O niño de pombas


O niño de pombas       Antonio López Ferreiro       1905
 



                                  O niño de pombas

                                         I


        Qué carreira levaría un cabaleiro que á as once da mañán do 20 de Xunio do ano 1134
atravesaba á todo escape a ponte Taboada -a vella, por sabido- cara á Prado, na parroquia de
Bendoiro ? (1). Tal era a fuga que levaba, que anque mismo non houbera o arcaván que xunta os dous penedos
que fan de cepas, unha de cada lado do río, o cabalo salvarío sin falta; pois parecer, pariceu que ao
levantar as patas de sobre o penedo da banda d'acó, xa tiña pousadas as mans no penedo da banda d'aló.
        Agora direi de cómo iba portado. Levaba un á modo de saco feito de pequenas argolas de ferro
enfiadas unhas nas outras e cosidas contra un fondo todo de coiro. O saco subía hastra cubrirlle a cabeza,
rodearlle o pescozo e taparlle o queixo e máis algo das meixelas. Sobre da cabeza e cara así envolvidas,
levaba coma unha monteira de ferro que por diante tiña unha barreta tamén de ferro, que lIe chamaban
nasal, porque defendía o nariz. Debaixo do saco ou cota víaselle un faldriquitín de ante, e de ante eran
tamén os calzoos que lIe cinguían toda a á perna hastra envolverlle o pe. Unha curta pero recia espada
pendíalle do talí, que levaba atravesado sobre o hombreiro direito, e as esporas eran á antiga, e en vez de
rudicio tiñan un longo aguillón como os espunllos dos galos. O escudo, de feitura de triángulo, levábao
encolgado no arzón da besta.
        O cabaleiro, como iba tan de presa (e xa o había de ter visto moitas veces), non reparou n-un
letreiro que estaba escrito n-unha pena, acarón d'a ponte. Nós, que temos máis vagar,
leerémolo e copiarémolo, que ben-o merece, pois é un dos moimentos máis notabres de Galicia, pra canto
máis que o moy sabido alemán Hübner, na coleución de iscriciós cristianas da nosa España, pubricouno
bastante mal copiado. Dicía, e dí así:

                              LABORAVERVNT LA PONTE
                                  ERA DCCCCL:
                  ET FUIT PERFECTA PRIDIE KALENDAS APRILIS (2)


        Mais volvendo agora ao cabaleiro, sigueu a sua carreira sin querer tomar folgo hastra que se
perdeu n-un estenso souto de altas e copudas nogueiras. O cabalo, que era dos que os mouros pol-o veloz
do seu correr chamaban alfaraces, era teixo coma o acibeche; levaba teso, teso e estiricado o pescozo co
peteiro; os beizos babeando escuma; as ventas infradas; a cola irta e tendida; e tal era o modo de manexar
as canelas, que o mirar coma n-un átimo aparecían xuntos os cascos no chao e logo lanzados no aire,
daba mareo e trubaba a vista.
        Así foy hastra que despois d'atravesar un monte raso, bateu n-unha corredoira en forma de
embudo, ancha na entrada, estreita no cabo, no cal a cerraba un valo de terra e callaus, e máis un
palançate ou empalizada baixa formada de estacas espetadas no chao c'uns canizos antre medias feitos
de grosas corres de carballo.
        Esto xa era na parroquia de Don Sión, ou Don Silón, ou Donsión, como dín agora. No cabo da
corredoira, á a man ezquerda, un pouco retirada e trascanteada, abríase unha ancha porta formada de
dous grandes lanchóns de cantería, que facían de pes direitos. Detrás da porta, pra un lado, n-unha garita
feita de pedras e cuberta de ramallos hachábase un mouro, negro coma un chamizo. Era pequenote,
nembrudo, medio trenco, revelludo como paricía pol-as engurras da cara, e máis pol-as cañas que lIe
saían antre as non vastas pero crechas e rabechadas guedelIas de lan, que lIe rodeyaban o carís.
Relumbraba n'aquel fondo loitoso, coma unha vela acesa, o branco do olIo, qu'él estaba sempre e de cote
revolvendo á todos lados.
        O cabaleiro non reparou moito no mouro; atravesou a porta, sigueu o seu camiño por antre dous
muros, un, o da ezquerda, baixeiro á modo de barbacana d'un castelo, o outro máis alto e máis ben feito. A
os cincoenta ou sesenta pasos topou con outra porta que daba de frente, e que ao chegar él abreu outro
mouro máis mozo que o pirmeiro; meteuse dentro, apeouse, e mentres o negro atrancaba a porta e recollía
a besta, á brincos subeu a rampla de pedra que había á a man direita e levaba á un largo patio, rodeyado
de casetas e alpendres, no fondo do cal víase un edificio á modo de paz o dun solo sobrado. No patio
había tal cual mozo ou obreiro; mais o cabaleiro con ninguén se parou, nin falou, sinon que se meteu de
camiño no pazo que tiña a porta aberta; embocouse pol-a escaleira, e en duas ou tres alancoadas
prantouse na pirmeira cámara que topou, n-un recanto da cal, ao pe d'unha fiestra, hachábase sentada
n-un canapé unha dona de gran porte, rodeyada de duas ou tres doncelas. A dona, anque moza, pois
tendría, á todo ter, de 26 á 27 anos, gastaba touca coma a que soían trajer as señoras mayores e xa
apartadas do mundo. O axustado brial e mail-o demáis vestido que levaba, sin que aparecese n-él cousa
que denotase fachenda e fantesía, era cal cumpría á unha dona que mamou co leite as finas e esquisitas
maneiras da máis alta sociedá. E na sua faciana debuxábase certa espresión de tristura e malenconía que
inda lle daba máis aire de maxestá.
        O cabaleiro non lle dou outro saúdo que guindarse n-un tabolete, dicindo ao mesmo tempo con
aire pesaroso e abatido: -Xa cheguei tarde!
        -¿Qué foy o que pasou logo? -perguntou ela saltando do canapé e poñéndose albiña inda moito
máis do que estaba-. Dicídemo todo e no-me caledes nada!
        -Ao chegar Sancho á Tuy xa a cousa estaba amasada; botáronll'a man e encerráron-o entre catro
paredes, e así o touveron hastra que vendo as contas mal paradas escaparon todos co Conde D. Gómez
pra Purtugal, levándoo á él n-unha xaula de ferro. O pior do caso foy que tamén algúns dos que iban con
Sancho, bastantes, deron as mans cos seus verdugos, que foy o que á mín máis me indinou e aborreceu.
        -E dicir que ese infame consumou ao fin a sua maldá! -escramou ela ca voz tembrosa-. Pero nada
me sorprende; todo esto mo pernosticou a difuntiña de miña nay cando estaba pra morrer. Ainda me
parece que as suas palabras, as últimas que oín de nay á quen tanto quixen, m'están resoando dentro, e
que estou vendo o último alampo que ao mesmo tempo dispidiron os seus ollos antes de cerrarse pra
nunca máis volver á abrirse! E qué é o que maquinará agora ese mal fillo, ese mal hirmán, ese tigre
-continuou ela cos ollos erguidos cara ao ceo, cos brazos caídos, cas maos cruzadas co rivés pra riba- pra
acabamento e ruina da sua xente e perdición da sua alma?
        E ao dicir esto a dona deixouse caer no canapé, e comenzou á saloucar de tal modo, que paricía
que lle quiría saltar o corazón pol-a boca.
        O cabaleiro, que veu esto, correu ao pe d'ela dicíndolle con moito amor: -Mariña! Mariña! qué che
dou? Mais ela, co acoramento que tiña, non podía pernunciar palabra; soilo tiña a man sobr'o peito coma
si tivera medo de que lle estoupase.
        Estonces él avisou que trouxesen unha pouca auga fresca, e mandou á as doncelas que lle
afroxasen a roupa, e entramentras qu'estaban n-esta operación, arrimouse él á unha ventaa que dicía ao
campo e que tiña unha gran vista. Coma pra estraerse estendeu as suas miradas todo ao redor, sin por
eso pousalas moito nin nas mechas carballeiras, nin nos labradíos, nin nas herbeiras, nin nos caseríos que
desde alí se avistaban; pero n-unha pequena calva de monte que se vía a o lonxe antre dous soutos de
castiñeiros, debeu de pronto aviscar algo que lle chamou moito a atención, porque pra alí enfiou os ollos
medio musgados, estiricou o pescazo e ainda botou o corpo fora da fiestra, como si quixera atrapar e deter
cos ollos o que así de socato se lIe presentara. E n'afeuto, pol-a calva aquela víanse marchar á todo
escape unhos bultos coma de dous homes á cabalo; e o nosa cabaleiro, que dibía ter unha gran vista, poI-
os xestos que fixo e pol-a ansia con que olIaba pra o sitio, dou á entender que algo pispiara n'aqueles
bultos que á él nada o contentaba. Por un pouco foy siguindo ca vista a direición que supoñía que levaban,
por ver si os volvía á apelumbrar; pero decatado de que perdía o tempo, porque todo pra aquela parte eran
espesas e altas carballeiras, dou a volta pra dentro e encamiñouse pra onde estaba Mariña, que xa estaba
máis atranquilada e serena.
        -Ay Ramil! Ramil! -escramou ela ao que o veu preto de sí- en qué boa hora sacou Noso Señor
d'este mundo á miña nay, pra que non vise nin soupese de tan ruins e atrocismos feitos.
        -Poida que vosa nay -contestou él- tivese máis conformidá e estivese máis serena que vos.
        -Non digo eu menos, pero non hay peñasco (e ben sabe Dios que miña nay non-o era) que á a
forza de mallar non se abrande ou non se esfarele. Os tragos que ela pasou foron-a ao fin chegando e
apertáronlle o corazón hastra cortárenlle de todo o folgo. Pero inda estou por dicir que mail-a matou a
ideya dos males que adiviñaba, que non os que ela misma veu e presenciou.
        -Ben, pois agora o que importa é que vos vayades atranquilando pra ver de cómo podemos
valerlle ao probe de Sancho. O malo é cómo vamos á saber agora do seu paradeiro. É de creer que o
levarían pra Braga ou pra o Porto, si non-o meteron n'algún dos castelos que están preto da estrema. A
mín xa se me acurreu que habemos de ter que mandar á Daniel, que ten boas pernas e é moy estuto, e
pro caso non hay outro, que onde él non meta o fuciño, xa escusa outro ir á peteirar.
        -Pois entonces, canto máis axiña -contestou a dona dando un gran layo-, e si pode ser hoxe é
escusado esperar á mañán. Habedes de ter que darlle algunha guía pra que él poida manexarse e saber
ónde ha de ir á petar. Onte tamén tiven noticia d'Alvira. Trouxéron-a de castelo en castelo, e ao fin
metéron-a ahí no de Gondufe. Pol-o d'agora non-a tratan tan mal, dí eIa, pero sabe Dios o que inda lle
espera.
        -Vos, Mariña, que sempre fostes tan aleuta e tan boa -engadeu o cabaleiro, que se lle conocía
que estaba alí ardendo desque vira atravesar as duas sombras pol-a calva do monte- non debedes
esquecer que Dios aperta, pero non afoga, e que conforme dá a chaga, así dá o romédeo. Agora teño que
ir á dar unha volta pol-a casa, pero ey de volver logo, si Dios quer. E si mentras houbera algunha novedá,
xa me mandarés aviso decontado.
        E acabando de dicir esto xa sobre a soleira da porta, baixou á escape e no patio falou co
moordomo da casa pra que avisase á toda a xente que se retirasen todos dentro dos muros, e que puxese
gardas e vixías mentres él non viña. E logo montou á cabalo e desapareceu coma unha saeta.


                                         II

        O noso cabaleiro sigueu ca sua carreira por un boo anaco, mais logo puxo o cabalo ao paso coma
quen quere botal-as suas contas ou desenredar algunha maraña que ten no caletre.
        E agora, xa que ternos algún xeito, diremos algo do caraute da sua presona. Podía ser un mozo
d'unhos trinta anos ou ainda non, branco e rubio coma unha rosa, d'olIos azules, que non sabían estar
quedos sinon rebulindo d'aquí pr'alí, coma si quixera que nada se lIe escapase das suas miradas. Os
movementos do seu corpo eran tan súpetos e lixeiros coma os do corzo, e logo encollíase e encartábase e
agachábase coma si fora unha denosiña.
        Ao que acabou de botar os seus cálculos, puxo outra vez o cabalo ao trote, e n-esto saindo
d'unha carbalIeira, atravesou unha pontelIa formada de duas lousas estendidas sobre un rigueiro, e
enxaretouse por un estreito camiño, bastante costaneiro e cerrado á ambol-os lados de duas sebes feitas
de salgueiros e abeleiras. O camiño iba rodeyando un alto coto, todo cuberto d'arriba abaixo de vizosas
herbeiras, que aparentaban coma un imenso e froleado tapete, cortado á trechos pol-as abirtas feitas pra
guiar a auga. A cima do coto era chan como a palma da man, e todo ao redor pol-a estrema corría un
cercado de buxos á modo de balcón, asobardado de trecho en trecho por moy vistosas roseiras. Máis pra
atrás, antre unhos frondosos castiñeiros, apelumbrábase unha casa ao parecer bastante grande e boa: era
á de Ramil; mais él, co ollo posto no sitio por onde lIe parecera que vira pasar os dous bultos, e que
estaría d'alí inda como un cuarto de légoa, sigueu pra diante. Non topou con ninguén que lIe poidese dar
algunha razón, pois o sitio era bastante solibato e tan á atrasmán, que nin por deleve pasaría ningunha
presona, mormentres á aquela hora. Soilo alá lonxe n-unha devesa que xa estaba escontra Lalín, pispiou
algúns homes que estaban esmozando carballos. Chegouse Ramil á a devesa, e despois dos saúdos e
comprementos d'adoito, perguntoulle á un home que estaba encima d'un carballo, acarón do valo,
adoando os cortes da rama que tiña guindada no chao, si vira pasar por alí preto á dous cabaleiros, que ao
parecer viñan da Laxe ou de Bendoiro. Respondeu o peisano que faría cousa d'unha hora, que vira pasar
por un sitio que cenaba ca man, á dous cabaleiros que iban á boo andar, e que non vira á máis ninguén. E
ainda máis engadeu, que un dos cabaleiros parecéralle o señor de Donrramiro, pero por eso que non-o
aseguraba. Ramil non quixo saber máis, díxolle adiós, picou o cabalo e dou volta á escape pra casa.
        Non lle debeu facer boo peito a nova aquela, pois dou en xuntar as cexas e poñerse máis caviloso
e de máis malo xesto do que levaba. Paricía que sobre él caíra unha nube que lle puxera negros todól-os
seus pensamentos.
        Ao chegar á a porta da casa, viña tamén correndo e saltando un raparigo, que antre as duas
mans trajía un melriño novo, amostrándollo coma quen dí: Mirade o qué atopei.
        -D'ónde ves, Vasquiño? -preguntoulle él.
        -Veño da devesa da Retorta -contestou o rapaz levantando cada vez máis o paxariño pra que o
vise millor.
        -E cómo fuches á dar aló tan lonxe?
        -Porque me dixeron que había alí moitos niños, e que andaban moitos rapaces á eles. E boo
medo que papey!
        -E logo, qué che pasou?
        -Que ao chegar mesmo á a Cruz do Matelo atravesaron coma lóstregos dous señores á cabalo, e
tal medo lIe collín, porque coidei que m'iban á cañar coma á un can, que m'apatoei contra un valo pra que
no me visen, e estiven pra fuxir pra casa; pero despois, ¡vaiche boa!, como desapareceron n-unha
selación, siguín pra diante. Cando cheguei á a devesa xa había moitos pícaros. E con outro que sabía d'un
niño, fun apoliñando por un carballo arriba, e puden pillar este melro.
        -E non conociches quén eran aqueles dous señores?
        -Non señor; soilo podo dicir que un cabalo era negro, negro, coma o acibeche.
        -Coma o cabalo teixo que ten o señor de Donrramiro?
        -O mesmo.
        Vasquiño era un rapaz d'uns once ou doce anos, fillo d'uns labradores que o gran Conde de Traba
levara pra pobrar a terra de Toledo cando estaba n'aquela fronteira co seu pupilo o Rey don Afonso.
N-unha entrada que fixeron os mouros levaron coutivos á os país, e o probe de Vasquiño, que d'aquí a
pouco inda non saira do burullo, quedou na casa como esquecido. O pai de Ramil, que por casualidad
hachábase por aqueles sitios, doído do desemparo en que quedaba aquela criatura, recolleuno e trouxo
pra a sua casa. Despois Ramil tíñao coma de paxe porque Ile chistaba moito pol-a sua agudez e pol-as
suas saídas. Pero volvendo ao caso, cando ll'oeu dicir que un dos cabalos era teixo coma o do señor de
Donrramiro, dou á a cabeza e marmulando entre dentes: -Sí, o mesmo, non hay dúbeda- meteuse de prisa
na casa. Recorreu e ensaminou todol-os currunchos como quen se recea d'algunha sorpresa, e logo
encargou á os seus homes e criados que gardasen ben a casa, que él non sabía cándo volvería. E sin
máis marchou á escape pra xunto de Mariña.


