anualmente fixa a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.


2. O Servicio Galego de Saúde poderá establecer, logo do informe favorable emitido conxuntamente polas consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, un modelo retributivo orientado á calidade do servicio, á incentivación da actividade, á motivación dos profesionais, á consideración singular de actuacións concretas no ámbito sanitario e á consecución dos obxectivos planificados, logo da negociación na mesa sectorial.


Artigo 62. Función directiva.

1. A función directiva é exercida polos profesionais que desempeñan os postos nos que se desenvolve e executa o goberno, a dirección e xestión do Servicio Galego de Saúde nos seus niveis central, periférico, de área, dispositivo, centro ou establecemento, tanto nos seus aspectos asistenciais coma no ámbito administrativo e de servicios xerais.

2. Terá a consideración de persoal directivo do Servicio Galego de Saúde aquel que teña atribuídas con carácter non-permanente tarefas de xerencia e dirección profesional nos termos establecidos no apartado anterior, agás o persoal que ten a condición de alto cargo.

3. Os postos directivos poderán proverse mediante o sistema de libre designación con nomeamento provisional de carácter administrativo ou ben por contrato de alta dirección.

4. O persoal funcionario ou estatutario que acceda ó desempeño de postos directivos será declarado no seu posto de orixe na situación administrativa de servicios especiais recollida na Lei da función pública de Galicia. O período de servicios prestados no desempeño dos citados postos será computado para os procesos de selección e provisión como prestados na praza de orixe.

5. O cadro de persoal do Servicio Galego de Saúde concretará a tipoloxía dos postos de traballo que teñen o carácter de directivo.

6. O Consello de Dirección do Servicio Galego de Saúde poderá establecer, co preceptivo informe favorable emitido conxuntamente polas consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, os criterios e as contías para a remuneración do persoal directivo do organismo, conforme o establecido na lexislación xeral e orzamentaria que resulte de aplicación.


Artigo 63. Funcións das distintas categorías do persoal.

Na procura da mellora da eficacia dos servicios e da adaptación do desenvolvemento do traballo á organización da prestación asistencial e á evolución das tecnoloxías, o ámbito funcional de cada categoría de persoal será o adecuado ó conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación académica e da formación esixidas para o acceso a ela na convocatoria respectiva.


Artigo 64. Relacións con outros réximes de persoal.

1. Coa finalidade de consegui-la mellor utilización dos recursos humanos existentes e dos mecanismos de coordinación e colaboración interinstitucional, o Consello da Xunta de Galicia establecerá por decreto os supostos, condicións e efectos nos que o persoal do Servicio Galego de Saúde poderá prestar servicios no ámbito das fundacións públicas sanitarias e demais entidades do sector sanitario público galego dotadas de personalidade xurídica propia. En todo caso, o persoal funcionario e estatutario do Servicio Galego de Saúde poderá ser adscrito ás fundacións públicas sanitarias e demais entidades citadas cando así o requiran as necesidades do servicio público sanitario, e ademais, en idénticas circunstancias, as entidades sinaladas poderanse subrogar na titularidade das relacións de traballo do persoal laboral do servicio.

2. Igualmente, de forma recíproca, estableceranse os supostos, condicións e efectos cos que o persoal das citadas entidades poderá prestar servicios nos centros, servicios e establecementos sanitarios xestionados directamente polo Servicio Galego de Saúde, sen prexuízo da eventual adscrición ou subrogación do persoal do servicio, nas circunstancias sinaladas no apartado anterior.

3. Os mecanismos de adscrición e subrogación establecidos nos apartados anteriores terán carácter temporal, polo que non determinarán incorporacións permanentes ós cadros de persoal das correspondentes entidades nin extinguirán as vinculacións xurídicas de orixe dos profesionais.


Artigo 65. Homologación das condicións de traballo.

1. O Servicio Galego de Saúde, baixo o principio de voluntariedade, adoptará as medidas necesarias para alcanza-la progresiva homologación das condicións de traballo e réxime de prestación de servicios de todo o persoal do organismo.

2. O contido funcional dos postos de traballo dos funcionarios sanitarios locais considerarase para tódolos efectos derivados da súa relación de emprego como unha única prestación de servicios con independencia de que exerzan ou non a opción de integración no novo modelo de atención primaria.


Artigo 66. Organización do persoal.

1. Correspóndelle ó Consello da Xunta a aprobación, mediante decreto, do réxime estatutario do persoal do Servicio Galego de Saúde, ó abeiro das normas básicas do Estado na materia, logo da negociación na mesa sectorial.

2. A creación, supresión e modificación de categorías estatutarias realizarase por decreto do Consello da Xunta.

3. Poderase acorda-la integración do persoal fixo das categorías que se declaren para extinguir noutras categorías en función das necesidades organizativas ou asistenciais nos ámbitos que se determinen regulamentariamente.


Capítulo VII

Regulación básica dos órganos de dirección

técnicos e colexiados dos centros asistenciais

Artigo 67. Estructura directiva.

A estructura directiva marco dos centros e establecementos sanitarios asistenciais do Servicio Galego de Saúde -hospitais, atención primaria ou estructuras mixtas- establecerase mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade, de acordo coas previsións contidas neste capítulo. A fixación da estructura directiva de cada centro ou establecemento, en execución do referido decreto, efectuarase por orde do conselleiro de Sanidade, tendo en conta criterios de complexidade organizativa, extensión xeográfica e poboacional e necesidades asistenciais.


Artigo 68. Organización.

1. Forman parte da estructura directiva dos centros e establecementos indicados no artigo anterior, alomenos, os seguintes órganos:

A) Órganos unipersoais de dirección:

a) O xerente.

b) Os directores en cada área de responsabilidade.

B) Órganos colexiados:

a) De dirección: a comisión de dirección.

b) Técnicos de asesoramento:

1. A comisión de calidade.

2. A comisión asistencial.

3. Os comités técnico-sanitarios.

c) De participación, se e o caso.

2. A composición, organización e funcionamento destes órganos establecerase por decreto do Consello da Xunta.


Capítulo VIII

Formas de xestión de servicios sanitarios con

personalidade xurídica propia

Sección 1.ª

Principios xerais

Artigo 69. Disposicións xerais.

1. Ó abeiro do establecido no artigo 35, apartados 2 e 3 desta lei, a xestión dos centros, servicios e establecementos asistenciais do Servicio Galego de Saúde poderá efectuarse a través de entidades dotadas de personalidade xurídica propia, adoptando a forma de fundacións, sociedades públicas autonómicas, entes públicos, consorcios públicos -en concorrencia con outras entidades públicas ou privadas ou calquera outra forma xurídica admitida pola lexislación vixente.

2. O réxime xurídico do persoal que preste servicios nestas entidades terá a natureza xurídica establecida nas normas específicas reguladoras de cada unha delas.

3. As ditas entidades, incluso ás que non lles fose de aplicación directa a lexislación de contratos das administracións públicas, axustarán a súa actuación en materia de contratación ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen na contratación das administracións públicas, agás que a natureza da operación que se vai realizar sexa incompatible con estes principios.

4. A selección de persoal no ámbito destas entidades axustarase ós principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, con suxeición ó disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro.

5. Ademais, o Servicio Galego de Saúde poderá prestar asistencia sanitaria a través de entidades de natureza asociativa dotadas de personalidade xurídica propia, integradas maioritariamente por profesionais do sector sanitario, coa finalidade de promover un maior grao de implicación destes no proceso de desenvolvemento, racionalización e optimización do sistema sanitario público, todo iso sen prexuízo do réxime establecido na lexislación sobre incompatibilidades no sector público.

6. Co obxecto de garanti-la adecuada coordinación e optimización dos recursos sanitarios públicos, o persoal do Servicio Galego de Saúde poderá presta-los seus servicios nas entidades a que se refire o apartado 1 deste artigo, nos termos que se establezan por decreto de acordo co previsto no artigo 64 e, en todo caso, mediante os mecanismos da adscrición ou subrogación, consonte proceda, cando as necesidades do servicio público sanitario así o requiran.

7. A relación entre estas entidades, como medio propio instrumental e servicio técnico da administración, coa Consellería de Sanidade ou co Servicio Galego de Saúde regularase, tanto para a prestación de servicios sanitarios coma doutros incluídos no seu obxecto social ou finalidade, a través de contratos programa, instrumentos que permitan vincula-lo funcionamento delas cos criterios de planificación do Sergas e coas necesidades dos usuarios.


Sección 2.ª

Fundacións públicas sanitarias

Artigo 70. Natureza.

Tódalas fundacións sanitarias constituídas pola Comunidade Autónoma de Galicia son de titularidade e natureza públicas.


Artigo 71. Creación ou modificación.

A creación de novas fundacións públicas sanitarias, así como a súa modificación ou extinción, debe ser aprobada por decreto do Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Sanidade.


Artigo 72. Disposicións xerais sobre organización e funcionamento.

1. A relación xurídica do persoal ó servicio das fundacións públicas sanitarias será de natureza laboral, séndolle aplicable o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas participadas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, sen prexuízo da eventual adscrición de persoal funcionario ou estatutario do Servicio Galego de Saúde, cando as necesidades do servicio público sanitario así o requiran.

2. O réxime de contratación respectará, en todo caso, os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen na lexislación de contratos das administracións públicas, de conformidade co previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

3. As fundacións públicas sanitarias dispoñerán do seu propio patrimonio e poderán ter bens e dereitos adscritos pola Administración da Comunidade Autónoma.

4. Os recursos económicos das fundacións públicas sanitarias terán a consideración de ingresos de dereito público.

5. En materia financeira, orzamentaria e de control, as fundacións públicas sanitarias rexeranse polo previsto para as sociedades públicas autonómicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.


Capítulo IX

Do réxime xurídico, da responsabilidade

patrimonial e da representación e

defensa en xuízo

Artigo 73. Réxime xurídico dos actos administrativos.

O réxime xurídico dos actos administrativos emanados, se é o caso, dos órganos do Servicio Galego de Saúde ou dos centros, servicios e establecementos deste, así como dos organismos e entidades a el adscritos, os recursos contra os devanditos actos e as reclamacións previas á vía xudicial, civil ou laboral en relación co servicio ou cos citados organismos ou entidades rexeranse polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e disposicións concordantes.


Artigo 74. Responsabilidade patrimonial.

1. A responsabilidade patrimonial do Servicio Galego de Saúde, das súas autoridades e do persoal ó servicio do devandito organismo rexerase polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei de Galicia 6/2001, do 29 de xullo, e nas disposicións concordantes e normas que a desenvolven.

