Manifesto de Sandhurst
Veño de recibir un gran número de parabéns por mor do meu aniversario, e algunhas de compatriotas nosos residentes en Francia. Desexo que, con todos, sexa vostede intérprete da miña gratitude e das miñas opinións.
Cantos me escribiron amosan igual convicción de que só o restablecemento da monarquía constitucional pode pór termo á opresión, á incerteza e ás crueis perturbacións que experimenta España. Dícenme que así o recoñece xa a maioría dos nosos compatriotas, e que antes de moito estarán comigo os de boa fe, sexan cales fosen os seus antecedentes políticos, comprendendo que non poida haber exclusións nin dun monarca novo e desapaixoa nin dun réxime que precisamente hoxe se impón porque representa a unión e a paz.
Non sei eu cando ou como, nin sequera se se ha de realizar esa esperanza. Só podo dicir que nada omitirei para me facer digno do difícil encargo de restablecer na nosa nobre nación, á vez que a concordia, a orde legal e a liberdade política, se Deus nos seus altos designios confíama.
Por virtude da espontánea e solemne abdicación da miña augusta nai, tan xenerosa como infortunada, son único representante eu do dereito monárquico en España. Arrinca este dunha lexislación secular, confirmada por tódolos precedentes históricos, e está indubidábelemnte unida a tódalas institucións representativas, que nunca deixaron de funcionar legalmente durante os trinta e cinco anos transcorridos desde que comezou o reinado da miña nai ata que, neno aínda, pisei eu con todos os meus o chan estranxeiro.
Orfa a nación agora de todo dereito público e indefinidamente privada das súas liberdades, natural é que volva os ollos ao seu afeito dereito constitucional e a aquelas libres institucións que nin en 1812 impedíronlle defender a súa independencia nin acabar en 1840 outra empeñada guerra civil. Debeulles, ademais, moitos anos de progreso constante, de prosperidade, de crédito e aínda dalgunha gloria; anos que non é fácil borrar do recordo cando tantos son aínda os que os coñeceron.
Por todo isto, sen dúbida, o único que inspira xa confianza en España é unha monarquía hereditaria e representativa, mirándoa como irremprazábel garantía dos seus dereitos e intereses desde as clases obreiras até as máis elevadas.
No entanto, non só está hoxe por terra todo o que en 1868 existía, senón canto se pretendeu desde entón crear. Se de feito áchase abolida a Constitución de 1845, áchase tamén abolida a que en 1869 formouse sobre a base inexistente da monarquía.
Se unha Xunta de senadores e deputados, sen ningunha forma legal constituída, decretou a república, ben pronto foron disoltas as únicas Cortes convocadas co deliberado intento de expor aquel réxime polas baionetas da guarnición de Madrid. Tódalas cuestións políticas están así pendentes, e aínda reservadas, por parte dos actuais gobernantes, á libre decisión do porvir.
Afortunadamente a monarquía hereditaria e constitucional posúe nos seus principios a necesaria flexibilidade e cantas condicións de acerto fan falla para que todos os problemas que traia o seu restablecemento consigo, sexan resoltos de conformidade cos votos e a convivencia da nación.
Non hai que esperar que decida xa nada de plano e arbitrariamente, sen Cortes non resolveron os negocios arduos dos príncipes españois aló nos antigos tempos da monarquía, e esta xustísima regra de conduta non hei de esquecela eu na miña condición presente, e cando todos os españois estean xa habituados aos procedementos parlamentarios. Chegado o caso, doado será que se entendan e concerten as cuestións por resolver un príncipe leal e un pobo libre.
Nada desexo tanto como que a nosa patria o sexa de verdade. A iso ha de contribuír poderosamente a dura lección destes últimos tempos que, se para ninguén pode ser perdida, aínda o será menos para as fornadas e laboriosas clases populares, vítimas de sofismas pérfidos ou de absurdas ilusións.
Canto se está vivindo ensina que as nacións máis grandes e prósperas, e onde a orde, a liberdade e a xustiza admíranse mellor, son aquelas que respectan máis a súa propia historia. Non impiden isto, en verdade, que atentamente observen e sigan con seguros pasos a marcha progresiva da civilización. Queira, pois, a Providencia divina que algún día se inspire o pobo español en tales exemplos.
Pola miña banda, debo ao infortunio estar en contacto cos homes e as cousas da Europa moderna, e se nela non alcanza España unha posición digna da súa historia, e de consuno independente e simpática, culpa miña non será nin agora nin nunca. Sexa a que queira a miña propia sorte nin deixarei de ser bo español nin, como todos os meus antepasados, bo católico, nin, como home do século, verdadeiramente liberal.
Seu, afmo., Afonso de Borbón.
Nork-Town (Sandhurst), 1 de decembro de 1874
Vexa o artigo da Galipedia acerca de Manifesto de Sandhurst |