O tío Miseria. Conto metá deste mundo, e metá do outro


"O tío Miseria. Conto metá deste mundo, e metá do outro",[1] de Enrique Labarta, inclúese no libro O tío Miseria e outros contos, publicado en 1968, na Colección O Moucho de Edicións Castrelos.[2]

"O tío Miseria. Conto metá d' este mundo, e metá d' o outro" en Galicia Moderna


O tío Miseria. Conto metá deste mundo, e metá do outro
Incluído en O tío Miseria e outros contos
      Enrique Labarta       (1897) 1968
 



I

Era o tío Miseria o labrego de máis bon humor de toda a comarca. Daba xenio ver aquel home de cote alegre, risono e churrusqueiro, e sentíase unha comezón de envexa ó miralo tan felís. ¡Vaia si era felís! E tiña porque selo; pois gráceas a Dios ó bon do petrucio nunca lle faltou nada neste mundo... pra morrer de fame.
Pola súa posición social podíaselle chamar burgués a boca chea e ser apuntado no libro roxo dos anarquistas pró día das venganzas; porque o tío Miseria era todo un señor porpietario, dono ausoluto dunha leira de cinco varas de longo, e dunha casa terreña de moitas comodidades, onde cabían perfeutamente de pé, el, a parenta, un fillo i a vaca marela. I eínda quedaba síteo pra catro máis... poñéndose uns enriba doutros.
En canto a comer, na súa casa comíase ben. Pola mañán verzas con auga, ó médeo día auga con verzas, e á noite volta ás verzas e volta á iauga. O estógamo do tío Miseria foi consecoente cas verzas toda a vida e gardoulles fidelidade astra a súa morte. ¡Talladas... nin velas! ¡Nunca quixo trato coas talladas!
O tío Miseria era ademais todo un home importante: un ciodadano libre a quen o goberno encheu xenerosamente astra a coronilla de dereitos ceviles e polítecos. Como que tiña dereito de pensar... que non tiña un carto, o de casarse e cria-los fillos, o de comer verzas e beber auga da fonte, ou de votar... ¡i astra o de estoupar! E todo iso a cámbeo de ben pouca cousa, total, unhas pesetiñas de contrebuceón pola leira, outras poucas pola casa, algunhas máis polo consumo das verzas, e o importe de tres cédolas, a súa, a da parenta i a do fillo. ¡I astra houbo quen quixo facerlle pagar a da vaca, por cuesteón de analoxía!
Era tamén o tío Miseria un home ilustrado, gráceas ó Goberno, que lle puxo unha escola na parróquea pra que deprendese todo o que pode insinar un maestro de incompreta a quen o Auntamento lle pagaba, por trimestres vencidos tódolos seus haberes. ¡Pero aqueles trimestres debían ser valentes como raios, pois o probe do maestro, por moito que pelexou coeles, nunca consiguiu velos vencidos!
Aquel dómine incompleto, insinoulle ó tío Miseria moitas cousas. Por de contado o primeiro día de escola xa lle insinou os codos rompidos, dúas ventanas no pantalón con vistas interiores i unhas botas tan alegres que se rían a carcaxadas antre o material i as solas.
Insinoulle tamén que ó que ten catro pesetas si lle casan dezaseis reás non lle queda un carto, que as letras do abecedario son letras que non se croban, e que o que non come... aúna.
Aparte diso deprendeu o tío Miseria, sin que ninguén llas insinase, tódalas verdades de Pero Grullo, i outras moitas cousas que non eran de dispirdiciar.
Sabía que o mundo é coadrado, ¡que non é pouco saber! Sabía que na terra solasmentes hai dúas nacións: España e a Mourería; e que a humanidade componse toda de cristianos, mouros e xudíos, sendo estes últemos os máis numerosos. ¡Cuasque tiña razón!
Sabía que un home de ben non debe ampararse da xusticia, senón fuxir dela como do lume, e que tódalas leises refúndense nunha, a lei do embudo.