2. Correspóndelles ás xerencias dos centros sanitarios do Servicio Galego de Saúde xestiona-los danos persoais e materiais de menor entidade que se lles ocasionan ós usuarios dentro das súas instalacións, logo do desenvolvemento da correspondente investigación e esclarecemento dos feitos denunciados, comprobándose de forma indubidable a responsabilidade do servicio público na comisión do dano.

3. Para os efectos do apartado anterior, consideraranse danos de menor entidade aqueles que non superen a cantidade de 1.500 euros ou a que, se é o caso, se fixe por decreto da Xunta de Galicia.


Artigo 75. Asesoramento xurídico e representación e defensa en xuízo.

1. O asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo do Servicio Galego de Saúde correspóndelles ós letrados deste organismo, nos termos previstos no artigo 447 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

2. Nos termos establecidos regulamentariamente, os letrados do Servicio Galego de Saúde poderán asumi-la representación e defensa en xuízo das autoridades, funcionarios e empregados do organismo autónomo, así como das entidades a el adscritas, cando os procedementos se sigan por actos ou omisións relacionados co seu cargo.


Título VEditar

Planificación, actuacións e intervención

en materia de saúde

Capítulo I

Plan de saúde de Galicia

Artigo 76. Obxecto e ámbito do plan.

1. No marco dos criterios xerais da planificación sanitaria, o Plan de saúde de Galicia é o instrumento superior de planificación e dirección do sistema sanitario de Galicia, que condiciona tódalas accións orientadas a acada-lo mellor estado de saúde posible, de acordo cos principios que inspiran o sistema.

2. O Plan de saúde determina os obxectivos básicos da política sanitaria, orientada á mellora do nivel de saúde e de benestar das persoas. Ademais, acolle o conxunto de accións dirixidas á consecución ordenada dos fins propostos, mediante prestacións e coidados asistenciais de calidade.

3. Nos seus contidos e obxectivos, o Plan de saúde de Galicia prevé as políticas intersectoriais que teñan relación cos principais problemas de saúde da poboación de Galicia e os seus factores determinantes.


Artigo 77. Contido.

O Plan de saúde conterá, alomenos, os seguintes aspectos:

1. Determinación de obxectivos cuantificables e referidos a un período determinado que serán avaliados a través de indicadores específicos.

2. Establecemento de actuacións prioritarias dirixidas ós factores determinantes, enfermidades e problemas de saúde.

3. Selección das necesidades en saúde e formulación dos criterios de funcionamento do sistema sanitario de Galicia, no eido da atención sanitaria e sociosanitaria.


Artigo 78. Elaboración e avaliación.

1. Na elaboración do Plan de saúde teranse en conta:

a) Os niveis e necesidades de saúde da poboación.

b) Os factores determinantes, enfermidades e problemas de saúde de maior prioridade e vulnerabilidade.

c) O coñecemento científico e os valores éticos, sociais e culturais.

d) Os recursos dispoñibles.

e) Os principios rectores do sistema sanitario de Galicia.

2. O Plan de saúde será sometido a un proceso de avaliación á metade do período da súa vixencia.

3. Correspóndelle á Consellería de Sanidade a elaboración, difusión, seguimento, vixilancia e avaliación do cumprimento do Plan de saúde.


Artigo 79. Aprobación.

1. A Consellería de Sanidade presentaralle o anteproxecto do Plan de saúde ó Consello Galego de Saúde. Ademais, informará a este órgano do resultado da súa avaliación.

2. A Consellería de Sanidade elevará o Plan de saúde ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.


Artigo 80. Vixencia.

O Plan de saúde terá unha vixencia ordinaria de catro anos.


Capítulo II

Actuacións en materia de saúde

Sección 1.ª

Saúde pública

Artigo 81. Criterios xerais.

1. Son actuacións en materia de saúde pública as desenvolvidas polas administracións sanitarias galegas verbo da vixilancia epidemiolóxica, promoción e protección da saúde e prevención das enfermidades, desde a perspectiva do conxunto da poboación.

2. O Consello da Xunta de Galicia establecerá os criterios polos que a Consellería de Sanidade e as restantes administracións públicas de Galicia se coordinarán para facer efectivos os programas intersectoriais na devandita materia.

3. As entidades locais orientarán o exercicio das súas competencias nas materias obxecto desta lei conforme a educación sanitaria da poboación, a promoción e a protección da saúde comunitaria.


Artigo 82. Actuacións.

A Administración sanitaria de Galicia, a través dos recursos e medios dispoñibles, e dos organismos competentes en cada caso, efectuará as seguintes actuacións en materia de saúde pública:

1. A medición do nivel de saúde da poboación e a identificación dos problemas de saúde.

2. A investigación das causas ou determinantes dos problemas de saúde que afectan a poboación a través do establecemento dos rexistros e análises de datos que, respectando a normativa en materia de protección de datos persoais, permitan analizar e coñece-las situacións que teñen influencias sobre a saúde.

3. O establecemento de medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais, como os derivados de productos alimenticios, do uso de productos químicos, de axentes físicos, da contaminación atmosférica, do uso das zonas de baño, da xestión e tratamento de refugallos e augas residuais, das augas de consumo e da policía sanitaria mortuoria.

4. O control e a prevención das enfermidades transmisibles, a través da vixilancia e intervencións epidemiolóxicas fronte a gromos epidémicos e situacións de risco destas enfermidades.

5. O establecemento de medidas de promoción de hábitos de vida saudables, en especial os de carácter intersectorial.

6. A definición de actuacións de prevención individualizada de enfermidades.

7. O fomento da formación e investigación científica en materia de saúde pública.

8. A farmacovixilancia e o control das reaccións adversas ós medicamentos e o control sanitario doutros productos de utilización diagnóstica, terapéutica ou auxiliar.

9. O control sanitario e a prevención dos riscos para a saúde derivados das substancias susceptibles de xerar dependencia.

10. Calquera outra ordenada a mellora-la saúde da poboación.


Sección 2.ª

Saúde laboral

Artigo 83. Marco legal.

A Xunta de Galicia promoverá actuacións en materia sanitaria referentes á saúde laboral, no marco do disposto na Lei xeral de sanidade, e na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.


Artigo 84. Actuacións.

A Consellería de Sanidade, os organismos e as entidades dependentes dela, no eido das súas competencias, desenvolverán a prevención, protección, promoción e mellora da saúde integral dos seus traballadores.


Artigo 85. Funcións.

Sen prexuízo das competencias atribuídas ás restantes administracións públicas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Sanidade en materia de saúde laboral o exercicio das funcións seguintes:

1. O desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos sistemas de información sanitaria ordenados a determina-la morbilidade e mortalidade por patoloxías profesionais, de xeito integrado co resto de sistemas de información e vixilancia epidemiolóxica.

2. A promoción da información, formación e participación dos traballadores e empresarios nos plans, programas e actuacións sanitarias no ámbito da saúde laboral.

3. A realización de estudios epidemiolóxicos para a identificación e prevención de patoloxías que, con carácter xeral, se poidan ver producidas ou agravadas polas condicións de traballo.

4. A inspección, supervisión e rexistro dos servicios de prevención autorizados ou que soliciten autorización para o seu recoñecemento como tales no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que atinxe ós aspectos sanitarios.

5. A supervisión da formación que, no eido de prevención e promoción da saúde laboral, deba recibi-lo persoal sanitario dos servicios de prevención autorizados.

6. Todas aquelas funcións que a normativa vixente lle encomende en materia de accidentes de traballo, enfermidades profesionais, entidades colaboradoras da Seguridade Social, mutuas aseguradoras, incapacidade temporal e servicios de prevención de riscos laborais, promovendo a mellora na vixilancia e control da saúde dos traballadores, incluíndo a prescrición na asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario dos servicios de prevención, actividade que terá, en todo caso, carácter voluntario tanto para os traballadores coma para as empresas.

7. Calquera outra que poida serlle encomendada polo Consello da Xunta.


Capítulo III

Intervención pública

Sección 1.ª

Intervencións. Principios xerais

Artigo 86. Limitacións preventivas.

As actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde serán sometidas polos órganos competentes a limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo cos seguintes principios:

a) Preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades sanitarias.

b) Minimización da incidencia sobre a libre circulación de persoas e bens, a liberdade de empresa e calquera outro dereito.

c) Prohibición de medidas obrigatorias que supoñan risco para a vida.

d) Proporcionalidade ós fins que en cada caso se persigan.


Artigo 87. Intervención administrativa en protección da saúde e prevención da enfermidade.

As administracións sanitarias poderán realiza-las seguintes accións para a protección da saúde:

1. Establecer sistemas de vixilancia, redes de comunicacións e análises de datos que permitan detectar e coñecer, coa maior rapidez posible, a proximidade ou a presencia de situacións que poidan repercutir negativamente sobre a saúde, individual ou colectiva.

2. Establece-la esixencia de autorizacións e rexistros por razóns sanitarias a empresas, productos e actividades.

3. Establecer prohibicións e requisitos mínimos para o uso e tráfico de bens e productos, cando supoñan un prexuízo ou ameaza para a saúde.

4. Controla-la publicidade e propaganda de productos e actividades que poidan ter incidencia sobre a saúde, co fin de axustala a criterios de veracidade e evita-lo que poida constituír un prexuízo para esta.

5. Establecer, controlar e inspecciona-las condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas.

6. Decretar, cando unha actividade teña repercusión excepcional e negativa sobre a saúde dos cidadáns, a intervención administrativa pertinente da actividade, ata que sexan eliminados os riscos sanitarios.

7. Adopta-las medidas preventivas que se consideren pertinentes no caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de productos, suspensión do exercicio de actividades, peche de empresas ou das súas instalacións, intervención de medios materiais e persoais e cantas outras se consideren sanitariamente xustificadas.

A duración das medidas ás que se refire este apartado fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá do que esixa a situación de risco extraordinario que as xustificou.

8. Fixa-las directrices a través da normativa correspondente en materia de policía sanitaria mortuoria.


Artigo 88. Autoridade sanitaria e inspección.

1. Dentro das súas respectivas competencias, teñen a condición de autoridade sanitaria a Xunta de Galicia, o conselleiro de Sanidade e os órganos da Consellería de Sanidade que se determinen, así como os alcaldes. Tamén terán a dita condición os inspectores dos servicios sanitarios no exercicio das súas funcións.