                                         III

        As esculcas que fixo Ramil, déronlle por resultado que, n-afeuto, un d'aqueles dous bultos que
tanto lle fixeran cavilar, era Gondesindo, o señor de Donrramiro e hirmán e verdugo de Sancho. O pirmeiro
que se lle acurreu foy que xa que Gondesindo estaba por alí era para facer outra das suas, e que d'esta
vez tocáballe a Mariña o ser o branco dos seus ruins e infames maquinamentos. Por eso se apurou él pra
volver logo ao castelo de Mariña.
        Mais Ramil estaba moy cavocado. É certo que Gondesindo aborrecía con toda a sua alma á sua
hirmán, pero non porque él ousase á ollos vistos chiscarlle nin siquera no pelo da roupa. Si fora posibre
que él tivese antre as suas mans o corazón de Mariña sin que ela o vise, machacaríao, estrucharíao,
pondríao en talladas; pero de facerlle á ela cara á cara o máis menor desmán, non era él capaz. Tiña medo
que a mirada da hirmán o aterrase coma o rayo achanda as máis rebustas torres. D'ónde nacía este
medo, este terror de Gondesindo? Quizaibes dos seus propios remordementos; quizaibes do imperio que
él alcontraba, sin saber por qué, nas fauciós e nos además de Mariña; quizaibes de ver representadas na
fegura d'ela as sombras de seus pais, abrayadas e alritadas contra os seus malos feitos; quizaibes de
todo xunto; pero o certo é que él trataba de fuxir d'ela coma o anamigo da cruz. Mais esto non era
impiditivo pra que cando a collese á tergo, lle fixese canto máis mal poidese.
        Ramil, que non caíra n-esto, o que tratou foy de asegurar e apetrechar ben o castro ou pazo onde
vivía Mariña. Recorreu todal-as murallas, portas e ventaas pra ver si estaban ben fortes e seguras;
rexistrou a despensa, a bodega e a fonte, e o pozo da auga; ensaminou e recontou as armas; mandou
surtir a casa ca maor abundanza que se pudo; convocou e reyuneu á todol-os criados, sirventes e
achegados e sinaloulles á cada ún o seu posto e a arma que había de levar, e tomou todal-as demáis
providencias e medidas necesarias, non soilo pra defender o pazo contra unha sorpresa, sinon tamén pra
sostel-o inda que fose contra un cerco posto en toda regra. Él pol-a sua parte estaba disposto á servir de
barreira co seu corpo, morto onde non chegase vivo.
        Todos estes traxíns e faenas non lle quitaron que ao outro día que chegou, mandase á Daniel á
ver si podía pescudar algo do paradeiro do probe Sancho. Doulle unha boa guía, pra que él tivera por ónde
dirixirse no seu viaxe, e soupese á ónde había de ir á parar, e á quén lle había de facer as perguntas moy
disimuladas en que o impuxo pra que naide se decatase.
        Agora, por si á algún leutor cursidoso lle entrasen ganas de saber quén era este Ramil, que
tant'intrés amostraba pol-as cousas de Mariña, vou á dicir en poucas palabras algo da sua parentela, pero
antes comezarei pol-a de Mariña, pois en parte era a mesma, como que decendían d-unha mesma
tronquidá.
        Mariña era filla de D. Sueiro Ares, un potentado cabaleiro de Deza, e de D.ª Aragonta Sánchez,
señora non menos nobre e ilustre, tanto en verbo de riquezas e facenda, como de sona e nombradía.
Tiveran sete fillos, anque tres, os pirmeiros, morreran xa grandiños. Mariña era a máis vella dos que
quedaran, e os outros eran Gondesindo, Sancho e Alvira, que era a máis nova.
        Do pai de D. Sueiro todo o mundo dicía en Deza que era decendente do Rey D. Ramiro, non do
D. Ramiro da batalla de Clavijo, sinon d'outro D. Ramiro que reinara antes en Deza, e que como tal Rey
firmou n-unha escritura do ano 788, que antes estaba no Archivo de San Martiño de Santiago, e que agora
gárdase na Bibrioteca da Universidá, e máis quizaibes, quizaibes n'outra do Tumbo de Celanova do ano
782. E él por tal se tiña, pois así o rezaban os pergaminos e os documentos da casa, e máis que era
pusuidor de terras e granxas, que levaban (e inda hoxe o levan) o nome do Rey D. Ramiro (a parroquia de
Donrramiro, preto de Lalín) e máis do Rey D. Silón (a parroquia de Donseón, en Deza).
        Catro anos fixera que morrera D. Sueiro cando emprencipiou o noso conto, e que morrera D.ª
Aragonta estaba pra facer o ano. Mentres viviron foron o espello en que se miraban todol-os señores de
Deza e d'outras terras. A a familia percuraron educala no santo temor de Dios e imbuila en todas aquelas
máisimas, práuticas e preceutos dos que depende a nosa boa conduta n-esta vida e a eterna felicidá na
outra. E quen dí os fillos, dí os criados, os colonos e todas cantas presonas eran seus súditos, que á todos
trataban con amor e agarimo propios de pais. Daba groria o vel-os con qué recollemento e devoción
estaban na eirexa, e qué reverentes á a misa, á as vísporas, á as vixilias e á as demáis funciós relixiosas.
Os fillos, pol-a sua parte, eran pau de obra, pois todos cantos consellos e avisos recibían de seus pais,
caían no seu tenro corazón como en branda cera, que tomaba todas cantas formas lIe poñían. Soilo
Gondesindo fora sempre un entreberte e un estroloxo que non deixaba cousa con cousa, e co-seus hirmás
fora sempre un cotifón e un pitirrante.
        Todo foy pasando ben mentras viveu o pay, pero asomade D. Sueiro cerrou o 0110, aquelo foy
unha desfeita. A Gondesindo prantóuselle nos miolos, que pois él era o maor dos varóns, á él lIe perteecía
o rexir e gobernar a casa. Tan arroutada era esta pretensión, que ainda nin siquera chegara á a maor idá,
e D. Sueiro xa ti vera bon coidado de nomear curadora dos fillos á doña Aragonta e máis á algúns amigos
da sua confianza.
        Pero á Gondesindo non había que falarlle d'esto. Pra él, él era competente e máis que
competente pra gobernal-a casa e mail-o estado, e máis estados que se lIe puxeran diante, e non quería
oir de curadores nin de curadorías, e tiña xurado e perxurado que había de sair ca sua. E non marrou.
C-uns compinches do seu pau, que na mocedá nunca faltan pra calquer tramoyada, desapareceu do pazo de
Donseón, que era onde residía ca nay e cos hirmás, e de socato e á as escondidas meteuse no de
Donrramiro. E logo que se veu ben apetrechado n-él, escomezou á botar por ela e á mandar avisos á os
rendeiros e foreiros das terras que foran de seu pay, pra que lIe levasen á él todal-as rendas e direituras
que soían pechar. O propio fixo cos curas e capelans das eirexas de que D. Sueiro tivera o padroazgo. E
probe do que non lIe obedecese ou fixese caso, que alá iba él coma un alarbio c-unha boa camada
d'outros tan boos coma él, e botábase encima de todo canto encontraba, facendo ao mesmo tempo mil
estropicios. E eso que xa él tivera ansia de poñer nos coutos da casa xueces e moordomos, que, por
sabido, eran dos galafates que andaban na sua campaña. Con esto todo o mundo lIe tembraba, e ninguén
s'astrevía á faltar á os seus chamamentos e á deixar d'acudirlle cas rendas e demáis dereitos da
casa.
        A nay e mail-os hirmás víanse, como non podían menos, acurrados, pero calaban e sufrían por
non dar un estampido. E boo foy que como a casa estaba tan ben forrada, inda poideron ir aguantando así
bastante tempo, pero ao fin, como onde se saca e non se pon, logo se chega ao fondón, tamén
emprincipiaron á sentir faltas pra o que o seu estado requiría. E anque D.ª Aragonta a probe facía canto
podía pra disimular a carraxe que lle bulía dentro, os fillos, mormentes Sancho e Alvira, estaban doentes e
depenábanse cas talabartadas do hirmán. Mandábanlle recados e máis recados, e él a calada por
resposta, e ainda á un propio que Ile pareceu que se desvergonzara algo con él, cortouIle as orellas
pra que soupese ter crianza, díxoIle, e máis pra que levase a contestación á seus amos. Unha vez foron a
nay e máis Mariña á ver si o podían reducir, pero él, así que as ventou, escondeuse ou escapou pra non
vel-as diante. Volveu outras duas veces Mariña soila, e o mesmo. O único que poideron conseguir, foy que
Iles deixase libres uns cantos lugares, pero dos máis probes e pequenos, que máis paricía bulra que
outra cousa.
        Doña Aragonta tivera tentaciós de dar parte d'él ao Rey D. Afonso n'algunha das veces que
viñera a Santiago, pero opoñíaseIle tanto o ter que acusar á un fillo diante d'un Rey tan xusticieiro, que
tantas veces o pensou, tantas veces o deixou. Ao fin, os pesares e desgustos que lIe ocasionou aquel mal
fiIlo, á quen ela criara con tanto amor e cariño, foron-a chegando e amolecendo, e á os tres anos de morto
D. Sueiro tamén ela espichou e dou a sua alma á Dios.
        Mariña sigueu co-seus hirmás Sancho e Alvira, e eles mirában-a e tratában-a coma unha segunda
nay, pero con Gondesindo cada vez as cousas foron á pior. Sancho xa non poido aguantar máis, e iban á
quen máis podía. Cada ún ca sua tropa de xente armada andaba recorrendo as terras e cotos da casa, e
cando se alcontraban había sarracina larga.
        N-esto socedeu o levantamento do conde de Toroña, D. Gómez Núñez, e Gondesindo fixo corpo
con él, e xuntouse ca sua xente en Tuy. En canto á Sancho, foy un dos pirmeiros que obedecendo á as
ordes do señor Rey D. Afonso VII, presentáronse contra os rebeldes. Mais como Gondesindo ca-suas
trapazadas era capaz de engatusar á un santo, encamelou á os que levara Sancho hastra que se lIe
viraron os máis d'eles, e con esto púdoIle botal-a xarpa; e cando D. Gómez se veu obrigado a liscar pra
Portugal, escapou con él do modo que dixemos. A Alvira xa Gondesindo a atrapara antes, unha vez que
fora ela á ver unha casa que tiñan na parroquia de Bendoiro. E con esto quedara Mariña soila, sin máis
emparo que o de Dios e máis a axuda que Ile daba Ramil.
        E agora que sabemos quén era Mariña, veñamos a Ramiro ou Ramil. Ramil era fiIlo de D.ª
Adosinda, hirmán de D. Sueiro, e tía carnal pol-o conseguente de Mariña e de seus hirmás. O mesmo día
que casou D. Sueiro, casou ela cun riquismo cabaleiro de Deza que lle chamaban D. Ares ou Arias
Sandinz. Non tiveron máis fillo que á Ramil, e eso cando xa cuase perderan a esperanza de ter familia. E
ainda correu a loya de que no nacemento d'él socedera non sey qué milagre ou cousa así. A os vinte anos
quedou orfo de pay e nay, e véndose así soilo, buscou o agarimo dos seus curmáns, que o querían como
da casa, mormentes Mariña, que pol-o que él a atendía e respetaba, éralle a modo de nay.
        Contaría él á este tempo á o máis uns vintesete anos, e facería dous ou tres meses que viñera de
Toledo, onde estivera tres anos sirvindo ao Rey D. Afonso VII contra os Almoravís, que sempre estaban co
ollo posto na imperial cidá. Él, de corpo era moy aposto e moy prantado, e anque farfantón, moy
proporcionado en todol-os seus membros e moy xentil nos seus además, pero esto non era nada ao ver
das altas prendas que lle fermoseaban a alma.
        Cando volveu de Toledo e veu a desconcordia que había antre seus curmáns, sinteuno tanto
coma si os alcontrara á punto de morreren, pero como sabía a mala caste que era Gondesindo, decatouse
axiña de parte de quén estaba a razón. Desque veu soila á Mariña non se separou d'ela un istante, e
cando por pirmeira vez o vimos na Ponte Taboada, viña de Tuy, á onde fora porque deran en dicir que
mataran á Sancho, e a hirmán non acougaba mentres non soupese de certo o que pasara. Dempois,
receando como dixemos algunha barrabasada das de Gondesindo, sigueu á pe quedo en Donseón, pero á
a madrugada do terceiro día viñéronlle a trajer recado de que aquela noite a sua casa ardera pol-os catro
costados.


                                         IV

        Quén-o pensara! N'aquela mesma noite entr'a xente do pazo de Donseón houbera un gran
proverio e moita fuliada por mor d'os lumes de San Xoán. N-un patio intirior, e non n-o campo qu'estaba
arrentes da cerca, pra non estorbaren á os guardias e vixías que estaban á a espeutativa, fixeran unhas
grandes lumaredas e emprencipiaron á brincar por encima, porque dicían que aquel fumazo era boo para
curar e preservar da sarna. Soilo que á veces algún que non tasmeara ben o anchor da lumeira, caía antes
de chegar ao outro lado e chamuscábase todo, mentres os demáis comezaban de ouvear e correr a
chacota con él. O peor foy cando aquel mouro vello que vimos á a entrada do castelo, que tamén lle dera
por curar a sarna, cayeu espatarrado coma un sapo cuase no medio da fogueira, levantando unha gran
fumareda de cinza, muxicas e charamuscas. Estonces sí que a foy. Qué de allaridos! qué de aturuxos! qué
de apopeos contra o probe do mouro!
        -Inda lle paricía que era pouco teixo -berraba ún- e quixo poñerse máis.
        -Non, que o fixo pra volverse vermello -saltaba outro.
        -Chamádelle burro dicía un terceiro.
        -Agora sí que vas á quedar teso e curar a trencura! -Non que non! -engadía algún.
        -E por qué non lle chamarán tamén acalca toupeiras á ese cachourizo!
        -Ben empregado; á él que era tan nifroso, cadroulle mismo coma si tomara un pucho de cireixas.
        -Non que quixo cural-a sarna ou algún bafo, e con eso quedou escorreito e limpo coma un buxo;
non que non; non é verdá porteiro?
        -Ben se conoce que n-esto de dar brincos non está moy crusario.
        Por eso, como nunca faltan almas boas, algúns, máis caridosos, axudárono á sair de antr'as
brasas e á atafagar o fogo que lle prendera na roupa, a cal, á dicir verdá, como era tan sinxela cuasque o
deixara en coiro.
        E máis Xurdo, ou Xorxe, como lle chamaban ao mouro, teixo, trenco e todo, era boo coma unha
baraza de lan. Pasaba de vinte anos que o trouxera D. Sueiro de terra de Toledo, onde estivera co gran
Conde de Traba e outros cabaleiros galegos que alá foran pra defender a fronteira contra os Almoravís.
N-unha derrota que lle meteron os nosos á os Mouros, fixeran unha gran presa de homes, cabalos, diñeiros,
panas, vasos, e moitas máis alhaxes e cousas. Despois, cando foron á repartir, tocáronlle a D. Sueiro o
negro Xorxe, que gardaba unha das tendas do axército dos Almoravís, e máis Daniel, que estonces era un
rapaz que trajían pra arrear as bestas. Tróuxoos consigo D. Sueiro pra Galicia como coutivos e escravos,
pero foinos tan ben insinando e adoutrinando, que ao pouco tempo bautizáronse ambos e dous, e
cumprían tan no seu punto as obrigacións que lIes impuña a nova Ley que abrazaran, que xa paricían
cristianos vellos. Anque coutivos e escravos, alternaban cos demáis criados libres da casa, con tal
igualanza e hirmandá que todos paricían úns. Cando todos se xuntaban na cuciña ao redor do lar, si non
era un cuciñeiro vello que había na casa, era Xurdo o que cuase sempre tiña a palabra, contando no seu
chapurrado linguaxe cousas da mourería, das custumes da sua terra, e de feitos e pasos que él vira ou
oira, anque á veces era fácele que él engadese algo da sua cabeza.
        Ao seu novo amo chegouno á querer tanto, que inda non chistaba D. Sueiro, inda non facía a
menor cena, alá iba Xurdo voando, pois paricía que lIe lía no peito, pra darllos satisfeitos e cumpridos,
todol-os seus gustos e deseyos. Cando morreu D. Sueiro, pouco faltou pra que non-o tivesen que enterrar
con él, tan collido e agarrado estaba ca caixa. E pasados algúns días, en que andivera coma aloucado,
botouse á os pes de D.ª Aragonta, sin falarlle máis que con xemas e saloucos, como dicíndolle: -Si vos no-
me queredes como escravo, dispoñede da miña vida como for da vosa voontá.
        Á a hora da morte mandou D. Sueiro no seu testamento que desen libertá á todos os seus
escravos, pero Xurdo, sacado no nome, non quería renuncear a escravidú. O día da Patrona de Donseón,
alá iba Xurdo á a eirexa ca-suas candeas pra tel-as acesas toda función. E logo á todo canto probe
alcontraba, dáballe esmola pol-a alma do seu difunto amo.
        Este era Xurdo, e cando él se vía na sua garita gardando a entrada do castelo e que se arredaba
a xente por vel-o á él tan teso, quedaba máis foncho que o mellor Emperador no seu trono.
        E mentres en Donseón estiveron n-esta troula, que durou boa parte da noite, na casa de Ramil
tamén andiveron á voltas cos lumes, pero éstes non tiñan que ver cos de San Xoán.
        Ramil percurou enteirarse de si socedera algunha desgracia, pero como lle dixeran que soilo
morreran algúns ranchos, bestas e gando, xa quedou o home atranquilado; nin siquera tratou de averigoar
quén fora o verdadeiro autor do incendio, porque esto xa o supoñía. Pol-o que despois se veu, o lume
botárono pol-os bufarros das cortes e máis da leñeira. O que él fixo foy achavellar e reforzar ben as portas
e as entradas do pazo de Donseón, e aumentar as vixías, porque naide lIe sacaba da cabeza que iba á
presentarse alí Gondesindo a facer unha das suas.
        Por algúns días non se sinteu nin oyeu n-aquela redonda o menor chío de roído ou alboroto.
N-esto veu Daniel de volta do seu viaxe, que como tiña tan boas pernas n-un día púxose sin matarse moito
en Tuy. Alcontrou toda a cidá remexida por causa da guerra cos purtuxeses. Non se falaba d'outra cousa,
de si iba á vir ou senon iba á vir o Rey D. Afonso de Purtugal, e do que facerían ou non facerían os
nosos. Así é que pouco caro lle custou á Daniel o enteirarse do que fixeran os purtuxeses cando estiveran
en Tuy, e máis do que fixera o Conde de Toroña, D. Gómez Núñez, que alí era coñecido coma a ruda, e de
quén levara consigo pra Purtugal. PoI-o que oira falar nos recovaxes de xente que por deleve lIe cadrou
alcontrar, soupo que con D. Gómez iba n-unha gayola de ferro un cabaleiro que o metera n-ela un seu
hirmán, que non sabían qué enfado tivera con él, e que ao parecer á este cabaleiro e máis á outros que
iban con él leváranos pra un castelo que estaba preto da Ponte de Lima.
        Daniel encamiñouse alá insiguida, e como no caraute, nos además e ainda no vestir pouco tiña de
galego, pois él era da Berbería, non chamou nada a atención á os purtuxeses, que o tomaron por un dos
cristianos que vivían antre os mouros no Mediodía d'España, quizaibes tratante en bestas. O caso foy que
él enxeniouse tan ben, que co gallo das bestas foise metendo no castelo en que estaba Sancho e poido
enteirarse, así com'a descazón, de cómo se hachaba, de cómo o trataban e do que pensaban facer d'él e
máis dos demáis que estaban con él.
        E todo esto e máis que vira e oira, foy contando Daniel de pe á pa á Mariña e Ramil.
        -Tratar, pol-o d'agora, trátano ben -dixo ao últemo- e oín dicir que o tiñan alí con outros cabaleiros
en arrees pra canxalos por os cabaleiros purtuxeses que ten presos o señor Emperador.
        Con esto Mariña quedou un pouco máis consolada e asosegada; pero á os poucos días veu a
nova de que entraran na Limia os purtuxeses co Rey D. Afonso á a cabeza. Pra máis non estaba estonces
alí o gran cabaleiro galego D. Fernando Yáñez de Limia, que non sey ónde iba, si en Toledo, ou na
Navarra, onde tamén había guerra, ou n'outro sitio. Ao mesmo tempo chegou aviso pra que todol-os
cabaleiros fosen imediatamente á xuntarse cas tropas do Conde de Galicia, D. Fernando Pérez, e máis do
Conde de Lugo, D. Rodrigo Vélaz, que iban correndo á sairlle ao encontro ao Rey de Purtugal.
Ramil, por sabido, tan pronto tivo aviso, saeu á escape cuns cantos escudeiros, poucos, porque
poI-o que pudera soceder, quixo deixar bastantes no pazo de Donseón. Alcontráronse os dous axércitos n-
un sitio que chamaban Cernesa; pero como os nosos xuntáranse á a presa, iban medio revoltos e
escamallados; e así os purtuxeses poidéronos envolver e derrotar de mala maneira; tanto que o mesmo
Conde don Rodrigo estivo á pique de caer prisioneiro si non é por dous de seus escudeiros, que así que o
viron en tal apreto, botáronse con tal furia sobre os que o colleran, que llo arrincaron das mans.
        O pior do caso pra o noso conto, foy que tamén Ramil cayeu prisioneiro con outros moitos
cabaleiros. Veuse rodeyado cos seus d'unha tropa de purtuxeses que sin door do corpo o acometían con
tal carraxe e gana, que él, que non era froxo, ao cabo non tivo máis romédeo que rendirse e darse preso.
        Non-os pararemos aquí agora en contar cómo rematou esta entrada do Rey de Purtugal na Limia;
baste saber que D. Fernando Yáñez fíxoo sair máis que de paso, e pra máis sinalado cun boo lanzazo que
lle meteu un dos seus pións.
        Volvendo á Ramil, levárono preso ao Campamento do Rey don Afonso; e por canto, un dos
pirmeiros con quen topou, foy Gondesindo, o cal comezou de apopealo e chamarlle mil vituperios.
        -Vay agora -decíalle- á rondarlle a casa de Donseón. ¡Pensas ti que non sey eu os trapicheos que
tees ca loba de Mariña! Que veña ela agora á libertarte das miñas mans.
        Ramil estaba que ardía e non fumeaba, e ideyas lle viñan de botarse á él á dentadas e facelo
anacos; pero refleusionou que nada facía con aquelo. Mais por eso, cravando n-él os ollos coma pra
atravesarlle a alma, díxolle renxendo os dentes:
        -Xa sabía eu que eras un ruín villán; pero nunca coidei que a tua vildá chegase a tanto!
        Boo foy que algúns cabaleiros purtuxeses á quen mesmo daba noxo o ver aisí tratado á un nobre
guerreiro, que non por falta d'él, senon pol-as voltas da virada fertuna, quedara así rendido, percuraron
despartilos, e levaron á Ramil ao depósito onde estaban os arrees, mentres non chegaba o día do canxeo.


