Abrir o menú principal

Wikisource β

Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais

Lei 5/1988, do 30 de xuño


Índice

Exposición de motivosEditar

A lingua galega constitúe o principal patrimonio cultural da nosa Comunidade, como sinal de identificación e diferenciación de Galicia. O Estatuto de Autonomía, no artigo 5º, recoñécea como lingua propia dos galegos, e o artigo 4.1 da Lei de Normalización Lingüística declara o galego como lingua oficial da Administración local.

Polas razóns expostas, e en coherencia cos mandatos estatutarios e legais, é preciso impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e para este efecto a Xunta de Galicia, no marco da súa política de promoción da normalización lingüística, debe colaborar na medida do necesario cos esforzos das entidades locais a prol do uso normalizado da lingua galega na súa documentación ofical, sen prexuízo de empregar ademais a outra lingua oficial, se así o decide, neste caso, a respectiva entidade.

A finalidade da presente Lei é a de establecer un criterio normativo impulsor do progresivo proceso de normalización do galego na Administración local, na procura dun clima social e político que multiplique os esforzos que se veñen realizando para a recuperación do uso normal da nosa lingua.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13° 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.


Artigo 1Editar

1. As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das Comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega.

2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, as devanditas entidades poden facelo, ademais, na outra lingua oficial.


Artigo 2Editar

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega.

2. Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega.



Disposición transitoriaEditar

1. As entidades locais que non estean en condicións de incorporar de contado o galego como lingua normal nos actos escritos da Administración dispoñerán dun prazo de dous anos a partir da publicación desta Lei para adoptar acordo sobre a realización material do disposto nela e darlle cumprimento.

2. A Xunta de Galicia elaborará un programa de actuacións co obxecto de garantir que, ó cabo do prazo sinalado no parágrafo anterior, tódalas entidades locais de Galicia estean en condicións de cumpri-lo preceptuado nesta Lei.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1988.

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente


  Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."