2. O persoal ó servicio da Administración sanitaria que actúe no exercicio das funcións de inspección, e acreditando a súa identidade, estará autorizado para:

a) Entrar libremente e sen previa notificación, en calquera momento, en todo centro, servicio ou establecemento suxeito a esta lei.

b) Proceder ás probas, investigacións ou exames necesarios para comproba-lo cumprimento desta lei e das normas que se dicten para o seu desenvolvemento.

c) Tomar ou sacar mostras, co fin de comproba-lo cumprimento do previsto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

d) Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento das funcións de inspección que exerzan.

e) Ante situacións de risco grave e inmediato para a saúde, adopta-las medidas cautelares de emerxencia, dándolle conta inmediata á autoridade sanitaria competente.

Como consecuencia das actuacións de inspección e control, as autoridades sanitarias competentes poderán ordena-la suspensión provisional, a prohibición das actividades e o peche definitivo dos centros, servicios e establecementos, por requirilo a saúde colectiva ou por incumprimento dos requisitos esixidos para a súa instalación e funcionamento.


Sección 2.ª

Hemodoazón e hemoterapia


Artigo 89. Rede de hemodoazón e hemoterapia de Galicia.

1. Corresponderalle á Consellería de Sanidade a planificación, coordinación e control da hemodoazón e hemoterapia da Comunidade Autónoma.

2. A Xunta de Galicia sentará as bases dunha organización hemoterápica eficiente que permita satisface-las necesidades de sangue e hemoderivados na Comunidade Autónoma baixo os principios de calidade e seguridade, promoción altruísta da doazón e acción coordinada de tódolos medios públicos e privados.

3. Establecerase unha rede de hemodoazón e hemoterapia apoiada na seguinte estructura de carácter funcional:

a) Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia.

b) Servicios de transfusión.

4. Regulamentariamente, determinaranse as condicións para o exercicio das funcións de dirección do Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia e dos servicios de transfusión.


Artigo 90. Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia.

1. O Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia desenvolverá na Comunidade Autónoma a obtención, preparación, conservación, almacenamento, distribución e control da aplicación do sangue humano e dos seus derivados e, de xeito coordinado, participará na formación e investigación no campo da hemoterapia, axustando a súa actuación ás normas e instruccións que a Consellería de Sanidade estableza.

2. Serán funcións do Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia:

a) A promoción da hemodoazón e plasmaférese voluntarias.

b) A programación e execución de tódalas extraccións extrahospitalarias por medio de equipos móbiles.

c) O procesamento de tódalas unidades de sangue recollidas de forma extra e intrahospitalaria.

d) O abastecemento de sangue e derivados a tódolos hospitais e centros sanitarios públicos e ós privados que o demanden da Comunidade Autónoma de Galicia consonte as súas necesidades.

e) O fraccionamento do sangue para a producción de compoñentes sanguíneos precisos para dar cobertura ós requirimentos transfusionais dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma.

f) A responsabilización do intercambio de plasma que se realice coa industria fraccionadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) O establecemento dun sistema de identificación inequívoca de cada doazón de sangue e dos compoñentes sanguíneos que permita a plena trazabilidade ata o doador, así como ata a transfusión e o seu receptor.

h) A disposición de programas de hemovixilancia para recollida de efectos ou reaccións adversos graves ou inesperados que se manifestan en doadores ou nos receptores así como o seguimento epidemiolóxico dos doadores.

i) A adopción das medidas necesarias para manter un sistema de calidade acorde cos principios das boas prácticas.

j) Calquera outra actividade que tenda á coordinación e mellora da actividade relacionada coa captación de doadores, extracción, tratamento e distribución do sangue e dos seus derivados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co que se dispoña regulamentariamente.

3. O Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia terá personalidade xurídica e patrimonio propios e configurarase como unha fundación pública adscrita á Consellería de Sanidade.


Artigo 91. Servicios de transfusión.

1. Corresponderalle á Consellería de Sanidade autoriza-los servicios de transfusión sanguínea da Comunidade Autónoma, que quedarán automaticamente integrados na rede de hemodoazón e hemoterapia de Galicia, baixo a dependencia funcional do Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia e vencellados solidariamente ó cumprimento dos seus fins comúns, coordinándose e complementándose no marco xeral da planificación que estableza a propia consellería.

2. Os servicios de transfusión hospitalarios desenvolverán as seguintes funcións:

a) A responsabilización da execución da política hemoterápica e o facilitamento da promoción de sangue no seu ámbito de actuación.

b) A extracción de sangue intrahospitalario fundamentalmente dentro do programa de autotransfusión, de acordo cos criterios de coordinación que estableza e autorice o Centro de Transfusión Sanguínea.

c) A promoción da autodoazón no seu eido de actuación.

d) A planificación e realización da hemoterapia do hospital.

e) O establecemento dun programa de detección, avaliación e xestión dos efectos adversos e problemas relacionados coa hemoterapia do hospital.

f) A participación nos programas de formación do persoal sanitario vencellado á hemoterapia.

g) O desenvolvemento de tarefas de investigación das funcións que teñen encomendadas.

h) O establecemento dun sistema de seguimento e trazabilidade das unidades transfundidas ó receptor.

i) Calquera outra función que por razóns de eficacia lles sexa encomendada.


Título VIEditar

Asistencia sanitaria na rede galega de atención

sanitaria de utilización pública

Artigo 92. Principios xerais.

1. Os centros, servicios e establecementos sanitarios prestarán a asistencia sanitaria de xeito integrado a través de programas preventivos, curativos, rehabilitadores e de educación sanitaria.

2. As prestacións asistenciais sanitarias financiadas pola Xunta de Galicia incluirán alomenos as seguintes modalidades:

a) Atención primaria.

b) Atención especializada.

c) Prestacións farmacéuticas.

d) Prestacións complementarias.

e) Servicios de información e documentación sanitaria.

As prestacións persoais de carácter preventivo considéranse integradas nas anteriores.


Artigo 93. Outras posibilidades asistenciais.

A Consellería de Sanidade poderá establecer, no marco desta lei, outras modalidades para a prestación dos servicios de atención primaria, especializada ou de ámbalas dúas de forma integrada, atendendo razóns de efectividade e eficiencia.


Capítulo I

Atención primaria

Artigo 94. Concepto.

1. A atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación á rede galega de atención sanitaria de utilización pública e caracterízase por un enfoque global e integrado da atención e por asumir un papel orientador e de canalización da asistencia requirida polo paciente en calquera punto da rede sanitaria ou sociosanitaria.

2. A atención primaria será prestada, no ámbito das zonas de atención primaria ou, se é o caso, das áreas sanitarias, polos profesionais sanitarios en réxime de traballo en equipo interdisciplinario.


Artigo 95. Ámbito.

As actuacións de atención primaria desenvolveranse nos propios centros de saúde ou noutros periféricos que deles dependan, puntos de atención continuada, así como nos domicilios dos doentes, centros sociosanitarios ou en calquera outro lugar que se determine regulamentariamente.


Artigo 96. Alcance.

A atención primaria comprenderá:

1. A asistencia sanitaria en réxime de consultas.

2. A atención ordinaria e continuada das urxencias.

3. A atención sanitaria domiciliaria.

4. As actividades programadas en materia de vixilancia e información, así como a promoción e protección da saúde.

5. A participación na docencia, formación continuada e investigación, no seu ámbito de actuación.

6. A participación das accións de coordinación sociosanitaria que se determinen.

7. Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como os restantes servicios e prestacións facilitados en cada momento polo sistema nacional de saúde no que se refire a este ámbito da atención sanitaria.


Artigo 97. Atención pediátrica.

Ademais do establecido no artigo anterior, a atención primaria pediátrica, ata os 14 anos de idade incluídos, comprenderá:

1. A educación sanitaria dos menores e dos seus pais, titores, profesores ou coidadores.

2. As vacinacións, segundo o calendario oficial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O desenvolvemento do programa do neno san.


Artigo 98. Fisioterapia.

Desenvolveranse nas estructuras de atención primaria tratamentos de fisioterapia básicos, logo da indicación médica, ó abeiro dos programas establecidos polos servicios de saúde.


Artigo 99. Atención á saúde bucodental.

Desenvolveranse na atención primaria prestacións no campo da saúde bucodental que comprenderán:

1. A información e educación en materia de hixiene e saúde bucodental.

2. As medidas preventivas e asistenciais: aplicación de fluor tópico, obturacións, diagnóstico de maloclusión, selado de fisuras ou outras, para a poboación infantil de acordo co financiamento dos programas especiais para a saúde bucodental.

3. Tratamento de procesos agudos odontolóxicos, incluída a extracción de pezas dentarias.

4. A exploración preventiva da cavidade oral a mulleres embarazadas.


Capítulo II

Atención especializada

Artigo 100. Concepto e ámbito.

1. A atención especializada é o nivel de asistencia que, unha vez superadas as posibilidades de diagnóstico e tratamento da atención primaria, se caracteriza por unha alta intensidade dos coidados requiridos ou pola especificidade do coñecemento e/ou a tecnoloxía que os pacientes precisan para a súa axeitada atención sanitaria.

2. A atención especializada será prestada no ámbito dos distritos hospitalarios polos hospitais ou complexos hospitalarios.

3. O hospital, xunto ós centros de especialidades adscritos a el, constitúe a estructura sanitaria responsable da asistencia especializada programada e urxente á poboación do seu ámbito de influencia.

4. Cada distrito hospitalario dispoñerá de, cando menos, un centro hospitalario ó que poida accede-la poboación. Sen embargo, determinados servicios e hospitais poderán actuar de referencia para dous ou máis distritos hospitalarios.


Artigo 101. Alcance.

A atención especializada comprenderá:

1. A asistencia sanitaria especializada en réxime de consultas externas.

2. A asistencia especializada en réxime de hospital de día.

3. A realización en réxime ambulatorio de procedementos cirúrxicos menores e de cirurxía maior.

4. A asistencia especializada en réxime de hospitalización para os procesos médicos, cirúrxicos, pediátricos ou obstétricos que así o requiren.

5. A hospitalización a domicilio.

6. As atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica.

7. A atención ás urxencias hospitalarias.

8. A educación para a saúde e a prevención de enfermidades no seu ámbito de actuación, así como a participación nos sistemas de vixilancia e información.

9. A participación na docencia, a formación continuada e a investigación.

10. A participación nas accións de coordinación sociosanitaria que se determinen.


11. Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como os restantes servicios e prestacións facilitados en cada momento polo sistema nacional de saúde no que se refire a este eido da atención sanitaria.


Artigo 102. Saúde mental.