Sabía tamén que o inferno é un forno moi grande cheo de sapos e cóbregas, que está debaixo de nós (anque ás veces dudaba si teremos outro drento); i o ceo, unha bendita terra onde nin se traballa, nin se comen verzas, nin se paga contrebuceón.
E sabía (de moi boa tinta) que o sacretario do Auntamento, o deputado do destrito, o xefe da políteca, i o siñor Picote (que era o máis rico da parróquea e daba cartos a rédetos ó sesenta por cento) habían de ir todos ó inferno de cabeza, levados, un dempois doutro, debaixo do brazo, polo mesmo demo en persoa; namentras que a el, ó probe tío Miseria, xa lle tiña Dios perparado un bo sitio no ceo a man dereita, polas moitas que estaba pasando neste mundo.
Pensando niso, ¡que felís se consideraba o tío Miseria! ¡Non cambearía o seu pelexo, polo do mesmo rei en persoa! Porque o que el dicía:
- ¡Pró tempo que hei de estar neste mundo o mesmo me dá comer verzas que polos, pro deixá, deixá que no outro xa me desquitarei!
I esperando o desquite, o noso home tiña por forza que ser o máis felís de toda a parróquea.
Por iso, cando chegou o día en que xa nin as verzas daban abasto pra matar a fame de tódolos daquela casa, i houbo que embarcar pra Boenos Aires o úneco fillo, namentras a parenta choraba os sete chorares, o tío Miseria, anque sentía andar a porcesión por dentro, escramaba fregándose as maus:
- Cala, muller, cala. ¡Déixao ir! Cantas máis desgráceas nos veñan nesta vida, máis satisfauciós nos esperan na outra. ¡Hoxe gañamos ó menos... oito ferrados de groria!
O tío Miseria pra mandar o fillo ás Amérecas, empeñouse inda máis do que estaba. Fíxolle roupiña nova, pagou unha man chea de pesos pra pasalo por alto por caosa das quintas, e cando foi a dispidilo ó barco meteulle na faltriqueira os seus últemos aforros, e, dándolle un bico i un abrazo, díxolle:
- Adiós, meu filliño. Si non volvemos a vernos neste mundo e vou e diante, cando ti morras, pergúntalle a San Pedro por min, que el che guiará a onde eu esté. Conque... astra aló e non chores, que por chorar non che han de dar nada.
A pergunta que o tío Miseria lle encargou pra San Pedro ó seu fillo, xa tivo este ocaseón de facerlla ós dous meses de estar en Boenos Aires. Ó probe rapás matárono as soedades. I enantes de morrer, revolvéndose na cama do hespital de ves en cando entornaba os ollos e soñaba... soñaba cas verzas da cas do seu pai.
I o enfermeiro dicía:
- ¡Si será burro o do númaro 6! ¡Estámoslle dando caldo de galiña, i el non fai máis que sospirar polas verzas!
Ó tío Miseria, cando soupo a morte do fillo, púxoselle un nu na gorxa i estivo dous días sin porbar as consabidas verzas (aquelas verzas que eran como si dixéramos o blasón da familia) pero ó terceiro, botou o nu pra baixo, i escramou:
- ¡Quen como el! ¡A tal hora está no ceo dándose a gran vida; i eu eiquí tragando verzas! ¡Non merezo perdón de Dios, si me poño triste por el!
E botouse a rir a carcaxada limpa...
¡Cando digo eu que o tío Miseria era o home máis felís da parroquéa!...
Ó siguente día veu o menistro do Xusgado a notificar ó tío Miseria o embargo de tódolos seus bens imoebles, moebles... e semoventes; pois o siñor Picote, a quen o noso vello acodía nos casos de apuro, compadecido das súas lástemas, tíñalle prestados uns cartiños que, co sesenta por cento dos rédetos, sumaban máis que a conta do Gran Capitán. E como o últemo prazo vencera facía catro días, i o siñor Picote era un home moi xusto e puntual en tódalas cousas, botouse enriba do tío Miseria pra cobrarse capital e rédetos, todo xunto.
¡I estaba moi ben feito iso! O siñor Picote era un home rico, solteiro e sin obrigacións; pro iso lle fai. ¡A cada un hai que darlle o que é seu!