                                         V

        Como, do que é mal, as maas noticias soen chegar máis axiña que as boas, a nova da derrota
dos Condes D. Fernando e D. Rodrigo e máis a da prisón de Ramil, non tardou en chegar á Deza, e n-un
átimo estendeuse por toda a comarca.
        Cómo quedaría a probe de Mariña cando lle veu a noticia da prisón de Ramil, xa o poden
fegurarse os nosos leitores. Pra ela, orfa de pay e nay, sagrestada dos hirmás, herdeira por parte da nay
d'un caudal imenso de sufrimentos, como foran os que lIe acasionara aquel mostro de Gondesindo, e
diante en prespeutiva as traidorías e ruins maquinamentos d'aquel Caín, verse agora privada da única
presona que lIe quedaba n-este mundo que lIe poidese dar algún consolo e algunha axuda, foy un golpe
que a descompuxo de mala maneira. E que certo é o que dín: Dichoso mal si ven soilo!; á os poucos días
deron en correr a voz de que tamén sacaran á Alvira do castelo de Gondufe e arramplaran con ela pra
Purtugal; e a nova ésta acabou d'afundila na máis negra door. Entrou tal sequío e malenconía con ela,
que nin comía, nin descansaba, nin vía máis gusto que en estar soila cara á cara ca-suas penas. Todo
n-ela era mudo, frío, sombrizo, loitoso coma n-un mortuorio; e soilo as bágoas que á diario lle manaban
xordamente dos ollos, bágoas que lIe queimaban e roían as meixelas, daban a entender que n-aquela
estadea seca e mirrada inda había algún zume de vida. Mais como fora tan ben educada no santo temor
de Dios, non tardou en procatarse de que o entregarse así d'aquel xeito ao door e a angustia, non está
ben n-un cristiano, que sempre debe creer con toda firmeza, que ten un Padre que conoce todal-as suas
faltas e miserias, e que sempre está prestes á socorrelo.
        Este santo pensamento obrigouna á sacudir e rompel-a lousa que a tiña en vida como encerrada
n-aquel sepulcro, que á ela lIe paricía que era a morada que máis lIe aditaba. Tratou, pois, de aconsellarse
e esbafar as suas penas con algunha alma boa e caridosa, que a consolase e lle dese algunha guía
n-aquela tempestá e gran tribulación que estaba padecendo. Tiña oído falar moito d'un santo home, que
vivía retirado n-unha ermida á a veira do Miño e contra a parte de Ourense. Maxinou de ir á velo, e pedirlle
algún consolo, algunha luz que lle disipase as teebras en que se hachaba envolvido o seu corazón. Todos
dín, pensaba ela, que é un home moy santo e moy discreto, e mal será que pra mín non teña algunha
pinga de bálsamo celestial que alovée as miñas congoxas e restoire o meu peito.
        Era aquel ermitaño tudesco de nación, natural da cidá de Colonia, e de mozo viñera á visitar o
Santo Apóstolo; e como era tan cobizoso de deprender cousas santas e proveitosas pra a sua alma,
quedouse aquí tres anos ao lado d'un crego, gran maestro en esta cras de saudabres doutrinas. Ao cabo
dos tres anos, degaxando sempre cada vez máis por coñecer e servir á Noso Señor, foise á os Lugares
Santos de Xerusalén, e alí estivo outros tres anos. Volveu despois á a Europa; pero en vez de
encamiñarse pra a sua terra, veuse pra a nosa Galicia, que tan contento quedara d'ela, ca intención de
quedar aquí todo o que lle marrase de vida. En pirmeiro parou n-un bosque, facendo alí vida solitaria e
contemprativa; pero despois, como se lee na sua estoria, que pubricou o Padre Manrique nos seus Anales
Cistercienses, arrimouse á unha Cumunidá de Ermitaños, que eisistía n-unha eirexa adicada a San Cosme
e San Damián. Todo o mundo falaba de Cuardo, que éste era o seu nome, e das suas vertudes, e das
suas penitencias, e dos seus milagres; e a sua fama corría e estendérase por cuase toda a Galicia.
        Todo esto que Mariña oira falar de aquel santo home, foy o que a induceu á ir á facerlle unha
visita e pedirlle algún romédeo pra as suas coitas. Colleu, pois, c'unha das suas doncelas, montou n-unha
gran faca que tiña, e siguida d'un escudeiro púxose en camiño pra onde lle dixeran que estaba o santo
ermitaño.
        Era un monte alto pobrado de soutos de carballos e castiñeiros. Por antre os soutos
apelumbrábanse así como garitas formadas de grandes croyos; e na cima, n-unha baganta que facían os
priegues da faldra do monte medio escondida antre os albres, erguíase unha pequena eirexa, que era
coma a dona e madre de toda aquela redonda. Ao pe do monte, Mariña apeouse da faca; enteirouse de
cál era a celda do ermitaño Famiano, que tamén lle puxeran este nome; e soila por antre as silvas e matas,
mal gardada dos cachóns d'un sol que esmechaba, foy camiñando e vencendo ben agras subidas. As
ansias que tiña de ver e falar ao home santo, dábanlle alas pra ir avanzando por aquel terreno tan
montesío; que d'outra maneira, soilo que a levasen n-un cadaleito.
        Ao tempo que Mariña chegou á a celda do santo ermitaño, hachábase él sentado sobre un
penedo que estaba acarón e formaba á modo d'un canapé, e arrentes do cal caía do monte un rego de
auga limpa coma un cristal, que despois de chapuzarse coma quen enreda n-unha poza que estaba ao pe,
siguía ruxindo e á brincos pol-o monte abaixo medio encaixonado n-un suco que él mesmo co seu corrente
abrira. O venerabre Famiano estaba á a sombra d'un frondoso castiñeiro, e tiña aberto sobre das rodillas
un gran libro que contiña a antiga coleución entitulada Vitae Patrum, os Comentarios de Esmaraudo á a
Regra de San Benito, e máis outros tratados místicos e ascéticos. Estaba tan embebido na leitura, que
máis ben que presona viva, paricía a imaxe d'un home feito de pedra. Non se decatou da presencia de
Mariña hastra que d'aquí á pouco o bafo e a sombra d'ela lle dou encima; pero por eso non fixo á menor
mostra de estrañeza ou de sorpresa. Solo fixo un movemento como pra poñerse direito; pero en esto xa a
nobre moza se lle botara diante de xionllos pra bicarlle a man ou máis ben os pes, chorando coma unha
Madanela.
        -Qué ten des, filla -perguntoulle con moito amor-, pra que así vos doyades tanto?
        E vendo que os saloucos non-a deixaban pernunciar palabra, fíxoa sentar ao seu lado no canapé
do penedo, e tanto a aloumiñou e tanto a acalentóu, que a boa da muller foise serenando e collendo folgo
pra esbochar e botar fora o que lle atromentaba o peito. Comezóu de contar toda a sua vida, cómo se
hachaba orfa de par e nay, cómo acababa de perder os seus hirmás e non ao fío da gadaña da negra
morte, senon de outra maneira máis loitosa, máis atravesada, máis atraizoada; cómo a deixaran soila no
mundo pra que durase máis o seu martirio, pra estorceren pinga á pinga todo o seu sangre, pra que non
alentase senon pra padecer e sufrir.
        -Moy mala debo ser eu -concruía chorando coma unha perdida-, moy mala debo ser eu cando
Noso Señor me castiga d'esta maneira. Non me bastaba ser aborrecida do mundo, e que as pedras se
levantasen contra de mín, senon que hastra as estrelas do ceo me negasen a sua luz e aumentasen as
teebras que envolven a miña alma! ¡Ay que...
        -Cala, filla, cala -enterrumpeuna o ermitaño-, non botes á perder o campo, tan cheo e repreto de
sazoados froitos, tan esmaltado de fermosas froles como podías ofrecer á Noso Señor. O áspero tarreo
que á custa de tantas faticas e afáns cultivaches, ese tarreo antes tan bravo e montesío, e agora tan
cargado de mechos e pesados monIlos que é un alabar á Dios, anque o mundo outra cousa pense,
quérelo tí n-un momento despois de queimar os froitos, convertilo en desolado e espantabre ermo! Noso
Señor eche moy boo manciñeiro. Qué enfermedá podrá padecer a humana fraqueza pra que Él non teña
afical meeciña? Dios non te oy, ou fay que non te oy, porque ti co atordoamento da door, non sabes o que
dís.
        Mira, vouche á contar un conto, que anque non pasou ha de pasar, si Dios quer, e máis non ha de
tardar. Non sey si repararías ao vir pra acá n-unhos montes que hay á a man ezquerda pouco antes de
chegar á Cea. Si non reparaches, o mesmo dá. Pois n-eses montes, dos que todo o mundo foxe por medo
á os osos, á os lobos, e á outras ferocismas alimañas, que alí nubean á semeIlanza dos nosos pecados,
n-eses mismos montes hase de levantar unha casa que ha de ser á modo d'un paraíso, en que han de
hachar paz, sosego e descanso, moitas almas aborrecidas do tráfego e máis das tramoyadas d'este
mundo. Eu xa me feguro -continuaba o santo ermitaño coma trasportado e mirando pra o Ceo- xa me
feguro ver feita e dereita unha gran eirexa ca-suas tres naves todas abovedadas, co seu presbiterio
rodeyado de capelas e máis da sua coroa ou xirola; co seu coro alto e baixo tan ben trabaIlado; ca sua
sancristía de pranta cadrada, cuberta c'unha bóveda sostida por clunas tan brandamente retorcidas que
han de parecer coma grandes cirios pinzados que non resisten ao peso e queren dobrarse; ca-suas
paredes cubertas d'arriba abaixo de moy vistosas pinturas de pasaxes da Historia Sagrada, da vida de
Nosa Señora e máis da d'ese gran home de Dios, natural de Borgoña, que chaman Bernaldo, e que coma
un Apóstolo está enchendo o mundo co resonido da sua palabra. Xa me feguro contemprar levantada a
fachada do mosteiro recamada de finas labores e esculturas, os seus tres espaciosos claustros, as suas
celdas, o seu refitorio, a sua bibrioteca, a sua hospedería, e as demáis dependencias que aquecen en
casa tan prencipal como ha de ser esa. Xa me feguro estar presenciando as solenismas testas que se han
de celebrar n-esta eirexa; ver ao Reverendo Abade ca mítora na cabeza, e co báculo na man presidindo a
Cumunidá, repartida en duas longas ringleiras semeIlando á Obispo d'unha gran Catedral, e á todo esto a
eirexa atuñada de familia, de señores, de cabaleiros, de moy nobres donas, asistindo todos atentos,
humildes e devotos á as funcións e á os divinos Misterios.
        Agora dime ti si non parece cousa de milagre o ver convertido un sitio onde antes non saían máis
que ouveos e aIlaridos que deixaban atirido de medo e espanto ao máis atrivido, un sitio onde antes non
había vivenda máis que pra a desolación e estreminio, en mansión de paz, de mansedumbre e de caridá,
en que todo o mundo sin distinción ha de recibir boo acollemento, boo trato, boo agarimo, coma na sua
propia casa, e leiciós, e enseño e consellos de celestial vertú pra a sua alma. Pois eso que ha de soceder
n-esa brava serra, pode soceder cando menol-o penses no teu corazón. Hastra o d'agora non foy senon
tobo dos móstroos máis feros e espantabres; cova de pezoñosas serpes e dragóns; forxa dos dardos máis
agudos e penetrantes; pero n-un átimo pode Noso Señor facer que todo ese batideiro, toda esa angustia,
toda esa congoxa desapareza do teu peito, pra que quede maino e asosegado coma unha balsa de aceite.
E pra eso, filla, escusas esbafar en layos e queixas, que non sey hastra que punto poderán ser aceutabres
á os ollos de Dios. Mira, filla: moitos son os sacretos e misterios e cousas encomprensibres de que
estamos rodeyados n-este mundo corpóreo que vemos e prememos cas mans: misterios na terra,
misterios na auga, misterios no aire, misterios en nós mismos; mais con ser tantos e tan grandes, non son
nada ao respeutivo dos do mundo moral, que soilo o ollo de Dios pode pescudar, porque soilo na sua man
está o tempero de todal-as cousas. Por eso é indiscreición e necedá querer o home penetrar n-eses
misterios; á nós bástanos saber que acordándonos d'Él e encomendándonos de corazón á Él, ningunha
cousa pode callar en mal da nosa alma.
        A todo esto Mariña estaba calada, ca vista cravada no chao; pero con tal xesto de resinación e
conformidá, que os dous longos rosarios de bágoas que Ile manaban dos ollos, paricían bordarlle do
bálsamo que alá n-o intrior ll'enchía e restouraba o peito. E cando Ile pareceu que o santo ermitaño
acabara co seu razoamento, sin poder conterse botouse aos seus pes pra bicarllos, dicíndolle ao mesmo
tempo: -Ay, Padre, como ves hey de pagar o ben que me fixéstedes asosegando as miñas penas, que
coma cans doentes me atanazaban a alma e dando meeciña e alovéo á as chagas que me roen e
consomen o peito!
        -Non, filla -contestou él arredándose moy amorosamente-, eu non fixen máis que axudarche á tirar
fora esa malenconía que che revolve os miolos, e que che fay variar e ver as cousas ao rivés.
        -Eu non debía largarme de xunta os vosos pes -continuóu ela cas mans direitas-; pero xa me
sufreu bastante a vosa gran caridá; soilo vos pido por amor de Dios, que morreu por nosoutros, que no-me
desbotedes si pol-aventura veño algunha que outra vez á esbafar con vos as ansias que me aburan o
peito.
        -Mira, filla: eu estou sempre prestes á escoitarte e facerche todo o ben que eu poider; pero
paréceme que sin necesidá non debes de mortificar tanto o corpo e pasar tanta fatica. Preto da tua casa
tes unha presona moy sabida, moy discreta, moy relixiosa, o Abade de Carboeiro (que poida que ti ben-o
conozas), con quen mellor que comigo -xa o creo- podes comunicar as tuas penas e aconsellarte nas tuas
coitas. El é ben sabido e suficiente pra darche luz e consello nas tuas dúbedas e cavilaciós.
        -O Abade de Carboeiro é coma meu pay.
        E con esto Mariña, que xa paricía outra muller, bicoulle por última vez a man e foise pra onde
estaban as bestas, e montando na sua faca púxose en camiño e chegou á a casa cun boo anaco de noite.
E eso que a faca era lixeira coma o pensamento, e custáralle ou dicían que valía doucentos soldos, ou
sean duacentas pesetas, que era bastante valer de faca pr'aquel tempo; pero a xornada fora máis que
regular.