1. As atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica, sendo de base comunitaria, incluirán o diagnóstico clínico, xunto cos tratamentos médicos e psicoterapéuticos que sexan precisos -individuais, grupais ou familiares-, ademais da prestación de asistencia especializada en réxime de hospitalización -total ou parcial- para procesos que así o aconsellen, con especial atención, así mesmo, á rehabilitación psicosocial dos pacientes.

2. Os diferentes dispositivos de saúde mental do sistema sanitario galego de cobertura pública estarán ordenados, organizados e coordinados de tal xeito que se lle garanta á poboación a axeitada accesibilidade ás prestacións antes citadas, así como o mantemento da continuidade terapéutica.

3. A atención á saúde mental estará integrada, en tódalas súas vertentes e para tódolos efectos, no conxunto de plans e actividades da asistencia sanitaria xeral, mantendo a súa especificidade técnica no proceso de coidados e na avaliación de resultados.


Capítulo III

Outras modalidades asistenciais

Artigo 103. Atención continuada e emerxencias.

1. A rede galega de atención sanitaria de utilización pública prestará a atención continuada e das urxencias a través dos seus dispositivos asistenciais.

2. En situacións de emerxencia orixinadas por catástrofes ou accidentes en calquera lugar de Galicia, a rede galega de atención sanitaria de utilización pública facilitará, a través dos seus dispositivos asistenciais, a asistencia sanitaria in situ, o traslado de afectados e a asistencia nos centros máis apropiados.


Capítulo IV

Atención sociosanitaria

Artigo 104. Atención sociosanitaria.

1. Para os efectos desta lei, considérase atención sociosanitaria o conxunto de coidados destinados a aqueles doentes, xeralmente crónicos, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servicios sanitarios e sociais para aumenta-la súa autonomía, palia-las súas limitacións ou sufrimentos e facilita-la súa reinserción social.

2. No eido sanitario a atención sociosanitaria comprenderá:

a) Os coidados sanitarios de longa duración.

b) A atención sanitaria á convalecencia.

c) A rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable.

3. A continuidade do servicio será garantida polos servicios sanitarios e sociais a través da axeitada coordinación entre as administracións públicas correspondentes.

4. Co obxecto de optimiza-los recursos, no eido sanitario a prestación asistencial sociosanitaria na súa modalidade de coidados prolongados será cofinanciada polos usuarios. A achega nesta modalidade asistencial será establecida pola normativa regulamentaria que corresponda, tendo en conta os seguintes elementos de valoración: renda, patrimonio e número de persoas da unidade familiar.


Capítulo V

Atención en materia de drogodependencias


Artigo 105. Competencias da Xunta de Galicia.

1. A Xunta de Galicia exercerá as competencias que en materia de atención ás drogodependencias lle atribúe o artigo 22.2 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de drogas, e disposicións concordantes.

2. Correspóndelle á Consellería de Sanidade o deseño, planificación, dirección, coordinación, execución e avaliación da política sanitaria da Xunta de Galicia en materia de drogodependencias.

3. Para o exercicio das competencias que ten atribuídas e a execución das actividades que lle corresponden en materia de drogodependencias, a Consellería de Sanidade da Xunta poderá empregar calquera das fórmulas establecidas no artigo 22 desta lei.


Artigo 106. Da asistencia sanitaria pública.

As administracións públicas de Galicia velarán polo desenvolvemento das actividades asistenciais precisas para o tratamento e a atención sanitaria integral dos diversos problemas derivados do consumo de drogas, polo desenvolvemento de programas de promoción da saúde e pola execución das accións de educación sanitaria, de detección e tratamento das enfermidades infecciosas asociadas, así como pola execución das restantes actividades previstas no artigo 18 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de drogas, nos termos que se establecen neste precepto, e disposicións concordantes.


Artigo 107. Centros, establecementos e programas de tratamento.

1. Tódolos centros, servicios e establecementos de tratamento das drogodependencias públicos ou privados estarán suxeitos ó réxime de autorización de centros sanitarios. Para poder desenvolve-las súas actividades, os devanditos centros, servicios e establecementos requirirán de autorización previa ó inicio da súa actividade.

2. Os requisitos específicos que haberán de cumpri-los devanditos centros, servicios e establecementos determinaranse regulamentariamente.

3. Independentemente da súa titularidade, os centros, servicios e establecementos de tratamento das drogodependencias que reciban financiamento público da Administración sanitaria da Xunta de Galicia estarán sometidos ás directrices e ó control da Consellería de Sanidade, para os efectos do desenvolvemento das súas actividades sanitarias e programas terapéuticos.


Artigo 108. Catálogo de programas de tratamento.

1. As actividades e os programas terapéuticos que desenvolvan os centros, servicios e establecementos sanitarios de tratamento das drogodependencias, en tanto que recursos sanitarios de utilización pública, recolleranse nun Catálogo de programas asistenciais do Plan de Galicia sobre drogas.

2. Este catálogo presentará unha oferta terapéutica plural e diversificada, profesionalizada e de carácter interdisciplinario, que tenderá a axustarse ás características, necesidades e demandas que presente cada caso.

3. O catálogo revisarase periodicamente co fin de mantelo actualizado. Para a súa revisión teranse en conta tanto as tendencias da evolución da drogodependencia coma a evidencia científica respecto dos procedementos terapéuticos aceptados polos organismos sanitarios nacionais e internacionais e polas axencias de avaliación de tecnoloxías sanitarias.


Artigo 109. Criterios de actuación.

Para os efectos da atención ás drogodependencias, os centros, servicios e establecementos integrados na rede galega de atención sanitaria de utilización pública desenvolverán as súas actividades e prestarán os seus servicios con suxeición ós criterios de actuación establecidos no artigo 17 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de drogas, e disposicións concordantes.


Capítulo VI

Prestacións farmacéuticas

Artigo 110. As prestacións farmacéuticas.

1. A Administración sanitaria da Xunta garantirá a prescrición e dispensación de medicamentos na rede galega de atención sanitaria de utilización pública nos termos previstos na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e demais normativa reguladora.

2. A política autonómica en relación coa prestación farmacéutica promoverá o desenvolvemento de programas orientados a racionaliza-lo emprego dos recursos farmacoterapéuticos nos servicios sanitarios e sociosanitarios, con criterios de efectividade, seguridade e custo.


Capítulo VII

Prestacións complementarias

Artigo 111. Concepto e ámbito.

1. Son prestacións complementarias todas aquelas que supoñen un elemento adicional e necesario para a consecución dunha asistencia completa e axeitada.

2. Para os efectos desta lei, considéranse prestacións complementarias a ortoprotésica, o transporte sanitario, a dietoterapia e as técnicas de terapia respiratoria a domicilio.


Artigo 112. Prestación ortoprotésica.

1. A prestación ortoprotésica inclúe as seguintes prestacións:

a) Próteses cirúrxicas fixas e a súa oportuna renovación.

b) Próteses ortopédicas permanentes ou temporais (próteses externas) e a súa oportuna renovación.

c) Os vehículos para inválidos para os cales a súa invalidez así o aconselle.

2. A prescrición será realizada polos facultativos especialistas na materia correspondente á clínica que xustifique a prescrición, axustándose ó establecido no catálogo autorizado pola Administración sanitaria.

3. As modificacións do catálogo ou a prescrición de productos ortoprotésicos non incluídos nel requirirán a aprobación pola Consellería de Sanidade.


Artigo 113. Transporte sanitario.

1. A prestación do transporte sanitario comprende o transporte especial de accidentados ou enfermos cando concorra unha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde do afectado, ou exista unha imposibilidade física ou outras causas médicas que impidan ou incapaciten para a utilización de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ó seu domicilio logo de recibir atención sanitaria.

2. A prescrición corresponderalle ó facultativo que preste asistencia e a súa indicación obedecerá só a causas médicas que fagan imposible o desprazamento en medios ordinarios de transporte.


Artigo 114. Outras prestacións complementarias.

Inclúe os tratamentos dietéticos complexos e as técnicas de terapia respiratoria a domicilio, logo da indicación médica, no xeito que estableza a Administración sanitaria.


Capítulo VIII

Servicios de información e documentación

sanitaria

Artigo 115. Información e documentación sanitaria.

Constitúen servicios de información e documentación sanitaria os seguintes:

1. A información sobre dereitos e deberes.

2. A información relativa ós procesos asistenciais, incluíndo se é o caso a tramitación dos procesos administrativos para garanti-la continuidade do proceso, e a relativa á prestación do consentimento informado, cando se precise.

3. A expedición, onde proceda, de partes de baixa, confirmación, alta e demais informes ou documentos clínicos para a avaliación da incapacidade ou outros efectos.

4. O informe de alta hospitalaria, así como o de alta de consultas externas e en urxencias do episodio de atención.

5. A documentación ou certificación médica de nacemento, defunción e demais extremos para o rexistro civil.

6. O acceso á información do proceso asistencial contida na historia clínica, así como a súa conservación para os fins previstos na normativa sanitaria e de protección de datos persoais.

7. A certificación acreditativa do estado de saúde, cando a súa esixencia se estableza por unha disposición legal ou regulamentaria.

8. Calquera outra función que se lle encomende, así como os restantes servicios facilitados en cada momento polo sistema nacional de saúde no que se refire a este eido da atención sanitaria.


Artigo 116. Protección do honor e intimidade persoal e familiar.

1. Tódalas institucións, órganos e servicios recollidos nesta lei están obrigados a garantir e protexer, no que atinxe ó tratamento dos datos persoais, as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e especialmente o seu honor e intimidade persoal e familiar.

2. Para os efectos, o manexo dos datos relativos á saúde de carácter persoal, os ficheiros, o tratamento de datos e a súa cesión axustaranse estrictamente ó disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.


Artigo 117. Confidencialidade dos datos sanitarios.

1. A confidencialidade dos datos sobre a saúde persoal constitúe unha cuestión esencial para a confianza e estimación do sistema sanitario de Galicia por parte dos cidadáns, polo que tanto o tratamento e almacenamento dos devanditos datos coma as comunicacións electrónicas destes que deban efectuarse no marco da asistencia sanitaria haberán de realizarse empregando medidas de seguridade adecuadas.

2. Nos supostos en que a Administración sanitaria contrate con empresas privadas o tratamento ou almacenamento dos datos de saúde dos cidadáns, esixiráselles contractualmente a estas a adopción de medidas técnicas e organizativas que garantan a confidencialidade, integridade, autenticidade e seguridade dos devanditos datos nos termos previstos legalmente.