Ademais o tío Miseria non tiña goberno nengún, e dábase vida de crego, en ves de facer economías pra pagar a quen debía. ¡Si, si, o noso home botaba de largo! ¡Houbo día que se papou catro verzas... e ben lle bastaba unha!
Cando o menistro lle dou a noticia do embargo, o tío Miseria fixo un punto de muiñeira coa alegría i escramou:
- ¡Ei, carafio!¡Choven as desgráceas a eito! Millor que millor. Hoxe vou gañando seis ferrados máis de ceo.
Pro a velliña da parenta nin estaba moi conforme coaqueles cachos de terreos, que o seu home iba adequerindo no mundo da verdá, nin quería convencerse da boa sorte que lles entraba pola porta.
- Mira, home -díxolle ó tío Miseria- se por cada disgracia, que nos caie ó lombo, gañásemos somentes unha coarta de terreo na groria, xa éramos hoxe donos das dúas terceiras partes do ceo.
- Non botes herexías, muller.
- O herexe eres ti que polo visto queres que arranxemos con toda a fincabilidá de Dios Noso Señor. O millor é que te deixes de foliadas, e vaias á vila a falar co siñor Picote a ver si nos dá siquera quince días máis de prazo enantes de embarga-los bens.
- Boeno, muller. Voume alá, por darche gusto, pro dáme o corpo que hei de sacar eu do siñor Picote... o que sacan os polos do miñato.
E dálle que dálle, alá se foi o tío Miseria, camiño da vila, onde pasaba os invernos o siñor Picote.
Iste iba fóra da casa, i o noso vello tivo que esperalo no portal. Alí se estivo máis dunha hora, astra que viu aparescer no médeo de seis amigotes o siñor Picote, de chistera e lambita, e máis teso que un galo.
Era o tal siñor, un deses ricos demócratas e campechanos que se desviven por millorar a situaceón da crase traballadora; esa crase infelís que como el dicía, é perciso ridimir a toda costa. (I enantes de ridimila... escomenzaba ridimíndolle os bens).
Naquel momento viña dunha reuneón obreira, onde perdicara aquela tarde, pedindo, antre salvas de aprausos, moita egualdá, moita libertá e moita fraternidá; pero moita, moitísima, o menos... ¡un sesenta por cento!
Ó ver ó tío Miseria, adiantándose Picote ós mais amigos, sombreiro en man arrodillouse diante del; con gran asombro do vello que de pé, tamén, descoberto, e coa boca dun palmo, mirábao, creíndo que se volvera tolo.
- ¿Que é iso! ¿Vosté que fai? -dixeron tódolos amigos achegándose.
- Arrodillaivos todos -respondeu o siñor Picote-. ¿Vedes iste homiño de calzón e cirolas? Pois ben, eiquí tendes un representante enxebre, desa probe crase que sofre e cala, que traballa e non come...
- ¡Siñor; vosté fala como un libro! -interrumpeu o tío Miseria-. ¡Pro... levántese!
- Sí -continuou o siñor Picote-. ¿E todo iso pra que? Pra manternos a nosoutros os ricos.
- ¡E mais ten razón! -volveu a interrumpir o tío Miseria.
- Si; eiquí o tendes; ó probe do labrego. Prometeo...
- Eu non me chamo Mateo, siñor.
- Pormeteo do traballo, eterno escravo da terra, que vai regando co seu sudor i as súas bágoas. Sin os labregos ¿que sería de nosoutros? ¡Ai do día en que conezan o que valen, e se ergan todos pra recramar o que se lles debe!
- ¡A min non me deben nada, siñor! Son eu o que debo...
- Entón o confrito agrícola, será eínda de máis defícel solución que o da crase obreira. Por iso a istes infelices, que son máis castigados i os que menos recraman, debemos... ridimilos a toda costa.
E dito isto, en médeo dos aprausos dos outros amigotes, doulle un bico i un abrazo ó tío Miseria, que sin saber o que lle pasaba, dicía encontra sí:
- A iste home debeulle tocar Dios no curazón. Me paresce que non se contenta con darme quince días de prazo. ¡Dista feita, perdóame os rédetos!