                                         VI

        Ao chegar á a casa encontrouse Mariña c'unha novedá. Presentáronlle un lotiño e dentro,
acomodadas n-un niño de herba seca unha parexa de pombas brancas coma as folerpas da neve, cas
pernas enliadas c'unhas cintas vermellas, coma unha rosa ben vermella. Dentro tamén había un billete co
sobre escrito pra ela. Apersurouse á collelo e á abrilo, pra canto máis que a letra parecíalle conocida, pero
n-esto xa estaba na sua cámara. Abreuno tembrando pol-o medo do que lle podía vir alí, e leyeu o que
sigue:
A a señora Marina, de seu curmán Ramil.


        «Mariña: envíavos moito saudar vaso curmán Ramil. A miña saúde pol-o d'agora, á Dios gráceas,
é moy boa. Esto en canto ao corpo; en canto á a alma (e Dios me conserve na sua grácea) vol-o podedes
maxinar. O verme entre catro paredes no-me abate, ni-me acora; antes ver o corpo cautivo como está a
alma non sey que maneira de satisfaución me infunde; porque ao que está condenado sempre á querervos
sin nunca máis podervos amar, non lle afrixe que a pena que ten alá no máis adentro do seu peito, garexe
por todol-os poros do seu corpo.
        Coidádeme ben ese par de pombas; así á lo menos podréi eu fegurarme cómo vivirán xuntos os
que o mesmo lazo que os ata, os mantén pra sempre soparados.
        Recoméndovos o dador; e pídovos que fiedes d'él en todo o que vos queira dicir da miña parte.
        Noso Señor vos conserve na sua santa grácea, e á mín me dea, por eso, a de poder vervos logo.
-Voso curmán, Ramil».
        Perguntou Mariña quén trouxera aquelo, e dixéronlle que fora un mozo que chegara alí á a xuntiña
da noite, que dicía que viña de Purtugal, e que trajía un encargo pra a señora Mariña. Mandou ela que llo
fosen catar enseguida, e entramentres púxose á ler de segundas o billete, parándose como si o fora
soletreando. E anque facía todo canto podía pra disimular o que lle formigaba alá dentro, non poido impidir
ao mesmo tempo que daba á a cabeza, que unha bágoa se lle desprendese dos ollos. E n-esto xa tiña
diante ao propio de Purtugal. Escomezou de aburalo á perguntas, e él que era bastante electo e agudo,
conforme ela lle iba deixando algún folgo, foille dando descarte á todo. En resumidas contas, díxolle que
tamén él caera preso na batalla e que fora á parar con outros moitos ao mesmo castelo onde estaba o
señor Ramiro; que era criado do señor Payo Curvo e que xa conocía ao señor Ramiro de vello; que él
desde que se veu preso formara intinción de risparse, pero disimulábao o mellor que podía; que á os
peóns non-os vixiaban tanto, pero que ao señor Ramiro e á os demáis cabaleiros non lle largaban pe; que
á os presos, por eso, deixábanos falar uns cos outros, pol-o cal tivera él modo de falar co señor Ramiro, e
d'unhas n'outras descubrirlle o seu pensamento; que estonces o señor Ramiro dixéralle que lle tiña que
facer unha encarga e máis darlle un billete pra cando chegase o caso; que lle pidira por todol-os Santos
que non lle esquecese, nin podendo deixase de facela; que a encarga era mercar unha parexa de pombas
todas brancas e trajerllas á sua mercé co billete que me había de dar; que pra mercar as pombas que lle
dera unha sortella de ouro, que fora o úneco que non lle rapiaron os purtuxeses, mandándolle que a
vendera e que o que sobrase que o gardara pra él.
        E ao decir esto, meteu a man no seo e d'un bolso que tiña alá dentro, sacou un pano n-o cal tiña
envolvida a sortella. Sigueu despois o seu conto, porque as perguntas de Mariña non lle deixaban respiro.
        Contou cómo fora engaratuzando á un purtuxés, facéndose moy seu amigo; cómo se rispara,
arrastrándose como unha cobra; cómo atravesara montes e serras á a media noite por antre os lobos e
feras alimañas; cómo tantas veces pensara deixar os osos antre aqueles penedos; cómo se encomendara
a Nosa Señora da Pena d'Auga, ao Santo Apóstolo, á San Payo, á San Lourenzo, pra que o deixasen
chegar con vida á Galicia; cómo por fin chegara sao e salvo, gráceas á Dios, hastra alí; cómo o señor
Ramiro quedaba moy boo, e non sentira en todo este tempo a menor volta, por máis que estaba
degaxando por sair d'aquela prisón; cómo estaban todos asperando que viñese o señor Rey D. Afonso á
poñerlle guerra á os purtuxeses e darlles unha boa quenta.
        E así foy contando todo de pe á pa, asegún o iban encamiñando as perguntas de Mariña. Ao cabo
presentoulle a sortella dicíndolle: -Faga o favor de gardala pra volverlla ao señor Ramiro cando veña, que
na-suas mans ha d'estar máis segura que nas miñas.
        Mariña colleu a sortella e púxose á darlle voltas e á ensaminala con moita atención. Era de ouro,
como xa dixemos, e no frente tiña engastonada unha pedra d'esas que chaman camafeus e tiña
sobrepostas duas capas, a d'abaixo de coor de cereixa, e a outra de coor así como de leite, c'unha fegura
de muller de medio corpo c'unha gran piocha na cabeza.
        -Inda che vale -dixo Mariña sin sacar os ollos d'ela-, hache de valer trinta ou corenta soldos ou
máis; pero o mellor é que a amostres á un oulive pra que a tase, que eu che darey o seu importe.
        -¡A paso! señora Mariña. -¡Noo seer...! saeu á esto todo atufado Fernando, que así lle chamaban
ao mozo.- Eu non vin acó pra que sua mercé me pague o viaxe; eu vin aquí porque así llo pormetín ao
señor Ramiro, e soilo que a morte se puxese por diante, deixaría eu de cumprir a miña palabra. Bastaba
qu'él mo pidise, pra canto máis estando como está!
        -¿E paréceche á ti que o señor Ramiro non querería recompensarche como é debido tan boa
aución?
        -Eu no-me meto n-eso, métome no que pormetín; e se é boa aución, non quero botal-a á perder
por unha manchea de furricallo.
        Mariña quedou parada mirando pra él, e logo como algo ruburizada:
        -Perdona, Fernando -dixo- coidey que falaba c'un patoyo, e vexo qu'estou tratando c'unha alma de
tan nobres sentimentos coma a do máis xentil cabaleiro. Tes razón que as recompensas do Ceo son máis
certas e máis cobizosas que as da terra. Pero por eso penso de mín que non falarey mal, nin ti te
asañarás, si che pido que siquera tomedes unha cunca de caldo e esta noite durmades á cuberto na miña
casa.
        -Señora, eso é outra cousa. A soberbia en ninguén está máis mal que n-os probes; e xa que a
vosa mercé me quer favorecer, eu non ey de ser tan cotorro que vaya á repochar o ben que se me fay.
Co cal Fernando foise á a cuciña pra onde os criados, e Mariña foy buscar unha xaula pra ter as
pombas alí d'emprestado, entramentras non se lle facía unha boa, ao seu gusto.


                                         VII

        Había aquela noite moita foliada na cuciña, e todos estaban ao redor do lar esperando á ver
cándo estaban cocidas as castañas de que estaba acugulada unha gran cazola ao pe do lume. O lar d'aquí
á pouco era coma unha eira: cadrado, lousado e erguido sobr'o chan coma unha carta. D'os lados tiña
unhos longos tallos con alto respaldo disposto de tal xeito, que cando cumpría, baixábano por sobre da
cabeza dos que estaban sentados, e servíalle de mesa. No medio do lar estaba encolgado do burro ou
augarelo un caldeiro desconforme cheo de auga fervendo aos cachóns.
        Parecía unha estrañeza que houbese tanta troula n-aquela casa onde desde tanto tempo non
había máis que loito e negra trestura. Mais había duas razóns pr'aquela trisca: unha, as castañas cocidas,
e outra, certas novas que trouxera un moordomo que chegara en posta de terra de Castela preto de
Ourense.
        As castañas conservábanas verdes n-unhas grandes covas que facían na bodega e metíanas
n-elas, capa de castañas, capa de area. Pol-o vrao soíanas cocer unha vez á a somana; e o día que as
cocían sempre se celebraba aquél difrente coma si fora unha gran festa.
        As novas que trouxo o moordomo, na cuciña non-as contou pol-o craro; mais por eso dixo o
bastante pra que todos se decatasen de que agora iba a cousa de veras, e de que logo lle iban á tomar as
contas, e ben tomadas, á os purtuxeses. A estalaría e algareo que con esto alí se armou, non é pra dito. O
que máis e o que menos xa lle paricía que tiña alí diante á os purtuxeses, e que estaba facendo n'eles
unha cañeira coma en centeo verde.
        Pero volvendo á as castañas, había alí un cuciñeiro, home d'uns cincoenta anos, muy falangueiro
e adivertido, que pra todos tiña o seu conto, e co cal todos se metían pra facel-o falar; ben que pra esto
pouco él necesitaba. Por eso, era un home honrado á carta cabal, boo coma o pan e leal coma mesma
lealdá. Xa fora cuciñeiro da casa seu pay, xa o fora seu aboo, fórao seu bisaboo, fórao seu tartaraboo, e
ainda n-os decumentos da casa viña que o Rey D. Bremundo II dera o pirmeiro cuciñeiro d'onde viña
aquela tronquidá, así como dera outros escravos, uns pra facel-o pan, outros pra preparar os baños, outros
pra coidar o gando, e así pol-o estilo.
        Pra facelo rabiar, uns furtábanlle algunha castaña; outros tizábanlle o lume pra apurar a cazola;
outros remexíanlle as brasas pra que se alpurizasen as muxicas e as charamuscas, e outros facíanlle
outras trasnadas.
        Mais él c'unha xostra na man, á todol-os tornaba e arrecadaba, dicíndolles ao mesmo tempo:
-¡Afetá que han de volver! Estades moy irtos; xa vos pondrey dondos.
        -¡Sei-que pensas que non han de chegar pra ti, lambón! -decíalle ún.
        -Nunca te viches n'outra, famento.
        -¡Ten tanta fachenda coma si fora o Rey da cuciña!
        -Non lle fagades caso, que á él soilo lle gustan as cousas chichiritas.
        -Cantádelle a copra do porco cuciñeiro.
        E n-esto, dous ou tres mozos dos máis legres do recovaxe, comenzaron de cantar:
Indo pra Cataluña,
Camiño de Gundián,
Encontrey un burro pinto
Montado n-un capitán

Na alforxa leva o viño,
Na cabaza leva o pan.
Entramos n-unha taberna
Con gana de merendar.

O tabarneiro vay na cama,
A tabarneira á mallar
Un becerro vende o viño,
O porco fay o xantar.

As cuncas estaban no chan,
E as xestas no cunqueiro;
O gato sopraba o lume
Porque era o máis lixeiro.


        E ao decir esto os tres cantores botaron a gadoupa hastra dar na cazola; pero a xostra de
Troitosindo, que así lle chamaban ao cuciñeiro, nin siquera lles dou xusgo pra escapar á tempo ca man.
        -Cantade agora: ¿quén é o máis lixeiro? -dicía n-este mentres moy teso Troitosindo, tizando o
lume e sin sacar os ollos da cazola. -Ben sey eu con que bois aro.
        Cas risas e berros que co canto alí se levantaron, paricía que se iba a vir abaixo a cuciña; e logo
comezaron a ripitir á a unha:
O porco fay o xantar,

O porco fay o xantar.


        -A pirmeira vez que oín esas copras -sigueu Troitosindo coma si non pasara nada- foy na
sagrazón da eirexa nova de San Martiño de Pazos. Deixáronme ir meus donos á axudar á facer a comida
que se puxo despois da cirimonia. Moita foy a cristiandá e familia que alí se reyuneu. Despois da sagrazón,
que fixo o señor Obispo de Lugo, púxose unha mesa brandida pra todol-os coengos, abades, frades e
cregos e outros convidados que viñeron, e máis pra todol-os fiigreses da parroquia. Inda no-me tocara
outra pol-o estilo. Acórdome ben que foy o 18 de Setembre do ano 1118. Comeron todos n-un souto
debaixo d'uns toldes que se armaron por antr'os castiñeiros. ¿E queredes que vos diga cánto se gastou na
comida e na festa?
        -Dí.
        -Casi todo pasou pol-a miña man. Pois ensumíronse duas cargas de trigo; tres de centeo; seis de
cebada pra as bestas; seis moyos antre viña e sidra; de manteiga, mel, pimenta e cebolas, quince soldos;
unha vaca testa, catro porcos, seis carneiros; antre bacuriños, sanganos e galiñas, quince pezas. É dicir,
esto foy o que adiantou un cabaleiro que lle chamaban Sanio Martiz e máis sua muller Visclavara RamÍrez (3),
sint'o que puxo a parroquia.
        -E ti qué bibiches ¿viño ou sidra?
        -Bibín o que me cumpreu.
        -¡Vaya que ti, que pra comere eres tan xeniqueiro, que fas rastollo da nosa comida, pouco
apandarías!
        -Bruade, bruade, que ao fin e ao cabo, porco non porco, todos habedes de vir á afociñar á as
miñas mans.
        -¡Válgata a perdamá! ¿En qué fundará á sua fantesía este sarnento, que nunca tivo lacha pra
cuciñeiro?
        -¡Oh, si como é fungón fora cuciñeiro!
        -Coida que ainda está en Castrovite.
        -¿E qué foy eso de Castrovite? -perguntaron algúns d'a tortulia.
        -Onde vay que pasou eso -dixo Troitosindo.
        -Pois foy -sigueu o outro- que cando se reuniron alí os señores Arias Pérez, Pedro Gudestéiz, Xan
Díaz, Paya Gudestéiz e outros moitos máis, que ainda fixeron vir tamén ao moito honrado señor Obispo de
Santiago, D. Diego Gelmírez, despois que estiveron alí unha chea de tempo barallando e platicando,
quedaron ao fin moy amigos, e xuraron e perxuraron que nunca en xamáis habían de faltar á as palabras
que se deran e á as promesas que alí fixeran. Porque entonces todo o reino de Galicia estaba revolto; uns
tiraban pra acó, outros pra aló; uns querían por Rey a este señor Emperador que hay agora, que entonces
era ¡miña xoya! un picariño que ainda andaba en mantelas; outros por darlle na cabeza ao Conde de
Traba, bufaban e esbarafundaban e oubeaban que en Galicia non había de haber outro Rey que a Reina
D.ª Urraca.
        -¿E ti por quén estabas? -saleu ún.
        -No-me pidiron consello, nin tiñan pra qué. E logo ¿quén me mandaba a mín revolver os miolos
pra meterme n-eses fregados? Esas infonduras non son pra o noso caletre.
        -Vaya que pol-o señor Arias Pérez ben podías estar.
        -Podías leval-o pra a tua granxa. O que é pra argallar, pra engaratusar e pra meterllas ao máis
pintado, non vin outro coma él. Era él moy capaz de sacar viño, onde outro non hachaba auga.
        Pero volvendo ao conto de Troitosindo -sigueu o que tiña a palabra- despois que os señores todos
quedaron ben aconvalachados pra as suas cousas, puxéronse á xantar. Pero ainda ben non se levantaran
os mantees da mesa, non sey nin por qué nin por qué non, armouse tal sarracina na cuciña, que uns
salían con espetos, outros con tanazas, outros con coitelos, outros co pirmeiro que toparon, e mallando á
quen máis pode uns n-os outros, que paricían, Dios me perdone, os deños do inferno.
        -Inda me tocou algunha xostrada.
        -Sempre che foy así -saleu un do recovaxe- facérenas os porcos e pagal-as os bacuriños.
        -Eu estonces era un rapaz, pois ha de haber moy cerca de trinta anos que pasou esto, e conforme
eles ca fuga da pelexa iban arredándose do sitio, funme eu chegando hastra que dentro da cuciña pispiei á
Troitosindo que estaba á contas c'unha gran cazola. Mitime dentro botando a conta de que á río revolto
ganancia de pescadores; demáis que eu anque con Troitosindo non tiña moito trato, por eso ben-o
conocía, pois cuasemente éramos da mesma igualdá. ¡Inda me parece que o estou vendo! Eu funme
achegando moy á xeitiniño; pero él así que me veu, abrangueu un gran cullerón que tiña ao lado e
berrando -¡fora! ¡fora!- e renxendo coma un can, botóuseme encima, que si non tivera as pernas tan
lixeiras, onde non probara o cullerón cheo, probárao baldeiro.
        Troitosindo, teso coma un virote, estivo oindo todo o seu porceso coma quen oe chover, e soilo
dixo: -Nunca che mereceron outra cousa os cursidosos.
        -Por eso perdónoche todo; soilo que ti, en emenda, ben me pudiche dar un puño máis de
castañas.
        -Tarde piache.
        -Pío pra outro día, que eu por mor teu heinas de comer moito ben.
        Ao fin chegou a hora da cea, e todos coma galafates botáronse á a unha encima do barreñón en
que o cuciñeiro emborcaba a cazola das castañas. E así que lIe viron o fondo, o maor d'eles dou coma
d'adoito gráceas á Noso Señor. E alí, onde hastra entonces non houbera máis que leria e algazara, á os
poucos momentos non se sentía nin un triste chío.