3. A obriga de mante-la confidencialidade sobre os datos de saúde dos cidadáns recae sobre calquera persoa física ou xurídica, persoal sanitario ou que exerza función administrativa que teña acceso a eles no exercicio lexítimo das súas funcións.

4. A confidencialidade dos datos persoais de saúde dos cidadáns mantense mesmo despois da morte destes últimos, coas excepcións que legalmente procedan.

5. En materia de información, obtención, tratamento, cesión, dereitos dos cidadáns e medidas de seguridade dos datos de saúde, deberá de terse presente a consideración dos devanditos datos como especialmente protexidos, e haberá que aterse ó disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e normas de desenvolvemento.


Título VIIEditar

Participación comunitaria

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 118. Participación.

1. Consonte o establecido nos artigos 9.2 e 129.1 da Constitución española e nos artigos 5 e 53 da Lei xeral de sanidade, así como no artigo 128 desta lei, os cidadáns da Comunidade Autónoma galega teñen o dereito de participar na actividade dos organismos públicos dos cales a función afecte directamente á calidade da vida ou ó benestar xeral e, en concreto, na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

2. A participación na formulación da política sanitaria e no control da súa execución constitúe un dereito do cidadán e da sociedade en xeral, un valor social e un instrumento de cooperación e información no ámbito do sistema sanitario de Galicia, para a mellora da saúde e o benestar dos cidadáns.

3. O dereito de participación supón a responsabilidade no seu exercicio e obriga a actuar con lealdade ó interese xeral, ó ben público e á promoción do benestar social.


Artigo 119. Órganos de participación comunitaria.

1. Para o obxecto de posibilita-la participación comunitaria no ámbito do sistema sanitario de Galicia, créase o Consello Galego de Saúde e, no ámbito de cada área sanitaria, as comisións de participación cidadá respectivas.

2. Os órganos de participación comunitaria a que se refire o apartado anterior desenvolverán funcións consultivas e de asesoramento na formulación de plans e obxectivos xerais no ámbito territorial respectivo, así como no seguimento e avaliación dos resultados de execución.


Capítulo II

O Consello Galego de Saúde

Artigo 120. Natureza.

O Consello Galego de Saúde é o principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia ó que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade da Xunta na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.


Artigo 121. Composición.

1. O Consello Galego de Saúde componse dos membros seguintes:

a) Seis vocais en representación da Administración sanitaria da Xunta, designados polo conselleiro de Sanidade.

b) Doce vocais en representación dos cidadáns, a través das entidades locais.

c) Oito vocais en representación das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Oito vocais en representación das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Seis vocais en representación das organizacións de consumidores e usuarios.

f) Seis vocais en representación dos colexios profesionais sanitarios.

g) Dous vocais en representación das reais academias radicadas en Galicia e cuns fins que se relacionen directamente coas ciencias da saúde.

2. O presidente do Consello Galego de Saúde é o conselleiro de Sanidade ou a persoa en quen delegue, de entre os seus membros.

3. Por decreto da Xunta de Galicia determinaranse os sistemas de asignación de representantes de entre as distintas organizacións e entidades representadas no Consello Galego de Saúde, así como os mecanismos para a súa designación.

4. Os membros do Consello Galego de Saúde son nomeados e separados do cargo polo conselleiro de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que o compoñen. O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa representación requirida.


Artigo 122. Funcións.

Son funcións do Consello Galego de Saúde:

1. Propoñer aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a eleva-lo nivel de saúde da poboación.

2. Emitir, por solicitude da Administración sanitaria da Xunta, informes ou dictames en materia de política sanitaria xeral.

3. Coñece-lo anteproxecto do Plan de saúde e ser informado da súa avaliación.

4. Coñece-la memoria anual do Servicio Galego de Saúde antes da súa publicación, para os efectos do seguimento e avaliación da xestión do Servicio Galego de Saúde.

5. Propoñer medidas dirixidas a mellora-la xestión do Servicio Galego de Saúde.

6. Elabora-lo seu regulamento de funcionamento.

Artigo 123. Organización e funcionamento.

Por orde do conselleiro de Sanidade estableceranse as normas xerais de organización e funcionamento do Consello Galego de Saúde.


Capítulo III

Comisións de participación cidadá

Artigo 124. Natureza.

As comisións de participación cidadá son os órganos colexiados de natureza consultiva a través dos que se artella a participación comunitaria no eido das áreas sanitarias.


Artigo 125. Composición.

1. As comisións de participación cidadá atópanse integradas pola representación das entidades e organizacións seguintes:

a) Entidades locais comprendidas na área sanitaria.

b) Asociacións veciñais con actuación no ámbito da área sanitaria.

c) Organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.


e) O director da área sanitaria correspondente e, se é o caso, os xerentes dos dispositivos a que se refire o artigo 7.6 desta lei e dos centros e establecementos do Servicio Galego de Saúde comprendidos na área sanitaria.

2. Por orde do conselleiro de Sanidade determinaranse a composición das comisións de participación cidadá e os sistemas de asignación de representantes de entre as distintas organizacións e entidades representadas no seu seo, así como os mecanismos para a súa designación.

3. Os membros das comisións de participación cidadá son nomeados e separados do cargo polo conselleiro de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que o compoñen. O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa representación requirida.


Artigo 126. Funcións.

Son funcións das comisións de participación cidadá, no ámbito da área sanitaria respectiva:

a) Propoñerlles ós órganos de dirección da área aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a eleva-lo nivel de saúde da poboación.

b) Coñece-lo anteproxecto do Plan de saúde da área sanitaria e ser informado da súa avaliación.

c) Coñece-la memoria anual da área sanitaria, para os efectos do seguimento e avaliación da xestión.

d) Propoñer medidas dirixidas a mellora-la xestión sanitaria.

Artigo 127. Organización e funcionamento.

Por orde do conselleiro de Sanidade estableceranse as normas xerais de organización e funcionamento das comisións de participación cidadá.


Artigo 128. Outras formas de participación cidadá.

1. Por orde do conselleiro de Sanidade poderanse establecer órganos de participación comunitaria a outros niveis territoriais e funcionais do sistema sanitario de Galicia coa finalidade de asesora-los correspondentes órganos directivos e implica-las organizacións sociais e cidadás no obxectivo de acadar maiores niveis de saúde.

2. Correspóndelle ó conselleiro de Sanidade, mediante orde, regula-la composición e establece-las normas xerais de organización e funcionamento dos órganos a que se refire o apartado anterior.

3. Estes órganos de participación poderán incluír, entre outros, representantes dos colexios profesionais sanitarios, sociedades científicas e asociacións, así como persoas físicas e xurídicas de recoñecido prestixio no eido das ciencias da saúde.


Capítulo IV

Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia

Artigo 129. Obxecto e funcións.

1. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia é o órgano non-colexiado superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade.

2. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia estará integrado maioritariamente por profesionais do sistema sanitario galego. A composición, se é o caso, e as normas xerais de organización e funcionamento do consello determinaranse por orde do conselleiro de Sanidade.

3. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia contará cunha secretaría permanente, que coordinará e lle prestará soporte técnico e loxístico ó consello.

4. O nomeamento das persoas que formen parte do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia será, en todo caso, a título individual. O devandito nomeamento poderá expedirse con carácter temporal, mentres duren as funcións de asesoramento asignadas ó seu titular ou ben con carácter permanente, comportando neste caso a súa dispoñibilidade a prestar labores de asesoramento cando lle sexan requiridos.


Artigo 130. Asesores sectoriais.

O conselleiro de Sanidade poderá designar asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa asistencia e organización sanitarias, a saúde pública, a docencia e investigación nas ciencias da saúde e, en xeral, en calquera outra materia de interese sanitario respecto da cal resulte conveniente solicitar asesoramento especializado.


Título VIIIEditar

Dereitos e deberes dos cidadáns

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 131. Titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.

1. Teñen dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia tódalas persoas que residan nos municipios desta Comunidade Autónoma e os transeúntes no territorio da Comunidade, na forma e condicións que establezan a lexislación estatal e os convenios nacionais ou internacionais que resulten de aplicación, así como tódolos galegos de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan amparados polos convenios oportunos, no xeito e condicións establecidos neles.

2. Igualmente, garánteselle-la protección da saúde e a atención sanitaria con cargo a fondos públicos ós menores e ás mulleres xestantes non incluídos no apartado 1 deste artigo.

3. Ademais, garánteselles a tódalas persoas a atención sanitaria en situación de urxencia e emerxencia.


Artigo 132. Prestacións e servicios sanitarios financiados publicamente.

1. A Xunta de Galicia asegúralles, como mínimo, a tódalas persoas a que se refiren os apartados 1 e 2 do artigo anterior as prestacións e os servicios de saúde individual ou colectiva facilitados en cada momento polo sistema nacional de saúde.

2. A inclusión de novas prestacións e servicios sanitarios financiados publicamente requirirá a aprobación do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade, e logo do sometemento destes a un proceso de avaliación tecnolóxica en relación coa súa seguridade, eficacia, efectividade, eficiencia, impacto desde o punto de vista económico e desde o punto de vista ético e da súa contribución ó benestar individual e social, debendo garantirse en todo caso o financiamento correspondente.

3. Serán beneficiarios das novas prestacións que se inclúan no financiamento público consonte o prevido no apartado anterior os cidadáns residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se establezan en cada caso.


Capítulo II

Dereitos e deberes dos cidadáns no sistema

sanitario de Galicia

Artigo 133. Dereitos.