Namentras, despideuse o siñor Picote dos seus amigos, que marcharon escramando:
- ¡Iste si que é o que se chama un home! ¡Se tódolos ricos foran como el, que ben andaría o mundo! ¡Gañaba polo menos... un sesenta por cento!
Non ben quedaron soilos o tío Miseria i o siñor Picote, dixo este, crubíndose e cambeando de tono:
- Vamos a ver, ¿que tragues por acó? ¿Sei que vés a pagar?
- Siñor -respondeu o tío Miseria dándolle voltas na man á monteira- eu ó que viña era... a pedirlle...
- ¡Ui! ¡Malo! ¡Malo! ¡De cote habeder de vir pidindo!...
- Siñor, eu quería que mandase sospender o embargo.
- Boeno, pois... socha os cartos.
- Siñor, eu non os teño. Si vosté me dese un prazo de quince días...
- ¡Ta, ta, ta! ¡Con que lerias me vés! ¿Ti eres parvo ou faste?
- Señor teña lástema de min. Son un probe labrego como dicía vosté moi ben.
- O que sodes todos vos é un ataxo de galopíns.
- Pro, ¿vosté non dicía?
- ¿Que dicía eu? ¡Cousas que ti non entendes! ¡Eu falaba en xeneral! En fin... home... déixame de lerias e toma a porta.
- Señor, e si me embargan mañán, ¿onde me meto eu ca parenta?
- ¡Métete no inferno anque sea! ¡Que me contas a min!
E dándolle un empuxón, botouno na calle e doulle coa porta nos fuciños.
O tío Miseria quedou como quen ve visións e marchouse cara o seu lugar, dicindo escontra sí:
- ¡Isto xa o esperaba eu! ¡Pro a muller é tan terca! ¡Boeno! ¡N'hai que facerlle! ¡Alégrate meu vello! Hoxe gañache outro ferrado de sembradura no ceo.
Ó día siguente foi a xusticia a embargalle todo canto tiña; i eisí que viu a vaca fóra, o tío Miseria, dándolle un abrazo escramou:
- A ista si que non a volvo a ver nin neste mundo nin no outro. ¡Pro... n'importa! ¡Xa me darán vacas no ceo!
Cando o tío Miseria e a parenta se atoparon fóra da súa casiña, no médeo do arró e sin máis fertuna que a que levaban ás costas, a súa compañeira acobouse ó fin de convencer de que os dous eran xa felices e donos ó menos das tras coartas partes da groria, e chea de satisfaucións, doulle un patatús coa alegría, marchándose das resultas, pró outro mundo nun santiamén.
¡A probe vella, sin dúbida, dábase présa pra tomar posesión dos bens que ela i o seu home adequeriran no paradiso!
O tío Miseira acompañou o cadavre astra o cimenterio, meteu a caixa na cova, botoulle terra enriba e logo, arrodillándose e mirando pro ceo, escramou:
- Adiós miña compañeira. Daraslle un abrazo ó fillo, i astra logo. ¡Esperádeme calquera día destes!
Efeutivamente, o probe do vello eínda non tardou un mes en ir a xuntarse ca familia.
Unha mañá apareceu morto drento das ruínas do antigo palacio dun siñor de forca e coitelo.
¡Morreu de fame... que é a maneira máis económica de morrer que se conece!


R. I .P

II

Ó dispertar o tío Miseria na outra vida, escomenzóu a subir máis listo que un lostrego; i aló enriba na metá do camiño, antre ceu e terra, abriu os ollos da ialma, e quedouse pámpano de ademiración.
¡A cousa n'era pra menos!
¡Aló, nas porfundidades do espazo, o mundo, cheo de Picotes, e tíos Miserias, xiraba costa abaixo, hundíndose cada ves máis na escuridá dos abismos sin fin. Enriba e polos costados, outros millares de millóns de mundos, camiñaban, Deus sabe a onde, dando voltas e voltas o mesmo que rodas de muíño!
