Proel/O cego
< Proel
O CEGO
Nas suas mans primadeirales
que unxidas de alma leva,
os seus dedos sabios fían
na mazaroca da brétema.
O corazón do campo
reza nos seus ouidos,
letanías de cores
en poemas de soídos.
Baixo a ágoa estremecida
do seu violín labrego,
nun salayo agoniante
latexa un sol amarelo.
Diante d'el, na corredoira,
o verde vento do mar,
lle ofrece a sua man piadosa
de lazariño aldeán.
Os cadávres dos seus ollos,
que fan a sua vida tráxica,
entérreaos no cadaleito
da surrisa ensanguentada.
E o probe ceguiño
enloita a sua voz,
pidindo unha esmola
pol-o amor de Dios.