Poesías varias (Francisco Añón)
Poesías varias Francisco Añón Paz 1878
Airiños d'a miña terra,
airiños, airiños, aires
airiños, levám'a ela.
Balada
Ay esperta, adorada Galicia,
D'ese sono en q'estás debruzada;
D'o teu rico porvir a alborada
Po-l'o Ceo enxergándose vay.
Xa cantando os teus fillos te chaman,
E c'os brazos en cruz se espreguizan...
Malpocados! O q'eles cobizan
É un bico d'os labios d'a Nay.
----------
D'ese chan venturoso arrincado
Pol'a man d'o meu negro destino,
Hastra mesmo soñando maxino
Eses campos risoños cruzar.
E correr po-l'as hortas e prados,
Onde leda pasou miña infancia,
Respirando a suave fragancia
De xasmin, caravel, azahar.
----------
Cóido ver esas rias serenas,
Escumando con barcos veleiros,
E cantares oir feiticeiros,
Que en ningures tan doces oín.
Inda creo sentir as labercas,
Que pineiran n'os aires cantando,
Cando o sol vay as nubes pintando
D'amarelo, de lume e carmin.
----------
O través d'aguzados penedos
Penso ver empinados petoutos,
Viñas, hortas, devsas e soutos,
Q'apouvigan os ventos d'o Sul.
E saltando regueiros e valos,
Cata xa outros bós horizontes,
Outros veigas, mariñas e montes,
Que se perden n'a brétema azul.
----------
Soño ahí q'entre verdes pereiras
Fouliadas alegres escoito,
Cando o Ceo se reviste de loito
N'as poéticas noites d'o bran.
E q'en medio de nenas garridas
Canta un mozo con voz pracenteira,
Para o lado tumbada a monteira,
Un-a orella tapando c'a man.
----------
Eu soñey ver n'a cume d'o Pindo,
Adornados de mirto e loureiros,
Escritores poetas guerreiros,
Que sorrindo se daban a man.
Eran eses os fillos mais caros,
Que d'a Patria aumentaron a gloria:
Os seus nomes n'os fastos d'a historia
Con diamante grabados serán.
----------
E dimpois un-a endrómena rara
Vin moverse con agoa fervente
E silvando com'unha serpente,
Como un lóstrego os campos cruzou.
Era aquel o porvir que xa soa
E d'as probes aldeas fay vilas...
Adios cantos e Musas tranquilas!
O imperio d'a industria empezou.
----------
Acordey... O meu soño dourado,
Como fume pasou de repente,
E magoado o meu peito se sente
De soidades e amor palpitar.
Marmurey- ¡adorada Galicia!...
(E d'os ollos chovíanme as bágoas).
¡Quén pudera beber tuas agoas,
E teus aires feliz respirar!!!
----------
De ti lonxe, querido corruncho,
Eu morréndome estou d'amargura,
Como a froita que vay xa madura,
E entre silvas o vento guindou.
¡Teño envidia d'a libre andoriña,
Q'ahí chega por todo-l'os mayos!...
¡Teño envidia d'as nubes e rayos,
Q'o Sudeste a esas terras levou!...
A ti voa entre ardentes suspiros,
Sobre as trémulas alas d'o vento,
A soidade d'o meu pensamento,
Que decote cravado está en ti!!
Por diversos paises que eu vaya,
Ti serás miña doce memoria...
¡Mesmo entrar non quixera n'a gloria
Sin primeiro pasar por ahí!!!