O bipartidismo ao servizo do control social


O bipartidismo ao servizo do control social       Ángeles Maestro (Para Kaos en la Red)       10 de marzo de 2008
 


Todo proceso electoral é unha instantánea privilexiada dunha sociedade na que se reflicten procesos de fondo que cómpre que sexan analizados paseniño. Lonxe de pretender realizar unha análise global, só quero centrarme nalgúns aspectos que me parecen relevantes.

Efectivamente o dato máis significativo é o aumento até extremos descoñecidos nos últimos 30 anos do bipartidismo. Foron borradas do mapa forzas políticas como Eusko Alkartasuna, Chunta Aragonesista e Partido Andalucista. Só partidos nacionalistas como CiU, que ascende, BNG que se mantén e PNV, que perde un deputado, que teñen unha forte implantación nos seus territorios, conseguiron, máis ou menos, manterse. ERC, perde bastante máis da metade dos votos e da súa representación parlamentaria.

Outros casos, como o definitivo afundimento de IU, son a crónica dunha morte anunciada. Malia haber precedentes históricos, como o afundimento do PCE en 1982 co "xuntos podemos" e que a renuncia a manter a independencia política co PSOE – dende o pacto Frutos-Almunia do ano 2000, viña marcando derrubamentos electorais moi importantes, a dirección federal de IU seguiu a insistir nunha estratexia suicida de subordinación ao goberno e ás cúpulas de CCOO e UGT que a invalidaban como referente mínimo da esquerda real. A materialización do seu afundimento era máis que previsíbel.

O que chamou máis a atención neste proceso electoral foi a posta en escena, de forma implacábel, dominante até o escándalo, de toda a maquinaria mediática ao servizo – exclusivamente – das dúas forzas políticas, PP e PSOE, que representan de xeito máis directo os intereses das clases dominantes.

Nunha sociedade na que a clase obreira está dispersa e desorganizada, na que os partidos de esquerda ficaron reducidos a aparatos electorais cuxa única relación cos pobos son as súas aparicións puntuais nos medios de comunicación do poder, a súa vulnerabilidade é máxima cando estes se aplican con disciplina case militar para amosar que non hai máis que dúas alternativas, ambas as dúas controladas pola burguesía.

O aparato mediático, xudicial e policial actuou coma un rodete implacábel para garantir o máximo nivel de control social posíbel. O perverso mecanismo xestado na Transición, aceptado por toda a esquerda institucional, que garantía o bipartidismo tan só acompañado pola dereita nacionalista, púxose en marcha de xeito abafante.

Todo isto, precedido por unha escalada sen precedentes na persecución da esquerda abertzale e dos movementos sociais e sindicais no conxunto do estado, revela una férrea estratexia de control social indispensábel para facer fronte á previsíbel escalada da mobilización social ante a crise económica que se aproxima.

Seguramente só eles saben as dimensións da crise económica que se está a xestar e o risco de que a resposta social desborde os podres controis das burocracias sindicais subvencionadas. As últimas e duras folgas á marxe dos grandes sindicatos, as mobilizacións antifascistas, pola vivenda, dos estudantes contra a privatización do ensino – non controladas polas organizacións captadas- , de labregos, das mulleres que o 8 de marzo racharon con todas as prohibicións, etc., ademais da evidencia de que a esquerda abertzale mantén e fornece a súa implantación e a súa organización malia a brutal represión, son alarmas vermellas para un sistema que non ten alternativas para a inmensa maioría dos traballadores e traballadoras e dos pobos do Estado español.

Esa é a lectura de fondo do férreo control que se despregou nas eleccións do 9 de marzo, arrostrando o risco de que o amaño da "democracia" ficase en evidencia. Varreron calquera resquicio de aparencia de pluralidade. Precisan que todo estea atado e ben atado.

A confrontación de clase, ante a dura crise que se achega, ante o conflito vasco e o do resto das nacionalidades históricas, aparece sen ningún tipo de colchón institucional ou burocrático.

Ese é o caldo de cultivo dende o que debe xurdir unha nova esquerda anticapitalista e antiimperialista no estado, que constrúa as súas formas de relación e de coordinación coa esquerda independentista, que sente as bases dun novo movemento obreiro cos mozos precarios, as mulleres e os inmigrantes, e que enfronte dende as raíces, do único xeito posíbel: a súa propia construción como forza alternativa á barbarie e á represión. Reescribindo, polo camiño, a necesidade de construír o socialismo.

Tódolos artigos escritos orixinalmente por O bipartidismo ao servizo do control social para a páxina web Kaos en la Red están baixo a licenza Creative Commons Attribution 3.0 Unported e poden ser incluídos no Galifontes.