Navy Bar (De catro a catro)       Manuel Antonio       1928
 


  Este bar ten balances
  E tamén está listo
pra se facer á vela
 
  Encheron-nos o vaso
con toda a auga d'o Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

  Pendurados d'as horas
  atlas xeográficos d'esperantos
están sin tradución
  E tatexan as pipas
c'o ademán políglota d'as bandeiras

  Ese cantar improvisado
é o mesmo
que xa se improvisou n-algures

  Quen chegou avisando-nos
d'esa cita noiturna que temos
c'o vento ao N E
n-a encrucillada d'as estrelas apagadas?

  Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Desconecido
  - sin xeografía nin literatura -
  A noite d'os naufraxos
  c'o seu brazo salvavidas
  aferrará con nosco unha vela de chubascos

  O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

  Pol-as rúas dispersas
ibamo-nos fechando
cada un dentro d'a súa alta-mar

  N-o repouso d'algún vaso
todal-as noites naufraga o Bar.