Ordenanza reguladora da taxa pola tramitación da licenza de apertura de establecementos
PREÁMBULO
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución española, e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de Abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Excmo. Concello de Pontevedra establece a taxa pola prestación de servizos ou a realización de actividades administrativas de competencia local constituídas pola tramitación da licenza de apertura de establecementos, a que se refire o artigo 20.4.i) do citado Real decreto lexislativo, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, e cuxas normas atenden ao prevido no artigo 57 do mesmo texto legal.
Artigo 1. Feito impoñible
- Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade e calquera outras esixidas polas correspondentes Ordenanzas e Regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza de apertura á que se refire o artigo 22 do Regulamento de servizos das corporacións locais, aprobado por Decreto de 17 de xuño de 1955.
- A tal efecto, terán a consideración de apertura:
a) A instalación por vez primeira do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación das mesmas.
d) O cambio de titularidade do establecemento. - Entenderase por establecemento industrial ou mercantil, toda edificación habitable, estea ou non aberta ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:
a) Se dedique ao exercicio dalgunha actividade empresarial, fabril, artesán, da construción, comercial ou de servizos que estea suxeita ao imposto sobre actividades económicas.
b) Aínda sen desenvolverse aquelas actividades, sirvan de auxilio ou complemento para as mesmas, ou teñan relación con elas de maneira que lles proporcionen beneficios ou aproveitamentos, como por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudos.
Artigo 2.- Suxeitos pasivos
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.
Artigo 3. Responsábeis
Os supostos de responsabilidade, xa sexa subsidiaria ou solidaria, serán os previstos na normativa tributaria.
Artigo 4. Beneficios fiscais
Non poderán recoñecerse outros beneficios fiscais que os expresamente previdos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.
Artigo 5. Base impoñible
Tomarase como base para a determinación do importe desta taxa:
a) A cota mínima municipal do Imposto sobre Actividades Económicas, cando esta sexa de contía fixa e apareza como tal directamente consignada nas tarifas do Real decreto lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro, polo que se aproban as tarifas e a instrución do imposto sobre actividades económicas.
b) Nos casos no que a tarifa do imposto sobre actividades económicas establézase en función de elementos tributarios, a base impoñible será o resultado de multiplicar por 5 euros a superficie total do local, independentemente do número de actividades realizadas, determinándose a dita superficie en función do establecido na Regra 14.1.f) do Real decreto lexislativo 1175/1990. Este mesmo criterio utilizarase nos casos de ampliación do local. Cando se trate de solicitude de licenza para nova actividade, sen ampliación do establecemento nin cambio de titular, considerarase como superficie a computar o resultado de dividir a total que
resulte da aplicación do anterior entre o número total de actividades desenvolvidas.
Artigo 6. Cota tributaria
- A cota tributaria resultará de aplicarlle á base impoñible os coeficientes que se sinalan neste artigo, en función da superficie do local onde se desenvolve a actividade, a categoría da vía pública na que estea situado o establecemento e do tipo de actividade a desenvolver.
- En función da superficie do local aplicaranse os seguintes coeficientes:
Locais de ata 50 m²....................... 1,2
Locais de 51 a 100 m²..................... 1,3
Locais de 101 a 200 m²................... 1,4
Locais de 201 a 500 m²................... 1,7
Locais de 501 a 1501 m²................. 1,8
Locais de 1501 a 3000 m²............... 1,9
Locais de más de 3000m²............... 2 - Establécense os seguintes coeficientes en función da categoría fiscal da rúa onde se sitúen os locais, segundo as categorías previstas na Ordenanza fiscal reguladora do imposto de actividades económicas:
CATEGORÍA COEFICIENTE
Rúas de 1ª categoría............. 1,4
Rúas de 2ª categoría............. 1,2
Rúas de 3ª categoría............. 1,0
Rúas de 4ª categoría ............ 0,9
Rúas de 5ª categoría ............ 0,8 - No caso de actividades sometidas ao Decreto 2414/1961, polo que se aproba o regulamento sobre actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas (RAMINP), sobre a cota determinada segundo o establecido nos dous apartados anteriores aplicarase un recargo do 100%.
- Cando o importe da cota tributaria resultante non supere os 200 euros ou, no caso das actividades sometidas ao RAMINP, os 400 euros esixiranse estas cantidades co carácter de mínimas.
- Nos casos de variación ou ampliación de actividade a desenvolver no establecemento suxeito, a cota será a que resulte por aplicación dos apartados anteriores deste artigo sen dedución algunha.
- Cando unicamente se proceda ao cambio do titular do establecemento, xa sexa por actos inter vivos o mortis causa, a cota tributaria calculada conforme ás regras anteriores reducirase nun 50%.
- A cota tributaria esixirase por unidade de local.
Artigo 7. Devengo
- Devéngase a taxa cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de apertura, se o suxeito pasivo a formula expresamente.
- Cando a apertura tivera lugar sen ter obtido a oportuna licenza, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o seu peche, se non fose autorizable.
- A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada de ningún xeito pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia ou desistencia do solicitante unha vez concedida a licenza.
Artigo 8. Normas de xestión
- A taxa esixirase ao presentar a solicitude que inicia a actuación administrativa, a cal non se realizará ata que se efectúe o pago de acordo co exposto no art.26.1.b) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba ao texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
- As persoas interesadas na obtención dunha licenza de apertura, logo da presentación no Rexistro Xeral da oportuna solicitude, practicarán a correspondente declaración no impreso oficial previsto e efectuarán o seu ingreso. Así, no Rexistro Xeral, presentarán xuntamente coa súa solicitude o xustificante bancario do ingreso efectuado.
- Se despois de formulada a solicitude de licenza de apertura se modificase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, se alterasen as condicións proxectadas para tal establecemento, se ampliase o local inicialmente previsto ou ben se produxese un cambio de titularidade, deberá practicarse unha nova declaración e presentarase á Administración Municipal co mesmo detalle e alcance que se esixe na declaración prevista no apartado anterior.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente modificación da Ordenanza, aprobada polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día 21 de outubro de 2005, aprobouse polo propio Pleno na sesión celebrada o día 20 de outubro de 2006 e, unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2007, producindo efectos ata a súa modificación ou derrogación.