1. Os cidadáns, no ámbito do sistema sanitario de Galicia, teñen os dereitos seguintes:

a) Á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos, nos termos establecidos na lexislación básica do Estado, nesta lei e nas restantes disposicións que sexan de aplicación.

b) Ó respecto á súa personalidade, dignidade e intimidade, sen discriminación ningunha por razón de raza, sexo, relixión, opinión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) Á información sobre os servicios a que poden acceder e sobre os requisitos necesarios para o seu uso.

d) Á educación sanitaria e á información axeitada que propicien a adopción de hábitos e estilos de vida saudables.

e) A medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais ou específicos.

f) A medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.

g) A recibir información abonda, comprensible e axeitada cando haxa risco para a saúde pública, incluíndo se fose precisa a información epidemiolóxica necesaria en relación cos problemas de saúde.

h) A mante-la súa privacidade e a que se garanta a confidencialidade de toda a información relacionada coa súa enfermidade e atención en calquera centro sanitario de Galicia, nos termos establecidos na lexislación vixente. En todo caso, o grao de confidencialidade daquela información poderá ser decidido polo paciente.

i) A que se lles asigne un médico, o nome do cal se lles dará a coñecer, que será o seu interlocutor principal co equipo asistencial. No caso de ausencia, outro médico do equipo asumirá tal responsabilidade.

j) A ser advertidos de se os procedementos de prognóstico, diagnóstico e terapéuticos que se lles apliquen poden ser empregados nun proxecto docente ou de investigación, o que en caso ningún poderá comportar perigo adicional para a súa saúde. Nestes casos, será imprescindible o previo consentimento por escrito do paciente e a aceptación por parte do médico e da dirección do correspondente centro sanitario, de acordo coas disposicións que sexan aplicables.

k) A recibir, en termos comprensibles, información adecuada, continuada, verbal e escrita, sobre o seu proceso, tanto a persoa enferma coma, se é o caso, os seus familiares ou persoas achegadas, incluíndo diagnóstico, prognóstico e alternativas de tratamento.

l) A prestar consentimento informado, ou conformidade expresa do doente, manifestada por escrito, logo de obter unha información axeitada, para a realización dun procedemento diagnóstico ou terapéutico que afecte a súa persoa e que comporte riscos importantes, notorios ou considerables. Non será necesario o consentimento previo do paciente, consonte o establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e disposicións concordantes, nos casos seguintes:

1º. Cando da non-intervención derive un risco para a saúde pública.

2º. Cando a persoa enferma non estea capacitada para tomar decisións; neste caso o dereito corresponderalle ó seu representante legal, se o houber, ou ós seus familiares ou persoas achegadas.

3º. Cando concorra unha situación de urxencia que non permita demoras por poderse ocasionar lesións irreversibles ou existir risco de falecemento.

4º. Cando a persoa afectada manifestase expresamente o seu desexo de non ser informada.

m) Á libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu caso e a rexeita-lo tratamento, agás nos casos sinalados nos ordinais 1º, 2º e 3º do apartado anterior, debendo para iso solicitar e asina-la alta voluntaria. De non facelo así, corresponderalle darlle a alta á dirección do centro. Todo iso sen prexuízo de que o paciente poida recibir outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos, se é o caso, sempre que manifestase o seu desexo de someterse a eles.

n) A outorga-lo consentimento por substitución e a expresa-las súas vontades anticipadas ó abeiro do establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e disposicións concordantes.

o) A que quede constancia por escrito, ou en soporte técnico adecuado, de todo o seu proceso e a que ó remata-lo episodio asistencial se lle entregue o informe de alta hospitalaria, así como o da interconsulta de atención especializada e o de urxencias.

p) A acceder á súa historia clínica e a obte-los informes e resultados das exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así como unha copia dos devanditos documentos, de acordo co establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e disposicións concordantes.

q) A que se lle estendan os informes ou certificacións acreditativos do seu estado de saúde, cando a súa esixencia se estableza mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

r) A participar, a través dos órganos de participación comunitaria, nas actividades sanitarias, nos termos establecidos nesta lei e nas disposicións que se dicten no seu desenvolvemento.

s) A elixir médico xeral e pediatra de entre os que presten os seus servicios na zona de atención primaria do seu lugar de residencia, nos termos establecidos nesta lei e nas disposicións regulamentarias que sexan de aplicación.

t) A unha segunda opinión médica co obxecto de fortalece-la relación médico-paciente e complementa-las posibilidades da atención sanitaria, nos termos que se establezan regulamentariamente.

u) A que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos, que serán establecidos regulamentariamente. A extensión deste dereito realizarase de xeito progresivo, atendendo a gravidade, penosidade e impacto das patoloxías na calidade de vida das persoas enfermas, as dispoñibilidades financeiras da Administración sanitaria autonómica e a capacidade resolutiva dos centros, servicios e establecementos sanitarios do sistema sanitario de Galicia. En todo caso, as intervencións cirúrxicas que se lles deban realizar ós titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente deberán executarse nun prazo máximo de 180 días naturais desde a inscrición do doente no rexistro da lista de espera, sen prexuízo de que poidan establecerse prazos de resposta inferiores para determinadas intervencións. Co fin de garanti-lo tempo máximo de espera para intervencións cirúrxicas poderase ofertar calquera dos centros hospitalarios que integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública, así como outros centros debidamente acreditados para o efecto, se as circunstancias concorrentes así o aconsellan.

v) A emprega-los procedementos de reclamación e suxestións, así como a recibir resposta por escrito nos prazos establecidos regulamentariamente. Tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios terán permanentemente á disposición dos usuarios formularios de suxestións e reclamacións.

w) A dispoñer de información comprensible e axeitada sobre o custo das prestacións e servicios de saúde recibidos.

x) A obte-los medicamentos e productos sanitarios que se consideren necesarios para promover, conservar ou restablece-la súa saúde, nos termos establecidos regulamentariamente.

y) Ó libre acceso ó Vedor do Paciente.

z) A dispoñer en tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios do sistema sanitario de Galicia dunha carta de dereitos e deberes.

2. Os menores, os maiores dependentes, os enfermos mentais, os doentes que padecen enfermidades crónicas e discapacitantes, os pacientes diagnosticados de enfermidades raras ou de baixa incidencia poboacional e as persoas pertencentes a grupos de risco, en tanto que colectivos que deben ser obxecto de especial atención polas administracións sanitarias competentes, teñen dereito a actuacións e programas sanitarios específicos e preferentes, que se executarán a través dos centros, servicios e establecementos da rede galega de atención sanitaria de utilización pública.

3. Os enfermos mentais, ademais dos dereitos sinalados nos apartados anteriores, gozan dos dereitos seguintes:

a) Cando nos ingresos voluntarios desaparecese a plenitude de facultades durante o internamento, a dirección do centro deberá solicita-la correspondente ratificación xudicial para a súa continuación, nos termos establecidos no artigo 763 da Lei de axuizamento civil.

b) Nos ingresos forzosos, o dereito a que se reexamine periodicamente a necesidade do internamento, nos termos do precepto a que se refire o epígrafe anterior.

c) Os enfermos mentais menores de idade, ó internamento en centros ou unidades de saúde mental infanto-xuvenil.

4. Tódolos dereitos previstos nos apartados 1, 2 e 3 deste artigo serán exercidos en relación coas administracións sanitarias públicas de Galicia, que garantirán a súa execución a través dos centros, servicios e establecementos da rede galega de atención sanitaria de utilización pública. Os dereitos recollidos nas letras b), c), h), i), j), k), l), m), n), o), p), q), v), w), y) e z) do apartado 1, así como no apartado 3 deste artigo, serán exercidos tamén en relación cos servicios sanitarios privados.


Artigo 134. Deberes.

Os cidadáns, en relación coas institucións e organismos do sistema sanitario de Galicia, teñen os deberes e obrigas individuais seguintes:

1. Cumpriren as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servicios sanitarios.


2. Coidaren as instalacións e colaboraren no mantemento da habitabilidade das institucións sanitarias e sociosanitarias.

3. Responsabilizárense do uso axeitado das prestacións ofrecidas polo sistema sanitario.

4. Manteren o debido respecto ás normas establecidas en cada centro, así como ó persoal que preste servicios neles.

5. Asinaren a alta voluntaria nos casos nos que non se acepte o tratamento, agás que existan outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos, e o paciente desexe recibilos, caso no que tal situación deberá quedar debidamente documentada despois da información correspondente.

6. Cooperaren coas autoridades sanitarias na prevención das enfermidades.


Artigo 135. Efectividade dos dereitos e incumprimento dos deberes.

A Administración sanitaria de Galicia garantirá e tutelará, mediante a adopción de medidas axeitadas, a efectividade dos dereitos a que se refire esta lei.

As infraccións por violacións destes dereitos e o incumprimento dos deberes estarán sometidos ó réxime sancionador previsto nesta lei, sen prexuízo da responsabilidade de calquera orde na que puidese incorre-lo seu autor segundo a lexislación vixente.


Capítulo III

Vedor do Paciente

Artigo 136. Obxecto e natureza.

1. O Vedor do Paciente é un órgano da Administración sanitaria que xestionará as suxestións, queixas e reclamacións que poidan formula-los pacientes ou os seus lexítimos representantes en relación cos dereitos e os deberes establecidos nesta lei, sen prexuízo de que os interesados poidan utiliza-las vías de reclamación ou de recurso establecidas na lexislación vixente para a defensa dos seus dereitos. Ademais, intermediará nos conflictos que presenten os usuarios do sistema galego de saúde, para o cal recompilará a información que considere oportuna en relación co funcionamento dos centros, servicios e establecementos do sistema.

2. Consonte a súa natureza consultiva, o Vedor do Paciente é un órgano independente na estructura da Administración sanitaria ó que se dotará dos medios persoais e materiais necesarios para asegura-la eficacia da súa actuación.

3. Co fin de obte-la seguridade de que os informes, recomendacións e comentarios do Vedor do Paciente son adecuadamente considerados por aqueles que deban soluciona-los conflictos presentados, corrixi-los defectos observados ou implanta-las melloras propostas, poñerá en coñecemento do conselleiro de Sanidade todas aquelas incidencias que comporten obstrucción, negativa ou resistencia ó normal exercicio das súas funcións, co obxecto de remover obstáculos ou inicia-los correspondentes procedementos de responsabilidade.


Artigo 137. Ámbito de actuación.

As actuacións do Vedor do Paciente terán como ámbito o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás nas continxencias que poidan xurdir na atención sanitaria ós desprazados.


Artigo 138. Actuacións.

1. O Vedor do Paciente poderá iniciar e proseguir de oficio ou a petición de parte calquera investigación que conduza ó esclarecemento dos actos e as resolucións da administración relacionados cos servicios sanitarios e sociosanitarios.

2. Poderá dirixir queixas ó Vedor do Paciente toda persoa natural ou xurídica que invoque un interese lexítimo en relación con situacións de lesión dos dereitos dos pacientes recoñecidos nesta lei.

3. A autoridade administrativa en asuntos da súa competencia non poderá presentar queixas ante o Vedor do Paciente, agás cando exerza como responsable directo dunha persoa menor de idade ou incapacitada legalmente na súa condición de usuaria.

4. O Vedor do Paciente elaborará unha memoria anual da súa actividade na que analizará o tipo de reclamacións, queixas e suxestións presentadas e cáles foron as propostas concretas en relación coa súa solución. Da devandita memoria daráselle conta ó Consello da Xunta.


Artigo 139. Facultades.