- ¡Eu eiquí voume a perder! -escramou o tío Miseria mirando pra baixo, cara o praneta, que deixara pra sempre, e que, cada ves máis lonxe, parescía un vermiño de lus que se iba apagando e apagando, astra que ó fin desapareceu... aló... nas imensas negruras do infinito.
- ¡Vaite con Dios! -dixo o noso vello-. ¡O mundo onde eu estiven n'era nada! Paresce mentira que tanto pelexemos uns cos outros drento daquel grau de millo! ¿Cando chegarei ó ceu? De fixo que xa me han de estar esperando con foguetes e gaiteiro. ¡Ei, carafio, voume a crobar de tódolos malos tragos que aló embaixo me fixeron pasar!
Nestas i outras conversas consigo mismo iba emboubado, cando de repente alcontrouse á porta dunha casa moi grande pintada de roxo.
- ¿Será iste o ceo? Vou a petar.
E dou tres petadas que resoaron como tres cañonazos.
Entrabeuse a porta, e saíu por ela unha labarada que o tumbou para atrás.
- ¡Demoro! -escramou o tío Miseria-. ¡Eiquí seique están cocendo broa!
- ¿Quen raxo anda aí? -perguntaron dende adrento.
- Un defunto, señor.
- ¿E de onde vés?
- De Xallas, pra sirvir a Dios i a vosté.
- Sirvilo a el i a min a un tempo, é un pouco difícele.
- Será, señor.
- ¡Cala! ¿Ti eres Picote? Casuasmente estabamos esperándoche.
- Despense, pro eu son o tío Miseria.
- ¡O tío Miseria! ¿E que che se perde eiquí? Si non tóca-lo zoco máis que de présa, collo un tizón e quéimoche a ialma.
- Non se incomode, señor.
- Pouca conversa, e segue o teu camiño, que no inferno maldita a falla que ti fas.
- ¡Nunca Dios pra mal me dera! ¡Vin a dar ó inferno! ¡Nuncha che creín que cadrase tan enriba; -escramou o tío Miseria-. Por eso... xa me daba mala espiña! ¡Eiquí cheira a corno queimado! E polo visto debeu de morrer tamén o siñor Picote, pois xa o están esprando. ¡Ala pra diante! ¡Mailo será que non dea co ceo!
E sigueu, rube que rube, astra que aló enriba, moi enriba, antre arbres de ouro con follas de pelras, viu unha porta grandísema que tiña soles por cravos.
- ¡Esta é a porta da groria! ¡Non me cabe dúbida! ¡Apuremos o paso! ¡Que bon recibemento vou a ter!
Ó decir isto, sinteu ruído de pasos ás súas espaldras, mirou cara atrás, e... ¡ou asombro! ¡Viu ó siñor Picote en persoa, que traguía o mesmo camiño que el!
- ¡Nunca Dios pra mal me dera! ¡O siñor Picote por estas alturas!
- ¡Ola, tío Miseria! -dixo o siñor Picote achegándose-. Xa soupen que morreras o mesmo día que eu, i alégrome de verche, porque quería pedirche perdón por todo o mal que che fixen aló embaixo.
- ¡Hum, hum! -respondeu o tío Miseria, meneando a testa- vosté seique me quer volver a botar as endrómenas daquel día no portal da súa casa. ¡Pois mire que agora non lle estamos pra bulras!
- Dígocho de veras.
- Entón... non fale diso. Eu perdónoo de curazón; o conto é que tamén Noso Señor lle perdoe as moitas que vosté leva feitas.
- Dios xa me perdonou. Arripintinme á hora da morte de tódolos meus crimes.
- Mire; eu non lle desexo mal, pro heille dicir unha cousa.
- ¿E que é, ho?
- Faille un pouqueniño, estaban esprando por vosté no inferno. ¡Seillo de boa tinta!
- Si; pro cando me espraban eínda non fixera o auto de perfeuta contrición. O arrepentemento foi coesteón dun segundo.
- Pois... alégrome e... sigamos pra diante. Eiquí parados non facemos nada. Diga, eso que se ve, ¿será a groria?
