O divino sainete/Canto II
O divino sainete - Canto II Manuel Curros Enríquez
—Mestre Farruco!... ¿Él é certo?
¿Tí aquí? ¡Nunca Dios me dera!
¿Estóu soñando ou desperto?
—Iñórasme, ¿n'é verdade?
Trátannos tan porcamente
Por esa inmortalidade...
Y-eso que, déndes que rouco
De cantar, morrin de fame,
Fúnme repoñendo un pouco.
—De fame? —Sí, meu querido.
—¿Tí, autor d'os himnos á Patria
Com'outros non teño lído?
—Foi trance un pouquiño forte;
Pero, queiras que non queiras,
Tí non has ter millor morte...
Tal foi o noso saúdo.
Añon sorríu tristemente
Y-eu quedéi pasmado e mudo.
Volto ó fin d'o meu espanto:
—Mestre —dixen— ¿por qué causa
D'a sorte te layas tanto?
Se tan mal che foi n'a vida
Que un ben topache en morrendo,
¿Querías paz máis comprida?
—¡Ogallá se me deixara
N'esa paz dormir de cote,
Qu'estonces non me queixara!
Mais, s'ó que dormindo engorda
Lle vas furgar n'as orellas,
¡Verás de que xenio acorda!
A min tamen me furgaron...
¡Quitarme a vida era pouco
Y-hastra o sono me quitaron!
—Ténme intrigado a tua coita
E se contarma quixeras,
Folgárame. —Pois escoita.
—
O vate tomóu alento,
Mesóuse a barba, e moulando
Pol-o baixo un xuramento,
Continóu: —Morto en Castilla,
Fun d'o hospital para a coba
Levado n'unha angarilla.
Un amigo verdadeiro,
Amparo meu moitas veces,
O bon Euxenio Monteiro,
D'o meu tránsito avisado
Iba tras d'o meu cadavre
Máis qu'eu morto e desolado.
De certo qu'él non soubera
D'a miña final batalla
A loita sinistra e fera;
Se d'ela conta eu lle dira,
Cal me redimíu d'os foros
D'a fame me redimira.
N'a foxa comun collido,
Cayéu sobre o morto a terra,
Cayéu sobre a terra o olvido,
Y-eu, n'aquel silencio manso,
Gocéi pol-a vez primeira
Unha miga de descanso.
D'él n'a incosciente delicia
Estaba, cando entre sonos
Sentin mentarme en Galicia,
E por permisión d'o alto
Fun dend'a Corte hastr'Ourense,
Com'unha lebre, d'un salto.
N'unha rua solitaria
Paréime: reunida en xunta
A mocedá literaria,
D'a miña morte doída
Propúñame honras, proposta
Por todos adimitida.
¿Por todos dixen? Pois minto,
D'a casa en que esto pasaba
Persentóuse n'o recinto
Un home, e en berrando: "Nego
O meu sufraxo á ese herexe"
Calóuse... Ese home era un crego.
—¡Celo quizáis!... —Non, cubisa.
¡Negóume as preces, coidando
Non lle pagaran a misa!
Xusto castigo d'o ceo,
Que fai d'un réprobo un santo
E troca un xuez n'un reo,
Ise home, que a morte ampara,
Pídeme oxe a oracion mesma
Que él en vida me negara.
Y-Añon dobrando a cabeza
Gardóu a autitú piadosa
D'unha alma que sofre e reza,
E vinlle a mirada franca
Desfeita en bágoas qu'escorren
Mollándolle a barba branca.
¿Choraba de certo, óu ría?
Quen a Añon non conecese,
Dudaría... dudaría...
—Vel'ahí tés —ende acabando
Tornóu— porque eu me queixaba
D'a falta de paz en que ando;
Pois déndesd'esa aventura
Non podo topar sosego
N'a calma d'a sepoltura.
—Dí, y agora ¿en qué s'emprea
Tua autividade? —Elixéume
Por capitan a Estadea,
E vou d'ela acompañado,
Ensinándolle os camiños
D'a vida ó que anda estraviado.
—¿Non está en pena tua xente?
—Non: esa miña Compaña
É a d'os santos d'Oucidente.
Viriato, ise patriotismo,
Prisciliano, ise bon senso,
María Pita, ise heroismo,
Macías, o amor mal pago,
Feixóo, a cencia perseguida,
Vesteiro, d'a fe o estrago;
Ises compatriotas nosos,
Que en procesion me seguiron
Despedíndome chorosos,
Todos ises y-outros tantos
Que non canoniza a igrexa,
Sonche os verdadeiros santos.
—¿Santos e non van contigo
A Roma? —Non lles fai falla
Porque non temen castigo.
—¿Logo estamos rodeados?...
—D'unha gavilla de créntes,
N'o tren d'os Sete Pecados.
A tal escoitar, a orella
Zombóume e colléume o espanto
Que entr'os lobos sinte a obella.
E páledo como a morte
Véndome Añon —¿Qué che pasa
Pra te poñer d'esa sorte?
Díxome; y-eu: —Non é nada,
Repriquéille —pero coido
Que hemos ter mala xornada.
—¿Levas a muller? —De parto
Deixéina n'a casa. —¿Levas
Diñeiro? —Non teño un carto.
—¿Fas conta d'herdar? —Apuros.
—¿Tés boa sona? —D'o peorciño.
—Boh! Enton estamos seguros.
—¡Soségate, home! Entr'un groso
Exército de romeiros,
Temes ladrós? ¡Vanidoso!
¿Qué pode haber que t'escoza
Se nin tan siquera levas
Bulsa chea óu muller moza?
—¿Pero esta xente é tan mala?
—Escelente. ¡Vaiche boa!
Xusga pol-a d'esta sala.
—¿Quén son? —Sonche os Preguizeiros,
Que vindo tarde ó traballo
Queren cobrar os primeiros.
Sonche os que gustan d'as troitas,
E como lles gustan tentan
Pescar co'as bragas enxoitas.
—Ahí tes Mella, un mal letrado.
—De xuez botóume á cadea.
—Pois por eso é maxistrado.
—Ahí tes Cesáreo Rodrigo.
—Sendo bispo escomulgóume.
—Será Papa, meu amigo.
E por seus nomes chamando
A cada un, foime o Mestre
Moitas xentes persentando,
D'esas que, n'a humana liza
Á facer o ben chamadas,
Fan sempre o mal... por priguiza.
Añon quedóuse calado;
Erguéuse, choscóume o ollo
E d'o meu brazo agarrado,
Por un pasadizo interno
Levóume ó vagon segundo,
Círcolo d'un novo Inferno.
Anterior: Canto I |
O divino sainete | Seguinte: Canto III |