                                         VIII

        Mentras nos baixos do pazo de Mariña todo mundo estaba tendido á a larga e ninguén sabía o
que tiña de seu, soilo ela na sua cámara con algunha das suas doncelas estaba desperta e vixiaba. A carta
de Ramil deixáraa como atontada. Liíaa e reliíaa, e canto máis a lía, menos a entendía, digo, máis era o
que ela vía detrás d'aqueles renglóns. ¡Cántas veces pasaron como lóstregos pol-a sua maxinación
aqueles mesmos pensamentos que agora vía estampados na carta, pero que no auto lle desaparecían cal
muxicas que se esmorecen ao desprenderse das uces do lar! Mais agora era outra cousa; sin darse ela
conta, aquela carta espertou no seu peito tal nesporeiro, que o corazón lateáballe coma si lle quixera sair
pol-a boca. N-aquela noite non pegou ollo; e así pasou a outra noite e mail-a outra. O pior do caso era que
aqueles mesmos pensamentos que antes se lle presentaban e fuxían sin deixar rastro tras sí, agora
amostrábanselle coma horrerosas pantasmas que lle repochaban e botaban na cara a sua ruindá e mala
correspondencia. Facíanlle renembrar o que Ramil fixera por ela, máis do que ningún fillo pode facer por
sua nai; poñíanllo diante coma un espello e modelo de cabaleiros e homes de ben; e á todo esto quedaba
abatida, porque maxinaba que non lle correspondera como debía, e que ela era unha ingrata e unha
desleigada. Peormente esto da ingratitú era coma un tizón ardendo que lle atravesaba a alma. E ainda,
anque non fose máis que por esto, ela degaxaba agora por corresponderlle. Pero, ¿de qué xeito e maneira
lle iba á corresponder ela? Por máis que matinaba, non conseguía outra cousa que elevárselle a cabeza,
barrérselle o sentido, atafegárselle o alento, apretárselle o corazón, e quedar como aparvada. Quixo Dios
que se acordou que o santo ermitaño Famiano lle dixera que cando se vise en algunha tribulación se fose
xunto do Abade de Carboeiro, que era home ben suficiente pra guiala, darlle boos consellos e sacala das
suas dúbedas e máis das suas congoxas.
        Non quixo máis Mariña; e na mesma tarde do día que tivo tal acordanza, encamiñouse á
Carboeiro. Ao chegar á a portaría axudárona á apear da besta, pois estaba tan dieble que paricía que iba
no escano. N-esto avisaron ao Padre Abade, que tan pronto soupo que estaba alí a señora Mariña,
presentouse enseguida na portaría. Era un señor moy agasalloso, pero ainda que non-o fose, pol-a sua
natural bondá, á Mariña e á toda a sua familia sempre a respetara e estimara él moito e máis toda a
comunidade. Estaba ben enteirado de todo canto Ile había pasado á a nobre doncela; de todo canto había
tragado e sufrido ela, que era tan boa, tan sensibre, que non podía ver unha lástima sin que sentise no seu
corazón d'aquí á pouco a misma mágoa que a que o próximo padecía, e pol-o mesmo percurou de
agarimala e darlle valor e conforto, porque ben persumía que era o que ela viña buscando. Como a veu tan
anotada, pra que ela estivese máis tranquila e tivese máis libertá pra desfogar as suas penas, levouna á un
lugar apartado. Costoulle moito ainda así e todo facela serenar. Ao fin, así que colleu algún folgo, entre
xemas e saloucos, comezou a sua relación axudándoa o Padre Abade, pois cando á ela se lle cortaba a
voz, seguía él espresando o que supoñía que ela quería dicir. Así Mariña foise animando e collendo folgo;
e cando chegou ao punto que lle pareceu á propósito, amostroulle a carta que poucos días antes recibira
de Ramil. O Padre Abade púxose á lela con moita atención, e desque acabou, díxolle:
        -¿E qué mal che dice Ramil n-esta carta?
        -Mal ningún; pero o caso e éste: Eu non repuno o casarme con él; tanto non-o repuno que me
parece que non hay home no mundo que coma él pudera facerme feliz, ca felicidá que acá na terra se pode
ter. Pero esto non-o podo facer pol-o parentesco que temos; e pol-o mesmo teño medo que él entenda que
é pol-a pouca gana que eu teño de corresponderlle; e ben sabe Dios que si me pidira a sangre das venas
¿cómo non lla había de dar á quen tanto ben me fixo?
        -Pois tranquilízate, filla -saleulle o Padre Abade, mirando pra ela tan fixamente que paricía que
cos ollos lle quería dicir algunha cousa- que corre da miña conta o facer que él sea correspondido e que ti
poidas corresponderlle, e tanto como ti poidas desear.
        Mariña como adimirada arregalou os ollos, porque pra ela o que acababa de oir era un misterio;
pero como o dicía Fray Froilán, que este era o nome do Padre Abade, por forza n-esto había algunha
cousa que ela non entendese. ¡Quén sabe -pensaba ela pra sí- si Fray Froilán Ile pidirá licencia ao Papa!
Pero esas licencias nin ainda llas dan á os Reises!
        O Padre Abade ben notou a sua confusión; e por entonces non creyeu conveniente mallar máis
no asunto.
        -Outro día falaremos con máis calma -díxolle-; pero ti entramentes, estate tranquila e confiada,
que xa verás que tes motivos pra estalo.
        Con esto Mariña bicoulle a man e despideuse hastra de alí á catro ou cinco días que quedou de
volver, pois así llo dixera o Padre Abade.
        Fray Froilán era como d'uns sesenta anos, home moy prudente e de moy bon goberno. Traballou
moito no convento; e atraídos pol-as suas vertudes, pol-o seu caraute tan agarimoso, chegou á xuntar
unha gran cumunidade. Ainda hoxe se conserva (a lo menos nós vímolo) un letreiro esculpido no
sobrelume d'unha porta intrior que díz así:

                        ERA: I : C : LXXXVI: ET QVOTVM KLS : AVGVSTAS
                            IN : NOMINE : D : NOSTRI IHSV : XRI
                      ABBAS : FROILA : FECIT : ISTAM : EDEM IVNCTA: SVORVM
                                     FRATRVM KATERVA (4)


        Non é de maravillar, pois, que Mariña saíse contenta de xunto d'él. É verdá que algunhas
dúbedas e receos ainda se lIe viñan á a cabeza; pero logo refleusionaba que Fray Froilán non-a había de
engañar.
        Antes de montar na besta, entrou na eirexa do convento, que entonces ainda non era a que hoxe,
por desgracia, está feita d'aquí á pouco un montón de ruinas. ¡Un montón de ruinas, unha das mellores
xoias da nosa arquiteutura! Mais anque é ben certo que de desgracias e de ruinas xa estamos cheios
hastra as galadas, por eso o pasar por alí sin siquera facer unha pequena renembranza do que foy aquela
eirexa, sería moita estrañeza. E logo renembrar que alí estouvo na consagración da pirmeira eirexa o
grorioso Patriarca galego San Rosendo ¿non é unha tentación? Daremos, pois, á a maneira d'unha noticia
necrológica, como dice o insine arqueólogo francés Lefèvre-Pontalis ao facer a discrición das ruinas da
eirexa de San Ebremundo de Creil, da nosa de Carboeiro. Tiña de longo contando co gordo das paredes
corenta e sete varas, e de ancho dez e sete. A pranta d'ela componse de tres naves, un cruceiro, o áuside
prencipal que se pode andar todo ao redor, e outros cinco áusides máis pequenos, dous á os estremos
dos brazos do cruceiro na parte do Levante, e os outros tres bastante máis grandes saíndo á a chirola que
rodea ao áuside prencipal.
        As tres naves, das que a do medio ten de ancho o dobre das outras, estaban estremadas por seis
machóns de pranta cadrada, tres de cada banda; pero os machóns nos seus catro lados tiñan embutida
hastra pouco menos da mitá unha culuna que sube hastra o arranque dos arcos. A nave do medio estaba
cuberta de artesonado que sostiñan tres arcavaos unha miaxiña apuntados, apoliñados sobre os seis
machóns dos lados. Era tamén máis alta que as outras e de altor tiña satenta cartas, medidas desde a
clave dos arcos hastra o chao. As naves dos lados estaban cubertas de esas bóvedas de nervaduras ou
aristóns saíntes (enxarxamentos lle chamaban os nosos antigos maestros d'obras), amparadas tamén por
tres arcos torales que van da parede ao machón d'enfrente.
        O cruceiro ou nave travesa tiña trinta varas de longo e oito de ancho. O altor d'él era o mesmo
que o da nave maor; era, pol-o tanto, un señor cruceiro. Estaba tamén cuberto de artesonado que sostiñan
catro arcos tamén lixeiramente apuntados, pousados os dous dos estremos en culunas embutidas na
parede e os dous do medio nos últemos machóns das naves e máis nos dous machóns que estaban á a
entrada do áuside prencipal. A os estremos do cruceiro estaban, como xa dixemos, duas capeliñas cuase
redondas.
        Viñan logo o áuside prencipal e as duas entradas da chirola que o rodeyaba. O áuside, ao cal se
subía por dous pasos de escaleira, hachábase cerrado pol-os dous machóns da entrada, e catro culunas
redondas, contra as cales é de creer que estivesen empolronadas reixas de pau ou de ferro.
        Na chirola, como dixemos, desembocaban tres capelas ausidales. A do medio, que viña á ser
coma a cabeceira da eirexa, era un pouco maor que as outras e estaba adicada á San Benito. A da dereita
estaba adicada á Nosa Señora de Belén, e a outra servía de sancristía. A chirola estaba cuberta con
bóveda de nervadura, e todal-as capelas con bóveda de cascarón ou media cúpula.
        Vamos agora á a parte da ornamentación. Os capiteles son paricidos á os da Catedral de
Santiago e con esto xa está dito todo. Soilo que en Carboeiro, tamén os plintos ou zócolos das culunas
teñen a sua ornamentación, consistente en rosas xeométricas de variados debuxos,unículos, axedrezados, etc...
Tamén hay moito vario e bonitura nas grapas das enxutas ou esquinas dos plintos das culunas.
        Na pranta estaban incruídas tres torres, unha sobre o estribo que está á a esquerda da porta
prencipal, e duas á a entrada da chirola antes das capelas dos lados. As tres se servían por escaleiras de
caracol metidas na parede; e nas dos lados da chirola, estas mismas escaleiras que daban subida á as
torres, baixaban á a espaciosa crita que ocupaba casi o mesmo tarreo que o áuside prencipal, a chirola e
as tres capelas ausidales. A bóveda da crita estaba montada sobre as paredes e cinco recios machóns
redondos. Tiña tamén tres capelas ausidales, que debían corresponder á as d'arriba. Luz non tiña máis
que a que lle viña por unha estreita ventana aberta na cabeceira. Hoxe esta crita está pobrada de nubes
de morcegos. Son os habitantes que n-este sigro das luces mellor lle aditan. A escaleira da torre da
fachada, daba tamén n-unha estreita tribuna que viña a ser coma unha ancha repisa da parede.
        Todo ao redor da eirexa, arrimado á as paredes, corría un banco de pedra, que servía de zócolo e
tiña matada a arista da beira c'un baquetón.
        A eirexa estaba alumeada por nove grandes rosas caladas, tres na fachada e as outras seis nos
dous estremos do cruceiro, e máis por vinte e oito, máis que ventaas, regandixas coma as que se estilaban
n-aquel tempo.
        Ademáis da prencipal, aberta por suposto na fachada do Poniente, entrábase na eirexa por outras
tres portas laterales, abertas duas, unha cuase frente á a outra, nos pirmeiros entrepanos de paredes
despois da fachada, e a terceira no estremo Norte do cruceiro. Esta debía de ser a que comunicaba
direutamente co convento.
        Todas estas portas, pol-a parte d'afora, tiñan as suas culunas e archivoltas e o seu tímpano ou
dintel semicircular ca-suas estatuas de santos. A porta principal, por suposto, era a máis adornada.
Subíase á ela por cinco pasos de escaleira. De cada lado tiña catro recantos e en cada recanto unha
culuna; e sobre os capiteles e impostas das oito culunas, pousaban catro archivoltas moy vistosas, cos
seus follaxes moy saíntes e dobrados e retorcidos con moita variedá e gracia. Na terceira archivolta,
empezando por abaixo, estaban esculpidos os vinte e catro Ancianos do Apocalipse. No tímpano víase de
alto relieve a imaxen de Noso Señor, sentado no seu trono e en autitú de bendicir. Ao redor víanse tamén
as feguras dos catro Avenxelistas.
        Ainda había outras duas cousas, que por elas mericía esta eirexa que todol-os galegos a mirasen
coma a miniña dos seus ollos. Refírome n-esto á as pinturas que cubrían as paredes da capela que servía
de sancristía, pero que n-un prencipio debeu estar tamén adicada á algún Santo. A pirmeira vez que
estiven n-esta eirexa (e xa hay anos) ainda tiven a fertuna de poder contemprar e ademirar as ditas
pinturas, que anque xa moy deslucidas ou cuase borradas, premitían por eso formarse algunha ideya do
asunto que alí estaba representado. Volvín despois por alí segunda e terceira vez, con algúns amigos, e as
pinturas ¡vaiche boa! xa desapareceran de todo. En vez de pinturas había musgo e edras, que tiñan casi
tapizada a parede. Na pirmeira vez fixen algúns lixeiros apuntes, que non sey si será presunción, pero que
creo que merecen que os repita aquí. As pinturas estaban direutamente sobre a pedra sin ningún estuco
nin outro preparativo ningún. A a direita, conforme se entraba, víase representada coma unha eirexa, co
seu techo cuberto de estrelas e o seu suelo formado de cadrados encarnados e amarillos fegurando coma
un tableiro de axedréz. N-esta sagrada morada aparicía un Obispo do altor d'unha presona, co seu báculo,
mítora, alba branca e casula encarnada e borceguís tamén brancos e punteagudos. O recinto na parte alta
estaba tamén adornado de unhos a maneira de pabellóns colorados. As coores que máis dominaban eran
a amarilla e a encarnada; maormente ésta que persentaba varios tonos e matices.
        As pinturas paricían de prencipios do sigro XIII, e de pouco despois de estar acabada a eirexa; e o
Obispo alí representado poida que fose o Papa San Sisto, de quen foy diácono San Lourenzo, o patrón da
eirexa. As pinturas dos outros lados xa marcharan.
        Antes de pasar á a outra cousa que facía singularisma esta eirexa, convén fixar o tempo da sua
costrución. Esto énos fácil, porque n-unha das paredes do corpo da eirexa líase craramente esta iscrición:

                E : I : CC : VIIII : KI : ILS : HOC : TEMPLVM : FUNDAVIT : ABBAS:
                       FERNANDVS; CVM : SVORVM : CATERVA: MONACHORVM


ou sea: «No ano 1171 fundou este tempro o Abade Fernando ca sua caterva de monxes». Agora o Abade
Fernando finouse no ano 1192, como rezaba a sua iscrición sepulcral aberta n-unha gran lousa que decía
así en versos leoninos: «En este túmulo yaz o venerabre Abad Fernando. Beato e de moy boas
costumbres o afirman e pubrican os Reises, os Manates, os Próceres e máis os Poderosos do reino. Foy
moy ilustre, espréndido e sempre moy amigo da xente de ben. Goce da paz Fernando na mansión do Ceo.
Ano 1192». (5)
        Temos logo que a eirexa debeu de adificarse entre os anos 1171 e 1192, e toda d'un tirón, pois
así o dicen a uniformidá e armonía que reinan entre todol-os seus membros. Mais esto da uniformidá e
armonía debe entenderse da parte de ornamentación, non percisamente da estrutura. E esto era
xustamente o que facía singular esta eirexa. N-ela podíamos ao xeito estudiar os pasos que foy dando o
estilo románico hastra convirtirse en oxival. (6)
        Hastra a altura dos capiteles o estilo que domina alí é o románico enxebre. Despois o arquiteuto,
que debía ser home compreto na sua arte, botou as suas contas, e ora por aforrar os gastos dos acimbres,
que n-unha bóveda sempre teñen que ser moy costosos, ora por dar mostra da sua habilidá, decideu
cubril-as naves pequenas e mail-o deambulatorio con bóvedas oxivales. E aquí é ben saber en qué se
diferenciaban as bóvedas románicas das oxivales. As pirmeiras estaban feitas sobre recios acimbres, á
chapacuña e tan atesadas, que formaban unha sola peza. Esta maneira de custruir viña xa dos Romanos,
e é o que chaman sistema de concreción. Como as paredes dos lados estean firmes, non hay medo que
nin por pesos, nin por golpes, as bóvedas veñan abaixo. (7)
        Mais as bóvedas oxivales, a lo menos desque o estilo chegou ao seu compreto desarrollo, son
coma os teitos de madeira: as nervaduras son os puntóns, e os entrepanos que quedan antre as
nervaduras son as táboas. Do modo que se pousan as táboas sobre os puntóns, do mesmo se pousan as
lousas, que canto máis delgadotas sean, mellor, sobre as nervaduras. Soilo que nos teitos de madeira,
as táboas poden coller tres, catro ou máis puntóns, e nas bóvedas ou cubricións oxivales, cada lousa
non pode coller máis que duas nervaduras; ou máis ben, cada tres nervaduras sosteñen duas lousas.
Pero esto enténdese no arranque das bóvedas. As bóvedas románicas cargan por igual nas paredes, mais as
oxivales cargan nos puntos onde arrancan as nervaduras; e por eso cómprelles toda aquela maquinaria
de estribos, arbotantes, etc., que, digan o que digan, quitar quítalles á os adificios moito do
aspeuto monumental.
        Mais volvendo ao arquiteuto, o malo era aditar as nervaduras á os pilares, que como xa dixemos
eran do estilo románico. Estes, como socedía no último período do estilo románico, eran cadrados con
unha culuna embutida en cada lado. Dos pilares saían os arcos dobres que rodeyaban os outros arcos que
pousaban sobre as culunas. No estilo oxival, en vez de arcos dobres hay nervaduras, e éstas acaen mal
sobre as aristas dos pilares; pol-o que o arquiteuto matou e arredondeou as aristas desde os capiteles pra
arriba, pra que mellor poidesen recebir as nervaduras. En algúns sitios en que as nervaduras arrancaban
de antre dous arcos, enchufounas antre eles como mellor pudo, en vez de pousalas sobre repisas máis
arriba ou máis abaixo dos capiteles, como fixeron despois.
        A casa conventual, anque grande, sacando algunhas iscriciós, unha d'elas por certo moy notabre
que estaba en versos latinos, non ofrecía alí gran intrés. O que máis chamaba a atención cando eu a vin a
pirmeira vez, era a chaminea, que verdadeiramente era un monumento de arquiteutura civil. Xa hay tempo
que debeu caer esmendrellada.
        E agora perdónenme os leitores este pequeno homenaxe que me arrancou a ademiración de tan
notabre monumento, que poida que fose o prencipal causante d'esta miña arrousada.


