N-a tumba de Rosalía
N-A TUMBA DE ROSALÍA Manuel Curros Enríquez 24 de setembro de 1904
Collidas á pedir de porta en porta
(Que eu non herdey xardíns nin hortas teño)
¡Sombra sin paz d'a nosa "Musa" morta!
Aquí estas frores á traguerche veño.
Y-o esparexelas sobre a pedra fría
Que un "Resurrexit" pra crebarse agarda,
Sinto cuase o tremor que sentiría
O ladrón que recëa e se acobarda.
Como él, ao che deixar a miña ofrenda,
A soledade en miña axuda chamo,
Que si él ten medo que a xustiza o prenda,
temo eu que me marmuren os que amo.
Tanto d'o noso tempo a xente esquiva
As patrias grorias burla y-escarnece:
¡Xeneración de mánceres cativa
Que hastra o pai qu'a enxendrara desconece.
Que hoxe é pecado relembrar fazañas
Porque impotentes pr'as facer nacemos
E cecáis que gabar grorias estrañas
Nos console d'as propias que perdemos.
O valor, o carácter, as ideas,
Fala, costumes… son "lendas douradas"
¿De qué coör serán ¡ay! as alleas
Que nos fan ler á couces e pancadas?
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
Mais dorme, Rosalía, mentras tanto
N-as almas mingoa a fe y-a duda medra
¡Quén sabe si d'este recinto santo
Non quedará maña pedra con pedra!
¡Quén sabe si esta tumba, n-ese día,
Chegará á ser, tras bélicas empresas,
Taboleiro de yankee mercería
Ou pesebre de bestas xaponesas!