1. O Vedor do Paciente terá acceso directo a calquera centro asistencial ou administrativo do sistema sanitario de Galicia e, con suxeición á normativa de protección de datos, a calquera dos seus arquivos e rexistros. Para estes efectos, o Vedor do Paciente, así como as persoas que colaboren con el, terán a consideración de axentes da autoridade.

2. As administracións públicas sanitarias relacionadas cos dereitos e deberes establecidos nesta lei, entidades e organismos delas dependentes, así como os centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios do sistema sanitario de Galicia, e o persoal que presta servicios neles, teñen a obriga de colaborar co Vedor do Paciente no desenvolvemento das súas actuacións.

3. Calquera que fora a entidade ou persoa do sistema sanitario de Galicia requirida de información terá a obriga de atendela nun prazo non superior a quince días naturais desde o día da recepción da documentación de petición polo Vedor do Paciente.

4. A negativa ou neglixencia das persoas obrigadas a colaborar co Vedor do Paciente no envío dos informes que este lles solicite, ou en facilita-lo acceso a expedientes ou documentación necesaria para a investigación, dará lugar a responsabilidades administrativas.


Artigo 140. Nomeamento e cesamento.

1. O Vedor do Paciente será nomeado e separado polo conselleiro de Sanidade mediante orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

2. Se o nomeamento recae nun funcionario público, pasará á situación administrativa de servicios especiais mentres desenvolva o cargo.


Artigo 141. Incompatibilidades.

O Vedor do Paciente sométese ó réxime de incompatibilidades establecido na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, e disposicións concordantes, sendo ademais incompatible co exercicio de todo cargo público ou actividade política ou sindical.


Título IXEditar

Infraccións e sancións


Artigo 142. Concepto e procedemento.

1. Son infraccións sanitarias as accións ou omisións tipificadas nesta lei e nas leis estatais e autonómicas que lles sexan de aplicación.

2. As infraccións serán obxecto, trala incoación do oportuno expediente, das sancións administrativas establecidas neste título, sen prexuízo da responsabilidade civil, penal ou doutra orde que puidese concorrer.

3. En calquera momento do procedemento sancionador no que o órgano instructor considere que as infraccións puidesen ser constitutivas de delicto, a administración pasaralle o tanto de culpa á xurisdicción competente e absterase de segui-lo procedemento sancionador mentres a autoridade xurisdiccional non dicte resolución xudicial firme. De non estimarse a existencia de delicto, a administración continuará o expediente sancionador, tomando como base os feitos que os tribunais considerasen probados.

4. Igualmente, se o órgano competente para resolve-lo procedemento sancionador tivese coñecemento da instrucción de causa penal ante os tribunais de xustiza e estimase que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puidese concorrer, acordará a suspensión do procedemento ata que recaia resolución xudicial firme.

5. As medidas administrativas que se adoptaren para salvagarda-la saúde e seguridade das persoas manteranse ata que a autoridade xudicial se pronuncie verbo delas, ou ben cese a súa necesidade.

6. En caso ningún se impoñerá unha dobre sanción polos mesmos feitos e en función dos mesmos intereses públicos protexidos, malia que deberán esixirse as demais responsabilidades que se deduzan doutros feitos ou infraccións concorrentes.

7. Non terán carácter de sanción a clausura ou peche de establecementos, instalacións ou servicios que non conten coas autorizacións ou rexistros sanitarios preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se rectifiquen os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade, nin a retirada do mercado, cautelar ou definitiva, de productos ou servicios polas mesmas razóns.


Artigo 143. Cualificación das infraccións.

As infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo os criterios de risco para a saúde, contía do eventual beneficio obtido, grao de intencionalidade, gravidade da alteración sanitaria e social producida, xeneralización da infracción e reincidencia.


Artigo 144. Infraccións leves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias leves as seguintes:

a) As simples irregularidades no cumprimento da normativa sanitaria vixente, sen transcendencia directa para a saúde pública, que non se atopen expresamente recollidas nesta relación.

b) O incumprimento simple do deber de colaboración coas autoridades sanitarias para a elaboración dos rexistros e documentos de información sanitaria establecidos legal ou regulamentariamente.

c) A negativa a informa-las persoas que se dirixan ós servicios sanitarios sobre os dereitos e obrigas que as afectan, nos termos establecidos nesta lei.

d) A emisión ou difusión ó público de anuncios publicitarios ou propaganda comercial por calquera medio, con repercusión directa sobre a saúde humana ou co fin de promove-la contratación de bens ou servicios sanitarios, sen dispoñer da correspondente autorización administrativo-sanitaria.

e) A obstrucción do labor inspector mediante calquera acción ou omisión que o perturbe ou atrase.

f) A identificación falsa ou contraria ó principio de veracidade en canto ós méritos, experiencia ou capacidade técnica do persoal sanitario na súa actividade profesional e nas súas relacións asistenciais coa poboación, agás cando mereza ser cualificada como grave ou moi grave.


g) O incumprimento, por simple neglixencia, dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidos na normativa sanitaria, así como calquera outro comportamento, a título de imprudencia ou inobservancia, sempre que se produza alteración ou risco sanitario e este sexa de escasa incidencia.

h) Aquelas que, ó abeiro dos criterios previstos neste artigo, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves.


Artigo 145. Infraccións graves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias graves as seguintes:

a) O exercicio ou desenvolvemento de actividades sen a correspondente autorización ou rexistro sanitario preceptivo, ou transcorrido o seu prazo de vixencia, así como a modificación non autorizada pola autoridade competente das expresas condicións técnicas ou estructurais sobre as cales se outorgase a autorización correspondente.

b) A creación, modificación ou supresión de centros, servicios ou establecementos sanitarios sen obte-las autorizacións administrativas correspondentes, consonte a normativa que sexa de aplicación, así como o incumprimento das normas relativas ó rexistro e acreditación destes.

c) O incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas cautelares ou definitivas que formulen as autoridades sanitarias, sempre que se produza por primeira vez e non concorra dano grave para a saúde das persoas.

d) A resistencia a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades sanitarias ou ós seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios.

e) O incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidas na vixente lexislación en materia sanitaria, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste epígrafe, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falta dos controis ou precaucións esixibles na actividade, servicio ou instalación de que se trate.

f) A promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos ou substancias estrañas de uso non-autorizado pola normativa vixente na elaboración do producto alimenticio ou alimentario de que se trate, cando non produzan riscos graves e directos para a saúde dos consumidores.

g) A elaboración, distribución, subministración ou venda de preparados alimenticios, cando a súa presentación induza a confusión sobre as súas verdadeiras características sanitarias ou nutricionais, e o uso de selos ou identificacións falsas en calquera das actuacións citadas.

h) Dificultarlles ou impedírlle-lo desfrute dos dereitos recoñecidos nesta lei ós usuarios do sistema sanitario, ben sexa no eido dos servicios sanitarios ou sociosanitarios públicos ou privados.

i) A comisión por neglixencia das conductas tipificadas como infracción moi grave, cando o risco ou alteración sanitaria producida sexa de escasa entidade.

j) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses.

k) As actuacións tipificadas no artigo 144 que, a teor do grao de concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 143, merezan a cualificación de faltas graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

l) As actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

m) O incumprimento por parte do persoal que en virtude das súas funcións deba ter acceso á información relacionada co estado individual de saúde do deber de garanti-la confidencialidade e a intimidade das persoas.

n) As que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias leves ou puidesen servir para facilitalas ou encubrilas.

o) As que teñan esta cualificación na normativa especial aplicable ó caso.


Artigo 146. Infraccións moi graves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias moi graves as seguintes:

a) O incumprimento das medidas cautelares ou definitivas que adopten as autoridades sanitarias competentes, cando se produzan de xeito reiterado ou cando concorra dano grave para a saúde das persoas.

b) A resistencia, coacción, ameaza ou represalia, desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes.

c) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidos na normativa sanitaria, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave.

d) A preparación, distribución, subministración, venda de alimentos, bebidas ou productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana que conteñan xermes, substancias químicas ou radioactivas, toxinas ou parasitos capaces de producirlle ou transmitirlle enfermidades ó home.


e) A promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos ou substancias estrañas de uso non-autorizado pola normativa vixente na elaboración ou conservación do producto alimenticio ou alimentario de que se trate, cando produza riscos graves e directos para a saúde dos consumidores.

f) O desvío para consumo humano de productos non-aptos para iso ou destinados especificamente para outros usos.

g) O incumprimento, en xeral, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidos na lexislación sanitaria vixente, ou a falta de dilixencia ou precaucións esixibles cando produzan un risco grave ou directo para a saúde pública.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos.

i) As actuacións tipificadas nos artigos 144 e 145 que, consonte o grao de concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 143, merezan a cualificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

j) As actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

k) As que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves, ou servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión.

l) O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias.

m) A negativa absoluta a facilitarlles información ou prestarlles colaboración ós servicios de inspección e control.


Artigo 147. Sancións.

1. As infraccións serán sancionadas gardando a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, establecéndose unha gradación desta de mínimo, medio e máximo para cada nivel de cualificación, en función da fraude ou conivencia, incumprimento das advertencias previas, número de persoas afectadas, prexuízos causados, beneficios obtidos a causa da infracción e permanencia e transitoriedade dos riscos.

2. As infraccións sanitarias tipificadas nos artigos 144, 145 e 146 serán sancionadas con multas, consonte a gradación seguinte:

a) Infraccións leves:

Grao mínimo: Ata 601,01 euros.

Grao medio: De 601,02 a 1.803,04 euros.

Grao máximo: De 1.803,05 a 3.005,06 euros.

b) Infraccións graves:

Grao mínimo: De 3.005,07 a 6.010,12 euros.

Grao medio: De 6.010,13 a 10.517,71 euros.

Grao máximo: De 10.517,72 a 15.025,30 euros.

c) Infraccións moi graves:

Grao mínimo: De 15.025,31 a 120.202,42 euros.

Grao medio: De 120.202,43 a 360.607,26 euros.

Grao máximo: De 360.607,27 a 601.012,11 euros.

As cantidades expresadas poden rebordarse ata acada-lo quíntuplo do valor dos productos ou servicios obxecto da infracción.

3. Sen prexuízo da multa que proceda consonte o previsto no apartado anterior, e para os efectos de evitar que a comisión de infraccións resulte máis beneficiosa para a persoa que comete a infracción có cumprimento das normas infrinxidas, a sanción económica que se é o caso se impoña poderá ser incrementada coa contía do beneficio ilícito obtido.