                                         IX

        Moy cavilosa sayeu Mariña de Carboeiro, e non acababa de creer que tanta felicidá fose pra ela.
O que lle dixera o moordomo fora que o moy valentismo cabaleiro D. Xuan Fernández de Lima (e non o
Emperador como pensaban na cuciña) fora o que derrotara ao Rey de Purtugal, e sobre deixalo coxo e
eibado, como xa dixemos, prendéralle moitos dos seus prencipales cabaleiros. Dixéralle máis o moordomo,
que estaba acordado o canxeo dos purtuxeses presos pol-os galegos que eles tiñan na sua terra, e pol-o
tanto que quedarían soltos o señor Sancho e mail-o señor Ramil.
        N-outra ocasión, con esta nova Mariña había de dar por ben empregadas as bágoas que botara;
pero a carta de Ramil, de tal modo a impresionou, que lle fixo esquecer todo canto lle dixera o moordomo;
e soilo despois que foy á Carboeiro e despois que oyeu ao Padre Abade, xuntou na sua maxinación unha
cousa ca outra, e decatouse da próusima libertá de Sancho e Ramil, pol-a que tanto sospirara.
        Mais esto mesmo lle aguzóu o deseo de saber á qué aterse respeuto de Ramil; así que degaxaba
pra que chegase o día pra o cual a citara o Padre Froilán. E n'afeuto, ao carto día que lle dixera o Padre
Abade (e non se atreveu antes porque o Padre Froilán non pensase que era unha agonías) encamiñouse a
Cárboeiro. No camiño apertábaselle o corazón coma un novelo. De un lado tiráballe o medo do que lle
diría o Padre Abade; de outro atafegábao a mesma esperanza de conseguir o que tanto deseyaba.
        Ao chegar entrou na eirexa pra pidirlle á Noso Señor luz e axuda pra desenredar aquela maraña,
da que ela non vía modo de encontrarlle cabo. N-esto o Padre Abade soubo que ela estaba alí, e sayeu á
esperala á a porta do mosteiro. Recibeuna ainda máis agarimosamente do que tiña de adoito, e despois
dos saúdos e parabéns de regra, apartouse con ela n-un cuarto da hospedería. Entrando logo en materia,
porque ben persumía que esto era o que deseyaba Mariña, comezóu de falarIle así:
        -Fará cousa de vinte e tantos anos, hachándome na eirexa á a caída da tarde, e era unha tarde
de Mayo, acercouse á mín unha garrida moza en traxe de pelegrina, e dixo mal como pudo na sua lingua,
pois era estranxeira, si me pracería ter a caridá de oirlle unha palabriña. A mín, si hey de dicir a verdá,
comoveume o ver a compunción e humildá con que falaba aquela moza que paricía tan disposta e
arrogante. Viña vistida coma unha probe, pero na-suas maneiras e además ben amostraba ser de moy
nobre e ilustre familia. Por algunhas palabras e máis poI-o acento, conocín que debía de ser italiana, que
eu tamén na miña mocedá como estiven en Italia, alá no tempo en que o Arcibispo que hay hoxe fora
nomeado Adeministrador da diócesis de Santiago, sabía algo d'aquel linguaxe. Así, ca lástema que me
dou, respondinlle que sería pra mín unha gran satisfaución o poder compracela e contentala en algo.
        Animouse ela co meu acollemento, e perguntoume moy baixiño si oira algo de unha criaturiña que
faría sete ou oito días deixaran no adro da eirexa de San Miguel de Lamela, encolgada n-unha uliveira.
Contesteille eu que oira, e máis que ben conocía á quen-a recollera. N-esto ela dou en gran sospiro, coma
si lle quitaran de encima un peso que a afundise, e logo perguntoume si podería dicirlle cómo iba vestido o
miniño e si levaba algún señal ou cousa así. Díxenlle eu que o vestido non-o vira, que o que vira fora á
modo d'unha caixiña de ouro con reliquias de San Honorato de Vercellis. Levantou estonces ela os ollos ao
Ceo ao mesmo tempo que lle corrían pol-as meixelas duas bágoas gordas coma esas cousas de ese voso
collar.
        -E Padre -sigueu logo- ¿será imprudencia o perguntarvos si esa criatura estará ben coidada e
asistida?
        -Por ese lado -contesteille eu- podedes estar ben tranquila. E xa que ese miniño tanto vos intresa,
direivos que o recolleu unha das señoras máis prencipales de esta terra. E ¡o qué son as cousas! Por
fertuna ou máis ben porque Dios todo o dispón fortiter et suaviter, esa señora degaxaba por ter un fillo.
Levaba xa oito anos de casada sin conseguir que o gran tesouro de cariño e de tenrura que rebosaba no
seu peito hachase en quén-o emprease e derramase. Por eso ela tíñase por unha das mulleres máis
disgraciadas do mundo. Non digo nada cando vía unha labradora co seu fillo nos brazos; cravaba os ollos
n-ela con tal afincamento, que paricía dicirlle: -Déixame ese miniño, e vay ti pra o meu pazo.- Aconteceu
que lle deu ela licencia á un paxe á quen estimaba moito (e toda esta relación trágovola aquí pra que
vexades en qué mans cayeu esa criatura) pra que fose á ver ao pay que está moy enfermo n-unha
parroquia non moy lonxe d'aquí.
        Era a noite xa ben pechada, cando o paxe sayeu da casa de seus pais; e como pra vir ao pazo de
seus donos tiña que pasar por xunto da eirexa da Lamela, ao ir mismo acarón do adro, sinteu un laído,
dempois outro, e outro. Apeouse da besta, e foyse chegando ao xeitiniño ao sitio onde lle paricía que viñan
os layos. Foy á dar á a uliveira e dando voltas ao redor del-a, apelumbrou coma un bulto encolgado n-unha
ponla. Mal como poido aganchou pol-a uliveira arriba, e foy á dar á a ponla onde estaba o bulto. Desde alí
foyno descolgando amodiño hastra que chegou ao chao. Estonces baixou, colleu o bulto onde seguían os
layos, e veu que era un miniño metido nun burullo rodeyado de vergas coma n-unha cesta. O paxe, que
era ben avispado, logo cayeu na conta de cánto lle agradaría á a sua señora aquel miniño, que lle viña sin
saber cómo. Montou con él á cabalo; pero como d'alí á a casa ainda había un boo pedazo de camiño,
cando chegou xa cuase era hora de cantar os capóns. Entrou e foyse dreito á a cámara onde a señora
Adosinda estaba soila c'unha aya vella, pois o marido ausentárase por causa das revolturas que hubo no
reino, e moormente aquí na Galicia logo que morreu o Rey que ganou á Toledo. Os demáis xa cuasi todos
estaban durmindo. O entrar na cámara o paxe e poñerlle diante o neno, todo foy un. A señora Adosinda, ao
pirmeiro, quedou coma unha pápara sin saber o qué lle pasaba. Despois que o paxe a enterou de todo,
puxo as mans direitas, e escramou:
        -Este é un regalo que o Ceo me manda ¡e qué regalo! Logo colleu o miniño, que ser era coma
unha estrela, e enchendo de bicos arrimouno a o seu peito, coma si o quixera meter dentro. Desde aquel
punto formouse ela a ilusión de que aquel neno era seu; e non había cousa que máis a sañase que lle
sacaran conversación por donde ela creese ou pensase que lle iban contra aquel flato que se lle metera na
cabeza, nin que máis contento lle dese, que todos pensaban da misma maneira que ela.
        -Antonte, na capela do seu pazo, bauticei eu pol-a miña man ao neno, sub conditione, por
suposto, e púxenlle por nome Ramiro.
        -E fixéstedes ben, saltou a pelegrina.
        -Pero non hubo festa, nin convidados, nin ruído ningún, porque así o quixo espresamente ela. Uns
días antes estivera ela sempre encerrada na sua cámara, soilo cas doncelas de quen máis ela fiaba. E ahí
tendes -dixen eu acabando a miña estoria- o que é d'ese miniño por quen me perguntábades con tanto
intrés.
        -¡Ay, Padre! -contestoume ela arrincando un sospiro que lle saía do fondo da alma- Dios vos
premie no Ceo o ben que me fixéstedes. Mais xa que é tanta a vosa bondá, e xa que falo con un tan boo
menistro de Dios, inda vos quería pedir outro favor.
        -Dí, filla, contestei eu.
        -Eu chámome Ermemberga, e son d'unha das prencipales familias da Lombardía. Pol-a falta que
tiven ofrecín vir en penitencia todol-os anos á visitar o Apóstolo Santiago, ou en presona, ou mandar
presona suficiente pra elo. Oyeume o Santo Apóstolo -e ao dicir esto tiña os ollos cravados na terra coma
pra pedirlle que a escondese do mundo- e quixo que esto me socedese lonxe da miña patria, onde naide
dos meus parentes e coñecidos poidese husmar o que me pasara, e quedase sen desdoro a honra da
miña familia. E ainda quixo máis o Santo Apóstolo, que esto fase preto d'aquí pra que eu poidese máis
fácelmente atopar con este relixioso varón. Confeso ¡pecadora de mín! que eu puden obrar de outro modo
do que obrei con esa probe criatura; pero o afán de non ser descuberta e o medo de quedar desnorada e
perdida, fíxome siguir o consello d'un criado vello que me acompañaba, que me dicía que mal sería que ao
outro día cando viñesen a dicil-a Misa non topasen o neno e non-o recollesen.
        Agora o favor que vos quero pidir, Reverendo Padre, xa que é tanta a vosa bondá, tanta como son
grandes os meus pecados, é que cando eu pase por aquí, que hey de vir sempre por este camiño, porque
pol-o outro de Portomarín sempre hay máis recovaxe de xente, ou a presona que eu mandare, que non vos
seya molesto o dicirme cómo sigue o miniño e si o tratan e coidan ben. É un pedazo do meu corazón que
me queda aquí tan lonxe e en terra estraña, e quixera á lo menos participar con él os seus sofrementos ou
as suas alegrías -acabou ela enxugándose ao mesmo tempo os ollos. -Por ese lado non teñas dúbeda -
díxenlle eu-. Ese pedazo do voso corazón recolleuno outro, no cual quedou tan ben soldado, que mellor
non estaría no voso.
        N-esto ela despideuse, non cansándose de darme as gráceas; e como a noite estaba encima,
convideina á pasala na hospedería; pero ela díxome que a quiría pasar cos que a acompañaban, que
estaban fora esperándoa, no espital de Chapa.
        Despois d'esto, que xa dixen pasou fará vint'e tantos anos, non veu ano que, cando non ela,
algunha presona por seu mandado non pasase por aquí pra perguntar pol-o miniño da uliveira. Eu sempre
lle mandei, cando ela non viña, un billete da miña letra, pra que quedase máis satisfeita.
        Esta é a estoria do nacemento de Ramil. A ti poida que che coste traballo creela.
        -¡Ay, Padre Abade! ¿e non ten feita mellor ideya de mín?
        -Non é que eu vos teña por nifrosa; pero acontece á veces que o mesmo deseo con que
agoiramos por unha cousa, fainos desconfiados e receosos. Hoxe non, que xa é tarde, pero mañán iremos
á talar co mesmo paxe que recolleu á Ramil, e que agora está de frade no mosteiro de Ansemil. Penso de
mín, que á a sazón soilo él e eu sabemos o caso; e pol-o d'agora á ninguén o dixemos. Mentras viveu a
señora Adosinda pol-o consiguente; e despois que ela morreu, porque non sabíamos si lle gustaría ao
señor Ramil que se soupese, e logo porque non había motivo pra non deixar correr a cousa. Mais agora
varearon as circustancias, e paréceme que seguir calando sería un pecado.
        Con esto despidíronse e quedaron en que habían de ir ao outro día pol-a tarde á ver o frade de
Ansemil.


                                         X

       Vastas veces acontece na nosa Galicia, e o mesmo n'outros países, que indo ún viaxando, ao pe
d'un monte, ou no cruto d'unha montaña, ou na revolta d'un camiño, ou no recanto d'unha baganta, ou á a
veira d'un río entalado entre penedos ou ascondido n-unha touza, tópase ún con un pequeno adificio cas
paredes pardas e roñosas, cos remates fanados e cubertos de musgo, tellado con tellas ben gordas e
esfanicadas, ou senon con paredes solas que están perpindiculares pra caere, como lín eu n-unha
decraración antiga d'un maestro de obras, ou cando non, cun montón de ruinas en que soilo se ven croyos
mesturados con anacos de tella, por antr'os que van puxando as silvas, os toxos, as carrouchas e outras
prantas pol-o estilo, e asoman a cabeza as cobras e legartos. ¡Qué manta de olvido e de silencio foy
botando o tempo, axudado dos homes, sobre aqueles sitios nos que antes buligaba a animación e a vida!
       ¡Así é a labilidá (e perdóneseme a palabra, que non sei outra mellor) das cousas humanas! O
antigo mosteiro de San Pedro de Ansemil, arredado coma unha légoa de Carboeiro, ainda non chegou á
ese estado, pero paréz que está en camiño. Non-o deixemos, pois, esquecido no nosa conto pol-o que
poida soceder. Leváronme a él, non fay moito tempo, uns moy boos amigos que tamén padecen suidades
dos tempos e causas pasadas; e xúntol-o visitamos; e xuntos fumos recorrendo cousa por cousa,
adevirtíndonos mútuamente o que era digno de remembranzas e de atención, e comunicándonos os nosos
respeutivos xuicios e apreciaciós.
       A eirexa de San Pedro de Ansemil foy mosteiro moy antiguísimo, que databa cando menos do
sigro IX ou X. Foy d'aqueles mosteiros que se chamaban duplices, porque tiñan duas comunidades, unha
de frades e outra de frairas. No sigro XII desapareceu, á o que parece, a cumunidá das frairas; pero desde
o sigro XIII ou XIV volveu e quedou soila, hastra que á comenzos do sigro XVI se uneu o mosteiro ao de
San Payo de Santiago. En fin, cousa de todo organismo en que entra o formento humano: ora medran, ora
menguan, ora se poñen d'un xeito, ora d'outro.
       Pero vamos á a eirexa de Ansemil. Está cerca da Bandeira, á un lado do famoso Campo Marcio,
ou Campo de Marte, onde pol-o visto houbo un campamento romano. A sua trasparencia non é d'esas
que rechaman; é, pouco máis ou menos, coma a de calquer eirexa d'aldea. Medida por dentro, ten de
longo vinte metros escasos, quince o corpo, e catro, ochenta centímetros o presbiterio. De ancho ten
pouco máis de oito metros: tres, satenta e cinco centímetros, a nave do medio, e catro, ochenta e catro, as
dos lados; pero describámola pirmeiro por fora e despois por dentro. E por non anoxar ao sufrido leitor,
soilo nos pararemos nas cousas máis graúdas. A portada prencipal, que parece do sigro XII, ten catro
culunas, duas de cada lado, metidas nos dous recantos dos pes direitos. Os capiteles dás que están máis
botadas á fora, son moy somellantes; teñen follas de palma reviritadas na punta formando voluta. No
capitel d'unha das outras, vense dous cadrúpedos mirando ún pra o outro; e no capitel da outra, antre duas
feguras desnudas, aparece un home sin cabeza vestido de túnica, calzado de borceguís e sostendo un
libro diante do peito. As impostas dos capiteles están tamén moy adornadas: unhas de billetes, e outras de
froles de catro pétalos metidas en círculos.
       Nos recantos dos plintos hay unhas bolas, e nas das bases unhas molduras á modo de cordóns.
       As archivoltas son sinxelas; non teñen máis que dous toros separados por unha media caña.
O tornachuvias é de billetes. Nos canzorros ou canecillos do tellado hay moito vario; e todos eles
son moy airosos e moy ben traballados.
       O tímpano ou dintel da porta é liso e parece posto moito despois no sitio do que antes había. O
marco da porta é ochavado, e nas ochavas ten froles e bolas; e antre as ochavas, de alto á abaixo, corre
unha estría. Esta particularidá do marco da porta, adornado con molduras, vese en outras eirexas de por
alí, como a de San Tirso de Mánduas.
       A porta travesa do lado do Norte, debaixo de un arco de cinco lóbulos, ten un tímpano, no cual
está esculpida unha cruz griega cos brazos ensanchados á maneira de cuña cara ao remate.
As paredes laterás do corpo da eirexa están sin contrafortes, pol-o que debe persumirse que a
eirexa foy feita pra estar cuberta á tellabán e sin arcos torales. As ventanas, por suposto, son coma
estreitas saeteiras.
       Vayamos agora adentro. A eirexa, como xa dixemos, está dividida en tres naves separadas por
catro pilastras cadradas, duas de cada lado. As naves comunican entre sí por medio de seis arcos
pousados nas catro pilastras e máis na parede dianteira e derradeira.
       A as naves corresponden outras tantas áusides, todas de pranta cadrada e cubertas con bóveda
de cañón. O arco que dá entrada á a áuside do medio, tira algo á os que chaman de ferradura, como
tamén se ve en Mánduas, en San Miguel de Castro, en Bermés e en outras eirexas vellas de aquela
comarca. Esto das pilastras e máis ainda as tres áusides, parezme que é o que queda da eirexa vella, é
dicir, da anterior ao sigro XII. Tamén á a mesma época debe perteecer un capitel cadrado que estaba
sirvindo de pía de auga bendita. Nos catro lados tiña esculpidos varios animales, aves, cadrúpedos, etc…,
en fin, paricía unha estoria natural.
       No ramo arqueolóxico, así que chamase a atención, non vimos máis ouxetos que un Crucifixo cos
brazos da cruz rematados en muleta e adornados de óvalos, un San Luis Obispo do sigro XIV ou XV e
máis unha Santa Ana do sigro XVI.
       O víspera de estar en Ansemil, faláramos os meus amigos e eu do sitio onde estaría o
enterramento dos Dezas, que eran os señores máis nombrados d'aquela terra. Pois estando na eirexa de
Ansemil, por un arco aberto no muro do vendaval, pasamos á unha capeliña que está alí de lado. No muro
de enfrente, n-un arco punteagudo, vimos unha arca de pedra cuberta c'unha lousa á as duas augas. Pois
ben; n-unha das duas caras de esta tampa, encontrámonos co siguente letreiro:

                          ERA l. CCCLXX NOVE. HIC JACET DIEGO GOMEZ DE DEZA.