- Si, home, si. Xa o di o letreiro que ten enriba. ¿Ti non sabes ler?
- Si, siñor, pro son de vista cansada i esquencerónseme os anteollos. Quedáronme debaixo da terra, na faltriqueira do pantalón.
Nesto chegaron á porta da groria, i o siñor Picote adiantouse a chamar.
- ¿Quen anda aí? -preguntou San Pedro.
- Señor; eu son Picote.
- ¡Xa temos eiquí o siñor Picote! -berrou San Pedro, batendo palmas coa legría.
I as portas do ceu, abríronse de par en par, en médeo de vivas, músecas e foguetes.
- Cando receben a ise con tanta foliada, ¿que será a min? -dixo o tío Miseria escontra o seu coleto; e tratou de meterse pola porta, detrás do seu compañeiro de viaxe.
- Ei, paisano, ¿a onde vas? -díxolle San Pedro con malos modos, empuxándoo pra fóra, e pechando a porta.
- ¡Siñor San Pedro -escramou o probe do velliño- eu son o tío Miseria! ¡Dios mío! ¡Tamén eiquí!
- ¿Quen eres? -preguntou San Pedro dende adrento.
- O tío Miseria, siñor.
- Berra máis, que co estoupo dos foguetes non oio ben.
- ¡O tío Miseriaaa!... -escramou o noso home a berro pelado.
- ¿Con que ti eres o tío Miseria? ¡Boeno! ¡Entra, e non me armes escandaleiras á porta!
Abriron médea folla, i o tío Miseria colouse no ceo sin que ninguén saíse a recibilo.
- ¿Onde están a parenta i o fillo? -foi o pirmeiro que perguntou.
- Búscaos, que aí han de andar -respondeu San Pedro volvéndolle as espaldras.
O probe do vello quedouse tradado e sin estreverse a pasar da portería.
- ¿Ai! -escramou sentándose nun currunchiño-. Ó siñor Picote, recébeno eiquí con múseca e foguetes, e a min, dempois de tantos méretos, trátanme o mesmo que se fora un can, fora a ialma.. ¡Adiós miñas espranciñas! ¡Polo visto neste mundo fanlle ós probes como no de embaixo! ¡Saín dun souto... e métome noutro!
Nesto, Dios Noso Señor, que cadraba de pasar por alí, ó mirar ó tío Miseria, triste e pensativo i acurrucado, achegándose a el, colleuno por unha man, levantouno do chan, e díxolle:
- ¿Vente comigo, tío Miseria, que eu che levarei xunta a túa muller i o teu fillo pra que vos sentedes os tres ó meu lado por toda unha eternidá!
- Gráceas, señor, gráceas -escramou o tío Miseria- si vosté non fora, eiquí ninguén facía caso de min. ¡Como son un probe!... ¡Si fora rico como o señor Picote!
- Eiquí n'hai nin probes, nin ricos -respondeulle o Señor bondadosamente.
- E... poida que vosté teña razón; pro...
- Xa sei que che paresceu mal que ó señor Picote o recibisen millor que a ti.
- Señor -dixo o tío Miseria rascándose a testa- iso a min, ¿por que me había de parescer mal!
- ¡Mira, que eiquí non val mentir!
- Pois... se hei de dicir verdá, eu espraba outro recebemento. ¡Somentes vosté sabe o moito que teño sofrido con pacencia pra ganar a groria!
- Xa o sei, ¿pro ti iñoras porque a Picote o recibiron millor que a ti?
- Eu, señor... si vosté non mo di...
- Pois voucho a dicir. A entrada na groria dun pecador arripentido, regocíxanos máis que a de cen xustos. ¡Estamos tan pouco afeitos a iso! Eiquí dos Picotes, chega un por casoalidá, de mil en mil anos; tíos Miserias, como ti... ¡entran a patadas a tódalas horas


  1. Publicado orixinalmente en 1897 no n.º 6 de Galicia Moderna
  2. En 1996 a Editorial Galaxia reeditou O tío Miseria e outros contos co simple título de: Contos.



<<<< >>>>