Prólogo de un libro de poemas que ninguén escribeu


"Prólogo de un libro de poemas que ninguén escribeu"       Manuel Antonio       25/7/1924
 


Galicia, diario de Vigo. número 569. 25 de xullo de 1924. p. 8.


            Quero n-o prólogo desprestixiar o autor d'iste libro. Inda que as miñas
vervas limiares lle concedan creto diante de alguén --ise alguén que sempre
atopa razóns pra se arredar do senso común-- pol-o menos diante de outros, que
serán os mais, desmerecerá d'abondo co-a miña presentación.
            
            O autor d'iste libro, a difrenza dos poetas da sua terra, tan homildosos
devotos da Santa, do Bardo e do Rebelde, non por asomellar-se a ninguén, e
moito menos o consabido trío. Fixo da sua independenza un sagro fanatismo, e
vel-eiquí o tendes só, ergueito e orguloso.
            
            Ten, ademais, o seu arte resoanzas futuristas, creacionistas, dadaístas
e non sei que mais, todas elas anárquicamente escolmadas e autocraticamente
peneiradas. El dí, a pesar d'isto, que o seu arte é mais racial que moitos dos
que campan a rentes do noso chan, pol-o temor de ver n-a estética do pobo o
esprito e non a letra (onde non marrará algún moderno impio que lle chame
retardado por ir d'acordo c'o vello aforismo bíblico).
            
            Botou-se ó traballo de facer un molde propio pro seu lirismo, sin
reparar n-o celeiro de moldes feitos que nos deixaron os inesquecentes
Precursores. Ista renonza ó valioso herdo das frases consabidas non deixa de o
por as vegadas en camiños d'apreto: ben veredes n-as follas d'iste volume os
seus poemas latexantes, indecisos, incorreutos. Mais él ainda ten o arroallo de
gabar-se d'isto cando di: Poeta d'intencións própias, pero non de realizacións
alleas.
            
            Parodiando a Xulio Camba, xa lle chamou alguén arredista d'aición
literaria: nunca foi a Madrí nin escribeu en castelán. Nin quer
"triunfar" (n-a conxugación madrileña do verbo) nin claudicar n-un
idioma mais fácil e mercadeiro, pero alleo. Encol d'isto, pensa que someter o
arte ás necesidades da vida, en troques de someter a vida ás necesidades do
arte, é a forma mais engullosa de filisteísmo.
            
            O ritmo dos seus versos non se pode levar c'os pés n-o piso nin c'os
cotelos encol da táboa; e él quixera facel-os decote de tal xeito que non
puderan ser declamados nin adeprendidos de memoria. Isto somentes, xa o leva
dereito a perder a ademiranza das amabres mociñas románticas e dos amenos
dilettantes de segunda man.
            
            Teñen en troques istes poemas unha antiburguesa incomodidade. Inútiles
como pasatempo, requiren certa colaboración auditiva, inda que non pertenzan
escrusivamente a "aristocratie nevropathique" do profesor Babinski.
            
            Esquenceu a gramática lóxica e a lóxica gramatical; os temas
consagrados, as formas invioladas. A sua única páxia romántica e o suicidio
do seu sentimentalismo.
            
            Entende a honradeza literaria escribindo somentes para sí. E tería
pol-a mais outa razón do seu aristocratismo que ninguén fose quen a recoller
por enteiro a sua espontánea espresión.
            
            Recomendo-vos antre os seus poemas o "Madrigal a Lúa preñada",
onde o poeta oferta o seu amor seisual a Lúa, probe nena burguesa a quen
volveron histérica todol-os castos poetas do mundo; a "Balada imprevista
dos pinos solteiros", "O sorriso dos (o)llos axionllados", e o
"Poema pra ler pasado mañán".
            
            Comencei decindo que desexaba desprestixiar o autor d'iste libro; non sei
si o conseguín, mais contando c'o gusto das nosos xentes, coido que sí.

            Trato de desprestixial-o por que coido que as persoas pra quens ten
prestixo o prestixo non deben ler iste libro. Ainda así e todo, os tres centos
por cen dos que o lean non-o deberan ler. Isto derradeiro di-o o autor; el saberá
por qué. Mais, o paso que levamos, poida que teña razón en coidar que o seu
libro está mais alá de tres xeneracións.


            Santiago do 1924.