4. Nos supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta poderá acorda-lo peche temporal do establecemento, instalación ou servicio por un prazo máximo de cinco anos, todo iso cos efectos laborais que determina a lexislación aplicable nesta materia.

5. A autoridade á que lle corresponda resolve-lo expediente poderá acordar, como sanción accesoria, o comiso de bens ou productos deteriorados, caducados, non-autorizados ou que por calquera outra causa poidan entrañar risco para a saúde ou a seguridade das persoas, e serán por conta de quen cometa a infracción os gastos que orixine a súa intervención, depósito, comiso, transporte ou destrucción.

6. As contías sinaladas no apartado 2 poderán ser actualizadas periodicamente polo Consello da Xunta, tendo en conta a variación dos índices de prezos para o consumo.


Artigo 148. Competencia para a imposición de sancións.

1. Os órganos da Xunta de Galicia competentes para a imposición das sancións previstas nesta lei son os seguintes:

a) Os órganos da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, se é o caso, ata 120.202,42 euros, nos termos que se establezan regulamentariamente.

b) O Consello da Xunta, desde 120.202,43 euros.

2. Os concellos da Comunidade Autónoma, ó abeiro das súas respectivas ordenanzas municipais, poderán sanciona-las infraccións previstas nesta lei, sempre que as devanditas infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as que exercen competencias de control sanitario.

3. Para os efectos do apartado anterior, deberá comunicárselle á Consellería de Sanidade a ordenanza municipal pola que se acorda exerce-la devandita potestade sancionadora, así como os expedientes sancionadores incoados ó seu abeiro e as resolucións definitivas que recaian, se é o caso. Cando pola natureza e gravidade da infracción teña que superarse a contía máxima establecida no parágrafo anterior, a entidade local correspondente remitiralle á Consellería de Sanidade as actuacións que constan no expediente, debidamente tramitado, xunto coa proposta de sanción. A Consellería de Sanidade comunicaralle á entidade local correspondente a sanción recaída, así como as restantes actuacións que deriven da súa intervención.

4. A Administración da Xunta de Galicia poderá actuar en substitución dos municipios nos supostos e cos requisitos previstos na lexislación de réxime local.


Artigo 149. Medidas cautelares.

Unha vez iniciado o procedemento sancionador, o órgano competente para resolver poderá adoptar, logo da audiencia do interesado e mediante acordo motivado, as medidas cautelares que resulten necesarias para asegura-lo cumprimento da resolución que puidese recaer, así como o cumprimento da legalidade e a salvagarda da saúde pública. Tales medidas, entre outras, poderán ser:

a) A suspensión total ou parcial da actividade.

b) A clausura de centros, servicios, establecementos ou instalacións.

c) A esixencia de fianza.


Artigo 150. Clausura de centros, servicios e establecementos sanitarios ou sociosanitarios.

Non terán carácter de sanción a clausura ou peche de establecementos, instalacións ou servicios que non conten coas previas autorizacións ou rexistros sanitarios preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se emenden os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade.


Artigo 151. Prescrición e caducidade.

1. As infraccións e sancións tipificadas nesta lei como leves prescriben ó ano, as graves ós dous anos e as moi graves ós cinco anos.

2. A prescrición das infraccións comezará a computarse desde o día no que se cometese a infracción e interromperase desde o momento no que o procedemento se dirixa contra o presunto infractor. Ademais, o prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

3. A acción para persegui-las infraccións caducará se, coñecida pola administración competente a existencia dunha infracción e rematadas as dilixencias dirixidas ó esclarecemento dos feitos, transcorresen seis meses sen que a autoridade competente ordenase incoa-lo oportuno procedemento. Para tal efecto, se houber toma de mostras, as actuacións da inspección entenderanse finalizadas despois de practicada a análise inicial.


Título X

Docencia, formación e investigación sanitarias

Capítulo I

Docencia e formación

Artigo 152. Principios xerais.

1. A Xunta de Galicia velará pola coordinación entre os sistemas sanitario e educativo de Galicia, co fin de conseguir unha maior adecuación da formación dos profesionais ás necesidades de saúde da poboación.

2. A rede galega de atención sanitaria de utilización pública estará en disposición de ser aproveitada para a docencia de pregrao e de posgrao; para este efecto estableceranse os convenios de colaboración oportunos.

3. A Consellería de Sanidade promoverá a formación continuada dos profesionais sanitarios, co obxectivo de axeita-los seus coñecementos e habilidades ás necesidades do sistema sanitario de Galicia.


Artigo 153. Colaboración en materia de educación e sanidade.

1. As autoridades públicas competentes en educación e sanidade establecerán o réxime de colaboración entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deben impartir ensinanzas universitarias, para os efectos de garanti-la docencia práctica de medicina, enfermería e outras ensinanzas que así o esixisen, mediante os oportunos convenios.

2. As universidades deberán contar, alomenos, cun hospital e tres centros de atención primaria para o exercicio docente e investigador, concertados segundo o establecido polas disposicións vixentes.

3. Os centros de formación profesional da rama sanitaria contarán con centros asistenciais concertados, segundo as necesidades das distintas especialidades e de acordo coas necesidades organizativas do sistema sanitario de Galicia.

4. As consellerías competentes en materia de educación e sanidade promoverán a revisión e mellora continuada dos programas docentes das ensinanzas relacionadas coas ciencias da saúde, co obxecto de consegui-la mellor adecuación da formación dos profesionais e as necesidades do sistema sanitario de Galicia.


Capítulo II

Investigación


Artigo 154. Fomento.

As actividades de investigación fomentaranse no sistema sanitario de Galicia como elemento fundamental para o seu progreso.


Artigo 155. Coordinación.

1. A maior eficiencia na asignación e no emprego dos recursos públicos de calquera procedencia para programas de investigación require ineludiblemente a súa axeitada coordinación.

2. Para tal fin, a Consellería de Sanidade participará nas políticas e no establecemento de prioridades de investigación no eido da saúde.


Capítulo III

Escola Galega de Administración Sanitaria


Artigo 156. Características e obxectivos.

1. A Escola Galega de Administración Sanitaria ten personalidade xurídica e patrimonio propios e configúrase como unha fundación pública adscrita á Consellería de Sanidade.

2. O obxecto da Escola Galega de Administración Sanitaria é a docencia, a formación e a investigación en administración e xestión sanitaria, sociosanitaria e saúde pública, e dirixirá a súa actividade tanto ós profesionais da sanidade galega coma a aqueloutros interesados no desenvolvemento sanitario de Galicia.

3. A fundación rexerase polos seus estatutos así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables. En materia de persoal e contratación seralle de aplicación o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que teña participación maioritaria a Xunta de Galicia.


Artigo 157. Funcións.

1. A Escola Galega de Administración Sanitaria axustará a súa actividade ós fins de interese xeral, desenvolvendo, entre outras, as funcións seguintes:

a) A programación e execución dos programas de docencia e formación.

b) A programación e o financiamento de actuacións, bolsas e axudas á formación e investigación.

c) A edición, realización e difusión de estudios e traballos de carácter científico e de toda clase de publicacións.

d) O asesoramento que lle sexa solicitado por calquera entidade ou institución dependente das administracións públicas sanitarias de Galicia, así como por parte doutras entidades públicas ou privadas.

2. As organizacións sindicais participarán no deseño do plan de formación continuada do persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.


Artigo 158. Financiamento.

1. A Escola Galega de Administración Sanitaria finánciase cos recursos seguintes:

a) As achegas consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) As achegas das universidades e doutros centros docentes que colaboren con ela.

c) As achegas procedentes de entidades e institucións coas que se subscriban acordos ou convenios.

d) Os dereitos de inscrición ós cursos e a calquera outra actividade que realice, así como a venda de publicacións.

e) Os rendementos do seu patrimonio.

f) As doazóns ou calquera outra achega voluntaria.

g) Os créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

2. A actividade realizada pola Escola Galega de Administración Sanitaria para a Consellería de Sanidade regularase a través dos convenios oportunos nos que se fixarán as directrices de actuación, os obxectivos que se pretendan e os recursos asignados para iso.


Disposicións adicionaisEditar

Primeira. Provisión definitiva de postos da clase de médicos titulares.

Os funcionarios do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de médicos titulares, que á entrada en vigor desta lei se atopen en destino provisional en postos da devandita clase pasarán a ocupalos con carácter definitivo.

Segunda. Provisión definitiva de postos da clase de practicantes titulares.

Os funcionarios do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, que á entrada en vigor desta lei se atopen en destino provisional en postos da devandita clase pasarán a ocupalos con carácter definitivo.

Terceira. Servicios prestados en postos directivos.

Os períodos de tempo acreditados no desenvolvemento de postos directivos das institucións sanitarias da Seguridade Social, como consecuencia do nomeamento expedido para estes efectos, poderán ser obxecto de análise nos procesos de selección, promoción interna e mobilidade do persoal estatutario como servicios prestados na categoría estatutaria de orixe.


Disposicións transitoriasEditar

Primeira. Desenvolvemento da estructura do Servicio Galego de Saúde.

De conformidade co previsto no parágrafo 3 do artigo 37 desta lei, no prazo de seis meses contados a partir da súa entrada en vigor aprobarase o desenvolvemento regulamentario da estructura central e periférica do Servicio Galego de Saúde, manténdose entrementres vixentes as normas de estructura contidas no Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, así como as delegacións competenciais necesarias para o funcionamento transitorio antes referido, contidas na Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

Segunda. Organización das áreas sanitarias.

Manterase a actual organización das áreas sanitarias mentres non se aprobe mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia a súa nova configuración, de conformidade co previsto no artigo 7 desta lei.

Terceira. Adaptación da actual rede de hemodoazón e hemoterapia.

A Xunta de Galicia procederá a adapta-la actual rede de hemodoazón e hemoterapia da Comunidade Autónoma de Galicia ó establecido nesta lei, no prazo dun ano a partir da súa entrada en vigor.


Disposición derrogatoriaEditar

Derrogación de determinadas disposicións.

Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ó disposto nesta lei e, en particular:

a) A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, agás os seus artigos 1 e 2, que se manterán vixentes.

b) A Lei 8/1991, do 23 de xullo, que modificaba a anterior.


Disposicións derradeirasEditar

Primeira. Desenvolvemento regulamentario da lei.

Autorízase o Consello da Xunta para que aprobe os regulamentos que sexan necesarios para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Segunda. Entrada en vigor da lei.

Esta lei entrará en vigor dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


  Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."