(Ano 1341. Aquí yaz Diego Gómez de Deza) (8). Tanto na tampa coma na caixa do sepulcro, estaba esculpido
un escudo de armas consistente n-un castelo coroado de tres torreóns. Eran as armas dos Dezas. Nas
lousas que había por alí ao redor, estaban tamén esculpidas as mesmas armas. Non había dúbeda, pois,
que alí estaban os enterramentos de tan sonados cabaleiros, a lo menos desde o sigro XIV.
       A capela, que non cabe dúbeda debeu fundar o Diego Gómez de Deza, é un dixe, unha monada.
Non ten máis que seis metros e medio de longo, e pouco máis de catro de ancho; pero alí non falta nada.
Ten a sua nave, o seu presbiterio, a sua ventana oxival de dous vanos, o seu rosetón calado, a sua porta
independiente. O arco trunfal pousa sobre duas pilastras; as nervaduras ou enxarxamentos, como dicían
os nosos maestros de obras de outros tempos, arrancan de sobre catro culunas, os capiteles das cuaes
son bastante raros. Compóñense de duas partes: a d'arriba, cúbica, e a d'abaixo, cilíndrica. En todos eles
vense esculpidos moitos adornos como foIlas de col, froles, estrelas, feguras de mostroos, aves, etc...
       O dintel da porta de entrada ten labrado de baixo relieve o simbólico cordeiro armado d'unha cruz
florenciada antre as imaxes do sol e máis da lua. Sobre este dintel e pousada sobre unha repisa en forma
d'un florón de oito pétalos, aparece sentada unha perciosa estatua de Nosa Señora co seu Miniño Dios nos
brazos. A Virxe viste túneca, manto e touca que lle cingue na cabeza unha coroa flordelisada. A túneca do
lado ezquerdo ten-a aberta pra poder dar o peito ao seu Santísimo Fillo. O dosel que cubre a imaxe,
asoméllase á un castelo co-seus torreós e troneiras e ventaas oxivales trilobuladas. Está fundado
este castelo sobre un arco trilobulado.
       Máis arriba hay un rosetón con calados que feguran unha cruz e no medio un trifolio.
       Como é cousa que xa vay sendo rara na nosa Galicia, falaremos das ferraxes da porta. As
palmelas asoméllanse á unha palma cas follas abertas formando arco e os tallos rematando en cabeza de
serpe ca boca entreaberta.
       Remata o penal d'esta pequena fachada un cordeiro, sobre do cual se erguía un crucifixo vestido
de túneca ou colobio. Por esta circustancia diríamos que era moy antigo, pero os brazos non están
horizontales senon caídos e formando ángulo algo agudo ca línia do corpo.
       Confiando que os meus leutores me perdonarán que houbésemos pagado este trebuto a Ansemil,
sigamos co noso conto.
       Por suposto, Mariña non se descoidou en ir o outro día á Ansemil á falar con Fray Munio, que así
se chamaba o Frade. Non era porque ela desconfiase do Padre Abade de Carboeiro; pero hay cousas, que
nos agrada que nol-as repitan pra acabar de convencernos de que aquelo que deseamos non é invención
nin fantesía. A pesar de estar máis lonxe, ainda ela chegou á Ansemil antes que o Padre Froilán, e tivo que
asperar un anaquiño.
       O Padre Munio acolleunos na pequena hospedería do mosteiro con moito agasallo, pero non
deixou de extrañalo aquela visita. Ao fin o Padre Abade díxolle sin moitas cirimonias á o qué viñan: -Vimos
á que nos digas -espetoulle- o que sáibas do nacemento do señor Ramil Ares. Fray Munio quedou mirando
pra él coma dubidando de que estivese nos seus cinco cabales.
       -Ben che sei o que digo -saltou de pronto o Padre Froilán-. Hastra agora gardamos sagredo por
debidas consideraciós á presonas á quen con razón respetábamos. Agora, este silencio que xa naide nos
impón, pode ser moy perxudicial e causar moy graves extorsiós á presonas que non teñen motivos pra
sufrilas.
       Con este razoamento e co tono con que o dixo o Padre Abade, quedou atranquilado Fray Munio.
Comezou logo a sua relación, que como en nada esquipaba da do Padre Froilán, escusamos repitila aquí.
Cando acabou, saeu o Padre Abade dicíndolle:
       -Supoñede vos agora, que o señor Ramil queira casarse, poño por caso, ca señora Mariña: ¡e
estaría ben que porque a nós nos dese a peta de estar calados, non callase a sua xuntanza de que tanto
ben podería vir pra eles e máis pra toda esta terra!
       -¡Dios nos libre de tal! -contestou Fray Munio. ¿Qué millor cousa podería eu deseyar n-este
mundo pra o señor Ramil que o casamento ca señora Mariña?
       Con esto acabouse a entrevista; e cada ún marchou pra a sua casa. A Mariña quedoulle unha
espiña, que Ile contou ao Padre Froilán antes de separárense. Díxolle que non sabía cómo entenderse con
Ramil cando viñese e se declarase.
       -Xa Dios remediará -contestoulle o Padre Abade sonrindo.


                                         XI


       Moy leda iba Mariña pol-o camiño. E moitos motivos se lle viñan á a maxinación pra estalo; pero
antre todos mandaba ún, e era que ao fin hachara o medio de que Ramil non lle poidera chamar ingrata.
Así é que nada sinteu o camiño; e logo tamén iba a boo paso. Ao atravesar o portal do seu pazo e mesmo
ao apearse, sinteuse un troupeleo de cabalos que viñan da parte de Lalín. Algúns dos criados que se foran
achegando pra ver qué era aquelo, volveron axiña berrando: -¡O señor Sancho! ¡O señor Ramil!
       A as voces sayeu Mariña correndo ao tempo que eles xa saltaran dos cabalos e viñan cos brazos
abertos cara á ela. Mariña abalanzouse á seu hirmán Sancho, á quen tantas veces dira por morta, e
abrazouse ún n'outro e de tal maneira que, quen os vira, diría que aquel non era abrazo senon a
soldadura de duas almas.
       Entramentras Ramil estivo asperando que lle chegase a sua vez. E chegoulle; mais, estando
Mariña abrazándoo con aquela tan gran dosis de cariño que ela sabía encerrar no seu peito, sinteu de
pronto un estremecemento que a fixo rebotar pra atrás. Ramil deixou caer os seus brazos; e como conocía
á Mariña, coidou que a él non eran debidos tantos cumprimentos. Ainda pensou si él faria algunha
descortesía. Pero logo como se non pasara nada, encamiñáronse todos pra a casa, tan ledos e
falangueiros como no maor día de festa.
       Era cuase a xunta da noite cando atravesaban os umbrales da casa. Mariña vía n-ela á seu
hirmán e á seu primo (que xa non-o era), e non-o criía. Non acougaba, e toda se desfacía en agasallos e
en ousequios con eles. ¡Qué máis quixera ela que ver contentas e satisfeitas as caras d'aqueles que viñan
de pasar tantas faticas, traballos e amarguras! Véndoa Ramil tan ufana, perguntoulle si recibira un billete
seu e máis unhas pombas.
       -Ay, víndeas a ver qué bonitas están -contestou ela encamiñándose ao mesmo tempo á unha
solaina da casa que miraba ao Sudoeste.
       Fixéralles ela alí un xaulón, e ela era a que se encargaba de poñerlles de comer e de beber.
Como xa a conocían na voz, así que a sintiron, botaron a cabeza por antre os paus e comenzaron de
facerlle monadas e garatuzas.
       -E a carta ¿tamén-a recibiche? -volveu á perguntar Ramil.
       -E ainda no-me contástedes á a direita -respondeu ela- cómo vos puxeron en libertá.
       -Eu tiña e teño, como tamén Sancho, bastantes amigos entre os purtuxeses, e por conduto d'eles
supen que él estaba preso n-un castelo preto de Braga. Mal como puden mandeille un aviso pra poñernos
en comunicación. Despois, cando souben a escamocha que fixera D. Xuan Fernández de Lima nos
purtuxeses, como eu estaba cerca da fronteira tiven modo de mandarlle aviso pra que pidise o meu canxeo
e máis o de Sancho. Así se fixo; e co salvo conduto que nos deron os purtuxeses entramos en Galicia,
fumos a felicitar e darlle as gracias a D. Xuan Fernández de Lima e estivemos algúns días en Ourense.
Pasar, pasámolas gordas; pero agora, gracias á Dios, xa estamos sanos e salvos na casa. ¿E do billete,
qué me dis?
       -¿E ónde encontrache o mozo que o trouxo? Coidado que non vin rapáz máis compreto. Por máis
que fixen ¿podería eu meterlle na man un triste soldo? Como cando chegou xa a noite estaba cerca, non
fixo máis que cear, dormir, e ao outro día desaparecer coma un lóstrego.
       Vendo Ramil como Mariña escapaba de responderlle ao caso no conto do billete, non quixo volver
pol-a resposta; pero ao mesmo tempo non pudo disimular a pena que esto lle causaba e quedou triste e
caviloso, como aquel que no seu intrior está loitando pra conformarse ca desgracia que se lle ven encima.
       Mariña, que ben vía esto, estaba degaxando por descubrirlle o seu peito, pero baráballe a lingua, pirmeiro
o non saber cómo Ramil tomaría a estoria do seu nacemento, e logo o mesmo rubor e vergonza
que lle daba o ter que declararse. E certo que ela percuraba amostrarse tan rideira e tan pracenteira coma
sempre, particularmente con él, pois con él, desde nenos, de cote se levara mellor ainda que cos hirmans.
Mais Ramil buscaba outra cousa, e ainda lle paricía que aqueles dooces xestos e maneiras non lle saían
á Mariña tan de dentro como de denantes.


                                         XII


     Cando por toda aquela redonda correu a voz de que chegaran libres e salvos á Donseón os
señores Sancho e Ramil, levantouse tal rebumbio, mormente entre os caseiros do pazo, e tal cobiza de
velos, que parecía unha romería a xente que iba á todas horas á darlles o parabén. E ningún quería ir cas
mans baldeiras; quen levaba un pucheiro de mel; quen unha cachucha ou peteiro de porco; quen un par de
polos ou unha galiña; quen duas dúcias d'ovos; quen unha cunca de butiro; quen un saco de fabas; quen
un gancho de troitas ou anguías, e así pol-o estilo. A Mariña doíalle a alma o ter que coller e gardar
aquelas cousas; pero máis lle doía o despachar á aquela probe xente de modo que fosen ca mágoa de
que o que trouxeran non tiña dadoiro. Ben conocía o corazón con que o facían, que moitos eran capaces
de sacalo da boca pra contentar á os seus donos, e máis que ela ben sabía volverllo dobrado.
     Viñeran tamén á cumprimentar á os recén chegados os cabaleiros e escudeiros da terra; de modo
que o pazo de Donseón paricía un xibaleu. E xibaleu podía chamarse, porque a vinda d'aqueles señores
puxo legres e contentos á todol-os d'aquela terra.
     Por eso o que colmou a satisfaución dos moradores do pazo, foy a vinda de Alvira na tarde do
segundo día despois da chegada de Sancho e de Ramil. Os que a tiñan presa en Gondufe (pois non salira
certo que a sacasen d'alí) vendo que de Gondesindo non había razón nin mandado, e sint'eso que tod'os
da terra empezaran á torcer o bico, á miralos de malos ollos e á dar mostras de querer cañalos. A cousa xa
viña algo d'atrás; pol-o cual eles botaron as suas contas, e todos de común acordo resolveron pedirlle
perdón de rodillas á a señora Alvira e deixala sair do castelo. Fórona acompañando un boo anaco; pero
por eso non se astreveron á persentarse en Donseón.
     O vozarío que n-aquela casa s'armou cando viran entrar poI-as portas á a señora Alvira, non é
pra dito. Algúns mismo choraban c'alegría; pra canto máis que ela chegou, coma quen dice, de socato, sin
que naide a asperase. A as voces acudiron os hirmáns que acababan de estar falando d'ela e do que
farían pra sacala de Gondufe. Tamén acudeu Ramil, que inda estaba alí porque a sua casa estaba
queimada e porque non había pernas que o sacasen de Donseón. lnda que as houbera, os seus antigos
parentes nin por canto consentirían que se separase d'eles en aquela acasión, mormentes Mariña, que
conforme iban pasando as horas, máis ela se consumía por non saber cómo facer pra non ter máis tempo
en suspenso ao seu antigo primo.
     Ao outro día pol-a mañán cedo, veu á velos o Padro Abade de Carboeiro. Recibírono como é de
supoñer co afeuto e respeto qu'él miricía. Mariña, coma os demáis, bicoull'a man e apertoulla ben
apertada coma dándolle á entender que lle quería chamar a atención sobre unha cousa que á ela lle
intresaba. Sentáronse todos ao redor d'él coma pra honralo máis co-seus ousequios e reverencias. A
voltas de outras cousas, os traballos que pasaran en Purtugal Sancho e Ramil e Alvira en Gondufe, e logo
a sua libertá, foy, por suposto, a prencipal materia da conversación.
     Mariña non sacaba os ollos do Padre Froilán, e de vez en cando, despois de cenar con moito
desemulo pra Ramil, volvía á miralo ca mesma espresión con que cravaría a vista no que podería salvalo o
que estivese a punto de morrer afogado. O Padre Abade ben-a entendeu; e despois que estiveron falando
outro pouco do de denantes, saeu él de pronto e baixando a voz dixo: -E xa que aquí estamos como en
familia, falemos d'outra cousa. Vin a carta -sigueu dirixíndose á Ramil- que lle escribístedes á Mariña,
porque ela como é tan boa (e non é porque estea diante), e como me contempra coma un padre,
amostrouma. Dicídeslle n-ela que estades condenado á querela, sin nunca máis poder amala. Non é así;
vos fostes nado n-esta terra; pero fostes concebido en terra extranxeira. Vosa nai, que é unha gran señora
de Lombardía, é fácele que non tarde en pasar por aquí, ou outro por ela, camiño de Santiago. Moitas eran
as razóns que a obrigaban á gardar sobre esto profundo sacreto, pero eu penso de mín que algunha d'elas
había de ser o non ter que arrincarvos do boo tronco en que estábades inxerido. Non vou á pararme agora
en referir os promenores de cómo esto pasou ou non pasou. Pero o caso é que realmente vos n-esta casa
sodes un estraño; por máis que os moradores d'ela nunca xamáis vos desen o meor resquicio pra que
d'elo pudésedes procatarvos.
     N-esto ergueuse con ímpitu Ramil, e á voz alta escramou: -¡De modo que eu nacín pra ser de
Mariña! ¡Oh, cán sábia é a Divina Providencia que sin saber cómo e así a descazón me botou n-esta casa!
     -E Mariña naceu pra ser vosa -contestou con moita calma o Padre Froilán.
A todo esto Alvira e Sancho quedaron abrayados: porque Mariña ca rebodaina que houbera na
casa aqueles días, non tivera nin tempo, nin xeito pra dicirlles nada; Ramil non sacaba os ollos de Mariña,
e ésta, pálida com'a cera, tiña a vista cravada no chan.
     Pra sacalos do seu anotamento, o Padre Abade sigueu:
     -Pois xa que nacéstedes o ún pra o outro, convén que non estean por moito tempo soparados os
que Dios quixo xuntar. Pol-o tanto, conséllovos que o que se pode facer hoxe, non-o gardedes pra mañán;
é dicir, que o fagades canto máis antes; pois informes ún d' outro ben os escusades pidir. Eu encárgome
de todo o da eirexa; vosoutros preparade e arreglade o da casa. Soilo pido unha cousa: que hey de ser eu
o que vos case, e creo que, a lo menos n-esta terra, non hay pregona que teña máis direito que eu pra
pidilo. Eu, pol-a miña man bauticei a Ramil e enxendreino en noso Señor Xesucristo; a Mariña, de
pequeniña, cántas veces a tiven sentada n-as miñas rodillas; e aquel afeuto que eu vos tiña cando érades
miniños, foy tamén en mín medrando, de sorte que unha das grandes satisfauciós da miña vida, sería
cinguir con lazada que non se soltara xamáis aquelas duas almas que no corpo poderían medrar, pero que
conservan o mesmo candor, a mesma tenrura de cando eran picariños.
     E agora -continuou o Padre Froilán erguéndose- déixovos á a paz de Dios, porque non sey si
alguén me estará asperando no mosteiro; pero tende conta do que vos dixen.


                                         XIII


       O soave e doce cheirume de que deixou tan recendosa aquela casa a visita do Padre Abade de
Carboeiro, púxoa de maneira que paricía que os moradores d'ela non rispiraban senon contento e
satisfaución. Mariña contoulle a seus hirmáns a estoria de Ramil estando él diante; e Alvira e Sancho
déronse por moy satisfeitos con que Ramil deixara de ser primo pra poder abrazalo coma hirmán.
       Desde entonces xa non se pensou n-outra cousa máis que en preparar todo pra o casamento.
Aquel mesmo día sayeu Ramil a recorrer os seus estados e terras, digo, os que lle quedaran dos señores
que o adoutaran, e avisar á os seus vasallos e caseiros de que estaba pra celebrar o seu casamento. O
propio fixo Sancho nos estados de Donseón pra que todos estivesen sabidores do próusimo casamento da
sua hirmán.
       Na casa quedaron Mariña e Alvira cos moordomos e cos criados arregrando e dispoñendo todo
pra a boda. Ao outro día empezaron xa a viir cuchas, carneiros, porcos, galiñas, capóns, sanganos, odres
de viño, etc., coma si fose pra un mercado. N-aquel tempo había certos autos na vida, coma os bautismos,
os casamentos e as Misas novas, que se consideraban de tanta trascendencia, que traspasaban o círculo
da familia e cundían por toda a comarca á maneira de andacio; pois tal era o afervoamento que se
levantaba en todos de contribuir pol-a sua parte á a maor grandiosidá da festa. ¿Quén habería, por
mingoado que fose, que non se contase por moy favorecido en ousequiar conforme poidese ca sua dádiva
á os afertunados festeiros? Non ten, pois, nada de particular que aqueles días, n-aquela casa noubease a
xente cos regalos á entrar e salir coma as abellas n-un cortizo. ¡Cánto se acordaba estonces Mariña do
que lle había dito o santo ermitaño de San Cosme, o benaventurado Famiano!
       A quen había que ver n-aquela acasión era ao nosa conocido vello, o cuciñeiro Troitosindo. Direito
enriba do lar, ao lado do caldeiro, co espeto na man e rodeyado de pinches e sirventes, paricía un Rey no
seu trono. Conforme iban chegando as cousas, íbaas él repartindo: capóns pr'acó, carneiros pr'aló,
cabirtos pr'acolá, e así o demáis.
       -¡Coidado, Troitosindo, non te cavoques! -dicíalle algún pra facer bulra d'él.
       -¡Quén te verá d'esta amposta, larpeiro!
       Pero él, coma si cantara un carro, siguía adiante co seu reparto, e dando ordes á uns pra que
fosen ao monte por toxo, á outros pra que picasen leña, e así. A as veces, cando non-o entendían ben,
baixábase do lar feito un baselisco, e xostrada aquí, trompazo alá, e labazada acolá, á todol-os tiña
arrellados e deprendidos; que con él n-estas acasiós naide s'adivertía.
       -Qué arroallo leva -dicíanlle-, parece que leva toda a cuciña anteposta.
       -¡Dios nos libre! ¡morte cun fouce!
       -Co conque de que é o pirmeir cuciñeiro, quere arrear e aquelar á tod'o mundo.
       -Que na cuciña, que na eira, que no curral, este trasno sempre ha de facer das suas.
       Pero non pasaba d'alá; que él, teso coma un virote, siguía adiante co seu imperio. En fin, era un
vindeover.
       O aviso do Padre Abade de Carboeiro de que por él xa estaba todo arregrado, non se fixo asperar
moitos días; e con esto todo o mundo se puxo de bolina n-aquela casa, e naide descansaba, nin de día nin
de noite.
       O casamento había de facerse en Carboeiro; e o día señalado, á boa hora, saíron os novios con
todo o seu acompañamento cara ao mosteiro. Barro lles costou o abrir camiño por antre a imensa montetú
que rodeyaba o pazo. Rompían a marcha os escudeiros e peóns da casa de Donseón; seguían logo, moy
ataviados, oito mociños e oito mociñas que Ramil lle dera á Mariña pra que lle sirvisen de paxes e
doncelas; viñan despois os cabaleiros amigos e paniaguados da familia; e por últemo Mariña co-seus
hirmáns, montados en bestas moy engalanadas e gornecidas. Cerraban por últemo o acompañamento, os
moordomos e outros empreados da casa, montados tamén coma os demáis en bestas ben arreadas e
lucidas.
       Ao chegaren ao ponte que está preto de Carboeiro, encontraron á Ramil que xa estaba asperando
co seu acompañamento. Os berros e acramacións que botaron n-aquel ponte, paricía que chegaban ao
ceo; ¡tal era o antusiasmo d'aquela xente e a forza con que estaricaban e infraban os gaznates! O
estronido d'aquelas voces resoaba nos montes d'arredor, e o eco iba pubricando por toda a comarca a
gran solenidá da testa.
       Encontráronse ca porta da eirexa cerrada; porque o Padre Abade ao ver pol-a mañán cedo que xa
a xente se mataba dentro pra coller boo sitio, tomou o acordo -e non foy malo- de botalos á todos afora
e atrancar a porta. A mesma operación, que non costou pouco, de cerrar a porta, houbo que facer despois
que entraron os novios co seu acompañamento.
       Non-os deteremos en descrebir a augusta cirimonia que tivo lugar dentro, nin o comovidos
qu'estaban os presentes ca mesma sorpresa que lles causaba o ver d'aquela maneira pra sempre xuntos
os que hastra estonces estiveran soilo unidos poI-o vencello do sangre.
       O boo foy cando acabada a cirimonia apareceron os novios pol-a porta da eirexa: o levante que
tal alí s'armou non é pra dito. Nin quedou por batemento de mans, nin por vivas, nin por acramacións, nin
por atruxos, nin por nada que amostrase alegría e contento. Moitos ao pasar Mariña e máis Ramil,
poñíanse de rodillas cas mans direitas, pois tal era o embeleso e soledá que lles daba; outros empezaban
á contar cantos deles, do qué dixeran, do qué fixeran en tal e cual acasión; de modo que si alguén poidera
recoller todos estes ditos, tendría feita e direita a estoria de Mariña e de Ramil.
       D' esta conformidá foron indo cara ao pazo de Donseón, onde ao pouco de chegaren comezou o
convite, que como era d'adoito antre xente de tal rumbo, había de durar pol-o menos oito días.
       Ao terceiro día, á media tarde, e cando xa estaban correndo pol-a mesa adiante as navetas cos
confites e outras lambetadas pol-o estilo, na sala onde estaban os prencipales convidados persentouse de
socato unha piligrina (n-aquela casa pra os piligríns sempre estaba a porta aberta), botou unha olIada ao
redor, e logo encamiñouse ensiguida direita á Mariña. Pol-o seu porte e pol-os seus modos, ben se vía que
non era unha piligrina calquera. Así que chegou xunto de Mariña bicouna e abrazouna con moito agarimo,
dicíndolle ao mesmo tempo:
       -Perdóname que te bique e que te abrace, pois xa eres miña filla. E logo como si lle tardara,
 virouse cara á Ramil caéndolle as bágoas á rego, e bicouno e abrazouno con toda a sua alma,
 dicíndolle ao mesmo tempo:
       -¡Ay, fillo das miñas entrañas, cánto puxeches da tua parte pra que o sonroxo do meu pecado
fose menos!
       Abrayada quedou a mayoría dos que estaban na mesa ao ver as astromonias d'aquela muller.
Algúns pensaban que se trataba d'unha tola e ainda se puxeron en pe pra estar máis dispostos, pol-o que
poidera soceder; pero logo empezou de correr pol-o baixo a voz: -É a nay de Ramil, é a nay de Ramil; e
con esto quedaron todos asosegados; pero, por eso, ca ansia e envexa de saber en qué paraba aquelo.
       En canto á Ramil, ao pronto quedou coma estantío, sin saber o que lle pasaba; pero logo, ante as
íntemas demostracións d'aquela desconocida, sinteu no seu intrior unha alteración coma nunca na su
vida esprimentara, un estordigamento que se lle estendeu por todo o corpo desd'a cabeza hastra a punta
dos pes. Era o sangre que chamaba pol-o sangre; e non é pra describir a forte emoción e a intensa tenrura
con que dou o pirmeir bico e o pirmeir abrazo á a sua verdadeira nay. A cal, cando poido coller algo de
folgo, dirixíndose á todol-os circustantes, díxolles:
       -Perdónenme suas mercedes -prorrumpeu saloucando- estes meus arroutamentos. Vint'esete
anos hay que veño en costante e brava loita antre o meu corazón e consideracións que non é do caso
espresar aquí n-este momento; e agora que, gracias á esta boa moza (e ao decir esto pousaba a sua man
sobr'o hombreiro de Mariña, inda non tanto pra apoyarse n-ela coma pra darlle xa unha proba de íntema
familiaridá) cóubome hachar algún tremiño ao afán que me devoraba o peito e que vexo legre e dichoso a
este pedazo do meu corazón, do cal tanto tempo estiven en sacreto; non vos estrañedes que eu aloulee e
diga e faga cousas sin arde e sin tino.
       N-esto Mariña foise arredando pra que se sentase antr'ela e Ramil; mais Ermemberga, que lle
conoceu a intinción: -Estas mesas -díxolle- non che son pra unha piligrina.
       -¿E non queredes botarnos a vosa bendición? -repricoulle Mariña.
       -Si o sentarme aquí sinifica que vos boto a miña bendición, sí, sí.
       Por eso ela non quixo tomar nada, sinon que estivo remoendo na boca algunhas finezas que lle
fixeron os fillos; e mentras, perguntoulles si habería inconveniente en que entrase alí un seu escudeiro
qu'estaba na porta asperando. Ramil cenou á un dos criados qu'estaban sirvindo á a mesa pra que fose á
avisar ao escudeiro; e logo éste entrou, traendo nas mans un caixonciño que puxo diante de sua dona.
Abreuno ela, ou máis ben dito, arredoull'a tampa porque o caixón xa viña aberto, e sacou de dentro duas
arquiñas de marfil qu'estaban envolvidas en panos de seda. Unha arquiña púxoa diante de Mariña, e a
outra diante de Ramil, dicíndolles ao mesmo tempo: -Estes pequenos trastes non teñen dadoiro, é verdá;
pero eu aspero que sempre que os abrades, habedes de hachar n-eles o cariño de vosa nay.
       -Xa me tarda -dixo Mariña, abrindo a sua-; e comenzou de sacar sortellas, bincos, collares, unha
media lua á modo de diadema, todo de ouro, e máis tamén madeixiñas de fios de ouro pra entrenzar co
cabelo. O que máis chamou a atención foy un cinturón de tela de ouro que de trecho en trecho tiña
apricados unhos medallós tamén de ouro con esmaltes de aprique. Os broches, que eran redondos, tiñan
unha rolda de pelras, despois outra más pequena de rubís, e no medio engastonada unha gran esmeralda.
       Ramil fixo o que Mariña, e sacou da sua arqueta unha cruz, unhos relicarios, unhas esporas de
ouro, o puño d'unha espada rematado c'unha esmeralda redonda, e c'unhas boliñas de zafil nos estremos
dos brazos da cruz; e sint'estos, outros dixes, conchas e monadas.
       As mesmas arquetas eran en sí cousa de moito valor e estimación. A de Mariña, tiña no frente
labrados de relieve tres cuadros separados por culunas. N-un estaba fegurada a Anunciación de Nosa
Señora, n'outro Noso Señor no portal de Belén e no outro a Adoración dos Santos Reises. A de Ramil tiña
no medio as bodas de Caná e á os lados os desposorios de San Xaquín e Santa Ana e Nosa Señora e
San José.
       Os convidados estaban todos ca boca aberta contemprando aqueles ouxetos, e todos moy
adimirados de que a piligrina viñese arrombada c'aquelas cousas. Pero o caso pasou así. Ao ir
Ermemberga pra Santiago en comprimento da sua ofreza, coma d'adoito foyse á Carboeiro pra falar co
Padre Abade. El contoulle todo; cómo seu fillo Ramil estaba pra casarse d'alí á dous días; díxolle quén era
a novia, como ninguén podía deseal-a mellor. Con esto a boa da muller púxose tan leda e tan contenta,
que paricía que a alegría lle rezumaba por todo o corpo. De Mariña e máis dos hirmáns xa lle falara o
Padre Froilán n'outras acasións.
       -¡Ay Reverendo Padre! cánto ben me fay noso Señor, á quen tanto ofendín. E con eso despideuse
e sigueu pra Santiago.
       No camiño ocurréuselle que lle tiña que facer algún regalo á os novios; pero, ¿cómo iba ela á
comprir con esta cortesía, si sacando que viña acompañada d'un escudeiro e d'unha doncela, en todo o
demáis era como unha mandingante? Fixera pormesa de non parar en outro sitio que nos espitales que
había á a beira do camiño e alí durmir onde durmían os probes e necesitados, e non comer máis que o
que lle desen por caridá. Así é que na bulsa dos cartos non trajía máis que moedas miudas pra dar á os
probes ou eivados que alcontrase pol-o camiño. N-esto nembrouse que en Santiago conocía á dous
coengos, que andiveran pol-a Lombardía recollendo esmolas e donadíos pra a Eirexa do Apóstolo, Patrón
das Españas. Con eles falara algunhas veces, cando andaban viaxando pol-a sua terra, e ainda lles dera
unha boa esmola (e máis poida que fosen Pedro Astrariz e Payo Yáñez, de quen dice a Estorea
Compostelana, no Lib. II, cap. LXIV, que poI-os anos de mil cento e vinte e tantos, con tal ouxeto recorrían
a comarca de Pavía).
       Non lle fixo falla poñer moitas esculcas pra alcontrar á os coengos na catredal. Díxolles en moito
sagredo quén era ela, e o que lle pasaba: que quería facer algúns regalos pero que non trajía cartos
bastantes, e pol-o tanto que lles pidía que tivesen á ben de emprestarlle o diñeiro que pra o caso lle
cumprise. Eles, que non tardaron en reconocela e nembrarse do ben que os tratara en Pavía,
ofrecéronselle de moy boa voluntá pra todo o que lle fixese falla. Con esto ela clareouse con eles e díxolles
que o que quería era mercar algunhas alaxes da máis valía que houbese en Santiago pra regalar á unhos
novios, á quen ela estimaba tanto com'as meniñas dos seus ollos.
       Os coengos foron avisando a os oulives de máis nombradía (¡e coidado si os había boos estonces
en Santiago!) pra que trouxesen á a casa d'un deles todo o melloriño que tivesen na tenda. Ela iba
escollendo o que lle paricía, hastra que veu máis que atuídas as duas arquetas de marfil, que tamén
mercara á un dos oulives. N-esta aperación empregou tres días, ao cabo dos cales despois de despedirse
dos coengos, deixándolles conocemento e obrigación do que d'eles recibira, púxose en camiño pol-a vía
acostumada hastra que chegou a Donseón co seu alquipaxe á a hora que vimos.
       Por moy estantíos que quedaron os convidados ao contemprar aquelas cousas, ninguén por eso
se astreveu a perguntarlle á a piligrina cómo e dónde lle viñeran aquelas alaxes.
       N-esto xa estaba pra poñerse o sol. Ermemberga ergueuse e fixo ademán de querer despedirse.
Os fillos, ambos e dous quedaron mirando pra ela cos ollos tan arregalados, como era grande o seu
atoramento.
       -¿E habedes de deixarnos n'esta acasión? -perguntoulle Mariña.
       -¿E queredes negarme a pirmeira cousa que vos pido? -sigueu Ramil.
       -¿E pensades, meus fillos, que é sin que se me esgacen as entrañas o teer que deixarvos en esta
acasión? Pero non pode ser de outra maneira. Eu fixen pormesa de vir direitamente a Compostela sin
pararme máis que nos espitales do camiño, nin tomar máis que pan e auga ou o que tivesen a caridá de
darme. En Santiago tres días enteiros embaín en comprar esas chilindradas, e agora xa me parece que é
razón de que siga o meu camiño. E ao decir esto aloumiñaba cas máis tenras caricias á os seus fillos
coma si quixera atranquilalos con elas, xa que non podía facer o que lIe pidían.
       -¿E cándo fixéstedes esa pormesa -saltou Mariña, á a cal as mesmas caricias da sogra paricía
que lle daban aas pra facerse máis ousada e asixente- poderíasevos ocurrir que no viaxe habíades de
encontrar prendas do voso corazón que necesitasen do voso amorío e do voso alento? E ademáis que
espital tamén é esta casa; porque, mal que eu o diga, poucos días veñen ao mundo, que non durman aquí
algúns piligríns.
       -Non é este o espital que eu busco, sinon o de Lalín, onde, si Dios quer, hey de ir dormir esta
noite. O gran Señor á quen tanto ofendín, fíxome o ben de vervos aquí xuntiños; e eu ¿qué máis podo
desear agora?
       Estonces Mariña, botándolle os brazos ao pescozo e cos ollos que mesmo demandaban piedá:
-Podíamos mandar atrancar as portas -díxolle- pra facervos violencia, pero estamos seguros de que máis
que todal-as trancas han de poder con vos as súpricas e os suspiros de vosos fillos e en particular os da
vosa filla nova. En todo caso iremos á dormir con vos no espital de Lalín.
Mais Ermemberga, que con estas súpricas e además dos fillos sintía que lIe atenazaban alá
dentro o peito, rindeuse e dixo: -O pasar vos a noite comigo no espital non pode ser; quedarey, pero ha de
ser co-estas duas condiciós: que hey de saír ao arrayar o día e que ninguén, ninguén da casa, me ha de
acompañar.
       Despois, abrazando e bicando á Mariña: -Querendo Dios, á quen tanto ofendín e que tanto ben
fixo -sigueu- xa buscaréi eu acasión de amostrarvos cánto vos teño no corazón e cán prendada quedei
d'esta miña filla nova.
       E con esto acabouse o meu conto, digo, acabouse non, porque inda quiría engader algunhas
paráboas acerca de cómo remataron os que foron os prencipales causantes das trifulcas e trasnadas que
vimos. O Conde de Toroña, D. Gómez Núñez, vendo que non-o deixaban acougar en ningunha parte,
acabou por meterse frade no convento de Cruni, en Francia. Gondesindo marchou co Conde de Galicia, D.
Fernando Pérez de Traba, na cruzada que perdicou San Bernaldo, e nunca máis se d'él soupo



       (1) Bendoiro é o mismo que cazadoiro. Ven do latín Venatorium, sitio de caza.
       (2) Labraron a ponte no ano 912, e foy acabada o 31 de Marzo.
       (3) Todo esto é estórico, pois así o reza un decumento que vin do mosteiro de San
Martiño de Santiago. E máis dice o decumento: que o cura de Pazos Pedro Astrariz e os
fiigreses con licencia do Obispo de Lugo, cedéronlle á Sanio Martiz a heredá de Rasedo
en pago do que adiantara.
       (4) No nome do Noso Señor Jesucristo, na era de MCLXXXVI (ano de 1148) ó 1.º d'Agosto fixo esta
casa o Abade Froila en unión ca caterva ou comunidá dos seus frades.
       (5) A os lados da lousa sepulcral do Abade Fernando, que está pretiño da capela maor, había
outras duas. Unha era d'un cabaleiro, a memoria do cal non debemos deixar esquecida. Dicía así, desfeitas
as aberviaturas: ERA : M: CCCLXXVI : ET QVOTUM : TERTIO : KLS : -DECENBRIS : HIC :IACET : FERN-DVS-RODERICI
DE : -INSOLA : MILES. Ou sea: A 29 de Novembre de 1338. Aquí yaz Fernán Rodríguez de Insoa cabaleiro.
       A pedra do outro lado dicía: PEDRO DE CASTRO, 1607.
       Ao lado esquerdo do cruceiro, no muro do vendaval, baixo d'un arco oxival do sigro XIV ou XV,
había o sepulcro d'un Abade ca sua estatua yacente.
       A pirmeira noticia que tiven de estas ruinas, recibina do meu bon amigo Licenciado D. Francisco
Tallón, que morreu de Párroco non fay moitos anos en San Xuan de Toríz, partido xudicial de Lalín.
Dios teña a sua alma no Santo Paraíso.
       (6) Esto podémol-o máis fácilmente facer, gracias á as escelentes fotografías que non hay moito
sacóu o meu caro amigo o presbítero D. José Limia Rodríguez. Esto máis que teñen que gradecer a Patria
e mail-o Arte.
       (7) As bóvedas propiamente bizantinas diferenciábanse d'estas románicas, en que, como estaban
formadas pol-o regular de ladrillos, cando non infundían no medio da masa olas ou á modo de alcatruces
focos de barro, para aforrar os acimbres, poñían as hiladas dos ladrillos paralelas á os arcos que
amparaban á as bóvedas. No sistema románico, non: os materiales das bóvedas en vez de ir paralelos à
os arcos, van paralelos á as paredes, ou en sentido perpendicular respeuto dos arcos.
       (8) Este Diego Gómez de Deza era hirmán de aquel Alonso Suárez de Deza, que mataron na
Rocha de Santiago en tempo do Arcibispo D. Biringuel.